Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta xulgado. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta xulgado. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20160912

ESCUDOS DO PAZO DO XULGADO. Francisco José Campos Dorado

Estes tres escudos están situados na Praza da Constitución de 1812, hoxe Praza de Abaixo, sobre a fachada do antigo Pazo do ex-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, case facendo esquina coa rúa Amando Pérez.

 O escudo central é o escudo tal do Xulgado, que como xa dixemos do escudo de armas do Concello de Ribadeo, ten forma elíptica ou ovalada, como o das dignidades eclesiásticas, aínda que a partir do século XVIII algúns países suramericanos adoptaron para o seu escudo nacional esta forma ¿por qué?. Esta forma ovalada e bastante utilizada en medallas e condecoracións persoais de carácter militar e civil.
 O escudo está timbrado cunha “coroa mural de vila” ou coroa de torres, á vista cinco, propia desde a antigüidade da deusa Cibeles. Carece de adorno exterior ao campo e está gravado en pedra de cantería de grao medio, mantendo moi bo grado de conservación. Cibeles é a deusa da Madre Terra que personifica a terra fértil, deusa das cavernas, montañas, murallas e fortalezas da natureza, de aí que se represente cunha coroa en forma de muralla, e a súa imaxe porta unhas chaves que dan acceso as riquezas da terra. Cibeles asóciase coa fertilidade, coa curación de enfermidades e coa protección do seu pobo durante a guerra.
O escudo está cuartelado en catro, cuxo primeiro e cuarto cuartel son castelos e segundo e terceiro son leóns rampantes, figuras que representan os reinos de Castela-León. No escusón sobre o todo do abismo, ou peza que ocupa o centro ou corazón do campo, está o Escudo de Ribadeo: en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, coas gardas cara abaixo e a destra, surmontada por unha estrela de prata de cinco puntas a sinistra en xefe, e en punta augas de azur e prata.
 Nos escudos elípticos da fachada do Xulgado, un a cada lado do principal, hai unhas “estrañas estrelas” (fotos dereita) que son, di Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, páxina 7: “porque el escultor incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró en lugar de aquella (estrela), un hermoso rodete de espuela, que también podía ser un símbolo...” Efectivamente, a estrela de cinco puntas en xefe que significa o Norte, a Estrela Polar, do escudo de Ribadeo, foi substituída por un rodete de espola, que xeralmente póñano nos seus brasóns os cabaleiros, ou incluso espolas enteiras (como as armas dos Puga) cando gañaban un combate e recollían do campo de batalla, como trofeo, as espolas dos seus inimigos da cabalería mortos, e que servían como “recordo escrito”, igual que ocorría con bandeiras, pendóns, etc, para quedar lembranza da fazaña.
 Non solo hai este erro na composición dos escudos laterais, senón que, para que os escudos luciran “máis estéticos e simétricos”, un fixérono de dereitas e outro de esquerdas. Ou sexa, fixeron do escudo de armas de Ribadeo o que lles veu en gana, así, unha chave está en banda cara a sinistra (primeiro da dereita), e outra está en barra e mira a destra (último da dereita). Como din agora os rapaces, na linguaxe da rúa ¡están petaos! pero nada que ver coa normativa heráldica que lles corresponde.
Xa vimos anteriormente que hai versións do escudo de Ribadeo para tódolos gustos, pero a que máis se cinguía a forma heráldica normalizada, das armas de Ribadeo, era ó que estaba pintado nas carrozas dos Reis Magos: un escudo español, cuadrilongo redondeado en punta, timbrado coa coroa condal: un círculo de ouro, fornecido de pedrería, sobre o que descansan dezaoito perlas grosas, visibles nove, e en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, superada por unha estrela de prata de cinco puntas no centro en xefe, en punta augas de azur e prata en tres reas niveladas.
 Pero ás carrozas dos Reis Magos de Ribadeo, tamén chegou a globalización, e nestes últimos anos se lles desvirtuou o escudo ó timbralo coa coroa real, debido a ridícula moda do “café para todos”. Menos mal que os camelos seguen bebendo auga e non alcohol ou gasolina. ¿Por qué será que o natural nunca cambia? Di Xesús Taboada na súa Etnografía Galega (Galaxia, 1972), recordando a Sahagún: “para coñecer a alma dun pobo é preciso pescudar as súas crenzas, relixión e linguaxe”, e eu engadiría: “e a súa Historia real”.
 Recordemos, entón, algo da historia do antigo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo. O último Xuíz foi D. Antonio Gutiérrez Población, a quen se lle impuxo a Cruz de Segunda Clase de San Raimundo de Peñafort o 2-Xuño-1963, por man do Xuíz Comarcal de Ribadeo, D. José Manuel Muiña Fernández, en nome do Ministro de Xustiza. No homenaxe pronunciou un moi afectuoso discurso o secretario do noso Xulgado D. Emilio Calvo Juárez (La Comarca 9-Xuño-1963).
O Xulgado pasou a ser de Paz en 1965, pois queda vacante o Partido Xudicial de Ribadeo “por falta de xuíces ou aspirantes a servilo” (B.O.E. 26-Novembro-1965), e quedaron Ribadeo e Viveiro, incorporados o Xulgado de Mondoñedo. Unha vez restaurado o Xulgado de Viveiro, e continuar exercitando a súa función o de Mondoñedo, hoxe ámbolos dous contan con dous xulgados cada un, e a Ribadeo polo “arte de Birlibirloque” non se lle devolveu o seu. A expresión infantil non se cingue a Dereito pero expresa perfectamente o arte de facer desaparecer as cousas sen saber moi ben o como e o por qué, aínda que xa había antecedentes polémicos en 1872 (El Eco de Galicia, 17-Agosto-1872, ano I, Nº8) de que “o escribano de Mondoñedo” xa quería deixar sen Xulgado a Ribadeo.
 Hoxe Ribadeo desapareceu da escena xudicial, incluso cando a día de hoxe o Poder Xudicial, está pedindo que se abran máis xulgados en Galicia, posto que non hai dabondo, pero simplemente pola desidia, esquecemento, e desinterese administrativo de tódolos rexedores dos partidos políticos do noso pobo, que non loitaron nin loitan nada, pero nada en absoluto, pola volta do noso Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, estamos sen el, e desto podemos dar fe os membros da antiga directiva de “O Tesón” que xa o 31-Decembro-2010 reunimos 1376 firmas dos veciños, e se mandaron o Sr. Ministro de Xustiza, D. Francisco Caamaño, xunto coa firma dos representantes dos partidos políticos daquela Corporación Municipal: BNG, PP, PSOE e UPRI. Na directiva de “O Tesón” esperamos todo o ano 2011 pola contestación deste Ministro, e nunca nos contestou. Foi ano de eleccións.
 Logo, dende “O Tesón”, continuamos coa loita de conseguir o Xulgado para Ribadeo, e fomos ao propio Ministerio de Xustiza de Madrid, onde expuxemos por escrito do 24-Febreiro-2012, a nosa reiterada petición. Contestounos rápido e moi amablemente o 6-Marzo-2012 a Sra.Dª Cristina Coto del Valle, Directora do Gabinete do Ministro Sr. Ruiz Gallardón, que trasladou a cuestión presentada a Secretaría do Estado.
A Sra. Dª Isabel Tarazona Lafarga, Subdirectora Xeral de Organización e Coordinación Territorial da Administración de Xustiza, a quen lle agradecemos profundamente a súa pronta contestación, por carta de 23-Marzo-2012, dicindo que: “o Goberno tiña como obxectivo prioritario acometer a reforma xeral da demarcación e da planta xudicial... pois a actual estrutura organizativa e territorial non é a máis adecuada a realidade actual, tratando agora de dotala de outra máis flexible, inspirada en criterios de racionalidade e eficiencia”.
 Contestamos en 11 de Abril de 2012, aportando documentación antiga para acreditar o dereito histórico de Ribadeo, que desde 1832-34 xa estaba implantado como Partido Xudicial no Reino de España. Axuntouse documentación de Expurgos Ordinarios e Extraordinarios que se levaron a cabo nos Xulgados de Primeira Instancia Municipais e Comarcais desde 29-Maio-1911 ata 1932, polo que só restaban cartafoles desde 1933 ata 1965 do Xulgado de Ribadeo, no Arquivo do Xulgado de Mondoñedo, en perfecto orden cronolóxico. (Nota: os Expurgos consistiron en levar todo canto legajo de papel había nos arquivos dos xulgados, entre certas datas, para reciclar o papel para publicacións do Ministerio de Xustiza. O 2-Xullo-1963 cargábanse en Lugo 3808 kg destes papeis. Non é de estrañar, por tanto, que en Galiza, ou en Ribadeo, esteamos tan escasos de documentación histórica. Fana desaparecer). Nós desde “O Tesón”, para acreditar a antigüidade do noso Xulgado, mandamos fotocopia do Folio 59 do Libro I, da Lista de Barcos e Embarcacións da Axudantía ou Capitanía Marítima de Ribadeo, correspondente a Fragata Casas, onde consta que en 1861 e 1869, se fixeron dilixencias e tramitacións xurídicas para o armador deste barco, desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo.
 Dª Isabel Tarazona Lafarga, contestounos o acuse de recibo a 8-Maio-2012, e dicíanos o respecto que “1) A implantación do Xulgado implicaría a creación, mediante lei, dun novo Partido Xudicial. 2) O Goberno pretende unha reforma xeral da organización da xustiza a fin de que sexa máis racional e eficiente. Para levar a cabo dita reforma o Consello de Ministros nomeou unha Comisión Institucional constituída por membros destacados dos distintos colectivos que colaboran coa administración de xustiza. 3) O tema proposto ha de ser estudado e valorado de acordo os criterios da mencionada Comisión”.
  Desde “O Tesón” contestamos o 23-Maio-2012 a Dª Isabel Tarazona dándolle as máis expresivas grazas polas súas dilixencias, e demos copia do tramitado a tódolos partidos políticos da Corporación Municipal e quedamos a espera da resolución da antedita Comisión. Para rematar, non debemos esquecer que o Partido Xudicial e moi importante para Ribadeo pois determina a sede e a demarcación dos xulgados, así como tamén, antigamente foron, os que determinaban aos Deputados Provinciais e moitas outras entidades e asociacións, distritos electorais ou demarcacións de contribucións e servizos. A día de hoxe a Asociación de Veciños “O Tesón” está desaparecida, e polo que parece para este asunto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, a Corporación Municipal tamén está desaparecida. Como se sole dicir: “¡veciños, éche o que hai!”, pero se non se pelexa polos dereitos que temos, ninguén nos los vai traer a casa.

20110811

Sobre o xulgado. Nota de prensa da AVV O Tesón 20110810

Recollido de http://o-teson.blogspot.com/2011/08/sobre-o-xulgado-nota-de-prensa-20110810.html
Hai xa un mes, o 13 de xullo, que a AVV O Tesón presentou no concello un escrito foi preguntando polo Xulgado. Nel facíase lembranza de que o 31 de decembro do pasado ano foi asinado polos representantes políticos, con destino a D. Francisco Caamaño, Sr. Ministro de Xustiza, un documento con sinaturas, con 1376 sinaturas, encamiñado a conseguir o retorno do xulgado de primeira instancia a Ribadeo, nunha campaña que foi promovida pola asociación veciñal. A prensa testemuñou daquela a presenza de representantes de tódolos grupos políticos, presentes naquel momento e na actualidade nos plenos municipais. As sinaturas foron enviadas por correo o primeiro día do ano, e foi notificada ós medios e tamén de xeito oficial a súa consecución e o seu significado.
Dende o fin de ano pasaron moitas cousas en Ribadeo e en España. Non só o tempo, máis de sete meses, senón tamén cambios na corporación muncipal despois das eleccións, ou a convocatoria de eleccións xerais a nivel estatal para o próximo 20 de novembro. Pero, no tema do xulgado, que pasou? Dende aquel momento, e despois dunha campaña pola nosa parte encamiñada a conseguir o máximo de sinaturas e impulsar a petición, non se soubo nada máis do tema. Que información hai sobre os trámites seguidos pola corporación ou outra instancia diferente do concello, en relación a conseguir a volta do xulgado a Ribadeo? Ningunha. Que se fixo? Temémonos que nada. Suxiriuse no seu momento unha moción de apoio no pleno, procurouse unha unidade para que os políticos saíran na foto manifestando o seu apoio. Ata agora, nada. E, mesmo pasado un mes da presentación do último escrito, tampouco resposta a el polo momento.
Sabemos que a recuperación do xulgado, despois de case medio século, non é cousa pequena. Así, houbo iniciativas anteriores, sen procurar o apoio popular, de cara a conseguir a súa volta, sen éxito. Pero tamén sabemos que se pode facer. Naquel momento, tamén a Viveiro reitrouselle o xulgado. E retornou ó cabo dun tempo. A Ribadeo, non.
Mentras, temos unha oficina xudicial na Praza de Abaixo de Ribadeo, cun Xuíz de Paz, cargo ocupado na actualidade por Victor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín. Ocupa unha casa enteira. E está destartalada. Calquera que se achegue alí a algunha das poucas xestións xudiciais que se poden facer, poderá atoparse un edificio que foi magnífico nun estado de abandono que non encamiña a pensar na consecución dun nivel superior de servizo. Quizáis por aí se podería comezar a manifestar a querencia do xulgado por nosos representantes: urxindo a que as instalacións actuais sexan mantidas e adecuadas, facilitando de paso o acceso á xente maior ou impedida, facilidade que nunca tiveron.
Outro 'mentras': Mentras o que se busque sexa o non moverse para saír na foto, non será doado que Ribadeo volte a ter un xulgado que a poboación reclama.
Por último, un detalle: Pode ser que Ribadeo non teña dereito ó xulgado. Nese caso, debería demostrarse que ten menos dereito que outras poboacións que si o teñen. Pode ser que as novas tecnoloxías o fagan innecesario. Iso é voltar á mesma resposta anterior: sería menos necesario que noutras poboacións que si o teñen? Mentras esa demostración non teña lugar, os políticos que nos representan non están facendo os seus deberes nesta materia.

20160512

Xulgado o estado do xulgado

Interior dos locais do xulgado de Ribadeo, onte.

Hai xa máis de medio século que Ribadeo saltou da lista dos partidos xudiciais da provincia que se estudaban naqueles tempos. Dende aquela, o xulgado é de paz. E en paz quedou. Coido que o movemento máis importante para tentar recuperar o xulgado de primeira instancia e instrución foi o que realizou o Tesón, con apoio amosado por sinaturas por parte da cidadanía pero que non se viu moi apoiado institucionalmente máis aló da foto da día de fin de ano (31 de decembro de 2010), como para felicitar as festas.
Todos de acordo
Esa historia pode recuperarse a traverso do blog, ca etiqueta 'xulgado': http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/xulgado
Mais o abandono da loita polo xulgado parece que vai máis aló. Nun xulgado de paz onde o persoal depende da Xunta e o edificio é do concello, non se entende moi ben como, despois de protestas diversas, mesmo a traverso de sindicatos, polo estado do local, quen vaia por alí se atopare isto:
Unha esquina. Non inclúo os baldes preparados para recibir a auga que se filtra por 'pudor alleo'.

Ó chegar ó piso alto

Subindo as escaleiras

Recepción ó entrar no edificio
Máis aló de que a maioría de asuntos que se levan en Mondoñedo saen de Ribadeo, e que polo tanto a distribución debera ser outra, parece evidente que manter o edificio así implica unha deixadez coa xustiza que non se corresponde con querer recuperar unhas instancias xudiciais que se foron hai tempo. Nin tampouco coa consideración que xustiza debe ter nunha sociedade equilibrada. Sexan de quen sexan 'as culpas' a nivel institucións ou partidos.

20101103

Xulgado, mellor hoxe que mañá

... e non me estou a referir á velocidade de aplicación de xustiza (que é xa sabido pola pedagoxía que mellora en calidade de resultados coa rapidez sempre que non se perda polo camiño a propia xustiza), senón á (re)petición/reposición dun xulgado para Ribadeo. Estánse a deixar xa en diferentes lugares follas para asinar co seguinte escrito:
"
Á atención do Sr. Ministro de Xustiza, D. Francisco Caamaño
Non dispoñendo Ribadeo de Xulgado de 1ª Instancia e Instrución dende 1965, e téndose incrementado relativa e absolutamente a importancia da vila ribadense neste período, estimando ademais que concorren as circunstancias características que se avalían para atribuír un xulgado deste tipo, e mesmo en mellor posición que outros xulgados concedidos recentemente, as persoas abaixo asinantes esixen a apertura da tramitación correspondente para que se recobre en Ribadeo o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución.
"
O certo é que despois duns 45 anos, o xulgado non se ve máis cerca. A iniciativa tenta cortar desavenencias cara ás eleccións, para que non se use o xulgado como arma arroxadiza contra os demáis, perxudicando todos a causa.

20110102

Entregáronse as sinaturas para que o Xulgado de Primeira Instancia retorne a Ribadeo

... de onde nunca se debeu deixar marchar...






















A nota de prensa de O Tesón:

AVV O Tesón
Nota de prensa
20110101

Onte, 31 de decembro, ás 12 da mañá, tivo lugar a sinatura conxunta por parte de representantes de tódolos grupos políticos representados no Concello de Ribadeo do escrito de acompañamenteo ás 1376 sinaturas recollidas para axilizar a volta do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción a Ribadeo. A sinatura foi levada a cabo por Pancho Campos, Presidente de O Tesón, e polos concelleiros electos Fernando Suárez, Begoña Sanjurjo, Balbino Pérez e Paco Rivas, simbolizando así o apoio de tódolos partidos.
A Asociación de veciños O Tesón, como promotora da iniciativa, a máis de asinar o mesmo escrito e presentar as sinaturas para o seu envío a Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, presentou diante de tódolos presentes no rexistro do concello unha petición para tratar en pleno o tema, en dúas formas diferentes: A renovación da petición do Xulgado e o apoio e recoñecemento ás sinaturas recollidas.

Así pois, comeza o 2011 cun novo pulo a favor da recuperación de cousas perdidas por Ribadeo, sabendo que non é doado, pero entre todos o podemos conseguir. A unión á que se pode chegar, representada nas fotos arredor das sinaturas conseguidas, da unha esperanza neste comezo de ano de que se poda conseguir un futuro mellor para Ribadeo e os ribadenses.

Documentos adxuntos:
Carta enviada ó Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño
Escrito ó pleno para renovar a petición de xulgado e apoio ás sinaturas
Portada libro de sinaturas
3 fotos de xente presente no acto: políticos de tódolos partidos e 3 representantes da AVV O Tesón (do centro á beira da foto, Arturo Linares, Pancho Campos e Antonio Gregorio)

Escrito a Francisco Caamaño:
Quienes abajo firman, representantes de los partidos políticos presentes en la corporación municipal de Ribadeo y de la AVV O Tesón, promotora de la iniciativa y con dirección postal Aptdo. 92, 27780 Ribadeo,
Presentan ante vd. las firmas recogidas por la asociación vecinal con el propósito de agilizar la petición correspondiente para que Ribadeo recupere el juzgado de 1ª Instancia e Instrucción (en nº de ).
En todas y cada una de las páginas de firmas se puede leer:
“Non dispoñendo Ribadeo de Xulgado de 1ª Instancia e Instrución dende 1965, e téndose incrementado relativa e absolutamente a importancia da vila ribadense neste período, estimando ademais que concorren as circunstancias características que se avalían para atribuír un xulgado deste tipo, e mesmo en mellor posición que outros xulgados concedidos recentemente, as persoas abaixo asinantes esixen a apertura da tramitación correspondente para que se recobre en Ribadeo o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución.”
[“No disponiendo Ribadeo de Juzgado de 1ª Instancia e Instrucción desde 1965, y teniéndose incrementado relativa y absolutamente la importancia de la villa ribadense en este período, estimando además que concurren las circunstancias características que se evalúan para atribuír un juzgado de este tipo, y mismo en mejor posición que otros juzgados concedidos recientemente, las personas abajo firmantes exigen la apertura de la tramitación correspondiente para que se recobre en Ribadeo el Juzgado de 1ª Instancia e Instrucción”]
Documentación que presentamos ante vd. con el fin propuesto.
En Ribadeo, a 31 de diciembre de 2010

20171228

Xulgando o xulgado

Hai máis de ano e medio unha entrada no blog titulábase 'xulgado o estado do xulgado', coa foto que adxunto. Era unha entrada máis das que se viron no blog sobre o xulgado, complementarias das que tamén viron á luz no blog de O Tesón, en ambos casos mesmo antes a recollida de sinatura que se fixo no ano 2010.
E como segue agora o tema? A resposta é sinxela: peor.
Por unha beira, o deterioro do edificio do antigo concello, onde se asenta hoxe o xulgado de paz, segue a deteriorarse, malia as chamadas de atención mesmo no estudo dos escudos da súa fachada. De tal xeito que onte estivo sen luz ata mediodía, amañada de xeito provisional por un funcionairo do concello, e cunha apariencia peor ca da foto que se amosa, de hai máis de ano e medio.
Pola outra, o nulo apoio político da reivindicación iniciada polo Tesón en pos do retorno do xulgado de primeira instancia e instrución, que perdeu hai xa máis de medio século (1965), fai que a posibilidade dunha recuperación se vexa cada día máis lonxe. As dúas imaxes a continuación, de 2010, non tiveron renovación posterior a pesar da viaxe do Presidente de O Tesón a Madrid.

E nesas seguimos: un sindicato, a CIG, pretende unha solución provisional: outro local. Mentres, o público segue abandoado, e a xustiza, tamén.

20151021

Fai Sol! Non, chove! (dentro)

'Os astros' decidiron un conxunto de novas hoxe. Vexo pola fiestra un día radiante, deses nos que se apreza máis o Sol porque a atmosfera non está moi quente. Mais a nova é que chove: chove no interior do Xulgado de Paz de Ribadeo. O concello distribuiu unha nota de prensa... dicindo que se leva reclamando o Xulgado de Primeira Instancia 15 anos, os xornais publicaron... como se fora algo novo, e nin o concello nin os xornais lembran nas súas notas a falta de apoio a un esforzo de O Tesón, só recoñecido de palabra para unha foto:
A foto encádrase nunha campaña de actividades de O Tesón para axudar á volta do xulgado de Primeira Instancia a Ribadeo. Axudar porque a asociación non era nin é unha institución que poidera servir como contraparte para unhas conversas formais co Ministerio de Xustiza e poder rematar a faena. A foto representa un momento importante nesa loita: a entrega de sinaturas coa petición o 31 de decembro de 2010. 1376 asinantes que non foron respaldados con feitos pola administración cuxos representantes se presentaron para a foto, manifestando así un apoio imaxinativo (de imaxe).

























A outra ilustración tamén corresponde á entrada dese día: a carátula do documento coas sinaturas.
Entre outras actividades, Pancho Campos, o Presidente da AVV O Tesón viaxou a Madrid para entrevistarse no Ministerio, fixo pesquisas en Mondoñedo... Pero nos 15 anos que manifesta a nota de prensa do concello non houbo un esforzo correspondente nesa institución. E así seguimos. Non só segue sen aparecer o Xulgado de Primeira Instancia desaparecido hai 50 anos, senón que está caendo auga polo Xulgado de Paz.
É certo que a situación naquel momento, e máis xusto despois co novo plano do Ministerio, non era moi propicia, pero é que a xente móvese ben para conseguir algo cando a situación non é propicia. Se o é, non lle fai falta moverse moito para conseguir o que quere...
...
Sobre o xulgado en Ribadeando.

20120303

A loita polo xulgado continúa: nota de prensa de O Tesón

De http://o-teson.blogspot.com/2012/03/loita-polo-xulgado-continua.html
AVV O Tesón
Nota de prensa

Ribadeo, 20120303

O 31 de decembro de 2010 a AVV O Tesón culminou a recollida de sinaturas para pedir o retorno do xulgado a Ribadeo coa 'foto' dos representantes políticos e posterior entrega da documentación no concello. Asemade, deuse traslado directo a Madrid, ó Ministerio, das xestións realizadas e a petición dun xulgado para Ribadeo.

O pasado ano 2011 non se recibiu ningunha contestación do Ministerio, a pesares de ser lembrado o envío e requerida información, nin se observou absolutamente ningunha disposición pola labor polos mesmos políticos que apoiaron nominalmente e apareceron na foto citada.

En consecuencia, a directiva da AVV, e dado o cambio de goberno de finais do pasado ano, decidiu tomar de novo a iniciativa e a pasada semana o Presidente da Asociación, Pancho Campos, viaxou a Madrid para facer diferentes xestións nese sentido no ministerio que na actualidade preside Alberto Ruíz Gallardón.

Lémbrase que o motivo citado para a perda no ano 1965 do Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción en Ribadeo foi 'a falta de xuíces', que na mesma data fóille tamén retirado o xulgado a Viveiro, téndoo recobrado hai longo tempo, e que a poboación de Ribadeo está en máximos históricos, estimando que o movemento que se observa na vila xustifica o retorno desta instancia, respaldado ademáis por un dereito histórico.

Así as cousas, foi cursada unha petición de audiencia ó sr. Ministro que esperamos sexa respondida en breve.

20180516

PRIMEIRA DENUNCIA NO XULGADO DE MONDOÑEDO DUN PACIENTE DESPOIS DE AGARDAR CASE DOUS ANOS PARA FACER UNHA PROBA DE ESFORZO SEN QUE O CHAMARAN NEN LLE DERAN UNHA SOA EXPLICACIÓN.


O paciente presentou unha reclamación hai un mes no hospital máis non lle fixeron caso, polo que acudiu ao Xulgado de Mondoñedo o pasado 11 de maio.
O paciente ten colocado un stent, segundo relata, na arteria coronaria dereita desde o ano 2006 e precisa ser controlado con probas de esforzo. A última vez que fixo unha foi en xullo de 2015. Como estes controis deben ser anuais tocaríalle en xullo do ano 2016, máis case dous anos despois segue sen ser chamado e sen recibir explicación algunha por parte do SERGAS. Acudiu a Atención ao Paciente en varias ocasións pero, como ven sendo habitual fixéronlle caso omiso. Por iste motivo decide contactar coa Plataforma Sanitaria que lle axuda a redactar unha reclamación rexistrada o día 19 de abril de 2018, con número de entrada 1887.Pasado case un mes desde a súa presentación o paciente segue relegado ao esquecemento por parte da xerencia. A gota que colmou o vaso e que lle empurrou a acudir ao xulgado foi que, cando o pasado mes de abril acudiu á farmacia a retirar a medicación que invariablemente toma desde o ano 2006 “atópome coa sorpresa de que me modificaran a dose dun deles sen previo aviso e sen que ninguén me informara de nada nin fora visto por médico algún. Cando lle preguntei á miña médica de familia, gran profesional e con gran interese polos seus pacientes, díxome que ella recibira ordes escritas de tal cambio“- comenta visiblemente enoxado. O paciente presenta un escrito de denuncia no Xulgado de Mondoñedo o día 11 de maio de 2018 e inmediatamente despois contacta de novo coa Plataforma anunciando que desexa acudir aos medios de comunicación e acusa “á Xerencia do Sergas e á Xunta de Galicia de desprezo aos pacientes pois parece que o servizo de Saúde Pública está en mans de políticos manipuladores da nosa saúde polo simple feito, segundo se lles oe dicir, para aforrar cartos”- relata o paciente na súa denuncia.
Para a Plataforma Sanitaria este caso supera con moito os límites tolerables e a paciencia infinita que @s veciñ@s están a amosar cara á administración que día tras día devolve esta consideración en forma de desprezo, burla e falta de respecto. Desde este colectivo esiximos a esta Xerencia e ao Sergas que se deixe xa de propaganda ambigua e autocomplacente e que se poña a traballar de verdade nunha xestión en función das necesidades da poboación sen primar criterios economicistas porque “todo ten un límite e a paciencia de pacientes e profesionais esta a punto de esgotarse , e cando isto ocorre nunca se sabe por onde pode estoupar a indignación veciñal”- conclúen desde a Plataforma.

20110322

E onte, pleno

Con pouca asistencia, e menos despois do ecuador, tivo lugar onte un pleno longo en puntos, de duración 2h e media ó que faltou Horacio Cupeiro, contando pois o BNG con só tres edís no mesmo. O pleno non foi polémico, senón máis ben de acordos xerais e outros de xeometría variada respecto a anteriores ocasións, e nel tampouco se presentou unha moción conxunta sobre a petión de retorno do xulgado a Ribadeo.
A relación de asuntos foi:
1.Aprobación da acta anterior
2.Decretos da alcaldía
3.Cambio de representante do PP nunha comisión
4.Representantes na mesa local de comercio
5.Adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica
6.Aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica.
7.Modificación da taxa de servizo do mercado
8.Cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal
9.Convenio con Coniproma
10.Convenio con Coniproma e Anselmo
11.Aprobación inicial de convenio con Isabel Arias
12.Escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón
13.Aprobación de novo trazado de camiño en Arante
14.Moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres
15.Proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA
16.Moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono
17.Rogos e preguntas
Asemade, ó final, deuse contestaciónás tres últimas preguntas de O Tesón, esquecendo as anteriores, de hai xa catro meses, que esperemos sexan contestadas no seguinte ordinario...
En canto ás preguntas contestadas neste, fórono ausentándose primeiro Balbino Pérez e logo outra representante do PSOE:
Do xulgado e as sinaturas presentadas, non se sabe nin se fixo nada, nin se recibiu acuse de recibo. Tampouco sobre o actual edificio adicado ó xulgado, e non se espera facer nada pois quedan dous meses para as eleccións e poderíase comprometer un futuro equipo de goberno.
No relativo ó mercado, o alcalde entende que a pregunta é referente a manteiros actuando nel, e di que a policía Local e o encargado do cobro teñen orde de levantar inmediatamente os postos que non paguen.
En canto ás dúas comisións, aclara que non é responsable o que digan os representantes, pero que lle consta que a nova comisión está ben constituída, aínda que non ten todos os detalles. A subvención de 2010 serálle pagada á anterior comisión, e aclara asemade que non quere entrar en polémica sobre o tema.
O desenvolvemento dos puntos, despois de aprobada a acta, pasou polo detalle de varios decretos da alcaldía preguntados polos diversos grupos, quedándome con dúas facturas por un total de 1 400 € para o mantemento do ascensor da Atalaia (que sairía despois tamén a conto de cartos), 6 000 € para o aluguer da carpa (só) para o mercado do Nadal, 6 189 € para a Mancomunidade de concellos da Mariña, da que se preguntou se seguía a funcionar e se era a cantidade correspondente a un pago ou a varios (resultou ser de varios anos, pero sen especificar), os 10 000 € de custe do novo vestiario (completo, incluíndo por exemplo, botas) da Policía Local e a devolución de varias cantidades, a maior, de 500 € a varios mercaderes dos mércores a raíz da sentenza do contencioso administrativo que lle deu a razón ó concello sobre o sistema de cobro pero axustou que algún cálculo estaba mal feito.
O cambio de representante do PP nunha comisión non tivo discusión.
Os representantes na mesa local de comercio son necesarios para a constitución da mesma. Son 'representantes natos' na mesa o alcalde e o secretario, e está estipulado que haxa un representante da Unión de Consumidores de Ribadeo e outro de ACISA, así como 1 representante da administración autonómica e dous do concello. Foi proposto polo alcalde que foran representantes dos dous grupos maioritarios, e por UPRi que foran un do goberno e outro da oposición, retirándose da votación para este segundo o propio goberno. Comentario de Andina a conto de repetidas acusacións de pacto PP-BNG: 'entendo que tenten aunar esforzos, ainda que non teñen pacto'. O PSOE tenta meter a proposta de que cada grupo presente o seu candidatos, pero non é aceptado por secretaría ó contravir a normativa de funcionamento a presentación no momento. é aprada a proposta da alcaldía por 7 (BNG-PP) contra 5 (PSOE-UPRi), o mesmo resultado que na elección de candidatos: Vicente Castro e Jesús López. Unha nota: neste punto e noutro posterior non pode deixarse pasar a súa relación co regulamento de participación cidadá, pois trátase de comisións participativas, pero a nivel de participación empresarial
A adhesión ó convenio Xunta-Fegamp sobre administración electrónica e a aprobación inicial da ordenanza de administración electrónica foron por unanimidade.
A modificación da taxa de servizo do mercado foi aprobada cos votos en contra de UPRi, quedando o pago mensual os primeiros mércores e non establecendo pago para os domingos. Houbo algunha discusión por discrepancias, aportando UPRi, por exemplo, que así non se pagaría tódolos meses igual.
O cambio de nome da concesionaria do matadoiro municipal deu lugar a algunha intervención para aclarar que houbera unha compra societaria.
Os convenios foron aprobados sen discusión, o que deu lugar a unha felicitación do alcalde ós grupos por conseguir obxectivos dun xeito común.
O escrito de recoñecemento de dominio na parte posterior do colexio Sagrado Corazón solicitado por Mª Dolores Quelle Rivas a conta de Ramón Bustelo desestimouse por ver que en todo caso, correspondía o recoñecemento ó xulgado.
A aprobación de novo trazado de camiño en Arante non tivo dificultades. Unha observación: a obra será realizada polos veciños.
A moción do BNG polo plan de emprego feminino e apoio das mulleres (e contra o anteproxecto de lei da familia, considerado regresivo polo BNG) recibiu o apoio de tódolos grupos a excepción do PP, dando lugar a unha longa discusión J.Carlos-M. Luz. Recollo dúas citas: J.C. Andina: 'Este país ten un parlamento e nese parlamento fánse as leis' (en relación ó Parlamento galego). F. Suárez: 'O noso fracaso tal vez sexa o despertar de moita xente' (en relación ó fracaso do bipartito, que Andina puxera como proba de que a xente non quería a liña proposta pola moción do BNG). Foi aprobada por 8 (BNG, PSOE, UPRi) a 4 (PP)
A proposta da alcaldía da representación do concello na xestora mixta Concello-CCA, sendo proposta Begoña Sanjurjo a parte da correspondente ó grupo de goberno, por 7 (BNG-PP) a 5 (PSOE-UPRi)
A moción de UPRi para facilitar a instalación de empresas no polígono, incluíndo unha rebaixa do prezo das parcelas e o 50% de bonificación nas licenzas de obra foi rexeitada na súa urxencia polo resto dos grupos, alegando que para comezar necesita de informes técnicos e xurídicos, podendo ser nula de pleno dereito en caso contrario. Foi acusado tamén UPRi de ter sacado antes a proposta nos medios que dilixenciado a tempo no concello para que non fora por vía de urxencia, podendo seguir unha vía normal, respondendo Rivas que mañá (por hoxe) a presentarían para o próximo pleno, e a ver que facían entón.
En rogos e preguntas, menos extenso que outras veces, diversas cousas sobre farolas, espellos en puntos sen visibilidade, conservación de rúas e semellantes, incluída tamén unha pregunta sobre as visitas do ascensor da Atalaia, á vista de que de luz e teléfono foron 2 300€ en decembro e xaneiro, e tamén a formulación como pregunta por parte de Balbino da proposta de Eduardo Gutiérrez sobre a retirada dos 60 €, citando mesmo o refrán usado anteriormente por E.Gutiérrez: 'Morto o can, acabouse a rabia', o que foi contestado polo alcalde no sentido de que estaba en consultas, pero que a sentencia non dicía o que pretendía Balbino.
Nogtas de prensa do concello sobre temas do pleno:
Mercado
Administración electrónica

20230920

As Listas de Espera do SERGAS. Pancho Campos Dorado

 

As Listas de Espera do SERGAS

Pancho Campos Dorado

Vou a contar un caso persoal que me pasou cos servizos do SERGAS, pois é posible que a alguén lle poida interesar o relato se se atopa en circunstancias parecidas.

En febreiro do ano 2006, sufrín un amago de anxina de peito estando navegando nun petroleiro de produtos naquel momento. Chegados a descargar ó porto da Coruña mandáronme facer un recoñecemento urxente ao Hospital Modelo por conta do Seguro do barco.

Despois dunha proba de esforzo e un eco-cardiograma non atoparon ningunha anomalía, pero en vista da miña falta de vitalidade evidente, procederon a facerme ese mesmo día un cateterismo e atoparon que a coronaria dereita estaba atoada nun 99,9 % da súa sección, segundo expresaron no informe, e inmediatamente me puxeron un stent. Estaba a punto dunha morte súbita. Daquela librei polos pelos, e estiven ben de saúde até que un maldito cancro de amígdalas tamén me apareceu un ano máis tarde.

Operáronme no Hospital da Costa de Burela o día 27 de novembro de 2007 e despois dunha operación de doce horas, outra de seis horas, outra de 5 horas e dúas de dúas horas, en semanas sucesivas. Delas recordo o magnífico trato e traballo cirúrxico que fixeron comigo os otorrinolaringólogos daquela época, especialmente ao Dr. José Antonio Martínez, sen esquecer a atención case fraternal que me prodigou o equipo de enfermería de Burela en todo momento. Logo de dous largos meses, tiven que facer o postoperatorio de quimio e radioterapia. Foi no Oncolóxico da Coruña, onde estiven internado e onde me atenderon con profesionalidade exquisita durante outros case catro meses de tratamento.

Pois ben. A revisión cardíaca a causa do stent seguina facendo cada seis meses no Hospital Modelo da Coruña, xa que tanto a doutora como o equipo que fixo o implante tiñan os seus arquivos nos seus ordenadores, e o seguimento cardiovascular sempre foi moi exhaustivo e puntual. A visita e recoñecementos na Coruña pagueinos sempre do meu peto, dado que non teño ningún seguro privado de saúde como era o que tiña o barco cando enfermei e me deixaron alí. Só teño o Seguro da Seguridade Social.

Paralelamente ós recoñecementos da Coruña, tiña que facer cada ano unha proba de esforzo no Hospital da Costa de Burela, pero aquí os prazos pasaban de ser anuais a prorrogarse a máis de dous anos, o que me levou a denunciar as Listas de Espera de Cardioloxía no Xulgado de Garda de Mondoñedo, e tamén xa no ano 2011 denunciaba publicamente a DES-Administración do SERGAS (https://www.ribadeando.com/2021/11/a-des-administracion-do-sergas-pancho.html e La Comarca del Eo, 6-novembro-2011)

Así as cousas, este pasado ano o día 27 de decembro de 2022, na revisión cardíaca semestral que facía no Hospital Modelo da Coruña, nun eco-cardiograma eventual que se me fixo apareceu un Aneurisma na Aorta Abdominal de 50 mm aproximadamente. Un tamaño crítico dado que está no límite de poder ser operado abrindo o abdome a ceo aberto ou mediante intervención endoscópica e cateterismo (perdón polos erros nos termos técnicos pois só coñezo os vulgarismos que empregamos a xente común). Había que facer un TAC de inmediato para saber do tamaño exacto, facer unha próteses á medida e proceder á intervención quirúrxica que se precisara.

Inmediatamente de chegar a Ribadeo, o día 29 de decembro pásolle o informe da cardióloga a miña Médico de Cabeceira como era habitual e rutinario desde facía 16 anos. Á vista do risco que entrañaba o dito no informe, a doutora, procedeu a solicitar un TAC de forma urxente, o cal me foi feito o día 11 de xaneiro de 2023, no Hospital de Costa de Burela. Logo a propia doutora fixo petición o 16 de xaneiro de 2023 “vía rápida” a Anxioloxía e Cirurxía Vascular para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Desde aquí darlle as máis expresivas grazas Dª Carmen Monterrey pola súa humanidade, dilixencia e atención que me facilitou.

No HULA, “estrañamente” (visto o caso agora, xa desde a distancia) danme cita para o 20 de Febreiro de 2023 para Cirurxía Vascular e Patoloxía Arterial. Aquí fanme unha auscultación e se me informa do procedemento da cirurxía endovascular dos aneurismas da aorta abdominal, en Cirurxía Maior Ambulatoria, en quirófano con ingreso en sala especial. Ou sexa demoraba o procedemento case dous meses desde o diagnóstico, até esta revisión. Estabamos en Febreiro, e a doutora falaba de operar antes do verano.

Son citado de novo no HULA o día 10 de Abril de 2023 para facer pola mañá análises de sangue, placas en Radioloxía e á tarde un completo e minucioso eco-cardiograma. No propio HULA danme cita para o 17 de Abril de 2023 para Consulta Preanestésica.

Debido a unha Folga de Médicos, a cita de Preanestesia posponse para o día 2 de Maio de 2023. A doutora anestesista comunícame do risco moderado-alto da intervención con anestesia xeral e as complicacións que poden xurdir, dado que se trata da aorta, un dos principais vasos sanguíneos do corpo humano e dáme instrucións para cambiar varios medicamentos días previos a operación.

O tempo da intervención seguiu dilatándose, pasou todo o mes de maio, tamén o de xuño, e despois de chamar repetidamente ó teléfono de Lista de Espera Vascular do HULA, para saber que pasaba coa miña operación, sempre moi amablemente e con voz pausada e moi educada, por suposto, me deron a escusa de que tiñan que chamar os médicos, que eles “non tiñan nada que ver coas demoras”, e moi “arteiramente” me dicían que firmei o 20 de Febreiro de 2023 para dar paso a intervención, polo que obviaban que dous meses antes de febreiro xa se fixera o diagnóstico. Así está a burocracia deste país galego rexido pola Xunta de Galicia do PP, que vai pasando as obrigas ao tellado dos demais, e o paciente cando se cansa de esperar, e vai incrementando a súa angustia ou o medo a ter unha peritonites mortal, como era o meu caso, acude sen demora á Sanidade Privada. Así funciona o negocio da Sanidade Privada subvencionada en grande medida con diñeiro de todos os galegos.

Eu non tiña medo ningún, pero cansado de esperar, o 12-xullo-2023, presentei unha denuncia nos Xulgado de Paz de Ribadeo, quen a súa vez a enviou ao Xulgado Decano de Lugo (sic). A denuncia ten por obxecto dar constancia de que non se está de acordo co tratamento administrativo e burócrata da sanidade galega rexida polo SERGAS, pero ademais, ten a valía de que a túa familia poida cobrar algunha indemnización do Estado, en caso de que tu morras pola neglixencia reflectida na propia denuncia. Facer valer os dereitos que temos como cidadáns e esixir responsabilidades as autoridades “competentes”. Por iso, galegos, denunciade sempre estas falcatruadas, para deixar aos teus algo no que poder agarrarse. Se non denuncias, quedas como un “probín” que se finou, sen máis. Ninguén che vai axudar a resolver os teus problemas.

Despois de ver que desde o Xulgado Decano de Lugo tampouco me daban ningunha explicación (até día de hoxe, nin me contestaron) fun directamente á Dirección Administrativa do HULA, onde fixen o luns, día 7-Agosto-2023, unha reclamación nunha Folla de Reclamacións e Suxestión do Servizo Galego de Saúde.

Por fin esta vez houbo sorte. Ao venres seguinte, día 12-agosto chamáronme e danme cita de ingreso para o domingo a tarde do día 20-agosto, para e ser intervido o luns 21 de agosto. Esa semana intermedia foi onde tiven que variar a medicación como xa me advertira tres meses antes a Médico Anestesista o día 2 de Maio.

A operación durou de oito da mañá a 1 da tarde, cinco horas. Parece que foi ben, pois ao día seguinte, 22 de agosto, a 1 da tarde mandáronme para a casa. Dorido, iso tamén. Quedan as revisións de outubro para ver se a próteses de 53 mm quedou no sitio ou se moveu. Xa veremos, espero que todo estea ben polo que me atinxe.

O caso é que tardaron oito meses desde o diagnóstico até a operación, unha demora impropia e de falta de dilixencia nas Listas de Espera. A política sanitaria non pode xogar impunemente coa vida das persoas. Pero xa vedes, incluso os Xulgados son cómplices das demoras, pois nin che contestan, nin toman resolución algunha, din que non teñen medios dabondo.

En fin, o meu consello é que denunciedes sempre. Galegos, temos que facer un Reino da Galiza igualitario para todos e posiblemente, aínda que non o saibamos, a algún falcatrueiro lle vamos a atanegar a cadeira na que está apoltroado, ou quizais, non serve para nada denunciar debido a que “está todo atado e ben atado”? Polo menos haberá que intentalo unha e outra vez, até dar no cravo.

20150113

Podemos deixar de ser dependentes.

Teño algún coñecido que insiste na vella provincia de Mondoñedo para afirmar a Mariña como entidade, lonxe do centralismo lugués. Hoxe a prensa lembroumo, con titulares como que os mariñáns peregrinamos a Lugo en pos de xustiza, a non menor peregrinación ó Hula para cuestións sanitarias, a conto de que queren que apoiemos que non se teña que ir á Coruña, ou sinxelamente con algo lóxico dada a actual estrutura vertical que mantén o estado para outras cousas: o comisario de Viveiro vai a Lugo para a conmemoración do 191 aniversario da Policía Nacional.
Alguén dirá que Lugo é a capital da provincia para algo. E si,  para algo é. Pero:
En relación ós xulgados, quitáronselle competencias á Mariña. E non creo ter necesidade de lembrar que Ribadeo leva sen un xulgado decente dende o 65 do pasado século, a recollida de sinaturas polo Tesón, e toda a historia para tentar conseguilo de xeito asociativo, despois de tirar a toalla na práctica dende as instancias políticas.
En relación ó Hula, parece que tampouco se pode ter un hospital completo na Mariña, que hai que lembrar que é a única zona vai aguantando o retroceso de poboación na provincia.
Si, o da viaxe do comisario xa sei que parece o dos vellos xornais ou semanarios que, como se pode observar nos vellos exemplares de La Comarca, daban nota dos viaxeiros partintes e arrivantes, pero o caso é que segue a haber unha comisaría en Viveiro, que, se se vai a Lugo, parece que quedará sen celebración 'adecuada'. Ou non?
Podemos deixar de ser dependentes: fómolo cando había menos medios, e estamos pagando un extra por vivir nunha comarca afastada do centro pero que contribúe por riba da media á construción provincial, en maior medida que o facía antes. Eficiencia, si. Equidade, tamén.
--
Algunha ligazón sobre o xulgado:
http://ribadeando.blogspot.com/2011/01/entregaronse-as-sinaturas-para-que-o.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2011/08/o-ultimo-intento-no-senado-para-traer.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2012/05/un-xulgadino.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/08/sobre-o-xulgado-nota-de-prensa-da-avv-o.html
Sobre o hospital:
http://ribadeando.blogspot.com/2013/03/unha-curiosidade-sobre-o-hospital-da.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/07/sanidade-na-marina-triunfalismo-e-verbas.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/02/que-non-ia-suceder-pois-sucedeu-nota-de.html
http://ribadeando.blogspot.com/2012/03/cachondeo-conta-da-sanidade-quen-cura.html
http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/un-artigo-sobre-sanidade-que-pasa-na.html
http://ribadeando.blogspot.com/2011/03/dous-anos-de-diferencia-duas-veces-o.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/sanidade

20101031

A charla de onte, a viaxe de pasado mañá e ... quizáis o xulgado dalgún día

Deixo adxunto unha nota de prensa de O Tesón:
AVV O Tesón
Nota de prensa
Ribadeo, 20101031

Cunha entrada de 30 asistentes finalizou onte día 30 de outubro o primeiro ciclo de conferencias que a AVV O Tesón mantivo durante todo o mes na Casa das Letras de Ribadeo. Os temas, que levaban por título xenérico 'Ribadeo e ...' foron o mar, o medio ambiente, o pintor Dionisio Fierros e o tempo (no sentido de temperie), e a súa acollida anima á asociación a anunciar xa un segundo ciclo para os venres do próximo mes de marzo, con contidos que serán anunciados máis adiante.

En canto á conferencia “Ribadeo e ... o tempo”, nela Luciano Zubillaga expuso en tres partes ben diferenciadas unha introducción ó tempo en Ribadeo. Na primeira, prólogo do conxunto, espuxo a dependencia que existe entre a nosa vida e o tempo e a importancia do método, esquematizando as partes posteriores.

Pasou logo a distinguir tempo de clima. É dicir, algo función non só do lugar, senón do momento (e que polo tanto pode ser igual en dous lugares momentáneamente aínda que non o sexa en xeral), distinguido dunha característica que define a un lugar ou conxunto de lugares. Posteriormente fixo un repaso dos aparellos meteorolóxicos que se usan na Pedro Murias, desde os sinxelos termómetros diferenciados pola súa colocación, ós máis raros heliógrafo ou anemocinemógrafo, para medir as horas de Sol o primeiro e para gardar o rexistro da velocidade e dirección do vento o segundo. Espuxo bases de análise do clima que non deixan de ser curiosidades para o cidadán, como o descenso da temperatura media a medida que se avanza en altura (do orde de 0,6ºC cada 100m, o que leva a temperaturas de -40 ou -50ºC a gran altura), ata a pregunta/resposta “clima agradable? - lugar adecuado”, que nos levou á situación do noso planeta arredor do Sol, ó seu xiro ou á influenza da atmosfera.

Na parte final, introducida por o xeito en que se realizan as medicións, mantidas por formalidade, veracidade e método no traballo, pasou revista ó detalle das observacións tanto no antigo complexo de Benquerencia como na Pedro Murias. Comezou co parte diario da estación manual, vendo como se cobre e o seu tratamento, por folla de cálculo e o seu envío a MeteoGalicia e AEMET para contrastar os datos das dúas estacións automáticas que funcionan na granxa. Seguiu logo cos datos mensuais e anuais e a análise de medicións recollidas na última década, da que resulta o 2004 o ano máis seco e o 2008 o máis húmido cunha precipitación prácticamente dobre, e a detalles máis concretos, como a análise da choiva no verán de 2010, calificable como seco para Ribadeo. Como final, centrouse nas medias meteorolóxicas, e destacou que na década a temperatura media fóra de 13,8ºC, cunha variación entre 17,4 e 10,2 para as medias das temperaturas máximas diarias e as mínimas diarias (é dicir, unha diferencia media máxima entre día e noite de 7,2ºC), así como que a media anual de choiva estableceuse en 932,7 mm.

Posteriormente houbo un turno de preguntas no que saíron diversos outros temas colaterais, como a conservación de datos meteorolóxicos dos primeiros tempos da Pedro Murias.

No acto, asemade, a AVV O Tesón deu dous avisos. O primeiro, o comezo da recollida de sinaturas pro recuperación do xulgado en Ribadeo, que se fixo ó finalizar a conferencia e que será extendida nos próximos días a diversos establecementos ribadenses, buscando a cohesión de pobo e partidos políticos, aglutinados en unha mesma dirección e evitando facer do xulgado un tema de loita política: é algo no que Ribadeo debe estar unido.

O segundo, o aviso doutra actividade da asociación, unha viaxe a Meira o próximo día 20, no que está previsto visitar a colexiata, o pedregal de Irimia e Fonmiñá, entre outros lugares. O custe (comida a parte) é de 10 € para socios e familiares próximos e 12 para a xente en xeral, apuntándose nos teléfonos 663749442 – 629806592 – 696200678 ou direitamente a un membro da directiva da asociación.

20211125

Para que os bancos non abusen... mellor, que indemnicen

    Onte foi mércores. E como tal, produciuse unha nova prevista en relación cos bancos en Ribadeo, e ademais, un 'bonus' imprevisto.

    O previsto, a manifestación diante de oficinas bancarias en Ribadeo, loitrando contra o abuso bancario. Esta vez, por tratarse dunha zona de alta densidade de oficinas, dunha tacada a concentración serviu a tres diferentes.

    A xente, algo máis de vinte persoas, fixo o recorrido entre entidades que non están separadas máis de cen metros entre si. Deixo abaixo o cartel de chamada e algunha foto diante de cada entidade.

    A outra nova, imprevista, tivo orixe no concello. A nota de prensa ó final da entrada dá conta dela. En resume: O concello, nomeado herdeiro de Francisco Moreda, viu que na herdanza tiña unha conta no B. Santander. Pero o banco non lle deixou acceder a ela nin para saber a cantidade dispoñible. Agora o xulgado remata de penalizar ó banco, dándolle a razón ó concello, a quen terán que indemnizar. Entre herdanza e indemnización, uns 85 000 €.





    

    Nota de prensa do concello:


SUÁREZ AGARDA AXUDA DA XUNTA PARA AS OBRAS DO HOSPITAL-ASILO

Indemnización ao Concello

24/11/2021

O Banco Santander terá que indemnizar ao Concello de Ribadeo por non permitirlle acceder ás contas de Francisco Moreda durante máis dun ano. Para o alcalde, Fernando Suárez, trátase dunha boa noticia "tanto por interese público como por orgullo e dignidade". Esa cantidade, uns 85.000 euros, sumarase ao resto da herdanza que este médico decidiu destinar ao Hospital Asilo.

O rexedor dixo que "hoxe empezamos cunha boa noticia tanto por interese público como por orgullo e dignidade. Acabamos de saber que o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Mondoñedo deunos a razón no preito contra o Banco Santander por non darnos acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano. Isto supuxo graves danos no patrimonio desta herdanza, por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor. Desde o Concello, como titular do Hospital Asilo, e por extensión responsable da xestión desta herdanza, nada puidemos facer durante todo o tempo que o Banco actuou neglixentemente ao non permitirnos acceso ás contas e aos valores".

Suárez Barcia manifestou que "o que si fixemos durante todo este tempo foron os requirimentos formais reiterados, motivados a través dos informes da Tesourería e da Intervención do Concello, indicándolle a ese Banco que podería ser responsable, como así acabou sendo, por esta actuación neglixente. Á vista desta inxustiza, contratamos a un bufete de avogados especializados en Dereito Mercantil, Zamorano & Peleteiro, quen viron que había motivos dabondo para recorrer á xustiza para defender o interese público".

O alcalde sinalou que "o Banco estivo moitos meses sen darnos acceso a todas as contas esixíndonos documentacións inxustificables e cuestionando se o Concello era o herdeiro lexítimo, algo que o resto de actores neste caso non o fixeron (nin a Notaría, nin o Rexistro da Propiedade, nin o Ministerio de Facenda, nin o propio Xulgado cando nos deu as chaves do piso que estaban na súa custodia, etc.). Finalmente, a xustiza, oídas ambas as dúas partes, recoñece a neglixencia do Banco de Santander e obrígao a indemnizar ao Concello, xa que esa entidade non pode erixirse en xuíz da sucesión cuestionando a calidade de sucesor do Concello nin as vicisitudes estatutarias ou orgánicas do Hospital Asilo, dado que o Banco carece de toda lexitimación para iso".

Fernando Suárez indicou que "segundo os nosos avogados, a falta da precisión exacta do montante, este pode ascender a uns 85.000 euros. Desde o Concello sentímonos aliviados con esta sentenza, sabendo que o interese público non se ve afectado. E tamén podemos dicir como moralexa, como non, que o dito de que a Banca sempre gaña, non é certo. Agora este montante económico sumarase ao resto da herdanza, que xa temos a bo recaudo da Tesourería municipal, e que se completará coa venda do piso, que aínda que quedou deserto nesta recente poxa, xa estamos traballando en sacalo proximamente a unha nova con un valor algo mais inferior".

O rexedor ribadense engadiu: "e con todo o que teñamos, sabemos que non ha ser abondo para o tamaño proxecto de reforma do Hospital Asilo que temos por diante, mais confiamos que desta volta, a Xunta de Galicia poña a diferenza para poder executar estas obras tan necesarias".

20110423

Algunha cousa

-Publicado en 'La Comarca del Eo' desta semana-
Achéganse as eleccións municipais. Chegan as promesas, pero tamén un motivo para voltar a vista atrás e complementar ou suplir a propia acción como cidadá. E con elo, facer repaso de moitas cousas transcorridas estes anos (non só dos catro últimos), ou que mesmo agora están a transcorrer e se proxectan cara ó futuro.
Poderían collerse moitas cousas diferentes. Quizáis as que veñen a continuación non sexan as máis importantes dentro das que están nas mans do concello (o da importancia depende tamén de quen a esteña a xulgar), pero levan no candeleiro meses (ou anos) e seguen sen solución, cando aparentemente non son problemáticas por haber un amplo acordo. Así, a residencia de maiores, as vidrieiras da capela do cemiterio, o Castro das Grobas, o xulgado, o ascensor da Atalaia, ...
Cada unha delas necesita un tratamento abondo máis amplo do que lles vou dar aquí. Tívoo. E teráo.
En canto á residencia de maiores, a comisión da plataforma constituída ó efecto acordou parar no periodo pre- e eleitoral, despois de asegurarse que tódolos partidos levan no seu programa o impulso para a súa construcción (seguro que se plasmará de xeito diferente, e haberá que ver as diferenzas), polo que, polo momento, deixo só o comentario de que o tema segue, aínda que haxa un paréntese anunciado.
En canto ás vidrieiras do cemiterio, despois da denuncia pública feita polo Tesón caeu o mutismo administrativo mentras a asociación comeza a impulsar un movemento cara á súa recuperación, á espera de que quen pode falar, fale. Pancho Campos xa ten recollido algún dato, mentres José Mª Rodríguez foi último en falar da situación, no seu blog e na Comarca. Así, Pancho contou as 600 pezas de vidro montadas de cada unha das vidrieiras enteiras (hai varias que teñen só dous dos tres corpos nos que están divididas). En total serían 4 000 pezas as montadas antes do destrozo. E as que hai que recuperar. Só esta cantidade, a parte da propia reproducción dos vidros cunha técnica que ten que ser complexa, ou da minuciosa montaxe necesaria, da unha idea do monto económico que pode supoñer o voltar as vidrieiras a un estado decoroso, o que pode rondar os 500 000 €. De onde se van sacar os cartos, quizáis dun seguro? Podería dar lugar á formación de xente que entenda do tema en Ribadeo e ó nacemento dunha industria relacionada? De canto tempo estamos a falar? Moitas preguntas, e poucas respostas polo momento. Respostas que haberá que ir dando, pero que ninguén -léase dentro da corporación municipal- pide
En relación ó Castro das Grobas, vai para dous anos que se fixeron as catas, das que se deron moi boas referenzas iniciais. Díxose naquel entón que se atoparan 300 pezas, pero tamén que cara a setembro (de 2009) entregaríase un informe completo do tema. Non sei se se entregou, a pesares de que tentei enterarme. Se o houbo (que supoño que si, por contrato coa xente que se encargou da escavación), difusión non tivo. Isa difusión sería o seguinte paso. Mentras, un lugar que pode servir de turismo de proximidade a Ribadeo, está a servir para encherse de novo de maleza. Fíxose algunha actividade para promocionalo (a parte das de O Tesón que focalizaron a atención sobre a paraxe)? Un díptico que indicara o lugar cun par de fotos do atopado? No seu momento díxose que se ía tapar de novo para evitar o roubo de posibles restos. Nin iso.
O xulgado de Ribadeo segue en Mondoñedo. Sinaturas si, foron recollidas polo Tesón. A foto da entrega das sinaturas para o seu envío ó Ministerio congregou a representantes políticos dos catro partidos políticos instalados na corporación en Ribadeo. A resposta de Madrid aínda non chegou, e terá que ser reclamada, a parte de que necesite unha entrevista, por exemplo. Pero a nivel local, tampouco houbo movemento: no seu momento, pediuse apoio, e de xeito oral, coido que todo o mundo presente na foto estivo de acordo con facer unha petición común no pleno, aínda que se dixo que xa houbera peticións anteriores. Iso foi o 31 de decembro. Pasaron xa máis de 100 días e dous plenos ordinarios, e a solicitude segue orfa pola parte política. Máis de medio século sen xulgado e o que virá aínda.
Se miramos ó ascensor da Atalaia, e deixando á beira cuestións como que sexa un ascensor panorámico que tapa o panorama, ten habido accións tentando paralo nas dúas corporacións implicadas, ou pedindo que se fixera un estudo de custes de mantemento. As respostas via pleno foron vacías. A día de hoxe, que saibamos, non hai dito estudo, pero si hai gastos, reflexados xa nos plenos pasados e que se poden consultar nos rexistros correspondentes. Díxose tamén que as instalacións ó pé podían albergar unha tenda de cara o turismo, que podería ter asemade información e mesmo botar un ollo polo ascensor. Polo momento non hai nada. O ascensor úsase (con diferenza grande entre épocas, non é necesario estatísticas para constatalo) pero desenvolvemento posterior non houbo. Un estudo de beneficios económicos que compensaran a súa construcción ou mantemento, tampouco.
E poderiamos seguir. Outro día.

20110521

Unha reflexión para a xornada

Aínda que a ilusión dunha revolución pacífica pode trastocar o sentido das eleccións, copio o que O Tesón enviou (a comezos de semana) para ser publicado (hoxe, xa veremos se sae) na Comarca:

Algunhas cousas para pensar
Dende O Tesón, como veciños que somos, vímonos decatando de diversas cousas no transcorrer de Ribadeo. Unhas veces, reciben publicidade, outras, a maioría, tentamos sinxelamente de que se fagan realidade. Van de cousas prácticas a outras que sinxelamente afirman a Ribadeo, pero sempre, que repercuten na vida de tódolos veciños dun ou outro xeito, de tal maneira que creemos mellorarían a Ribadeo.
Escribimos isto, días antes de que remate a campaña electoral, para facelo dun xeito xeral, e chamar a atención só dun puñado de cousas -poderían ser outras- tentando que todos reflexionemos de cara ó que pode ser o día de mañá en Ribadeo. Día de mañá que se pode extender durante catro anos.
Dende O Tesón estaremos pendentes para facer un seguemento dos programas, e, se é o caso, unha cualificación do cumprimento. Non é a primeira vez que o faremos, aínda que non se fixera público nas anteriores ocasións. Así, sinxelamente gardamos os programas destas eleccións o mesmo que o fixemos das anteriores, e lembrarémolos sen esperar ós catro anos, porque a democracia éo no día ó día, sen circunscribirse a un día cada mil cincocentos.
Dende hai anos pedimos unha interlocución fluída entre os políticos e os veciños. O resultado foi un Regulamento de Participación Cidadá, aprobado polo Pleno do Concello, que tratamos de axudar a facer sen que as nosas propostas acadaran a consideración necesaria -antes dese momento- que foi alegado -despois-, e polo de agora está en paradoiro descoñecido. Por outra banda, falamos de xeito informal con varios partidos, e o resultado non foi un compromiso real, senón só algunha idea para o programa electoral correspondente.
O retorno do Xulgado, que empuxamos mediante unha recollida de sinaturas ata o mesmo 31 de decembro do pasado ano, fixo posible unha foto de conxunto dos representantes políticos. Pero dende o 31 de decembro pasou moito tempo, e ata o momento, non hai un acordo do Pleno para apoiar as sinaturas enviadas a Madrid, nin tan sequera se fixeron xestións para adecentar o actual edificio asignado ó Xulgado de Paz. Non estamos parados, non. Pero de novo parece que seguiremos a estar pouco acompañados, polos nosos representantes, para lograr que Ribadeo recobre algo que perdeu “por falta de jueces o aspirantes que puedan servirlo” (B.O.E. 26-novembro-1965) ¿Que pasa, seguimos sin xuices e aspirantes? ¿Ou é que a creación de demarcacións totalmente novas está por riba das primixenias que sempre existiron? ¿Como é posible que na mesma resolución, se incorporaran ó xulgado de Mondoñedo os de Viveiro e Ribadeo, e o cabo dun tempo se devolvera á existencia o de Viveiro, e o de Ribadeo non? ¿por que esta descriminación?.
O nome da ría deu lugar á nosa denuncia contra un medio de comunicación asturiano. De novo, que Ribadeo figure ou non en sitios que deberan seguir a normativa oficial ou en lugares que se non son oficiais, son moi importantes para o noso turismo, como Google Maps, ou a asignación de Ribadeo a Asturias nalgunha rede social, parece que non acapara nada máis que atención marxinal os nosos representantes. Temos documentos de actuacións pasadas, e da normativa legal, pero oficialmente non somos nós quenes debemos actuar. Creemos que incumbe, e moito, a Ribadeo e ós seus intereses. Pero non temos oído moito do tema nesta campaña electoral.
Do que si se falou algo, foi do tráfico e accesibilidade. Pero un plan para as bicis, por exemplo, non parece que ninguén o teña claro máis aló de ver o bo que sería telo. E, polo medio, xa se leva realizado en estado máis ou menos adiantado, un par de estudos que incluirían algo relacionado co conxunto de accesibilidade e tráfico. Iso sí, hai unha permisidade manifesta, do tráfico semipesado, practicamente en tódalas rúas peatonais: bicis non, furgonetas sí.
Levamos reclamado durante xa medio ano, sobre a destrucción das vidrieiras da capela do cimeterio, e aínda estamos perplexos de que non se saiba nada. Creemos que algo se debe estar a facer, pero dubidamos do que se está cocendo cando todos os partidos calan mentras pasa o tempo. Haberá algo que se nos esteña escapando e que os partidos nos esteñan perdoando para non ter que reconvirnos públicamente? Se é así, que non se preocupen, que nos digan que pasa, con claridade, pois queremos esas explicacións, son necesarias para evitar máis futuras barbaries e que queden impunes. Nós somos veciños, e tratándose das vidrieiras, un ben patrimonial de todos, levamos un longo camiño na escuridade, do que queremos sair.
O Castro das Grobas ten reclamado a nosa atención máis dunha vez, pois creemos que sería doado aproveitalo de xeito turístico. Algunha sinal para acceder a el, o deseño dunha ruta e un folleto, serían puntos básicos para iniciar un aproveitamento que polo momento non se vislumbra. Poucos cartos, pero de novo máis de esquecemento que de seguir adiante, aínda tendo en conta a limpeza que se fixo ou as catas, que se fixeron con gasto de recursos públicos, e das que se dixo se ofrecerían os resultados ... hai ano e medio, e non se divulgaron. Non hai que esquecer que novamente están implicadas administracións controladas por varios partidos, pero que teñen que ser requeridas polo Concello, para que den as explicacións pertinentes.
Reclamamos sentidiño nas propostas, nos programas, e realismo para adxuntar a cada programa un plan para levalo a cabo. Senón, todos e cada un dos programas, en maior ou menor medida, non será crible: será incrible.
Ben, din na Biblia que o número sete é moi grande xa. Por iso, aquí rematamos, aínda que, como dixemos ó comezo, somos conscientes de que habería moitas outras cousas: como un exemplo máis, a ansiada Residencia de Maiores, na que non vemos que as ideas dos partidos evolucionen a pesares do movemento veciñal.
En fin, só lembrar que o de hoxe é un día como calquera outro para reflexionar.

20110825

O último intento no Senado para traer un xulgado a Ribadeo

Remato de cargar o Diario de Sesións da Comisión de xustiza do Senado de 20101124, cando se tratou por última vez o traer o xulgado a Ribadeo. A cousa comeza na páxina 9, e a votación (despois de tratr outras mocións de xeito conxunto, recóllese na 17

20101019

Non hai axudas, hai axudiñas

A ría do encontro está desencontrada: o taller de emprego mantido entre Ribadeo e Castropol non se anovará, non hai a convocatoria de subvención que a mantiña despois de catro anos de existencia continuados.
Por 100 000 € hai discusión. É o monto das obras na N640 en Porto, nunha amplitude de 1,5 km despois de estar en solfa durante abondo tempo o conxunto entre Ribadeo e A Pontenova. Pero non hai máis polo momento (anúnciase un 'continuará', pero non se sabe cando, despois das obras do paseo ás Aceñas), e iso, polo que din dende o PSOE, pola amizade con Blanco. Aínda así, xa hai conato de polémica a conto dunha cantidade semellante polo que parece prometida pero sen confirmar da Xunta para a torre dos Moreno. E claro, lembrar que a Xunta está controlada polo PP.
Mentras, hai axudas de ata 6 000 € para corrixir impactos visuais na reserva da biosfera (a lembrar, 14 concellos), cun monto total de 600 000 €. A axuda máis importante das anunciadas en cantidade, pero difuminada de xeito obrigado en máis de 100 intervencións diferentes, e aplicada a algo en principio non produtivo, aínda que se lle poda sacar rendemento.
Mentras, parece que non se quere polemizar sobre a reducción do importe pagado polo concello ó exalcalde, reducido á metade do ordeado polo xulgado, e que seguirá o camiño xudicial para definir se o pago queda así ou se achega á cantidade inicialmente indicada polo xulgado.
Con todo isto, vése que ... segue a haber cartos, aínda que menos. O caso, como seo ocorrer con frecuencia, está na distribución.

20230321

Nota de prensa AVV Por Nuestro Faro: sentencia absolutoria fronte a denuncia de Eirobra

A illa Pancha, a vista de satélite

AVV Por Nuestro Faro

Nota de prensa 20230321

    Dende a AA VV POR NUESTRO FARO damos conta da sentencia absolutoria dictada pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo, a vinte de febrero de 2023, a favor do noso compañeiro Evaristo Lombardero Rico, denunciado por Eirobra SL, que o acusaba de inxurias e calumnias, como se viu, sen fundamento nen proba de nengunha clase.

    Os antecentes son os seguintes:

1º A mediados de 2017 a empresa concesionaria do proxecto turístico do Faro da Illa Pancha presentou unha querella xudicial no Xulgado de Mondoñedo acusando a Evaristo Lombardero de un delicto de inxurias e calumnias contra a misma por declaracions realizadas a diferentes medios de comunicación.

2º O xuicio oral tivo lugar o día 5 de febreiro de 2021 no Xulgado nº 1 do Penal de Lugo resolvendo a absolución do acusado pola falta de consistencia das acusacións.

3º Esta sentencia foi recurrida pola empresa concesionaria diante da Audiencia Provincial que na data devandita ratificou a sentencia absolutoria do Xuzgado do Penal.
    Pola nosa banda procede lembrar que en ningún momento do proceso iniciado a mediados de 2015 ca concesión do faro da Illa Pancha para fins turísticos nos temos referido á empresa concesionaria, nen tan sequera a título de insinuación ou comentario algún sobre as súas actitividades. Os nosos escritos e declaracións sempre foron dirixidos ós responsables administrativos e políticos das xestions iniciadas pola Autoridade Portuaria e seguidas polo concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia, e sempre seguindo as normas básicas de educación e respeto ás persoas. E eso pese a recibir numerosas faltas de respeto, tanto a nivel persoal como nos medios sociais e nos medios de comunicacion, a nós e ás nosas familias, e ser obxecto de actitudes despectivas que nunca quixemos respostar. Como temos reiterado en numerosas ocasións, o obxectivo inicial, que sigue sendo o principal do noso colectivo, é loitar contra a privatización da Illa Pancha por entender que se trata dun espazo singular e identitario de Ribadeo e que debera ser de uso público en todos os sentidos. Nesta proposta a personalización da empresa concesionaria carece de interese e non merece máis comentarios, sen deixar de suliñar a falla de consistencia da querella.

    Ao marxe do caso concreto actual, quixéramos poñer no centro do debate, mais unha vez, o dereito dos veciños a participar e opinar sobre as decisión políticas dos gobernos e a recibir unha información coherente e unas respostas concretas ás suas demandas sen ter que soportar deseguido desprezos, insultos e negativas diante de calquer iniciativa que non encaixe nos intereses económicos ou políticos das minorías dominantes. O caso da Illa Pancha é un exemplo paradigmático de este tipo de situacións pero non nada novo nen excepcional, do que se poden poñer outros moitos exemplos do nivel local ó internacional. Actitudes reaccionarias a calquer avance científico e cultural que non case cos seus intereses, supoñen un pesado lastre para avanzar no desenvolvemento económico e social da comunidade en conxunto, e polo tanto contribúen a agravar os problemas e carencias da sociedade actual.

    Remataremos lembrando que a negativa a recoñecer e entender os informes do Defensor del Pueblo por parte do Concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria é un exemplo mais das políticas negacionistas e favoritistas que fan do proxecto da Illa Pancha un modelo de actuación inaceptable, por incumplir sistematicamente as esixencias da lexislación medioambiental española e europea en zonas afectadas pola Rede Natura 2000, como é o caso da Ría de Ribadeo.

20080731

Entre as curtas on/off e a visita do Presidente de Portos de Galicia



Onte comezou a proxección de curtas on/off 2008 en varios lugares de Ribadeo. Deixo o programa escaneado á beira. Por certo, ó cine concerto experimentei onte que lle falta afinación técnica de son para poder competir co concerto de cine da banda, a pesares de que a película non estaba mal: o retumbe no cantón fixo fuxir a xente de preto dos soportais, por exemplo. O certo é que Ribadeo énchese de realizadores estes días, e a xente vai sabendo que é iso. Tamén resulta raro ver a casa da xuventude, cuartel xeral de Mr Misto estes días, con tanta actividade. Eso si, a pesares de sere cedida por exemplo para xuntanzas veciñais (entre elas, O Tesón e a Atalaia), coido que o título de 'de xuventude' cáelle a desmán, despois de coñecer outros centros / casas da xuventude, como por exemplo, o de Vilalba, auténtico local social para nenos e mozos dende hai tempo, algo que o de Ribadeo suple únicamente con pór a disposición os ordenadores do primeiro piso (para a xente en xeral, non só para cativos), ordenadores que si se usan.
Onte tamén chegou ós medios de comunicación a nota de prensa onde dicía que hoxe o presidente de Portos faría unha visita a Ribadeo. Non a vexo hoxe nos medios consultables cando comezo a escribir isto (a excepción de aquí), pode que porque alomenos en Ribadeo será de baixo perfil, tentando de evitar outra cacerolada. De calquera xeito, parece ser que ven por cuestión de convenios laborais e non vai pasar polo concello. Mellor deixo claro este punto e paso a outro tema.
Porque si, certamente hai máis temas: ás 11 da mañá comeza dende Ribadeo a 10ª volta náutica a Galicia, que finalizará o día 10 na outra punta da comunidade.
Con agosto arrinca de novo a semana náutica. Casualidade, de novo temos unha actividade adicada este ano a Calvo Sotelo. Ise é o motivo declarado na prensa para dicir que a de iste ano non será unha semana náutica habitual. Era aficionado (eu, non Calvo Sotelo) ó cruce da ría a nado. Daquela organizábao a Paco Lanza. Despois, para fortificar a semana náutica, pasou a ser organizado polo Club Náutico, e en pouco tempo quedou reucido a un largo entre Bloques e club Náutico. Agora xa quedou máis reducido: desaparecido o último ano, pois hai moitos botes como para que o club náutico preste atención ós nadadores.
As novas de Ribadeo nonestán só en Ribadeo: onte na Deputación rexeitouse unha moción pedindo entre outras cousas un xulgado para Ribadeo. Como todos sabemos como é a política, necesitariamos alomenos unha nota de prensa das do concello para clarificar o tema, pois quen votou en contra foi PSOE e BNG,e a favor PP. Despois de que aquí non sexa a primeira vez que se vota por unanimidade unha petición de xulgado, a) vése necesaria unha aclaración e b) reitérase unha volta máis a necesidade de estar vixiantes ante as manobras dos políticos, que, sendo optimistas, habería que dicir como mínimo que ás veces non hai quen os entenda (cousa que estou convencido que, tamén ás veces, é a súa finalidade máis inmediata)
Onte tamén pasei por Santa Cruz. Sen cámara, mágoa! O acotamento de sitio fíxome sorrir e ó tempo víno como unha antesá de desmáns particulares en terreo público. Había mesas precintadas para que a xente (mércores, isto é, con 5 días de antelación) non se poidera sentar nelas, e xente subindo a vixiar que non foran desprecintadas. Menos mal que aínda quedaban abondas para sentarse, en xeral porque o 'precinto' estaba acotando o sitio entre as árbores, e non direitamente nas mesas. O sábado, ás 20:30, pistoletazo de saída co pregón de Eduardo Gutiérrez.
Hoxe a Banda Municipal de Ribadeo actuará, pero faráo en Matamá, Vigo. Quedaranse de novo sen desfrutar do sitio onde tocan: volta para casiña xa comezada a noite para chegar ás tantas. Non é sorpresa cando o teñen feito a pesares de ter o aloxamento pagado e ter que voltar ó día seguinte cedo (como paso coa gravación, este mesmo verán, de música para 'os mortos van ás présas', realizada na Coruña). Un xeito de actuar que non ten moi contenta a algunha xente.
O certo é que a acumulación de actividades e propaganda das mesmas vai dificultar a propaganda da manifestación do día 10 contra a nave no porto, se non é por medios coma iste. Mentras, Ence (non Navia, senón en xeral) aumenta ingresos a conta da ... venda de electricidade.