20150504

Sic transit gloria mundi: Calvo Sotelo

    Onte, 3 de maio, fixo sete anos que finou Leopoldo Calvo-Sotelo.
    Onte, quizais non vin abonda prensa, pero diría que a súa figura esfumouse, a máis das esquelas como a que presento, da comarca do sábado 25 de abril.
    Lembro o que puxen no blog este mismo 4 de maio de 2008. Levaba por título 'A ver se me engano'.
    O pasamento de Calvo Sotelo coincidiu no tempo coa ampliación da Ponte dos Santos. E coa loita cidadá contra a nave macro en Mirasol. Multitude de xente como despedida ou como mirón dun espectáculo. Daquela aínda había quen dicía/apoiaba que non estabamos en crise.
    Anos antes fóralle concedido o Marquesado da Ría de Ribadeo, e como tal saiu na convocatoria de luto oficial nun BOE en domingo e con dous únicos artigos: o luto oficial e a concesión de honores a título póstumo.
    E un ano despois, Ribadeo fixo o seu recoñecemento. Viu Feijoo. E din conta da homenaxe. Ó contrario da homenaxe non feita ós irmáns Moreno.
Agora, anos despois, parece que a sombra se instala. Pasou a homenaxe e pasou o día, pasou a romería.
    En maio tamén cumpren anos os pasamentos de Hernán Naval e José Luis Trashorras. Non sei se terán esquela. No concello segue a cita na sala de plenos sobre que o pobo honra a quen honra ó pobo.
    Descansen en paz.

Leopoldo Calvo Sotelo, no BOE polo marquesado e polas honras.


http://boe.es/boe/dias/2002/06/25/pdfs/A22991-22991.pdf

http://boe.es/boe/dias/2008/05/04/pdfs/A22555-22555.pdf

http://boe.es/boe/dias/2008/05/04/pdfs/A22556-22556.pdf
Referencias a Calvo Sotelo no BOE que o nomean en relación á Ría de Ribadeo.
--
Recollido de Ribadeo historia.

20150502

Previsións

Xa comezou a veda das previsións electorais. Véñense facendo dende hai tempo, aínda que poden variar para adaptarse ós cambios que se van observando. Porque fixen algunha conta, sei que non teñen por que coincidir previsións botando contas con algún criterio con previsións feitas por impresións, aínda que estean relacionadas.
Gardo para min agora as previsións de impresión, e tento facer algunha conta a partir de criterios, simplificando moito as cousas:
0.Parto dos votos recibidos na campaña pasada polas formacións que se presentaron ó concello: BNG 2696 PP 1797 UPRi 734 PSOE 712
1.O aumento de número de formacións que se presentan en Ribadeo, xunto coa situación socioeconómica actual estimo que implicará un aumento de votantes. O censo de 8565 persoas nas pasadas municipais en Ribadeo esencialmente non variará en número. Se nas pasadas municipais resultaron 6197 votos válidos (72,35%), catro puntos porcentuais máis, en números redondos dan 6550 votos válidos.
2.Se ben UPRi reconverteuse en parte en Ciudadanos, cabe esperar que conserve boa parte dos seus votantes e arañe algún mais ó PP por esa reconversión. Poño o 15 % máis, e non fago máis contas para ambos partidos, pois se ben a situación do PP a nivel estatal é a coñecida, en Ribadeo son oposición.
3.O PSOE tocou fondo nas pasadas eleccións, co que, a pesares da situación estatal, non é previsible que baixe moito máis por ese motivo. De calquera xeito, o anterior, xunto co tirón inicial dos cabeza de lista das pasadas eleccións e desta, fan que estime aínda unha pequena baixada: 5%
4.O BNG debera ter un desgaste de goberno. Poño o 15% de transvase, toda conta que hai unha nova formación que aínda que sexa de base complexa, percíbese pola cidadanía de esquerdas.
Co anterior, quedarían uns resultados nas votacións como sigue:
BNG 2292
PP 1527
C's 1004
PSOE 676
ReC 1051

 Por suposto, hai que ter en conta as múltiples variacións posibles, ou o feito de que os seguintes dous concelleiros serían asignados, con moi pouca diferenza, pero nesa orde, por C's, BNG e PSOE, respectivamente. As perdas máis próximas virían por PSOE e, un pouco máis lonxe, por ReC.
En fin, un exercicio de estimación que pode estar profundamente errado... ou non.
Notas posteriores:
1.Ter en conta que queda toda a campaña electoral.
2.Se me deixo levar polo formato de resultados de enquisas e demais, a presentación sería:
BNG 6-7
PP    4
ReC 3-2
C's   2-3
PSOE   2-1
3.Admítense (e sexan benvidas) outras previsións comentando o por que.
--
Nota posterior ... previsións erradas.
--
Sobre as eleccións municipais 2015

20150501

Presentación da candidatura de Ribadeo en Común

Hoxe vai de ReC. Puxen pola mañá a política de Ribadeo a traverso de Radio Burela: e agora engado dous audios e algunha foto do acto de presentación da candidatura no parque hoxe mesmo:
1.http://www.goear.com/listen/19ffd8d/presentacion-candidatura-rec-2015-ribadeo-comun

2.http://www.goear.com/listen/beaaff3/presentacion-candidatura-rec-2015-parte-ii-ribadeo-comun


Engadido:
Ideas para un programa de Ribadeo en Común (20150517):
https://docs.google.com/spreadsheets/d/1DWifM7zw4L2MZCsjeb6O6r2VXCdQuUt9YpzgH8sGX8o/edit?usp=sharing

Ribadeo en Común (ReC)
BNG
PSOE
PP
Ciudadanos
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

A política de Ribadeo a traverso de radio Burela

Onte, o programa Parolando, de radio Burela, abrangueu tamén a Ribadeo. O programa pretendía presentar nas ondas ás novas formacións que se presentan ás municipais 2015 na Mariña. E chamaron a xente de Viveiro, de Alfoz, de Foz e de Ribadeo.
Os de Viveiro non se presentaron, alegando, dixo o presentador, motivos laborais e de tempo. Non sei se en toda a formación non puideron sacar alguén para ir.
Foz Plataforma de Futuro presentouse, ó meu ver, como unha formación nova con xeitos tradicionais, incluído a acaparación de tempo de emisión. No único que estimo marcou diferenzas co partido tradicional foi cando falou de que se propuxeran recoller 500 sinaturas como condición para presentarse, tentando igualarse á recollida de sinaturas por parte das agrupacións de electores. E, en relación a iso, a parte dalgún detalle máis como que nada se sabía antes do tema, cabe sinalar que é abondo diferente recoller sinaturas que recoller avais con copia do DNI, formatear o conxunto e someterse á certificación.
VIA, os veciños independentes de Alfoz, si era unha agrupación de electores. Pero como Alfoz, ó contrario de Ribadeo, baixou algúns habitantes e por iso queda por baixo dos 2000, chegou con 25 avais (de feito, sobraron avais), menos de vinte veces menos que Ribadeo en Común, o que á forza marca diferenzas.
E Ribadeo en Común, ReC.
O cartel en chave cos 17 candidatos en orde, contiguas a primeira e a última da lista indicando igualdade (non aparecen no cartel os suplentes)
Por ReC estiveron na radio Maví e Mario, os dous primeiros candidatos da lista de Ribadeo en Común. Coido que a novidade de ReC quedou patente en cousas como que o presentador seguir falando de 'partidos' ata o final, en troques de contemplar as agrupacións de electores cunha expresión máis amplia, ou que unha pregunta fora sobre o 'e ti máis' cando se fixo fincapé nun método propositivo e non de confrontación, ou que se falara de líderes ou da 'persoa' que se moveu para sacar adiante a constitución do grupo, ou que se falara de como se ía conectar coa cidadanía cando o que se trata é de que a cidadanía conecte de xeito directo coa política...
As fotos amosan tres momentos do longo programa (máis de hora e media, aínda que moito menos de media hora falando os representantes de ReC) que coido poden se ilustrativos: en dous deles, o presentador mira para a súa esquerda: están falando representantes de Foz.
Na última foto, a traverso da fiestra do estudo de gravación, pretendo ter un efecto semellante ó da transmisión: tomar conciencia da distancia para enxuiciar. E, nese sentido, enxuiciando, coido que para ser a primeira vez que se presenta para ReC unha situación así, en directo, o resultado foi positivo. Hoxe, venres 1º de maio, un día simbólico, é a presentación da candidatura de ReC, a última candidatura que se presenta das que competirán o 24 de maio en Ribadeo.
Mentras falan os demais, escoitar, tomar nota, pensar

Cando un fala, o outro, atento

Tamén houbo momentos distendidos
Candidaturas Ribadeo 2015:
PP
BNG
PSOE
Ribadeo en Común (ReC)
Ciudadanos
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións


20150429

Ribadeo e a reciclaxe

Non me vou meter co tono de triunfo compartido (ó fin, ten algo de certo que é un triunfo chegar a reciclar cando parece que 'todo vai en contra'). Só reflectir algunha cousa a traverso dos datos subministrados.
O primeiro, 'máis de 4 000 000 kg de lixo' (4 200 000 kg), implica, para unha poboación de 10 000 habitantes, cousa de 1,1 kg de lixo por habitante cada día. Non parece moito, verdade? Se nos fixeran cargar co lixo, dubido moito que despois dun ano ninguén puidera moverse con 400 kg de 'mochila'. Con só dúas semanas, máis de 15 kg, íamos a estar xa subindo polas paredes. Si, xa sei que é o 'ritmo de vida moderna'... que nos está levando a emporcar o planeta, ou sexa, literalmente, como non saibamos parar, á merda.
Recolléronse 197 000 kg de papel. Case 20 kg de papel por ribadense. Daría para empapelarnos a cada un, e mesmo a facer unha estatua de papel maché de cada un de nós. Agora ben, para fabricar 1000 kg de papel, fai falta empregar cousa de 1200 kg de papel usado, pois despois de varias veces xa non é usable para reciclado (e cousa da metade do papel consumido segue sen ser reciclado) ou unhas 17 árbores... o que da que cada un de nós consumimos case unha árbore ó ano para papel. E cada un de nós implica tanto ós recén nados como ós maiores de 90 anos...
En canto ó vidro -cousa moi aparte é que sexa recollido por un camión ás 7 da mañá dun luns despois dunha noite de movida de sábado a domingo, e quen escoitara algunha vez a recollida, sabe que fai ruído-, o recollido é uns 29 kg por habitante e ano. Ou sexa, non moito: algo máis de 1 kg cada dúas semanas. Segundo parece o dobre que a media galega ou española. Iso tómase como algo positivo. E tómase así porque se parte de que o consumo está normalizado, e polo tanto, canto máis se recupere, mellor. E si, a segunda parte é certa, pero non a primeira: dentro das chamadas 3R, a máis importante é a primeira, a redución do consumo, que non se aborda.
Adaptado de "Waste hierarchy" by User:Drstuey, Stannered
 File:Waste-hierarchy.png. Licensed under CC BY-SA 3.0
via Wikimedia Commons
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Waste_hierarchy.svg
Algo polo estilo pasa co plástico: máis de 25 kg/ano e persoa, dobre que a media galega ou estatal. Tampouco se mira neste caso se implica dobre consumo, aínda que se asume que non é así, que o consumo é semellante.
Neste caso, hai algo máis: a porcentaxe de 'impropios' que se bota ó contedor amarelo supera o límite imposto polos recolledores para rebaixar o prezo e considerar que está ben recollido. Estamos nun índice de impropios de 1/3, 1 kg de cada 3 kg. E iso indica que non se fan ben as cousas. Algo que pode chamar a atención cando temos estado no 28 %, abondo mellor indicador. E que indica que estase a facer peor a reciclaxe do plástico que hai uns anos. Descoido? Comprobación de que 'non sirve para nada' ou de que 'como outra xente non o fai, eu tampouco'? Polo momento, o que indica é sinxelamente que facemos as cousas mal e pagamos máis.
Por último, a nota de prensa leva consigo unhas afirmacións ó final que atan unha maior reciclaxe cun maior consumo. É dicir, estase a facer esforzo non en consumir máis axeitado, nin case en en desfacernos mellor do lixo, senón en desfacernos de máis lixo porque producimos máis. Tócanos a todos, e quizais sexa máis doado de organizar, pero eu diría que non é unha política óptima...

20150428

Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais

Remata de saír o último documento ata o momento do plan, segundo referiu a prensa. De calquera xeito, como a súa procura pode resultar non tan clara, aí van as ligazóns correspondentes ó que se pode atopar na web da Xunta:

Nome Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais
Tipoloxías Ordenación do uso do solo 
Código 1692/2015
Expediente 2015AAE1767
Órgano promotor
Órgano substantivo Dirección Xeral de Conservación da Natureza
Data de inicio do período de consulta 14/01/2015
Data de remate do período de consulta 06/03/2015
Estado:  En curso
Foto tomada hai un par de anos nas catedrais.
Máis do tema en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Catedrais

Primavera?

Por esta época, levo posto no blog varios anos algunha entrada de xardíns colgantes. A conto de dúas fotografías que tomei este fin de semana, retomo o tema con algunha variación.
A primeira é a foto dunha casa que da a r/ San Miguel. Mellor dito, ós restos do que era unha casa. Vista por diante ten moi mal aspecto, pero por detrás, é outra cousa. A vexetación oculta os rasgos da decrepitude, e volve a escea exuberante, mesmo un contraste vivificador fronte á amalgama de cores, estilos, alturas... que se observan na proximidade. De calquera xeito, amalgama ou vexetación mediante, o ver un andamio indicando a recuperación nun futuro próximo tamén fai sorrir desexándolle o mellor á boa da casa.
A segunda foto é a do cine Colón, na Praza de Abaixo. A súa vexetación, rebosante pola beira, acubillouse tamén no interior. O certo é que a foto, tomada como pasaxeiro dun coche, así inclinada, pide case clemencia ante unha posible posición horizontal da fachada, ou, polo contrario, un esforzo para retomar a verticalidade co empuxe da vexetación dende atrás....
 No caso da primeira foto, unha recuperación dun espazo para uso privado. No da segunda, unha perda continuada dun espazo adicado ó público. Aínda hai pouco tempo os seus baixos eran empregados para almacenar materiais diversos de xeito temporal por algunha sociedade. Hoxe, coido que non sería conveniente polo risco que leva entrar no edificio. E mesmo a cornixa, que non ten protección no seu baixo para os peóns, é un perigo que lembra o balcón que se desprendu en parte hai non tanto no antigo colexio dos irmáns a poucos metros, na r/Trinidade.
Eu non fun nunca ó Colón, pero aínda queda moita xente en Ribadeo que si pode ter ido. E debe lembrar o subtítulo dunha obra feita ad hoc pola AVVO Tesón hai algúns anos: "Outro Ribadeo foi posible" (para ver o libro Ribadeo no tempo a través das imaxes). Como dicía nunha das entradas na que trataba estes temas, pode que sexa conveniente lembrar o 'Ribadeo que queremos'.

Sobre xardíns colgantes en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com/2007/05/auga-sen-domar-volve-seu-cauce.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/07/fesmo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2009/08/os-xardins-colgantes-de-ribadeo-n.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/03/visitas-insolitas.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/acompasando-o-tempo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/05/a-consecuencias-do-pleno.html
http://ribadeando.blogspot.com/2013/06/natureza-de-retorno-en-ribadeo.html
http://ribadeando.blogspot.com/2014/05/de-leste-oeste-xardins-colgantes-en.html
Presentación sobre as 'Casas caíntes' de Ribadeo: http://ribadeo.webcindario.com/Ribadeo_falls/img0.html