Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta peprich. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta peprich. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20170321

Peprich

Unha nota de prensa de onte, que deixo embaixo, da que se fan eco os xornais de hoxe, da conta dun fito no PEPRICH de Ribadeo.
Coido que o primeiro é deixar claro que é o PEPRICH: Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico. Enténdese que algo así como un PXOM máis detallado para a zona vella.
O PEPRICH na páxina do concello
Hai tempo que comezou a súa andaina, e, de feito, pode verse aínda na web do concello que foi aprobado de xeito inicial no 2014. Alí aparece unha ligazón (que deixei referida e usei nunha ilustración en agosto dese ano) que, a día de hoxe, non se pode usar, xa non hai o contido a que está referida, despois do que di a nota do concello de onte (que non avisa do feito) de que foron aceptadas abondas alegacións.
A nota de prensa de onte aparece sen ningún documento máis ó que se refira, facendo fincapé en que agora debe pasar o informe da Xunta nun prazo máis ben breve, que non especifica tampouco.
Esperemos que ese paso pola Xunta non se volte a convertir noutro enfrontamento de fondo político ós que nos teñen afeitos.
Non sei se o tema necesita tratarse en pleno (ten que haber un antes de fin de mes, xa foi a Xunta previa, pero aínda non está convocado, que saiba); polo que di a nota intúo que non, quedando sen máis información ata que a Xunta fale.
Mentres, outros datos recollidos nas páxinas da Xunta:
Case 400 000 € para o 'PEPCHA Ribadeo'
Aprobación inicial do Peprich


A nota que aparece na web do concello:
O CASCO VELLO DISPORÁ DUN PLANEAMENTO PROPIOS
Peprich
20/03/2017
O pasado venres foi asinada a aprobación provisional do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo. Agora o documento deberá ser informado pola Xunta para posteriormente sometelo á aprobación do pleno. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que durante o período de exposición pública do Peprich foron presentadas 122 alegacións das que o 75% foron estimadas total ou parcialmente.
O rexedor subliñou que "estes días vimos de dar outro pequeno grande paso con vistas a que o casco vello de Ribadeo dispoña dun planeamento propio. De feito o pasado venres asinamos a aprobación provisional do Peprich, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo, o que é coñecido popularmente como o casco vello".
Suárez Barcia explicou que "despois de manter unha xuntanza cos voceiros dos diferentes grupos políticos, onde por parte da empresa redactora Eptisa lles explicamos todo este período de dous anos desde a súa aprobación inicial en abril de 2014, despois de que se abrira un período de exposición pública para a presentación de alegacións. En total houbo 122, que se referiron maioritariamente á revisión de liñas de cornixa ou de fondos edificables, das cales estimáronse de maneira total ou parcial unhas 91, practicamente o 75% das alegacións presentadas foron estimadas ou total ou parcialmente".
O alcalde ribadense salientou que "este Peprich, que é un plan especial urbanístico do ámbito do casco vello, aínda que en extensión non é tan grande como o plan xeral loxicamente, si que conleva un sinfín de informes sectoriais de diferentes departamentos da Xunta de Galicia, de Patrimonio, de Urbanismo, de Medio Ambiente, etc…, como tamén de diferentes informes do Estado, do Ministerio de Fomento, da Autoridade Portuaria. En definitiva un total de 23 informes sectoriais que houbo que ir adaptándose aos seus requerimentos e nalgúns casos envialos varias veces ata que finalmente todos foron favorables, de aí que puidéramos facer este paso, que é a aprobación provisional".
Fernando Suárez detallou que "agora terémolo que mandar á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, que terá un prazo relativamente curto para facer un último informe, para que despois o pleno da corporación poida sometelo a aprobación definitiva. Ese será o último paso necesario para que este Peprich poida entrar en vigor e conseguir os obxectivos que se pretenden".
O rexedor relatou que "os obxectivos deste plan son a conservación, o fortalecemento da identidade e a posta en valor da vila de Ribadeo co seu conxunto histórico, manter o uso residencial como un uso característico do casco histórico, contribuír á recuperación das actividades produtivas, e rematar a ordenación do borde oriental e dos demais espazos baleiros existentes neste casco vello, e a mellora dos servizos urbanísticos e de urbanización".
Suárez Barcia recalcou que "é moi boa noticia que ven despois dun proceso de traballo moi longo e intenso coa empresa redactora Eptisa, á que lle estamos agradecidos polo seu traballo, e esperemos que dentro de pouco poidamos falar non xa da aprobación provisional como é o caso, senón da aprobación definitiva".

20210625

Botándolle unha primeira ollada ó Peprich

   O PEPRICH, Plan Especial de Protección e Reforma do Conxunto Histórico de Ribadeo, está aprobado. Coido que as lerias partidarias sobre a aprobación deben de quedar niso: lerias partidarias. E o contido, a ver.

   Son moitas páxinas e planos para que quede nun resume como 'bo' ou 'malo', e tamén para comentar en profundidade sen á vez ter un coñecemento profundo do tema. Por iso collo un par de ligazóns e algunha cousa dun dos moitos documentos. Máis adiante seguro que voltarei por algunha outra ocusa.

  O caso é que á documentación completa, que está accesible na plataforma na nube 'onedrive', e pode accederse a través dunha ligazón na páxina do concello, ista: PEPRICH Ribadeo

   Aí, a lista de documentos é ampla. Collendo un deles, o 'VI.2 CATALOGACIÓN DOS ELEMENTOS ARQUITECTÓNICOS E ETNOGRÁFICOS', podemos acceder a fichas como a seguinte sobre os bancos do Cantón (que deixo partida en dous polo seu tamaño, para poder manexala mellor no blog):



  Outras fichas son semellantes, e non deixa de haber lugares comúns ou repeticións erróneas: o documento é extenso e é de supoñer que haxa abondos erros, mais é inexplicable que, se foi repasado polos edís antes de ser aprobado, apareza unha mesmo foto da muralla correspondente á rúa da Muralla en 6 lugares diferentes, de tramos diferentes da muralla (e si, non é que apareza en todos os tramos da muralla como ilustración, só en algúns, que hai máis de seis referidos) e, en cinco, en lugar non correspondente. É unha das que deixo na ficha seguinte, sobre o tramo da muralla sobre Cabanela:


   Por certo que, seguindo os planos, pódese 'reconstruír' a muralla de Ribadeo, facer un recorrido polos límites do Ribadeo antigo, etc. Cousas aínda non realizadas.

   Algún comentario chamoume a atención, como o da ficha das columnas entre a r/ da Muralla e a r/S. Miguel:


   En fin, o documento, aínda que poda ter erros, non deixa de ser tan apetecible como descoñecido pola xente de Ribadeo. Neste mesmo tomo, repasar escudos lembrando o libro de Pancho Campos, ou a referencia da Fonte Cavada e dar un garbeo por alí, ou as escaleiras e lembrar o paseo con Teresa Díaz recorrendo 1000 chanzos de escaleiras no casco ribadense son delicias que nos podemos permitir coa documentación do PEPRICH aprobado.
   Xa digo, outro día, continuará.

20140811

Sobre o edificio da Praza de España en demolición (edificio do bar Cubano)

Hai algún tempo os ribadenses recibimos con sorpresa que un edificio da Praza de España, o que ocupaba a tenda de Solloso, se tiña vendido a Celso Dourado. Coido que a acollida, xunto cos planes de facer algo que podería ser un museo, foi positiva.
Ós poucos días de enterarme, observei como comezaban a traballar xusto na casa da súa beira, a que antes ocupaba o cubano e con un pequeno e curioso soportal en mal estado. Con posterioridade, completouse a demolición e tamén me chegou que é propiedade de Paisajes de Asturias, a mesma empresa que en Ribadeo mercou tanto boa parte da Torre dos Moreno como a Casa dos Perecitos (r/viejo Pancho e Pza. de Álvarez Miranda) e o Cine da Praza de Abaixo, as dúas primeiras con obras en diversos estado na actualidade e a primeira con destino predito cara a hotel e a segunda cara a vivendas. Empresa relacionada mediante a propiedade co Grupo Capio, como especifiquei no seu día.
Nunha mañá de luns luminosa coma esta, ocorriuseme ver como estaba o edificio do Cubano no PEPRICH. A toma de pantalla correspondente centrada no edificio é esta (limitado por a praza de España por diante, o edificio das galerías da r/Villafrande del Bierzo por detrás do terreo-xardín, Casa Maseda pola beira suroeste -na imaxe, cun circuliño na fachada indicando o escudo que ten coa ref. HE32- e a antiga Casa Solloso polo norleste, con algo máis de 19 m de diante atrás e de 195 m2 construídos de planta):
Corresponde, segundo a lenda do mapa, a Catalogación de edificación como estrutural, B.I.C e grao III de protección. Obsérvase que por tras ten un patio (en gris) cunha árbore.
Ben, o Peprich está en aprobación inicial, e a secuencia destes últimos tempos do edificio é a seguinte:
29 de xullo:
3 de agosto, onde se apreza ben a altura e perfil do tellado:
6 de agosto (onde se apreza o muro traseiro e a medianeira):

7 de agosto, xa sen medianeira nin soportal, e co muro traseiro medio derruído:
Hoxe é luns e a foto sería sen parede do fondo. Segue estando claro a superficie construída con anterioridade e prevista no PEPRICH, así como a altura previa. No cartel da última foto obsérvase ademais o destino do edificio: vivendas (5, o que parece abondo) e local comercial.
--
Nota (2016): Grupo Capio = IDC Sanidad = Clínicas Quirón



20211001

Burocracia Peprich

Imaxe tomada hoxe da web do concello

 

   O PEPRICH, Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico foi aprobado de xeito definitivo en decembro de 2020. Cinco meses largos despois, en maio, o pleno do concello fixo a aprobación definitiva (non, non é un erro esta repetición) e aprobou comunicar a todos os titulares catastrais dos terreos afectados.

   Hoxe, catro meses despois, recibo dous certificados coa notificaicón acordada. Non teño claro se é un erro 'a secas', se corresponden a dúas titularidades diferentes do catastro ou nunha trabucaron o nome, por iso das propiedades escrituradas a nome de ambos cónxuxes (descarto por extemporáneo o 'peor aínda', que a comunicación sexa só a nome do varón).

   En calqueira caso, levamos varios propietarios década e media para corrixir un erro catastral e só nolo deron corrixido de xeito parcial, co que a comunicación estaría mal, ademáis, debido a ese 'novo' erro que sinalo.

   Mais, aínda a pesar diso, queda o tema dos prazos. Resulta que un plan do que se dixo 'por fin!' cando chegou, é comunicado ós veciños (por lei teñen que facelo) con 10 meses de demora en relación á aprobación en Santiago (definitiva, segundo o escrito), ou, se se prefire, con catro meses de demora en relación coa aprobación en Ribadeo (tamén definitiva, como se ve na copia da acta que se envía). Non se comprende moi ben como, un plan tan esperado e xa dilatado no tempo por outras cousas, non é comunicado con máis rapidez, ou, tampouco, como é 'reaprobado' (non me vou meter en cuestións finas de tramitación Xunta-Concello) tardando cinco meses en facelo. Máis aínda cando xa se daba noticia da aprobación inicial no 2017, despois de levar anos accesibles os planos dende a web do concello.

   Certo, a informática multiplica a velocidade da posibilidade de resolución de burocracia. Pero parece que hai fallos abondo en moitos lugares como para que o sistema non sexa moito máis rápido que cando o de 'volva vostede mañá'.

   Por certo, se queres procurar o Peprich, aquí podes facelo.

Escritos recibidos


20150514

Para cando o primeiro pleno pleno?

Unha vez máis, o pleno manifestou ser unha cousa de políticos: eran os que estaban avisados de que o habería.
A ver se me engano. Ti que estás lendo isto, sabías con antelación do pleno que houbo esta semana? É máis, sabes cando foi? Ben, podemos aclaralo a auga pasada. Foi o día 11, o luns, e así consta na propaganda institucional do concello na súa páxina e así foi distribuído ós medios para a súa difusión, xunto cos tema tratados. Medios que puideron difundir unha foto de familia dos concelleiros, pois a maioría na próxima corporación serán novos, e o do luns foi o último do mandato. A foto pódese mirar nos xornais para asociar caras e campaña, como xa reseñei con outra diferente, a foto de presentación de 'Apuntes sobre Ribadeo'. O certo é que nunca antes me tiña fixado tanto nos abusos de propaganda partidista.
Sabía que tiña que haber un pleno este mes, antes das eleccións, por iso estiven olleando a diario a páxina web do concello. Atopei aínda martes a convocatoria para un curso que xa comezou, pero nada do aviso tantas veces pedido dos plenos, a manifestación por parte da alcaldía de que ten un mínimo interese en que a cidadanía participe, que fagamos algo máis que votar ou pedir dun xeito clientelista, mantendo o control por parte do poder, claro.
Ben, ata o de agora, nada novo en relación a uns cantos mandatos. Básicamente, os plenos están vacíos de xente e non hai interese en enchelos para que nos fagamos cargo dos nosos asuntos. Parece que chega coa propaganda posterior do que se tratou.
Pois imos tratar a propaganda. Cortopego a nota que leva colgada da web do concello puntualmente dende o día seguinte ó pleno:
"O REXEDOR AGRADECE O TRABALLO REALIZADO POLA CORPORACIÓN
Último pleno do mandato
12/05/2015

O Peprich e a liquidación do exercicio de 2014 centraron o último pleno do mandato, que onte se celebrou no Concello de Ribadeo. Esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, fixo balance dos últimos catro anos, dixo que foi un mandato moi frutífero no que conseguiron sacar adiante asuntos coma o PXOM ou a construción da residencia de maiores.

O rexedor contou que "no día de onte celebramos o derradeiro dos plenos ordinarios deste mandato 2011/2015, tamén rematando como empezamos con diálogo, con debate e sendo diferentes todos o grupos como somos entre nós, pero tamén no interesante para Ribadeo buscando consensos e buscando acordos como foi o caso. En primeiro lugar nesta declaración unánime que todos votamos contra un informe de Patrimonio, da Xunta, no que ten que ver co Peprich, onde lle pedimos que rectifique unha orde que nos da por non ser axustada a dereito concretamente cun empecinamento que ten Patrimonio, que favoreza o estreitamento da rúa Ibáñez. É algo que todos os compañeiros e compañeiras dos grupos da Corporación, xunto co alcalde, nos quixemos manifestar dunha maneira política para dicirlle a Patrimonio que non todo vale".

Suárez Barcia dixo que "outro dos asuntos moi importantes que se abordaron no pleno de onte foi a presentación da liquidación do exercicio de 2014, onde seguimos na senda positiva destes últimos anos, é dicir que pechamos os exercicios con remanentes positivos de tesourería, neste caso con 900.000 euros de aforro neto positivo, onde o límite da débeda que temos con bancos está moi por debaixo do máximo legal permitido. Por exemplo no último trimestre de 2014 seguimos cumprindo co período medio de pagamento a provedores, dentro de todos os parámetros esixibles e ao mesmo tempo reducindo o endebedamento bancario. Todo isto danos un marxe de liquidez para poder pagar aos provedores en tempo, algo que era impensable moitos anos atrás".

O alcalde de Ribadeo aproveitou para facer balance do mandato que remata: "creo que foi un mandato moi fecundo, moi frutífero, en cuestión de cousas importantes para Ribadeo. Aí está a práctica unanimidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o compromiso da Corporación por apoiar as demandas dos veciños para construír unha residencia de maiores en Ribadeo, a pesares dos paus nas rodas que outras institucións, nomeadamente a Xunta de Galicia, se empeñaron en poñernos. A parte de que na Biblia David lle gañou a Goliat  tamén aquí en Ribadeo un concello pequeniño lle gañou á Xunta nesa batalla por defender os intereses das nosas veciñas e dos nosos veciños".

E engadiu: "quero darlles os meus parabéns, non só aos compañeiros do equipo de goberno, senón ao resto dos grupos da Corporación que nese sentido estiveron firmemente con nós, e moitas veces opoñéndose aos seus partidos noutras institucións. Quero valorarlles a todos e a todas que sempre miramos polo interese de Ribadeo, sempre nos asuntos importantes tivemos a Ribadeo por diante, sen perxuizo de que en moitas outras cousas discreparamos, tiveramos desencontros… esa é a política, esa é a democracia, pero tamén é de valorar que nos asuntos importantes estivemos unidos. Quero darlles ás grazas a todos os que dunha maneira activa xa non van volver presentarse en listas e aos que nos volvamos presentar o pobo decidirá, dentro dun tempo, o sitio no que nos pon a cada un de nós".
"
O título da nota, moi político. Ó fin, cando alguén morre pasa a ser 'bo' de xeito 'oficial', non?
O mandato foi moi moi fructífero. Ben, iso sabémolo antes que a propia orde do día do pleno, que permanecerá descoñecida mentres non vaiamos polo concello para vela (se segue exposta, que teño observado son de curta duración) ou despois (a saber cando, que esta mañá a última acta colgada é do 2014), ver a acta colgada na web.
Certo que houbo boas cousas. A residencia de maiores impulsada pola xente a traverso das asociacións (algo moitas veces recoñecido, pero non no primeiro parágrafo desta, aínda que si máis embaixo contrapoñéndoos á Xunta, á beira do concello) ou o PXOM terán as súas luces e sombras, pero foron sacados adiante no mandato que remata.
Hai un punto sobre o Peprich, o ancho da rúa Ibáñez e Patrimonio. Houbo unanimidade, pero non me quedou claro que di a Xunta no seu informe, e polo tanto, a que se opuxo a corporación.
As contas do goberno van ben, aínda que por outra banda, os números poden bailar, pois xa teño visto un titular (A Mariña-El Progreso) manexando unha cifra metade que a que se anuncia nesta nota de prensa. Claro, os conceptos son algo diferentes... De calquera xeito, a economía do concello mellorou.
E rematou. De novo, grazas ós compañeiros e compañeiras da corporación.
Houbo máis punto que se trataran? Enterarémonos cando nolo digan, que para eso andan todos os partidos co da transparencia.
O centro de Ribadeo, segundo openstreetmap


20141012

a asemblea de O Tesón

Copiado de http://o-teson.blogspot.com.es/2014/10/borrador-da-acta-da-asemblea-xeral.html:

Borrador da acta da asemblea xeral mantida o 20141011

 Asamblea Xeral ordinaria da Asociación de Veciños O Tesón
Alto do Cantón Bar, 20141011, 20:00, con asistencia de 5 socios.

Antes de comezar decídese trasladar a asemblea ó alto do Cantón bar.
1.Lectura e aprobación se procede, da acta anterior
Dáse por lida a acta anterior e é aprobada por unanimidade.
2.Memoria de actividades e balance económico do ano ata o presente
Pásase revista ás actividades relacionadas coa asociación e realizadas dende a última asemblea, entre outras:
A denuncia pública da terraza do xardín, as alegacións ó Peprich, a petición de exposición das vidreiras da capela do cemiterio antes da súa exposición, a polo momento fallida viaxe a Burela, o estado das obras da residencia de maiores, as xornadas Ribadeo a Debate, as dúas xuntanzas da mesa de asociacións, o destino das preguntas realizadas ó pleno do concello, a rectificación da inclusión de O Tesón como participante na plataforma Ribadeo en Común, a nota resume do pasado ano e o noso xuízo sobre o plan preliminar para As Catedrais.
Faise un resume xeral, incidindo en que o concello non da unha resposta real ás numerosas interpelacións que levamos feito, non tendo avanzado no Regulamento de Participación Cidadá.
No mesmo punto pásase revista ó balance económico, que se expón a falta de solucionar unha factura de Eocar de 198 € que está aparentemente duplicada. A falta dese detalle, o punto é aprobado por unanimidade.
A 31/12/12 había un saldo de 6 909,68 €
Saídas: 4 066,69 €
Entradas: 3 742,80 €
Saldo a 31/12/13: 6585,79
A raíz da exposición das contas comentouse o fracaso económico da publicación das cartas da ría de Ribadeo, que se tentará dinamizar mediante a súa venda noutros lugares, como a oficina de turismo e Biblos.
3.Próximas actividades e previsións de ingresos e gastos
Decídese de xeito unánime manter o orzamento de cara ó próximo ano, e tamén continuar coa sucesión de actividades de anos pasados, incluíndo dúas actividades culturais, unha no outono e outra na primavera.
4.Rogos e preguntas
Coméntase sobre o estado das vidreiras do cemiterio e o cambio contractual das sepulnturas no cemiterio.
Ás 20:40 dáse por concluída a Asemblea.

20171124

As catedrais e a illa Pancha, entre outras cousas

Foi a presentación do plan especial das catedrais. Cargo algunha foto de Suso Fernández, a intervención de Evaristo Lombardero e un artículo posterior do mesmo (en dous formatos), a intervención de José A. Salvatierra, un comentario de Covadonga Suárez ...
A pregunta de Evaristo:
A pregunta de José A. Salvatierra:
Un comentario: "formulou unha pregunta para coñecer o porqué da diferencia de criterio en canto á protección da illa Pancha, entre os xestos de fastidio do alcalde, que tivo que ouvir o que este grupo pensa en público e en directo. A resposta, evasiva, porque non recoñece a súa competencia nin a súaresponsabilidade nas decisións tomadas ó respecto, propón, como solución ó que non lle guste, recorrer a alegacións ou a contenciosos administrativos."
O artigo:
 PLAN DE PROTECCION DAS CATEDRAIS
Dende o 16.XI.17 está colgado na páxina web do concello o documento “Plan Especial de Protección das Catedrais”. O documento ten 305 páxinas e ábrese un período de exposición pública de dous meses. O día 21 fíxose una presentación no auditorio polo Sr. Alcalde e os técnicos redactores. Imos espoñer moi brevemente as primeiras impresións.
1.- O documento e ás propostas (agás na número 6) teñen nunha relación tanxencial ca protección do medio ambiente. Non se concretan os elementos a protexer nen os indicadores obxectivos do deterioro. Consecuentemente non se fai unha mínima estimación da evolución anterior e futura destes indicadores. Nesto concorda cos documentos da Xunta de Galicia.
2.- O chamado “Plan de Protección” non pasa de ser unha ordenación urbanística, con fins puramente turísticos e publicitarios, cousa que tampouco se disimula. O turismo masivo non se cuestiona, nen tan sequera existe unha compoñente educativa. En realidade implícitamente dase por bo e semella que se estimula.
3.- A participación veciñal é nula, como se pode desprender de varios feitos:
a) Non houbo nengunha presentación ou debate previo dos obxectivos nen dos contidos do plan. Téñase en conta que van tres anos dende a adxudicación do proxecto aos grupos redactores.
b) O tempo transcurrido entre a publicación do documento e a presentación no auditorio foi de cinco días. Folga suliñar que se trata dun documento complexo de 305 páxinas.
c) A participación veciñal no futuro non forma parte do proxecto, nen se insinúa en nengunha intervención do Sr. Alcalde.
d) Anque éste é un tema colateral, na presentación non se puido explicar a coherencia entre o plan e os condicionantes económicos. Por non informar, non se puido nen concretar o custe estimado das expropiacions.
e) Respecto ao periodo de alegacións apelamos a experiencias anteriores. O Sr. Alcalde nunca resposta a nada. Nen no PXOM, nen no PEPRICH, nen infinidade de preguntas por escrito de diferentes grupos, nen mesmo nos plenos municipais. No mellor dos casos pódense atopar evasivas, desculpas ou saídas pola tanxente.
Esto é o que hai.
Evaristo Lombardero Rico


20140423

E máis auga

    O día do libro, con actos ó seu arredor, tamén en Ribadeo, a adxudicación das obras da residencia á UTE Anllar, a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo (o curioso acrónimo PEPRICH) e as bolsas de chan edificable en Ribadeo ou o coleteo da marabunta nas Catedrais serán hoxe novas tratadas nos xornais. O retorno da choiva coido que non merecerá tal. A auga, a 'outra' auga, a da billa, non o será, pero fará de comentario de fondo en moitas conversas. Hoxe tiña pensado tratar calquera dos outros temas, pero levantarse e ter para o aseo persoal unha auga na que non se confía na súa calidade fíxome cambiar de idea.
    Pouca xente lembra que a recollida da auga de Ribadeo comezouse a facer hai tempo do rego de Vilaselán, desviándoo cara ó 'Pipelo', despois pasouse directamente ás Fontes do lobo, o seu nacemento por tras de Santa Cruz, para a recollida da auga: aínda están alí as casetas ben visibles e usables, casetas que teñen saído xa algunha vez no blog [o tema da auga, dende diferentes puntos de vista, foi tratado en moitas ocasións, como aquí]. Despois fíxose un encoro no río Grande, á altura da desviación para Noceda dende a estrada Reme-Villamar, e realizouse o depósito á beira da estrada segundo se sube a Santa Cruz. E, por último, cóllese auga do Eo, con moito máis caudal que o Grande, á altura de Vilarbetote, súbese a un depósito que se observa alí por riba da estrada que leva a Lugo, e de alí distribúese a Trabada e á Ribadeo, pasando polo depósito que está un pouco embaixo de Santa Cruz a unha altura semellante ó de Vilarbetote, e que se ve sobre a estrada Reme Vilamar ladeira enriba e que é onde se atopa a estación de tratamento. No mapa collido do Sigpac dispoño de xeito aproximado as tomas de auga en círculos en negro e os depósitos noutros máis pequenos en vermello claro. A conexión do depósito de recollida do Eo cos  de Santa Cruz fáise a través dunha traída que segue de preto o trazado da estrada a Lugo e que non está en moi bo estado, como amosan os continuos cortes por rotura, polo que sería necesario substituír (para o que non hai cartos) xa que se se repara de xeito integral nas zonas de rotura, a presión podería facer estalar en zonas algo máis altas e en xeral de más difícil acceso, o que levaría a reparacións máis complicadas e longas, co desabastecemento pertinente.
    Ben, o tempo hoxe non da para máis. A ver se mañá xa está dispoñible auga de mellor aspecto para o consumo.

20140802

Resume da xuntanza alcalde-representantes da mesa de asociacións 20140801


Nota de prensa
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións coa alcaldía
Ribadeo, 20140801

A última hora do venres 1º de agosto tivo lugar no despacho da alcaldía de Ribadeo a xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións co alcalde, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
A xuntanza, que durou preto de dúas horas, fora preparada por seis das asociacións participantes o pasado sábado, acordando presentar a serie de temas que foron tratados.
O ambiente foi tranquilo, de confianza e colaboración, sempre tendo en conta que é no día a día no que se poden amañar as cousas, sendo o intercambio de ideas e pareceres o xerme para ese traballo diario, para o que non soe haber solucións milagreiras.
O primeiro tema tratado foi o regulamento de participación cidadá, posto enriba da mesa polas asociacións hai máis de media década e do que houbo un proxecto que tivo aprobación inicial do pleno, pero non chegou á aprobación definitiva polas alegacións presentadas. De novo brindouse o apoio asociativo para facer un documento que se considera moi importante para a calidade democrática dun concello, pasando dunha relación fluída que depende das circunstancias a algo cunha base normativa. Nese sentido, o alcalde apuntou que o tema podería tratarse de novo no próximo pleno ordinario, se ben sen ser un compromiso. Si apuntou que daríase difusión ás convocatorias dos plenos na procura de que os veciños teñan un mínimo de información sobre a xestión dos asuntos do concello que neles se trata. Asemade, e mentres non hai novidades no regulamento, ó final da xuntanza quedouse en que o primeiro fin de semana de setembro teríase outra para tratar os temas que daquela se estimen.
Pasouse logo a outro conxunto de temas relacionado coa construción, dende a terraza con baseamento de formigón no xardín ata o tratamento das licenzas de obra, pasando pola construción da residencia, cos problemas cos acuíferos e depósito de materiais en Sta. Cruz. Sendo temas ben diferentes, e polo tanto, con solucións diferentes, pediuse en conxunto unha maior atención, e dalgún xeito, coordinación entre alcaldía, gabinete técnico e policía local. O conxunto foi rematado lembrando que varios colectivos teñen presentado alegacións contra o PEPRICH. Respecto a este último, o alcalde indicou que ó rematar o prazo de alegacións particulares pasarían a un estudo das mesmas, indicando os representantes societarios que quizais fora boa idea comezar de novo e facer as cousas ben dende o inicio, dado os múltiples erros que se estiman.
O verquido producido no CAVI e as súas consecuencias foi tratado, tendo en conta que o centro de alimentación de vacuno irmandiños (CAVI) está en Barreiros, non en Ribadeo, pero as augas verquen cara ó encoro de Lexoso, que contribúe á rede pública ribadense. Apúntase que xa hai varios anos que foron denunciados verquidos, e que en datas parellas ás últimas denuncias, apareceron peixes mortos no pequeno encoro que hai no río grande en Cedofeita, o que se ben non parece ter relación con dito verquido, tampouco é a primeira vez que ocorre. Tamén foi tratado un problema menor de medio ambiente, o cheiro dos contedores en particular nalgúns lugares das parroquias.
Denunciouse que a estrada da Deputación á entrada de Ribadeo necesita un bo repaso, xunto coa nivelación de arquetas na mesma á beira do Colexio Público.
Sendo os anteriores os temas tratados na xuntanza previa da Mesa de Asociacións, abordáronse outros, como o estado do tema dos xulgados, tanto de Mondoñedo como da hipotética volta a Ribadeo, en relación coa aparición do alcalde na prensa hai non moito tempo, o estado da rede de abastecemento de auga, necesitada dunha renovación integral, ou da relación entre Ribadeo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.