20161215

Martes 20, pleno: 870 €/ribadense

Por fin. Un pleno avisado con cinco días de antelación. Coido que é o máis importante dun pleno que é de por si importante, pois del van depender o orzamento, e polo tanto, o gasto, do próximo ano. Porque permitirá a quen queira asistir, se non participar, ao menos chegar ó primeiro nivel desa participación, o recibir un primeiro verniz de información directa sobre esa importante cuestión económica do concello.
Así que, estás avisada: o concello gastará 870 € por (e suponse, para) ti.

Como teño comentado outras veces, coa nota de prensa márcase unha dirección para mirar a noticia, que neste caso tamén inclúe o pór ó alcalde como referencia da mesma, a partir do título. despois, fai referencia relativamente extensa á residencia de maiores no que sería impulso antefinal dun equipamento que é necesario sacar adiante, despois dun longo recorrido que merece un estudo histórico que coido pode condensar a historia de Ribadeo destes últimos mandatos.
Tamén se extende no pulso orzamentario co estado, desta volta a conta do ibi, o imposto de bens inmobles, que manterá en cuantía, a pesar do mecanismo estatal destinado a subilo. E, como en todas as confrontacións, previndo que haberá que loitar por cartos compensatorios de non aproveitar a opirtunidade de suba do ibi, tenta poñer a cataplasma antes da ferida efectiva, polo menos a nivel propaganda.
O resume: un gasto duns 870 € por cada un dos aproximadamente 10 000 ribadenses.
Velaeiquí a nota de prensa do concello:
O IBI NON SE INCREMENTARÁ, SEGUNDO O REXEDOR
Orzamento para 2017
14/12/2016
O equipo de goberno someterá a aprobación en pleno extraordinario o vindeiro martes, 20 de decembro, o proxecto de orzamento municipal para 2017, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. O presuposto, que ascenderá a 8 772 000 euros, pasará mañá polas comisións informativas correspondentes. Segundo subliña o rexedor increméntase a partida destinada a gasto social e tamén os investimentos a realizar en rúas e camiños rurais.
Suárez Barcia dixo que "este ano queremos tamén aprobar agora o orzamento municipal para 2017. Querémolo facer en tempo e forma, precisamente no 2016, porque este presuposto para o ano que ven queremos que empece a dar os seus froitos desde principios de 2017".
O alcalde ribadense sinalou que "hai inversións municipais que necesitan que os orzamentos estean aprobados de xeito definitivo, como pode ser a licitación do mobiliario da residencia de maiores de Ribadeo, a demolición das antigas vivendas de profesores alí ao pé da residencia, tal e como quedamos. Todas estas actuacións, aínda que teñen unha parte de financiamento externo, neste caso da Deputación, si que hai unha parte de financiamento municipal que require dos orzamentos aprobados".
O rexedor explicou que "sacamos este proxecto de orzamentos que continúa coa senda destes últimos anos. Aínda que en cifras é algo inferior ao último, o orzamento total ascende a 8 772 000 euros, algo menos que o de 2016, porque debemos ter en conta que o ano pasado había unhas partidas moi importantes para a construción da residencia de maiores, e que agora para o seu equipamento non son tan notables".
Fernando Suárez seguiu a relatar que "sacada a inversión da residencia prodúcese dentro destas cifras un aumento de investimentos se o consideramos en relación a exercicios anteriores, sobre todo en rúas e en camiños rurais. En rúas, en urbanización e pavimentación, e en camiños rurais, en asfaltados, soben aproximadamente un 40% con respecto ao ano anterior estas partidas. E dentro do gasto corrente hai tamén un incremento do gasto social, sobre todo no que ten que ver coa atención aos servizos de axuda no fogar tanto na súa modalidade de prestación básica como na de dependencia. Ao mesmo tempo están contemplados a cobertura de todos os servizos".
Para o alcalde "este é un presuposto realista e contido. Moitas veces nas partidas de ingresos non somos demasiado optimistas porque nunca se sabe cómo vai acabar o ano. Queremos ser prudentes á hora de confeccionar os orzamentos e que logo ao longo de ano dea cabida para toda a inversión que temos previsto para levar adiante".
Imposto de bens inmobles
Nas comisións informativas que se celebrarán mañá, previas ao pleno extraordinario do vindeiro martes, "outro dos puntos que trataremos é levar adiante aquilo que ten que ver co IBI, co que ten que ver co imposto de bens inmobles, co que ten que ver coa contribución urbana, que é a máis importante. Se ben víamos nos medios de comunicación que hai uns días o goberno do Estado di que hai unha serie de concellos, entre os que está Ribadeo, que teñen unha ponencia de valores moi antiga, como é a deste concello que é de finais dos anos 80, e que nestes concellos lles aplicaría unha suba do valor catastral do 8%, nosoutros como xa dixemos que non queremos subir o IBI… para o ano 2017 imos levar unha baixa no tipo que se vai aplicar a ese valor catastral, da mesma equivalencia, é dicir do 8%".
Suárez Barcia subliñou que "deste xeito se neste ano 2016 estaba no 0,73, agora aplicando a baixada equivalente baixará o 0,67, polo tanto na multiplicación das dúas variables o resultado será que para o ano 2017 non vai haber o incremento do 8% que pretendía o goberno do Estado. Sabemos que isto ao ingresar menos tamén reduce as posibilidades de inversión, pero cremos que non é o momento adecuado para subir o IBI, e preferimos axustar doutra maneira outros servizos e inversións. Pero nos orzamentos municipais para o ano 2017 confiamos en levar adiante unha boa parte de actuacións e de inversións, sen prexuízo de que outras administracións como a Xunta de Galicia, á que ultimamente non se lle ve moito por aquí desgraciadamente, poida botarnos unha mao coas súas inversións tan necesarias e demandadas como a residencia, os saneamentos, abastecementos de auga, pavimentación de rúas, o remozado do xulgado de paz, etc… Pero o camiño é longo e seguramente poidamos ter momentos de encontro, sen dúbida".

20161214

Foto natural, propaganda... artificial?

Que máis natural que dúas persoas calzándose? Aínda que sexa patíns de xeo. A foto acompaña á penúltima nova deste Nadal, coa apertura da pista de xeo ACISA-Concello de Ribadeo:
Ribadeo contará este Nadal, por segundo ano consecutivo, con pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco do 17 de decembro ao 8 de xaneiro. É moito máis grande que a de 2015 e trátase da única destas características da que se poderá gozar na provincia de Lugo, segundo subliñaron hoxe o alcalde e o presidente de Acisa.
O Concello e ACISA traen por segundo ano consecutivo a Ribadeo unha pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco do 17 de decembro ao 8 de xaneiro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas. As persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados a Acisa terán un desconto dun 50% no prezo da entrada, que é de 6 euros. O alcalde, Fernando Suárez, salientou na presentación celebrada esta mañá, que este Nadal a pista é de maior tamaño que a do ano pasado e que é a única destas características da que se poderá gozar na provincia de Lugo. O presidente de Acisa, David Martínez, contou que a partir de mañá, martes, xa se poden obter os tíckets de desconto por compras superiores a 20 euros nos establecementos asociados.
O alcalde declarou que "vendo o notable éxito que tivo o ano pasado, queremos neste ano volver a ter esta nova iniciativa da man de Acisa e o Concello para poñer en marcha esta pista de xeo natural este Nadal. Hai que ter en conta que isto facémolo para que a xente o pase ben, para que os nenos e os non tan nenos teñan un lugar de ocio durante todos estes días. Pero seríamos inxenuos se non dixéramos que o que realmente queremos é que a xente veña mercar a Ribadeo. De aí que poñamos esta pista de xeo natural coa intención de que se un compra aquí sendo de Ribadeo ou de fora, terá un desconto dun 50% no custo do tícket. O prezo da entrada é 6 euros, pero si se compra en Ribadeo, nos establecementos asociados de Acisa, o vale desconto suporá o 50%".
Suárez Barcia dixo que "a partir deste vindeiro sábado, 17 de decembro, e ata o 8 de xaneiro de maneira ininterrompida estará esta pista de xeo natural en Ribadeo. Ten novidades con respecto ao ano pasado e a máis importante é o tamaño. É moito máis grande que o ano anterior, xa que a pista que o ano pasado era duns 200 metros cadrados, este ano leva case o 60% máis de superficie chegando aos 320 metros cadrados, que van facer as delicias de todo o que veña patinar".
Fernando Suárez asegurou que "buscamos a autofinanciamento, a autosustentabilidade de todo este proxecto, pero se non é así e ao final acabamos tendo unha perda para o Concello, non será tal perda porque suporá que moita xente veña a Ribadeo, que moita xente compre en Ribadeo e que moita xente lle dea vida a este sector que temos importante en Ribadeo, como é o comercio local".
O alcalde ribadense subliñou que "este ano temos un reto e case considerámonos un centro moi atractivo en moitos quilómetros á redonda. O ano pasado tivemos que competir cunha moi importante que había en Lugo e este ano en toda a provincia luguesa soamente está Ribadeo con pista de xeo natural, porque esta non é unha pista de xeo artificial. Competimos con outras cidades, pero que están ben distantes a nós".
Suárez Barcia convida "a todos aqueles, non soamente do concello senón do Occidente de Asturias, da Mariña de Lugo, incluso da provincia de Lugo e doutras provincias, que estou convencido de que van vir durante estes días de Nadal a facer as súas compras aquí a Ribadeo".
Pola súa banda o presidente de ACISA, David Martínez, cre que "é unha boa oportunidade patinar durante 50 minutos por tres euros facendo as compras en Ribadeo. Ribadeo ten de todo, pódese vir comer aquí, vir de compras e logo gozar desta pista, que é a máis importante de toda a provincia, eu creo que é unha delicia".
David Martínez lembrou que "xa a partir de mañá, martes, pódense facer as compras nos establecementos asociados para entrar na pista de xeo á metade de prezo". Por compras superiores a 20 euros farase entrega dun vale do 50% de desconto na entrada á pista de xeo. Os vales deberán ir selados na parte posterior polo establecemento que o entregue e os clientes deberán presentalos na taquilla grapados ao tícket de compra.
O presidente de Acisa dixo que "aqueles establecementos que non sexan asociados e queiran dispoñer destes vales de desconto para a pista de xeo, poden achegarse ao longo dos vindeiros días polas nosas oficinas e facerse socios de Acisa. Dese xeito poderán participar nesta interesante campaña para Ribadeo, o seu comercio e a súa hostalería".
O Concello procede estes días a ultimar a contratación das 4 persoas que traballarán a xornada completa na pista de xeo ao longo deste Nadal. 
O cartel:
E a montaxe:
Nota posterior: o 16/12 aparece outra nota de prensa do concello con outra foto tamén co alcalde e o Presidente de ACISA a conto de que o 17/12 se abre a pista.

20161212

O fume do tren veu para quedarse en Ribadeo

Onte pechou a exposición de A Chocolateira, despois de proxectar por segunda vez o documental 'A chocolateira', esta vez no cine-teatro. A película documental é a cuarta vez que se proxecta en Ribadeo e segue causando impacto tanto pola lembranza e pola xente que sae como polo asombro que causa o impacto que tivo na comarca un proxecto con base extractiva e industrial que vertebrou toda a zona e deu posibilidades de comunicación a unha poboación que antes estaba maioritariamente illada, a mercede de camiños de vacas.
Deixo o vídeo xusto embaixo.
Mais unha cousa é o rememorar a chocolateira (nome que fai lembrar as últimas tempadas, con máquinas e vías que só eran unha sombra da perfección e mantemento que tiveron nos seus bos momentos), e outra, o taller-escola que serviu para este impulso que se manifestou sobre todo na semana pasada pero que aínda non rematou.
Más aló das 3000 persoas que pasaron pola exposición, da centea ben longa que fixeron a ruta da vía verde, das que viron a película, das que participaron na longavía tecida nas 'vías solidarias', enchendo Ribadeo non só dun camiño de lá, senón dunha participación colectiva a favor da sociedade contra o cancro, etc, hai unha escea que pon en valor todo o traballo realizado, o recoñecemento revelado e a ilusión compartida polo grupo. Trátase do momento no que Ángel Prieto Souto chama ó alcalde de Ribadeo, na súa intervención na inauguración, para un compromiso de recuperación. Pódese ver no vídeo seguinte, cara ó final:
E é que a exposición, coa recolección de obras xa expostas en diferentes lugares, pero nonca xuntas, maquetas, traballos académicos e de divulgación, e obras artísticas, mesmo realizadas para esta exposición, foi froito dun traballo de moitas horas do grupo de 'A Chocolateira', que só foi posible grazas a unha unión favorecida pola realización dunha formación que se colleu con ilusión. Ilusión dun grupo que permitiu non só o desenvolvemento de moitas horas de traballo, senón unión e compenetración en equipo, e recoñecemento. Recoñecemento pola súa parte que non só foi do valor e historia do ferrocarril mineiro Ribadeo-Vilaoudriz, senón e sobre todo, recoñecemento do valor das persoas participantes.
E esta historia parece que voltou para quedarse. Arredor da festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros que foron a cabeza de ponde do ferrocarril, está previsto que o próximo ano se potencie outra marcha para recorrer a vía verde, e, en Ribadeo, antes, un paseo de recoñecemento das rúas e zonas que foron orixinariamente vias de ferrocarril.
Certo que que o primeiro túnel, o do Costal, estea cun derrumbe, non axuda, senón dificulta a recuperación, limitando o acceso á ponte de Rego da Viña, a que se ve nas fotos como estrutura máis maxestuosa do recorrido, e acceso á súa vez ó segundo túnel, o chamado tamén de Rego da Viña, que xa sae á beira da ría e que ten a súa continuidade nunha zona que só habería que desbrozar.
Por suposto, para completar o recorrido hai dificultades diversas, dende zonas que están ocupadas pola estrada a outras que son plantación de eucaliptus particulares. Pero moita parte sería recuperable dun xeito doado. E nesas estamos: na súa recuperación.
Mentres, seguiremos tecendo vías solidarias.

20161209

Novas de Ribadeo

Ribadeo está en festas. Festa contínua, parece. Onte inaugurouse o mercado de Nadal, e xa temos nota de prensa da visita do alcalde, xunto co aviso dun sorprendente (din) sistema de iluminación no Nadal. O título da nota está en consoancia coa 'festa contínua': a 8 de decembro, chega o Nadal a Ribadeo.
E, no mercado, tampouco este ano haberá carpa, senón casetas: 25. O éxito de visitantes, dende o primeiro día
Encadre do mercado

Aínda que non resalte, o luminoso está anunciando o mercado de Nadal...



O mercado como éxito.


O alcalde visitando o mercado, a foto da nota de prensa do concello.

A máis, hoxe, ata podemos aprender a aforrar no gasto da luz (non na parte fixa, a que se leva as ganancias tamén fixas para as elećtricas) hoxe ás 12 do mediodía (para quen non teña que traballar, claro).
O cartel do merdado de Nadal en Ribadeo en 2009, recollido con algunha foto en 'en perspectiva'

O mercado, no ano 2006 (collido de 'A identidade de Ribadeo')
O mercado, no ano 2008 (collido de 'cinco imaxes, un só Ribadeo')

20161208

NOTA DE PRENSA DO COLECTIVO POR NUESTRO FARO enviada sobre o risco de perder a calificación de Zona ZEPA da Ría de Ribadeo e petición de información sobre subvencións oficiais ó proxecto de hotel

© Jose Mario Pires / , mediante a Wikimedia Commons (CC BY-SA 4.0)
Nota de prensa enviada sobre o risco de perder a calificación de Zona ZEPA da Ría de Ribadeo e petición de información sobre subvencións oficiais ó proxecto de hotel.
    Na asamblea celebrada o día sete de decembro tomouse o acordó de exercer o dereito á información ambiental dacordo co artigo 2.3 da Lei 27/2006 de 18 de xullo pola que se regulan os dereitos de acceso á información, participación pública e acceso á xustiza en materia de medio ambiente e as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE, seguindo o asesoramentos dos técnicos da SEO-BIRD LIFE.
   Concretamente o dereito á información ambental que acolle tanto a colectivos como a particulares de todo o ámeto da UE exercerase nos dous puntos seguintes:
   1.Diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia solícitase se manifeste por escrito se existe ou non informe técnico de non afección á Rede Natura 2000 do conxunto do proxecto, incluindo os impactos engadidos dos diferentes compoñentes do mesmo e das actividades derivadas da sua posta en funcionamento. Sulíñase o impacto sobre as aves migratorias, para as cais algúns elementos orográficos, como é a Illa Pancha, son puntos de referencia para a chegada á ría como zona de paso ou destino definitivo, debendo suliñarse que nos censos de aves realizados por diversas entidades nos últimos 15 anos apreciase unha disminución progresiva dalgunhas das especies mais significativas o que podería significar a perda da cualificación de Zona de Especial protección de Aves para a Ría de Ribadeo en caso de manterse esta tendencia, dándose o caso de que proxectos como o da Illa Pancha poden contribuir a este efecto migratorio negativo. Sulíñase tamén que no informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza recoñecese expresamente que non recibiu o expediente completo e so se informa sobre a obra interior do faro que obviamente no é unha custión da sua competencia.
   2.Diante da administración de Puertos del Estado solicítase información oficial sobre a posible existencia de algunha subvención para o proxecto devandito tanta do seu departamento como de outros da administración española ou europea, suliñandose que este tipo de información tamén é un dereito recoñecido expresamente na normativa citada e que tanto veciños, particulares, entidades ou colectivos poden acollerse a dito dereito se o desexan.
   Finalmente desde o noso colectivo entendemos que o propio Concello de Ribadeo debera ser o promotor destas solicitudes formais de información motivada para xestionar os expedientes dacordo cos intereses da colectividade e non dun empresa particular que propende á privatización da Illa Pancha.
   Ribadeo, 8 Decembro 2016

20161207

Contrastes: luces e sombras nos faros

Hai xa máis dun ano o concello de Felanitx mobilizábase para defender o seu faro de Porto Colom, como aparece no Diario de Mallorca o 20150624, 'La defensa del faro público toma impulso'. Pouco despois sabíase que o faro de Sant Antoni, en Xàbia, despois de ter o concello encabezado a protesta social, seguiría a ter funcións comunitarias. Dous faros luminosos, como se pode ver nas fotos, salvados (ou en vías de selo) para a comunidade.
Faro de Porto Colom, en Felanitx. De Kai Alpers(KaiHB), CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=2092819
Por aquelas datas xa tiña comezado en Ribadeo a plataforma 'Por Nuestro faro' a súa marcha. Sen que as institucións se unan ó movemento, vai sacando información, datos, e cousas mal feitas, contra a xente... o faro non quedará sen luz, non (ao menos, iso esperamos), mais o pago da luz será mediante un contrato dunha entidade privada que lle pasará cada seis meses, unha factura a Puertos. Hai uns días, unha entrada no facebook cunha foto da illa Pancha cos dous faros, e unha lenda: 'que sempre nos guíe a luz' (en castelán)  fíxome lembrar ese dato: o pago da luz do faro, por contrato, será feito por unha entidade privada. En realidade, o que imaxinei foi un comentario, que non cheguei a facer porque sen unha explicación, poidera ser mal entendido: 'mentras pague a luz'. E é que, entre as contradicións do que se está a facer no faro coas normas e lexislacións, a máis das cuestións medioambientais e o salto por riba das mesmas do que hai testemuña gráfica, o faro sempre foi concibido como algo de todos, común, servido por e para a comunidade. Un principio que se perde na actual situación propicidada polo sr. Llorca, Presidente de Puertos del estado, que convirte a iniciativa 'Faros de España' nunha especie de aposta persoal, marca do seu paso pola institución, e que 'debe ser un éxito si ou si caia quen caia'. E como non está a ter éxito nin polo número nin polos resultados, que se vexa un emblema... e tocoulle á Pancha.
E, para lembrar como era hai anos, abondos, cando aínda tiña o caseto á entrada da illa, a finais de maio foi publicada unha entrada en Faros de Galicia que rescata unha foto tomada dende o comezo da ponte vella á illa xunto con varias máis de Ribadeo, como di, mercadas en Foto Sáez (Foto Miguel) e na librería Cervantes (que eu xa non lembro)
--
Mentres, hai xa dous anos que en Inmodiario (.com) unha nova titulaba 'Los hoteles con encanto en los faros no avanzan'. Alí aparecía que os concellos deberían dar o visto bó para a concesión. Ou que a taxa fixa sería do 8% do valor do terreo (no caso da illa Pancha, 15000 € + ive, saen 190 000 €, redondeando, os 500 m2 de concesión). E fala dos usos daquelas dos faros: 28, museos ou semellantes; 12, emprego cultural; 5, investigación e asimilados; 7 cafeterías e 1, acuario.

20161206

Un paseo lembrando o ferrocarril mineiro

Mentras se van desenvolvendo outros actos de #AChocolateira, o domingo foi a andanza pola vía verde do ferrocarril mineiro, o tramo recuperado para o desfrute entre Santiso de Abres e A Pontenova.
É unha ruta que teño feito moitas veces, a pé e en bicicleta, mais esta vez tivo aspectos diferenciais.

Comezando a ruta, por A World to Travel
Chega o autobús á saída había máis xente que chegou por outros medios que a que ía no autobús. De feito, o espazo esgotouse varios días antes, aínda que non abondos como para calcular que se enchería relativamente outro autobús. Alí estaba a alcaldesa de Santiso, Goretti Quintana (PP) repartindo ela soa, folletos turísticos da ruta e do concello. Durante perto dunha hora, co seu chaleco reflectante... non é a imaxe típica dun alcalde do PP, ao menos para algunha xente. No autobús, varias concelleiras do equipo de goberno de Ribadeo (BNG), e ó chegar, Darío Campos (alcalde de A Pontenova) e Mayra García (Trabada), ambos do PSOE.
Houbo quen chegou tarde á saída, mais ninguén se quedou rezagado, mesmo familias con nenos en carriño. quizais algo de influenza tívoa o chocolate de Moreno á chegada, cociñado por voluntarios, igual que o resto da organización, sumándose á xente de A Chocolateira familiares e amigos, xente do club Albións ou protección civil de A Pontenova para que todo funcionase. E funcionou. A foto de A World to Travel que trataba de aglutinar a tódolos participantes, pero que non chegou a facelo porque unha carpa ocupaba a meirande parte da praza dos fornos a máis da xente que xa marchara amosa preto de 100 participantes duns 130-140 estimados (a que se amosa está alixeirada de peso para a súa carga máis rápida).
No medio, a charla podía descobrir ós viandantes que Santiso estivo a piques de ter unha fábrica de óptica e por que non a tivo, ou abandoar uns metros o camiño para observar unha escala de salmóns, a mais, por suposto, de observar a variedade de vexetación, descobrer os nichos dos túneles e o seu uso, distinguir entre as centrais do río, as diferenzas entre os tramos afectados por unha presa e os que non... ou moitas outras cousas, do ferrocarril e da súa proximidade.

20161204

Comezou o chu-chu da chocolateira

Nun acto de asistencia multitudinaria para o local onde se atopa a exposición da chocolateira, a antiga oficina de turismo do parque, comezou a apertura dunha mostra que a bo seguro levará a moitos visitantes á mesma. Deixo algunhas imaxes de aspectos da exposición e as verbas de Ángel Prieto Souto, que acompañaron a inauguración aportándolle un plus de coñecemento e reflexión. Non pretendo con estas imaxes máis que facer un resume, do que escapan moitos puntos de cartelería, arte (pintura e escultura), textos, gráficas, fotos, ganchillo (hai abondo máis de medio quilómetro de cadros de 25x25 cm2 feitos en lá, simbolizando unha vía e que serán unidos para confeccionar mantas que agasallar a organizacións solidarias), actividades externas como o completar entradas sobre o tema na galipedia, outras actividades realizadas polo grupo (a ruta do ferrocarril, realizada o domingo por abondo máis de cen participantes e que foi todo un éxito de organización, rematando mesmo cun chocolate na praza dos fornos de A Pontenova e un agasallo para os máis pequenos) e sobre todo, a ilusión e traballo palpables no momento da exposición polo equipo e colaboradores.
Momento da actuación

Momento da presentación

Cadro representando o cargadoiro

Cadro alegórico á liña de ferrocarril

Cadros representando infrastruturas da liña.

Material gráfico e textos son incluídos na exposición
Recorrido por puntos da exposición:






 




 Algunhas imaxes danidea dos debuxos feitos polos pequenos de primaria, de diversos cursos, no que s epode chamar 'A Chocolateira dos pequenos':













 As membros de A Chocolateira:

--
Nota posterior: a máis da inauguración do sábado, entre domingo e luns tiñan pasado pola exposición máis de seiscentas persoas.
Actualización: o xoves pola tarde pasaron máis de 350 persoas pola exposición, co que nese momento ían unhas 2000 persoas visitantes.