Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta pandemia. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta pandemia. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230417

Post pandemia. A nova normalidade

Post pandemia. A nova normalidade 


    As novas deixaron xa hai algún tempo de falar de xeito regular de pandemia. Por suposto, o virus segue a circular polo mundo adiante, aínda que en versións menos perigosas e en menor cantidade, contando xa dende hai tempo cunhas vacinas feitas ás présas pero que serviron, aínda que dos efectos secundarios pouco transcendera.

    Así pois, o mundo leva volvendo á normalidade un tempo que se mide xa por ciclos anuais.

    O certo é que hai moita xente que dubidamos da volta á normalidade. Non porque non se vexa un abandono das excepcionalidades tomadas ou forzadas pola pandemia, senón porque a normalidade anterior non estaba definida. Non o estaba no sentido de que cada quen -persoas e sociedades- tiña a súa. En xeral, seguro que pouco tiña que ver a que consideraras ti, que estás a ler, da dunha neoiorquina no Bronx ou dun saharaui nun campo no deserto alxeriano. E, se consideras que ambos están moi lonxe para unha comparación, mira a 'normalidade' dalgún dos teus veciños e veciñas e de seguro que ves diferencias evidentes xunto coas semellanzas esperadas.

    Pero a consideración anterior é só un aspecto a considerar nesa volta ó normal. En plena pandemia, houbo quen dixo que íamos saír mellores. Pero non vimos que as guerras remataran, nin que o matonismo dos países ou na nosa sociedade desaparecera, que a discriminación por diversas causas se evaporara ou que a corrupción sexa auga pasada. Por suposto que hobo cambios: os aplausos ó persoal médico desapareceron para deixar paso ó aumento de queixas dos servizos de saúde, cada vez máis escasos de persoal e cartos. Agora ben, pódese dicir que cambiamos, ou que a normalidade xa non é a mesma?

    Hai uns días tomei unha foto á mañanciña sobre a fermosa ría de Ribadeo. Pódense contar nela as estelas de ao menos 13 avións. En pandemia, o cómputo era abondo máis doado. Non era necesario saber contar. Ou sexa, pasou a pandemia, e retornaron algunhas cousas de antes, da 'normalidade' anterior, fora o que fora. E, ó tempo, o mundo mudou. Os que temos certa idade temos visto moitos cambios, á vez que sentimos a sensación de que os novos cambios cada vez sucédense con máis rapidez, algo contrastado e estudado nalgúns aspectos, como a evolución empresarial. Ou sexa, despois de tres anos dende o inicio da pandemia, era lóxico percibir cambios. Pero máis aínda se hai que retornar dende as normativas impostas ou adoptadas por propia vontade e interiorizadas nos períodos de illamento, ofrecendo un contraste e perspectivas novas, que non había antes, ó tempo que hábitos que tampouco había. E así, é 'normal' que a 'nova normalidade' se pareza a antiga, pero ó tempo, que teña as súas peculiaridades. É dicir, que sexa 'outra' normalidade. E aínda máis, se temos en conta que o tempo de pandemia serviu tamén de catalizador para interiorizar e comezar a ver de xeito diferente fenómenos como o cambio climático e os seus derivados -de seca a vagas frías extemporáneas- ou a falta de recursos naturais, a contaminación, a perda de biodiversidade, aínda que coste moito máis traballo decatarse dunha das principais variables, da imbecilidade humana, con mostras incontables como as que provocaron eses fenómenos ou impiden mesmo a posibilidade de arranxo.

    Todo normal. Iso si, normalidade nova, como ven sendo normal.

20210321

Competición entre sociedades

   A sociedade pode amañarse sen nós. Nós sen a sociedade témolo cru.

   Estamos metidos en, vivimos en, sociedade. Un invento noso que nos fixo como somos a medida que a fomos facendo como é. Non fai falta ser sociólogo para recoñecer a importancia do feito social para todas e cada unha de nós como persoas.

   E, ó igual que as persoas, as sociedades, as agrupacións baixo estruturas estatais, calquera dos conxuntos sociais que conforman a sociedade humana, tamén teñen enfermidades e desaxustes. Feitos que non son diagnosticados co mesmo punto de vista que as persoas, por médicos, senón mirando doutros xeitos por estudosos diversos que non teñen por que ser sociólogos de formación. Pero que si deben ter unha compoñente de visión xeral, social ou/e empatía polos demais para comprender as interaccións máis aló do abstracto, na súa afección ó sentimento das persoas. É dicir, para ir máis aló do abstracto.

   E nestas, chegou a pandemia. Como expresión da enfermidade das persoas, mais tamén como manifestación de desaxuste social. Por causa e efectos. Sociais, si. E máis aló de se a orixe da pandemia tivo causa natural forzada pola fatiga da natureza ante tanto cambio que lle estamos a impor ou os cambios de costumes impostos polas normativas (tamén impostas).

   E é que, ó igual que o futuro dunha persoa enferma depende do tratamento, de xeito parello nunha pandemia o futuro da sociedade que a sufre depende do tratamento seguido. Remarco o de seguido en troques de recibido porque unha cousa é que un médico receite determinada beberaxe e costumes de vida (repouso, longos paseos, dieta...) a unha persoa e outra que a enferma tome a menciña do xeito pautado e se ateña á dieta.

   A pandemia -está comezando a albiscarse- pode actuar como unha desvantaxe para unhas sociedades en relación a outras, non só polo custe das vacinas ou as máscaras ou pola incomodidade de levalas e efectos que podan ter de empeoramento de condicións de vida. Quizais estamos centrados nos custes inmediatos do 'aquí e agora' e iso non nos permite ver ben os custes diferidos, como se ten visto coa discusión que con diversos matices houbo entre 'matar a economía' e 'deixar que morran as persoas'. Ou entre o 'erradicar a pandemia' e 'mantela controlada'. Alternativas con efectos a curto prazo diferentes, pero tamén con evolucións diferentes entre eles a medio e longo prazo.

   Mentres, as persoas tamén temos unha mentalidade como individuos e como integrantes da sociedade. E cada quen procura un equilibrio entre a dedicación a si propio e ós demais. E unha enfermidade afecta a ese equilibrio: ás veces temos que gardar cama, o que nos impide relacionarnos do xeito ó que estamos afeitos, ou sinxelamente gardar repouso, afectando ó traballo (e á diversión), levando consigo uns custes internos e uns custes externos, en diferente proporción para cada persoa. Alguén que viva ó día, sen aforros, nin despensa non terá a mesma tranquilidade nin necesidade de saír dun repouso que outra persoa con aforros e a neveira chea.

   De xeito semellante, a procura do equilibrio entre 'custes externos' e 'internos' en cada país foi (é) diferente en función de variables como o xeito de control da pandemia, pero tamén da densidade de poboación, illamento posible, tamaño, dependencia internacional, necesidade de movemento das persoas (viaxes internos e internacionais) ou distancia social acostumada. Así, na competencia entre sociedades, xa podemos ver as consecuencias dos diferentes impactos da pandemia segundo esas variables. Ou ten afectado o mesmo á China que á Unión Europea?

   Moitas cousas a considerar, máis aló dunha charla de bar... das que se dan moito nesta época (aínda que parece que se teñen trasladado tamén ós lugares de decisión).

   Miraremos algo máis aló dos nosos fociños? Dos nosos intereses/apetencias persoais/posibilidades?

20210825

Médico veterano ante pandemia de manual. Pablo Mosquera

   Nota: coido que tería que discutir con Pablo abondas das afirmacións que fai no texto. É normal que haxa discrepancias e non especifico a miña opinión antes dos textos. Mais esta vez, son numerosas e quería deixar constancia delas, por máis que o artigo difira de como foi entregado só polo seu versionado ó galego. Por certo, poderá compararse coa versión castelá ó ser publicado en Galicia Dixital.

Médico veterano ante pandemia de manual. Pablo Mosquera

Cando era estudante de medicina na Facultade da Complutense madrileña, o profesor Piédrola ensinounos como se comportan as pandemias e como son as cadeas epidemiolóxicas de todas as enfermidades infecto contaxiosas. Máis tarde, como profesor Asociado por oposición, de Saúde Pública, na Universidade Pública Vasca, fun eu quen ensinaba ao alumnado o que antecede. Durante máis de corenta anos tiven ocasión de enfrontarme con esas enfermidades infecciosas, e como a ciencia médica íaas dominando, ata o punto de lograr a declaración de enfermidade erradicada nalgún caso. Por iso, neste 2021 atópome ante dúas circunstancias que me sorprenderon: unha pandemia por un virus. Un estraño manexo do manual para romper a cadea epidemiológica tal como me ensinaron e ensinei.

Sábese quen é o axente causal. Como se transmite. Quen son suxeitos sans susceptibles. O curso da infección e as súas complicaciones clínicas. Como se diagnostica. A relación entre espazo, densidade de poboación, medio aéreo onde se comparte. Vacinación. Mutacións do virus. Pero tamén hai algunhas incógnitas por publicitar: tempo de incubación segundo a cepa mutante; tempo de duración dos anticorpos producidos polas vacinas; posibilidade de estar vacinado e seguir sendo vehículo de transmisión do virus; complicacións da infección.

E o máis impactante como enfermidade social. Sostenibilidade do espazo económico-laboral coas medidas de illamento para enfermos, infectados e susceptibles de infección. Engado, que por razóns que se escapan á comprensión científica, as medidas que se tomaron: cando, como, onde, e baixo o auspicio de que realidade xurídica, estiveron pragadas de vaivéns, incertezas e graves erros. Unha vez máis. A política invadiu o espazo da ciencia. Os mandarines estorbaron aos expertos. A política non foi a arte de gobernar que significa identificar demandas e atopar para aplicar solucións. O baixo nivel dos dirixentes cobrouse vítimas.

Tarde se quixo atender a chamada da OMS. Había que celebrar determinadas efemérides aínda que iso supuxese o desprezo á declaración de pandemia. O 8-M de marzo 2020, pasará á historia de España como unha data nefasta. Pero non menos que aquelas imaxes televisadas. Os sanitarios aplaudidos pero sen os equipos de protección individual fronte á enfermidade, o que ocasionou inxentes vítimas profesionais. As residencias de anciáns mostrando a súa cara máis cruel e miserable: auténticos almacéns de xente usada, que serven para aliviar conciencias familiares e establecer un gran negocio a costa da senectude dependente. A aparente autoridade dunhas comparecencias uniformadas que daban dicterios para un estado de excepción sen atreverse a tal xestión parlamentaria. Un Parlamento Nacional disposto a usar mortos e "feridos" como arma arreboladiza para lapidar ao Goberno, cando o preciso era un gran acordo de Estado.

Declarouse que todo cidadán "pillado" fóra da orde establecida, fóra acusado formalmente pola autoridade uniformada de resistencia e desacato á autoridade, case como en estado de sitio. Menos mal que o poder xudicial non fora subsumido polo sanchismo e garantiu a lei, os seus límites e en consecuencia os dereitos da cidadanía fronte á tempestade de movementos que a partitocracia atrevidamente ignorante e prepotente usou para facer que facían, cando non tiñan nin pajolera idea do que estaba sucedendo e de como aqueles recortes en sanidade-atención socio sanitaria eran un buraco polo que caían seres humanos cara á enfermidade e a morte.

Pasaron os meses, as estacións do ano, as festas de gardar sen festa. As vítimas da pandemia podemos situalas en tres cohortes poblacionais. Mortos e feridos graves que fixeron plétora nos centros de asistencia sanitaria. Pequenos emprendedores e traballadores que pasaron de vivir toureando uns ingresos a caer no pozo da pobreza. Xentes das máis diversas profesións, actividades, puntos do mapa, que sentiron a angustia -medo ao descoñecido- ao ver o desconcerto que só era realmente dramático cando os informativos daban o "parte de guerra contra o virus". Así estabamos cando apareceu a vacina. Entramos nunha nova fase pandémica. A industria farmacéutica ou o que sexa, emprendeu unha regata de traineras para ser os ganadores da bandeira. O primeiro que lograse colocar a vacuna no mercado tiña asegurado o maior dos negocios. Non importaban os pasos obrigados polos científicos a fin de garantir o produto. Non importaba que a poboación potencialmente receptora quedase eficazmente protexida co menor custo de efectos secundarios posibles. Non importaba que ao ser pandemia, as doses debían ser dispoñibles e sostenibles para todo o orbe, non só para os países do norte -Mario Benedetti-, Só importaba facer diñeiro coa angustia e desesperación da poboación susceptible de caer infectada. E entramos nunha nova dimensión. A denominada loxística da vacinación, por idades e con vacinas das que se comezaron a publicitar efectos secundarios moi graves, que nunca saberemos si os fixo pública a batalla entre industrias do produto ou foron realidade consecuencia do pouco rigor utilizado para a saída ao espazo sanitario dun produto feito apresuradamente a costa de eliminar fases previstas como necesarias para garantir a seguridade.

Tamén o Goberno decidiu que se equivocara. Máis ben que se estaba expoñendo demasiado. E así, da noite para a mañá sinalaron ás Comunidades Autónomas como axentes suficientes e máximos responsables das medidas para enfrontar a enfermidade. Mentres o sanchismo apuntábase os éxitos e beneficiábase do cambio naqueles temibles "homes de negro" que impoñían obxectivos económicos, fiscais e controis para a débeda. ¡Albricias!. Termináronse os controis do gasto. Xa non era cuestión de orzamentos. Liberdade para usar os fondos económicos sen mirar como impactaban no endebedamiento -¡manda narices, por encima do 120% do PIB!- Deixar a España na ruína só será un problema para os españois e para os próximos gobernos que deban enfrontar o caos económico -a única fórmula está en ser capaces de atopar a pedra que converta o granito en ouro-.

Cinco ondadas por mutacións do axente causal. Pero a propaganda oficial parece que o ten previsto para evitar o pánico. Facer do verán un canto á liberdade perdida. Volver ao negocio do lecer vacacional. Sinalar aos mozos e a súa inmadurez como causantes da quinta ondada. Seguir vacinando e presumindo de tal. Restar dramatismo ás horripilantes cifras de mortos diarios. Evitar que os científicos publiquen traballos socio sanitarios sobre a pandemia. Dar exemplo de "dominio" da situación, e xa que logo, ata o Goberno co seu Presidente á cabeza, están de vacacións. Usar a traxedia de Afganistán como cortina de fume fronte á pandemia. Presumir do cambio que han ter as cifras en macroeconomía grazas ao veraneo. Non pensar no outono..

20230509

Fin oficial da pandemia. Pablo Mosquera

Fin oficial da pandemia

A OMS indicou que rematou o estado de alerta sanitaria que declarou na agonía do inverno de 2019. Agora teremos dereito á información científica. Aínda que os primeiros brotes de datos epidemiolóxicos móvense en cifras moi pouco convincentes. Entre uns sete e vinte millóns de mortos pola pandemia.

Serei prudente. Espero ter un estudo a través da revista LANCET. Como antigo profesor asociado da Universidade Pública Vasca na disciplina de Saúde Pública, non é a miña intención pontificar sobre a orixe do virus causante nin o número total de mortes, enfermidades, secuelas crónicas e danos multidisciplinares. Pero si quero poñerlle título. A nosa civilización occidental comportouse como un Xigante con pés de barro.

Quero compartir co meu antigo compañeiro de OSAKIDETZA Rafael Bengoa que, premiado na Gala do 50 aniversario da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, dixo: "Nunca houbo tanta desconexión entre políticos e profesionais da sanidade". Referiuse tanto á forma de abordar a cadea epidemiolóxica do COVID-19 como ás consecuencias que se están a vivir, sobre todo na atención primaria, que cómpre reforzar con urxencia, xa que hai que ter en conta como foi e será ese vínculo, ser a "porta de entrada ao Servizo Nacional de Saúde", de tal xeito que se xa estaba obrigado, coas esixencias da pandemia os problemas estruturais aumentaron.

Debemos prepararnos para novas pandemias. Hai que mellorar dotándoa de máis recursos humanos, investigación e formación continua do cadro de persoal, e iso é o que falta é un Plan de Recursos Humanos, unha mellora das condicións laborais nos equipos de saúde máis aló destas consultas telefónicas, así como reforzar o concepto de audiencia para o sistema de asistencia cunha visión de polo menos 10 anos por diante.

Pero dúas leccións son indispensables. Recoñecer mediante análise científica os erros cometidos na pandemia. Poñer dunha vez por todas unha liña divisoria entre o espazo da política e o da sociedade civil, neste caso saíndo e consultando con expertos en saúde.

Por último, ter en conta que o investimento no espazo sociosanitario é garantía de saúde, eficiencia no gasto -evitando secuelas irreparables- e riqueza por ser un nicho de emprego de calidade.

Moitas veces non se quere admitir que nunha Rexión de España a mellor empresa é o hospital coa súa rede de centros de saúde.

Pablo Mosquera

20220109

A mortalidade durante a pandemia en Ribadeo e Vilalba (2020)

    Dende hai tempo levo seguindo a incidencia do coronavirus en Ribadeo, e, dende pouco despois, tamén en Vilalba. Nos primeiros tempos, ano 2020, a confusión foi grande en tódolos sentidos. Tamén estatística. Tense amosado que houbo fallos e manipulación, dificultando o cómputo non só de afectados, senón tamén de falecidos, con casos flagrantes, como o de seguimento do que pasou nas residencias de maiores, que esperemos se aclare máis algún día e no seu caso se trate á xente responsable dun xeito máis humano do que eles trataron a quen sufriu a súa actuación e a disfunción institucional. 

    En relación ó número de mortes debidas ó coronavirus, hai que ter en conta que a pandemia non actuou soa: a interacción con outras causas non pode resolverse con un 'esta morte é debida ó 60 % polo coronavirus e ó 40 % por "x"', e listo. Non pode a moitos niveis, tampouco a nivel estatístico. De calquera xeito, unha vez coñecido o número de mortes total de cada localidade, pode verse a variación en relación a outros anos e de aí apuntar a incidencia de novas causas que non existiran neses anos. Iso foi o que fixo entre outras entidades eldiario.es hai xa un tempo para tentar aclarar as cifras, e o que comento aquí para os concellos sinalados.

   Na noticia do diario, https://www.eldiario.es/sociedad/radiografia-70-000-muertes-peor-pandemia-exceso-mortalidad-municipio-municipio_1_8567930.html, poden atoparse mapas como os que deixo abaixo, que indican que en Ribadeo morreu no 2020 menos xente que a media da que morreu ano a ano nos cinco anos anteriores, cinco falecidos menos. O mesmo pasou en Vilalba, dous falecidos menos.

    Quere iso dicir que a pandemia mellorou a saúde en ambos lugares? Fiemos un pouco máis fino.

    En primeiro lugar, as estatísticas tenden a ser menos precisas nos datos e predicións canto menor é a poboación afectada. Aínda así, a poboación de ambos concellos é abonda como para que a variación esperada sexa pequena, pero non tanto como para tomalas ó pé da letra e considerar que o exceso ou defecto observado (cinco mortes sobre 132 nun caso, dous sobre 211 noutro) teña que ser debido de xeito exacto ó coronavirus ou a outra causa concreta, sen máis apuntes. É dicir, sen que poidamos non considerar outra explicación.

    No 2020 os dous concellos tiñan menos poboación que na media dos anos anteriores, un 0,6 % e un 1,9 % menos para Ribadeo e Vilalba, respectivamente. Como as variacións en porcentaxe de mortes son do 4%menos para Ribadeo e do 1 %menos para Vilalba, xa temos unha visión diferente da inicial: en Vilalba a mortandade xa superaría a media dos anos anteriores. En Ribadeo, a situación sería diferente, a variación de poboación foi relativamente tan pequena que non daría explicación de máis dunha das 'non mortes'.

    Mais é de aquí de onde se pode comezar a facer elucubracións. Todos sabemos que o uso das máscaras case extinguiu a gripe, incluídas as mortes a ela debidas. No ano 2019 morreron de gripe en España 3900 persoas, isto é, algo menos de unha por cada 10000. E iso daría conta de outra persoa máis salvada en Ribadeo e en Vilalba. Dese xeito, restando esa morte, Vilalba aumentaría os números vermellos nas mortes de 2020 en relación ós cinco anos anteriores, mentres Ribadeo aínda tería un 'saldo a favor' doutras tres mortes.

    Se pasamos ós accidentes de tráfico, no 2020 causaron case 500 mortes menos que no 2019, coido que explicables en boa parte polas restricións de movemento. E, aínda que iso representa unha diferenza de mortes de só unha por cada 100 000 habitantes a nivel estatal, así seguiríamos sumando.

    Recollendo o que xa indiquei ó comezo, que as estatísticas non son en xeral algo que determine totalmente incidencias para ser atribuídas a unha causa, coido que a pandemia fixo posible unha certa mentalidade de coidado dos demais e de autocoidado, ao menos durante un certo tempo, o que propiciou un pequeno descenso da mortalidade 'normal' ata entón. En España, no 2020 morreron unhas 75 000 persoas máis que no 2019. Esa tamén é a cifra aproximada que dá o INE para as mortes por coronavirus. Polo que remato de dicir, entendo que o número de mortes que tiveron ó coronavirus como causa 'principal' ou como 'agravante' foi algo superior, aínda que facendo números non me leve máis aló dos 80 000 casos, algo menos de dous por cada 1000 habitantes, que de xeito proporcional -só a nivel de exercicio mental, pois a incidencia en ambos casos, mesmo en Vilalba co brote no asilo, foi inferior á media española- levarían a uns 17 mortos en Ribadeo e uns 25 en Vilalba. O número exacto? Cóidate.





20200809

Enfermidade social. Pablo Mosquera

Placa de raios X do toras dun paciente con pneumonía derivada do COVID-19. Autor:Hellerhoff. Obtida de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:COVID-19_Pneumonie_-_82m_Roe_Thorax_ap_-_001.jpg Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported.
 Placa de raios X do toras dun paciente con pneumonía derivada do COVID-19. Autor:Hellerhoff. Obtida de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:COVID-19_Pneumonie_-_82m_Roe_Thorax_ap_-_001.jpg Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported.

   Ata unha infección comunitaria pode converterse nunha enfermidade social. O mesmo que por profesión, durante moitos anos, explicaba na UPV, as Cadeas de contaxio -epidemiolóxicas- das enfermidades víricas, tamén tivemos que explicar que cando unha enfermidade ten as súas causas na sociedade, afecta á sociedade, hai que tratala no conxunto da sociedade e erradicase ou controla con medidas preventivas de educación social.

   O baile de cifras que comprenden infectados, enfermos ingresados, coidados máximos e defuncións, falan de como a segunda oleada polo COVID-19 chegou antes do esperado e esténdese como mancha de aceite dende comunidades que tradicionalmente contratan temporeiros para o campo, cara a núcleos urbanos onde as aglomeracións polo lecer nocturno e festivo vacacional, propician o aumento da carga vírica compartida.

    Da primeira oleada a sociedade debería asumir: que o axente causal trasládase entre portadores sans, enfermos e profesionais. Estes últimos foron xunto aos residentes nos equipamientos sociais, as principais vítimas da pandemia. Pero hai unhas preguntas que debemos facernos. Poderá o sistema asistencial responder á segunda oleada de afectados? Sería lóxico pensar que esas Comunidades Autónomas coa sanidade transferida previron en cantidade e calidade de medios, a segunda oleada. Un illamento -confinamiento total- para evitar o aumento da contagiosidad é compatible coa economía produtiva do noso país? Tamén é de supoñer que os economistas reflexionen sobre o modelo económico que en tres meses case crebou, deixando secuelas malditas en parados e pobreza.

    E a terceira, pero fundamental. Os cidadáns deste país percibiron, asumiron e modificaron, aquelas actividades que favorecen a extensión da pandemia? É aquí onde a educación para a saúde triunfa ou fracasa. Cada cal debería predicar co seu exemplo e iniciativa, máis aló das máscaras. Custa tanto renunciar ás concentracións sociais, festas, lecer común, verbenas, manifestacións e celebracións compartindo carga viral? Ríamonos dos chineses e xaponeses, pola súa disciplina, polas medidas coercitivas que lles impuxeron as autoridades, pero está visto que esta pandemia compórtase como unha enfermidade social e debe ser a sociedade o principal instrumento para previla e atallala. Hai unha razón máis para que a mocidade o tome en serio. Tal como me informan os meus compañeiros dos hospitais máis grandes do país, agora non só ingresan por cadros graves as xentes talludas, tamén o grupo de poboación que vive o lecer, os deportes, a vida social e o consumo vacacional. Poida que o virus, como outras veces, mute. Tal mutación debería corresponderse con tres feitos indiscutibles. A actuación integral fronte á pandemia, non corresponde aos políticos, debe corresponder aos expertos sanitarios, aos que se debe dotar dos medios necesarios e permitir a adquisición de material e instrumental preciso, deixando claro que, agora máis que nunca, investir en saúde é produtivo.

    Non deben facerse trampas coas cifras de afectados nas súas distintas fases. Por decencia, por dereito cidadán á verdade e por ser tales cifras un instrumento moi útil para evitar condutas irresponsables e egoístas.

    Un determinado sector económico, non pode presionar e poñer de xeonllos ás autoridades: nacionais, comunitarias e municipais. Síntoo polas orquestras. Síntoo polos bares, discotecas e locais de lecer nocturno, pero o que nos xogamos é a saúde comunitaria e a vida. Si son profesionais debería serlles doado de entender, se son simples "chigreiros" haberá que facerllo entender.

    Non só debemos modificar o fráxil modelo económico laboral que temos instalado; é urxente e imprescindible reeducar á poboación nas súas condutas.

20210428

A pandemia e...


   A pandemia ten relación co noso xeito de vivir. En tódolos aspectos, estamos a cambiar. Usos sociais ou xeito de gastar, e mesmo xeito no que perfilamos as nosas ideas en relación a outros temas, como o medio ambiente ou o cambio climático. Por suposto, non en todos igual: os cambios nunha persoa poden ser mesmo opostos ós producidos noutra, froito de diferentes experiencias, se ben os cambios soen ser semellantes para un conxunto social, froito de experiencias semellates. De calquera xeito, ás veces sorprendémonos a nós mesmos percibindo cambios non pensados, ou, polo contrario, continuando con vellas costumes que fan frotne ás ideas que se fixeron de veracidade patente durante a pandemia.

   As mostras do que digo están por calquera lugar. Hoxe atopeime con este informe: durante a pandemia diminuiu o ruído ambiente en Galicia. Unha boa nova que indicaría un medio máis humanizado. Será persistente ou non? Iso xa é outra cuestión. Mentres, aquí queda o informe "RUÍDO AMBIENTAL 2020".

20200926

Electores en Ribadeo (II)

Como xa avisara en 'Electores en Ribadeo', dinlle unha pequena volta na procura de máis datos e máis indicacións. O resultado, a serie de datos oficial dende xaneiro de 2002, (ata agosto, un mes máis que a táboa colgada na web do concello nestes momentos), case 230 datos que compuxen en tres gráficos diferentes:

O primeiro, a serie enteira

O segundo, a comparación das series anuais, destacando a de 2020

O terceiro, a comparación só dos meses abril-agosto, os afectados pola pandemia na actualidade

Vaiamos polo primeiro:

Lembrando sempre que se trata de electores, e non de veciños, vese ás claras un aumento ó longo da primeira década do século, cunha diminución máis lenta ata metade da segunda década e logo, con irregularidades, unha meseta. Nunha gráfica de tanto tempo é difícil observar tendencias pequenas duns cantos meses, polo quje pasamos á segunda gráfica, comparativa ano a ano.

Está destacada en azul groso a liña correspondente a 2020, que só chega ata o mes 8, ata o primeiro de agosto. Dende o mínimo de febreiro (20200201), aumentou 43 persoas o censo en Ribadeo ata agosto (20200801), o que non parece moi representativo aínda que na gráfica se vexa que a liña tira cara arriba, pois a representación está magnificada para unha variación máxima de 600 electores (entre 7700 e 8300), precisamente para dar máis relevancia ás variacións.

Collendo os meses da pandemia, abril á actualidade (agosto, que a última cifra dispoñible), pois en marzo non había pandemia e a xente non podía andar cambiando oficialmente de residencia, queda a terceira gráfica:

Nesta gráfica -na que tamén está destacada en azul máis groso a liña de 2020- apréciase que a tendencia entre abril e agosto é, en xeral, a aumentar o censo de electores, sendo franca minoría os anos que a tendencia é a contraria. Nese sentido, a liña de 2020 estaría na normalidade, non sendo con diferencia o ano de máis aumento, pero tampouco diminuíndo, desmentindo así un aumento de poboación en Ribadeo por trasvase dende as cidades pola pandemia.

O que pase no futuro, a tendencia que poidera parecer lóxica de desparramamento da poboación na procura de entidades máis pequenas ou outras... iso, está por vir e catro períodos mensuais non son abondo para xulgar algo que pode estar a nacer.

20240705

Recuncho da lectura: Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia

 


Recuncho da lectura: Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia

     Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia. Dra. Sonia Villapol Salgado. ISBN 9788411103572. Básicos Ciencia. Xerais. Vigo 2023. 267 px.

    Libro de divulgación sobre a CoVid19. Básico se se quere ter unha aproximación informad á enfermidade e á pandemia, tratando todos os aspectos imaxinables dun xito sinxelo e claro, pero coa base científica que respalda a autora, autoridade mundial sobre o tema.

20200312

Sentidiño. Por Pablo Mosquera

  Como vello sanitario, crente na sanidade pública universal, devoto dos nosos expertos-compañeiros en Saúde Pública, orgulloso do coñecemento e a experiencia que atesouran os nosos equipos de Asistencia Sanitaria Integrada e Integral, creo estamos no mellor lugar posible ante unha Pandemia. Este país noso nada ten que ver con aquel de 1918-1920, cando trala primeira gran guerra unha Pandemia de Gripe abordelou Europa. Sabemos máis. Somos mellores. Dispoñemos de extraordinarios recursos sanitarios.
  Centrándonos neste o noso fogar. A antiga provincia de Mondoñedo. O mar do norte. Temos un clima que permite gozar ao aire libre, evitando as aglomeracións. Precisamente, por esa natureza patrimonial, somos lugar de cita para os viaxeiros do lecer e a cultura. Aínda que a mala noticia é a suspensión, por forza maior epidemiolóxica, daqueles eventos costumbristas que reúnen xentes e fan mistura cultural, non é menos certo que temos unha marabillosa alternativa, gozar en soidade, connosco mesmo, de tantos lugares que son bálsamo para as nosas almas zaheridas polas preocupacións ou a fatiga física e mental.
  Coñécese perfectamente a Cadea Epidemiolóxica do axente causal da Pandemia. Estase traballando en anular ese Xenoma proteico que forma parte do "poder" infecto contaxioso do virus. Pero hai algo que como sempre é fundamental. Non debemos preguntarnos que pode facer o noso país por nós, debemos preguntarnos que podemos facer nós polo noso país.
  Na medida que sabemos como se comporta o virus. A importancia que temos cada un de nós/as como suxeitos sans susceptibles, fontes portadoras de virus, podemos, sabemos e debemos evitar movilidades que aumenten as condicións do contaxio. Pensemos que non só os enfermos son susceptibles. Tamén os sans, sen sabelo poden ser portadores. De aí a hixiene persoal que se debe estender a todos eses obxectos-fómites que son "superficies" sobre as que asenta o virus.
  Por desgraza, estas Pandemias son cíclicas. Dispáranse cada certo tempo. Constitúen un grave problema de saúde pública. Pero sobre todo provocan pánico, cunha ondada de anguria social moi superior á extensión do propio virus, dando lugar a tempestade de movementos que debemos controlar cada un desde nosa propia iniciativa. Non se poden colapsar, por medo, os recursos asistenciais. Entre outras razóns porque os colapsos de instalacións sanitarias son punto de contaxio por densidad de usuarios, e por impedir a atención a outros procesos graves que seguen o seu curso e presenza.
  Observo unha dicotomía no comportamento. Os epidemiólogos tratando de conter a expansión da Pandemia e buscando que acade o punto álxido de casos detectados, pois a partir de aí ira decaendo, o que sempre foi directamente proporcional ao éxito da Educación Sanitaria. Os cidadáns "acosados" por tanta noticia, ás veces moi desafortunadas, ao que se suma a desconfianza no sistema político que temen que se impoña aos expertos en Saúde Pública. E é que unha vez máis, fai falta menos política e máis sociedade.
  Para terminar: o meu orgullo mariñán con agradecemento para eses traballadores/as do SERGAS que se presentaron voluntarias para acudir a domicilios para realizar as probas pertinentes. A miña pública disposición como médico, a ser requirido para calquera función -débollo á sociedade- E unha licenza persoal. Os Mariñáns sempre fomos duros e traballadores...

20200511

Os outros cambios de fase

Diagrama de fases (para a auga) en chino. Lic. CC-BY-SA-3.0, dende https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Phase-diag-zh.svg

Xa estamos axeitados a falar de fases. Todo o mundo sabe en que fase estamos. Vemos -máis ou menos, coa confusión lóxica en cada transición- cambios que significa. Asumimos que a loita contra a pandemia inclúe unha estrutura de fases de desconfinamento, que non podemos de pronto baixar todas as defensas, porque sería unha toleada.
Mais hai outras fases. Por exemplo, as fases dos duelos, que veñen a ser: a negación do feito, da perda; a ira como rebelión ante a perda; a negociación tentando comprender o que (nos) está a ocorrer; a depresión como impotencia; e a aceptación como evidencia de que se non hai nada que facer, hai que tirar para adiante...
Os cambios de fase sempre levan a confusión, despiste, exploración de límites... ó fin, trátase de facer a transición entre estruturas moi diferentes, e non sempre se teñen os límites claros. Algo diso está a pasar con outros cambios de fase: os que sinalan a variación da mentalidade que ofrecemos como sociedade. 
Un exemplo: pasamos de sorrir ante o levar mascariñas a levalas, en pouco tempo e razonando entre nós que o sorriso anterior era debido á desinformación -non falta de información, ou outros factores, non, senón desinformación- para, a renglón seguido ter xa superada esa fase e non voltar sorrir ante a vista das mascariñas, senón pasar á considerar que estamos por riba desa necesidade de protección. Evitando polo demais o feito de que estamos todos xuntos nisto, que non hai a salvación individual sen a protección colectiva.
Outro? De ser un tema secundario, a pandemia pasou a ocupar o universo das novas e das conversas. Tanto, que era aconsellable baixar a dependencia dese tema para evitar fixacións psíquicas. Ben, pois agora esa fase, da pandemia-virus no universo da comunicación entre nós, está dexando paso de xeito rápido a outra, a crise económica derivada. A nivel conversa e a nivel noticia. É curioso que cando o boom da comunicación sobre coronavirus se procurara indicación do que se facía noutros lugares, de xeito lóxico pois todos somos humanos, e as receitas son xerais. Mais nesta outra fase, a procura de indicacións quédase curta. E tenta ser substituída por imposición 'para onte' de toda canta medida se adopte alén da fronteira. Sen considerar que a sociedade, a estrutura económica ou os medios poden ser ben diferentes aquí que en Dinamarca, poñamos. Nese cambio de fase, queda só como curiosidade de casos puntuais o retorno atrás nalgunha disposición de xestión en Singapur, Corea ou China, o que non abonda para dar marcha atrás, ó tema anterior na importancia para a comunicación.
O cambio de fase mental, do conxunto de todas esas visións sobre cousas da vida e en cada un de nós, non é algo que se consiga da noite para a mañá. Hai quen vai máis lento, hai quen máis rápido. Hai quen ten establecido -porque o considera necesario- un protocolo para entrar na casa en relación á protección anti coronavirus e hai quen seguirá tempo estornudando sen nin poñer a man diante, como para pensar en protexer coa parte interna do codo como se aconsella. Hai quen segue a pensar que non pasa nada por contaminar, sexa queimando gasolina ou utilizando plásticos dun só uso, e hai quen procura minimizar o consumo e ve na perda da natureza unha das claves da produción da pandemia. Mais ese cambio de mentalidade está a producirse, un cambio de fase mental a nivel global -non de Ribadeo, Galicia ou España- e irá deixándose ver: as revolucións teñen algúns efectos inmediatos, pero ata que se deixan sentir dun xeito asentado na grande maioría da xente, pasa un tempo non desprezable. Ou, non hai quen cre aínda que o rei está por riba da lei?

20200905

Presentación do libro de Ángel Alda 'Diario de un Confinado en Olavide''

Onte foi a presentación do libro de Ángel Alda Diario de un Confinado en Olavide, xunto co suplemento Confinado en Ribadeo. Deixo aquí á ligazón ó audio sen editar, algunha foto e o texto que levaba preparado.


Momento antes da presentación. Foto cedida por Gráficas Santiago


Presentación do libro de Ángel Alda Diario de un confinado en Olavide

Casa das Letras, Ribadeo, 20200904


   ¿No es verdad, ángel de amor, que en esta apartada orilla más pura la luna brilla y se respira mejor? O comezo do Don Juan Tenorio antollóuseme no seu momento tamén un bo comenzo para a presentación que hoxe nos ocupa, a do libro de Ángel Alda, Diario de un Confinado en Olavide, reforzado coa aportación de Confinado en Ribadeo. É é que a propia vida é para cada un de nós un amor, e nesta apartada beira do planeta Terra que é Ribadeo certamente parece ás veces que a Lúa está só un pouquiño máis aló da man e quixéramos meter todo o aire nos pulmóns, de tenue que o atropamos e rico que está. E, lembrar cousas como esas dende un Madrid pandémico pode vivificar a un. Dende logo, abondo máis que atiborrarse de novas con estatísticas desbocadas ó tempo que incontroladas sobre enfermos, hospitalizados e mortos.

Puntualicemos. Cuando se fai unha presentación, ás veces hai que comezar por un mesmo. Estou aquí en función de lector de, e persoa que aprecia a Ángel, a máis de coñecelo un pouco, que todas as persoas somos un mundo que excede as nosas propias capacidades de comprensión, para canto máis comprender ós outros. Eu sería, na terminoloxía moderna, o que se coñece como un ‘local’, alguén que está familiarizado co entorno próximo e pode servir de ponte con outro entorno máis afastado por ter tamén un mínimo coñecemento del. Foi o meu blog Ribadeando un dos lugares onde apareceu de primeiras o Diario, capítulo a capítulo. E de xeito posterior, tamén o ‘Confinado en Ribadeo’, que me gusta imaxinar como unha auditoría externa a un tempo especial en Ribadeo. Auditoría realizada por un auditor con coñecemento previo da zona, que non en van leva dende o século pasado recalando polo lugar e empapándose do local: podo asegurar que hai cousas de por aquí que coñece mellor que moitos nativos.

Co anterior, metínme na presentación do autor. Ángel é o autor. Di que é o seu primeiro libro, pero eu matizaría para dicir segundo e como: a que se lle pode chamar un primeiro libro? O blog dende onde difundiu feitos, visións e ideas, El Ángel de Olavide, non pode considerarse un libro? De feito, esa visión de 12 anos de longa ten unha versión resume en papel. E iso por sacar á luz só unha das posibilidades que se me ocorren do seu traballo. Non, que sexan doutros estilos non quere dicir que o autor sexa primeirizo e escriba como tal. Como se soe dicir, ás probas me remito con este libro que temos hoxe diante de nós.

E pasamos ó libro.

Cando aló a mediados de marzo Ángel mandoume a primeira crónica, ó tempo que me facía partícipe da idea, pareceume iso, unha boa idea, e así llo trasladei. Para o escritor, para os posibles lectores e tamén para os escriturados, as persoas que dalgún xeito se poden ver relacionadas ou reflectidas no texto e nas imaxes. Naquel intre, claro, non sabía -nin eu, ni el- por onde continuaría. O tempo deume -deunos, a min só de xeito subsidiario- a razón, e comezou a escoitarse de varias iniciativas con certa semellanza coa proposta de Ángel. Pero nin as vivencias de cada un, nin o xeito de plasmalas, ou as ideas que levan consigo, son iguais. E estas, ao menos para min, teñen un ‘sabor especial’, sexa por ter seguido a súa evolución, por comprender algo mellor as circunstancias ó ter unha base previa de coñecemento do autor, por aprezar o xeito de expresión. ou polo que sexa: non en van vai medio século do ensaio de Susan Sontag ‘Contra a interpretación’.

Póñome a escribir sobre o libro, e lembro unha das cousas que no seu momento me ten chamado máis a atención de Madrid: aqueles lugares que deixan sentir a trepidación ó paso do metro. Unha sensación rara, á que nunca me din afeito nos meus sucesivos viaxes á vila e corte. Sensación que asocio a un movemento do subsolo, telúrico, que me fai ver Madrid non como algo extraterrestre inducido polas noticias ou lonxano se me ateño á duración da viaxe, se non rochoso, duro e pouco adaptable como a pedra dos seus edificios emblemáticos. E ven a conto porque os primeiros días -e despois- criticouse a escapada de Madrid. E esforceime por comprendelos, ós escapados. Escapando das multitudes incrustadas nun esquema ríxido de vida para un fluír máis ou menos tranquilo, algo lóxico a primeira vista. Aínda que viñeran con agasallo, en xeral, descoñecido, e mesmo deixando a unha beira normas ad hoc. O certo é que, con todo, foime máis doado comprender o transcorrer dos que se quedaron, cos que me sentín máis identificado e tiven outra relación seguindo as verbas de Ángel.

Si, Madrileños hai moitos, e polo tanto, de forma consecuente, de moitas clases. Hainos que, ó decretar a alarma, quedaron na súa casa e outros que alguén diría ‘saíron a expandir o virus’. O libro é un conxunto de historias, mellor, expresión de visións, relacionadas sobre todo cos primeiros, cos que quedaron en Madrid, a zona más afectada de España por la pandemia. E complétase co anexo adicado a Ribadeo, a esa extensión do confinamento que marcou a Mariña enteira mentres que Ribadeo tiña un caso computado. Unha extensión que pon negro sobre branco unha verdade: é un libro inacabado. Pero éo son só por unha, senón ao menos por dúas cousas: por fastío da pandemia e por cubrir una época, a da pandemia confinada, que non é seguro que teña pasado totalmente, como quedou amosado xa pola segunda parte, Confinado en Ribadeo. A primeira parte, escrita por un madrileño de Chamberí. Esta segunda, diría que escrita por un ‘ribadense adxunto’.

Unha cousa importante nun libro no que se expoñen visións e opinións, cuxa misión en certa forma entendo que é de servir de interface: existe un nesgo en Ángel, na súa escritura? Coido que máis aló do propio subxectivismo persoal, non. É dicir, en todo caso sería baseado ben en a) sentimentos, non en razoamentos, o que o faría dun tipo diferente ó que se entende en xeral por nesgo, ben b) nunha cuestión de espazo: non fai un recorrido completo, boto en falta algúns temas. Mais en relación a isto último, aínda que o libro está cinguido por vontade propia a un número de días que xa foi meirande do esperado, o conxunto posible de temas sempre é inabarcable, e iso, si, marca un nesgo natural, humano.

Para ir rematando e centrando as miñas verbas de xeito máis tradicional, recollo varias ideas do texto de presentación de Confinado en Ribadeo:

Ángel Alda estivo, literalmente, confinado en Olavide coas primeras medidas tomadas contra a pandemia do Covid-19. Literalmente. Mais, en certo sentido, tamén literariamente. Así, o diario é a súa testemuña nun período aciago -unha das súas facetas máis salientables, quizais a que máis- na vida ou nun fragmento da vida da poboación mundial.

Un aparte: di o autor na introdución que o libro é ‘produto do medo e do aburrimento’. Pode que sexa o parágrafo co que estou máis en desacordo. Sinxelamente, non o creo. Polo menos, non con esa rotundidade que está expresado. Pode que máis tarde podamos falar sobre iso.

Voltemos.

Despois, sufriu a primeira recaída nun territorio diferente, lonxe, apartado da centralidade madrileña, máis pequeno en moitos sentidos pero non en cuestións intrahumanas, as que tende a xestionar Ángel coas súas verbas. E tamén un territorio coa súa propia, pequena, centralidade.

Falei antes da non interpretación, de ir contra a interpretación dunha obra, da comprensión da arte. Da obra realizada, non do que representa a escritura, a realización dunha obra polo autor: tanto o libro como os apuntes complementarios, fan interpretación de situacións diferentes, non só no espazo, senón tamén no tempo e nos tempos, nas circunstancias do pulso vital durante e de xeito posterior ó primeiro envite de la pandemia.

O dito leva a preguntarlle ó autor, meses despois: volverías a escribir o mesmo libro? Considerarías que tería o mesmo significado?

20200503

Diario de un confinado en la plaza de Olavide

Unha vez rematado o conxunto de relatos sobre o estado de alarma pola pandemia -sen descartar algún epílogo posterior, que sería engadido-, paso a ligar unha soa entrada e por orde (numerados a modo de capítulos) a serie escrita por Ángel Alda ó longo do confinamento.
1.Diario de un madrileño en reclusión
2.Un gran aplauso colectivo para conjurar el silencio
3.Negación, ira, negociación, depresión y aceptación
4.La vida cotidiana es como una película en blanco y negro
5.Confinados y movilizados
6.¿Cómo vamos a hacer un regalo sorpresa a papá si está encima nuestro a todas horas?
7.Gatos, pavos y fauna callejera de Madrid
8.Yo viví la primera guerra mundial del coronavirus
9.Vida social en tiempos de pandemia
10.La ciencia y los expertos, los últimos brujos de la tribu
11.Confinados pero con internet
12.Vidas precarias
13.Una visita a Quevedo
14Gracias por cuidarnos
15.Cuidate de los profetas
16.Palomas, perros y el loro de Trafalgar
17.Mirar a través de la espesura
18.Vecinos
19.Tristeza, resignación y esperanza
20.El heroísmo de pensar
21.Vecinos al rescate
22.El kioskero del barrio
23.Apocalípticos y cínicos
24.Muerte y resurrección
25.Las víctimas silenciosas
26.El mundo de Manolita
27.Compañeros de viaje de las pandemias
28.Catorce de abril
29.Reivindicación del balcón madrileño
30.Llegar al verano como sea
31.Los viejos rockeros también queremos libertad
32.La crisis que viene (parte primera: un mundo sin gobierno)
33.La crisis que viene (parte segunda: tecnologías y soberanía)
34.Entre tanta polvareda, perdimos a don Froilán
35.El día del libro
36.Los que no protestan
37.La ciudad después de la pandemia
38.Una luz en el túnel
39.¿Qué hay de lo mío?
40.Cantando las cuarenta
41.Memento vivere
+ Pieza Extra
-- Máis de Ángel Alda:
El Ángel de Olavide, antigo blog de A. Alda
Ángel Alda en Knowsquare 

20200526

Da neve en Katmandú. Da realidade do coronavirus en Ribadeo

De mañá sobre a ría de Ribadeo.

Ribadeo. Día de sol e vento, 24 de maio. 
Nunha vila como a nosa non é doado percibir o cambio que o COVID-19 induce no clima. Máis aínda cando a cantidade dalgúns contaminantes como o dióxido de carbono, a nivel mundial, segue a incrementarse como amosan as medidas no observatorio de referencia, no alto das montañas de Hawaii. E se segue a incrementarse é porque a variación non é tanta como se pensa, aínda que sexa moita. [Nota: Se o observatorio está no alto e nunha zona apartada é precisamente para permitir que a atmosfera se mesture ben antes de medir. E iso leva o seu tempo, o que aminora as variacións puntuais]
O caso é que aínda así, co parón industrial, a redución da queima de combustibles fósiles, as 'necesidades sociais', etcétera, que se manifestan en plena pandemia, tamén queda patente a resiliencia -máis ben, a súa falta- da sociedade ante os cambios necesarios. 
Os satélites teñen documentado xa o ciclo de desaparición de contaminantes en diversas zonas coa rebaixa da actividade pola pandemia, e tamén, despois, o comezo do novo aumento a medida que se van restablecendo condicións de máis actividade, mesmo sobrepasando a contaminación anterior. Pero iso 'dos satélites' ás veces quédanos moi lonxe sobre as nosas cabezas para darnos por aludidos, vese como maxia e, ó tempo, algo irreal, virtual, cunha relación connosco abondo laxa -a non ser que nos interesen os datos para 'xa', como na predición meteorolóxica-. Por iso resulta ás veces máis práctico caer na conta de detalliños. Como o é nunha grande cidade notar que se ven as montañas ó lonxe. Así, en Katmandú rematan de ter á vista o Everest, a 200 km de distancia, algo que hai moito tempo que non era posible pola contaminación dunha cidade de dous millóns e medio de habitantes. Polo que parece, a última xeración non coñecía tal. En Europa, ten sucedido o mesmo coa vista do Mont Blanc dende Lyon, unha distancia parella.
Coido que esta tempada de verán que se achega teremos ocasión de preguntar á xente que vive na vila e corte se en abril vían mellor Navacerrada ou non. Aínda que é posible que, afeitos a vela entre a néboa, moitos nin se apercibiran dos posibles cambios. Ou sexa, como sucede en Ribadeo cos cambios menores. Os atardeceres destes primeiros días de saída tralo confinamento, co Sol sobre o Cantábrico, moitos deles asombrosos, non son moi diferentes dos doutros momentos antepandemia. Sorte que temos.
Pero esa falta de percepción pode levar a desligar dúas cousas moi relacionadas: a incidencia da pandemia nas nosas vidas e os efectos 'prácticos' da resposta que lle estamos a dar para protexernos, e a incidencia nas enfermidades do desastre ambiental que temos montado a nivel mundial, aumentando o dióxido de carbono e o efecto invernadoiro tanto como diminuíndo a biodiversidade ou envelenando aire e agua. Cousas que, unha vez desligadas na nosa consciencia, farían que quedara sen xustificar o necesario cambio no noso desenvolver como especie para ir cara un mundo mellor. Para que, se algo que xa se nos foi da cabeza, que non é máis cunha pantasma dun pesadelo que 'xa pasou'? Para que? Se non vemos a necesidade dun cambio para manter o noso mundo, se deixamos escapar a posibilidade que nos ofrece este cataclismo, o mundo seguirásenos a escapar e golpearános máis forte.

20200319

Un antes e un despois. Por Pablo Mosquera

Malia ter "antenas epidemiológicas" que nos avisan para a chegada de novas-vellas epidemias cíclicas, estamos ante unha crise con tres alicerces: Pandemia-Pánico-Crack económico. Supoño que a estas alturas se coñece perfectamente a cadea epidemiolóxica do fenómeno. Desde o "presunto" reservorio, a estrutura do axente causal, os mecanismos de transmisión, os suxeitos sans susceptibles de infectarse ou padecelo, o cadro clínico dos enfermos coas súaus complicacións, as previsións no tempo, e o máis importante: como se adquire a inmunidade fronte ao virus.
Debemos obedecer e confiar no sistema de asistencia sanitaria social integrado e
integral. Son quenes deben patronear o buque ante a tormenta perfecta que estamos sufrindo. Disto as xentes de mar, saben moito.
Da Pandemia sairemos. Do batacazo económico e laboral, xa veremos. Sobre todo
se os países como Alemania non axudan. Sobre todo se a UE e as súas "terroríficas" FMI-BCE-Consello, non cambian de modelo. E é que algo nos di que o sistema esgotouse. Que a Europa dos mercadores e do euro, terá que "facerllo mirar". Sen liquidez, sen ingresos extraordinarios, sen tecido laboral baseado en pequenas e medianas empresas, podemos caer na pandemia da pobreza.
Galicia sabe de illamentos. As nosas xentes foron por necesidade supervivintes.
Aquela autoxestión económica das familias. Desde o fogar, valéronse da terra,
a pesca, a masa forestal, a gandeiría e os animais de pequenas granxas. A
soberbia industrial case remata co sector primario. Agora para despois, haberá que declaralo estratéxico. Estimulalo e protexelo, sen intromisións de tratados que xa non serven. A nosa autoprodución volverá dar vida a as parroquias. Sucedeu durante as guerras. Serviu para paliar as necesidades alimentarias naqueles anos nos que o sistema viuse abaixo.
Teremos que darlle máis importancia a un médico ou a unha enfermeira, que a
un futbolista. Haberá que protexer antes os hospitais ou centros de saúde, que
espectáculos, concertos, reunións masivas. Valoraremos as aldeas. Cambiaremos
as nosas formas de vida. Retrocederemos para avanzar, repudiando a eses mercados globais. Daremos prioridade ao coidado das nosas xentes, antes que recortar os orzamentos que garanten a ciencia. Regresaremos ao humanismo. En tal debe consistir o novo Renacemento.
As pequenas empresas serán o noso tecido de abastecementos - aquelas que desprezamos- E como dicía o meu amigo Cándido Rei Camba. "Sempre nos quedará o mar"

20200408

A economía mundial ao servizo da dignidade. Pablo Mosquera

    Na medida que somos máis fortes ante a infección, reparamos nas súas consecuencias. Na medida que as cifras de enfermos e mortos se aplaquen, descubriremos as feridas da pandemia sobre o sistema no que vivíamos ledos e combativos.
    Non podo por menos que recitar aquel poema de Mario Benedetti que popularizou Serrat. "El sur también existe". Pois agora somos o sur. E miramos ao norte, ca súa opulencia e lles imploramos axudas. Estamos a descubrir as consecuencias da globalización e da maldita deslocalización. Si, esa fórmula economicista que trasladou a produción para aqueles lugares onde a man de obra é barata, amestrada, sen dereitos. Estamos descubrindo as miserias do capitalismo no que fomos felices consumidores confundindo o necesario co superfluo ao servizo da publicidade ou da presunción na mal chamada sociedade con desenvolvemento tecnolóxico -nenos famentos coincidindo na mesma xeración con nenos con smartphone- ou regos para campos de golf mentres outros seres humanos en África fan quilómetros para saciar a súa sede.
    Esa Europa do euro que nola venderon como forte, solidaria, competitiva con outras economías, onde iamos ser cidadáns de plenos dereitos, pero descubrimos que os europeos do sur, se queremos axudas para mitigar a pobreza que nos ameaza, deberemos aceptar as condicións leoninas para acceder ás súas axudas de usura, e así ser os seus escravos. E como aperitivo aí están eses fondos europeos de recuperación que nos negan. Berramos, pedindo acceso a liquidez, como enerxía vital para as empresas, esquecendo normas e tratados que se quedaron inservibles, pois aos Estados confinados pola pandemia, arróxanos a endebedarse como única solución de supervivencia. Pero si queremos sigan vivos os pequenos emprendedores e traballadores, necesitamos ingresos solidarios para que a pandemia non nos transforme nunha legión de parias famentos e desesperados e ser pasto de ideoloxías totalitarias.
    Buscando puiden atopar o pensamento público dun home de Estado. J. Borrell desde o seu exilio avísanos. África será o novo foco para a segunda oleada. "Haberá que buscar respostas coordinadas a escala global". Para sacar a Europa da crise económica, que poñerá en perigo a propia supervivencia do proxecto común, fai falta un plan de débeda mancomunada, xa que moitos países non poden endebedarse máis. "Fan falta fórmulas e mecanismos financeiros máis solidarios e unitarios porque as circunstancias requíreno". Fai falta actuar desde os Estados para que non haxa unha destrución do aparello produtivo.
    Pero hai moitas dificultades. A primeira, a talla dos dirixentes. A segunda, as tácticas para facerse co poder geopolítico. A terceira, o desprezo ao pobo, ao que tratan como mero asento contable. A cuarta, a alienación para as novas xeracións. A quinta, o control férreo sometendo ás liberdades. Pero, a resposta a tanta inxerencia... Só nos falta gritar como en tempos do "nefasto Fernando VII", ¡vivan as cadeas!

20230108

A pandemia que nunca se foi. Pablo Mosquera

A pandemia que nunca se foi

Sabémolo. Hai dúas nacións. A que pintan os que mandan. A que sofren os que obedecen. A que paga IRPF sen rechistar. A que tras virguerías contables ou financeiras escurre o vulto e paga o mínimo. O peor é que a esquerda xa non é tal. Agora só importa estar e gozar. Para iso páctase co diaño. Agrándanse as diferenzas entre pobos e persoas.

A mentira e a manipulación son ferramentas comúns á dereita e á esquerda. Xa ninguén se acorda daquel anuncio dos cen anos de honradez. A verdade faríanos libres. Por iso ténsella vixiada. A última fazaña. Miguel Sebastián, que non é sospeitoso de ser caste derechona dixo: "COVID 19, balance de decembro 2022: forte repunte". Supoño que de inmediato será proscrito. Se existise o Santo Oficio faríalle como a Galileo. Ou abxuras, ou queimamoste...

Sorpréndennos con datos que non proceden de China, proceden do outro xigante asiático: a India. E ademais lémbranos que no culto e tecnolóxico espazo de occidente o virus matou a máis de cinco millóns de persoas.

Pero introduce unha terrible disxuntiva. A libre circulación do virus sen restricións. A pesar das ocultacións voluntarias para evitar "o pánico e os seus efectos sobre a economía", pasamos dos 12,5 millóns de infectados en novembro aos 17,1 millóns de infectados en decembro. Os novos casos diarios, novas mortes por día -agora xa non se publicitan nos informativos- e a porcentaxe de vacinación con pauta completa, permite afirmar alto e claro que a pandemia non terminou.

E o máis importante para os que dedicamos unha parte das nosas vidas á saúde pública como profesionais -asistencia, docencia e investigación- o ritmo dos contagios ten moito que ver coas aglomeracións festivas, a climatoloxía que convida a compartir espazos pechados e a mutación no xenoma do axente causal. Que problema hai en volver recomendar as máscaras en espazos pechados?.

O noso sistema de asistencia sanitaria, sempre por estas datas que coinciden coa alza dos brotes gripais, tende a colapsarse. Co que a mortalidade por outras doenzas pode verse aumentada. Non esquezamos que hai clara relación entre o tempo que se tarda en atender determinadas patoloxías como os tumores e o prognóstico para coas devanditas entidades nosológicas.

    Pablo Mosquera Mata

20200825

Por detrás da realidade

 

Por detrás da realidade

   Imos por detrás da realidade. Quizais na nosa terra máis que noutras partes, mesmo nalgunha parcela moito máis que nalgunha outra. Pero é algo xeneralizado. Estámolo vendo reflectido máis ás claras que nunca coa pandemia, pero é algo moito máis xeneralizado, non correspondendo tampouco só coa pandemia.

    No caso máis actual, o coronavirus, téntase regular a vida para evitar a morte, despois de que esa morte vai presentando algún que outro trazo que a permite clasificar e estudar. Pero os estudos levan o seu tempo, e mentres, a indecisión ou a decisión sen datos claros abondo, no medio dun mar de noticias parciais, da resultados moi limitados. Sábese -mesmo estaba anunciado, como tantas outras cousas que ás veces se cumpren, pero non sempre en tempo e forma- das causas últimas desta pandemia. Causas relacionadas con outros males, coa destrución do noso propio mundo. Pero o que se trata é de poñer parches para mitigar os efectos, non solucionar as causas.

    É así. En xeral, no conxunto de amezas globais, estase a tentar regular algo no que as compañías privadas, intereses privados, o beneficio a curto prazo, van por diante das estruturas comunitarias, dos intereses comúns. Dende os patinetes eléctricos á privacidade, pasando polo espolio dos recursos naturais ou a contaminación atmosférica. O que se fai en tódolos casos, por sistema, non é tomar a iniciativa social, senón tentar regular unha actividade que naceu enfocada a un tipo de economía e se tenta limitar axustándose a ela, nunha especie de principio de mínima acción xunto coa consideración e valoración do que xa marca a propia iniciativa a regular. É dicir, reforzando e protexendo os intereses privados. Privados non como oposto a públicos, senón a comúns. E iso ten consecuencias para o futuro, inmediato ou non. Para o xeito de pensar e de actuar. E repercusións para todos neste pequeno mundo no que aínda que pareza que podemos illarnos -que alguén puidera-, interdependemos cos demais.

    Vémolo no caso do coronavirus, e non só coa forma de protección individual/colectiva, de resposta dos hospitais privados, da produción e comercialización de máscaras ou respiradores, ou a regulamentación económica paliativa. Pero, como podemos reaccionar como sociedade se alimentamos o encorsetamento nunha estrutura económica que cada vez máis se parece a unha cárcere da que non se pode saír? O da imaxinación ó poder é un vello berro que deu ímpeto a un inicio de revolución que se quedou niso, en inicio. Mais é a imaxinación e traballo na creación de novas relacións, novas institucións e novos xeitos de desempeño institucional ou a identificación e deseño de infraestruturas alternativas de subministro e uso de servizos, o que pode facilitar o acceso ós coñecementos prácticos e a un efecto transformador na sociedade. Un efecto que empodere á sociedade para enfrontarse ós desafíos.

    Mentres non se recoñezan na práctica -coñecidas son- cousas como que na actualidade o capital non é democrático, e polo tanto, a democracia non lle afecta, mentres a democracia se ve afectada polo capital, a sociedade estará suxeita ós cartos, e o ‘retorno da inversión’, calquera que sexa, seguirá como unha bóla de neve que no seu avance deixa o camiño despexado, un sendeiro que invita a seguir na mesma dirección, sen saírse.

    Hai tempo que somos conscientes de que o coñecemento e a tecnoloxía, esa que tanto nos gusta porque parece que fai milagres, son ferramentas, e non se aplican a anticiparse ós problemas, a actuar sobre as causas, senón a tentar paliar os efectos, indo por detrás: non están a facer de chave das noces. Pero calquera sabe que nun xogo -si, iso que os nenos e os maiores fan para entreterse e entrenarse para a vida- quen vai por detrás, perde.

20200507

Baixamos un posto


   Non se trata de conseguir unha clasificación para os xogos olímpicos nin nada polo  estilo. Trátase do número de mortos polo coronavirus, ese que aumenta cada día e que en cada estado (mesmo dentro, nas divisións administrativas que poda ter) se mide de xeito diferente, mesmo con cambios no tempo, quizais para favorecer a política que se está a levar, quizáis por simple descoordinación. E si, pouco a pouco vannos adiantando outro países. Hoxe por hoxe, os Estados Unidos levan a cabeza e siguen cun aumento que non da mostras de diminuír o ritmo. Italia pouco a pouco vai separándose de nós, pero aínda así xa foi adiantada polo Reino Unido, que a semana pasada aínda camiñaba por tras de España. E Francia parece que entre hoxe e mañá terá o dubidoso honor de adiantarnos nas contas.
   Nese maremagnum de datos dificilmente homologables, coido que aínda coas diferencias de cálculos estatísticos, que dificultan a interpretación, queda patente o resultado das diferentes políticas tomadas en relación á pandemia. 
   Por imperfectas que foran en todo occidente as medidas tomadas, e dificultosa a súa aplicación e seguimento, a resposta dos números en tódolos países vai xurdindo un par de semanas despois. Claro, se se tomaron medidas dun xeito máis ou menos uniforme, que onde non se tomaron, as cifras toman unha tendencia diferente. 
   En oriente, tras varias crises sanitarias por virus diversos ó longo do século, van aprendendo e aplicando medios máis efectivos en apariencia, aínda que con reservas: con estatísticas fiables e resposta óptima podemos mirar tan só a Corea e Taiwan. Outros países xa requiren, cando menos, de matices. Así, o caso de Singapur, a cidade estado moderna e eficaz, que se ben ten contido a expansión, parece terse esquecido de que os inmigrantes hacinados tamén son persoas, e son contaxiados e contaxian. Algo que hai cen anos xa se comprobou por estas terras co caso da mal chamada 'gripe española', onde se ben as 'clases altas' máis ou menos tiñan medios para protexerse e usaban mascarillas, acabaron contaxiadas tamén en masa nas sucesivas oleadas que azotaron Europa e Norteamérica: os mesmos servintes que as coidaban, ou os obreiros das fábricas que poseían, non tiñan medios de protección e hixiene, e serviron como vector de infección.
   Hoxe poden comprobarse máis cousas sobre a vida dos países, e a cultura de resposta en relación á pandemia, aínda que quede moito por saber do virus. Así, os países que teñen sistemas sanitarios públicos ben dimensionados responden mellor en número de mortes que outros con semellante número de casos e que non os teñen. Aí está o exemplo de Alemaña e Francia, cun número de casos semellante, pero unha relación entre o número de mortes de 2 a 7.
   Houbo ó longo da historia da pandemia, entre outros, tres países que destacaron como noticia en España por manter políticas de 'aquí non pasa nada, e a economía segue a ser o importante', EEUU, o Reino Unido e Brasil. Os dous primeiros xa foron nomeados: nos EEUU cada estado está tomando medidas diferentes -ou non tomando ningunha-, e no R.U. houbo un certo viraxe despois de que Boris Johnson enfermara, quedando a suba de casos e mortes en ambos nunha recta inclinada. O Brasil, polo contrario, segue sen actuar, e a curva de mortes, o mesmo que a de contaxios, está a inclinarse máis e máis.
   Aquí, sexa Galicia ou España, pouco a pouco os datos diarios descenden, mentres vemos como se encona a loita política na que a valoración das persoas queda mediatizada sexa pola economía, sexa polos votos, sexa, sinxelamente, polo poder. O goberno é difícil, e sempre obxectable. Hoxe non me meto niso, a non ser por citar unha vez máis a ostensible diferencia co que neste caso está a pasar en Portugal. Agora ben, que baixamos postos na lista? Vale, si, pero os mortos seguen a aumentar. Ata que punto estamos mentalizados para asumir cada quen as propias medidas para non actuar como axentes de transmisión? Pola miña parte, coido que é un aspecto fundamental -no que intervimos todos-para decidir os tempos de desescalada nas medidas colectivas, nesas nas que intervén o goberno.

20200509

Primum vivere, deinde philosophare: do DNI ó móbil e das moedas ás tarxetas

Graffiti en Ribadeo

   "A política non me interesa" é algo mantido ata que... se entende que son decisións políticas as que controlan as nosas vidas, como as que teñen obrigado ós médicos a ter que elixir entre que enfermo van tentar salvar e cal van sacrificar. Non, o anterior non é algo que se me ocorrera a min, senón algo moi coñecido, se ben neste caso lembroumo Serge Halimi.
   Este artigo non vai deixar de ser unha mistura de ideas diversas. Unha volta pasado o primeiro impacto da pandemia (primum vivere, primeiro vivir) que non a pandemia nin os seus efectos, a cabeza non pode deixar de tentar integrar todo o que estamos a sentir nun mesmo sistema vital (deinde philosophare, logo filosofar). Pero, antes de que apousen as ideas, forman un revoltillo que é difícil enfiar. En Ribadeo e na China.
   Para comezar, a frase latina soía usarse no sentido de 'primeiro teño solucionada a vida en termos económicos, e logo, xa iremos vendo'. A pandemia variou os marcos, voltando a unha situación -e significación- máis primaria: é necesario vivir para poder pensar. Aínda así, como a mentalidade non se cambia normalmente nuns días, persistirá o vello uso, misturado co novo -e ó tempo, tamén moito máis vello-
   Pensouse na crise económica do 2008 que os evidentes fallos na estrutura socioeconómica capitalista ían permitir que a igualdade saíra fortalecida, e o libre comercio, ou as finanzas, regulados. Mais xa daquela Naomi Klein tiña publicado a súa 'Doutrina do choque', vindo a poñer de manifesto que nos momentos de zozobra e debilidade social, a quen é máis forte quédanlle relativamente máis forzas, e impónse máis. E acertou: a conta da recesión, os obreiros perderon dereitos e os capitalistas ganaron exencións. Agora, a conta da nosa protección, ándase a darlle voltas a facer do móbil un novo DNI, non só deixando en mans privadas a identificación e adxudicación de datos persoais, senón eliminando a privacidade e anonimización que poida quedarnos. E o mesmo cos cartos: as contaxiosas moedas están a ceder ante a omnipresente tarxeta, xestionada por entidades privadas e establecendo unha trazabilidade complementaria á do móbil. Isto, nun momento no que as tarxetas tenden a converxer cos móbiles como medio de pago. 
   Liches xa 'A vidas das formigas' ou 'A vida das abellas', do Premio Nobel Maurice Maeterlink? Aconséllochos: a estrutura social cara á que imos camiñando, que nos están a impoñer, vai aproximándose a eses modelos de relacións sociais.
   E mentres esas ideas veñen e van, entre unha morea de moitas outras, unha lembranza para un mundo de recursos limitados nunha estrutura de posesión: 'a miña ganancia, a túa perda' (Alejandro Angulo, S.I.)
   Por certo, como quedan as terrazas para tomar algo? E o mercado semanal de Ribadeo?