20200612

Unha festa, unha música

Unha festa, unha música é un artigo feito para o libro das festas patronais de Ribadeo 2001. Aí vai:






Manifestación o 18 de xuño en Ribadeo, ás 12 horas diante do concello

Recorto dunha foto de Suso Fernández o cartel que serviu o pasado 11 de xuño en Lugo para encabezar unha manifestación polos servizos públicos, residencias e sanidade incluídas, pero abranguendo toda a gama de servizos. Uns servizos que necesitan o apoio de todos para ter dotación abonda e ser subministrados en condicións. Para todos.
O próximo xoves 18 de xuño terá lugar en Ribadeo unha concentración ás 12 diante do concello co mesmo fin: reclamar servizos públicos dignos.
Nota:
Por certo, nesa e nas outras fotos que difundiu Suso, vese que se cumpren folgadamente os criterios de separación e enmascaramento, por se houbera dúbidas

O proxecto Rebinxe

Non é a primeira vez que o proxecto Rebinxe ten espazo nun blog de Ribadeo. Nin moito menos, a primeira vez que se lle da difusión fóra de Mondoñedo ó proxecto liderado por Óscar Chao. Mais o caso é que, con varios anos ás costas, o proxecto non recúa en actividade, nin co coronavirus polo medio. A última nova é a súa aparición en El Salto, cun título chamativo como "Proxecto Rebinxe: ciencia cidadá para mellorar a situación da fauna galega".
Coido que se poden dicir moitas cousas -máis a estas alturas que cando o coñecín por primeira vez hai varios anos- sobre o proxecto Rebinxe, a máis da súa compoñente didáctica, pero, dao que a ligazón do artigo no El Salto é unha entrevista, coido é mellor lela alí mesmo. Bo proveito!
Antonio Sandoval (á nosa esquerda) con Óscar Chao (der.) na presentación dun libro en Ribadeo. Óscar ten colaborado coa AVV O Tesón ou con Por Nuestro Faro, entre outras actividades desenvolvidas en Ribadeo.

20200610

Nestes tempos despois da primeira fase do coronavirus

Nestes tempos despois da primeira fase do coronavirus parece que estamos a restablecer a que se da por chamar ‘nova normalidade’. Para comezar, se é ‘nova’ xa non se trata de ‘restablecer’, e polo momento ao menos, non será tampouco ‘normalidade’. Quizais máis adiante.
Por outra banda, algo complexo, pois para comezar, non se sabe se nese ‘máis adiante’ antes citado (fin do verán, outono...) volveremos ter outra ‘anormalidade’ relacionada co coronavirus ou non. Tampouco se sabe ata que punto cousas que xa cambiaron forman parte da normalidade, é dicir, non voltarán cambiar para facerse normais no sentido das vellas normas, senón que son agora e serán xa norma de cara ó futuro. E iso, a nivel xeral. Porque está claro que o illamento non telemático polo coronavirus fixo achegar máis o distante, mentres nos afastou do próximo que non podemos conectar a berros dende a casa. E non nos enganemos, os paseos de moita xente o primeiro día de desconfinamento, apoiados pola boa temperie, significaron ansia de liberdade e gusto vital, non achegamento á natureza ou ós veciños.
Así, as cousas locais ou comarcais parecen máis dispersas na morea das estatais ou mundiais. Algo como se agora poidéramos ver máis afastados da realidade cotiá e por iso non nos fixásemos nos detalles. Pode que por iso aínda causaran máis impacto cousas como a diminución de traballo en Alcoa San Cibrao, que quen máis, quen menos, vía vir. Mais, a carón do interese que move un feito como o da antiga INESPAL (ven ben lembrar o nome por máis dunha razón, aínda que agora mesmo estea descontextualizado), non deixa de tomarse como algo puntual, mentres os asuntos comunitarios seguen abandonados en mans dos chamados ‘políticos’. Seguimos -e quizais máis que antes- desconectados dos centros municipais ou centrados en criticar o goberno máis que en tentar gobernar na medida das nosas posibilidades, que non se reducen a un voto cada catro anos. Seguimos mirando ó pasado e non ó futuro -pode que por medos de diversos tipos- con dúas premisas fundamentais relacionadas: nós non temos culpa do pasado, (porque) o futuro é cousa da planificación dos políticos, que para iso son os nosos servintes. Si? E nós? Diría que seguimos a velas vir... se non fose porque afeitos a mirar para outro lado, distraídos, o equivalente de mirar para todos os lados ou mellor, para ningures, nin se ven vir.
Durante o máxima restrición de movementos había unha tendencia a pensar que disto sairíamos mellores: máis preparados para o que viñera, máis conscientes das nosas debilidades e da débeda co noso entorno, tanto material como natural como persoal, e polo tanto, máis proactivos, reforzados na nosa sociedade, máis vivos, cunha vida máis plena. Mais somos seres de costumes, e non se cambian tan pronto, mesmo aínda cando se note unha certa persistencia dos paseos-exercicio polo campo como excepción ou esperanza.
Mentres, xa está aquí o verán, coas súas esperanzas e temores asociados, que para algo somos un pouco contraditorios, para ben e para mal. Que aproveite (o quete máis probabilidades de suceder se o preparaches).

20200608

Bótalle unha ollada ó plan especial de protección das Catedrais

Anos. Anos leva de recorrido ata hoxe o Plan especial de protección das Catedrais. Máis de media década. Aquí, no blog, hai diversas entradas, comentarios, alegacións, etc, deixados ó longo do tempo. Mañá, martes, ás 19:30, será a aprobación definitiva (coa maioría do BNG no concello, unha vez presentada a pleno, está asegurada a súa aprobación). O plan podes velo aquí: é a túa última oportunidade antes de que sexa aprobado. A última oportunidade de exercer un mínimo dereito como cidadán, o de estar enterado da normativa que se pretende para un espazo hoxe por hoxe fundamental para Ribadeo. É dicir, en parte, trátase do teu futuro, e de deixalo correr ou tentar coller as rendas.
Na mesma nota de prensa de notificación aparece que mañá haberá non un, senón dous plenos extraordinarios, tratando a demais do plan das catedrais as consecuencias económicas da COVID-19 ou o novo convenio con ACISA (2020-2023). O acceso ó Salón de Plenos requerirá as medidas de protección oportunas ás xuntanzas en recintos cerrados. Máis aló das mesmas, será público, segundo remato de confirmar por teléfono.
Documentos (tamén presentados ó final da entrada):
A nota de prensa da alcaldía.
O Decreto do pleno de aprobación do plan das Catedrais.
O Decreto do segundo pleno especial a celebrar



-A nota de prensa:
"Plan Especial das Catedrais
05/06/2020

O Concello de Ribadeo acollerá a celebración de dous plenos extraordinarios o vindeiro martes, 9 de xuño. Na primeira das sesións, prevista para as 19:30 horas, someterase a aprobación definitiva o Plan Especial de Protección das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo". A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores.

O rexedor ribadense dixo que "agora que estamos indo paseniñamente cara a unha normalización, para a semana que ven imos facer dous plenos, un deles a petición do PP para falar das consecuencias económicas do Covid e outro pleno, tamén extraordinario, onde se van tratar numerosos aspectos de transcendencia para Ribadeo, tanto no presente máis inmediato como no futuro próximo. Estamos poñendo bases sólidas para seguir traballando para ben dos nosos veciños e veciñas. Levaremos puntos sobre asuntos da economía municipal, de axustes que temos que facer para cumprir coas leis do Estado, que resultan paradóxicas para os Concellos. Neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao goberno do Estado para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal".

O alcalde explicou que "neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, etc…, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos".

Suárez Barcia contou que "a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os de Ribadeo evidentemente han seguir tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación. Tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con ACISA, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante".

O rexedor ribadense indicou que "virá ao pleno tamén a aprobación definitiva dun instrumento moi importante para o futuro e para o turismo, para a sustentabilidade ambiental e para o futuro do equilibrio entre estes dous vectores. Despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, en definitiva un total de 19 informes que todos eles acabaron sendo favorables, algúns desde o principio e algúns outros coas lóxicas correccións que tivemos que facerlle ao documento. Polo tanto aprobaremos o Plan Especial de Protección das Catedrais de maneira definitiva. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente. Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo".

Fernando Suárez engadiu que "logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadeiro de Feve, a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís, etc... Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida"."

20200606

IGREXA de S. Xoán de Ove. RIBADEO. Emilio Piñeiroa

Situación: en Ove, a 1 km de Ribadeo, ao pé do Camiño Norte de Santiago, preto de varios cabozos e casas típicas da zona.

Estrutura
A igrexa está formada por: pórtico, nave, prebisterio e dúas sacristías.

Pórtico
O pórtico con porta alintelada e no fascial hai unha Cruz de Malta e sobre esta a espadana de dous corpos e tres vans, rematada cunha cruz latina e un catavento e pináculos de pedra de granito. Ascéndese por unha escaleira exterior. Sobre o prebisterio no muro da Epístola hai outra espadana de menor tamaño, cun só van.

Nave
A parte central é de lousa e de cemento nos laterais. A bóveda é de madeira con tirantes de ferro. Un arco ( arco triunfal ) de medio punto separa a nave do prebisterio que se atopa máis elevado.

Prebisterio
A bóveda do prebisterio é de crucería con dúas seteiras

Imaxinería.

Retablo maior:

Está formado por:
* Un corpo: con tres rúas, separadas por catro columnas, o chapitel con follas de acanto e volutas. Na fornela central imaxe de S. Xoán Bautista (patrón) de gran valor (para moitos a xoia da igrexa) pertence aos templarios; enriba Cruz de Malta. Á dereita S. Andrés e á esquerda S. Antón. Sobre a fornela central hai unha inscrición que dí:” Privilexio concedido por S.S. Pío VI en su breve particular, de diez de febrero de 1786”.
* O ático formado por dúas columnas semellantes ás do corpo, no centro a Asunción, e rematado cun frontón partido cun triángulo, símbolo da Trindade, rodeada de catro anxos.
* A ambolosdous lados Cruz Parroquial de prata e pendón, coa Cruz de Malta.

Outros retablos:
Virxe do Rosario
Virxes de Fátima, Pilar e Milagrosa

 S. Xosé
Sagrada Familia, Cristo Xacente, Sagrado Corazón e Santiago Peregrino
Virxe Dolorosa e Crucifixo
















Outras imaxes:
S.Xoán Bautista

Virxe do Carme

Inmaculada

Virxe de Luján

















Participación na Romaxe das Cruces
O luns de Pentecoste celébrase na ponte de Arante a Romaxe das Cruces, onde se reúnen os pendóns e as cruces das parroquias de Vidal, Sante e Valboa, de Trabada e Ove, Covelas, Cedofeita e Arante, de Ribadeo. Os veciños destas sete parroquias capitaneados por Melchor Díaz de la Rocha, fidalgo e alcalde de Sante, venceron ás tropas de Napoleón na Guerra da Independencia en 1809. No ritual, o pendón e cruz de Ove, ten o privilexio de ser a primeira parroquia en cruzar o río e recibir aos de Arante e Vidal, que veñen en procesión dende os Bestilleiros, onde foron bendicidos os campos, así como entrar na capela xunta á de Arante para iniciar a procesión.


Ove e os hospitalarios.
A orde militar de S. Xoán de Xerusalén, de Rodas ou de Malta estivo presente en Galicia durante sete séculos (1140-1809). O priorato de Ove pertencía á Encomenda de Portomarín.
Os cabaleiros hospitalarios, nados en Terra Santa, coa dobre dimensión defensiva dos Santos Lugares e hospitalaria-asistencial dos peregrinos, xogaron un papel moi importante nas peregrinacións xacobeas. As súas encomendas ubicábanse de xeito estratéxico, dando cobertura a tódolos camiños que dende o exterior de Galicia dirixíanse ata Compostela, foron a mellor garantía material e espiritual dos peregrinos a Santiago.

Na actualidade, na igrexa de Ove atopamos catro cruces de Malta: na fachada, retablo maior, Cruz procesional e Pendón
Fachada












Detalle do Retablo Maior
 No centro da Cruz Procesional

 Coroando o pendón

















Texto e fotos: Emilio Piñeiroa Lozano

20200604

O PATRIMONIO GALEGO, UN BEN COMÚN DESPREZADO. Pancho Campos Dorado

   É difícil de entender como é posible que por sacar 50 Tm de madeira de eucalipto que se vende pola miserable cantidade de 1000 €, cando mellor prezo, esteamos destruíndo xacementos arqueolóxicos que son bens patrimoniais da Galiza de inapreciable valor, bens que nunca máis poderán ser recuperados.
   Mámoas ou medoñas, túmulos funerarios característicos do Neolítico; castros, eses poboados celtas totalmente abandonados pola administración da Xunta de Galicia e que son espoliados ou destruídos en parte ou totalmente con total impunidade, e dos que en Ribadeo temos alo menos sete mal sinalizados e mal delimitados (As Grobas, Fornelo, Meirengos, As Cárcovas, A Pumarega, A Torre, A Croa). Unha verdadeira cidade celta con castros que estanse a destruír pouco a pouco, como denuncia Mariña Patrimonio en este querido semanario de La Comarca del Eo do 23 de Maio do presente.
   Pero non soamente están desaparecendo os emprazamentos concretos dos castros, senón que xa desapareceron para sempre xamais os entrabados muros e fosos de defensa de todos eles. E non falemos do cemiterio celta que había sobre a praia dos Castros, un dos únicos da Galiza e onde foron impunemente taponadas as súas tumbas con formigón para facer un chalet sobre o acantilado e que tivo “permiso de obra” para un señor que, segundo se comentou na época, era o responsable de Patrimonio da provincia de Lugo. Este tal “señor” debía ser veciño daquel outro alcalde de Lugo que nos anos sesenta do século pasado, para ampliar a Ronda da Muralla a mellor solución que atopaba era derrubar a propia muralla, pois daba o ancho axeitado para a “modernización dos accesos de Lugo” para os coches. Menos mal que o botaron fora antes de que fixera tal falcatruada. Non pasou o mesmo cando destruíron os xacementos romanos baixo a praza de Santo Domingo para facer un aparcamento. En fin.
   Nos nosos arredores hai crómlech ou círculos líticos como a Roda de Santiago de Reinante, unha das dúas únicas mostras do megalitismo atlántico en Galiza xunto coa de Lobeira entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa; pedrafitas ou menhires (do bretón “men”: pedra e “hir”: longo), que servían para sinalizar necrópoles, ou como pedras de sinalización ou de identificación dun lugar onde se facía algún rito relixioso ou de concentración de xentes nalgunha encrucillada, e que hoxe aínda algún deles salvado da destrución masiva serve de marco para delimitar concellos, como o Marco da Pena Verde (Trabada, Barreiros, Ribadeo). Están desaparecendo os vestixios das vías romanas, empedradas de cantos rodados ou pavimentadas con grandes lastras de pedra que desde a antigüidade foron aproveitadas para camiños reais, e hoxe en desuso e practicamente destruídas e sen clasificar nos anais da historia galega pois non hai practicamente nada estudado en todo o Norte da provincia de Lugo.
   Os asentamentos arqueolóxicos desaparecen como froito da especulación dos terreos, por obras públicas e privadas sen control ou por simples labores agrícolas ou forestais onde non se ten sinalizado o xacemento por non haber constancia anteriormente da súa situación, ou ben por non haberse sinalizado “por falta de presuposto ou de tempo”, pois os empregados en patrimonio son poucos e non dan abasto. Isto é algo co que hai que terminar. Hai que marcar e delimitar os xacementos arqueolóxicos que forman os recintos patrimoniais explotados ou sen explotar. Hai un patrimonio prehistórico, histórico, artístico, arquitectónico, paisaxístico dunha gran beleza natural e antropolóxica que garda a antiguísima terra galega e que non pode seguir sendo destruído pola desidia dunha Administración patrimonial inexistente, ou que o seu funcionariado no é suficiente, ou que está mal pagado, etc. a escusa da igual cal sexa, isto non pode continuar. Ten que ter remedio.
   Van chegar millóns de euros desde a Administración central do Estado para impulsar os nosos bens de riqueza, e ten que haber dalgunha maneira presuposto na Xunta de Galiza para non esquecer os nosos xacementos arqueolóxicos.
   Ano tras ano se destrúen sistematicamente valores patrimoniais, que desde o ano 1950 en que se empezou a repoboación forestal, e maiormente a destrución foi a máis desde que as plantacións de eucaliptos foron industrializadas con máquinas tractores que tallan, pelan e tronzan a vontade as pezas de madeira. Esas máquinas con rodas pneumáticas ou con eirugas, tan pesadas, como non poden ser doutra forma para manterse equilibradas nos terreos tan difíciles onde traballan, pero que as súas rodeiras cando pasan por un xacemento déixano achaiado e destruído ou totalmente arrasado. Logo veñen as máquinas paleadoras que fan os camiños imprescindibles para carrexar a madeira, e logo as máquinas de repoboación forestal escavadoras ou perforadoras de plantar. Total ao menos pasan dous ou tres tipos de máquinas polo monte que se está explotando e que acaban con todo xacemento que se lles poña por diante, pois tanto traballan nun lugar libre de impedimentos como polo pico dunha mámoa sen reparar nela, pois son “pedruscos” nada máis, que hai que achaialos e punto.
   Unha triste realidade e unha verdadeira vergonza nun pais civilizado, que por 1000 putos euros cada quince ou vinte anos esteamos asistindo a tamañas desfeitas, cando se podería estar sacando na época estival cen veces ese capital explotando o seu valor turístico, sen contar co coñecemento científico-histórico co que estaríamos contribuíndo a historia do noso país. Teriámonos que mirar os estudos e logros da universidade inglesa ou francesa que teñen nomenclatura propia en todos os tratados de Prehistoria e de Historia do mundo, e aquí, que sen dúbida tamén temos moito que dicir, non hai unha palabra nin cita, que recorde neste eido á universidade galega.
   Por todo isto é imprescindible ter sinalizados os xacementos e sería moito de desexar que foran compradas por parte do erario público as parcelas onde están os asentamentos arqueolóxicos. A Administración da Xunta de Galiza, inoperante neste eido, vemos que é unha irresponsable en todos cantos eidos se rasque un pouco, que nin mira nin ve o nivel de “palurdismo” a que chegan e que padecen moitos dos seus representantes, votados cada catro anos, e que creen que se libran de responsabilidades meténdolle a culpa a o pobo, “á ignorancia dos campesiños”. Desvergonza é o que hai, pois a maioría dos fillos deses campesiños hoxe son homes e mulleres de carreira, da que moitos dos representantes políticos da Xunta carecen.
   Pero ademais, os asentamentos arqueolóxicos non só deben ser e quedar delimitados por xente experta da universidade, senón que deben ser precintados e vixiados por persoal autorizado para que non medre o arboredo espontáneo sobre eles, tal e como está vixiada e limpa a traza do gasoduto ou os tendidos de transporte eléctrico a través dos montes. Un corpo de vixilancia que moi ben poderían especializarse nun futuro como guías turísticos dos lugares que gardan.
Esta será a única maneira de manter “intacto” o noso patrimonio, vixiado ate ter presuposto para poder desenterralo e poñelo en valor cun traballo de campo adecuado para sacar de modo parcial ou total todos os coñecementos prehistórico-científicos dos lugares anteditos que, sen dúbida, alcanzarán un valor suficiente como para ser o motor que mova un amplo sector turístico que creará bens de riqueza, dos que en Ribadeo neste momento non hai absolutamente nada, pois hoxe só podemos lucir bens de servizo e nalgúns aspectos, escasos.
Todo este patrimonio está enterrado, maiormente en zonas de monte, zonas costeiras e fluviais, e parece mentira que haxa dúas carreiras universitarias de enxeñería agrícola e forestal, nada doadas de aprobar, que deberan ser os que levaran a pauta das explotacións arbóreas e que logo unha elite de madeiristas fagan o que lles pete no monte, tal cal señores feudais que operan como donos “de todo o que se ve ate o horizonte”, parodiando as palabras do demo no deserto ante Xesús. Uns a outros bótanse a culpa e os xacementos seguen apedrándose. Hai unha obstinación terapéutica de demostrable destrución masiva do noso patrimonio, e non pode continuar así, pois o patrimonio posto en valor será sen lugar a dúbida un dos motores máis importantes do desenrolo sostible da Mariña Lucense. Temos un paisaxe espectacular e un riquísimo patrimonio prehistórico e histórico que está practicamente a vista, que máis se pode pedir?
   E que conste que non estamos a falar de parar a explotación forestal nin de desprezar os recursos madeireiros que por suposto sabemos que a moitas familias lles permitiu e permite a día de hoxe mandar a universidade aos seus fillos, pero sí, si debemos parar a barbarie palurda da destrución patrimonial. Barbarie porque solo xente moi asilvestrada pode destruír o que representan os bens patrimoniais, e palurda porque soamente xente de moi escasa educación e formación cultural pode ignorar o que ten diante dos ollos, e se si o sabe e o sigue destruíndo, sería causa de xulgado de garda ou de pecado mortal sen perdón, pois os bens patrimoniais pódenlle reportar a el e a todos os nosos descendentes máis beneficios anuais que toda canta madeira haxa nos montes dentro de cen anos.
   E isto non ocorre nun sitio nin nun caso illado. Estamos a falar de decenas de casos anuais de destrución na nosa provincia e na nosa bisbarra. Sen ir máis lonxe o Castro de San Miguel de Reinante tivo permiso de obra para ser parcialmente destruído para sacar cunha paleadora “catro” camións de caolín a prezos de exportación ridículos para a desfeita que fixeron.
   Isto non pode seguir así, tirando un prestixioso futuro para as futuras xeracións de rapazas e rapaces. Fan falla eses fondos estatais e autonómicos para facer fronte a esta desfeita, e fai falta esa labor de policía para manter vixiado o patrimonio.
   Por suposto que non é mesmo remover un valado do século XVIII que dividía unhas terras que destruír o recinto amurallado ou as cabanas dun castro. Por isto ambas industrias forestal e turística, poden complementarse nun mesmo proxecto, pois as árbores fan falta para a industria madeireira, e tamén serven de fondo o noso precioso paisaxe. Non é este o lugar no que vou a falar das especies autóctonas apropiadas en lugar de tanto eucalipto, pois Galiza parece unha finca terceiro mundista da explotación xermánica de eucaliptos para pasta de celulosa de papel, que logo volvemos a comprar transformada en papel de escribir e de embalaxe cun marxe de ganancia que queda en Alemaña ou por eses mundos de Deus. Menudos negociantes estamos feitos, debemos estar “orgullosos” do tecido empresarial que temos, incapaces de facer un folio de papel, como non fomos capaces de laminar un solo lingote de aluminio. Así nos vai, parece que vivimos no mundo de Tarugolandia que vive a epidemia do palurdismo cuxa única vacina e ler e aprender o Catón.
   Non intentamos bloquear o desenrolo do país, pero todo o que ate aquí dixemos non costa en presuposto económico practicamente nada se se compara cos beneficios que se poden sacar. Ribadeo está converténdose nun lugar turístico por excelencia, e podemos proxectalo ate moi alto se poñemos en valor os nosos recursos patrimoniais. Por desgraza non nos queda ningunha industria no eido marítimo. pois destruímos a Ría e o Porto de Ribadeo, e non queda ningún ben de riqueza en todo o Concello, excepto Irmandiños e “catro” explotacións gandeiras, así que temos que ir pensando en mellorar o noso futuro. Isto é un desastre, excepto a Festa dos Indianos que segundo escoito parece “nos vino al pelo” e este ano, para máis inri, non se celebra.

20200601

Alcoa sálvase soa


   ‘Alcoa sálvase soa. O que hai que salvar é o tecido industrial da Mariña. Postos de traballo mellor remunerados que os da hostalería.
   O anterior é o comezo do comentario dun amigo. Pola miña parte, considereino unha continuación de “Alcoa na Mariña: tan lonxe, tan preto”, un tema que daría para un libro enteiro. Pero sigo citando:
   ‘Tamén os riscos son maiores. Tamén hai que salvar a produción propia e non depender do aluminio de Arabia Saudí, tamén de Alcoa, que xa se está a vender aquí. Tamén do aluminio chinés, aínda que iste non compite en calidade. Alcoa tiña un compromiso de manter empregos uns anos, que xa expirou. Alcoa tiña a promesa dunha enerxía barata, que xa expirou tamén. E se ben é certo que a electricidade, en España, prodúcese por moito menos do que custa, tampouco é cousa de que se lle regale a Alcoa e se nos cobre a nós a diferencia. Non se trata de salvar a Alcoa, trátase de salvar a fábrica, as tres fábricas, e poñerse a fabricar aluminio. Unha empresa estatal non ten por que dar beneficio, tan só ten que ser sostible. O obxectivo dunha empresa estatal é crear emprego de calidade e ser sostible no tempo. E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.
   O obxectivo desta entrada é mirar a cita que remato de poñer cos meus ollos. Comezo.
   Si, Alcoa é unha empresa privada e estranxeira, móvese polo interese e non ten por que coincidir co interese da Mariña. É mais, o raro sería que coincidise. Outra cousa é o tecido industrial que a rodea. Totalmente dependente, pois non se crearon empresas que aporten valor engadido ó produto, nin se diversificaron para non depender do mantemento desa fábrica. É pouco pero é o que hai, e o que se podería salvar. Postos de traballo máis cualificados e remunerados que os da hostalería. E sen discontinuidade ó longo do ano.
   Nestes momentos, os riscos para a industria alumineira son maiores que na hostalería, parece. Coa incertidume introducida pola pandemia xa non estou tan seguro, aínda que no que respecta a este verán semella evidente aínda coas limitacións previsibles.
   É Alcoa a que se está a facer competencia a si mesma. Vexamos. Se dúas fábricas producen o mesmo produto, hai sobreprodución e unha está situada nunha zona de alto consumo e medrando mentres a outra nunha zona no que o consumo e menor e mesmo diminúe, non leva esta última as de perder? Pois iso está pasando co consumo en Europa fronte ó consumo de Asia, máis aló dos custes laborais ou enerxéticos.
   E Alcoa, a empresa, non a fábrica, tiña compromiso de manter postos de traballo. Para iso se lle deron unha morea de cartos. Tiña, non ten. Ao menos, iso é o que pensa que pode facer a empresa. Alcoa tiña e ten enerxía barata. Outra cousa é que queira aínda mellores condicións de prezo e servizo. A pesares de que no balance das empresas eléctricas sexamos nós o contrapeso desa rebaixa. Unha situación inxusta de por si que se pode pretender non só continuar senón agravar, pero que non é de recibo máis que para os que nos chegan ás casas.
   O que se perdeu cando se privatizou a fábrica de San Cibrao foi algo máis que a nuda propiedade. Foi a capacidade de decisión e foron os obxectivos. Certo, unha empresa estatal antepón -debera antepor- a súa función social ós beneficios. Pero o mesmo que vender significa desfacerse dun problema de xestión, comprar -neste caso, nacionalizar- significa o contrario. Nunha situación de falta de inversión, na que na empresa sigue no mercado e é de supoñer que non quererá competencia, e na que a empresa sigue a dispoñer de control das redes de subministro e de venda. E na que as empresas multinacionais teñen en boa parte, escapado ó control dos estados e mesmo fan depender de tribunais privados as súas relacións con estes. Seguramente se poda facer, pero máis aló de cargar tamén cunha balsa de lodos que está asfixiando a produción de alúmina, que continuará polo momento, non é cousa que se prepare dun día para outro.
   E así estamos, coa sostibilidade -xa non só ambiental, senón sinxelamente empresarial, e non só dunha empresa, senón de todo un ecosistema empresarial- comprometida. Coa sostibilidade económica dunha comarca enteira baixo tensión... en un mundo enteiro baixo tensións. 'E mentres os políticos non o vexan así, a solución só será un pouco máis de agonía.'
--
Nota posterior. Engadido a ter en conta: https://sghn.org/balsa-de-lodos-vermellos-de-alcoa-en-san-cibrao-unha-herdanza-envelenada