20160617

AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA. Carta enviada polo grupo 'Por nuestro faro'

Deixo embaixo a carta enviada polo grupo 'Por Nuestro Faro' ao Valedor do Pobo de Galicia, como un apunte máis na historia da illa Pancha.
"AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA 
 As persoas abaixo asinantes, [,,,] en nome propio e en representación do colectivo “Por Nuestro Faro” denuncian os feitos seguintes: 
O día 22 de Maio de 2015 o Consello de Ministros do goberno español aprobou a autorización “para uso hotelero de las instalaciones del Faro de la Isla Pancha”, según nota de prensa do Ministerio de Fomento. Na mesma nota e nos medios de comunicación dos días seguintes dase unha información incompleta e distorsionada cando se afirma que “…El proyecto sometido a tramitación por la Autoridad Portuaria…se limita al espacio disponible, en régimen de concesión, sin que el edificio del antiguo faro sufra alteración alguna”. Ou sexa, no intre da aprobación da concesión non se fala de “cafetería cubierta con estructura metálica de 47 metros cuadrados”, “carpa de material transparente”,“aparcamiento”, “papeleras”, ”banderas”,”señalización”, “fosas sépticas”, e outros elementos invasivos que fomos coñecendo posteriormente e que parte deles non figuraban no proxecto que serviu de base para iniciar o expediente e que en todo caso foron disimulados nos informes públicados e contribuiron a forxar unha opinión pública desfigurada e desinformada. O colectivo “Por Nuestro Faro” ten solicitado nos últimos meses ao Concello de Ribadeo e a Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao a documentación correspondente a esta primeira fase da adxudicación da concesión sen conquerir unha resposta clara. Concretamente desexamos ter acceso ao expediente completo para saber:1º En que intre e en que medios se publicou a convocatoria do Faro da Illa Pancha; 2º En que intre se presentou a solicitude da empresa que finalmente resultou adxudicataria; 3º Onde se realizou e cómo se publicou a exposición pública; 4º Certificacions dos procesos de exposición pública se realmente se realizaron en Ribadeo , Ferrol ou Madrid. 
O feito de que o Concello de Ribadeo e mais a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao non nos faciliten información sobre estes datos convida a unha sospeita de posibeis irregularidades ou favoritismos. De feito o diario “El Pais” na sua edición do día 26,4,2015, ou sexa un mes antes da aprobación polo Consello de Ministros, publica un artigo de claro son partidista referido as concesións dos faros e cando menciona o faro de Ribadeo fala de “…una cafetería en una planta subterránea…” e unhas declaracions do alcalde de Ribadeo nas que di: “…es una buena noticia para el municipio y un premio…”. Ou sexa que xa se pon de manifesto dende o comezo a tendencia á ocultación, manipulación e magnificación dun proxecto concreto tanto por parte de Autoridade Portuaria como do Concello de Ribadeo, que lonxe de limitarse a xestionar os trámites preceptivos para aprobación ou non do mesmo adican un esforzo especial a facer propaganda favorable amosando un partidismo e favoritismo impropios dunha administración democrática e comprometida ca obxectividade o medio ambiente e a defensa dos veciños. Convén suliñar o silenzo do alcalde de Ribadeo durante mais dun ano, so interrumpido pola entrevista de El Pais, ao tratarse a Illa Pancha dun curruncho especialmente apreciado e visitado polos ribadenses e veciños dacarón, que figura en infinidade de fotos e mostras de tipo turístico e que ten como especial valor a conservación natural ou salvaxe ensalzada pola única presenza dos faros. Nos primeiros días do mes de Xunio o Grupo de Apoio a AGE e mais a AA VV “O TESON” denuncian a falla de información e rexistran no concello peticións de acceso ao expediente sen resposta por parte da autoridade municipal. A primeiros de setembro O TESON reitera a sua petición de información e a páxina WEB de “Por nuestro Faro” xa conta con mais de 720 achegados. 
Respecto dos documentos citados pola nota de prensa do Ministerio de Fomento do día 22 de maio ante citada debemos suliñar o seguinte: 
 1.- O informe emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia de 8/7/2014 está asinado pola Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, non menciona nengún informe técnico de tipo mediambiental e cita so de pasada a inclusión dos “terreos obxecto da actuación…” na Zona de Especial Conservación do Rio Eo da Rede Natura 2000, pero evita mencionar as prescripcions dos art. 60 e 62 do Decreto 37/2014 da Xunta de Galicia que prohíben explícitamente varias das actuacions previstas no proyecto. Asemade, anque volveremos mais adiante sobre este aspecto, debemos suliñar dende agora que as condicions que exixirá a Autoridade Portuaria en materia de seguridade, sinalización, aparcamento, etc. estarán en aberta contradicción ca normativa paisaxística e da Rede Natura 2000 o que pon en evidencia unha grave contradicción no procedemento da administración ao non ter en conta normas de ámeto galego, español e europeo antes de tomar nengún acordo ou dar unha concesión como a que se trata neste caso. Como veremos mais adiante o concello de Ribadeo pedirá aclaracions sobre este informe con data 21/9/2015 pola aprobación do PXOM en decembro de 2014.
 2.- Respecto do informe emitido polo Concello de Ribadeo con data 29/7/14 a petición da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao debemos suliñar que o alcalde de Ribadeo negou repetidamente a existencia do informe devandito e finalmenente o día 8/3/16 facilitou un pequeno extracto do mesmo con unha serie de comentarios colaterais sen facilitar unha copia íntegra.
 3.- Na nota de prensa do Ministerio de Fomento antes aludida tamén se cita un informe da “Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar”. Debemos suliñar que non tivemos acceso a dito informe o que non deixa de ser sorprendente tendo en conta a especial sensibilidade dos ribadenses cara a Illa Pancha e o que significa como elemento social, cultural, identitario e turístico. 
Seguindo o fio dos documentos disponibeis imos comentar agora o “INFORME DE PUERTOS DEL ESTADO” emitido con data 22/6/2015 previo a aprobación pola Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao da concesión solicitada para o proxecto que estamos a discutir. Na páxina 2, párrafo 3º di o seguinte: “ …el proyecto presentado no afectará al entorno, mejorando su aspecto y garantizando su conservación”. Dende o noso ponto de vista resulta como mínimo sorprendente tal afirmación procedente do organismo Puertos del Estado cando oito días mais tarde o mesmo organismo vai exixir unha serie de condicions que afectan ao entorno dun xeito absolutamente negativo, como son a entrada de automoveis, a cartelería, papeleras, medidas de seguridade etc. Non se entende que non se tomen esas prevencions con anterioridade ao acordo de concesión da semana seguinte por un motivo elemental de coherencia e economía da administración pública, e non deixa de semar dúbidas sobre a posible parcialidade que suxerimos anteriormente. Na páxina 4 menciónase a cafetería nos garaxes e unha carpa desmontable “con un impacto nada significativo sobre la situación actual ya que la nueva estructura desmontable será transparente y las partes rígidas pintadas de forma que se mimeticen con el ambiente”. Sobre este párrafo temos que reiterar alguns dos argumentos expostos anteriormente ademais de insistir na forte sospeita de parcialidad por canto a presencia dunha carpa na Illa Pancha, por moita transparencia e mimetización que lle queira imaxinar é un elemento distorsionante de enorme magnitud cun impacto paisaxístico negativo de primeiro orde. Este elemento mais os que xa citamos e han aparecer nas condicions da concesión dibuxan un conxunto de reformas ou alteracions da illa que exixirían unha avaliación conxunta da que ate agora non tivemos coñecemento e que tenderá a ser esquecida cando en xaneiro de 2016 a empresa solicitante presente o proxecto desdoblado en dous intentando camuflar os impactos ambientais a través da tramitación independente de dous proxectos (reforma do Faro e cafetería) e grazas á tolerancia das administración local, autonómica e estatal que non so non teñen en conta os impactos ambientais engadidos senón a inviabilidade do proxecto conxunto e ainda mais de dous proxectos separados. A posibilidade de que se obtivese licencia para realizar un dos proxectos e non o outro sería o resultado da incoherencia deste procedimento admitido polas administracions devanditas, como veremos mais adiante. 
Na páxina 5 figura un apartado que se titula “Evaluación económico-financiera” A este apartado adicanse exactamente duas líneas e media que imos reproducir: “El promotor de este proyecto ha presentado un resumen de su análisis de viabilidad económico-financiera, según el cual el beneficio bruto previsto de la explotación sería positivo a partir del tercer año de la explotación”. De este texto despréndese que os responsabeis de Puertos del Estado non consideraron necesario contrastar os datos da empresa solicitante. E sin embargo dende o noso ponto de vista este tema é un dos determinantes da rexeita social do proyecto, ademais dos impactos negativos dende o ponto de vista medioambiental e paisaxístico. A Illa Pancha é un lugar privilexiado da natureza, cunha beleza de conxunto extraordinaria na que a ponte, os faros, o rochedo, a rompente do mar etc. constituen un un espazo irrepetibel e rechamante. Pero é un lugar, como tantos nas costas galegas para visitar e dar a volta. Pola sua situación está exposta a tódolos ventos, temporais, choivas, etc. especialmente batida sen negúnha protección polos temporais do noroeste predominantes. Segundo datos da Estación Meteorolóxica da Escola Pedro Murias (parroquia de Vilaframil-Ribadeo) entre o 1.1.2003 e o 31.12.2013 choveu o 47 % dos días e entre 2002 e 2015 – ambos inclusive – o vento sobrepasou os 30 km/h o 56 % dos días, debendo suliñarse que a estación meteorolóxica da que proceden estes datos está rodeada de edificios e outas árbores, de xeito que non é difícil comprender que os ventos na Illa Pancha serán moito mais fortes. O artigo 84, apartado d) do R.D. Legislativo 2/2011 de 5 de Setiembre, Texto Refundido de la Ley de Puertos del Estado y de la Marina Mercante exixe unha “Memoria económico financiera de la actividad a desarrollar en la concesión” Dende o noso ponto de vista a devandita memoria económico financiera non pode eludir unhas condicions climatolóxicas tan adversas e so basarse en criterios subxectivos que obvian esta realidade natural, maiormente tendo en conta que as instalacións teñen unha dimensión mínima (duas habitacións ou suites) e uns outos costos fixos de mantemento, persoal, etc. Resulta altamente rechamante que as autoridades de Puertos del Estado, e maiormente do Concello de Ribadeo non reparasen neste feito e sigan dándolle para diante a este proxecto ainda a risco de iniciar alguna acción descabellada na illa con resultados presumiblemente irreversibeis. 
O día 30/6/15 o Consello de Adminstración da Autoridade Portuaria otorga a concesión da Illa Pancha dacordo co expediente C-770 e cas prescripcions establecidas no documento da concesión . Trataremos de non repetirnos nos comentarios aos documentos da concesión. Na páxina 2 “Obras e instalaciones a ejecutar” citanse a “rehabilitación interior y de fachada del faro…”, “acondicionamiento del garaje existente y antigua rampa…”, “ejecución de una rampa de acceso…”, “instalación de una terraza…”,” habilitación de una zona ajardinada…”, o que supón as conseguintes obras nas seis parcelas previamente definidas, en contra das repetidas declaracions según as cais a única actuación era no interior do Faro, polo que se confirma a existencia dunha versión blanda ou edulcorada do proxecto cara á galería que contrasta ca versión real moito mais agresiva co medio. Neste contexto temos que suliñar as declaracions do alcalde de Ribadeo ao considerar que o proxecto era un premio do Ministerio. Na mesma páxina, mais adiante, figuran unha serie de prazos para a entrega do proxecto constructivo e a execución das obras amplamente rebasados no intre de redactar estas liñas. Estamos de novo diante dun exercicio de unha tolerancia especial por parte das administracions da que se beneficia a empresa adxudicataria. Na páxina 3, no apartado “Obligaciones de carácter general” aparece unha formulación que deixa estupefacto a calquer observador obxectivo e imparcial cando di “El concesionario es conocedor de las obligaciones que implica la pertenencia de la isla a la Red Natura 2000”. Non imos facer nengun comentario sobre está estrambótica declaración, simplemente suliñar que non hai nengún informe previo no que se expoñan polo miudo cales son implicacións da pertencia da illa á Rede Natura 2000, simplemente porque as administraciones implicadas non tiveron en conta este tema e polo tanto o concesionario non está obligado por ninguna disposición concreta neste asunto e pode facer a libre interpretación que lle resulte mais acaida. Esto é o que se desprende desta pomposa declaración: fume de carozo. Mais adiante fálase do “número máximo de vehículos…plazas habilitadas… nunca mayor de 4…” Ou sexa un aparcamento de catro prazas ás que poden sumarse os vehículos autorizados, proveedores, etc. Anque non o di esto chámase un aparcamento “mimetizado” cos existentes nas zonas urbanas e consiste nun paso mais na urbanización e destrucción da illa para a sua explotación privada, con absoluto desprezo das normas de protección paisaxística, das prescripcións da Rede Natura 2000 e das recomendacións da Reserva da Biosfera Rio Eo, Oscos e Terras de Buron, á que pertence a Illa Pancha, formando parte da Zona Nucleo da Ria de Ribadeo da que trataremos mais adiante. Nas páxinas seguintes describese a cartelería que contabilizamos en mais de vinte elementos, papeleras, cámara de vixilancia etc. que xa citamos de cuxos impactos non nos imos repetir. 
O día 9 de Setembro de 2015 a empresa concesionaria presenta a solicitude de licencia municipal no Concello de Ribadeo para a obra : “ Reforma interior do edificio do Faro da Illa Pancha para creación dun apartahotel e ampliación do garaxe para a instalación dunha cafetería”. A esta documentación segue un informe do arquitecto municipal e unha resposta do alcalde ambos con data de 21/9/2015 que imos resumir. O informe do técnico di: “ é necesario correxir unha serie de deficiencias observadas na citada documentación, antes da concesión da licenia municipal…” 1.- O informe sectorial da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio de 8/7/2014 non é válido porque fai referencia a unha situación urbanística anterior, modificada pola aprobación posterior do PXOM. 2.- O informe sectorial do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de 5/3/15 fai referencia ao art. 72.1 do texto refundido da Lei de Portos no que se autorizan excepcionalmente o uso de espazos similares á Illa Pancha “siempre que no se realicen nuevas edificaciones” . E dado que no proxecto presentado no concello figura unha cafetería e outras actuacións o técnico municipal solicita que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emita un novo informe no que se aclare “si resulta favorable o informe para o proxecto completo”. Ademais pídese un informe do organismo con competencia en materia de paisaxe dado que segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia a parcela atópase dentro da Rede de Espazos naturais de Galicia. O informe do alcalde de Ribadeo require ao solicitante para que aporte a documentación devandita. Non existe informe de técnico de medio Ambiente nen referencia alguna á Rede Natura 2000. Tampouco existe nengun requerimento nen petición de información sobre a viabilidade económica do proxecto e sostibilidade futura. 
O día 15 de decembro de 2015 ten lugar unha entrevista entre o alcalde e tres funcionarios con catro representantes do colectivo “Por Nuestro Faro”. O expediente ou parte del está enriba da mesa pero aos representantes do colectivo non se nos permite mais que botarlle unha ollada rápida a algunas partes. O alcalde non manifesta nengunha opinión limitándose a repetir o de que a licencia deberá concederse se os informes son favorables. A xuntanza dura uns 20 minutos “porque tiñan outra mais tarde”. A o dia seguinte facilitanse alguns dos documentos que citamos anteriormente. O dia 20/4/2016 o alcalde notifica por correo electrónico á representante do noso colectivo que podemos ter acceso ao expediente, pero á marxe da amabilidade dos funcionarios so se nos facilitan algúns documentos, non a totalidade do expediente. Un ano despois de solicitalo por primeira vez e dous anos despois de comezala tramitación. 
O día 18/1/16 o Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente da xunta de Galicia emite informe sobre “Adecuación ao Plan do Litoral de Galicia de usos cualificados como compatibles”. Debe suliñarse que nos meses anteriores aparecen na prensa varios escritos do colectivo “Por Nuestro Faro” denunciado a falla de informes relativos á Rede Natura 2000. O informe do Instituto de Estudos do Territorio fai referencia ao Plan de Ordenación do Litoral e cita por primeira vez a situación da Illa Pancha na zona 2 da ZEC Rio Eo dentro da Rede Natura 2000 e os artigos correspondentes de aplicación. Pola sua extensión non podemos reproducir este infome, pero debemos suliñar que adica un amplo espazo a resaltar os valores paisaxísticos da illa e os riscos dunha actuación como a prevista. Nas suas conclusions nos pon obxeccions respecto das obras no faro pero é mais restrictivo respecto das restantes actuacións se ben non se manifesta rotundamente sobre delas. Entendemos que unha actuación como a prevista nun espazo tan singular como é a Illa Pancha deberá ter unha avaliación mais clara e comprometida e unha rexeita contundente por parte do Instituto de Estudos do Territorio. 
O día 12/4/16 a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao emite informe respostando ao concello de Ribadeo sobre unha petición recibida o 18 de Marzo de 2016, na que se solicitaba un novo informe da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentacion e Medio Ambiente, trala presentación dos novos proyectos desdoblados pola empresa concesionaria. A resposta da Autoridade Portuaria pertence ao xénero alucinatorio: según eles a concesión foi tramitada correctamente no 2014-15 e os cambios ou desdoblamientos de proxectos non merecen comentarios. Descoñecemos se o concello de Ribadeo vai dar por válida unha resposta tan absurda habida conta de que a nova situación administrativa creada pola presentación de dous novos proxectos que poden considerarse independentes, racha totalmente co expediente anterior cuxa anulación solicitou voluntariamente a empresa interesada e polo tanto debera iniciarse dende o comezo todo o proceso de concesión con exposición pública incluida. Entendemos que o concello debera someter esta situación a un novo estudo do procedemento administrativo. O contrario supón un trato de favor á empresa solicitante en perxuicio dos dereitos dos veciños e da conservación da Illa no seu estado actual. O dia 20/4/16 o alcalde comunícanos que un mes antes a empresa concesionaria ten solicitado a anulación do expediente anterior presentando dous expedientes diferentes para a obtención de duas licencias, un para as reformas no edificio de antigo faro e outro para as restantes actuacións. Dende o noso ponto de vista trátase dunha artimaña administrativa que non ten en conta en primeiro lugar o impacto conxunto das actuacións e dos seus resultados posteriores e en segundo lugar a viabilidade económica dos proxectos en conxunto e por separado. Esta omisión supón un manexo viciado dos expediente que pode traguer, como dixemos antes, o comezo dalgunhas obras e actividades que rematen deixando unha degradación irreversible da Illa Pancha. Para rematar imos comentar brevemente que a Illa pancha pertence á Zona Nucleo da Ria de Ribadeo dentro da Reserva da Biosfera, que comentamos anteriormente. A Zona Nucleo é o espazo mais singular da reserva, onde se recomenda que as normas de protección do medio e sustentabilidade dos proxectos se apliquen de xeito estricto. O Foro de Participación Social da Reserva da Biosfera tivo unha xuntanza recientemente na que se presentou unha denuncia sobre a inviabilidade e a degradación do medio do proxecto que comentamos recibindo varias intervencions favorabeis e o compromiso dos responsabeis políticos de facer un seguimento do problema, pero ate agora na instrucion dos expedientes a Reserva da Biosfera non tivo nengunha acolleita. 
CONCLUSIONS E PETICIONS AO VALEDOR DO POBO DE GALICIA 
 1.- Que por parte do Concello de Ribadeo e da Autoridade Portuaria se nos facilite a consulta do expediente completo, dende os primeiros trámites ate os últimos informes. 
 2.- Que pola autoridade correspondente se emitan informes sobre a implicación das normas da Rede Natura 2000 no proxecto que discutimos. Que as conclusións de ditos informes sexan motivadas e concretas. 
3.- Que os informes que afecten aos aspectos medioambientais do proxecto valoren todolos elementos do mesmo e os impactos previsibeis da actividade e non so aspectos parciais e secundarios. 
4.- Que a memoria económica e de viabilidade teña en conta as limitacións climatolóxicas da Illa Pancha e a pequenez dun hotel de duas habitacions ou suites. 
5.- Que se teñan en conta as recomendacions da Reserva da Biosfera en materia de sostibilidade e medio ambiente."

20160616

Tráfico, multas, infraccións... comentarios

Non hai 48 horas que saíu a nota de prensa do concello "infraccións de tráfico".
Se hai algunha resposta debe producirse no xornal de hoxe, e non vexo tal na edición dixital. Máis coido que debera.
A nota da conta de 302 infraccións multadas (algo que non di a nota, pouis iguala infracción e multa, cousa que é evidente que non ocorre en moitos caos) dende o 1 de xaneiro ata o 1 de xuño deste ano, contra as 451 do ano pasado no mesmo período, un 33 % menos (33,04%), mentras a nota do concello fala de case un 35%.
O caso é que claquera que ande polas rúas de ribadeo sabe que no que levamos de ano non baixou o tráfico en relación ó ano pasado, senón que máis ben viuse subir. E a concencia cidadá tampouco parece que experimentara grandes cambios, en contrado que di o alcalde na nota, nin se ven os efectos de cambios semellantes. Logo, a que se debe o menor número de multas que se airea? Os comentarios van máis ben cara á menor eficiencia (non se fala de eficacia, esa verba parecida pero de significado diferente) á hora de poñer multas. Outro xeito de enfocalo: entón, poñíanse antes multas de máis, agora de menos ou en ambos casos o número foi de máis (ou de menos)? Este ano déronse os números, mais falta a comparativa con anos anteriores. Quizáis a razón sexa que a instalación da zona azul xenerou máis de 1/3 do total de multas, e non estaba aí na primavera de 2014, motivo polo que apostaría que no 2015 houbo un aumento de multas, que agora se baixa.
En canto á composición da lista de multas, aclara a nota da alcaldía que 182 (o 60%) foron postas por estacionamentos en zonas prohibidas, 108 (o 36 %) por facelo en zonas reguladas (a zona azul), quedando entón un total de 12 multas para outra tipoloxía (2 por conducir falando polo móbil, 3 por conducción neglixente...). Ou sexa, as multas de tráfico son en realidade multas de aparcamento. E non se te a precepción de que o aparcamento mellorara.
Indo a outra característica das multas, aclárase na nota que o domicilio dos conductores é de fóra de Ribadeo nun 62% dos casos, fronte a un 37% de Ribadeo. Evidentemente, falla o redondeo, pois habería un 1% de domicilio descoñecido. O aceptar ese 1% como efectivamente de domicilio descoñecido implicaría que de saída, xa non se cobran todas as multas (non impagos, senón que non se pasan ó cobro), o que abriría outra vía de discusión. De calquera xeito, hai moita máis xente de fóra, o que indicaría que os de Ribadeo somos máis cumpridores. Coñecemos mellor o pobo, onde aparcar... mais, por que entón hai a sensación de ver moita xente ou coches que soan cando nos percatamos de atrancos no tráfico ou en xeral, cousas que consideramos infracción?
Remata a nova dando conta de que son 204 infraccións leves (67,5%), 97 graves (32,1%) e 1 moi grave. Somos boa xente...

20160615

Irmandiños, Ribadeo

Vai ser a xuntanza anual da cooperativa Os Irmandiños, e a conto dela os medios teñen recibido información  previa, que difunden.
A cooperativa é tratada como un referente do cooperativismo en Galicia, algo que, co permiso de Coren, coido que ten algo de realidade. Nada diso aparece na web da cooperativa, que é totalmente comercial e cunha mínima información sobre o nacemento da cooperativa. Tampouco nngunha referencia a Ribadeo, dirección fiscal que nas novas tan pronto se ve favorecida como tal nos bos momentos como esquecida nos malos: aí están as informacións sobre a contaminación do CAVI (Centro de alimentación vacuno Irmandiños) á que me teño referido unhas cantas veces (por exemplo, aquí) ó longo do tempo ou o aluguer ó concello dun terreo (longo tempo abandoado xa)  para unha plantación de froitos silvestres. con subvención europea e rendemento inexistente (pois non chega a terceiromundista, non se plantou)
Os irmandiños, din as novas publicadas, vese afectada pola crise láctea, algo que adiantaba de xeito máis contundente un comentario deixado no blog aló polo comezo do ano 2009 nunha entrada sobre a opacidade dos datos, en particular, na economía ribadense.
O descenso, coido, está case desenganchado da crise do sector lácteo debido á importnaci doutras actividades que foron nacendo arredor da principal. Así, mentres que baixan as vendas de pensos, fertilizantes e servizos agrícolas, os ingresos da tenda seguen aumentando (aínda que só de xeito residual), e a gasolinera, aínda que ocn atrasos pola crise, pronto estará lista para competir coa instalada en Ribadeo, as dúas da área comercial do Vilar e outras máis tamén próximas.
En fin, a cooperativa é unha empresa con 1091 socios e 91 empregados máis oito membros do consello rector (74% do persoal, varón), cun patrimonio estimado en 7,2 M€, despois de incrementarse o pasado ano en case medio millón de € (6,78 %), o que levaría a unha 'ganancia' de arredor de 1,5% sobre facturación.
--
Nota posterior:
Hoxe mesmo sae unha nota na web do concello na que, a conta dunhas declaracións do alcalde de Barreiros aparecidas na prensa tamén hoxe, o rexedor de Ribadeo se enzarza con el a conta dos lixiviados verquidos no CAVI, que como dixen enriba, é unha sección de irmandiños.

20160614

ESCUDO DA CASA DE CRISTOS. Francisco José Campos Dorado


Á beira da estación de autobuses, baixando pola estrada que vai a Vilaselán, no barrio das Barreiras, atopamos a Casa de Cristos, unha ampla casa solarega cun hórreo típico de Ribadeo unido á estancia principal por un corredor-ponte sobre un portón de entrada que da acceso ó que deberon de ser as cuadras e a palleira. Na fachada frontal que da á estrada, á beira dunha fiestra da planta alta, hai unha pedra labrada, a modo de escudo, de cantería de grao groso, que aínda que está cuartelada en cruz, parece non ten que ver coa heráldica, senon máis ben con algúns aconteceres dos seus primitivos donos, presumiblemente relacionados con algunha orden relixiosa. A simboloxía, ó saírse dos cánones heráldicos, é moi enigmática para un lego en mística, pero representa un reto a interpretación da historia que nos está contando, a cal trataremos de explicar tal como nós a percibimos polo que vemos, sinxelamente para amosar o que hai, pois quizais alguén que o vexa, poida aportar outras interpretacións distintas ás que eiqui se dan.
Imaxe da zona, centrada na casa de Cristos
No primeiro cuartel, vese un home a pé que camiña cun can ou cun lobo pasante a sinistra (¿refírese a San Francisco?) e parece que empuña na man sinistra un bastón con algo colgado (¿un bastón cunha cabaza de peregrino?) e sobre o brazo destro, cara atrás, hai unha aspa ou sotuer (figura heráldica de honor) No segundo cuartel, enigmático como ningún dos outros, aparece unha especie de marco con base, parecido o taii xaponés ou chino, no que aparece amarrado por alto ou polos brazos algo que poidera ser un “medio gong” ou unha figura ¿humana? semicaída e flaxelada ou preparada para flaxelar. ¿Refírese a algún misioneiro que sufriu martirio por aquelas terras do sol nacente?

No tercerio cuartel, hai algo parecido o JHS (Jesús Hombre Salvador) que é un monograma resultante da abreviatura do nome de Xesús en grego IH∑ (Iota eta sigma) que o pasar ó latín quedou IHS. San Ignacio de Loyola, fundador da Compañía de Xesús (Xesuitas), usábao como selo xeneralizo engadíndolle unha cruz na asta da H (tal como se ve nun dos catro dinteles labrados da casa, sin dubida da Orden, que data do ano 1759, de Cacabelos de Abaixo, hoxe o Amodiño). San Ignacio poñíalle ademais por debaixo, no seu selo persoal, unha media lúa coas puntas para arriba, entre duas estrelas, de dificil intrepetación. Este símbolo fíxose frecuente nas portadas de libros, paredes, dinteles, altares, igrexas e casas da Orden, como homenaxe o cabeza e titular da Compañía de Xesús. Entón, ¿a casa de Cristos foi a casa dun misionero xesuíta en China?

No cuarto cuartel, móstrase unha cruz entre catro aspas. A cruz de brazos iguais é similar, na forma, á que porta a bandeira de Suíza, máis que á que porta a bandeira de Grecia, que é de brazos máis delgados.

No “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza, vemos a partires da páxina 109, os escudos ou “pedras de armas” de Ribadeo (como Lanza lles chama). Entre elas está o debuxo deste escudo que hoxe nos incumbe, e que o debuxante de primeiros do século XX, puido ver en mellores condicións ca nós, pois non estaba tan roído pola erosión, interpreta o que ve, como sigue: debuxa no primeiro cuartel unha árbore e ó pé un lobo pasante a sinistra, e os lados figuras distintas. No segundo cuartel debuxa unha torre almenada cunha media lúa en cuarto minguante, como diría un astrónomo, pero que no arte da heráldica chámase un “crecente contornado” cuxas puntas miran a sinistra. No terceiro cuartel debuxa unha extraña figura, e no cuarto cuartel unha cruz que apoia na bordura. Ningún destes cuarteis está explicado na inestimable obra de Paco Lanza.

Si houbera que interpretalo con algo semellante na heráldica, diríase que ten que ver cunha rama familiar dos Cruz-Montenegro, polo primeiro cuartel dos Montenegro de Pontevedra e polo cuarto cuartel dos Cruz. Pero para iso, habería que interpretar o “peregrino” que hoxe se percibe e as figuras destras tapadas con cemento, como unha árbore con dúas ramas a cuxo pé está un lobo pasante, e obviar as figuras sinistras e destras. A cruz do cuarto cuartel, debería estar orlada de oito vieiras en vez das catro aspas que se ven claramente neste cuartel. Por tanto a interpretación heráldica sería moi forzada.
Fachada co hórreo e escudo (no centro esquerda da foto), na estrada das Barreiras.

Por outra banda o segundo cuartel, interpretado, como en Lanza, por unha torre (na que non aparecen hoxe por ningures as almenas) cunha lúa (dubidosa) no medio, podería ser algunha rama particular da liñaxe dos Rosón. E o cuarto cuartel pode referirse a varias liñaxes de apelidos, tales como: os Abraldes, Albergaria, Armesto, Lugo, Meira, Sarela ou os Trabada, coa particularidade de que as cruces non se asemellan, pois no arte da heráldica danse formas máis repinicadas nas terminacións dos brazos da cruz.

Resumindo, e segundo nós o vemos, antes que unha “pedra de armas”, parece máis ben, unha pedra labrada que trata de contarnos unha historia, apaixoante sen dubida, que debe de ser desenrolada, cuartel a cuartel, tal como o facían na miña infancia aqueles manciñeiros e vendedores ambulantes que viñan o mercado dos mércores, e que ían pasando as láminas con “cantares de cego”, cunha vara ou cun punteiro, na concurridísima praza de Ribadeo, aqueles homes que tanto explicaban a voz en grito ou a modiño, vidas de Santos, como tremebundos aconteceres de algo extraordinario... ¿pero qué nos está contando esta pedra labrada?

Sería interesante poder investigar este capítulo de historia antiga, nese arquivo e biblioteca centenaria dos padres Xesuítas: cal foi a súa relación con Ribadeo, qué relevancia tiveron na vida do pobo, e por qué non quedou nada escrito o respecto, ¿ou sí quedou e non sabemos onde está agochado? ¿Quen construíu a casa das Barreiras e por qué escribiu na pedra esa enigmática e hoxe descoñecida historia? E ¿a casa do Amodiño que tantas marcas visibles e inequívocas deixou da súa procedencia relixiosa orixinal? ¿Ten algo que ver coa celebración do Santo Encontro da Semana Santa perto desta casa, e que se predique desde un balcón próximo e se celebre na Praza de Abaixo ou da Constitución de 1812 porque alí tamén estaba a Casa do Concello? ¿Están relacionadas ámbalas dúas casas e as súas vivenzas? ¡Quen sabe!
A Casa de Cristos, hoxe

20160613

A PROFANACIÓN DA ILLA PANCHA, artigo de José Mª Rodríguez

Profanum, palabra derivada directamente do latín, componse de dous elementos: pro-fanum, e dicir, fora do templo. Usábase, pois, para referirse con ela a ese lugar que está nas aforas do templo. E de aí o seu derivado, profanado, termo que se emprega pra referirnos a un lugar sagrado cando, por algunha acción prohibida, se fai mal uso del, e se lle da o cualificativo de profanado.

Hai dúas maneiras de ver a Illa Pancha de Ribadeo. Unha, como espazo de explotación económica e comercial. E nesta espiral de materialismo galopante na que a sociedade moderna está mergullada, non faltan persoas, e mesmo administracións públicas que, carentes de outras posturas mais nobres, só ven esta illa como unha posibilidade mais de lucro económico, e dispostos a súa profanación. Pro hai outra forma de vela. Pra sociedade en xeral, e moi especialmente prás xentes de Ribadeo, que naceron e medraron ó seu carón, a Illa Pancha é moito mais ca iso. É un fermoso espazo paisaxístico, hoxe incluído entre os moitos e fermosos elementos patrimoniais, históricos e culturais, dos que goza Ribadeo e que a xente necesita e quere continuar disfrutando.
A contemplación desta illa, co seu faro vixía de navegantes, é unha fonte de inspiración dos sentimentos mas nobres do home. E o home non só vive de pan. O seu compoñente inmaterial e vital necesita o alimento do seu espíritu. Necesita vivir dos soños e ideais que desenrolen a parte mais nobre do seu ser.
A Illa Pancha e un ben que soubo despertar no pasado, e aínda hoxe desperta, en moita xente a súa sensiblidade ante tanta beleza, os sentimentos mas nobres da súa alma. E así, foi vista e cantada por trobadores, literatos, poetas e famosos pintores. Xentes, ós que a súa romántica soidade, o seu fermoso paisaxe, a paz interior que infunde no home e os seus encantos quedaron expresados na súa poesía, composicións literarias, artísticas fotos ou pinturas famosas.
A elección do futuro da Illa Pancha non debería ser dubidosa. Forma parte do patrimonio espiritual e sentimental das xentes desta comarca e a eles lles pertence. Pra adicarse ó proveito material e explotación comercial dos bens humanos hai outros espazos mais axeitados e menos daniños. Seguir por ese camiño sería entregar ó beneficio privado unha parte da alma do pobo. E a alma, os seus soños e sentimentos, non se poden privatizar pois son patrimonio do espírito. 

 Obras de José Mª Rodríguez

 

Un par de fotos de G. Gómez para comprender o Fiouco



O par de fotos anterior (ampliables premendo co botón dereito do rato) poden servir de mostra complementaria ó artigo 'O Fiouco, néboa explicada (que non resolta)'. Foron tomadas esta fin de semana dende a subida de Vilanova ó Fiouco cara á zona entre Pena Corveira e A Valiña, amosando o mesmo fenómeno que produce a néboa no Fiouco: o arrefriamento de aire húmido e quente ó subir pola ladeira do monte, desparramándose sobre a parte alta, mentres na parte baixa está con boa visibilidade.

Unha presentación curta sobre o faro


2060610 faros patrimonio da humanidade from Antonio Gregorio Montes
O pasado venres tivo lugar a táboa redonda 'Faros, patrimonio da humanidade' na Casa das Letras de Ribadeo. Deixo a presentación anterior como resume en canto ó que se falou en relación coa illa Pancha. Hai que miralo como notas para unha pequena charla máis que como algo rematado para ler. A ligazón para ler directamente na plataforma de presentacións é http://www.slideshare.net/AntonioGregorioMonte/2060610-faros-patrimonio-da-humanidade

O acto repetirase próximamente en Viveiro. 

20160610

Resultados da enquisa para o 26J

Cerrada a entrada de datos, 39 participantes na enquisa para o 26J. Se imos a considerar a proporcionalidade, en relación a España as enquisas terían que ser de abondo máis de 100 000 persoas para gardar a proporción, co que, nese sentido, conseguiuse unha participación elevada.
Aínda así, por representación estatística e outros detalles non menos importantes, como acceso e práctica de internet e a súa relación coa idade, os resultados non son máis que indicativos. Por ese motivo me limito aquí a reproducir as dúas gráficas principais, deixando para quen queira o acceso ós datos en bruto, e non usando polo momento a folla de cálculo para obter máis relacións.
Coas limitacións (grandes) indicadas, os gráficos de abaixo indican un ascenso da marca de UP, (en Ribadeo, as Mareas), que en intención de voto darían o célebre sorpasso ó PSOE sin consideración ningunha á marxe. O gráfico, que amosa unha victoria clara de Podemos, vese matizado polo segundo gráfico, que representa o que a xente cre que vai pasar. Nel nos atopamos que a xente cre claramente na victoria do PP, por riba das Mareas/UP.
Queda por diante toda a campaña electoral, pero coas indicacións da enquisa, salvo terremotos electorais, as forzas en loita en Ribadeo son dúas, abondo por riba do resto.