Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta placas. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta placas. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220411

O RUEIRO DE RIBADEO VISTO DESDE A FILOLOXÍA. Carlos Álvarez Lebredo

    O escrito a continuación foi publicado na Comarca del Eo de 9 de abril de 2022. Visto o artigo, e que eu mesmo teño cometido algún dos erros nel comentados, soliciteille ó autor publicalo no blog, o que fago despois de que mo enviara. Engádolle varias ligazóns a outros lugares do blog, onde aparecen nomes de autores citados (o mesmo Carlos Álvarez Lebredo, Eduardo Gutiérrez e Arturo Mogo), a un artigo de Eduardo Gutiérrez nomeado, e ós artigos sobre placas.

O RUEIRO DE RIBADEO VISTO DESDE A FILOLOXÍA

Carlos Álvarez Lebredo

    Unha das decisións municipais que contribuíron ao maior engado do casco antigo de Ribadeo foi a tomada a finais de 2014, e publicitada a partir do mes de decembro, para renovar as placas que informan do rueiro ribadense (prazas, rúas, etc.). As novas placas que se foron colocando en substitución das antigas inclúen alusións a denominacións anteriores ou explicacións dos personaxes epónimos que lles dan nome a eses lugares, se é o caso. A decisión inicial afectou a unhas 50 rúas e ‘La Comarca del Eo’ informou aos ribadenses: o día 27 de decembro o daquela concelleiro Eduardo Gutiérrez asinou unha nota explicativa titulada “Sobre placas e nomes”. Posteriormente, nos anos seguintes, ampliouse o número de placas afectadas e mesmo se incluíron outras que informan de edificios ribadenses históricos ou singulares, moitas veces acompañadas de artísticos debuxos ou de perfís urbanos, obra do arquitecto Carlos Longarela. A realización material das placas é de Cerámicas de Sargadelos, que emprega os seus característicos azulexos esmaltados, coas cores branca (de fondo) e azul cobalto no rótulo, na orla e no debuxo insertado.

    Cando comezaron a facerse visibles os novos rótulos tamén comezaron a circular comentarios sobre eles. Comprobouse que a remuda de placas incluía unha galeguización das mesmas, decisión coa que concordo; así, Calle pasou a ser Rúa, Plazuela a Praciña, Rinconada a Recanto, etc. En xeral ninguén discutiu a oportunidade, a información concisa ou a estética das novas placas. Pero si xerou máis controversia o contido dalgunhas en concreto. En ‘La Comarca del Eo’ do 24 de xaneiro de 2015, Arturo Mogo fai públicas algunhas discrepancias, que son respondidas no mesmo número por Eduardo Gutiérrez baixo o título “Precisións denominativas”. Un texto crítico máis elaborado e argumentado publicouse en ‘La Comarca’ o día 1 de agosto baixo o título “Placas de rúas”. Nel o asinante P. R. (?) cuestiona que para a rúa Pasarón y Lastra se utilizase algunha vez o nome “Rúa da Confitaría” (tal e como consta na nova placa). E engade: “O peor de todo son os disparates Pai (sic) Sarmiento e Pai (sic) Feixóo”, pois rotular así supón “un descoñecemento pavoroso da lingua galega. (...) Mesmo a xente de fóra de Galicia decátase do erro”, conclúe.

    Este artigo foi respondido á semana seguinte, 8 de agosto, por outro asinado por Eduardo Gutiérrez e titulado “A voltas coas placas”, no que explica que “houbo un erro de transmisión, ou de comunicación, aínda que o elexido era sinxelamente un P maiúsculo cun ponto”, ou sexa P. Feixoo e P. Sarmiento. (...) Fagamos constar que o erro, que se corrixirá, é menor (...) tendo en conta que o étimo latino é o mesmo”. E sobre a palabra “confitaría” (criticada por P. R.) di que o sufixo —aría é tradicional en Galicia e desde 2003 é normativo. Finalmente fai outras consideracións de tipo persoal sobre o asinante P. R., que aquí non veñen ao caso.

    Para rematar esta información sobre a mera colocación das placas, resta engadir que en marzo de 2019 o concello informou da colocación de 30 máis en rúas e prazas, xa en zonas de ensanche da vila, con textos, nalgúns casos, do Cronista Oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. (Como tal fora nomeado en 2016).

    Hei de recoñecer que a primeira vez que pousei a vista nalgunhas das placas citadas experimentei algún xeito de desánimo ao ver que, ao lado do indubidable acerto estético e funcional, nalgún dos textos había algún desatino que para un filólogo resulta demasiado rechamante. Especialmente os citados “Pai Feijóo” e “Pai Sarmiento”, pero non só. “A Filoloxía leva ao crime!”, di un personaxe da comedia ‘La leçon’, de Ionesco. E a pesar disto, non me resisto a pasar pola peneira da Filoloxía unha revisión destas artísticas placas do rueiro de Ribadeo.

    Efectivamente, como xa apuntaba o citado P. R., nin Frei Benito Feixoo nin Frei Martín Sarmiento poden ser “pais” pois en galego para ser “pai” hai que ter fillo(s) e ningún dos dous frades tivo descendencia (que se saiba). O oficio no que se desempeñaron ambos relixiosos beneditinos fai de cada un deles ser “padre”, palabra que se estende tamén a sacerdotes e presbíteros. E non é un “erro menor” a confusión nas respectivas placas, que Gutiérrez xustifica en que o étimo de “pai” e o de “padre” é o mesmo. Claro que o é (ambas palabras derivan do latín PATRE). Pero se a lingua desenvolveu dúas palabras distintas a partir da mesma, por algo foi: por necesidade. Por iso nós agora non as podemos confundir. Afirmar que é un “erro menor” intercambiar dúas palabras porque “o seu étimo latino é o mesmo” significa que podemos confundir ópera con obra, radio con raio, colgar con colocar, reixa con regra, praza con platea, eira con área, etc. En definitiva, se unha lingua necesitou desenvolver dúas palabras a partir dun mesmo étimo é porque, ao cabo do tempo, necesitou as dúas para diferenciar e especificar os respectivos significados modernos: son os denominados dobretes léxicos. (Por certo, cando os dicionarios da lingua galega teñen que explicar o significado galego e o uso da palabra “padre”, poñen sempre estes dous exemplos: Padre Feixoo e Padre Sarmiento). Por outra parte o apelido Feixoo, ou Feijoo, non ten que levar ningún acento gráfico.

    En canto ao afirmado en 2015 no sentido de que “se corrixirá o erro de transmisión ou de comunicación”, pois xa vai sendo hora: este tipo de erros manifestos e á vista de todo o mundo (nunca mellor dito) non deixan en bo lugar nin ao concello de Ribadeo (que foi quen encargou e financiou as placas e quen as exhibe) nin ao prestixio da empresa Sargadelos (se, como se publicou, é certa esa explicación de que foi deles é a decisión de poñer Pai onde lles encargaran P.).

    Respecto á outra cuestión que xa planteaba a nota asinada por P. R., a do antigo nome da rúa Pasarón y Lastra, é certo que na nova placa consta: “Antigamente Rúa da Confitaría”. Antes do cambio denominábase Calle de la Confitería, así, en castelán, e talvez sexa iso o que critica P. R. Non é este o problema. Desde a Filoloxía o problema está en que “confitaría” non é palabra galega (nin de ningunha outra lingua). Digamos que hai un intento de galeguizar a palabra do castelán “confitería”, pero non está ben resolto. E non polo sufixo —aría, que efectivamente é correcto en galego, senón pola raíz da palabra. Aquí está a cuestión: a palabra galega correcta (e coincidente co portugués) é confeitaría (ou confeitería, que tamén é correcta), coa raíz confeit— (de confeitos), pois neses obradoiros, nas confeiterías, é onde se elaboran e se venden os confeitos e confeituras, ou sexa os doces ou pasteis.

Outras placas discutibles

    Dentro desta sinalética ribadense que estamos revisando hai outras cuestións de rango menor que se poden comentar.

    A palabra “calexón” empregouse para as placas de Calexón do Bispo Cebeira ou Calexón dos Perigos. Non é palabra galega “calexón” aínda que é certo que está viva na fala oral. É unha solución popular para galeguizar o castelán “callejón” (en castelán, despectivo de calle y de calleja, para Corominas, e que a RAE define como “paso estrecho y largo entre paredes, casas o elevaciones del terreno). Non hai en galego ningún descendente do latín CALLIS (sendeiro, especialmente de gando), como si os hai en castelán (calle) ou en éuscaro (kalea). A maioría das linguas románicas optaron por outros descendentes de palabras latinas para denominar as vías urbanas: carrer en catalán, rue en francés, via en italiano. En galego e en portugués temos a palabra rúa. E para cando unha rúa é estreita ou pequena está a palabra ruela (diminutivo de rúa), que é a habitual en Portugal e agora mesmo estendida por toda Galicia. Se fose menos que ruela, porque vai profunda ou irregular, entón están as palabras carreiro e congostra (viva no nomenclátor de Rinlo, por exemplo). En definitiva, nin a Academia Galega nin os dicionarios acollen como palabra galega “calexón” ou “calexa”, aínda que en tempos pasados chegou mesmo a entrar no galego escrito ou literario (C. Fernández de la Vega, Xavier Carro, García-Bodaño). Só os dicionarios precientíficos, os que se limitaban a recoller todo tipo de formas orais sen ningún criterio filolóxico (Carré, Eladio Rodríguez, Franco Grande) acolleron e definiron “calexa” ou “calexón”. Hoxe en día as únicas solucións correctas son a xa comentada ruela e tamén carreiro e calella (como o veciño asturleonés caleya: paso ou camiño para carros entre casas de aldea).

    Chama tamén a atención a denominación oficial “Rúa Meniñas da Saudade” referido ao primeiro grupo feminino de gaiteiras de Galicia. Nunca foron coñecidas baixo ese nome de “meniñas”, nin en Ribadeo nin fóra da vila. Algunhas delas xa non eran tan meniñas nin cando comezaron os ensaios pois a maioría podían cualificarse polo menos de mozas. Na prensa da súa época máis activa (anos 1961-1965) ou nas súas esporádicas reaparicións (anos 80 e 90) recóllese en castelán a denominacións colectiva de “chicas gaiteras”. E en galego: Gaiteiras, Gaiteiriñas, Grupo Saudade, Grupo de gaiteiras de Ribadeo e Mozas de Saudade. Esta última denominción (ou a máis directa Gaiteiras de Saudade) sería a máis axeitada para non deixar orfa na placa a palabra Saudade como nome da rúa por se se confunde co substantivo común. Meniñas ten un significado moi apegado á idade infantil, impropio para as idades daquelas gaiteiras, que cando actuaban xa estaban na idade de seren máis ben mozas. (Dicionarios: “Meniño-ña: neno moi noviño, despois de nacer e cando ten moi pouca idade”). Pero é que ademais a Filoloxía (de novo) ten algo que engadir: “meniñas” non é palabra propia da comarca ribadense, onde o diminutivo e o apreciativo de nenas é neniñas.

    Tamén existe unha placa co rótulo de “Praza dos Catro Canos”. Neste caso hai un procedor claramente incorrecto que é o de normativizar un topónimo propio da fala ribadense (en realidade de todo o galego oriental), que é a palabra cuatro. Contra o que poida pensar quen non está ao tanto destas cuestións, cuatro non é un castelanismo no galego da nosa comarca (como non o son o verbo guardar, o adverbio cuando ou o substantivo guadaña, por exemplo). Son as solucións naturais para as palabras que comezaban en latín por QUA— neste galego oriental e noutras zonas ourensás e miñotas (F. Fernández Rei, ‘Dialectoloxía da lingua galega’, pp. 51 ss.) Pódense normativizar a nivel culto as palabras do léxico común pero facelo cos topónimos supón un disparate cultural e filolóxico pois eles son fieis reflexos da realidade histórica e lingüística de cada territorio. (Aínda que non ten placa nas rúas, pois non é nome oficial, este comentario serve tamén para aplicar á impropia denominación Catro Rúas que se emprega na publicidade municipal e comercial para a tradicional Cuatro Calles. Non entro a discutir o de Rúas, pero a primeira parte do topónimo só pode ser o territorial, dialectal e galego Cuatro).

    Unha das placas máis modernas no rueiro ribadense é á da rúa dedicada á escritora Luz Pozo, nome acordado en 2001: “Rúa Luz Pozo Garza. Poetisa e académica ribadense”. Neste caso a palabra, correcta sen dúbida pero matizable desde un certo punto de vista, é poetisa. Como é sabido, esta flexión feminina do substantivo masculino poeta aplicouse historicamente ás mulleres que publican poesía. Pero desde hai anos, e atendendo sobre todo á demanda das propias escritoras, emprégase a palabra poeta para ambos sexos. Elas atópanse máis cómodas con esta denominación. Hoxe a palabra poetisa aínda non se percibe como arcaísmo pero xa é estraña e soa extemporánea en calquera texto moderno que a conteña. Mesmo os dicionarios galegos, aínda que a admiten, aclaran que tamén se usa poeta para o feminino. No caso concreto de Luz Pozo, en todas as necrolóxicas aparecidas tras o seu falecemento en 2020 é citada como poeta. A RAG refírese a ela ou a Xela Arias, por exemplo, como poeta. Na actualidade a palabra poetisa practicamente só se usa no español de América.

    En fin, obviamente non é unha cuestión perentoria, nin tan sequera urxente, acometer unha rectificación dos textos das fermosas e artísticas placas do rueiro ribadense aquí comentadas. Pero tampouco se debe perder de vista que nalgún momento, para nós mesmos e para as persoas que nos visitan, debemos de ser xustos e respectuosos coa nosa lingua e mais coa nosa historia.

20180312

Revisando a fin de semana en Ribadeo: Catedrais e Rueiro

   Vexo que este fin de semana en Ribadeo deu lugar a dúa novas pequenas pero que me chamaron a atención e diversos motivos e por iso paso a comentar.
    A primeira, un artigo  (1/3 de páxina) na Comarca, 'comentarios al plan de protección de As Catedrais', do 'Grupo Municipal del PP de Ribadeo'. En castelán. Di que no plan 'se observan cosas muy raras', xa no primeiro parágrafo. Entendo que se refire ó 'Plan especial de As catedrais' que teño comentado varias veces de xeito parcial, por partes, e sen rematar, de forma abondo máis extensa que a que aparece na Comarca e... en tempo. E é que, publicada a aprobación inicial no DOG de 16 de novembro de 2017, daba un prazo de dous meses para formular alegacións. Prazo que rematou hai case dous meses, polo tanto. E que aparece no segundo parágrafo como unha contradición en contra do plan...
    A segunda, que por fin está a dispoisición o libro ('folletos turísticos') 'Roteiro pola historia de Ribadeo', que ven a ser o prometido hai meses coas novas placas de Sargadelos das que levo exposto fotografías e falado tamén varias veces nestes últimos tempos no blog (Máis placas de Sargadelos informativas, Letreiros para coñecer Ribadeo, Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo, Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos). Pois iso, por fin saíu á rúa e pódese adquirir por 1,5 € na oficina de turismo, segundo a nota do concello. A nota chamou a miña atención por varias cousas. Unha, que segue sen ser público o custe das placas, ó que xa me teño referido. Outra, que non se fala nada do retraso sobre o tempo de publicación falado. Outra, o aproveitamento da petición / anuncio tras ser recollida, de museo de Ribadeo como pobo, obviando/esquecendo as rutas xa establecidas de indianos, de comerciantes... Indicación non obstante que estimo moi válida nun pobo como Ribadeo. Aparece ademáis, en nota de prensa, a figura de Carlos Longarela, arquitecto do ARI e autor da parte gráfica, dato para min descoñecido ata o de agora, aínda tras ser coñecido que o autor dos textos é Eduardo Gutiérrez, cronista oficial e exalcalde (entrada na Galipedia).
    Deixo a foto, tamaño orixinal na web do concello, e a continuación a longa nota de prensa:

A PRIMEIRA TIRADA É DE 1.200 EXEMPLARES
Roteiro pola historia de Ribadeo
10/03/2018
No salón de plenos do Concello presentáronse esta mañá os folletos turísticos denominados Roteiro pola historia de Ribadeo, e nos que se recollen os debuxos e textos das máis de 30 placas de Sargadelos colocadas en rúas, prazas e lugares de Ribadeo. Están editados en catro idiomas: inglés, francés, español e galego e estarán á venda na Oficina de Turismo ao prezo de 1,50 euros. No acto participaron o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, o arquitecto municipal Carlos Longarela, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que "isto é algo moi importante para reafirmarnos como un pobo que leva aquí moitos séculos, que ten moita historia e que moitas veces o tempo vai pasando e as xeracións que van vindo non saben nada do que outras deixaron atrás. Para iso quixemos abusar da experiencia, da historiografía e da sabedoría do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, para pedirlle que o seu coñecemento fose botando luz enriba de pasaxes históricos en diferentes rúas e espazos da vila. Para iso tamén nos apoiamos en Carlos Longarela, arquitecto que nos ratos libres, porque no ámbito do día a día tempo pouco tempo, pero fóra de horas foi facendo os debuxos, moitas veces con orientación do propio cronista oficial. E todo iso metémolo nunha máquina moi potente e moi bonita, que é Sargadelos, onde lle deron o deseño final, e o resultado das placas está aí para ver desde hai un par de meses, penso que con moi boa acollida".
Suárez Barcia sinalou que "aparte diso, que é o que máis perpetuamente vai quedar nos espazos públicos, quixemos tamén difundir esta mensaxe en varias linguas, porque sabemos que Ribadeo cada día é máis turístico, cada vez ven máis xente de fóra que se interesa e gústalle isto que está vendo polas rúas e queremos que teña a oportunidade indo á oficina de turismo e mercando un libriño no que figuran todas estas placas cos debuxos, cos textos e nalgúns casos cunha explicación máis grande. Quixémolo facer en francés, en inglés, en castelán e en galego".
O alcalde explicou que "fixemos unha primeira edición de 300 folletos en cada idioma e estamos convencidos de que dentro de pouco teremos que facer novas edicións. Desde mañá mesmo están a disposición de calquera que se achegue á oficina de turismo de Ribadeo ao prezo de 1,50 euros, polo que realmente non lle gañamos nada, pero o que pretendemos é difundir a historia local".
O cronista oficial, Eduardo Gutiérrez indicou que "na publicación que se presenta hoxe, cun pequeno engadido sobre a que recollen as placas, destácanse trinta e tres lugares vencellados á historia de Ribadeo en diferentes épocas: a medieval, onde se pode seguir o itinerario da muralla reparando na indicación das portas e dos restos que quedan; tamén se sinala a ubicación da Colexiata, onde antes estivo a igrexa parroquial. Sublíñanse igualmente edificios vencellados á aboenza liberal da vila, á súa tradición comercial, cunha clase acomodada e culta, que ergueu a Escola de Náutica, o Teatro e o Círculo de Recreo, as casas armadoras e de banca, que naceron do porto entendido como lugar estratexicamente situado, como fondeadeiro e abeiro, porque non acadou unhas instalacións portuarias que merecesen tal nome. Con todo, da súa importancia dá proba o Forte de San Damián, do século XVIII. E xa no XIX o cargadoiro de mineral de ferro, ao tempo que abrollaban obras e dotacións da man dos indianos enriquecidos en América: a Praza de Abastos, o Cemiterio, a torre dos irmáns Moreno, etc. Tamén se lembran singularidades como os lavadoiros, tal o sonado Pipelo, que durou perto de catrocentos anos".
Na súa intervención Gutiérrez manifestou que "mais dese pouso ilustrado e liberal do século XIX destacan a Sociedade Filantrópico-Dramática de 1835, que ergueu o Teatro, a Sociedade de Fomento que promoveu a Escola de Nautica e o sucesivo Colexio de San Luis. Aparte disto cómpre destacar o escintilante Círculo de Recreo, fundado en 1851. Xa noutra ocasión sinalamos como clarificadora a anécdota que recolle un cronista local, segundo a cal cando en 1858 a raíña Isabel II visitou Lugo, as autoridades provinciais solicitaron en depósito do Círculo os mobles para decorar as estancias onde se aloxaría a raíña, que era nada menos que o Pazo Episcopal".
O cronista oficial rematou salientando: "a boa acollida que tivo a instalación das placas que conforman o roteiro pola historia de Ribadeo, son unha incitación e un estímulo a prol dun Museo, que trasladamos á Alcaldía para o seu estudo e consideración, coa petición de que acolla a idea co mesmo interese e dedicación que puxo na confección das placas. O concepto de Museo ao uso cambiou efectivamente e hai cidades que inclúen nel rutas deste tipo, aparte de varias sedes. Certo que aquí comezamos co último, que xulgamos unha boa medida para avaliar a opinión pública, cuxa colaboración se requeriría tanto no acopio de materiais, como noutros aspectos, co obxecto de facer o proxecto viable. Estimado señor Alcalde: isto é unha celada, que rogamos disimule acolléndonos á existencia delas na muralla, con outros fins, pero igualmente solapados. Aínda que, ben mirado, isto ten pouco de trapela, no sentido literal de encerro. É apenas unha suxestión. E, desde logo, cordial".
E o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que "ter a ocasión de ter nas nosas mans estas breves reseñas históricas é sempre unha boa nova porque dan pulo á nosa actividade cotián. Non se trata de mirar para atrás con ton fachendoso, senón de facelo para sentírmonos orgullosos do que fomos e do que podemos seguir sendo, pero para trazar ben o camiño é indispensable coñecer de onde vimos. Trátase de poñer en valor, pero non só pensando na xente que vén de fóra, que está moi ben que veña, senón en nós mesmos; todos os cidadáns e as cidadás de Ribadeo é bo que saiban da súa historia, os que acabamos recalando nestas terras é bo que establezamos ese vínculo co que foi Ribadeo para facelo noso e proxectar cara o futuro todas as nosas ideas e os nosos proxectos. E nese sentido é fundamental que de cando en vez nos paremos e poñamos negro sobre branco, neste caso habería que dicir ton azul, que é o propio de Sargadelos, sobre branco, eses fitos históricos dunha vila centenaria como é Ribadeo".

20180412

Placas en Porcillán

Hai xa meses que o blog comezou a conter fotos das novas placas descritivas de Sargadelos, que describen trinta lugares do rueiro de Ribadeo. Dende aquela, publicouse un folleto recollendo o seu contido, mais coido non da unha idea adecuada da beleza das placas, polo que sigo recollendo fotos ata completar o conxunto. Hoxe tocoulle a Porcillán, que a máis da da aduana, ten dúas placas:


Máis das novas placas descritivas:
Placas de Sargadelos, Máis placas de Sargadelos informativas, Letreiros para coñecer Ribadeo, Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo, Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos

20141218

Aproximación á imaxe do novo rueiro ribadense

    Cerámicas de Sargadelos compiten con placas de metal pintado. Mármore decorativo con letreiros oxidados. Restos de promoción con placas do paquete. Cada unha, no seu entorno: ás veces, límpido, outras, decorado ou atravesado con cables. Algunha, fotografada sen rematar de poñer, mellorarán. Outras (Ing. Schultz) parece que van ser substituídas de xeito pouco comprensible. O certo é que mirando para as placas, Ribadeo merece atención, máis que a que fan ver as fotos desenfocadas a continuación. E quedan moitas máis.
    Engado o final o texto de Eduardo Gutiérrez 'Sobre placas e nomes'.
Praciña José Mª López, antigamente Fonte Nova
 Praza de Abaixo (non de embaixo)
Restos do Ribadeo Indiano en S. Roque, preto de Virxe do Camiño
 Enxeñeiro Schultz,antigamente rúa do Vilar.
 Pasarón y Lastra, antigamente rúa da Confitaría.
 Idem, sen rematar de poñer aínda.
 Rodríguez Murias, cartel vello.
 San Miguel, sen máis.
 Viejo Pancho, antigamente rúa das Angustias.
Travesía de Álvarez Miranda, sen máis.
Rúa El Viejo Pancho, movida, moverase...

 Leopoldo Calvo-Sotelo y Bustelo, estilosa. Substituirase?
 Calexón Bispo Cebeira, 'ocupou a sé episcopal en Ribadoe en xullo de 1199. Finou en 1218'
 Calle del Ingeniero Schultz. Tiña montado o andamio para ser substituída.
Costiña pai Sarmiento, 'erudito e ilustrado.
--
Posterior:
Sobre placas e nomes
Por Eduardo Gutiérrez
(escaneado de La Comarca de 20141227, textualizado co OCR Tesseract e repasado á man)
 
Como é sabido, o Concello decidiu proceder á elaboración e colocación de novas placas rotuladoras das rúas, particularmente as do casco histórico, como un complemento necesario e oportuno, do labor de adecentamento dos edificios por parte dos seus titulares, frecuentemente baixo a incitación municipal. Non ten nada que ver co novo nomenclator de vías e espazos públicos, que ou carecían del, ou estaban duplicados, que se levou a cabo hai xa un tempo por acordo unánime da Corporación. Nesta ocasión non é unha nova denominación, posto que non se alteran os actuais nomes. Certamente, durante o proceso aprezouse que pesie ás correccións e engadidos recentemente realizados, seguen existindo duplicidades e repeticións. Por citar un exemplo existen tres advocacións para o topónimo Guimarán: rúa, praza e baixada.
Mais agora a novidade consiste en facer constar, xunto co actual, os nomes antigos ou tradicionais, ainda que se desbotaron aqueles que remitían a alcumes, ou denominacións ambiguas ou mal soantes, e tamén os cambios máis recentes ou efémeros. Poñamos algún exemplo. A rúa Pasaron y Lastra rotulouse así no ano 1946, mais desde tempo imemorial era a rúa da Confitaría. Mais ocorre que once anos antes un acordo municipal, a instancias dun concelleiro, dedicoulla a Lope de Vega, como un máis dos actos comemorativos do terceiro centenario da morte do sonado escritor, coordenados por unha comisión constituida ao efecto e presidida polo director do Instituto de Segundo Ensino Desiderio Gutiérrez de Castro. Con todo, tivo moi pouco eco. Tampouco foi moito mais aló o acordo corporativo de agradecimento ao deputado por Lugo Manuel Becerra, consistente en darlle o seu nome ao peirao de Mirasol e á actual rúa de Buenos Aires. A decisión, de 15 de outubro de 1935, é adoptada “por aclamación" nun claro anticipo do que logo viría e nunha ousada mostra de afouteza, tendo en conta que sete dos concelleiros non foran elixidos, senón nomeados a dedo polo Gobernador Civil, incluído o Alcalde. O cambio denominativo foi breve, case tanto como a permanencia do Sr. Becerra como ministro de Instrucción Pública a finais de aquel ano: apenas quince dias, ainda que xa fora, entre outros cargos, subsecretario de Obras Públicas en 1934.
Os casos de acordos oportunistas, pero que logo non callaron en materia de rotulación de ruas, é certamente dilatado. Vinte anos despois da fuxidía homenaxe a Manuel Becerra, ou sexa en plena efervescencia do vello réxime, en 1955, a Corporación nun insólito alarde aperturista, fai constar en acta o seu pesar polo falecimento de Sir Alexander Fleming e, para perpetuar a sua memoria, dedicalle unha rúa das que está previsto abrir no novo grupo de vivendas de San Miguel e, mesmo, comunican o acordo á Embaixada da Sua Maxestade Británica en Madrid.
Finalmente, nesta sumaría nota divulgativa cómpre destacar que as novas placas proceden da factoría de Sargadelos, un proxecto na súa orixe tan vencellado a Ribadeo por medio da figura do seu fundador, Antonio Raimundo Ibáñez. Aparte de campar nelas as armas da vila, a greca ou reberete que as rodea está inspirado nunha ornamentación da Torre dos Moreno. Finalmente, as referencias aos antigos nomes asoleiran en fontes documentais, bibliográficas e arquivísticas. Algunhas proceden de nomes de oficios, profesións ou actividades, como Carnizaría, Fornos ou Confitaría, outras obedecen á ubicación de servizos fundamentais, como a do Correo, pola súa xerarquía urbana, como a Maior ou Grande, que tamén se chamou da Paz sobrefa que abría a Porta da Vila, derivadas de apelidos coma de Ares, ou pola situación, como Tras da Cerca, etc.
Hai algunha outra precisión, xa que resulta moi difícil, ás veces, condensar en poucas palabras a historia dunha rúa. Poñamos por caso, a de San Francisco: chamouse de Tras San Francisco e o tramo máis próximo á actual rúa da Deputación Provincial, do Pontigo e, por iso, se fai constar tendo en conta a raizame do topónimo.
En fin, unha plausible iniciativa, agora que a zona antiga está en proceso de revalorización, por medio da súa paulatina rehabilitación. Restan cousas por facer, ainda que non sexan doadas e que quizais se poidan abordar no futuro, como a recuperación de treitos da antiga muralla, así, como a correspondente sinalización.

20171215

Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos


Hai xa tres anos que no blog aparecía a entrada 'Aproximación á imaxe do novo rueiro ribadense'. Agora vai continuar a extensión de letreiros de Sargadelos.
Noutro momento, con máis vagar, procurarei outra entrada na que resumía os cartos gastados neses letreiros. Mentres, deixo a continuación a nota de prensa do concello:

NO ACTO PARTICIPARÁ EDUARDO GUTIÉRREZ
Arte e historia
14/12/2017
O Concello colocará 32 placas de Sargadelos en diferentes enclaves do conxunto histórico da vila nas que se combinará arte coa historia local de Ribadeo. O obxectivo é converter as rúas nun museo vivo. As placas, que foron deseñadas por Sargadelos e polo arquitecto municipal, conteñen textos do cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. O descubrimento da primeira placa, desta serie de 32, terá lugar o vindeiro sábado, 16 de decembro, ás 12:00 horas, no inicio da rúa Ibáñez.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, comentou que "todo o mundo sabe o grande vínculo que tivo Sargadelos con Ribadeo ao longo da historia destes últimos dous séculos, tanto na vida de Antonio Raimundo aquí en Ribadeo e da súa temperá morte tamén no ano 1809, como tamén coa súa obra a través da fundición de Sargadelos, que logo pasou a ser unha fábrica de cerámicas e que de diferente xeito foi chegando aos nosos días".
O rexedor ribadense lembrou que "hai xa tres anos que desde o Concello de Ribadeo fomos cambiando as vellas e deterioradas placas dos nomes das rúas por outras máis nobres e máis atractivas por todo o casco vello da vila".
Suárez Barcia subliñou que "queremos agora dar un novo paso que combine a arte desta fábrica de cerámica coa historia local de Ribadeo, tan rica a través dos séculos, e quen mellor que o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, para ir poñéndoa en forma de textos nunha serie de 32 placas que se van ir colocando en diferentes enclaves da vila, falando de acontecementos históricos de Ribadeo, por poñer por caso desde as súas murallas medievais ata diferentes feitos históricos acontecidos no pasado".
O alcalde ribadense declarou que "queremos que o propio conxunto histórico da vila, ademais de ser un lugar acolledor para vivir e para admiralo paseando, como xa fan milleiros de turistas ao longo destes últimos años, se converta tamén nunha especie de museo vivo onde a xente poida deterse a admirar as imaxes recreativas dun pasado esquecido en moitos casos, xunto cunhas reseñas históricas de agradable lectura".
Suárez Barcia anunciou que "todo isto se vai vir acompañado pola edición de folletos informativos en varios idiomas, en galego, en castelán, en inglés e en francés, que estarán nos próximos días á venda na Oficina de Turismo de Ribadeo".
O alcalde de Ribadeo convida "a todo o mundo que desexe a acudir a un sinxelo acto de descubrimento dunha primeira desta serie de 32 placas informativas, que vai ser este sábado ás doce do mediodía no inicio da rúa Ibáñez. Aquí poderá a xente visualizar estas placas deseñadas por Sargadelos, tamén nos debuxos polo arquitecto municipal, e nos textos por Eduardo Gutiérrez, o cronista oficial de Ribadeo. Estamos convencidos que vai ser unha idea convertida en realidade, que vai ser de moi bo agrado para moitísima xente".

Por certo, hai ano e medio tamén publicaba na rede o ibro 'Os nomes das rúas de Ribadeo', de Suso Fernández Acevedo coordinando o traballo de alumnos do IES.

20180111

Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo

Hai case un mes foi anunciado polo concello que se ían poñer 32 placas de Sargadelos ilustrativas de diversos lugares da vila. O día 16 o concello emitiu unha nova nota de prensa coa inuauguración do novo viario, a posta da primeira placa, na rúa Ibáñez. Anunciose daquela que en poucos días estrían postas as placas e a disposición folletos explicativos na oficina de turismo. Os poucos días aumentaron algo, pero hoxe por hoxe xa hai abonda placas colocadas e en breve estarán os folletos.
Mentres que iso ocorre, o ter os folletos a disposición, un resume en fotos dalgunhas das placas:
A primeira, no Pazo do concello, Pazo de Ibáñez.

Outra, fronte á torre dos Moreno, 'Edificio dos irmáns Moreno', acompañando ó caseto de regulación do mexadoiro de King Kong.

O edificio do xulgado de paz acolle entre pintura descascarillada a placa da antiga casa do concello.
O Campo tamén ten a súa placa:
E a porta da Vila, no 23 de Amando Pérez:
A praza de abastos:
Rúa San Roque:
A prota da Auga, na casa do Viejo Pancho, a rúa do seu nome (Viejo Pancho), xixeiramente desprazada en relación coa marca no chan que da conta da existencia da porta:

Ou a escola náutica, na actual biblioteca municipal, á beira da casa do Patín, na r/ Antonio Otero:

... seguirá!
Pero mentres, remato coa foto que ilustraba a segunda nota de prensa do concello en decembro, imaxe da 'inauguración':

20141217

De paseo por Ribadeo

Estes días Ribadeo estase amosando diferente. Un paseo fóra das zonas onde se concentra a xente ven sempre ben, pero máis aínda en xornadas como a de onte. Onte, nunha saída en coche, atopei tres rúas cortadas para voltar á casa, as que me fixeron alongar a volta.Obras diversas que en principio deberan animar, porque é de supoñer que redunden nunha mellora do pobo, no momento fan a un preguntarse (como vin nas redes sociais) se non sería cousas de aprender a moverse en helicóptero. A conto do tema, coido que ás veces, a propaganda do concello está desenfocada: non se trataría tanto de saír na foto 'cortando cintas' como especificar paseniñamente que se fai, por que se fai e como se fan as cousas (ó nn ter participado a xente previamente na definición das 'cousas' a facer), para que a xente, nós, xuntara as molestias coas melloras, e tivera máis claro o por que das molestias actuais en aras das melloras futuras.
Outra cousa observada nese paseo é a da posta dos nomes das rúas con placas de Sargadelos, como a que aparece na imaxe, colgada na nota de prensa do concello na súa web.
Di que son 50 placas da zona vella, todas levando algo máis que o mero nome actual da rúa, como se pode ver na imaxe, cunha descrición da persoa a quen se lle adica, ou noutros casos, con outras posibilidades, como o nome antigo da rúa. Coido que non queda nada mal, aínda que, ó meu entender, o anuncio das placas en parte como axuda a Sargadelos me fixo pensar no prezo no que sairían. Supoño que en próximo pleno o tema do custe das cincuenta placas sairá a relocer.
Onte tamén se viu embaixo outro pouco do cantil da Atalaia. Certamente, o búnker do ascensor sei indemne diso e de abondo máis que lle boten. Puido desestabilizar no seu momento o penedo, pero agora mesmo máis ben estabilizará o que queda del. Outra cousa é que unhas obras nunha casa, con martillo neumático segundo o xornal, fixeran posible vibracións que desestabilizaran a baixada. A zona renegrida do centro da foto foi a que se desestabilizou e caeu sobre a beira do paseo marítimo e do ascensor.
Paseando polo paseo marítimo pódese facer unha comparación entre a zona caída hai poucos anos, ó norte do ascensor, 'decorada' cunha verxa que protexe e evita ós turistas achegarse á zona de perigo, e a nova zona derruída. Como casualidade, onte mesmo reaparecía nunha rede social posta por A World to Travel a seguinte foto, onde se pode ver, á beira do ascensor, o vello deslizamento da Atalaia.:
-- Posterior: aproximación á imaxe do rueiro ribadense

20180226

Máis placas de Sargadelos informativas

O libro segue sen saír, por iso, outra serie de placas das novas:
Foto de Suso Fernández


A do forte de San Damián, nunha base


A do cargadoiro, tamén nunha base mirando á ría

Na igrexa parroquial.
Anteriores:
Letreiros para coñecer Ribadeo.
Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo.

20220430

OUTRO NOME CONTROVERTIDO: PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA? Carlos Álvarez Lebredo

    Artigo publicado na Comarca del Eo de 30 de abril de 2022. A segunda foto que acompaña ten un texto sobre o que trata o artigo. A primeira, a vella placa, é citada no mesmo. Este artigo é continuación de outro de Carlos Álvarez Lebredo


OUTRO NOME CONTROVERTIDO: PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA?

Carlos Álvarez Lebredo

    A semana pasada fixemos algunhas observacións nestas mesmas páxinas de ‘La Comarca del Eo’ sobre algúns dos rótulos informativos que acompañan os nomes de rúas e prazas nas artísticas placas de azulexos de Sargadelos que van festoneando o rueiro de Ribadeo. En varias delas só recolliamos algunhas dúbidas e preguntas que nos tiñan chegado ao respecto, desde hai anos, dos textos dalgunhas delas. Quen tivese a paciencia de ler aquel texto vería que as nosas propostas estaban baseadas exclusivamente na filoloxía, no rigor lingüístico e no desexo de que a información se ofreza coa maior claridade posible.

    Para esta ocasión traemos unha cuestión semellante pero algo máis enrevesada. Está claro que hai outra placa manifestamente errada pero tampouco somos quen de esclarecer absolutamente todos os puntos que rodean o asunto. Trátase da placa, recentemente colocada, que sobre seis azulexos de Sargadelos pon “Praciña de Álvarez Miranda” e que na parte informativa engade: “Vicente Álvarez Miranda. Escritor. Político. Militar (Cruz Laureado de San Fernando)”. Nada hai que obxectar a esta lacónica aclaración que en só oito palabras perfila moi ben o citado personaxe. O problema é que esa praciña leva algo máis de setenta e cinco anos dedicada ao seu irmán Federico. Na parte alta da praciña aínda se conserva a placa primitiva, colocada en 1946. É un sinxelo mármore branco, con letras maiúsculas gravadas en baixorrelevo e adherido á fachada traseira da casa dos Díaz-Fierros. Literalmente pon: “Plazuela de F. Álvarez Miranda”. Ou sexa, que o personaxe epónimo da praza non é Vicente (como se explica na moderna placa de Sargadelos) senón o seu irmán Federico, a quen corresponde esa letra F.

    Esta cuestión non admite dúbida. En 1946 o concello de Ribadeo quixo homenaxear a cinco distinguidas persoas da localidade poñendo o seu nome a varias rúas da vila: o Bispo Veres, J. Vicente Pérez Martínez, Pasarón y Lastra, Acevedo Rodríguez e Federico Álvarez Miranda. O acordo municipal é de 12 de xuño de 1946 e está recollido en portada polos dous semanarios ribadensese os días 15 e 16 dese mes. Inclúe unha pequena xustificación de méritos para cada un deles. Do último, Federico Álvarez Miranda, sublíñase que é un poeta lírico, de inspiración fina e delicada, autor de belas composicións, entre as que destaca “A una rosa”. Os dous semanarios locais fixéronse eco do citado acordo municipal e posteriormente dos actos de homenaxe e descubrimento das respectivas placas, que tiveron lugar o día 29 de xullo. No caso concreto de Federico Álvarez Miranda foi Dionisio Gamallo o encargado de eloxiar ‘in situ’ o escritor, ler un dos seus poemas e descubrir a placa.

    Vicente Álvarez Miranda puido ter méritos para que unha rúa ribadense levase o seu nome. E incluso é probable que a tivese antes do seu irmán, pero non esa praciña: isto é só unha conxectura miña, que se podería resolver con paciencia, acudindo ao arquivo municipal ou revisando actas municipais anteriores ao verán de 1946. Insto a que os historiadores lle dediquen tempo. Para establecer esta conxectura baséome só na miña interpretación (subxectiva, arriscada) dunha nota de Dionisio Gamallo publicada xusto un mes antes do citado acordo municipal de darlle a Federico Á. Miranda o nome da praciña. En ‘La Comarca’ do día 12 de maio publicou Gamallo unha semblanza do seu irmán Vicente Álvarez Miranda. Entre outras cousas afirma que aos ribadenses tenlles que soar este nome “como consecuencia de existir, dentro del casco urbano de la villa, un callejón (por fortuna blanco y limpio) rotulado de este modo hábil y prometedor: ‘Travesía de Álvarez Miranda’”. Dá a entender, pois, Gamallo que o “callejón” xa levaba o nome de Vicente cando no concello lle poñen á praciña o nome de Federico. Eu non me atrevo a conxecturar máis. Pero o que si está claro é que, aínda no caso de que a Travesía fose de Vicente, a Praciña é inequivocamente de Federico.

    Xa no seu momento Gamallo intentou aclarar vixentes confusións entre ambos irmáns, por exemplo nas datas de nacemento. E é que os dous tamén faleceron relativamente novos e ambos foron escritores. Vicente, máis apaixonado e de carácter vehemente, era capaz de asombrosas improvisacións métricas, á maneira dos regueifeiros tradicionais, pero en versificación culta. Pero respecto da súa calidade poética, o sempre fiable diagnóstico de Gamallo, incluído na citada semblanza de Vicente en ‘La Comarca’ do 12 de maio de 1946, é claro: refírese a “su hermano D. Federico, mil veces superior como poeta a Vicente, y digno de la cuidadosa exhumación a que lo someteremos”. Esta última alusión refírese, claro está, ao previsto acordo municipal do mes seguinte de darlle a Federico o nome da praciña.

    En definitiva, non teño claro que á altura de xuño de 1946 Vicente Álvarez Miranda xa lle dese nome a unha calella (“callejón”) de Ribadeo. É probable. O que si está fóra de dúbidas é que o nome do seu irmán Federico deulle nome á praciña que se abre desde unha calella procedente de Amando Pérez e que desemboca, en lixeira costa abaixo, na parte alta da rúa Antonio Otero, case en fronte á Costiña Padre Sarmiento. En calquera caso, como a praciña leva o nome de Federico, non ten ningún sentido que na moderna placa de Sargadelos se lle atribúa o nome da praciña a Vicente nin que se aclare nela a biografía deste.

    Para rematar: Vicente Álvarez Miranda naceu na casona de Guimarán o día 30 de maio de 1815 e faleceu en Veracruz (México) o 5 de abril de 1858. Federico Álvarez Miranda naceu na mesma casa o día 30 de abril de 1817 e faleceu en Ribadeo o 29 de novembro de 1841.

20150304

Estarán a tempo?

Que a tempo para que? Para as eleccións, claro!
O título e o primeiro parágrafo darían para o comezo dunha charla á vista do anuncio, onte, das obras de Ramón González II (penso que sería polo menos III, contando a parte ó norte, entre Doutro Moreda e Rodríguez Murias) Coido que si, chegará... despois de dous anos de esperar pola Xunta, segundo o alcalde. Máis ou menos o final de obra calculo que será para cando o parque infantil tamén remate a súa obra, que non lembro ben se é a terceira no que vai de século (o que nos daría 5 anos/reparación) ou máis.
Embaixo, un mapa coas capas dispoñibles en Open Street Map, no que se ven as rúas que rodean o mercado, e Ramón González entre elas.
Por certo, mirando ó mapa, coido que o reflectir cousas como as rúas peonís por cambio de cor, ou as fontes, non está nada mal. Póñoo con nomes de rúas porque teño notado que os nomes das rúas non se miran moito nos carteis (non sei se agora mellorará coas placas de Sargadelos).

20170501

ESCUDO DA CAPELA DA VIRXE DE LOURDES DE SANTA MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo e recorrendo un pouquiño da nave principal, a primeira capela á esquerda é a da Virxe de Lourdes. Sobre o seu arco de medio punto atópase este escudo español en punta (característica francesa estendida na heráldica española), que está empotrado na parede do templo, polo que cremos sexa orixinario dun maiorazgo do Convento de San Francisco. Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra, con sete griletas vistas, e unha moi peculiar (pola feitura) gola de sete launas ou placas superpostas que protexían mellor o pescozo do cabaleiro que os cascos de gola ríxida, pois podía fixarse a coiraza, e lle permitían igual movemento lateral e frontal da cabeza. O burelete está adornado cun penacho de seis plumas. O casco pertence a un Conde (yelmo de prata, terzado de sete griletas de ouro perfilado do mesmo metal. “Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, 1858”). O adorno exterior consta dun elegante deseño de pergamiño con figuras en espiral ornamentadas con gravados de liñas estilizadas, clásicas do arte renacentista de finais do século XVI, profuso en cortes enrolados cara dentro e fóra, que lle dan esa prestancia emblemática da antigüidade de séculos, engadida á preciosa pátina de pavonado azul agrisado con que o vernizaron as fumarolas dos cirios e das candeas con que se iluminaban os fieis que percorrían rezando, cada estación do Via Crucis.
Para facilitarnos a labor de estudo dos brasóns do campo, lemos primeiro os nomes gravados na bordura, os cales pertencen as familias e ás Armas de cada cuartel: DE ACEBEDO (en flanco destro do 1º cuartel); DE PRESNO (flanco destro da punta do 3º cuartel); DE BA(A)MONDE (flanco sinistro do 2º cuartel); DE PARDO (flanco sinistro da punta do 4º cuartel).
Está cuartelado en cruz ou en catro cuarteis. No primeiro cuartel, tres estrelas de seis puntas en xefe e no cantón sinistro do xefe un crecente ranversado cunha estrela centrada de seis puntas. Á sinistra unha torre donxonada adestrada dunha árbore cun can atado o seu tronco mirando a destra. Son Armas que mostran varios liñaxes consanguíneos da Casa dos ACEBEDO. As estrelas e crecente son parte do brasón dos ACEB(V)EDO de Ourense. A torre donxonada é brasón dos MOREDA (igual torre aparece no 1º cuartel do escudo do Pazo de Triana da Casa de MOREDA de San Miguel de Reinante, claramente entroncada cos RIBADENEYRA e cos AGUIAR, como reza o lema naquela bordura). A árbore cun can atado ó tronco son as antigas e primitivas Armas dos ACEBEDO (en campo de ouro, un acivro de sinople -cor verde- cun can branco atado o tronco do acivro).
Este cuartel parece o brasón familiar dun matrimonio ACEBEDO-MOREDA. Os ACEVEDO, están entroncados cos Condes de Monterrei, por enlace de D. Diego de Acevedo Fonseca y Ulloa con Dª Francisca de Zúñiga, II Vizcondesa de Monterrei, filla de D. Sancho Sánchez de Ulloa, I Conde de Monterrey e de Dª Teresa de Zúñiga (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volume II). Estes apelidos FONSECA, ULLOA e ZÚÑIGA, aparecen de novo en Ribadeo en pleno século XX, no “Escudo de Armas do Parador de Turismo” (tamén en La Comarca del Eo, 22-Octubre-2016) ¿Por que hai esta coincidencia? Nós, non o sabemos, pero alguén o saberá.
Frei José Crespo del Pozo (ibidem, páx.17), destaca pola súa honestidade inmaculada e honradez acrisolada ó V Conde de Monterrei, D. Gaspar de Zúñiga Acevedo e Fonseca, Virrei en México e no Perú, que gobernou desde Lima toda América do Sur, desde 1595 a 1603, e mandou grosas sumas de diñeiro a España, e sobre a súa sepultura da igrexa franciscana de Lima, mandou que gravasen: “MALO MORI QUAM FOEDAR” (Prefiro a Morte Antes Que Mancharme). D. Gaspar cumpría o seu Cargo de Estado coa moral á que o seu Título de Nobreza o obrigaba, pois un Título non é máis cunha recompensa como recordo dun feito histórico, do propio posuidor ou dos seus antepasados, coa obriga moral de que quen o ostenta ten que ser, dar e demostrar, exemplo de conduta. ¡Polo que vemos nas noticias de hoxe en día, nalgúns xerifaltes con altos cargos políticos de Estado, pouco prendeu o exemplo de D. Gaspar!.
No segundo cuartel, unha letra “M” coroada rodeada de oito peixes, dous en xefe e dous en punta mirando a destra; en flancos, dous e dous altos (mirando cara arriba). Son armas dos BA(A)MONDE: en campo de azur (cor azul) unha M de ouro coroada do mesmo metal; bordura de gules (cor vermello) con sete peixes de prata. Notemos as diferenzas das Armas deste escudo, coas do relato de “Armas e Triunfos de Galicia”, onde alí constan dunha bordura, que neste cuartel non hai, e soamente sete peixes: 3 en xefe, 1 en cada flanco e 1 en cada cantón da punta, todos gravados horizontais mirando a destra; aquí, neste segundo cuartel, son oito peixes e colocados nas posicións arriba sinaladas.
A Casa BAAMONDE de Ribadeo, ¿onde estaba? ¿qué obra “urbanística” a fixo desaparecer, e cando?. Pois ben, esta Casa, empeza no século XV con Dª Constanza López de BAAMONDE que se casa con D. Sancho Méndez Abrana, de Grandas (Asturias). Seu fillo D. Fernando Álvarez de Baamonde, vaise para Chile na segunda metade do século XVI, e foi proxenitor desta liñaxe naquela nación sudamericana. En 1595 está en Chile de “encomendero” (tiña “indios” encomendados para traballar con eles, ós que tiña a obriga de costearlles instrución cristián). Cásase con Dª Beatriz de Guzmán, e teñen entre outros, un fillo en 1604, D. Jerónimo de Bahamonde que nace en Santiago de Chile, e cásase con Dª Juana de Puebla y Rojas, que sigue a liñaxe BAAMONDE de Chile. Desta mesma Casa de Ribadeo foi Dª María López Baamonde que se casa con D. Pedro Teixeiro y Parga, e teñen por fillo a D. Bernabé Baamonde Teixeiro que se casa en 8-Xuño-1668 con Dª Antonia de Torres Suárez de Villaamil nacida en Ribadeo, e un dos fillos, D. Agustín Mauricio Antonio Baamonde (n.1682) cásase con Dª Ana Bermúdez García de Amoedo, e teñen por fillo a D. Agustín Baamonde, nacido en Ribadeo, que se casa no Páramo (Lugo) con Dª Josefa Sarmiento de Ribadeneyra e seu fillo, D. Manuel Bahamonde y Sarmiento de Ribadeneyra, nace en Lugo e foi Capitán do Rexemento de América para onde se foi, sendo xa Cabaleiro da Orde de Alcántara en 1778 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volumen II, páx.148) A modo de anécdota, e como pobo mariñeiro que somos, diremos que os peixes debuxados no brasón dos BAAMONDE (“Blasones y Linajes de Galicia” Tomo I), son peixes de pescado branco (cola recta) mentres que os deste escudo son de peixe azul (cola en “V”) ¿quer dicir que uns familiares foron de río (de terra adentro) e outros de mar (mariñeiros)? ¿Ou ámbolos dous son peixes de río, ou ámbolos dous de mar?. Quizais só sexa, simple interpretación estética do artista gravador, pero quede como nota observada.
No terceiro cuartel, un castelo ameado con torre de homenaxe, tamén ameada, sobre terraza de rocas e ondas de auga, adestrado dunha espada baixa (coa punta abaixo) desenvaiñada e colocada en banda, acolada tras dun escudo español brasonado con dúas barras e bordura. Son Armas dos PRESNO que si tiveran esmaltes serían: en campo de ouro un castelo mazonado (gravado con liñas que representan as gretas da xunta entre as pedras de cantería) sobre rocas e ondas de auga de azur e prata, adestrado dunha espada desenvaiñada, coa guarnición de ouro, acolada tras dun escudo con dúas barras de azur e gules, con bordura dun terzo de anchura a das barras.
A Casa de PRESNO de Ribadeo ten como proxenitor a D. Gaspar PRESNO casado con Dª Florencia PARDO BAAMONDE, filla do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Saavedra, rexedor de Mondoñedo e Señor do Coto de Otero, neta do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Cabarcos que serviu trinta e dous anos en Flandes, Nápoles, Milán e Portugal, bisneto de D. Matías López de Baamonde, que vivía en Ribadeo en 1519, casado con Dª María de Sarmiento, Señora do solar de Sarmiento e do coto de Otero. Súa descendente Dª Xosefa de Presno e Baamonde, cásase con D. Antonio de Luaces e Somoza, xentilhome e rexedor do Concello de Mondoñedo, e súa filla Dª María Teresa de Luaces y Presno, falece en 1773. D. Manuel de Luaces estaba casado con Dª Rafaela de Presno Parga Fuentes y Donlebún (Blasones y Linajes de Galicia, José Santiago Crespo del Pozo, Tomo IV, páx.252)
Na Chancillería de Valladolid, D. Antonio García Presno veciño de Ribadeo, solicita Preito de Fidalguía en 1734. Un descendente contemporáneo dos PRESNO, D. Gumersindo García-Presno Cotarelo estaba casado con Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya (necrolóxica, La Comarca 14-Marzo-1954) unha das últimas ramas co apelido OYA en Ribadeo, descendente do matrimonio de D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo, casado con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, que teñen por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (o Escudo brasonado coas primitivas Armas dos OYA está, como veremos nun próximo artigo, na Capela de San Antonio e de San Xosé). D. Gumersindo e Dª María de los Angeles, tiveron por fillos a: D. Gumersindo, Dª María Vitoria, D. José María e D. Gabriel Desde estas poucas liñas, facer unha grata lembranza a D. José María García-Presno y Martínez de Aguiar que foi por un tempo Comandante do “Ciscar” (barco da República Española desde Xuño do 1937 a Marzo do 1938) a quen se lle deu o retiro de Capitán de Navío da Armada Española, no primeiro mandato do goberno de D. Felipe González. D. Xosé María, non estaba moi conforme co rango que lle recoñeceran, chegada a Democracia, para o seu retiro, pois, segundo a súa promoción, correspondíalle o grado de Vicealmirante ou General de División e non ó de Coronel. Na ditadura franquista, foi Xefe de Dique dos Asteleiros de Xixón e exerceu a Cátedra de Astronomía e Navegación na Escola Náutico Pesqueira e Superior de Náutica e Máquinas da Mariña Mercante de Xixón, cando aínda era Recoñecida da de Bilbao, e onde por circunstancias da vida, lonxe do noso lar ribadense e salvada a diferenza de idade (el perto dos sesenta e eu dos vinte), nos fixemos amigos e parolabamos a miúdo sobre asuntos do mar, dos barcos e un “pouquiño” de política. El fixera as Prácticas de Guardamarina no Buque Escola Galatea ó que lembraba sempre con gran cariño pois nel aprendeu a ardua disciplina da manobra dun gran barco de vela, da que era un entusiasta, e onde labrou o carácter de home sensato e de saber facer, dun perfecto mariño de guerra daqueles tempos. Os avatares da vida de D. José María merecerían un bo estudio biográfico, para darnos conta das reviravoltas que, un home condenado a Sete Penas de Morte por ser un “Comandante Roxo”, tivo que salvar durante e despois da Guerra Civil para poder sobrevivir. ¡Saudiños desde o noso terruño, alá onde esteas, amigo!
A modo de nota curiosa, atopamos na Lista de Rexistro de Barcos do Porto de Ribadeo, dous homes de mar antecesores de D. José María. No Folio 27, ó patrón D. José García Presno, que estaba o mando do quechemarín “Joven Ramonita” de 36 Tm de rexistro bruto, construído na Liñeira, segundo escritura de 13-Marzo-1848, para os armadores D. Fco. Antonio Bengoechea e D. Antonio Casas; e no Folio 45, consta o bergantín “Neptuno” de 149 Tm de rexistro bruto, construído na Veiga de Navia polo mestre D.Afonso Fernández Presno da matrícula de Viabelez, cuxos armadores eran: D.Fco. Antonio Bengoechea, D. Manuel Reynante e D. Emilio Erraez casado con Dª Concha Puelles, veciños de Ribadeo, segundo consta en escritura de 5 de Xuño de 1852, e que estaba taxado en 180 000 reais de vellón, incluída a arboladura. No cuarto cuartel do Escudo de Armas, unha aguia coroada mirando a destra, de ás abertas ou volante. Son armas dos PARDO, que ademais de ser de Dª Florencia PARDO BAAMONDE casada con D. Gaspar Presno, parecen ter que ver coa xenealoxía de D. Antonio PARDO BAAMONDE de Viveiro, casado con Dª María Somoza, de Santiago, cuxo fillo D.Antonio Pardo Baamonde rexedor de Santiago, estaba casado con Dª Antonia Cuervo de San Pedro de Cornazo, no concello de Vilagarcía de Arousa. Todos eles apelidos que aparecen tamén nesta feligresía de Ribadeo. Sobre este apelido, PARDO de veciños de Ribadeo atopamos na Chancilleria de Valladolid, outras dúas referencias: 1) Un Preito por Herdanzas, entre os anos 1743 e 1759, de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo, veciña de Castropol con seu irmán, D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, de Ribadeo, dono de “A Aduana Vella” (tamén en La Comarca del Eo 16-Abril-2016), sobre petición de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo para que se reduza a escritura pública o pacto que fixo con D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, para a partición da herdanza de seus pais. 2) Un Preito de Fidalguía, con data de 1780, de D. José Pillado Pardo y Rivadeneyra, veciño da feligresía de Nosa Señora de Vilaselán.
Como estamos vendo, en un escudo si e noutro tamén, tódolos Escudos de Armas e Brasóns de Ribadeo, están relacionados, uns con outros, por lazos familiares, se non é antes é despois, pois, seguramente os fillos das familias fidalgas casábanse entre si por non perder, ou para defender, os seus propios e comúns intereses sociais. ¡O Realengo...!

20180215

Letreiros para coñecer Ribadeo

Sirva como adianto do libro que non da visto a rúa sobre as placas de Sargadelos colocadas esta tempada en lugares especiais de Ribadeo, xunto cos letreiros xa dispostos noutra entrada e os que virán.


Artigo sobre a axudantía, da serie casas de indianos. O pazo indiano, tamén. E a igrexa da Virxe do Camiño (cousas aquí, aquí ou aquí entre outras entradas do blog).


20210521

DEDICACIÓN DEL NOMBRE DEL AUDITORIO. UN NOMBRE PARA EL AUDITORIO MUNICIPAL. José Mª Rodríguez

Artigo publicado por José Mª Rodríguez Díaz no seu blog O Cargadoiro (xa non funcional) o 9 de xuño de 2006. 

Viernes, 09 de junio de 2006

DEDICACIÓN DEL NOMBRE DEL AUDITORIO

UN NOMBRE PARA EL AUDITORIO MUNICIPAL

Todos los pueblos tuvieron sus próceres. Personas que, en los diversos campos de la actividad humana, han destacado por sus nobles y generosas aportaciones a la comunidad. Personas, dignas del aprecio y reconocimiento del pueblo, a quienes se suele honrar con la dedicación de placas conmemorativas, bustos, nombres de calles o dependencias para que sus nombres se perpet?en en la memoria de todos.

Ribadeo no es una excepción a esta regla. Su reciente historia pasada brilló con la dedicación y el trabajo de muchos de sus hijos que destacaron en los diversos campos de la actividad humana, artes, ciencias o letras, y que hoy merecen, junto con nuestro agradecimiento y nuestro recuerdo, ser proclamados y propuestos a los ciudadanos como modelos a imitar. A la hora de poner nombre al Auditorio Municipal de Ribadeo pretende el gobierno local dedicarle su nombre al que fue destacado impulsor de la cultura musical en Ribadeo, Hernán Naval. Todos sabemos de los esfuerzos de esta persona, en el campo de la educación musical, para devolver a Ribadeo su antiguo esplendor y prestigio. Durante los pocos años que desempeñó su trabajo entre nosotros, dirigió la Escuela de másica y la Banda Municipal, con mucha entrega y esfuerzo. Suficientes razones, sin duda, para que su nombre pueda figurar, con todo derecho, como distintivo de estas dos entidades.

Pero no se ha de olvidar, tampoco, que Ribadeo tuvo otras insignes y muy destacadas figuras, en cualquiera de las diversas actividades humanas. Personas que, a veces sin interés económico alguno, dedicaron toda su vida a enriquecer la vida cultural de Ribadeo. Personas que dejaron una huella profunda en este pueblo y que hoy merecerían, con más derecho, quizás, ser recordadas por los ribadenses, con la adjudicación de su nombre al Auditorio. A Carlos Álvarez Fernández-Cid, por ejemplo, distinguido musicólogo, muy conocido en los medios más prestigiosos de la cultura polifúnica, le sobran méritos para perpetuar su memoria entre nosotros con la dedicación del nombre del Auditorio. Su valía artística y su trabajo en nuestra villa está fuera de duda. Tuve el honor de ser testigo de las manifestaciones sobre la valía artística de Carlos Cid, hechas por el P. Samuel Rubio, gran musicólogo del monasterio de El Escorial, a donde Cid solía acudir con frecuencia a perfeccionar sus conocimientos musicales con la investigación y el contacto con los grandes maestros de la polifonía. Y el pueblo es testigo de como, durante toda su vida, y de forma altruista, dedicó sus esfuerzos al cultivo de la cultura musical en nuestra villa, logrando que ambos nombres, Carlos Cid y Ribadeo, sonaran al unísono en muchos rincones de España.

Pero la lógica con la que se desarrollan los acontecimientos no tiene nada que ver con la objetividad de las cosas. Hoy son los intereses políticos los que imponen sus reglas y se aprovechan de todo para sus objetivos. Y lo que está pasando en Ribadeo a la hora de dar nombre al Auditorio no es una excepción . Pero el interés general demanda otra forma de hacer las cosas, más objetiva y respetuosa, sobre todo, al tratar ciertos temas, en los que entran en juego los sentimientos del pueblo. Esperemos que la cordura y el sentido común se impongan para darle a cada uno lo suyo. A Carlos Cid el nombre del Auditorio y a Hernán Naval el nombre de la Escuela de música y de la Banda.-

José Mª Rodríguez

Outros Artigos de José María.