20150529

Faro, números, posibilidades... hotel?

Por partes. Hai canto tempo que non ves 'en vivo e en directo' a illa Pancha? É importante para ter conciencia que está aí, que é real, algo máis ca unha abstracción que manexar nas redes sociais como un xogo de rol.
Punto seguinte: Embaixo, unha toma do SIGPAC, un servizo oficial de cartografía española na rede. A toma é en marea baixa e vense perfectamente os algo máis de 170 m2 [Nota posterior 1: medidos de xeito aproximado polo sigpac, unha consulta posterior apuntan a unha superficie tapada polo  aleiro de 160 m2 , de planta interior ós muros uns 120 m2 , dos que habería que descontar os muros interiores da torre para ter conta do espazo libre,m e ó que habería que sumar un almacén subterráneo de 27 m2] do edificio principal da illa, o que se quere converter en hotel, e máis ó noroeste o faro actual, e fóra da illa, ó suroeste, o templete construído pola escola de emprego. A ponte que pecha o acceso á illa tamén é perfectamente visible, aínda que o seu peche pola parte do continente intúese máis ca verse.

Non está florido, a época da foto non corresponde coa época das flores na illa invadida pola unlla de gato.
A seguinte toma, tamén do SIGPAC, da algo máis de información: A illa está protexida por formar parte da Rede Natura 2000, en zona LIC (LIC río Eo, e próximo o LIC As Catedrais) e tamén en ZEPA (Zona ZEPA Ribadeo).
Outra cousa: Como polo momento o concello cala sobre o informe realizado, pídolle que se faga público, e con el, a postura do concello sobre o tema. O concello, que somos todos, inclúe o goberno, si, pero tamén a oposición. Por algún detalle, parece que ao menos parte da oposición estaría en contra do hotel no faro, pero 'a cousa non está clara', polo que tamén a oposición debera facer pública a súa postura. Vese a Ribadeo en Común participando nalgún dos lugares de apoio á protesta na rede; é de supoñer que tamén teremos novas súas. A AVV O Tesón aínda non emitiu ningún comunicado, pero a súa posición podo dicir que é contraria tamén.
A cuestión dos apoios pasa por unha constatación numérica. Esta mañá, na rede, o grupo (cerrado) 'Por nuestro faro' ten 339 membros. A comunidade 'Illa Pancha non se toca. O noso faro non é un resort', 2716. A petición de sinaturas en Avaaz vai por 895. E hai unha petición xenérica contra a conversión dos faros en hoteis, así como houbo xa algunha manifestación noutros lugares contra o uso hostaleiro dos faros (ver El Mundo/Baleares do 28 de febreiro deste ano, "Convocan una movilización contra la privatización de los faros baleares"). É certo que a implicación de darlle a un 'gústame' na rede, ou a pertenencia a un grupo en Facebook non leva consigo moito, pero pensando no que leva consigo un voto como os que puidemos emitir aínda non hai unha semana, coido que poden compararse. O partido que obtivo a maioría absoluta dos postos no concello recaudou 2887, cifra semellante ó apoio manifestado ata agora polo grupo que se enfronta á conversión do faro en hotel. Polo momento, algo máis que calquera das cifras expostas antes, pero xa con seguridade, menos que as persoas implicadas en algunha das manifestacións anteriores. E aínda que máis lento, a cifra segue a medrar.
Quizais, á vista do anterior, a convocatoria dunha manifestación polas rúas de Ribadeo está próxima, máis aínda despois de ter diversos medios para difundir a información, tanto xornalísticos (por exemplo, a nivel galego, praza.gal con "Illa Pancha: Outro espazo público reconvertido para o lucro privado") como televisivos (ver en lasexta.com "La privatización de los faros, un fracaso del gobierno?", aínda que, como unha das persoas que sae, co dito por min cortado e fóra de contexto, podo dicir que a presentación é tendenciosa).
Posibilidades? Moitas. Só unha pasa por convertirse en hotel. E coido que non a mellor, implicando que algo público sirva a intereses privados e non ó público. É algo pequeno fronte a outras cesións do público que están a facer moitas camarillas políticas. Algo máis e que nos toca algo máis preto.
Glosando algo que dixen para a televisión e non foi publicado, paréceme mal que deixe de ser público,paréceme mal o método seguido, sen comunicación clara nin transparente, e paréceme mal a falta de participación do pobo nas decisións que nos atinxen. Neste sentido, un caso máis.
#‎IllaPanchaNonSeToca‬ ‪#‎ONosoFaroNonÉUnResort‬
[Nota posterior 2: Aínda que non é o tema a discusión sobre o impacto, senón sobre a cesión dun ben público máis -vi á miña cabeza por exemplo o caso da cafetería na praia das catedrais-, nunha primeira conversa co promotor, queda axustado segundo as súas verbas, que o faro non vai cambiar a súa estrutura interna, e que, de calquera xeito, unha oposición debera ter nado hai cousa dun ano, coa publicación da solicitude no BOE -http://www.boe.es/boe/dias/2014/05/30/pdfs/BOE-B-2014-19304.pdf-, e non agora.]
__
Anteriores:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/post-resaca-electoral-voltando.html
http://ribadeando.blogspot.com/2014/08/pensamentos-lixeiros-de-veran-un-faro.html

20150528

Xa votaches. Agora témoste vixiado

É curioso. A información asimétrica. Tenta procurar algo de información das administracións en España e verás os muros cos que te atopas. Dende cousas tan nimias en aparencia como o coñecer que vai haber pleno e que se vai tratar ata a información sobre o hotel da illa Pancha ata outras de abondo máis peso que xa nin te proporás coñecer. En relación ós dous exemplos, para o primeiro, anos despois de pedir neste blog que se faga público en internet -aquí, a última vez que o lembrei-, terás que ir ó taboleiro de anuncios do concello e mergullarte entre papeis diversos de xeito periódico, pero non cada moito tempo. Para o segundo, ir ó concello, ver o documento -nas mesmas condicións que antes, sen saber ademais en principio que ten que haber algo semellante alí- e logo largarte a mirar a información a Ferrol.
Iso, da información que tentamos obter nós.
De nós, non é que tenten obter información, senón que a obteñen -e se é o caso, a exixen de xeito repetido-. De xeito xenérico, a min, como a outra moita xente, téñenme vixiado literalmente dende que saio da casa, unha empresa privada, da que pode recabar información a administración. As fotos embaixo non son de agora, senón de algo que leva ocorrendo xa hai tempo, a conta da protección da antiga Caixa Galicia. Algo que leva a vixiancia privada 24/24 dun espazo público:
Vixiancia en Abanca-Ribadeo

Vixiancia en Abanca-Ribadeo
E o anterior é só un detalle. Calquera que pase por aí ou tome un viño enfronte tamén estará no oollo da cámara, outros poderán ter esa información que nin a mesma persoa que é recollida poderá ter; moitas veces, nin saberá que está sendo recollida. Ademais, se se me ocorre conectar o meu teléfono intelixente co xeoposicionamento, poderei saber a miña posición, pero, quen dubida que se poda conectar e extraer datos de xeito remoto sobre a miña posición?
Hai algún tempo, xusto antes da campaña electoral, saíu a nova de que 'veciños e policías' pedían máis cámaras para rematar co vandalismo. Coido que xa hai demasiadas, e que quen se propoña facer mal terá xeito abondo de saltarse as limitacións, mentres a consecuencia dese maior número de cámaras, a xeralidade de persoas teremos máis sobre nós o gran irmán.
A cousa viña no xornal o 5 de maio a conto do estado do ascensor da Atalaia. Dende aquela recollín varias entradas en diversas web sobre o tema. Un tema que parece que non comprendemos o alcance que ten para as nosas vidas no futuro. Algo que parece nimio pero que está relacionado coa perda de liberdade individual e o control sobre tanto da administración como de (e a traverso de) determinadas empresas.
Xa votaches? Pois vaite, que te temos vixiado/controlado...
Un par de lugares por se te queres informar:
Reflectindo sobre a cibervixiancia.
A campaña de Amnistía Internacional contra a vixiancia masiva.

20150526

Post resaca electoral. Voltando á normalidade

O luns, despois dunha resaca, é un día diferente. Neses casos, a semana comeza a normalizarse o martes.
Algo así pasa coas eleccións. Despois dunha fartura, luns pasa rápido e aínda sobrevoando os resultados. É máis tarde, a partir do martes, cando se baixa á terra e se vai un pouco máis pausado.
No caso de Ribadeo, o martes comezou guerreiro. Agora mesmo hai 20 horas -boa parte, noite- que se creou unha comunidade en facebook: "Illa Pancha non se toca. O noso Faro non é un resort." 20 horas, 1357 'gústame'. Xa sei que os 'gústame' en Facebook son relativos, que non custan nada, pero 1357 en 20 horas en algo relacionado con Ribadeo, 10 000 habitantes, é cousa de 1 cada minuto e algo nada desprezable para a conversión do faro en hotel. Xusto despois dunha eleccións que deron a maioría absoluta longa a un partido que estando no goberno municipal, tivo algo que ver co tema, alomenos a traverso dun preceptivo informe do concello que, segundo a axencia de novas EFE, foi emitido. E, a falta de resposta pública por parte do concello fronte á concesión da Illa Pancha, a suposición (o que nos queda fronte á desinformación) é que non foi desfavorable. [máis sobre o tema da conversión do faro en hotel, con ligazóns]
Foto do perfil da comunidade en Facebook: a Illa Pancha non é accesible ó público

Información que polo contrario, si sorprende o que se prodiga noutros casos. Como cando hoxe aparece nos xornais, e tamén na web do concello, unha nota institucional (do concello) de agradecemento polas eleccións. Agradecemento que vai asinado polo BNG como maioritario e beneficiado desas eleccións. A primeira cita do alcalde na nota comeza: "quero expresar a miña satisfacción e a do meu grupo de goberno, dos homes e mulleres do BNG que nos presentamos a estas eleccións". A nota tamén foi emitida onte, pero os resultados, como no caso anterior, vense hoxe. A identificación entre partido e goberno a nivel institucional sei que é unha práctica común nestes lares. Que se contaxiara o BNG en Ribadeo, pode ser común, pero non é bo. E aquí, si que houbo comunicación e non desinformación. Polo demais, esperemos que a maioría absoluta sexa para ben... de todo Ribadeo.
--
Nota: os datos deste artigo deron lugar á publicación no xornal El Progreso-A Mariña, ó día seguinte, dunha nova sobre o tema do farohotel.

20150525

Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (IV Rematando cos datos)

Para rematar coa base de datos (pode que siga empregando algún dato derivado máis, pero de xeito esporádico), deixo dúas gráficas comparativas 2011-2015 por mesas, vila e campo e total:
Coido que o anterior é abondo ilustrativo: O BNG aumentou as porcentaxes de votos tanto na vila como no campo, de xeito semellante, mantendo a avantaxe as porcentaxes do campo. O PP, en cambio, que controlaba máis a Vila, perdendo porcentaxes en ambos lugares, ten xa máis votos relativamente no campo. O PSOE diminúe en votos de xeito proporcional en ambas, e ReC e sobre todo, ReC, son fenómenos urbanos.
A seguinte táboa desgrana os mesmos datos por mesas electorais. Saeu un pouco máis complicada a súa interpretación, pero vese claramente onde están os principais viveiros de votos dos partidos. O BNG chega a preto do 70% en Covelas no 2015, aumentando un pouco o dato anterior, e aproxímase tamén en Vilaframil, onde sube máis. O PP, segundo partido en votos, é máis regular no 2015, minimizando á baixa as diferencias de 2011.
--
Resultados eleccións municipais
Lista de concelleiros
Histórico
Rematando cos datos

Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (III Histórico)

No que vai de século:

Onde se pode observar ó tempo unha subida de votos constante do BNG, ó tempo que, a excepción das primeiras elección do século, baixa o número de votos emitidos a partidos, isto é, a participación.
E no que vai de democracia, presentado en gráfica e en táboa, primeiro por número de concelleiros, logo por número de votos:
 Obsérvase as pulsións entre os tres partidos tradicionais dende as segundas eleccións en democracia.
Creo que os seguintes dous gráficos son abondo explícitos por si mesmos, coa maioría absoluta actual do BNG non só en cadeiras, senón en votos a grupos.

Coido que pode ser máis gráfico presentar os resultados en termos relativos:

 .. continuará.

Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (II Lista de concelleiros)

Despois dos datos dos resultados das eleccións municipais en Ribadeo 2015, a lista de concelleiros:

1.BNG-Fernando Suárez Barcia
2.BNG-Mari Luz Álvarez Lastra
3.PP-Jesús López Penabad
4.BNG-Vicente Castro Reigosa
5.BNG-Ana María Martínez Fernández
6.PP-María Rosina Tosar López
7.BNG-Xosé Farruco Graña
8.PSOE-Roberto Ramos Piñeiro
9.BNG-Sonia Meilán Vizoso
10.BNG-David Ribas Peña
11.C's- Marta María Saiz García
12.PP-José Juan Estévez Fernández
13.BNG-Paz Ermida Igrexas
14.BNG-Jorge Díaz Freije
15.PP-José María Suárez García
16.BNG-Vanesa Yanes Rivas
17.PSOE-David Fernández Feijoo

Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015

Primeiro, o titular:
O BNG ten maioría absoluta e aínda lle sobra un concelleiro.
Despois, os datos:
Así, pódese ver que o posto costou 285 votos ó PSOE, 289 ó BNG, 300 ó PP e 407 a Ciudadanos.
Tamén se pode ver que ReC quedou a 15 votos de obter escano, que lle restaría ó PSOE, unha vez sobrepasado o límite do 5% de votantes, establecido en 276.
Deixando a parte o caso de ReC, que sería por votos quen obtería o escano nº 18 de ter chegado ó límite de 276 votos, o escano 18 sería acadado polo BNG, e, de ter 16 postos o concello, quen perdería un posto sería o PSOE.
Por outra banda, o PP baixa a un resultado que se libra de ser o peor en escanos da súa historia por ter aumentado o número de cadeiras a 17. E o PSOE, aínda que xa non é o grupo menos votado, segue perdendo votantes.
Pódense comparar estes resultados cos de 2011 en Ribadeando. E irase aumentando os comentarios aquí. Mentres...
O reparto de decisións dos votantes está claro: BNG+PP, 50%; abstención, 1/3.
O reparte de cadeiras, tamén:

Desmenuzando un pouco os resultados, por parroquias (depurados, hai unha mínima diferencia):


De calquera xeito, está claro que mentres o PP mantén a súa porcentaxe fóra da vila, e o BNG incrementa porcentaxes nas mesas rurais, o PSOE e C's perden porcentaxe de xeito ostensible, e ReC convírtese en testimonial no rural.
Haberá tempo de máis interpretacións, pero, que houbera pasado se Ribadeo se mantivera con 13 cadeiras en troques de 17? Pois o seguinte:
É dicir, unha maioría aínda máis abrumadora do BNG no pazo de Ibáñez.
-
Outros:
Resultados eleccións municipais
Lista de concelleiros
Histórico
Rematando cos datos
Eleccións municipais 2015