Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Carneiro alado de Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Carneiro alado de Ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220214

O CARNEIRO ALADO DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado

O CARNEIRO ALADO DE RIBADEO
Pancho Campos Dorado


    Fai anos que se sabe do Carneiro alado de Ribadeo, unha xoia da ourivería de filigrana exquisita emulando escamas semicirculares, unha peza 50 gramos de ouro puro de 6,5 cm de altura x 6,4 cm de longo x 2 cm de ancho. Entrou a formar parte das obras de arte máis relevantes do Museo Provincial de Lugo en abril de 1976, cando se adquiriu da colección privada de Álvaro Gil Varela.
    Segundo di Benigno Lazare nun artigo (La Voz de Galicia, 6 xaneiro 2007) parece que a peza foi inscrita como do arte prerromano, e que fora descuberta nun dragado que se fixo na Ría de Ribadeo no ano 1945. Neste artigo tamén expresa que “están sen realizar probas científicas que permitan datala con exactitude e apenas se coñece nada da súa procedencia polo que se pode seguir considerando unha peza enigmática”. 






    Porén, segundo parecer do arqueólogo Felipe Arias Vilas (Lugo, 5 xullo 1949) puxo en solfa a suposta localización na Ría de Ribadeo, pois explica que no ano 1945 non houbo ningún dragado e por outra parte, o estado de conservación tampouco parece corresponderse co que debería de ter unha peza metálica en contacto coa auga mariña durante séculos.(La Voz de Galicia, 6 xaneiro 2007)
Na Wikipedia aparece Felipe Arias como un señor licenciado en Filosofía e Letras (sección Xeografía e Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela (1971). Foi funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos, profesor, escritor e arqueólogo. Foi Director Xeral do Patrimonio Cultural na Xunta de Galicia e membro das comisións técnicas do Consello Internacional de Museos ata 2009 cando foi elixido Alberto Nuñez Feijoo como presidente. Ten varias obras de carácter histórico publicadas entre as que se atopan A Romanización de Galicia (1992); Castro de Viladonga (1985); Museo do Castro de Viladonga (1996) entre outras; para máis información ver en gl.wikipedia.org Felipe Arias Vilas.
A opinión, por tanto, de Felipe Arias debera ser considerada de peso, segundo o seu curriculum. Poren, cando di que “o carneiro alado de Ribadeo non se puido atopar na Ría de Ribadeo porque no ano 1945 non se dragou a ría”, non é argumento como para negarlle a procedencia a dita xoia de ser de Ribadeo. Efectivamente, fun comprobar tal evento á Biblioteca Municipal de Ribadeo e nin nas incompletas coleccións de Las Riberas del Eo nin de La Comarca do ano 1945 aparece noticia dun dragado da Ría de Ribadeo, nin sequera parcial. Habería que comprobar os arquivos da Axudantía de Mariña de Ribadeo, pero hoxe está desaparecida.
    A segunda afirmación “o estado de conservación tampouco parece corresponderse co que debería de ter unha peza metálica en contacto co a auga mariña durante séculos” e por tanto, “non se atopou somerxido na Ría de Ribadeo”. Esta afirmación carece de base, posto que a xoia puido estar perfectamente conservada metida nunha pota ou en calquera peza de barro cocido ou de cerámica cerrada hermeticamente, tal e como aparecen ánforas cheas de viño de épocas remotas.
Por tanto, ambas afirmacións, que parecen concluíntes, en contra da denominación da magnífica peza do “Carneiro alado de Ribadeo”, poden ser rebatidas, por ser simples suposicións, que como con todo o que se investiga sen documentación escrita que a apoie, encerra incerteza. Pero parece que calquera evento ou cousa que se denomine “de Ribadeo”, e que teñan grande interese histórico ten unha maldición en contra que trata de borralo do mapa. Véxase, como exemplo, o paradoiro da Diadema de Ribadeo (O Ribadeo que non coñecemos, Ribadeoando, 04/01/2022, La Comarca del Eo, 08-01-2022).
    Volvendo o tema. Quen dixo que o Carneiro Alado se atopara mergullado na Ría de Ribadeo? Quen rexistrou por primeira vez tal achado con ese nome?. Foi o filántropo galego Alvaro Gil Varela? De onde o sacou? Sabemos que D. Alvaro foi un galeguista republicano que gardou e coleccionou moitas pezas de incalculable valor atopadas en xacementos arqueolóxicos da Galiza, entre elas o torques de ouro de Burela valorado en centos de millóns de pesetas e hoxe de varios millóns de euros, o Carneiro alado de Ribadeo, brazaletes, arracadas e pulseiras de ouro de tradición celta. Todas elas pezas esenciais para coñecer algo máis da Historia da Galiza. Pero que cousa máis rara, da a casualidade que o único que se pon en solfa de toda a colección é o nome do Carneiro Alado de Ribadeo. Por qué?
Son moi poucas as pezas que se achan polo mundo arqueolóxico, que sexan feitas no mesmo sitio en que foron atopadas. Xeralmente son pezas que aparecen en sitios onde foron ofrendadas ás divindades, aos enterramentos, foron tesouros escondidos por mil motivos diferentes, son restos que quedan nos campos de batalla, pezas perdidas en tempos de guerra, en emigracións, pezas escondidas de roubos... Por tanto nós tamén temos a nosa propia teoría de onde pode proceder o Carneiro Alado de Ribadeo.
Revisando a técnica da filigrana en grans ou gotas, lévanos a ourivería máis antiga da historia, lévanos a Damasco, o ano 2500 a.C. dous arames retorcidos facendo un cordón co que se vai moldeando o debuxo básico. Non, o carneiro non parece ser da ourivería de Damasco, pero cabe que sexa unha peza das xoias do “tesouro do rei Creso” último monarca do Reino de Lidia entre os anos 560 e 546 a.C.
Lidia foi un reino o Oeste de Frigia na Anatolia, na actual Turquía occidental. O tesouro de Creso estaba formado por un total de 432 pezas e foi roubado, parte das súas pezas subtraídas ilegalmente para outros países e Turquía está recuperando parte daquela marabillosa colección.
Nas fotografías que mostramos, ó lado do Carneiro alado de Ribadeo, vense dúas pezas de ouro dese tesouro de Creso, e o emblema da bandeira do Imperio Aqueménida (550-330 a.C.). Si nos fixamos nas formas das ás, son practicamente iguais en todos estes animais, tanto no cabalo alado e nos dous carneiros do brazalete, como na aguia alada aqueménida, e todos son do século VI a.C. Exactamente igual que Antonio Blanco Freijeiro e Juan Maluquer de Motes pensaban cando dixeron que o Carneiro Alado de Ribadeo databa de entre o ano 525 e 475 a.C. Idade que nós consideramos como a máis acertada, polo que temos á vista, pois non hai máis información que a que nos pode dar a estrutura e vista da peza.
Pero como sempre ocorre cos achádegos nomeados de Ribadeo chegan os “historiadores” e o Carneiro é “mesmamente xemelgo” da Cabra Ibérica da colección da Fundación Abegg de Suíza, e os estudos levados a cabo nos anos 90, “amosan con claridade” que o carneiro data dos séculos XI-XIII ou incluso posteriores. Iso mesmo, con cátedra!
    Menos mal que foi declarado en 2015, ben de interese Cultural da Xunta de Galicia e que segue a estar exposto no Museo de Lugo. E que siga aí por moitos anos máis, pois escóitanse voces que din que foi comprado en Madrid...
Sería bo que puidéramos escoitar a voz da persoa que nomeou a xoia como Carneiro de Ribadeo, e saber o por qué o levou a facelo así, pois non podemos descartar que a denominación actual puidera estar agochando unha peza roubada por un coleccionista. Mentres que non ocorra un milagre que nos revele desde o “Máis Alá” tal evento, esa xoia, marabilla da ourivería, esperemos que siga nomeándose tal cal, o Carneiro alado de Ribadeo, ou pasaranos como coa denominación da Ría de Ribadeo, que aparecerá un señor de Murcia como Lorenzo García Asensio director do Instituto Xeográfico Nacional, que lle veña a poñer un nome, “alternativo”? Pero todo se andará, pois a Invasión Asturiana á Historia, ao territorio do Reino de Galiza, aos achádegos e incluso a toponimia de Ribadeo, aínda non se acabou con aquelas todas falcatruadas que por suposto seguiremos relatando, pois non vexo ningún movemento oficial da Xunta, da Diputación de Lugo, do Concello de Ribadeo, nada absolutamente nada sobre a salvagarda do noso patrimonio. Bueno, están a “calafatear” a capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, xa fun por alí tres veces e de momento están recebando paredes, tiraron a nefasta obra da escaleira exterior, están refacendo a armazón e o tellado pero de restaurar AS PINTURAS, NADA absolutamente NADA, iso si, picaron os cales interiores adxacentes as pinturas votivas. Xa veremos. Así vai indo a historia.

20220104

O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS. Pancho Campos Dorado

 O RIBADEO QUE NON COÑECEMOS

Pancho Campos Dorado

“Un punto de partida que testemuña o comezo da Prehistoria humana é a aparición no rexistro arqueolóxico de utensilios ou instrumentos feitos (polo home) conforme a modelos normalizados” (La Prehistoria y su Metodología, UNED, 2ª Ed. 2014, p.15). 

A historia non comeza a ser Historia ata que non aparece algún tipo de testemuña escrita ou documento escrito sobre algún acontecemento. Este criterio ten un grave inconveniente de interpretación para saber da antigüidade dun pobo, pois un pobo pode ser moi antigo e non ter evidencias escritas da súa existencia. Este tipo de culturas son as chamadas culturas ágrafas, sen escritura. Polo tanto, hai un desfase inminente entre a antigüidade dun pobo e o seu coñecemento da escritura. Así, podemos ter coñecemento Protohistórico, do final da prehistoria e principios da historia antiga, dun pobo ágrafo polos seus veciños que si sabían escribir e estaban xa no período histórico, ou ter coñecemento Parahistórico cando eses veciños son contemporáneos do pobo ágrafo, aínda que non teñan contacto con el (ibidem, p.16)

Sirva este preámbulo para entender as discrepancias que puideran xurdir no seguinte relato. Sabemos que Ribadeo e a súa contorna é un asentamento poboacional moi, pero que moi antigo do Norte da Península Ibérica, pois os seus rexistros arqueolóxicos do xacemento de Louselas datan de ao menos 300 ou 250 mil anos, do Paleolítico Inferior, que como xa dixemos noutras ocasións, foi estudado polos insignes arqueólogos Eduardo Ramil Rego e José Ramil Soneira (Louselas, Monografía Nº6, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014).

Tamén, e sen dúbida, chegaron ao Porto e Ría de Ribadeo tanto mariñeiros fenicios, século XX a XVI a.C (F. Lanza, Ribadeo Antiguo, p.17 a 19), como gregos, dos que carecemos de probas evidentes pero si circunstanciais. Na Ría de Ribadeo aparecen pezas de cerámica do século VI a.C. (El País, xullo-2021, Galeón Santiago) polo que xa había un tráfico marítimo importante na Idade do Bronce final da Galiza (1000-500 a.C.) e na Idade do Ferro inicial (500-300 a.C.).

No ano 290 a.C. os galo-celtas xunto cos gregos, poboaban Galiza. Por suposto, os pobos celtas chegaron a estas terras séculos antes cós romanos, pero de ambos hai evidencias claras nos nove castros do concello de Ribadeo e nas efémeras catas que se fixeron no ano 2009 no Castro das Grobas que foi datado entre o século II a.C. e o século I d.C. corroborando tanto o antigo asentamento celta como a súa posterior romanización. Polo tanto, todos estes pobos antigos tiveron algo que ver na Prehistoria de Ribadeo. Á vista dos achados nos fondos da Ría de Ribadeo, tanto en tempos pretéritos como hoxe, resultaría ata ridículo pensar que isto non fora así, cando entre os restos de cerámica hai pezas do século VI ao II a.C.

Portada de 'Sobre os Casstros de Ribadeo', de José Mª Rodríguez

Por outra banda, a primeira evidencia histórica, que nós coñecemos do topónimo Ribadeo e da súa a poboación, aparece nun documento do ano 969 (era 1007) cando se nomea co seu propio nome “Riba Euve” (sic): “In Villa plana alio maream, quae discurrir, Ecclesiam Sancti Jacobi. In Assanza, Ecclesiam Sancti Vicenti cum suis adjunctions In Riba Euve in Villa Assendi integro Teyxeiro. Omnes...” (España Sagrada, fragmento da páxina 336) da escritura de fundación do Mosteiro de San Salvador de Lorenzana (Sancti Comitis Ossorii Gutierrez Testamentum, quo S. Salvatoris de Laurenzana Monasterium erexit. Era 1007 (an.969) [ex Tabulario ejusdem Monasterii] transcrita integramente en latín no Apéndice XVII da España Sagrada do R.P. Henrique Florez, ano 1764, Tomo XVIII, p. 332 a 342. Polo tanto Riba Euve (sic) xa aparece nun documento histórico do século X, dous séculos antes do que menciona Francisco Lanza no seu imprescindible e inestimable Ribadeo Antiguo (páx.2).

Por outra banda, no querido semanario La Comarca del Eo do 10-xullo-2021 e no mesmo artigo en Ribadeando, o 29 de xuño, dicía eu que parecía raro que Porcillán (Porto Iulanus ou Julianus) non aparecera nas narracións das Guerras Cántabras, sendo como era un dos portos de mar máis importantes de todo o Norte da Península Ibérica, resaltado e distinguido co propio nome de Xulio Cesar (61-60 a.C) que foi quen ordenou a cartografía das costas cantábricas, cuxos mapas servirían para a súa invasión e sometemento ao imperio romano que levou a cabo Octavio Augusto (27-26 a.C.). A día de hoxe, xa non cabe ningunha dúbida de que en Porcillán, Porto de Ribadeo por excelencia, xa comerciaban os gregos e fenicios desde antes que chegaran os romanos as nosas costas. Simplemente vendo as poucas mostras arqueolóxicas que se están atopando na Ría de Ribadeo, serven para demostrar que este comercio existía. E faltan centos de metros cadrados de superficie do pracer da Ría, para detectar pezas metálicas que se atopan a pouca profundidade e decenas de metros cúbicos de area para cribar os centos de pezas de cerámica, bronce, cristal, vidro e moi posiblemente xoias de ouro fino repuxado ou con engarces variados, que tamén haberá nos preciosos e prezados fondos da Ría de Ribadeo.

De momento o equipo de buceo do arqueólogo comisario Miguel San Claudio, desvélanos que atoparon unha ánfora grega de 2600 anos de antigüidade (século VII a.C.) peza de cerámica massaliota (da colonia grega de Massalia, a actual Marsella) e que relaciona o comercio a larga distancia máis antigo que se localizou na Costa Cantábrica, o que converte en única a Ría de Ribadeo (Ribadeo, La Atapuerca de Galicia para la Arqueología submarina, La Voz de Galicia, 29-Nov-2011).

Estamos necesitando en Ribadeo un gran edificio, un Palacio da Música, que conste dunha ampla platea al menos de 1000 butacas con amplo escenario, digno de ser chamado Auditorio ou Teatro, con salas para congresos, exposicións, espectáculos, cine e salas para un Museo permanente, con ampla capacidade de almacenaxe, biblioteca e oficina de recepción; salas dotadas para o estudo e investigación dos achádegos. É imprescindible construír algo así canto antes, pois Ribadeo ten o suficiente patrimonio e poboación como para ter un servizo permanente de exposicións. Isto parecerá unha quimera, pero en realidade é unha necesidade urxente, pois están levándose para outras cidades o patrimonio cultural ribadense desde fai moitos anos, e non hai inventarios do que saíu de Ribadeo, polo que non será unha labor doada o facer retornar todo canto hai dispersado por aí e que pertence por natureza a Ribadeo.

Esperemos que non ocorra coas pezas que se vaian atopando no fondo da Ría de Ribadeo como ocorreu coa ilustre Diadema de Ribadeo, un vergoñento espectáculo de “trileros”. Estivo repartida entre o museo do Louvre e o de Madrid, pois descuberta no Castro das Grobas, como sinala Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, estaba catalogada como galega de Ribadeo pola eminente autoridade de D. Pedro Bosch Gimpera (que estudou a fondo todo o val do Eo) e de estudosos arqueólogos como eran López Cuevillas e Bouza Brei (Seminario de Estudos Galegos, Tomo II). Esta Diadema de Ribadeo mostra unha escena ritual repetida secuencialmente, na que aparecen uns guerreiros ecuestres (a cabalo) con espada curta e broquel, mentres outros homes a pé transportan caldeiros sagrados. Ao fondo aparece unha paisaxe acuática con aves comendo peixe, e arroaces ou golfiños de fociño de botella, tamén chamados toniñas. Esta toniñas solen entrar nas rías debido o seu comportamento social na época da sardiña de maio a outubro, e principalmente en xullo e agosto. Son populares os refráns mariñeiros, “arroaces na ría, moita sardiña” ou, “Os arroaces brincan no mar? forte Norte vai dar”.

Pois ben, todas estas escenas mariñeiras da ourivería celta da Diadema de Ribadeo, non importaron, hoxe está catalogada como a Diadema de Moñes (Piloña-Infiesto, polo arte de birlibirloque de dous coleccionistas asturianos, un, maxistrado, Remigio Salomón, que dixo en 1865 que a comprara en Oviedo, a quén? si estaba no Museo do Louvre de París, e outro coleccionista de Cangas de Onis, Sebastián de Soto Cortés, á vista das fotos que o maxistrado deixara á Comisión Provincial de Monumentos de Oviedo montaron a pebida de que el atopara unha peza coa mesma estampación no “Concejo de Piloña”, polo que a Diadema de Ribadeo, foi catalogada como de Moñes. Si señor, con un par. Como se lle chama a este tipo de actos de “xente ilustrada”? Non lle vou poñer apelativos pois só me saen maldicións e xuramentos.

Por outro lado, onde vai o “Carneiro alado de Ribadeo”? Sigue estando custodiada no Museo de Lugo, esa preciosa xoia da ourivería grega, persa, etrusca....de ouro puro, aparecida na Ría de Ribadeo. Tamén lle cambiaron a afiliación?

En resumidas contas, non podemos seguir perdendo o patrimonio de Ribadeo, porque haxa xente “listiña” que se aproveita da incompetencia, inoperatividá ou inexistencia da Comisión Cultural do Patrimonio de Galicia. Estanse descubrindo demasiadas pezas valiosísimas para a nosa Historia, e demasiado valiosas comercialmente como para facerlles desaparecer por un tempo e volvelas aflorar con nomes espurios saídos da imaxinación e desvergoña duns aproveitados. Ribadeo ten a obriga de preservar o seu propio patrimonio, pois é un valor inigualable de riqueza histórica e, por suposto, de gran valor turístico si se poñen en valor nun lugar apropiado.

Qué circunstancias ocorren en Ribadeo nos dez primeiros séculos da nosa historia local, para que non se nomee por ningures algo dos aconteceres que forzosamente tiveron que pasar por estes lares?. Que pode aparecer nos nove castros que se atopan no noso concello de Ribadeo, sabendo do seu gran desenrolo antigo que tivo a poboación mariñeira?. Non haberá nunca presuposto para pagar a un arqueólogo para dirixir e descubrir os mil e un tesouros que agocha esta terra contemporánea do rei Midas, e que poden ser descubertos coa axuda de voluntariado de estudantes de Historia, de Arte ou de veciños, como está a pasar xa en outros concellos da Galiza?

Temos que recordar que Galiza era unha terra rica en metais, ouro e estaño. Galiza é rica de por sí, pero arrastra desde fai séculos unha grande eiva, a educación. Xa nos tempos de Prisciliano (340-385 d.C.) dise que naceu nunha familia rica pero que tivo unha educación descoidada. Di Victoria Armesto, “en Galicia a la educación le damos poca importancia, a mayor riqueza menor cultura” (Galicia Feudal I, ano 1969, p.71). Non me cabe dúbida de que os Indianos déronse conta desta incultura popular, e trataron de evitar en todo o posible, esa triste realidade, construíndo escolas en tódolos pobos do seu berce.

Pode comprobarse en toda a Galiza feudal que había decenas de fidalgos galegos, e cando se revisan os seus testamentos, poucos, moi poucos saben firmar, e moitas veces teñen que recorrer a unha testemuña que firma por eles. Era moi normal que naquela Galiza poboada de centos de mosteiros, na Galiza dos gobernos teocráticos na súa raíz, lles dixeran aos galegos nobres, “para que vai vostede a preocuparse de saber ler, escribir ou de contas, si ten bastantes rendas; mande facelo e non se preocupe de máis”. Esa mentalidade inducida pola teocracia aínda se da nos nosos días cando se lee unha Biblia Católica, pois os Evanxeos hai que entendelos como os explica a Igrexa Católica, non se poden interpretar tal e como a nosa propia cultura cidadán nos ditamina. Esa é a gran diferenza de civilización que nos separa dos países protestantes, cuxos cidadáns poden ler e interpretar por si mesmos a Biblia desde o século XV e XVI, porque as súas curias relixiosas lles din de ler a Biblia na casa, e discutila en familia, polo que todos os seus membros saben ler e escribir, ao menos desde catro séculos antes que o 95% da poboación española. Era abraiante ver que no ano 1976, cando eu fixen a mili, aínda había “naquela España nuestra”, no Cuartel de Instrución de Ferrol unha “brigada de analfabetos”, e supoño que en todos os cuarteis militares ocorría o mesmo.

Aínda quedan reminiscencias sociais daquel analfabetismo, e aínda temos a menos defender o noso propio patrimonio. Podemos ler con indignación, por exemplo, que defender o topónimo da Ría de Ribadeo é defender un localismo. Non sei como este tipo de persoeiros non avogan por lle cambiar o topónimo á Bóvia, o alto de Penouta, ou o nome dalgunha Virxe do Pilar, de Covadonga, das Dores, do Carme ou calquera outra barbaridade que se lles poida ocorrer. Nós, os galegos fomos asumindo todo este tipo de inxustizas, pola forza do desprezo inmediato administrativo que nos foi imposto primeiro por administradores alleos a Nosa Terra e hoxe por propios galegos de estómago agradecido que non teñen nin idea do transcendente e prexudicial que pode ser o que fan.

Quedámonos coa Esperanza de ver algo feito en positivo algún día. Amén.

20160310

O RELOXO DE RIBADEO, artigo de Pancho Campos Dorado

 Buscando no Arquivo do Concello de Ribadeo datos sobre algúns temas nos que estamos interesados, atopeime cunha serie de notas dende o ano 1563, sobre acordos que se fan na “casa del relojero” e reparacións dun “Relox” que había en Ribadeo, supoño que sería o da Torre do Reló, pois son pagos do Concello o Mestre Pedro, reloxeiro e cerraxeiro que fai as rutinas de darlle cuerda, limpeza, engrase e reparacións varias que se presentan ó ano.
 Nin nos “Apuntes sobre Ribadeo” de D. Fernando Méndez Sanjulián (1884), nin nas “Efemerides Rivadenses” de “Áhn-Thón” (1893) se fai referencia a este reloxo. Posiblemente porque ámbolos dous autores non lle deran a importancia que ten un reloxo do século XVI, pois coñecíano de tódolos días, pois eran contemporáneos da Torre do Reló que no século XIX aínda estaba en pé. Igual que nos pasa hoxe coa Torre dos Moreno, que a primeiros do século XXI está aínda en pé e ó pasar mirámola sin fixarnos en detalles, e da que se dirá nas súas Efemérides do século XXIII, o fermosa que era e o ben que lucía como edificio simbólico do noso pobo...!!
 Das actas do Arquivo, despréndense notas como: un acordo do 3  - Agosto - 1563 na “casa del relojero” ante o alcalde maior Sr. Ribadeneira; o alquiler da “casa del relojero” (1564); un pago o reloxeiro o 19 - Xaneiro - 1565; outro pago do salario anual de 2 - Xaneiro - 1566; pago o Mestre Pedro de Xances, Xauces ou Yances 20 - Xaneiro - 1566 donde se relata unha reparación importante que se lle fixo o reloxo, entre outras cousas, o amaño de nove dentes dunha roda e o amaño dun piñón, avería que levantou traballo ata o 18 - Marzo - 1566, cuxo relato ocupa varios folios... e un longo etc de máis notas sobre aquel, sin duda, magnífico e caro reloxo, obra da mecánica máis fina naqueles tempos da forxa e da fragua.
 Se entramos na Wikipedia, vemos que o primerio reloxo mecánico foi construido por Richard de Wallingford, abad de San Albano, Inglaterra 1326. O segundo, construido en Padua, 1344, por Santiago Dondis... En España o máis antigo reloxo de torre con esfera data de 1378, na catedral de Valencia. Outro na catedral de Barcelona en 1393, o de Cuéllar (Segovia) de 1395 e o da catedral de Sevilla de 1396, que se inaugurou o 22 de Xullo de 1400 en presencia de Enrique III (“El Doliente” (1390-1406) da Casa de Trastámara, primeiro Príncipe de Asturias)
 Pois ben. ¿De donde sacaba rentas o Concello de Ribadeo para o dispendio de comprar e manter un reloxo de torre no século XVI? pois non era barato e poidéramos decir que era un verdadeiro luxo ter un tamaño reloxo público. Hoxe en día sigue sendo un luxo, e só existe en Ribadeo un reloxo de torre mecánico, o da igrexa de Sta. María do Campo, que está totalmente “trucado” para que sone. ¿Verdadeiramente eran rentas as que entraban no Concello de Ribadeo no século XVI?. Na documentadísima obra “La Colegiata de Ribadeo” de José Mª Rodríguez Díaz, hai un parágrafo na páxina 13 que fai entrever unha posible historia: “D. Pelayo de Cebeira, obispo de Ribadeo, morre o 3 de Noviembre de 1218. Foi enterrado na Colexiata nun sarcófago de cantería bruta elevado a tres cuartas da terra sobre catro pedestales do mesmo material e situado no trascoro frente a porta principal. Na tapa do sarcófago había gravada unha cruz e un báculo"... comentario do padre Flórez do ano 1764, que expresa e insinúa unha realidade afastada no tempo... testimonio da pervivencia dunha profunda devoción popular hacia a persoa do bispo Pelayo. Devoción que estivo latente no pobo de Ribadeo durante máis de cinco séculos... Os fieis acercábanse o sarcófago a tocar “os rosarios e as súas cabezas dolientes e facer outras accións de devoción e piedade indiscreta e prohibida... O bispo de Mondoñedo, D. Manuel Francisco de Navarrete y Ladrón de Guevara, en visita pastoral a Colexiata de Ribadeo, de 3 - Noviembre - 1701, entre os mandatos, dicta un, o 35, polo que prohíbe estas expresións de adoración e ordena que se desterren estas costumes dos fieis... prohibidas polas bulas papales e o Santo Concilio. O bispo mandou abrir o sarcófago para ver se o corpo estaba incorrupto”.
 Naturalmente o cadaver non existía. Polo tanto, según o criterio daquel malévolo bispo Ilmo. Ladrón de Guevara, “non había proba evidente de santidade do bispo Pelayo”. Gustaríame a min saber a cantos corpos incorruptos de santos lles rezaba “a súa Ilma.”. Por suposto, non lle rezaba a ningún, pero ben que se apurou a levarse o báculo de Pelayo (1199-1218), feito no obradoiro de Lemosín, de cobre dourado, esmaltado e con turquesas, que logo venderon a un marchante catalán, para facerse con cartos, e hoxe atópase no Museo de Cataluña en Barcelona. Tamén se levaron os zocos episcopais, feitos de madeira e pel de cabra e becerro, que hoxe se poden contemplar no Arquivo da Catedral de Mondoñedo.

 Pero volvendo ó tema do reloxo de Ribadeo, ¿tiña a Colexiata de Ribadeo tanta limosna pola devoción ó bispo Pelayo, que o Concello acumulaba rentas do “turismo” que chegaba no século XVI, que podía permitirse o luxo de comprar un reloxo de torre e atender o seu mantemento? Posiblemente si... ou non!!! Pero para Ribadeo, aquel mandato do bispo de Mondoñedo, foi un feito garrafal para a economía do pobo, pois pasada a devoción polo bispo Pelayo, acabado o peregrinaxe de xente, que era esencial para o comercio da vila que era quen pagaba impostos o Concello.
 Por outro lado, ¿que foi do “Relox” da Torre do Reló? ¿É posible que cando se tirou dita Torre do Reló, e se pasou a devoción de Sta. María do Campo da Colexiata, para o Convento de San Francisco, pasara o reloxo para a nova torre que hoxe hai na igrexa de Santa María do Campo, sustituíndo a antigua espadaña do convento?
 Se isto é así, temos un reloxo do século XVI na torre da igrexa. Quizais debera inspeccionalo alguén que entenda, para ver se ten algunha marca de fábrica. ¿Se non é así, que foi do antiguo “Relox”? ¿Levou o mesmo camín que o báculo e os zocos?. Non sería extraño, nin raro que así fora, pois todas as “Antigüedades Ribadenses” contemplan un riquísimo e amplísimo patrimonio, do que Ribadeo podería vivir folgadamente só ensinándollo ós visitantes, desaparecen do pobo polo arte de birlibirloque. ¿Cando será o día que o Concello se implique na construcción dun Museo etnográfico, marítimo, arqueolóxico, etc. etc... incluso unha Galería de Arte cunha pinacoteca permanente, construir un Palacio da Música, obras arquitectónicas amplias para a poboación que somos, e non tan escasas como as que hoxe hai, casi medio-chabolistas, para poder desenrolar as actividades da Banda Municipal e a Escola de Música, a Coral Polifónica, as bandas de gaitas e tambores, etc.etc.?
 Temos absolutamente de todo, pero desgraciadamente repartido por outros pobos donde se nos adiantaron na Conservación do Patrimonio. Hai por aí “seudomuseos”, en lugares incluso máis pequenos dos que eu critico en Ribadeo, donde colgan un gadaño das patacas, outro de aterrar, un foucín do trigo e un lampo do monte, unha gadaña, unha serra, un tronzador e unha barrena, e xa teñen un museo etnográfico, cun montón de visitantes o ano. Nós temos: o báculo en Barcelona; os zocos en Mondoñedo; centos de útiles do neolítico de Louselas en Vilalba; os cadros de Dionisio Fierros en Madrid; os de Benito Prieto Coussent en Granada; restos de naufraxios da Ría de Ribadeo, en Vigo, en Bueu, e a saber onde máis; un cañón de náufragos na Cruz Roxa en Lugo, a Diadema de Ribadeo no Louvre de París, o Carneiro alado de Ribadeo supoñemos que no Museo de Lugo... centos e centos de pezas expoliadas do noso patrimonio, en cerámicas, ánforas, canóns, bolaños de fragatas, urcas e galeóns... ¿Ata cando vai continuar isto? e o que é máis grave ¿saberemos algún día esixir o que é noso, do patrimonio de Ribadeo? ou diránnos aquelo de: “Si te he visto no me acuerdo” ¿Hai algún órgano administrativo do goberno municipal donde se levante acta do que se están levando, sexa quen sexa o organismo oficial que os leve? ¿Hai algún arquivo no Concello sobre o tema coa descripción das pezas levantadas, situación onde se atoparon e quen as leva, e para onde van, pois logo quédanse desperdigadas por aí... e quen o sabe?
 ¡Pois senón o hai, debera habelo, así que alguén debe poñerse o chollo, que non vai ser pouco, pois hai ao menos sete castros e máis asentamentos arquolóxicos nos terreos do propio concello, pecios na Ría de Ribadeo e asentamentos doutros restos arqueolóxicos submarinos donde se atoparán pezas de cerámica, de madeira, de ferro, de estaño, quizais de bronce, de plata, de ouro, e múltiples útiles de uso diverso, restos históicos cos que se poden facer coleccións de tódolos xéneros, pois hai para dar e tomar... ¡Pero non podemos deixar que “desaparezan”!
Pancho Campos Dorado

20220622

ESTRAMBOTE. Pancho Campos Dorado

 


ESTRAMBOTE

Pancho Campos Dorado

    Lemos en La Comarca del Eo (18/06/2022) “O PP astur descarta que el uso del doble topónimo de la ría amenace la identidad gallega”. Este titular pode poñerse máis en negriña pero non máis cínico. Agora sae á palestra un novo deputado do PP asturiano, don Álvaro Queipo, polo que parece, secretario do PP no parlamento astur e debe relevar na polémica da Ría de Ribadeo a dona Nieves Mallada.

    A dobre denominación do topónimo da Ría de Ribadeo “non parece afectar a súa identidade galega”. Por suposto, MENTIRA.

    Máis adiante dinos este parlamentario astur moi “paternalmente”: “se equivocan los sectores gallegos que ven en este proceso una guerra que amenaza su identidad”. Cara non lle falta ó individuo. Nós non creo que esteamos en guerra, ou polo menos de momento non a declaramos. O señor Queipo continúa coa súa disertación patriarcal: “nunca se defiende mejor lo propio despreciando lo ajeno”. Por suposto, o propio non fai falta defendelo, a lei dunha sociedade democrática, como pensamos que é a nosa, crémola suficientemente capaz de defender os bens institucionais e neste caso constitucionais, pois segundo a Constitución Española de 1978, art.46: “os poderes públicos garantirán a conservación e promoverán o enriquecemento do PATRIMONIO HISTÓRICO, CULTURAL E ARTÍSTICO DOS POBOS DE ESPAÑA e dos bens que o integran calquera que sexa o seu réxime xurídico e a súa titularidade. A lei penal sancionará os atentados contra este patrimonio”. Señor Queipo, nós somos parte do pobo galego e defendemos a Nosa Terra e tamén a súa toponimia, parécelle mal?

    Di vostede que non queda ameazada a identidade galega da ría? Por suposto que sí. A falcatruada do cambio toponímico do nome da ría, conleva a apropiación indebida do patrimonio arqueolóxico cultural que se atopa no fondo da Ría de Ribadeo, esa é a cuestión que levamos anos denunciando. Xa nunha primeira ollada submarina levou ós arqueólogos a atopar unha ánfora do século VI a.C. o que deu pé para saber que o comercio marítimo na ría de Ribadeo é tan antigo que non hai ningún vestixio anterior en toda a Cornixa Cantábrica. Chamados son os xacementos submarinos da Ría de Ribadeo polos arqueólogos a “Atapuerca do Cantábrico”.

    Como se van a reseñar e recordar estas pezas arqueolóxicas nos libros de texto especializados, atopadas na ría de Ribadeo? Igual que fixeron vostedes, os “arqueólogos” asturianos coa falcatruada da Diadema de Ribadeo? Ou mellor pensamos qué foi da denominación do “Carneiro Alado de Ribadeo? A que están xogando? Queren seguir terxiversando a cuestión, como levan facendo desde fai séculos co territorio do Reino de Galicia, e agora incluso insinúan que a culpa é dos galegos e en particular dos galeguistas. Máis morro, si, aínda hai quen ten máis morro.

    A burocracia española, esperpéntica, monstruosa na súa complexidade de xestión con incontables trámites, inzada de leis e decretos lei, contra decretos, regulamentos, normativas, pautas, resolucións de procedementos inacabables, xurisprudencia inxente cuxa transcrición escrita enche decenas de volumes para decorar os despachos de avogados onde se crea esa atmosfera dos mil artificios en contra, a favor, parciais, emendados de aquí, emendados de aló, sen emendar, todo o cal forma ese insufrible noelo de artimañas intricadas e indescifrables para calquera mortal, que só serven para facer de tapadeira a unha lexislación vixente na que se rexouba unha clase social da alta e baixa xudicatura que inquieta a calquera mortal que se atope baixo o seu dominio inmediato, pola súa falta de eficacia e que nos ten acostumados a tolear coa súa parsimonia inoperante. Un litixio que na burocracia inglesa leva dúas liñas nun folio, aquí transfórmase en unha acción da “xustiza garantista” que non é capaz de acabar nin resumir en tres mil folios.

    Xa vimos a resolución sesgada e parcial que o Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana decretou no seu informe. Por un lado, danos a razón de que só debe chamarse Ría de Ribadeo e por outro di que só queda anulada a sentenza do IGN porque hai un “defecto de forma”. Pero que tipo de resolución é esta? Cando se vai poñer fin a toda esta fantochada burocrática?

    O Procedemento Común das Administracións Públicas, utiliza os fundamentos de dereito nesta resolución segundo a lei 39/2015 de 1 de Outubro, e aplica os artigos 24.3 / 26 / 34 / 48.1 / 48.2 / 57 / 79 / 82 / 112 / 121. Tamén entra a trámite o apartado 24.3a do Real Decreto 1545/2007 do 23 de Novembro. Despois de endilgarnos todo este galimatías xurídico dinos que queda “agotada a vía administrativa e cabe recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid no prazo de dous meses”. Manda truco a canta xente mantemos!!

    Por outro lado, a resolución do antedito Ministerio, só nomea o informe emitido pola Deputación de Lugo, e ningunea os informes do goberno da Xunta de Galiza, da Alcaldía de Ribadeo e nin sequera ten en conta o extensísimo e documentadísimo informe da Plataforma en Defensa da Ría de Ribadeo, nin do informe da Plataforma de Mariños de Ribadeo. Así mesmo di literalmente “la CENG es una Comisión de carácter técnico compuesta por representantes de autoridades en nombres geográficos de la Administración del Estado y de Comunidades Autónomas, así como de universidades, academias de las lenguas y otras instituciones relacionadas con la toponimia, de ahí la importancia de su informe que podríamos calificar como técnico, y aunque no vinculante, sí es necesario para que el órgano decisorio resuelva”. Ou sexa que pode facerse un recurso con todo tipo de informes técnicos, ou pode dicirse misa cantada con órgano e Agrupación Polifónica, que todo canto se predique “Non será vinculante”. Manda carallo! Así funciona a burocracia deste pais chamado España.

    A toponimia é unha rama esencial da Historia en calquera territorio, e a Historia de Galiza non pode ser retocada constantemente por mans lexislativas partidistas que raian a prevaricación. Galiza ten que ser respectada. As institucións que nos falten o RESPETO, non as respectamos para nada e nunca aceptaremos as súas resolucións contra a Nosa Terra. As tarascadas fanse no Entroido. Como é posible que un Decreto Lei do 2007 ou do ano 2015 poida poñer en solfa un topónimo marítimo secular e querer equiparalo a un costumismo vulgar?

    O Reino de Galiza leva séculos soportando unha historiografía castelanista que nos rouba descaradamente e nos é totalmente hostil, tanto é así que a Real Academia da Historia créase en 1783 e esquílmase a documentación dos mosteiros, igrexas e catedrais da Galiza para manter un discurso histórico de tradición e exaltación dinástica de avoengo que nunca tivo nos seus primeiros mil anos, nada menos. A enumeración dos reis casteláns que fai Afonso X o Sabio, insire os reis da Galiza e León para darse avoengo, pois el considérase Afonso X (o décimo) cando realmente é Afonso II de Castela. Sabio sería cando fixo as Sete Partidas, pero sumamente cruel cando tivo a coraxe de mandar fritir en aceite fervendo o seu irmán Fadrique, cousa que non conta a historia falsaria de España nos libros de texto. Así que de un tipo así, podía esperarse calquera cousa, incluso que fora “sabio”.

    E así todo. Parece que nada importa “o dobre topónimo non ameaza a identidade galega” e logo vemos que as Terras de Ribadeo do Eo o Navia, agora nin sabe como se chaman, ou as Terra de Miranda bañadas polo Eo, agora sabediós... etc. etc.

    Facendo un inciso, gustaríanos saber que esta facendo o PP de Ribadeo actual en esta cuestión, pois co ribadense Valín ó mando, sí o sabíamos.

20100114

O carneiro alado de Ribadeo

Hoxe xoves sae na prensa unha ampla controversa sobre a cesión de diversas pezas ó Museo Provincial, entre ista institución e os herdeiros de Álvaro Gil Varela. No medio da polémica unha peza, o carneiro alado de Ribadeo, que segundo parece apareceu nun dragado da ría no 1945. Unha peza interesante da que hai algunha cousa na rede, da que fago unha selección:
http://www.mundoantiguo.org/index.php?option=com_content&view=article&id=79&Itemid=62
En Google Books, e outro no mesmo lugar.
Seguemento da controversia na Voz:
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2007/01/06/5430792.shtml
http://www.lavozdegalicia.com/lugo/2009/03/26/0003_7614989.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2010/01/14/0003_8225763.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2010/01/14/0003_8225761.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2010/01/14/0003_8225766.htm