Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta as figueiras. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta as figueiras. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20150916

OUTRA ESCOLLERA NA RIA DE RIBADEO, artigo de E. Lombardero


A Consellería de Fomento de Asturias proxecta unha nova escollera na ría para “protexer” ao porto deportivo de As Figueiras, según o “Plan Territorial Especial para la Estrategia Integrada de Gestión Portuaria Litoral del Principado de Asturias”, exposto ao público nas últimas semanas. O proxecto contempla obras en numerosos portos. No caso que nos afecta prevé un gasto de catro millons de euros para un “dique vertical” que viría a sustituir ao pantalán flotante.
O día 22 de agosto, dentro do prazo, presentamos unha alegación da que a 16 de setembro non recibimos acuse de recibo.
Basicamente a nosa alegación prantexa o presumible impacto sobre correntes e sedimentación, por unha banda no conxunto da ría e particularmente nunha zona especialmente sensible como é a canle de As Figueiras, xa moi afectada pola obras executadas nos últimos 25 anos. Suliñamos que nunha zona próxima ao ponto onde se pretende construir este “dique vertical” a canle secundaria de As Figueiras queda totalmente en seco en mareas de mediano coeficiente, cousa que non sucedía hai 15 anos nen sequera nas mareas mais vivas. Ou sexa, o deterioro da canle en tan pouco tempo debera ser motivo de alarma para calquera cun mínimo de siso. Ainda mais a canle das Figueiras e vital para o Astaleiro de Gondán, hoxendía a industria mais importante da contornada, tanto polos postos de traballo directos e indirectos como por tecnoloxía, cualificación do persoal, etc. Pola outra banda suliñamos que os eventuais beneficios do proxecto son abondo discutibeis, habida conta de que xa é unha zona resgardada dos temporais do noroeste.
O proxecto técnico da obra ainda non se coñece nen hai prazos de execución pero algúns aspectos son preocupantes.
O primeiro e principal que ni tan sequera se prantexa o debate entre posibeis vantaxes vs perxuicios. Como tódalas obras que se viñeron facendo ao longo dos últimos 25 anos, os responsabeis do proxecto limítanse a dalo por bo en nome de intereses particulares e supostos beneficios para o turismo apelando agora á captación de clientela foránea. Esquécense os Estudos de Impacto Ambental e Dinámica Litoral, normas de protección, estado actual da ría, impactos acumulados de obras anteriores, incumplimento sistemático da normativa vixente polas diversas administracións implicadas (Xuntas de Galicia e Asturias, Ministerio de Fomento) pero na literatura “técnica” que soporta este “Plan Especial” abondan as referencias ao cambio climático, agora convertido no novo paradigma para xustificar estas tropelías. Mesmo o impacto paisaxístico queda fora da axenda.
Pola nosa banda agradecer a información a Coordinadora Ecoloxista d´Asturies que nos pasou a información e lamentar que o concello de Ribadeo siga dándolle as costas a protección da ría como no caso de Illa Pancha. Polo que atinxe ao concello de Castropol xa leva varios anos detrás desta barrabasada e mesmo dun novo porto deportivo en Berbesa.
Evaristo Lombardero Rico

20151230

ALEGACION A UN VERQUIDO NA BOCA DA RIA, artigo de Evaristo Lombardero Rico

Lugar aproximado do verquido da draga, 1,2 km ó N da Punta da Cruz

A primeiros do mes de decembro demos conta do Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto de Dragado na canle de As Figueiras, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Asturias o 2.12.15. O proxecto consiste no dragado de 55 000 metros cúbicos por ano na canle de As Figueiras ata completar 220 000 metros cúbicos entre 2016 e 2019. 
O motivo da alegación radica no posible impacto do verquido destes materiais a 1200 metros da Punta da Cruz en dirección norte, tal como se prevee no proxecto. Maiormente tendo en conta que nesa zona é onde se veñen verquendo os materiais dragados nos últimos anos. 
Habida conta que a navegabilidade nas canles e na boca da Ría de Ribadeo sofreu un deterioro considerable nos últimos 30 anos, semella razoable sospeitar que un verquido dese volumen tan preto da Punta da Cruz poida ter un impacto significativo negativo sobre o calado nesa zona. 
O Estudo de Impacto Ambiental que comentamos analiza outros posibeis impactos polo miudo pero non lle dedica atención ao estudo batimétrico da zona do verquido antes, durante e despois da intervención. 
Pola nosa banda propoñemos que se estude concretamente este tema: o impacto do verquido sobre o calado e que se avalie a posibilidade de levar o verquido duas ou tres millas mais ao norte onde os calados actuais cáseque duplican os da zona devandita. 
Compre suliñar que esta é a primeira vez que se fai un estudo de impacto ambiental para un proxecto de dragado e verquido e que nos anos anteriores temos denunciado estes verquidos repetidamente sen recibir resposta alguna das autoridades medioambientais galegas nen asturianas. Recentemente remitimos unha alegación ao Principado de Asturias polo proxecto de construir unha nova escollera no Porto Deportivo de As Figueiras, que sen dúbida vai provocar un incremento da sedimentación na canle que se proxecta dragar, pero non recibimos nen acuse de recibo. 
Folga lembrar que os concellos, clubes deportivos e similares pasan amplamente. 
Ribadeo 29 de decembro de 2015

20151203

DRAGADOS NA RIA DE RIBADEO, artigo de Evaristo Lombardero Rico


O BOPA (Boletin Oficial Provincia Asturias) do día 2 de decembro publica o anuncio do proxecto de dragados na canle de As Figueiras para o período 2016-2019 e mais o Estudo de Impacto Ambiental que pode leerse en www.asturias.es. Anúnciase ademais un periodo de alegacións de 30 días, suponse naturais.
Nunha primeira ollada semella que o punto mais conflictivo van ser os verquidos dos materias extraídos nos dragados. Aínda non tivemos tempo de leer os volúmenes que se van dragar pero resulta obvio que serán moitos miles de toneladas. Respecto dos pontos de verquido puidemos apreciar que se estudan tres posibilidades, todas elas no radio dunha milla da boca da ría. Cando téñamos mais información publicaremos estes datos. Namentras convidamos aos interesad@s a participar nestas alegacións, estudar o proxecto e ponerse en contacto para facer un traballo de equipo.
Come é sabido o Principado de Asturias leva varios anos realizando dragados na canle de As Figueiras e verquendo os materiais extraídos a menos dunha milla da boca da ría según temos calculado repetidamente e teñen observado tanto profesionais en activo como xubilados. A opinión xeral é que unha parte deses verquidos volven entrar na ría ou quedan na boca contribuíndo a incrementar o volume da barra natural e dificultando a navegación. Ate agora temos remitido denuncias ás consellerías galega e asturiana en varias ocasións sen conquerir nengunha resposta. Tamén é certo que nunca tivemos a habelencia necesaria para implicar a concellos, partidos políticos, sociedades deportivas e outros colectivos ecoloxistas, profisionais, etc. Cecais agora que estamos na fase de Estudo de Impacto Ambiental se poida facer unha presión mais efectiva; falta saber se se quer.
Polo demais engadir que a nota do BOPA e mais o Estudo de Impacto Ambiental poden ser recurridos en lei, porque fan referencia unha ría imaxinaria, á que chaman “Ría del Eo” e como todo o mundo sabe esa ría non existe e esa denominación non pode ser aceptada en documentos oficiais, pero ao ver as fotos que figuran no expediente decatámonos de que debería ser un erro tipográfico xa que se estaban referindo á Ria de Ribadeo.
No centro, a canle das Figueiras. Foto de http://sigpac.mapa.es/fega/visor/

No centro, a canle das Figueiras. Foto de Google Maps

20170527

31 fotos da ría e algún comentario

Coido que a ría de Ribadeo debe ser tamén beneficiaria (estou seguro de que si o é) de toda a propaganda que está xerando o traballo de 'Por Nuestro Faro'. A notar unha diferencia: sen un peso, o tirón é grande, mentras que Faros de España tirou de chequeira para promoción dun establecemento, non dunha zona ou unha illa.
Voltando ó tema, hoxe facía un día que algúns cualificarían de avesío. bo para aprezar outras facetas da ría, e máis en marea baixa. As fotos a continuación foron tomadas comezando a subir a marea (a marea non comeza a subir ó tempo en tódolos lugares da ría, senón que comeza pola boca e vai progresando cara ó interior, ó mesmo que ó baixar) dende o miradoiro de aves (km 376 da N-642) ata a curva sobre a praia dos bloques.

 Dende o observatorio de aves, cara Asturias. Marea ben baixa.
 Cara á embocadura da ría.
 Banco labrado na pedra en As Aceas.
 A enseada das Aceas, coa remodelación e canle do muíño de auga doce en primeiro plano.
 a canle para levar auga do rego.
 Os edificios dos dous muíños, branco, do rego, e en pedra, de mareas. Entre eles, a barreira para embalsar a auga á dereita da imaxe.
 Aspecto da enseada das Aceas. No centro dereita, a árbore usada moitas veces por Suso Peña. Cara a esquerda estaría o vello recheo.

 Charca en marea baixa no encoro de As Aceas.
 Vida á saída da auga do encoro: cangrexos entre as pedras.
 O foxo que deixa a auga na procura da ría.
 E a vida, tamén dentro da barreira: mexilóns.
 Vista xeral da parte interna da enseada.
 Acehgándonos a Ribadeo, Castropol e As Figueiras ó fondo, e a corta de eucaliptus para replantación de autóctonas, presente.
 Unha ría? Si, lonxe da beira... Vista cara ó interior da ría.
 En pouco tempo, isto non estará así: a replantación está en marcha.
 Ribadeo e as Figueiras, sen árbores no medio polo momento.
 O tesón da Vilavella.
 Un detalle cara a Ribadeo.
 Outra vista do tesón da Vilavella entre peiraos.
 A beira, limpa de vexetación.
 Tesón, enseada da Vilavella, Bloques coa escollera dos '90, Mirasol...
 Mirando un pouco ara arriba, tamén no Costal están amañando a terra.

 O fondo da enseada da Vilavella, co paseo de hai poucos anos.
 Enseada, paseo, Costal...
 Madeira a carón da auga (en chea!)
 Detalle: o embarcadoiro para as embarcacións que se agochan na antiga fábrica de alxinatos, saíndo do recheo efectuado hai décadas.
 Cara á saída da enseada.
 Saída da enseada da Vilavella cara á beira asturiana.
 Bloques e tesón da Vilavella.
Dende os Bloques á Veiga. Xa é patente que comezou a subir a marea.

20151103

O PORTO DE RIBADEO E ALEDAÑOS, artigo de Pancho Campos Dorado

 Este ano vai ser un dos anos históricos do porto comercial de Ribadeo, debido o volumen de mercancía embarcada. Preto dun millón de toneladas, repartidas en case medio millón de Tm. de pasta de papel que veñen de ENCE-Navia, preto de catrocentas mil Tm. de puntal e rolla de eucalipto provintes dos montes de Galiza, e máis de cen mil Tm. de caolín das minas de S. Cosme de Barreiros. Incluso a finales de ano podería verse superado o millón de Tm. o cal é un volumen de mercancía asombroso para o Porto de Ribadeo, tendo en conta as condicións de total abandono en que se encontra a Ría de Ribadeo e pobos aledaños.
 O número de materia exportada parece descomunal, pero a pouco de pensar, sobre o seu desenrolo como porto comercial, vemos que todo o que se está a facer en Ribadeo é exportar materia prima como calquera país do terceiro mundo, nin máis nin menos.
 Debido a unha gran rebaixa de tasas de Portos de Galiza siguese a exportar a pasta de papel de ENCE, cando os administradores da mesma estaban “en contra”, que secundados polas arengas do Sr. Areces presidente do Principado, e co beneplacito do Sr. Touriño presidente da Xunta de Galiza, gastaron un montón de capital público en facer un tramo de vía férrea, que desde un principio nós sabíamos que era un proxecto imposible para darlle saída a producción de ENCE. Eu aconsellolles que para a próxima pensen en facer un aeroporto internacional e se deixen de parvadas de pouca monta, así, tamén contentarán o alcalde de Navía, que tan bén se despacha en contra de Ribadeo.
 O porto, para máis inri, non move máis dunha veintena de postos de traballo para os nativos da zona, e as mercadorías que chegan os países importadores, elevan o seu benestar social, pois eles son os que transforman ditas mercancías en bens de consumo, que conlevan decenas de postos de traballo ben remunerados, cuxos salarios, a larga, tamén lles pagamos nós, pois devolven-nos os productos manufacturados en papel para escribir, papel de estraza en bolsas ou de embalaxe en porcelanas diversas, xogos de café e vaixelas que se venden en todo o mercado europeo.
 O movimento do porto comercial de Ribadeo, é un reflexo do que acontece en Galiza. Por un lado esquilmamos o solo dos montes, cunha plantación foránea de eucalipto, pois no la meten polos ollos con políticas de “aproveitamento” dos montes, as cales non son boas nin para deixar criar ós animais salvaxes comúns do noso entorno, e por outra banda, o monte está preto das casas de aldea, que se comunican con pistas pouco asfaltadas, as cales, están quedando totalmente esnaquizadas para o tránsito rodado diario dos veciños das parroquias.
 Todos istes veciños pagan relixiosamente os seus impostos (¡non faltaba máis!) e agora en vez de ter pistas de acceso as súas vivendas, teñen auténticas desbrozadoras de neumáticos. Nin a Diputación nin ós Concellos se lles ve ningún afán para reparar os danos que provocan nas pistas as rodas dos camións e tractores madeiristas, ou tan siquiera bachear as que quedan en peor estado. Eso sí, os concellos supoño que lles estarán cobrando os madeiristas as primas de mantemento das pistas, antes de empezar a corta da madeira ¿ou non?
 Eu persoalmente, circulo polo miudo en coche polas pistas de Arante-Ribadeo e Vidal-Trabada, Fornea-Vidal-Balboa, e nesta os baches coa pedra removida están converténdose en baches profundos, que non sei si será posible o paso cando cheguen as augas do inverno. Pero ¿a quén lle importa cunha centena de veciños queden incomunicados ou que teñan que dar un rodeo de varios kilómetros para chegar á casa? Non son votos significativos para unhas eleccións, incluso os veciños da Ponte de Arante, estiveron despois dunha riada catro anos sin “a ponte”... ¡e que máis dá...!
 Por último decir que a Ría de Ribadeo necesita unha solución drástica para o seu desenrolo. Non pode ser que por culpa da obra “incivil” da Ponte dos Santos, da escollera e dos espigóns do porto deportivo, se esté colmatando area por miles Tm. de forma incontrolable na ría. Hoxe é imposible andar a longo da ría de zalea a remo ou a vela por máis dunha hora, aproveitando media hora antes e outra media despois do repunte da marea alta. Aló polos anos sesenta, recordo que correran toda unha tarde as lanchas rápidas de 150 CV de Oscar Caproti e o seus compañeiros. ¿Que foi daquel calado? Hoxe sería imposible facer o tráfico de pasaxeiros na lancha que unía Ribadeo-Castropol cada media hora, incluso non sei si sería posible o de Figueiras-Ribadeo.
Peirao de Mirasol sobrepasado pola auga en marea alta, o mes pasado. Foto de Suso Fernández.
 Comentaba eu no 2007, no querido semanario de La Comarca del Eo: En “A Mariña” do 19-nov-2003 o Plan Director prevía unha inversión de seis millóns de euros hasta o ano 2006 para facer de “Ribadeo o segundo porto máis importante dos de rango galego” e o presidente de Portos de Galicia, D. Carlos Negreira, respondía a convocatoria dunha manifestación veciñal contra dos recheos que se ían a facer, non en galego senón nesa linguaxe castelán da xente ben apoltroada nun posto pagado pola Xunta de Galicia: “las obras no tendrán efectos ambientales en la Ría” e como mostra dos “estudios realizados” deixaba unha maqueta no consistorio que destacaba as obras na Zona Comercial, na Zona Náutico Deportiva e na Zona Pesqueira. A Xunta parecía estar empeñada en satisfacer a todos os sectores, colmando as expectativas do club náutico, da cofradía de pescadores, dos consignatarios e dos Asteleiros Gondán”. ¿Sabía este señor, e pensa algunha vez a Corporación Municipal de turno, que a silla onde se sentan para facer este tipo de debates no Consistorio de Ribadeo, está ubicada no salón principal da Casa de Raymundo Ibañez, un Armador da mariña mercante, asesinado pola súa valía mercantilista que se adelantou a súa época un par de séculos? ¿saben vostedes que xa non queda ningún armador en Ribadeo, nin mercante, nin de pesca?
 Por outra banda, ¿que pasa cos colectores rotos do alcantarillado dos pobos do Principado que verten as augas negras a ría? En marea baixa, a ría cheira que apesta a merda de cristiano. A min que me encantan os carneirolos, as navallas e as ameixas para facer un arroz, nin se me ocurría hoxe en día ir a buscar un triste bivalbo a Ría de Ribadeo, como tantas veces teño ido buscar de neno e de rapaz ¡Que noxo da todo, si por min fora, incluso prohibiría a natación na ría! ¿Que pasa cos responsables do Medio Ambiente ou de Sanidade Pública?
 Por último, alégrame moitísimo ver que se están rehabilitando no casco vello de Ribadeo a Casa de Bengoechea-Bustelo e a Casa de Navarro-Reverter, antigos grandes señores, armadores e banqueiros de Ribadeo, que impulsaban o devir dos ribadenses dos séculos XIX e XX, e esperemos que o espíritu emprendedor da súa descencendia non lles quede a zaga, pois neste pobo vámonos necesitar todos si queremos seguir adiante pola vía da industrialización e non somentes polo “fume turístico” que se está a montar cada vrao coa praia das Catedrais, aínda que tamén.

20100815

O centro da ría de Ribadeo

Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado na imaxe, non lonxe de onde está marcada a cruz: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña. Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. A cruz sinala na foto do sigpac un lugar onde comprobei que se podía estar de pé, sen mollarse. Está na liña entre a punta norte de Mirasol (a 300 m) e a de Castropol (a 450 m), fronte ás Figueiras xusto ó oeste de Gondán (1 km). Xa a foto indica abondo ben que aí hai un banco de area, pero que momento en que se tomou estaría mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón. Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas. Obsérvanse no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao. Nunca me costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo . Sinxelamente, ese era onte o estado da ría. Entradas anteriores sobre o tema: Un recuncho da ría. A ría de Ribadeo, dende outro punto de vista. Asemade, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar. -- Unha versión posterior:

A ría de Ribadeo, como un todo ou en relación a partes, leva sido tema conversas e novas. Polo nome e a polémica arredor del, pero de xeito primario pola propia ría, as súas características, conservación, etc. E visto o visto, coido que continuará así.

Dicir cal é o centro dunha ría non é doado. Non só porque pode haber diferentes criterios de definilo, que levan a puntos tamén diferentes, senón porque a marea fai que o centro se poda considerar variable, viaxeiro dentro dunha zona. Así, o 'centro' convírtese tanto nunha especie de elección persoal como nunha referencia. No meu caso, atoparíase máis ou menos centrado entre Ribadeo e Castropol, un pouco cara ás Figueiras: xustifícoo en que a ría ten maís profundidade cara ó norte, máis lonxitude cara ó sur e un pouco ó oeste, e un gran brazo, a Lieira, cara ó leste, que compensaría esa pequena derivación oeste do fondo da ría. Ademáis, cadra entre os tres núcleos de poboación enfrontados dos catro que baña. Día 14 de agosto, a eso das dúas da tarde, hora legal: marea baixa grande, pero non especial, acompañada de presión alta, pero brisa compoñente sur, é dicir, compensando na práctica a influenza unha da outra. Busco un lugar aproximado ó centro (de volta á casa, comprobo no ordenador: está na liña entre a punta norte do peirao ribadense de Mirasol -300 m- e a de Castropol -450 m-, fronte ás Figueiras xusto ó oeste dos asteleiros Gondán -1 km-. E comprobo que se podía estar de pé, sen mollarse. Nas fotos aéreas indícase abondo ben que aí hai un banco de area, pero tómanse con ese punto mergullado. Pois ben, o 'centro', o corazón da ría, non sería ría, senón tesón. Entre algo antes das dúas e case as tres puiden comprobar varias cousas:

- A ría, como é sabido e como corresponde a calquera outra, tende a colmatarse, é dicir, a encher o seu fondo con aportes tanto terrestres como marinos, facendo que o calado diminúa e parezan bancos de area e humedais. O proceso, que tantas veces se nomea para facer os dragados periódicos e case contínuos, segue a avanzar e maniféstase en pequenas cousas, como na colonización por algas do baixío do fondo da enseada dos bloques. Obsérvanse xa no fondo, perto da rada que forma o espolón dos Bloques co peirao de Mirasol, pero fora dela, colonias de algas ben asentadas, mentras a rada queda o ár, quitado un pequeno triángulo que limita ca punta do peirao.

- Entre o pasado ano e iste, púidose observar que a colonización algal achegouse abondo máis á beira do peirao de Mirasol, aumentando no resto a potencia da lama que o ocupa. No tesón de Mirasol ocorre algo parello, pois se o pasado ano as colonias de algas eran minúsculas, este xa medraron e forman montículos más acusados, aínda que continúen a ser pequenas colonias. E nos fondos entre o tesón de Mirasol e da Vila vella, tamén se apreza o fondo con limo máis que con area que constituía ata agora o chan formado e a masa que quedaba debaixo. É dicir, na zona estanse dando dous fenómenos complementarios: o aumento de algas e de lama nos lugares libres destas. A lama deposítase nos fondos ó ter a auga pouco movemento relativo e ser incapaz de arrastras xa abondas partículas microscópicas, indicando un réxime de circulación de auga menor, como corresponde neste caso ó peche en marea baixa do paso da auga entre os tesóns da Vila vella e de Mirasol. O que á vez, manifesta a evidencia da continuación da colmatación da ría, a pesares dos dragados. As algas colonizan un 'chan fértil', subministrado pola lama: non hai algas en abundancia en fondos de area, que non é fértil. Mágoa que, ademáis de a lama non ter un aspecto limpo en xeral, na zona dos bloques de unha impresión peor ó verse de cando en vez algún resto no fondo; algo que por outra parte, está facendo da praia dos bloques (abondo concorrida dende a construcción das casas que a dominan) un solario máis que un lugar de baño

- Este ano tamén viuse un velero francés, que coido que non é o primeiro ano que recala fronte as primeiras escaleiras dos bloques, na continuación do canal do porto, tumbado totalmente ó desviarse un pouco da posición idónea e quedar en marea baixa sen auga. A escea non se repetiu, pois inmediatamente despois abandoou o lugar.

  • Son curiosos os remuiños e correntes na zona, en particular as diferencias baixada/subida na punta E do peirao de Mirasol e na punta do espolón dos Bloques. Asemade, é curioso que, comezando a subir a marea, perto da cara norleste do tesón de Mirasol, exista unha corrente en sentido contrario.

  • Nunca costou tan pouco esforzo pasar a Castropol nadando. Na realidade, máis camiñando polos tesóns que flotando na auga. De feito, puiden medir que a lingua de area descoberta entre o tesón de Mirasol e o da Vilavella acadou máis de 50 m de ancho pola parte máis estreita. E que se podía pasar camiñando entre este último e as primeiras escaleiras dos bloques: do tesón na súa parte noroeste sae unha lingua de area que vai cara á punta do peirao, e que fronte ás escaleiras está xa prácticamente no chan da rada. Craro é que é preferible nadar un pouco ata a punta do espolón a enlamarse ó andar sobre o fondo. Tamén, facía moito tempo que non o lograba con tanta calma de barcos, fuxidos ó non poder calibrar os baixos que se podían atopar.

Centrando noutro aspecto o tema, o pasado ano, unha vez reamtado o verán, amosaba fotos que indican que a ría non está tan a salvo da contaminación como poidera parecer, referidas á parte asturiana. Dende aquela, que eu saiba, non se produxeron melloras nese sentido, nin noutros aspecto relativos á conservación do esteiro. E iso, a pesares de que aprece que xa vai funcionando o mecanismo da Reserva de la Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, que con nome tan complexo pode que se debera a el o retardo na súa posta en marcha. Reserva que algún carto vai dando para os concellos que a engloban, entre os que están os que molla a ría. No medio deste tempo si que apareceu a primeira parte dun estudo sobre as rías galegas que incluía a de Ribadeo (na parte galega, e pregúntome como se pode dividir un estudo ambiental dunha ría en conxunto), que, deixándoa ben parada en relación a outras, non a deixaba inmune.

Tampouco se fai un estudo serio, que eu saiba, sobre a dinámica na ría (está colgado o estudo de hidrodinámica da ría de Ribadeo de Silvia Piedracoba -1 e 2-), que estuda a fondo unha parte fundamental da ría, pero non saca conclusións prácticas, necesita un adiamento, evita zonas puntuais pero claves de fenómenos costeiros e ignora a zona máis interna, de pouca importancia en principio pero directora do que sucede máis cara á saída), que é necesario para coñecer actuacións en profundidade (aínda que se despois non se lles fai caso, como ocorreu coa praia dos Bloques e as recomendacións de Isidoro Asensio...).

En fin, mentras, a visita do presidente de Portos hai poucos días serviu para avivar o enfrontamento Xunta - Ministerio de Fomento (se se quere, PP-PSOE), ou por outra banda, Ribadeo-Castropol, ou mesmo deixar a evidencia dos desencontros internos e desplantes en Ribadeo, dentro do concello. Desta, o tema foi o novo dragado da ría (90 000 m3, din), coa obriga de botar a area moito máis lonxe que ata o momento (deceas de millas marinas para a area sacada na parte galega da ría, cando en marzo de 2004, referín en Ribadeando, o libro, que daquela a area do dragado da canle das Figueiras se botaba a uns 700 m da punta da Cruz). Moito cabería falar do tema da colmatación, que xurde de cando en vez nos papeis e sempre asociado a temas económicos 'urxentes', con grandes verbas, esquecendo o longamente pedido plan integral para a ría. Por poñer un exemplo, fálase agora de 90 000 metros cúbicos. Se se ten en conta que o frente externo do peirao de Mirasol ten 500 m, e a anchura da canle asignada é de 120 m, sae que o dragado poderá afectar á profundidade no seu entorno nuns 1,5 m de media. Sen afectar nese caso á canle de desprazamento para a saída da ría... que se estreitou e está a colmatar máis rápido polas mesmas obras realizadas por portos, dende o recheo dos oitenta ata o espigón con saída xusto fronte ó embarcadoiro de Porcillán, ambos con pedras vistas á ría en troques, como mal menor, de superficie lisa, para deixar circular mellor a auga.

20191126

San Andrés: camiño cara o máis aló. Pablo Mosquera


Un membro da Xeración Nós, Otero Pedrayo, de Ourense, sinala que á alma galega non lle gusta exhibirse en cidades modernas hoteis elegantes; séntese cómoda e realizada en vales decorados polos viñedos, en aldeas con cruceiros seculares, nesas costas tan bravas, atlánticas ou cántabras. De aí que o insigne viaxeiro prefira camiñar cara O Cabo do Mundo, buscando A Capelada, recreando a vista entre A Estaca de Bares e Os Aguillóns de Ortegal, para chegar a ese lugar máxico esquecido, case perdido, con milladoiros postos polos peregrinos para dar fe de que estaban vivos para non ter que facelo como defuntos ós que amigos ou familia recollen do Campo Santo moi cedo un trinta de novembro para ir a Teixido.
Un pastor das almas, Andrés Varela, arcipreste no século XVII por Santa María de Lieiro, ordenou construír e deixar unha herdanza para manter a capela dedicada a San Andrés, e un hospital para peregrinos, en As Figueiras de San Ciprián. Por iso, e durante as miñas lembranzas de infancia ou mocidade daquel porto marítimo, cuxos homes buscaban sustento en barcos de madeira e as súas mulleres facían de nais e pais a pesar de ser como dicía Rosalía, "viúvas de vivos", lembro a celebración do último día de outono en novembro, escaso de luz, dando paso ás tempestades propias para tempo de inverno.
Sempre notei que tal efeméride tiña un significado especial. Xa fose polo amarre da flota na ría. Xa polos cánticos ao Apóstolo cuxo recoñecemento romeiro debe procurarse no século XII, pero mentres para Compostela hai Camiño, para San Andrés de Teixido faise camiñando, e non chegaremos a un Monte do Gozo para escoitar ou ver a maxestuosa Catedral rodeada polas catro prazas máis fermosas do cristianismo hispano. En Teixido só atoparemos unha aldea, unha fonte con tres canos, unha pequena igrexa e moitas ofertas votivas de persoas que procuran curación ou protección dos seus mariñeiros.
Pásame que temo que sexamos os últimos en defender a sociedade rural, sinxela, humilde, piadosa cos seus antepasados ​​e integrada plenamente con esas historias contadas por galegos para galegos. Únome aos irmandiños que glorifican o noso propio e diferente xeito de ser, a pesar deses complexos que algúns queren impoñer á marxinalidade dos nosos gustos, mesmo no calendario de festas e peregrinacións. Esquecen a Santo André e adoran o Deus Baco da Maruxaina.
Esa Galicia á que pertence a miña xeración é inmortal como Mondoñedo; coa súa historia propia, gastronomía, música, crenzas, costumes, lingua popular e tradición oral. Comparto que en celebracións como a que me ocupa, está o núcleo inmaterial do ser galego
Por iso e unha vez máis, farei o camiño de San Andrés de As Figueiras a San Andrés de Teixido, e beberei na fonte dos tres canos que din que é a fórmula de manter o vínculo entre xeracións que teñen pasado por alí.

20231101

Unha vista actual das Figueiras e a ría

    Onte estiven polas Figueiras. Fun ata o extremo da última escollera que se fixo na ría e tomei unha panorámica pensando en que, se non se para o proxecto como pretende facer BioEo, a vista que recollín vai cambiar de xeito drástico. Os seus 57 m de saínte da costa quédanse pequenos en relación ós máis de 80 m que chega acadar o recheo dos 90 en Ribadeo ou ós algo máis de 100 m que se separa nalgún lugar a liña do peirao ribadense da liña de costa. Pero non deixa de ser ó tempo, algo grande con relación á propia largura da ría de Ribadeo, e algo pequeno en relación ó que se proxecta alí mesmo, dende antes do 2015, co gasto dunha millonada  para deixar as Figueiras detrás dun muro.


 

20091210

Dunha e outra beira da ría de Ribadeo

As Figueiras e Ribadeo están hoxe nas novas nunha e outra beira de xeito de facer as cousas. Na parte leste da ría teñen un problema: un aparcamento planeado non é querido pola asociación de veciños das Figueiras. A solución, despois de diversos avatares, pasa alí por un referendo entre os veciños que se fará este domingo. Oficial non, pero oficioso, segundo o resultado deixará as claras o respaldo que ten o alcalde neste punto a traverso sobre todo do rexeitamento ó proxecto que sexa acadado polos promotores, a asociación Cristo del Buen Viaje. Nel votarán quenes queiran, pero os veciños maiores de idade (705 veciños de tódalas idades; 339 homes e 366 mulleres segundo o último censo publicado) faráno nunha urna e o resto, noutra.
Ás claras, é abondo diferente, pero ó tempo tamén con certa semellanza co que está a ocorrer no club náutico de Ribadeo, onde se promoverá unha moción de censura por recollida de sinaturas entre os 921 socios, requerindo o 10% (93 socios para ser superado, pois 92 queda por baixo desa cifra) e así, por maioría nunha asamblea convocada a tal efecto, forzar que o presidente convoque novas eleccións. A cousa dilatarase no tempo, pois quérense facer as xestións con calma despois da última e tumultuosa asamblea. E é de supor, mentras se van procurando os apoios necesarios para o ataque previsto. Esta é a diferencia principal co que pasa nas Figueiras: ante a ameaza do aparcadoiro, convócase o referendo en canto xurde a idea, co que se quere pulsar a opinión entre posibilidades encontradas (aínda que os pormotores teñan unha idea previa clara). En Ribadeo considérase xa unha opinión previa e procúrase apoio para que se traduza en feitos. Hai moita diferencia aínda que o proceso de decisión en ambos casos sexa unha votación.
O caso é que en ambas situacións haberá participación... e en ambas, forzada, nunha pola asociación veciñal e noutra pola oposición.

20240619

RAQUEANDO. Pancho Campos Dorado

 

RAQUEANDO (1)

Pancho Campos Dorado

En La Comarca del Eo de 27-abril-2024 aparece unha entrevista co alcalde Castropol Sr. D. Quico Vinjoy, titulada, “Defendimos que Ría del Eo y Ría de Ribadeo tuviesen el mismo valor, que no se eliminase ningún nombre”. Sigue, por tanto, a senda da teimuda postura astur de querer equiparar o topónimo onomástico da Ría de Ribadeo, cun nome ridículo no ámbito marítimo, dado que un accidente xeográfico, como é o rio Eo, non ten nada que ver coa historia dos pobos que lle deron nome ó lugar. Esperpéntica actitude, que asume tamén o presidente “académico” do Instituto Xeográfico Nacional, un señor de Murcia, que equipara "Ría do Eo" coa denominación do Mar Menor. Menuda fachenda que ten o “elemento catedrático” ese. Por qué non fai a comparación coa a Albufeira de Valencia, que ten nome propio de lugar, ou coa Ría de Bilbao ou a de Vigo, ou todas as do ámbito nacional? Como é posible que este tipo de individuos cheguen a ser representantes relevantes da Administración do Estado? Realmente cuestión de vendidos, como se de república bananeira falásemos.

Don Quico, sigue a dicir que, “siempre estamos dispuestos a hablar, dialogar para impulsar proyectos que vayan en beneficio de ambos municipios”. Como dicimos os galegos, esta é unha mensaxe surrateira, pois a boas palabras non hai quen lles gañe, pero cando vemos as accións xa entendemos perfectamente que o que queren é, acaparar todo o que representa a forza motriz da historia e do porvir de Ribadeo.

Pero voulle dicir unha cousa por se non o sabe. Nunca, nunca será a ribeira dereita da Ría de Ribadeo relevante como a ribeira esquerda onde se sitúa o Porto milenario de Ribadeo, tanto en Mirasol como en Porcillán. E sabe por que, Señor Don? Porque por motivos que estableceu a Mamá Natureza, nunca terán calado suficiente para ser un porto de mar; se acaso, Castropol será equiparable a un porto fluvial de escasa relevancia, como Figueiras ou o da Veiga de Ribadeo, hoxe Vegadeo por aquelo manifestamente anti-galego de seguir borrando do mapa a denominación RIBADEO, tal como se leva agora, dicir que As Catedrais “están no Occidente de Asturias”, e non no Oriente do Reino de Galiza. Chorradas que a eito nos endosan sen azorarse.

Continúa falando da “boa relación” con Ribadeo, e que no único que atopamos diverxencia e co nome da Ría “que sempre estivo aí” e que tanto a denominación Ría de Ribadeo como Ría do Eo teñen que ser “equidistantes”. Por suposto, sempre estivo aí co topónimo “Ría de Ribadeo”, máis de 1000 mapas e cartas de navegación o acreditan, por NINGUN-HA de ría do Eo, polo tanto tal equidistancia nunca existiu.

Esa “boa relación” con Ribadeo, que si, vemos, é que esa “cooperación”, tradúcese en pegarse como unha lapa a Ribadeo, para sacar todo o proveito posible dunha ou doutra maneira, “legal” ou artimañeira, pois Ribadeo é quen ten a posibilidade de volver a ser a forza motriz da economía da zona. Agás o asteleiro de Gondán na ribeira dereita da Ría de Ribadeo, non hai nada mencionable de poder industrial, e polo porto de Mirasol saen máis de 700 000 Tm de mercancía tódolos anos, principalmente 540 000 Tm de pasta de papel de ENCE. Moi mal aproveitadas para a zona, tamén hai que dicilo.

De aí que ao Principado tamén lle interese en facer a Ribadeo o porto do occidente asturiano. Por suposto, xa se serviron del desde sempre, como é natural. Pero a ousadía de querer borrarlle agora o nome a Ría de Ribadeo, é para seguir coa expropiación que o Principado leva a cabo desde fai séculos, e poder continuar, se pode, neste ou no seguinte século, incluso borrando o propio nome de Ribadeo, pois xa chegaron desde fai anos as pancartas da denominación da Biosfera á rotonda dos Irmandiños, sen mencionar as Terras de Ribadeo por ningures.

Ribadeo, hoxe en día, tampouco ten nin unha sinxela industria que nos avale, e parece que ninguén se preocupa do asunto, pero verbenas e larpeiradas que non falten, o voto é o voto, e a pela é a pela. Tivemos a fábrica de Alginatos da Vilavella, os asteleiros de Floro, os aserradieros de Couso e Conde, talleres mecánicos no peirao de Figueirúa con máis de 25 mecánicos nos talleres de Seivane e Barcia, e outros tantos en outros pequenos talleres, como o de Jesús, de Severiano, Parga, etc. Había 350 mariñeiros rexistrados no Pósito de Pescadores, 54 postos fixos na Empresa Ribadeo de autobuses, a fábrica de gabardinas de Llaú que daba emprego a todas as costureiras de Ribadeo, que non eran poucas, había decenas de postos de traballo na hostelería, hoteles, ultramarinos familiares, ferreterías, panaderías, cines e Teatro, un tren de Vilaodriz-Ribadeo, arquitectura e albanelería, Institutos de Ensinanza e colexios, empresas de Gayol e de Manuel Lens de granxas de galiñas e de manufacturas de hormigón armado, as conserveiras de pescado de Pelaez, as Galerias Innovación de Andrés Tojal; o Rosa Lar de Manuel Lens e logo de Manolo, unha das mellores salas de Festas da contorna, etc.

En fin, Ribadeo tiña autonomía propia até que chegou a Ponte dos Santos.

Melloramos en calidade de vida o abrir a Ponte? Por suposto que si. Como todo o mundo que entrou na democracia na década de 1980 en diante e tiña posibilidade de medrar. Pero perdemos a autonomía. Agora temos moi poucas posibilidades de crecemento como porto comercial, pois a Ponte dos Santos cegou a entrada aos barcos de até 7000 TRB, que son os que fan o tráfico de cabotaxe internacional por Europa, con todo tipo de mercadorías. Unha ponte que se estivera situada naquela primeira e hipotética construción da Ponte dos Mortos, non se houbera pechado o tráfico da Ria de Ribadeo, e hoxe poderían atracar pequenos cruceiros e portacontenedores, que lle darían vida, non só a nosa zona, senón a toda a provincia de Lugo.

Estase a falar das malas condicións e pouco rendemento que teñen as vías férreas de FEVE. Se o porto de Ribadeo funcionara, como non funciona, isto estaría resolto, pois sería un ben urxente para a Administración local e provincial e pola conta que lles tiña, xa habería subvencións dabondo por parte do Estado para poñer un Tren da Costa con condicións de transporte comercial, ao menos como un TALGO.

Por outra banda, a desgraciada obra da escollera e espigóns engadidos seguen sendo un atranco para o tráfico polo canal, deberían ser cambiados de lugar para dar entrada franca aos barcos, que hoxe varan e encallan incluso en marea chea e en condición de lastre. Nunca tal cousa ocorrera en séculos de historia.

O Club Náutico debería pasar a estar na Vilavella alargando os atraques e pantaláns de amarre ao largo da costa das Aceas e Reme, e Ribadeo sería un gran porto comercial e un excelente Porto Náutico, un “Porto Banús do Cantábrico”. Melloraríase unha boa estrada Ribadeo-Porto, e abriríase outra ben habilitada entrando polas Aceas pasando por Ove e saíndo á estrada de Santa Cruz, así se estruturaría o municipio cun crecemento perfectamente asumible.

Pero iso non se fai. Hai que dragar a Ría de Riabdeo por parte de Portos de Galiza, sabendo que iso tiña que estar prohibido por Patrimonio, por ser a Ría un xacemento arqueolóxico subacuático de primeiro nivel europeo recoñecido pola UNESCO. Hai vestixios cerámicos do século IV a.C. Estaban 600 pezas gardadas na Casa da Ría e “desapaceron” pois a Casa da Ría ten a porta rebentada e está aberta todo o ano, pola desidia municipal de non coidala. Segundo “as malas linguas” as pezas de cerámica foron parar ó contedor do lixo, e outros din que foron para o Museo de Vigo, pero alí, parece ser, que nunca chegaron, e outras linguas din que as roubaron. O máis probable.

Por outra banda, na mesma entrevista dise que Ribadeo vive moito de Asturias, posto que a efectos comerciais naturalmente que Ribadeo ofrece variedade e diversidade que “nosotros no tenemos”. Efectivamente. Pero esta parte, enseguida a volve a amañar dicindo que temos o mesmo “ecosistema”, la “Ría nos vertebra”, e sigue cun discurso de obras de pantaláns para embarcacións deportivas, etc. que xa están a montar. Do cal, sinceramente, me alegro, pois teño amigos nese lado da ría, que están até as narices das malas condicións dos amarres.

O señor don Quico, fala de que Castropol e Ribadeo están no Inter-Eo, e na Reserva da Biosfera Oscos Eo (e Terras de Burón). Nomes sobre os que, xa no seu día, escribín cadanseus artigos neste tan apreciado semanario (01 e 12 -agosto de 2011), pois está falando das Terras de Ribadeo que foron borradas do mapa por simples privilexios diocesanos, entre o arcebispado de Mondoñedo, o de Oviedo e a usura do Conde de Ribadeo D. Diego Gómez de Sarmiento e Villandrando, que vendeu terras e servidumes no ano 1551 por 8500 ducados. Un tipo que en Ribadeo nunca estivo.

A entrevista é un discurso, un discurso non aceptable nin antes nin a estas alturas da película. Pois aquí non se trata simplemente do nome da Ría da Ribadeo, posto que xa nas propiedades territoriais do Condado de Ribadeo, a Pierre de Villaines no ano 1369, e en 22 de abril de 1435 a Rodrigo de Villandrando, está establecida a extensión das Terras de Ribadeo até a Pobra de Navia, cousa que como todo o mundo sabe, ou debería saber, chegan ata o río Frexulfe en Navia, polo que tamén iso das terras Eo-Navia é outra das tantas falcatruadas as que nos teñen acostumados.

Pero claro, válense da incompetencia e pasividade do actual goberno da Xunta de Galicia que leva cincuenta anos de democracia sen facer nada, máis 40 anos desaparecido na ditadura franquista, un século inactivo. Pasividade absoluta, que saben moi ben aproveitar desde o Principado para dividir a Ría de Ribadeo ó medio, con Franco en 1958, e agora levando tanto a aquel Sr. Touriño como ao “probe infeliz” do Sr. Rueda dun lado para outro inflándolles o ego con palabras ocas, grandilocuentes e aduladoras para que se sintan “grandes e relevantes”. Vaia forma de metelos no peto para que miren para outro lado e se siga perdendo o patrimonio de Ribadeo, e por suposto o patrimonio galego do Reino de Galicia.

Chega tamén ás miñas mans, un artigo de prensa do periódico El Comercio 19 de abril 2024, onde se da a noticia “El tesoro de la Ría del Eo ya está en el Museo Arqueológico”, de Oviedo, Asturias. “Un rollo de plomo, una roldana y un bolaño pertenecientes al buque hundido en la ensenada (de Arnao) en 1511”. Ë admirable a forma de darlle solemnidade a actos de piratería raquera, como vou a explicar, porque isto é de libro.

Primeiro e ante todo, en 1511 a enseada de Arnao era do Reino de Galicia, pois a venta das Terras de Ribadeo entre o Eo e o Navia, como xa dixemos, levouse a cabo en 1551. Segundo, a articulista de Castropol di: “las piezas de un barco halladas en 2007”, data na que estaba prohibida a inmersión en toda a Ría. Iso confirma o que levo dicindo desde 1991, queren roubar o nome da Ría de Ribadeo, para apropiarse do patrimonio da Galiza e levalo para os seus museos. Aí está. Feito. Pero por outro lado, como é que saben que o barco afundido é de 1511? Onde están os documentos da época que acrediten tal afundimento en Arnao? Atoparon os “Protocolos de Construción” do barco, ou estaba gravado o ano nunha táboa da estampa de popa? Isto parece de risa.

As pezas non son ningún tesouro. Una pasteca de bronce de 20-23 cm de diámetro pode ser perfectamente a pasteca de subir a cinza das caldeiras de carbón do Cabo Torres, polo pozo de cinzas e escorias, usada a cada relevo de garda polos fogoneros que limpaban os cinceiros, para deixalos baleiros para a seguinte garda. Non hai nos barcos veleiros de 1511 pastecas para nada, posto que a pasteca é un aparello que non ten redución de traballo, a potencia a exercer e exactamente igual que o peso que hai que levantar (P=T), e nos barcos había moito traballo de izado como para usar pastecas a pelo. Calquera que teña unha mínima noción de Física sabe isto. Incluso puidera ser a pasteca da escotera da botavara o unha guía de escota dun yate que fondeara alí o mes pasado, ou no ano 2007,  jajaja.

Por outro lado o rollo de chumbo é un respeto (recambio) de mantemento e reparación mecánica, usado nas tubaxes que poden sufrir vibración, ben no servicio de vapor ou ben, no de aire comprimido, pois as abrazadeiras de suxeición van enzunchadas con zapatas de chumbo. Este artificio se podía ver nas tubaxes de aire comprimido nos barcos das décadas de 1970, 1980 1990, como eu mesmo as teño visto.

Tamén puidera dicirse que sería usado pola carpintería dun barco do século XVIII ou XIX para reforzar os batideiros das vergas (antes reforzados con envoltos de coiro) ou para as cuñas da fogonadura dun mástil, ou sen ir tan lonxe no tempo, para os batideiros dos velachos dun vapor do século XIX, tal como, o Cabo Torres, que está afundido no canal de Porcillán, polo que non sería nada estraño que de alí saíra o tal rollo de chumbo e o “levantaran” en Arnao, ou din que apraceu alí, e listo, exactamente igual que a “pasteca de bronce”. Raque puro e duro do pecio Cabo Torres o meu entender.

Con relación ao bolaño, ou bala redonda de pedra dun canon do século XVI, tamén pode ser “reliquia” do pecio San Francisco ou do Galgo de Andalucía, que no século XVIII defendían o Porto de Ribadeo, sito no Condado de Ribadeo do Reino de Galicia. Pero seguramente, é máis probable, que sexa do galeón Santiago, posto que como eu mesmo teño recollido datos, no taller do peirao de Mirasol do meu amigo e recordado Gelo, cando o arqueólogo Miguel San Claudio retirou as primeiras evidencias do achado do galeón, sacáronse como mostra bolaños de 80-85 mm de diámetro, de 110 mm, de 145 mm, de 220 mm e de 330 mm, entre outras pezas interesantes de madeira. Todo para saber da súa procedencia e construción. Quedaban no fondo decenas de bolaños máis, que seguramente a estas alturas non quede ningún de mostra, por aquelo de estar baixo a ameaza do raque e o furtivismo subacuático.

Ao mesmo tempo dicir que o Galeón Santiago está sito no canal de Cabanela, hoxe transformado en parte da explanada da maldita escollera e precisamente na zona de dragado do canal, que debera estar prohibido dragar por Patrimonio, se é que acaso esta rama da Administración Pública da Xunta existira como tal.

Pois ben. No Principado de Asturias danlle relevancia e solemnidades o “achado en Arnao” e chaman para a “cerimonia de entrega do tesouro” ao Museo Arqueolóxico de Oviedo, nada menos que a un Vicealmirante e a un Tenente de Navío, que están extasiados (véxase a fotografía que acompaña a reportaxe) diante de tres cazolos de plástico coas pezas arriba mencionadas. En menudas películas se mete esta xente da Armada.

Total, e o meu entender, as pezas non teñen ningunha importancia histórica, pois carecen de contesto e valor engadido, e solo teñen o valor de chatarra atopada nun fondeadoiro, exactamente igual que a chatarra que se pode atopar nas decenas de fondeadoiros de toda a cornixa cantábrica.

O que realmente son tesouros da Ría de Ribadeo, son as pezas de cerámica, ánforas e cachos de pezas partidas con sinais inequívocas da súa época. Como xa dixemos, aquelas 600 pezas depositadas na Casa da Ría de Santa Cruz, até fai poucos meses. Esas sí, esas sí tiñan valor histórico recoñecido e que foron expostas na Oficina de Información e Turismo de Ribadeo, onde todos as puidemos contemplar e, onde van? Cando fixeron limpeza da esquecida e cochambrosa Casa da Ría, será verdade que as tiraron no contedor do lixo?? Onde están as pezas arqueolóxicas da Ría de Ribadeo? Aparecerán dentro dun tempo tamén en Arnao?

Supoño que San Claudio e a Armada Española saberán que se está facendo co patrimonio da Ría de Ribadeo. Non é pequena nin efémera a cuestión pois afecta a Historia da Navegación en Europa, non só a historia local e nacional de Galicia.

Onde están as nosas Autoridades Autonómicas e as do Concello de Ribadeo para pedir contas sobre tanta falcatruada? Seguirase gastando o presuposto do Concello de Ribadeo, de 12 millóns de euros, 2000 millóns das antigas pesetas, en enchedoiras, chocolatadas, feiras, festas e mercados dos amiguetes con dereito o voto? Seguirase a facer política clientelar en vez de facer polas cousas que realmente importan?

A política é para servir, non para servirse, pero hai individuos ben traxados e engravatados que as matan calando, e que, á primeira de cambio... En fin.

1 Raquear: andar na procura de restos de naufraxios.

20060722

Ribadeo, máis do mesmo

Ribadeo, máis do mesmo
    Si, máis do mesmo. Do mesmo que noutros lugares: hoxe celébrase o Carme, outra vez desprazado, e outra volta cun desprazamento contrario ó de Tapia e As Figueiras para non competir con elas na celebración. Hai que lembrar que as festas agora non son tanto celebracións, senón motivos de atracción e negocio (ou eso parece moitas delas). Ademáis, a comisión de festas patronais ribadense alerta de xente que vai pedindo no seu nome e non (é dicir, é un apaño de cartos para algunha xente)
    Pero sobre todo, máis do mesmo que estes días pasados: advertencia do avance dos feísmo. A relación coa economía e a política foi manifestada, aínda que a expresión de que non hai alternativa, en certo xeito tamén dito, non é certa. Vai xa moito tempo que escribín un artigo sobre TINA (There Is Not Alternative; o artigo non vai só sobre eso, pero é a parte principal) [a anterior ligazón deixou de funcionar. Deixo a ligazón ná copia situada en Internet Archive]e sigoo a manter: outro mundo é posible... e hai moita xente na mesma liña, de amosar esa posibilidade. Mentras, en España xa hai unha vivenda por cada dous habitantes, o que indica que o parque de segundas vivendas segue a crecer pero chega a unas proporcións considerables, coa advertencia continuada dende hai xa tempo de que a burbulla inmobiliaria pode pinchar en calquera momento, con máis perigo canto maior endebedamento teñan as familias, e este segue a aumentar.
    Un último comentario fóra de Ribadeo: aconsello a lectura dos articulistas Juan Goytisolo e Manuel Rivas, hoxe en El País
--
O artigo referido arriba, publicado o 24 do 4 do 1997 en A Mariña de El Progreso:
¿A quen insulta? ou “TINA ataca de novo”

    Non sallo do meu asombro. Resulta que un home intelixente, emprendedor, moi preparado, ... pode estar maleducado, podéndose converter en paradigma de que educación non é só ensino ou formación, non é só coñecementos e aptitudes senón tamén actitudes, eso que tanto traballo costa corrixir. Eso non é tan asombroso, dende logo, o asombroso é que con todas esas virtudes, se lance a insultar por ... boeno, as causas as saberá el, pero o caso é que se lanza a insultar en público (amplificado a través dos medios de comunicación) a xente que está pedindo contas e axudando a reconstruir algo que estiman contribuiu a estragar, ou a quen pretende que o ensino público sexa crítico e prepare a xente que poda decidir (como está escrito nos documentos básicos que a correspondente Consellería pretende que se cumpran), ou, sinxelamente, a quen pensa de xeito diferente.

    ¿E que pinta Tina en todo esto? TINA non é muller. É o acrónimo de There Is Not Alternative, “non hai alternativa”, un dito repetido por moita xente con poder para xustificar as súas decisións. Repítese nos máis diversos asuntos, dende o desencadeamento da guerra con Iraq a decisións sobre medio ambiente a nivel mundial, e así a ONU queda como algo obsoleto dentro do futuro que se pretende que nos caia enrriba. E o protocolo de Kioto, en papel mollado pola chuvia aceda de quen é o máximo contaminante e non quere responsabilidades porque tamén ten o máximo poder: é o mundo do revés que se pretende futuro, onde as propias decisións de xente poderosa xustifican a planificación do porvir de todos nós en vez de ser un mellor porvir a causa das decisións.

    Nembargantes, hai xa varios anos, en particular a partir das protestas de Seattle e logo do Foro Social de Porto Alegre (antítese da reunión de poderosos e “contubernio” político económico que é o Foro Económico Mundial de Davos), está habendo unha toma de conciencia: o mundo do futuro está nas nosas máns hoxe, e nós somos quen ten que planificalo. Se hoxe por hoxe temos unha organización política, somos nós quen temos que facela funcionar. Somos quen ten a responsabilidade esencial: a de pedir contas a aquelas persoas que puxemos nos postos de decisión. Naturalmente, nun estado democrático tamén en teoría temos o poder de votar a outra xente para así castigar. Pero non se trata de castigar, trátase de facer que as cousas funcionen para ben de todos, como pola outra banda non se trata de facer unha caza de bruxas contínua a calquer nivel, como o estatal, autonómico ou local, senón de valorar opinións que a todos poden axudar. Para eso, tanto votantes como elexidos temos que ter a cabeza a unha temperatura adecuada, evitando saídas de tono, e uns presionando e dando a opinión e os outros atendendo, que a sabiduría popular por algo se chama sabiduría aínda que tamén se poda equivocar.

    Aínda lembro a célebre carga sobre unha igrexa en Vitoria noutros tempos moi diferentes.Ó día seguinte estaba poñendo un cartel na facultade chamando a ter a cabeza fría. É un cartel que conservo para lembrarmo a mín mesmo. A mesma persoa responsable que me induxo naquel intre me induce agora a escribir estas palabras.

    E así voltamos ó título: hai alternativa, sempre hai alternativa, ou, para dicilo tamén cun acrónimo en inglés, HAINA, (“Here Always There Is Alternative”), pero hai que traballala. Entre todos. E Don Manuel, insultando ós seus, a unha boa parte desta familia que somos en Galicia, consigue non insultar a ninguén, agás en tal caso á idea que algunha xente segue a ter dunha persoa asombrosa en máis dun sentido. Un modesto consello, sr. Presidente: considere tamén que Galicia existe fóra da súa cabeza, entre outras cousas porque hai moitas máis cabezas en Galicia que a súa.

Antonio Gregorio Montes

20160908

Os fogos do sete en Ribadeo, dende as Figueiras

Esta noite foron os 'fogos do sete', en realidade nos primeiros minutos do día oito. Deixo algunha testemuña da edición deste ano tomada dende as Figueiras.
Ribadeo, de noite, antes dos fogos.
 Un momento dos fogos, coa iluminación xa variada
 Un dos momentos vistosos dos fogos
A primeira parte dos fogos, en vídeo
E agora... as festas rematan, e ata outro ano.

20100530

Reflexións dende o tesón


Os tesóns de Ribadeo son lugares privilexiados para a observación e a reflexión. Teñen o privilexio de permitir estar en moitas ocasións a un só, tendo á vista á ría e podendo observar as cousas en perspectiva. Nunha bela perspectiva na que se teñen a man non só Ribadeo, senón As Figueiras, Castropol e aínda, ó fondo, A Veiga, máis os espazos entrambas, como esta mañá nos tesóns de Vilavella e Mirasol. Case Mirasol_Vilavella porque se podía pasar andando tranquilamente dun ó outro. Perspectiva na que se pode ver a marabilla da paisaxe dende o centro da ría, ó tempo que a acción da man do home, dende a grúa macro das Figueiras ata á nave verde do porto da Veiga (concello de Castropol), pasando polo desgarrón que hoxe por hoxe ten Castropol pola construcción na ladeira duns edificios, ou moitas outras cousas na beira galega, dende os recheos ás urbanizacións sobre a ría, sen esquecer a mesma praia dos bloques, convertida en lodazal como advertira Isidoro Asensio. Os tesóns teñen a avantaxe de que desaparecen baixo a marea, e volven a aparecer renovados, como dispostos para ver cousas novas dende alí. Asemade, se se chega e se sae facendo un pouco de exercicio, cun pouco de traballo, da tempo a que as ideas repousen e se vaia cambiando de perspectiva pouco a pouco, sen sobresaltos, apousando suavemente.
Alí pódese reflexiona tendo á vista a ría de Ribadeo ou o pobo. E pódense comparar as cousas que se din ou que se observan sobre eles. Por exemplo, o tratamento diferente entre Asturias e Galicia. Na toma de Google maps, Ribadeo leva cuberto xa un ano longo, ata as catedrais, de néboa. A divisoria na ría permite a Asturias estar libre dela e nidia. Na ría non se observa tal. É diferente ou non? O que é diferente parece ser o trato que se lle da a unha ou outra parte, dende o nome ó coidado. Seguindo con Google, aí está aínda o río de Ribambo (0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, ...), que leva camiño de converterse, a este paso, no nome da ría, máis aló do de ría do Encontro ou del Eo, e por suposto, que o de ría de Ribadeo. Polo que parece, xa hai algún tempo que o concello enviou un escrito para a rectificación, despois de que O Tesón iniciara a campaña pola recuperación do nome, traendo mesmo á televisión. Polo momento, sen resultado. Parece que quen ten menos defensa institucional e empresarial é precisamente a ría de Ribadeo. E non só polo nome. Aí está o Plan de ordenación que se pide dende hai anos, o PORNA, que como moito recoñécese como convinte en troques de necesario para podelo ir adiando.
Sube a marea e o tesón desaparece. Volverá a baixar e poderase ir de novo e observar paseniñamente.

20160504

CASA DA RÚA ENXEÑEIRO SCHULZ, por Francisco José Campos Dorado

Á metade da rúa a man esquerda segundo se baixa desde a Amando Pérez cara a rúa Viejo Pancho e Antonio Otero, atopamos unha casa blasonada cun antigo escudo de armas. Está realizado nunha pedra enroxecida, posiblemente pola cantidade de anos que estivo sometido as goteiras do canalón a traverso dos crampóns de ferro, pero suficientemente dura como para poder ver con claridade os seus ornamentos e mobles, aínda cubertos co encalichado co que algunha vez se pintou a fachada do edificio. Dende aqui darlle as gracias a Carlos Rolle Vijande que desde o seu confortable Hotel Rolle me deixou facer esta precisa foto do escudo.
O que primeiro se observa é unha encimera casi máis grande co propio campo do escudo, que consiste nun casco situado de fronte e con viseira romboidal. Segundo o Diseño Heráldico (Luis Messía de la Cerda y Pita, 1990) un casco de fronte e con viseira levantada romboidal é propio dun rei. ¿De que rei?.
Na dudosa data do escudo, 1616, que aparece na parte alta da bordura, reinaba Felipe III (1598-1621) que accedeu o trono despois de Felipe II (1556-1598) e que logo sería sucedido por Felipe IV (1621-1665).
Os tres estiveron implicados nas interminables guerras de Flandes, onde Ribadeo xugaba un importante papel como porto de abastecemento e de abrigo seguro a todo tipo de barcos, tanto si era para protexerse dun temporal como de ataques de piratas e corsarios que infestaban por aquel tempo as nosas costas. En 1624 constrúese o Forte de San Damián sobre a Punta do Carballo, para defender a bocana da Ría de Ribadeo e, en 1627 había catorce baixeles para protexer a ruta de Flandes, distribuídos entre A Coruña, Ribadeo e Pasaxes (“España, Flandes y el Mar del Norte”, José Alcalá-Zamora y Queipo de Llano, Pax.200)
Pero volvendo o casco do escudo. Que se saiba, en Ribadeo non houbo no século XVI nin no XVII, unha casa solariega donde residira o rei, aínda que só fora para estar de vacacións. Polo tanto o diseño do casco de frente e coa viseira romboidal, está equivocado según as normas da heráldica consultada, pero por outra banda, podemos ver que a viseira ten cinco ou seis grilletas angulares que lle protexen a abertura, dándose entonces á interpretación de ser un casco coa viseira baixada, propio dun duque ou dun marqués, e incluso poidera ser dun conde si estivera siquiera unha miguiña ladeado a destra.
O casco está rematado cun amplo penacho de oito plumas en abanico e a súa configuración é un pouco estraña, pois ten dúas prolongacións que saen da parte baixa da viseira, que rematan en espiral sobre ela e que forman dous redondeis cuns botóns centrais a modo de ollos que lle dan tétrica aparencia. Ademais parece ter unha ranura na zona da boca, propia dunha sorrisa sardónica, isto é, de labios estirados pero sen apego de sorrisa, máis ben mete medo o seu aspecto, pois un pode imaxinar algo moi sinistro no cabaleiro que portaba tal indumentaria.
O casco está sostido por un raro adorno con rasgos de figura fantástica que semellan dous “tentáculos de polbo” de desproporcionado grosor respecto da finura das formas heráldicas tradicionais, e cuxos extremos se envolven en dúas volutas a cada lado do casco, sobre a cabeza de dous bustos de tenante de pelo longo. Ó lado da cara dos tenantes poden verse como tres ventosas que saen dos tentáculos.
Ditos bustos dos tenantes, están sostidos pola cabeza de dous lobos ou de dous leóns empinados, que están de pé igual cos rampantes pero apoiando as patas dianteiras sobre o borde do escudo. As patas traseiras apóianas sobre burletes que asemellan as olas dun mar embravecido. Estes leóns, tamén teñen algo de estraño, pois a altura do medio da barriga, aparece “unha man” dende o fondo que non se sabe ben de donde procede, e suxetan lateralmente o escudo, aparentando nacer e subir das volutas laterais das olas do mar que se entremisturan coa crina do rabo de cada león. Hai dous “leóns apanterados” e empinados de igual forma, a cada flanco do escudo de armas das Torres de Donlebún en Figueiras, pero neste caso, as mans, son claramente as patas traseiras esquerda e destra de cada león.
O escudo de Schulz, remata por abaixo ó estilo francés, que é igual que o escudo español pero rematado en punta en vez de redondeado, e está sostido pola cabeza dun tenante de pelo longo.
Na bordura ten grabado o lema “DOQARESO EL VAR.” o cal, é unha incógnita.
É un escudo cortado ou dividido en dous por unha liña horizontal. A parte alta pode interpretarse de varias maneiras ó non atopar documentación da propia casa que nos indique algo da súa xenealoxía. Vese un castelo cunha gran portada e outra construción enriba de ampia fiestra, o que en heráldica se coñece como unha torre “donjonnada” (Heráldica do Marqués de Avilés, Ciencia Heroyca,1725), cun cabaleiro a cabalo que empuña unha lanza coa destra e leva posto un casco cun penacho de gran pluma. O cabaleiro parece estar o galope nunha xusta, ou ben, cabalgando hacia o castelo. En principio, aparentan ser armas dos Valledor, pero fáltanlle moitos elementos para selas, como: unha flor de lis, unha estrela, un oso que mata coa lanza o cabaleiro, e dous lebreis que suxeitan o oso. Tamén poidera ser a composición dunha linaxe familiar, onde o cabaleiro é das armas dos Guntín ou Gundín, emparentados cos Salgado, e o castelo das armas dos Méndez de Navia, que un século máis tarde por lazos matrimoniais, no ano 1732, nacería en Ribadeo Dª Josefa Méndez de Navia Castellano, filla de D. Anxo Méndez Navia e de Dª Catalina Castellano.
A parte baixa do escudo son armas dos Arines, 10 panelas: tres, tres, tres e unha, acompañadas dun luceiro de oito puntas das armas dos Bengolea.
En xeral, parece o escudo dalgún cabaleiro que ten que ver co mar ou con temas de marina. Según os blasóns de Galicia, D. Pedro de Arines de Vigo, en 1525 casaba con Dª Ana Troncoso, neta de D. Fernán Troncoso de Sotomayor, señor de Picoña, que defendeu Baiona dos corsarios.
Seu fillo D. Pedro de Arines Troncoso casa en terceiras nupcias con Dª Mayor Fernández de Acuña, filla do escribano de Bayona, e teñen oito fillos, e entre os seus descendentes os Duques de Atrisco, os Marqueses de Valladares, os Condes de Maceda, con casa solariega en S.Xusto de Cabarcos, e tamén contan cós Vizcondes de Meira. D. Juan de Arines o terceiro fillo morre en Foz en 1602 e estaba casado con Dª María de Castro.
¿Era esta casa de Ribadeo unha das casas solariegas dalgún destes fillos? Non sabemos, pero o casco da encimera é de alto linaxe e outra das casas blasonadas de Ribadeo que estivo case a piques da ruína total ata que fai poucos anos se puxeron a medio reconstruíla amecida á outra de máis enriba de D. José Pérez da familia dos Perecitos, na que tiveron bazar e mueblería, e que logo tamén tuvo alugada para fábrica de gabardinas de Llaú.
Quizais alguén saiba máis certamente da súa historia, e no lo queira contar como fixo excelentemente Jesús Díaz Cadenas, sobre a Aduana Vella, ampliando a biografía dos propietarios, de como fora adquirida en 1799 por D. Pedro Miranda Villamil, fidalgo e comerciante de ultramar de mans de Dª. Nicolasa Ortega, para dedicala a casa propia, e cuxos baixos servían de pósito e almacén de produtos ultramarinos, nunha etapa florecente do século XIX do Porto de Ribadeo. Esperemos que agora chegue a bon porto esta casa sita na rúa Enxeñeiro Schulz e non a abandonen de novo per sæcula sæculorum... como están facendo coa Torre dos Moreno e algunhas casas blasonadas máis.
Fachada de Enx. Schulz 5, en obras (Google Street View)