20150427

Eva e Fran, ideas e acción

Pensa como un home de pensamento. Actúa como un home de acción. Na época na que me dixeron o anterior, o de home si tiña unha connotación de masculino, non tanto de humanidade. Pero a idea, pensa como unha persoa de pensamento, actúa como unha persoa de acción, é correcta como mandato, independentemente do sexo.
Así o deberon de entender Eva e Fran, ambos, ribadenses de adopción, pensamento e acción. Coido que queda claro cando decidiron instalarse Amodiño, mesmo aprendendo galego Fran Uroz, que non é da zona, ou ofrecéndose e participando Eva Roca en ReC. Unha 'tenda bar alternativa' quizais non sexa o xeito máis preciso de describir o seu negocio, que coido que tampouco é só negocio. Así o amosan os actos que alí se desenvolven, pasando a ser un lugar de amigos e/ou un centro cultural, dependendo do momento. Integrados no pobo, e con ideas novas a aplicar, ideas estendidas no mundo, pero non por iso menos novas ou minoritarias por estas terras e neste momento.
Pon a prensa que fixeron un 'mercadiño'. Non foi un mercadiño, non se vendían as cousas, agasallábanse. Cousas que non se ían usar, e a outra xente podían facerlle ben, tentaron de que fixeran a súa labor: facer ben.
A nova é así, pero máis aló da nova, do episódico, hai algo máis, unha teoría e unha práctica de vida.
Construíndo. O edicifio no que está o Amodiño, recollido por Google Street View en abril de 2010. Á dereita, a Praza de abaixo, co edificio do Cine Colón ben visible, e aparecendo na beira a Torre dos Moreno. Á esquerda, a r/Amando Pérez

20150426

Despois do 25 de abril

O tempo de onte? Unha mañá que se quedou boa e unha tarde na que se foi perdendo visibilidade.
25 de abril de 1974. Un tempo no que os empresarios que poderían pensar en ofertar o pago do salario en latas de conserva gardaron esas ideas. Tempos para non tanto celebrar onte de xeito puntual, senón lembrar hoxe, e mañá, e pasado... dando continuidade a unha liberdade que se escorre entre as mans se non as cerras deixando oco para ela.
Víctor Villar, Suso López, Lana, Suso Fernández Acevedo ou Mario Penelo, postearon onte cousas que eles tamén recolleron e que agora deixo xuntas aquí para conmemorar, o día despois, que o 25 de abril non é un día, senón que foi un comezo que se nos lembra ano a ano.






E máis. Por exemplo...
O ano pasado, 2014, o 25 de abril mentaba a Miro Casavella...
No 2008 a revolución viña despois da lectura.
No 2010, revolución rimaba con Garzón en España.
2009: Grândola.

20150425

Ríos con vida, por Mark Adkinson

AVV O Tesón
Nota de prensa
Ciclo visións do medio ambiente
Onte venres tivo lugar a terceira e última actividade do ciclo da AVV O Tesón "Visións do medio ambiente dende Ribadeo", a charla de Mark Adkinson sobre “A pesca recreativa como fonte de ingresos sostibles”.
A charla dividiuse en tres partes, unha primeira, a presentación de AEMS Ríos con Vida, na que usou un vídeo para ilustrar a actividade da asociación, pasando logo a poñer en consideración un exemplo da valoración económica do coidado dos ríos e a pesca sen morte nunha zona dos EEUU con certa semellanza con Galicia, para finalmente, nun ambiente totalmente distendido, abranguer diversas cuestións relacionadas co tema e con Galicia, comezando polos métodos e as orientacións precisas de accións.
Quizais, se tiveramos que procurar unha sentencia que resumira a charla, sería algo así como “Moverse a favor do medio ambiente rendibiliza a nosa vida”: Está claro que produce rendementos económicos, e que non deixa de ser un alicerce, pero o motor principal non debe ser ese, senón o propio sentido conservacionista do noso entorno e nós mesmos, e que non é só unha necesidade, senón tamén unha fonte de satisfaccións.
Entre outras cousas, como as diversas accións xudiciais en marcha para que as eléctricas cumpran a lei, ou a intervención para lograr que a lei contemple o medio, cristalizou a posibilidade de 'adoptar un río', o que se estudará potenciar en Ribadeo a traverso dos centros de ensino.

20150423

Un paseo por Ribadeo: ribadeando

Onte non quedei a gusto co resultado do post "Historia e coñecemento de Ribadeo". Por iso, hoxe presento de xeito rápido un pequeno paseo de escasos oitocentos metros e algúns dos moitos comentarios que se poden facer del, coñecemento de Ribadeo e a súa historia, mesmo obviando a maior parte de observacións máis coñecidas. Comezo na entrada do antigo faro de obras públicas e remato no paseo Alfonso Rodríguez Castelao, sobre o porto de Mirasol. Dez minutos que, a paso distendido, mirando, pode converterse en abondo máis.
Collido de Google Maps

O primeiro é o mesmo punto de saída. O faro de Obras Públicas ten unha historia, pero pódese aproveitar para desfrutar do pequeno parque á beira, ver un cantil polo que todo o ano cae auga, ou, de cara ós máis pequenos, facer unha chamada sobre o detalle dunha árbore: as canas novas despois dunha poda poden asombrar a nada que se compare con como estaba a árbore hai tan só uns meses.
Ollando cara á estrada do faro

Non entramos no faro, pero o edificio dunha forma estraña para ser unha casa, hexagonal, chama sempre a atención, máis tendo á outra beira da estrada a casa de Calvo Sotelo, ese señor que foi, por exemplo, presidente do goberno, e que forma parte da historia de España. Pero a formación en estratos que deixou ó descuberto a construción da estrada , cos vericuetos das liñas, os diferentes materiais e potencia de cada estrato, ou sinxelamente o constatar en que lugares medra a vexetación, é unha escola aberta de como está constituído o chan da zona, a máis de bonito.

A hedra contrasta co muro, pode que o máis alto de Ribadeo, que, ó tempo, contrasta sobre os estratos baixos.

A descoidada vexetación do pequeno muro ofrece mostras alternativas de follas e plantas, se non se quere mirar xusto á espalda da foto, ás vistas da ría, porto deportivo, ponte dos Santos...

As escaleiras sempre son chamativas nunha rúa dun pobo, pero despois de baixalas atopámonos o banco das mentiras, hoxe bordeado tanto por un mural adicado ca Calvo Sotelo como polo omnipresente cantil da zona, e, un pouco máis aló, o espazo antano reservado ós mariñeiros case desaparecidos hoxe, e culminado no alto por un hotel, antes lugar de aprendizaxe sobre o mar, que tamén forma parte da historia de Ribadeo. Hoxe o 'banco das mentiras' é tamén un lugar de ambiente nun local próximo.

O contraste da vista ofrece vellas edificacións como a aduana, mostra da puxanza de Ribadeo no comercio noutras épocas e hoxe en venda en internet pretendendo un destino hostaleiro, ou o baluarte da atalaia, cos seus canóns e capela, orixe e destino da arraigada procesión mariñeira, xunto con outras cousas nas que fixarse: o contraste do novo ascensor e a súa propia historia, a construción do paseo marítimo arramblando coas pequenas praias e mesmo coa capacidade do vello porto, os restos deste ou mesmo, o desagüe que segue a existir alí, por non falar do medrar dunha figueira sobre as pedras.

Da outra beira, a ría, ó noso nivel. O antigo espolón do peirao e a súa reconversión de pesqueiro en turístico coa madeira sobre as vellas pedras. Por certo, extraídas de lugares ben visibles cara á saída da ría. A ponte dos Santos cambia a perspectiva que ofrecía dende o miradoiro diante da casa de Calvo Sotelo.

O derrube do cantil da atalaia pode dar pé a comentarios diversos, explicando asemade o muro-empalada que ten diante.

E seguimos co protagonismo do cantil co último corremento de terras, contrastando coa vexetación e deixando a parte superior en voladizo e as casas da parte superior, nun precario equilibrio.

Observar a vexetación pon contrastes ó descuberto...

E o recheo de hai un cuarto de século non estivo sempre aí, claro. Nin as grúas de Gondán, nin o remoce da vella casona das Figueiras... por non falar do tesón de quita e pon coa marea.

Os restos da flota ribadense -Hermanos Naverret, na foto- son doados de observar, lembrando outras flotas máis numerosas, a pesca por parellas de barcos, ou, sinxelamente que se fixo o peirao e se deixou morrer a flota.

Os contrastes da vexetación son máis patentes na primavera:

Un entrante que non era senón praia. O resto da casa que din do bispo, hoxe parque. Só medio século atrás, a vista era abondo diferente. Hoxe, as árbores plantada por nenos da gardería xa se fixeron maiores, e os nenos, tamén.

Os muros tamén florecen.

Unha placa nova: Sargadelos e Castelao, dúas historias diferentes sobre a ría. E unha historia de quita e pon de placas aínda recente, se se quere contar.

O peirao de Mirasol, con patrulleira de aduanas ancorada, sen poder saír (como quen diría, 'esa é outra historia'), a nova embarcación de Gondán para a Guardia Civil, a pequena lancha grande para o porto, pois é a do práctico, a que se move para que os barcos entren e saian. O fondo da ría. O parador, con toda a sua historia, evocando de Franco para acó, salmóns incluídos. E a mercadoría para ser embarcada dende os nosos montes, constituíndo parte dun enclave económico.

... Algo así como 'Ribadeo, moito que ver, desfrutar e saber'.
Máis? Son só oitocentos metros e tanto en número de fotos como en comentarios ou ligazóns, podería ter sido moito máis longo.
Algunha ligazón:
Mirasol.
http://ribadeando.blogspot.com.es/2008/05/ribadeo-e-sa-nave-no-porto-de-mirasol.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/10/paseando-polo-porto-de-mirasol-sobre.html
http://ribadeo-historia.blogspot.com.es/2008/04/dog-da-primeira-nova-sobre-nave-do.html

Historia e coñecemento de Ribadeo

A cousa ven a conta de que coa implantación da LOMCE, nos centros hai algunhas horas dispoñibles para materias que 'cree' o centro. Virían ben programación, ou animación á lectura, pero cando me enterei do tema, pasóuseme pola cabeza "Historia e coñecemento de Ribadeo"... quizais sexa por iso que anda nas redes sociais, enfocado de xeito ben diferente, de "non es de Ribadeo se..."
Sexa ou non conveniente unha asignatura con esa temática con preferencia a outras posibles, tanto a historia da vila e o campo como o propio manexo do que é na actualidade a vila e o concello en conxunto son cousas que se van pasando por vía oral e en boa parte, permanecen ignoradas para moita xente. Máis aló da obra de Paco Lanza, ou das varias edicións de O Tesón sobre Ribadeo, ou dos libros publicados polos IES, ou de autores como José Mª Rodríguez ou Chemi Lombardero ou Emilio Piñeiroa, en xeral ben recibidos pero con pouca difusión, non viría mal un esforzo por xuntar a historia xeral do pobo á formación da xuventude, facendo de paso posible que descubran lugares e vericuetos da poboación e do campo. Coido que nese sentido, no dun verniz, ían os mínimos cadernos 'A Vila' e 'O Campo' editados polo concello en tempos do alcalde Lalo Gutiérrez, e que tiven colgados logo tempo (o mesmo que outras obras que entrarían nos conxuntos citados antes) en 'Publicado en Ribadeo', hoxe desaparecido temporalmente.
Quizais nos nosos tempos, dende a oficina de turismo se podería impulsar o 'turismo interno', ampliando á poboación en xeral a formación de guías que ten feito a nivel reducido, tanto da vila como do litoral, ou, quizais, organizando circuítos para ribadenses. Tanto as AVV "O Tesón" (ó Castro das Grobas, por exemplo) como despois máis veces "A Atalaya" teñen organizado rutas de descubrimento puntuais, así como outros colectivos ou entidades, como o paseo polas construcións do Ribadeo Indiano cando as xornadas sobre a Torre dos Moreno. Pero nunca dun xeito sistemático.
Hai tempo, con outro tipo de transmisión de coñecementos no pobo, e menos mobilidade de habitantes, a transmisión deste tipo de coñecementos facíase de xeito natural, como un xogo, falando, ou de paseo. Hoxe, non. E polo tanto, estase a perder, e, como ven sucedendo na historia, terase que redescubrir. Cando? Xa se verá, se non se soluciona que non se perda esa renovación do coñecemento das novas xeracións.
E, en período preelectoral, non viría máis lembrar que quen esquece a historia está condenado a repetila. Así pois, como anda a historia e coñecemento de Ribadeo nas listas (e nos métodos) electorais?
--
Nota posterior: Por necesidade, estase a cambiar o lugar de 'publicado en Ribadeo', onde ía colocando diversos documentos, tamén da historia de Ribadeo. Irase poñendo nota do material e o novo lugar de publicación en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/publicado%20en%20Ribadeo

20150422

Candidatura completa de Cidadáns, ordeada e con algún comentario

Coa publicación das listas de xeito oficial atópome coa candidatura de Cidadáns en Ribadeo:
CIUDADANOS-PARTIDO DE LA CIUDADANIA (C's)
1. MARTA MARIA SAIZ GARCIA
2. AGUSTIN REIMONDEZ GANCEDO
3. MARIO ALBERTO MEIRA GARCIA
4. MARIA JOSE VILLARINO LEGASPI
5. JESUS PEREZ PRADA
6. DOMINGO EIRAS PEREZ
7. MARIA DEL CARMEN VILLAGARCIA RIO
8. MARIA JULIA SANTAR GONZALEZ
9. MARIA JOSE VILLALBA BELLO
10. ALBERTO IGLESIAS PEREZ
11. LUCIA MARTINEZ RAMOS
12. ALFONSO RODIL VEIGA
13. MARIA JOSEFA PULPEIRO FERNANDEZ
14. ALBERTO GONZALEZ VILLANUEVA
15. SILVIA MONICA SIXTO AGUEIRA
16. LUCIA ARIAS POSADA
17. RONALDO ESCOBAR MARTINEZ
Suplentes
1. AIDA NOEMI AQUINO CABALLERO
2. JUAN CARLOS GAYOSO RODRIGUEZ
O primeiro que me chama a atención é que non apareza co nome de Cidadáns, que crin oficial.
O segundo, algo que xa esperaba, a confluencia da lista con moitos dos antigos UPRi, xunto con xente nova. Nese sentido, obter dous postos sería mellorar os resultados anteriores de UPRi.
O terceiro, que haxa só dous suplentes.
Actualización: nota de prensa.
Declaraciones de la candidata:
Recoñezo que é unha responsabilidade moi grande encabezar esta lista e sei que non será fácil, tamén sei que non teño experiencia na política activa....pero nacín en Ribadeo e vivo en Ribadeo e coñezo as necesidades politicas de Ribadeo e das súas parroquias.
- Somos un equipo de xente sencilla pero sobradamente preparada que reclama SENSATEZ e TRANSPARENCIA na xestión municipal.
- Non busco ser importante...QUERO SER ÚTIL!!!
- Queremoslle a Ribadeo e queremos que Ribadeo funcione o mellor posible..e para eso necesitase unha política de IGUALDADE, TRANSPARENCIA e PARTICIPACIÓN CIUDADANA
Desde ciudadanos creemos en la implicación de todas las personas en el trabajo por lo que los miembros de la lista forma un equipo compacto y coordinado para apoyar a nuestra candidata.


Outras candidaturas:
PP
BNG
PSOE
Ribadeo en Común (ReC)
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

Persoa, propostas ou xeito de actuar?

Xa estamos. De volta a ir vendo que decisión tomamos. Que orientación no espectro ideolóxico? Partido ou agrupación de electores? Cara bonita, simpática ou sen foto? E máis eleccións... Como vemos, non todas as características deberan estar á mesma altura. Iso inclúe que algunha xente poñerá a unhas diante, como criterio preferente, e outra xente, outras...
Nas municipais, dise que é importante que "o candidato" (a persoa que vai primeira na lista, como se o resto non foran asemade candidatos porque se supoña que o primeiro da lista poda ser alcalde e os os outros non) á alcaldía sexa coñecido, e aí van grande parte dos esforzos das organizacións políticas: a dar coñecer, a facer omnipresente á persoa. Así, moitas veces, véndense persoas, caras, simpatías ou antipatías máis que o futuro da vila, como se ambos estiveran relacionados. Exemplos? En Ribadeo non deberamos necesitalos por ser patentes a diario.
Pero, pode unha persoa considerarse acreditada sen un programa?
Podes probar a debuxar a túa cara, a doutra persoa ou mesmo deixalo así, porque a cara de todos é a cara de ninguén.
Hoxe por hoxe, a pregunta anterior coido que non ten o mesmo sentido que puido ter noutro tempo. O descrédito da veracidade das institucións políticas leva a que se fale de programas sen confiar na súa aplicación. Alguén leva a conta das promesas incumpridas polo partido político que nos goberna a nivel estatal? E, nembargantes, un proxecto fai falta. Claro que o proxecto pode materializarse (ou visualizarse) de diferentes xeitos, como rematado en troques de 'sempre en construción', aberto ou 'pechado', ideal ou posibilista... por non falar de 'pensando en cumprilo' ou 'só porque hai que presentar algo para non ser menos que os demais'.
Dado que a cara, aínda con todo o que leva consigo, e aínda que esteamos no tempo da imaxe, non deixa de ser iso, 'unha cara', e o programa non deixa de ser 'unha promesa' tantas veces incumprida, a máis de quedar estática, ancorada no pasado, cada vez é máis patente no desenvolvemento político a importancia do xeito de actuación. O ascenso dos novos partidos políticos tenta apoiarse niso: nunha actuación diferente, permeable co cidadán, as súas ideas e actuacións, de xeito que se dilúa o individuo no colectivo, todos os individuos no colectivo, e viceversa. é difícil de facer, en primeiro lugar, porque non hai a mentalidade histórica para facelo nin de xeito aproximado, imperfecto. Pero os grupos políticos teñen a necesidade de amosar a intención de facelo. De aí que sexan comúns entre os partidos (máis aínda tratándose de eleccións municipais) as 'consultas' ós cidadáns, cando iso xa quedou atrás non só na historia, senón tamén de xeito diferente e moitas veces de xeito perceptible por parte dos equipos e candidatos que 'consultan'. De aí a importancia e insistencia de grupos de facerse agrupacións cidadáns, de procurar un apoio previo en xeito de aval, de insistir en que o programa non é algo cerrado, senón cambiante, recollendo o que poda vir no futuro cos cambios que se podan dar, funcionando xa antes das eleccións como se espera funcionar despois, con esa permeabilidade de ideas e identificación coa xente.Algo que non é doado de manter, pero que é necesario se se quere que o nome 'do candidato' e a foto asociada correspondan a algo máis que a un individuo, a unha persoa: que correspondan a toda a sociedade. Difícil? Si, pero é necesario achegarse o mais posible se queremos que a democracia sexa iso: o mandato da xente facendo uso da súa soberanía, máis aló do día das eleccións.
Así pois, é a túa foto a que sae na propaganda electoral?

20150421

Un comentario sinxelo

Collo uns poucos datos estatísticos (o IGE ten a disposición máis do mesmo tipo) para facer unha gráfica:
Que nos di? Pois que dende hai tempo a idade media dos ribadenses sube e sube, a razón (esta última tempada de anos) de case un mes por cada ano que pasa.
Estiven para dicir ó comezo: teño pouco tempo... cousa que é certa, pero non o puxen, porque somos todos, como Ribadeo, como Galicia, os que estamos sen tempo para establecer unha política demográfica axeitada. Todos, non quen ostente o poder lexislativo nun determinado momento. Todos, opinemos que a Terra está superpoboada ou non, necesitamos decatarnos (e actuar en consecuencia) de que catro fillos por familia implica un medrar a poboación que non se pode manter, pero ter de media un fillo por cada dous pais implica un neto por cada catro avós, unha situación que non se pode manter en termos de dependencia.
Cabería esperar un atisbo de esperanza: entre os anos 2005-2007 baixou a idade media. Foron anos de burbulla nos que se estableceron emigrantes cunha idade media menor que a da xente que aquí estabamos de antes. Estoupou a burbulla e a tendencia continuou. Non é o único condicionante, e ademais está relacionado con outras condicións como a crise, por suposto, pero sen xuventude non hai futuro.