Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20140822

Pensamentos lixeiros para agosto: non tan lixeiros! Homenaxe a Dionisio Gamallo

    Mañá comeza. Homenaxe a Dionisio Gamallo. Si, o que ten adicado un busto no parque. Esta fin de semana e no comezo do curso no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Deixo o díptico e tamén a contribución que sairá na Comarca mañá, no número adicado á homenaxe.


Barón de Porcillán
    Cando hai algún tempo Manuel Valín pediume a participación nesta homenaxe colectiva, por unha parte sentínme distinguido e por outra enxaulado, e tendo ambas as partes relacionadas, non me quedou outra que asentir.
    Non son, nin moito menos, especialista en Dionisio Gamallo, polo que para afrontar a situación, en primeiro lugar, lembrei os meus propios coñecementos sobre el, que xa baía escasos, e lembrei asemade que non se pode dicir que sexa ‘dionisíaco’. Nin nos sentidos do dicionario nin tampouco como seguidor ou forofo de Dionisio; miro a súa figura con certa distancia: unha persoa, e máis se é de ampla traxectoria coma el, sempre ten puntos que non son tan claros. É o  que fai extraordinarias ás persoas: que chegando a acadar metas sigan a ser humanas.     Neste sentido cheguei a algunha cousa que del escribe Daniel Cortezón:
p.304, l.14: ‘(...) por esas fechas, no obstante, ya está decidido a abandonar su aventura de lo que denominaba “quijotismo agrícola-ganadero” en el Instituto Laboral Rodríguez de Valcárcel, de Ribadeo (..)[referíndose ó escrito nunha Comarca de 13/12/1959 por Dionisio Gamallo]
    p.366, 1º punto e aparte: ‘En octubre de 1955 solicita el puesto de Director del Instituto Laboral de Ribadeo, y en su curriculum argumenta que: “A lo largo de muchos años he teorizado amor a mi pueblo. Como teorizar es cómodo, y tal vez frívolo, secretamente deseaba que la vida me proporcionase ocasión de poder demostrar que mis sentimientos no eran literatura. Esa ocasión de poner en práctica la buena ley de mis afirmaciones, surgió recientemente, a crearse en esa Villa un Instituto Laboral...”. Insiste afirmando que “aún teniendo que sacrificar personalmente conveniencias de varia índole (sociales, intelectuales, económicas), no dudé un momento en realizar lo que creía un deber, deber gozoso y compensador: pedí ir a Ribadeo, pleno de entusiasmo, con mi probada vocación hacia la rectitud y la justicia para darme un gran gustazo íntimo... de poder ser útil a los míos, a mi mucha familia ribadense y por lo tanto a mí mismo con con orgullo pertenezco a ella...”
    A recalar nos dous parágrafos anteriores e nalgunha cousa máis cheguei retomando o libro de Cortezón para documentarme de cara á elección de nome para o actual IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, elección para a que eu tiña presentada unha alternativa: IES ría de Ribadeo. Foi daquela cando me prantexei algo que dalgún xeito coido debo deixar dito aquí: Non sería mellor pensar en publicar a súa obra dun xeito sistemático e logo facerlle o recoñecemento debido?
No disco duro do ordenador gardo tamén unha serie de entradas en Facebook de arredor do 11 de novembro pasado, en plena discusión sobre o nome a asignarlle ó IES, que entre coña, querencia, feitos e visións, contribuíron a decatarme da ascendencia que ten Dionisio en Ribadeo.


    Ben, sempre, dende que souben da súa existencia, tiven curiosidade por Dionisio Gamallo Fierros, o que me levou a tentar saber algo máis (só algo máis) sobre el, quizáis as primeiras veces da man de Amadeo Arango. A publicación do libro de Daniel Cortezón sobre Dionisio Gamallo en 2005 marcou nese coñecemento un tanto de independencia e ata de suficiencia despois de ter lido boa parte dos artigos que pillara polo pasamento de Dionisio. Suficiencia que logo se tornou espellismo, como paso a ver a continuación.
    Así as cousas, o 20 de setembro de 2009 fun quen de atreverme a crear a entrada ‘Dionisio Gamallo Fierros’ na Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Dionisio_Gamallo_Fierros) e máis tarde, o 16 de abril de 2010, a entrada equivalente na wikipedia en español. Ambas deberan ser melloradas e aproveito para apelar a quen ten máis coñecementos ca min sobre o tema para solicitarlles a súa colaboración. O caso é que, no medio de ambas, a miña ignorancia manifesta xogoume unha mala pasada, coa confusión do varón de Porcillán cun suposto Barón de Porcillán que tiven que corrixir en canto comprobei o meu erro. Por sorte, foi cousa de pouco tempo o decatarme e facer a variación.
    Pensando en Dionisio e o meu erro, verse agrazado cun título nobiliario pode non ser moito cando o que se espera é outra cousa. No seu caso, Varón de Porcillán, segundo as súas propias verbas que encabezan o libro de Daniel Cortezón, non creo que cambiara o título. Ó fin, recollo a cita de Carlos Álvarez-Lebredo no pregón das festas do 96, referido a Amando Suárez Couto e citando a Dionisio: ‘E é que, como escribiu Dionisio Gamallo en vida do noso pintor: ” A Amando le va bien su nombre. Ha pasado y pasa la vida amando”.’ Pasou a vida Dionisio como varón ou como barón?
    Cando comezo a tomar notas para escribir isto, navegando na rede, atópome na entrada de Gamallo na Galipedia:
-
Dionisio Gamallo Fierros, nado en Ribadeo o 25 de agosto de 1914 e falecido en Madrid o 16 de xaneiro de 2000, foi un escritor polígrafo galego.

1 Traxectoria

1.1 Formación e primeiras publicacións

Estudou primeiro en Ribadeo e logo en Lugo, para pasar despois a estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1936. Posteriormente rematou Filosofía e Letras en 1941 na Universidade de Valladolid.
Colaborou despois en Ya, Arriba, Informaciones, El Español e La Estafeta Literaria, entre outras publicacións.
A partir de 1945 foi profesor axudante de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela, profesor de Literatura Española nos Institutos Ramiro de Maeztu e Lope de Vega en Madrid, profesor e director do Instituto Laboral en Ribadeo e profesor na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid.

1.2 Mundo académico

Entre 1953 e 1955 traballou como asesor do Servicio de Información Bibliográfica da Biblioteca Nacional. Foi nomeado académico da Real Academia Galega. Ademais, foi vocal da directiva do Centro Galego de Madrid e secretario da Comisión de Cultura. Foi membro do Instituto de Estudios Asturianos e membro da Real Academia Española.

2 Obra

A bibliografía de Dionisio Gamallo é moi variada. Destaca Albor (1942), caderno de poesía con 14 poemas (do seu libro inédito La voz derrotada). No 1943, dúas monografías aínda inéditas: Una estirpe de escritores colombianos: los Caro e La aportación de Lugo y su provincia a la literatura galaico-castellana. No 1948, publicou o folleto "Bécquer y Sevilla y páginas abandonadas" (prólogo de Dámaso Alonso). Tamén publicou ensaios e artigos, como Vida y obra de Ramiro de Maeztu (1953), Menéndez Pidal en el año 1898 (1968), ¿Luz sobre la Negra Sombra? (1975), Primera etapa de la vida y obra de Pérez de Ayala (de los comienzos hasta 1905) (1981), ou La Regenta, a través de cartas inéditas de la Pardo Bazán a "Clarín" (1984).

3 Recoñecementos e galardóns

Dionisio Gamallo foi recoñecido con diversos premios. Entre eles:
  • Premio Anual de Literatura Pérez Lugín da Asociación de Prensa da Coruña (1943) por Galicia a través de sus poetas.
  • Primeiro premio de poesía castelá nos Xogos Florais de Santiago de Compostela (1945) polo poema "Piedra viva".
  • Premio do Certame do Centro Galego da Habana (1951) por Seda en el cardo (vida y obras de Curros Enríquez).
  • Primeiro premio no Certame José Martí patrocinado pola Embaixada de Cuba e o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid (1953).
  • Premio ó Xornalismo (1971) da Deputación Provincial da Coruña.
Ademais, foi distinguido coa condecoración da Orde de Rubén Darío en Nicaragua (1967), nomeado "Lucense do ano" en 1987 e medalla Castelao en 1998.
Dende pouco despois da súa morte e ata a súa fusión co outro IES de Ribadeo, o Instituto que dirixiu levou o seu nome. Con posterioridade á fusión, o novo centro pasou a chamarse IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

4 Véxase tamén

4.1 Bibliografía

-
Asemade, podíase ler na Galipedia, no artigo correspondente a ‘La Comarca del Eo’: ‘Entre outras cousas, no semanario publicouse o primeiro eloxio público a Castelao en Galicia tras o estoupido da Guerra Civil española, nun artigo de Dionisio Gamallo Fierros.
E ben, Dionisio Gamallo está na Galipedia, na wikipedia en español e na wikipedia en vasco, e tamén no nome do IES de Ribadeo, ou nun monolito no parque. E ti, que tes de Dionisio?

20131127

Un nome para o IES de Ribadeo

Pouco a pouco van trascendendo nomes propostos para o case recén creado IES de Ribadeo. Abriuse o proceso hai un par de semanas, e ata o 30 estará aberta a posibilidade de facer propostas, que votará o Consello Escolar para logo propoñerllo á Xunta, que será quen llo poña efectivamente (e que podería dar a sorpresa de poñerlle outro diferente do porposto polo Consello)
Ata agora, van trascendendo algúns nomes propostos para a votación:
IES ría de Ribadeo
IES Dionisio Gamallo Fierros
IES de Ribadeo
IES Sonia Castedo
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo
Nomes que poderían aumentar e posiblemente a estas horas teñan aumentado.
Particularmente, gustaríame que quedara IES de Ribadeo, ó fin, o nome actual, pero como non creo que pase por vez, propuxen IES ría de Ribadeo, un topónimo que estimo que necesita axuda e daría persoalidade ó centro educativo.
En canto a IES Dionisio Gamallo Fierros, xa comentei en 'Curioso' do apoio institucional do concello a un nome que xa houbo e que podería confundir dous centros diferentes.
En canto a IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, tenta conxugar un apoio político coa realidade actual diferenciando así o centro do anterior e extinto que foi o Carlos María Rodríguez de Valcárcel a maioría de tempo da súa existencia.
IES Sonia Castedo, argumentado ou non (as propostas deben ir argumentadas) paréceme unha mofa do proceso de poñerlle un nome de persoa, aínda que, tal como están os tempos ...
Como agora só podería poñer os argumentos que empreguei eu, deixarei rematar o prazo para expoñelos, polo que, en breves datas, haberá outro artigo sobre o tema.
E ti, que opinas? Que nome te gostaría que tivera? Consideras que o nome ten trascendencia ou és dos que opina que os demáis poden tomar o control das palabras, ó estilo do 'que inventen ellos'?

20131212

O IES de Ribadeo, IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

O IES de Ribadeo xa ten proposta de novo nome: IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Así, sin outra cousa, sin segundo apelido, que xa é longo abondo, será a proposta que o Consello Escolar do IES de Ribadeo envíe á Xunta para que ista lle poña o nome, pois é a Xunta quen ten a potestade para facelo (mesmo desoíndo a proposta, o que neste caso sería raro, pois foi realizada por ampla maioría)
Comentarios sobre o proceso pódense facer moitos, pero a proposta está aí en firme, para quedarse, como digo, votada por unha ampla maioría.
Coido que serviu de moito que o mundo político e outras persoas se inmiscuísen no proceso xa dende o ano pasado -aínda que ó final fora irrelevante na votación a súa proposta- coa proposta realizada dende diversos foros, de 'IES Dionisio Gamallo Fierros', nome coincidente con outro IES anterior de Ribadeo, e o único das nove propostas existentes (entre elas, a de ría de Ribadeo, suxerida por min e por outra persoa máis, pero non a de Sonia Castedo, que foi retirada pola dirección) que tivo un pequeno alegato ó seu favor antes das votacións no consello Escolar.
Por certo, órgano iste o Consello Escolar, que parece que desaparecerá nun futuro non moi lonxano, pois a democracia nos centros educativos vaise apagando (contribúe moito o estado) ó paso que o fai a democracia na sociedade en xeral.

20211007

Martes 5 de outubro tocou pleno en Ribadeo

   O pasado día 2 de outubro unha nota da alcaldía dabe a nova da convocatoria dun pleno para martes 5. Non aparecía a orde do día, nin nas novas nin na sede electrónica, o outro lugar onde pode aparecer (na última tempada, con máis probabilidade). O que si, case seguro que por algures no taboeiro e anuncios do concello, entre os papeis detrás ou diante do vidro da vitrina, estará unha copia da convocatoria. A falta de consultala e de asistir ó pleno, deixo as notas de prensa (despois) e algún comentario (antes).

    O primeiro, foi un pleno ordinario. Creo lembrar que hai tempo se estableceu que habería un cada dous meses. Tería tocado en setembro, pero estimo que está dentro do prazo imestral aínda que non sexa o acostumado o facelo a comezos de outubro. Na nota a posteriori, vemos que tamén houbo un pleno extraordinario a petición do PP.

   Vaise pedir o 'Plan Rexurbe'. É dicir, subvencións da Xunta. Se se mira na ligazón que puxen verase que é unha ampliación do programa que xa hai nalgunhas vilas. Descoñezo se a petición vai xa acompañada de actuacións concretas (como as anunciadas de Cabanela ou na Virxe do Camiño) ou non. Relacionado, tamén se tratou da ampliación (en tempo de disposición) do ARI para poder dispoñer dos cartos non gastados aínda. Administración con administración.

   Aínda que pareza fóra de tempo a petición do mantemento da ESA (ESO de adultos) no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo (cousa que non aparece na súa web, a pesar do cartelón da entrada ó patio do IES), non o é. A Xunta dixo de suprimila, ó final non se suprime pero queda tocada, e trátase de que non perigue a súa continuidade no tempo futuro, o que, pese ó mantemento desas ensinanzas en Ribadeo polo momento, sería o paso seguinte de continuar as condicións actuais. Administración contra administración.

   E tamén, da votación dunha moción, coordinada cos outros concellos mariñáns, en pro do mantemento de Vestas en Viveiro. Administración con empregados do sector privado.

   No pleno ordinario, unanimidade nas votacións. De calquera xeito, a segunda nota está redactada de xeito que podamos seguir escoitando dalgún tema varias veces aínda, a máis da nota de convocatoria e a nota de resume que deixo abaixo.

   Na nota de prensa de onte, a segunda, en relación a Vestas (mala entrada que na súa web xeral non teñan cabida nin o castelán nin o galego, e si outras linguas como o polaco), pídesea actuación, dentro do sistema, doutras administracións, pero queda fóra do alcance a petición de cambio de sistema. Máis aínda, deste xeito, está a usarse e fortalecer o mesmo sistema xeral que se trataría de atacar por nefasto. É comprensible, pero igualmente é previsible a resposta se non hai cartos de todos polo medio. 'O de sempre', vaia.

   Unha moción rexeitada do PP en contra da lei estatal que entre outras cousas apoia o equilibrio ecolóxico do lobo foi rexeitada (o comentario sobre ela na nota de prensa coido que pode obviarse) e unha do BNG para a supresión e non implantación de novas peaxes en vías de comunicación foi aprobada.

   Do pleno extraordinario, pouco que dicir, como se desprende da propaganda na nota de prensa. Apostaría que houbo moitas palabras e poucos datos válidos e estruturados, máis aló de apoiar a unha ou outra postura sobre as subvencións da Xunta, por quen foron 'conseguidas', agravios comparativos reais ou ficticios, etc.

Nota de prensa do día 2:


 

TAMÉN SE VERÁ UNHA PROPOSTA RELACIONADA COS ARIS

Pleno, o martes

02/10/2021

A solicitude de incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao Plan Rexurbe, a esixencia á Consellería de Educación para que manteña os módulos que viña ofertando de ensinanzas de Educación Secundaria para adultos no IES Dionisio Gamallo ou o apoio do Concello de Ribadeo ao cadro de persoal de Vestas son algúns dos asuntos do pleno ordinario convocado para o vindeiro martes, 5 de outubro, ás 20 horas, segundo informou o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que "convocamos un pleno ordinario para a semana que vén onde trataremos temas interesantes, coma sempre. Solicitaremos formalmente á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo no chamado Plan Rexurbe. Esta figura xurídica parécenos moi interesante para o noso casco vello agora que vimos de aprobar o Plan Especial de Protección hai poucos meses. Con este Plan Rexurbe contamos que poida haber máis e mellores axudas á rehabilitación de edificios. Ademais, plantéxanse ámbitos de acción conxunta entre a Xunta e o Concello para impulsar a reforma e rehabilitación de espazos que levan moito tempo degradados, como o barrio de Cabanela, ou tamén actuacións en zonas verdes da Virxe do Camiño e a capela anexa, na estrada do faro ou mesmo actuacións en edificios públicos coma o xulgado de paz vello, o Cine Teatro ou o forte de San Damián".

Fernando Suárez seguiu a relatar que "igualmente levaremos unha proposta de nova convocatoria de axudas dos vixentes convenios das Areas de Rehabilitación dos núcleos tradicionais de Ribadeo e Rinlo, xa que a día de hoxe aínda non están comprometidos todos os fondos públicos dispoñibles, polo que é unha mágoa que se poidan perder. De aí que queiramos abrir unha nova convocatoria coa condición de que as obras deben estar totalmente rematadas en abril de 2023".

O alcalde sinalou que "tamén propoñerémoslle ao Pleno que se dirixa á Consellaría de Educación da Xunta para que recúe na súa pretensión de eliminar a oferta de ensinanzas de Educación Secundaria para persoas adultas que se veñen impartindo desde hai moitos anos no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Parece que a presión social e máis a do mundo educativo está facendo que a Xunta dea marcha atrás, pero esta non quere ofertar os dous módulos que se viñan ofertando, o cal é un despropósito".

E engadiu: "e como non, neste Pleno tamén falaremos e apoiaremos ao cadro de persoal da empresa Vestas de Viveiro, ao igual que o resto de Concellos desta bisbarra, xusto cando están neste momento crítico de ameaza de peche. Todas as institucións debemos conxurarnos para que este capitalismo depredador no que vivimos non permita falcatruadas coma esta: nun momento que se queren inzar os montes de muíños, resulta que unha empresa punteira quere pechar a produción de máquinas aquí na Mariña. Ribadeo é dos Concellos que mais lonxe queda de Viveiro, pero estamos moi preto del na loita pola xustiza, polo traballo e pola dignidade".

Nota de prensa do día 6:


 

EN RINLO CREARASE UN APARCAMENTO PÚBLICO

Plenos de onte

06/10/2021

O Concello acordou no pleno ordinario celebrado onte solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao plan Rexurbe e que non suprima nin total nin parcialmente os ensinos secundarios de adultos na vila. Ademais foi aprobada unha moción de apoio aos traballadores de Vestas.

O alcalde, Fernando Suárez, contou que "foron interesantes os plenos que celebramos onte á tardiña. No tocante ao pleno ordinario, dicir que saíron adiante a práctica totalidade, por unanimidade ademais, asuntos tan importantes como a voltiña que lle queremos dar, aínda máis, ao casco vello de Ribadeo. Agora solicitarémoslle á Xunta a incorporación do conxunto histórico ao plan Rexurbe, no que pretendemos facer aínda máis actuacións en puntos degradados e que precisan non só unha acción dos particulares propietarios senón das administracións como pode ser a Xunta máis o Concello. Tamén abriremos un novo prazo para pedir axudas para a rehabilitación dos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo, e seguindo en Rinlo aprobamos tamén iniciar os trámites de expropiación dun terreo que xa se contemplaba no vixente plan xeral de urbanismo para ser convertido en aparcamento público".

O rexedor dixo que "tamén neste pleno ordinario acordamos demandarlle á Xunta de Galicia para que non suprima nin total nin parcialmente as ensinanzas secundarias de adultos en Ribadeo, aínda que a Consellería de Educación sabemos que recuou na súa intención inicial, agora segue apostando por ir afogándoas pouco a pouco. Quero dicir con isto que o que pretende é deixar de ofertar o módulo 3, equivalente a terceiro da ESO, e só ofertar o módulo 4. Evidentemente non hai que ser moi espabilado para ver que se non hai módulo 3 pois non haberá moitos alumnos proximamente no módulo 4, e de aí que a petición da Corporación é que non continúen nesta liña sixilosa de ir eliminando servizos coa burda escusa de que non hai demanda. As estatísticas dos últimos anos están aí, se ben ao principio dos cursos académicos non hai moita xente, a medida que o curso avanza máis persoas se van incorporando, e desde logo temos que dar educación tamén ás persoas que deciden retomar os estudos aínda que sexa de adultos".

Suárez Barcia manifestou que "ademais neste pleno, aprobamos a moción de apoio aos traballadores de Vestas en Viveiro con chamada de atención aos gobernos da Xunta e máis do Estado para que se apliquen a fondo nas súas competencias, para evitar que empresas que dan beneficios en sectores punteiros poidan alegremente pechar e deixar a centos de familias tiradas. Entendo que debemos regular e atemperar este capitalismo sen rostro, salvaxe e depredador que se está erixindo como única vía. Xustamente a día de hoxe cando a nosa sociedade está a piques de cambiar o modelo enerxético, o modelo de produción e xusto agora cando se queren inzar de eólicos os nosos montes, o mar, etc…, non podemos consentir estas paradoxas que estamos a vivir". 

Mocións: lobos e peaxes futuras
O alcalde engadiu: "finalmente, tratamos unha moción do PP sobre o lobo onde lles fomos explicando o demagóxico da súa posición, pois entendendo desde logo que a orde ministerial que hai pouco se aprobou non vai crear un problema que xa existe en Galicia desde hai anos e que o único que pretende o PP é canalizar as queixas dos gandeiros para tapar as vergoñas políticas da Xunta e da súa falta de actuación, de financiamento de programas, etc… ao longo destes anos de goberno do señor Feijoo. Tamén aprobamos unha moción do BNG para demandar do Estado que non estamos dispostos a que se establezan peaxes futuras polas autovías xa existentes como polas longamente demandadas e nunca construídas como pode ser unha que nos cadra moi preto que é a de Barreiros-San Cibrao. Parece ser que esta é unha proposta que o goberno actual do Estado lle comunicou á Unión Europea, pero tristemente tamén estaba na axenda política do goberno do señor Rajoy aínda que non lle deu tempo a implementala. No apartado de rogos e preguntas fomos, como sempre, respondendo a todas as preguntas e aceptando os rogos construtivos e rexeitando os demagóxicos e oportunistas que tamén houbo, como sempre".

Pleno extraordinario
Fernando Suárez explicou que "tamén houbo este pleno extraordinario que quixo convocar o grupo do PP para, outra vez máis, destacar a súa condición de enredante político e de tentar desviar a atención da súa falta de compromiso naquelas actuacións e inversións ambiciosas e importantes nas que si se debería comprometer e convencer aos seus compis da Xunta de Galicia para que mirasen algo máis por Ribadeo, máis aló das caxigaliñas, das camisolas, dos nikis e das medallas ás que tristemente xa estamos afeitos a ver". 

O rexedor relatou que "neste pleno que foi só declarativo de intencionalidade política, que non resolutiva de ningún acordo, onde o voceiro do PP nos acusou de sectarismo, faise boa aquela máxima castelá de Dime de qué presumes e te diré de qué careces. Se a Xunta de Galicia lle quere ben a Ribadeo e, polo tanto, quere investir aquí ten dúas vías, como en calquera outro Concello do país, ben a través das subvencións que convoca e ás que os Concellos nos podemos acoller, ou ben coa sinatura de convenios extraordinarios". 

O alcalde lembrou que "no tocante á primeira posibilidade dicir que si o fixemos, exactamente para pedir axuda para arranxar as escolas de Covelas de Rinlo, foi hai un ano e a resposta que tivemos foi que fósemos enfiar agullas por aí adiante, como se di vulgarmente. O que fixemos posteriormente, despois desta negativa da Xunta, no caso de Covelas foi consignar o seu amaño nos orzamentos que aprobamos a principios deste ano, e no caso da escola de Rinlo pedimos, antes do verán, un convenio extraordinario coa Deputación de Lugo, que xustamente nos foi concedido hai semanas e aínda o asinamos antonte. En canto a segunda posibilidade de que a Xunta nos financie a través de convenios extraordinarios pois man aberta, pero non para dar labazadas como moitas veces eles fan connosco senón para sumar, para acordar e para investir en Ribadeo, pero iso lamentablemente faise pouco ou nada. Aí o tivemos na residencia nova, acabámolo de sufrir agora na rúa da Estación onde, despois de asegurárnolo, acabaron por non poñer un peso, etc… Oxalá cambien, están a tempo de facelo, porque temos ademais moitos máis proxectos que desenvolver". 

Para Fernando Suárez "desde logo, querer como fixo o PP, alentando a membros secundarios de determinadas asociacións de veciños con intereses directos, con intereses reais para executar esas obras en edificios públicos municipais, lévanos a tempos escuros e indesexados nos que nós non imos entrar. Porque as asociacións de veciños tiveron, teñen e terán todo o dereito do mundo de usar as escolas e os teleclubs públicos municipais, agora ben, a responsabilidade, a custodia e a capacidade de actuación correspóndelle ao Concello e, por extensión, ao goberno municipal que, por certo, é un goberno democraticamente elixido por todos os veciños e todas as veciñas de todo Ribadeo".

 

20240506

Un Chío en maio: Debuxo

    Co comezo de mes tivo lugar a edición dun novo número da revista Chío, correspondente ó mes de maio e cunha adicación particular na portada ó debuxo, pero sen esquecer que este é tamén o mes cun día adicado os museos. E aí, da miña man, aparece un artigo adicado ós museos de Ribadeo, que deixo abaixo tanto en pdf como nun formato web, composición diferente (e menos atractiva) da da revista, ó tempo que lembro que Chío leva aparecendo no blog xa máis de un ano, así como desde que estaba noutro acubillo web.


Dun museo descoñecido

    Teño que dicilo: en xeral, cada vez me chaman menos a atención os museos. E logo, matizalo: hai museos e museos; na actualidade críanse con calquera motivo, pero o principal que me leva a miralos de xeito máis lonxano non é a súa abundancia, sempre relativa dependendo do tema e sensibilidade, senón que as cidades -moitas- e pobos -algúns- están tendendo a ser entre parques de atraccións, parques temáticos e museos, desvalorizando por sobreexposición e variando o significado do que é un museo.

    A pesar diso, quedo co de que ‘hai museos e museos’. E no mes que ten un día adicado a eles, lembro un, pequeno, público, mesmo con páxina web pero pouco, moi pouco, visitado. Está montado con ilusión e variedade de fondos, aínda que non teña pretensións de grandeza. É sinxelo, con aspiracións máis didácticas que doutro tipo. Un museo que se adapta á definición moito máis que algúns tamén moito máis coñecidos. Trátase do construído nun centro educativo, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, a raíz da disposición ordenada de fondos relacionados coa ciencia, de aparatos científicos a esqueletos animais recuperados no centro, pasando por montaxes didácticas feitas polo alumnado, entre outras posibilidades. A máis, na área científica, abrangue exposicións de fotografía con motivos matemáticos, e, no mesmo recinto, como colección totalmente independente, poden contemplarse fondos escritos de diversa importancia.


    Un inciso. Este centro fundouse ex novo co profesorado, o alumnado, e o material de dous centros anteriores que desapareceron coa súa fundación: por unha banda, o IES Porta da Auga (que pasou por diversas etapas e nomes dende o inicial ‘Centro de Formación Profesional de Ribadeo’) e pola outra, do IES Gamallo Fierros (que tamén pasou por diversas épocas e nomes dende o inicial de ‘Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel’, e que ocupaba o edificio principal actual). Esa unión aportou pezas diversas e facilitou a existencia do museo como se pode observar na actualidade.


    Accesible? Sobre todo polas persoas que frecuentan o centro, claro. Pero se ben non se debe moestar o funcionamento dun centro educativo, quen queira velo de xeito físico, terá ocasións, mesmo a máis da visita á tradicional e anual feira da ciencia que alí se fai. Por suposto, tamén a máis do acceso vía internet.


    Fondos? Nunha escola que encadea camiño dos 80 anos de historias diversas e viva na actualidade nestas paredes, téñense procurado e realizado moitas cousas interesantes que amosar. Mesmo cando os aparellos foran relevados por outros máis novidosos, de mellor rendemento ou non. Ou mesmo cando a xuventude dalgunhas mans orixe dos traballos parecería inducir a crer en milagres polos resultados á vista.


 


    Os diversos aparellos de bioloxía, física, química, xeoloxía, tecnoloxía, de investigación ou para didáctica, de diversas épocas, compleméntanse entre si e dan paso a esquemas murais e tridimensionais. Pero sobre todo o material recuperado por alumnado e profesorado, da man de M. Jesús Besteiro en tempos modernos, pero tamén algúns moi anteriores, dende cranios e osamenta animal a niños, ovos ou coprólitos. Ou á colección de minerais. Ou o material didáctico diverso confeccionado para aprender facendo e ensinar aprendendo, experimentado nas feiras de ciencia e en exposicións na Coruña ou Ourense. Material que tamén podería ter formado -ou formou- parte nalgúns casos dunha investigación; noutros, de xogo; noutros máis, con outras utilidades, clasificable en diversos rangos segundo o caso... De calquera xeito, unha visita agradable a máis da aprendizaxe que seguro representa para quen se asome (e asombre).


    A máis, do anterior, un breve paseo polo edificio pode levarnos ás vitrinas nas que están entre outros, por antigüidade, “Año cristiano”, volume impreso en 1852, ou “Historia General de España y de sus posesiones de ultramar desde los tiempos primitivos hasta el advenimiento de la República”, de 1873. Por curiosidade histórica, tamén está exposto o libro de sinaturas, que inclúe as de visitantes ilustres como o Nobel Vicente Aleixandre na súa visita de 1964. Por valor local, os diversos libros escritos por xente con relación cos centros educativos de orixe, como o “Manual del resinero” de Alberto Mediavilla (1964). Ou da historia de Dionisio Gamallo con diversos documentos con el relacionados... Todos eles repito, non na biblioteca, senón en exposición en lugar destacado do centro.


    Dixen que en Ribadeo non había museos? E non, non os hai que así se publiciten. Pero, se non abondara co xa dito, dende a Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho poden accederse volumes que son pezas de museo, por unha, outra ou varias razóns, comezando por aqueles que teñen o ex libris que os identifica como propiedade que foron de Daniel Cortezón ou de Dionisio Gamallo. Ou unha colección privada -David A. López é o coleccionista- exposta de cando en vez de xeito parcial en diversos lugares, que abrangue milleiros e milleiros de exemplares, sobre todo de cunchas de todas as augas do mundo, pero tamén compañía larga de bolboretas, escaravellos... Ou o arquivo do concello, unha auténtica mostra de historia á que non é difícil acceder, aínda que non estea tampouco aberto ó público como tal museo. Sen citar as pezas que podían constituír pola súa cantidade un museo por elas soas, espoliadas do fondo da ría de Ribadeo, ou tamén algunhas do Castro das Grobas e doutros lugares, que están, sinxelamente, desaparecidas para o lugar onde viron a luz.

    Ou sexa, parafraseando unha célebre sentenza, ‘Ribadeo non terá un museo, pero, haber, hainos’!

20140317

O IES de Ribadeo xa ten nome novo

Con tardanza me entero de que o IES de Ribadeo, creado a comezos do curso pasado, xa ten oficialmente o novo nome: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo Dionisio Gamallo. Adxunto deixo a copia da resolución e a ligazón ao DOG do 7 de febreiro de 2014 onde sae publicada (e en Publicado en Ribadeo):
"
III. Outras disposicións
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ORDE do 27 de xaneiro de 2014 pola que se autoriza o cambio de denominación do Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo.
De conformidade co previsto no artigo 3.1 e 2 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto), por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
DISPOÑO:
Autorizar o cambio de denominación específica do seguinte centro:
Provincia: Lugo.
Concello: Ribadeo.
Código: 27020902.
Denominación actual: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo.
Nova denominación: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
"

20151002

Cultura feita en Ribadeo

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo comezou a usar ese nome hai dous cursos. Iso, o poñerlle un nome foi quizáis o detonante para que o curso pasado se comezara co que pode ser unha longa tradición no futuro, as charlas de comezo de curso. Así, na primeira charla, curso 2014/2015, Toni Deaño, ex-profesor que exerceu a súa labor no mesmo edificio, falou sobre a figura do seu tio, Dionisio Gamallo, ilustrando o coñecemento dos alumnos coa figura de quen toma o nome o IES, nun acto que ademais se inscribiu na celebración do centenario do seu nacemento. Este curso, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, entre outras moitas cousas, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, falou sobre outro home relacionado con Ribadeo, Isidoro Asensio Amor, e, a raíz da súa vinculación (de ambos) con Ribadeo, da paisaxe ribadense. Coido que é cousa de difundir ambas charlas, e iso pretende entra entrada no blog.
Charla do 1º Ano, Antonio Deaño falando sobre Dionisio Gamallo (texto). Comentario e fotos, aquí.
...
Charla do 2º Ano, Díaz-Fierros falando sobre "Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor" (audio) e diapositivas. Comentarios e fotos, aquí.
... e como por cousas de configuración pode que non apareza a icona para escoitar, pódese facer nesta ligazón: http://www.goear.com/listen/72c5787/charla-inauguracion-curso-2015-ies-ribadeo-dionisio-gamallo-francisco-diaz-fierros-viqueira

O ceo dende a costa do Cantábrico ó atardecer.
Dúas fotos collidas dende a web do IES de Ribadeo, referentes ás dúas charlas: