20150414

Tres propostas, ou tres informes?

Unha das funcións que pretendo co blog -non sei se a cumpre ou será demasiada presunción- é a formativa. Non tanto en canto a formación de opinión como formación para poder opinar.
O caso de hoxe iría nese sentido. O día un deste mes, logo hai xusto trece días, publicaba unha entrada sobre a propaganda institucional do concello, titulada precisamente así: "Unha curiosidade: propaganda institucional en Ribadeo". Daquela poñía que no ano anterior a contar xusto dende o día antes, publicárase unha nova no blog do concello cada 1,44 días. Nestes trece días, a cousa foi unha nova cada 1,08 días (12 novas en 13 días). Como alí dicía, achéganse as eleccións, e o certo é que trece días non fan fe, son demasiados poucos para marcar unha tendencia continuada preelectoral. Hai que dar unha marxe de confianza ó concello.
Outra cousa diferente é a análise das novas. Vexamos as tres de onte:
"O REXEDOR ASISTIU ONTE Á FESTA DOS COMERCIANTES
Novos desafíos e retos"
"O ALCALDE ENTREGOULLE UN AGASALLO
Veciño centenario"
"SOFREN GOLPES DOS CAMIÓNS DA RECOLLIDA E DE PARTICULARES
Suxeitacontedores"
As dúas primeiras, con fotos do alcalde.
Entendo que o blog do concello e o servizo de novas do concello deberan ser informativos, formativos, de propostas... E non de propaganda institucional. Coido que onte o servizo non se podía cualificar de propaganda institucional, senón de propaganda persoal. Nin propostas para a cidadanía nin información, senón propaganda, e non institucional.
Pode cambiarse? Debe. E deberamos esperar que así fora.
Deixo embaixo tres fotos. Unha, dunha acción do concello: a posta de tutores na plantación da costa no Costal. Outra, máis ben unha deixación: un rexistro moi recente de auga nas parroquias, xa machacado (por como está posto). A terceira, a vista de Vilaselán entre a neboeira onte pola mañá, nin positiva nin negativa: algo que pasou alleo a nós (e ó concello).


20150413

Os luns, confuso: haberá Sol?

A película 'Los lunes al Sol' ten xa anos lembrando que pasa na crise. Despois dos cambios habidos na lexislación, economía, sociedade e mentalidade da xente (nosa), coido que habería que reformular o título. Non se trata de pasar os luns ó Sol, senón de preguntarse se haberá no futuro un Sol á caricia do que pasar os luns ou calquera outro día.
Onte Rajoy voltou co da 'xente normal': xente normal sería a minoría do censo que ten votado ó PP a partir de promesas de pacotilla e que permitiulle ter maioría absoluta nas cámaras onde se exerce o poder. A máis, segundo Rajoy, a súa 'xente normal' opoñeríase ós 'anormais', zascandils que votarían a partidos non tradicionais (por certo, onte mesmo saíu unha enquisa dando a primeira praza en votos a Podemos, aínda que por escasa diferencia). Coido que, a pesares da diferencia e de querer dicir que a súa 'xente normal' son españois e o resto non merecen selo (nin gobernar para eles), tampouco pode chamarse Rajoy a ter gobernado para a 'xente normal', senón para (seus) amigos da elite, que cerran filas con el.
Cavilando sobre o anterior, atopo im-pulso cun artigo que se me adiantou no tema: a este paso, determinarán a normalidade a golpe de lei segundo os seus patróns. Coido que xa se está a facer: dicir quen e normal, e deixando legalmente á maioría da poboación como anormal e na anormalidade. Por certo, que anormal ven de sen norma (a- normal), aínda que agora se colla como fóra dela. Axusto porque é algo diferente non estar suxeto a unha norma a estar fóra dela.
Un exemplo 'de hoxe' entre os millerios posibles sobre xente 'normal': certo, a xente tenta facer cousas como non pagar por algo que non se usa en troques de facer pagar ó común por algo, se use ou non se use. Pois iso sería 'anormal': véxase o pago -tanto por alumno- que a Xunta remata de acordar coas produtoras cinematográficas para proxectar películas nos centros educativos: cantas películas se se proxectan nos centros que non sexan documentais públicos? -por poñelo en curto-.
Como segunda parte do exemplo, máis ben tentamos facer cousas noutro sentido, colaborando: ver "Café Google: cafeína, ideas libres y Red para salvar el mundo (y II)" do que non poño ligazón precisamente por esas leis que tentan conformar a 'normalidade a medida' de quen as fai e os seus intereses.
Ben, en Ribadeo hoxe esta o ceo con nubes. Non se ve o Sol, pero aínda quese diga 'non hai Sol', todos sabemos que si, que detrás desas nubes, pode saír en calquera momento.

20150411

Conservación da natureza, conservación de nós, desenvolvemento da zona

Onte tivo lugar a primeira actividade do ciclo da AVV O Tesón "Visións do medio ambiente dende Ribadeo", a proxección da curta vídeo documental "Desarrollo y vinculación del turismo con la conservación de la naturaleza". Tanto no vídeo como despois na charla entre o público asistente quedaron patentes unha serie de liñas que estruturan os proxectos de éxito neste campo:
En primeiro lugar, a integración das actividades económicas entre natureza e comunidade, aproveitando os propios feitos diferenciais, a propia cultura vital, histórica, da comunidade, a carón do medio ambiente que se quere conservar e aproveitar.
En segundo lugar, unha organización cooperativa. Non ter por que estar constituída especificamente de cooperativas, senón que debe estar baseada na cooperación entre os actores integrantes, sexan cooperativas ou pequenas empresas.
En terceiro lugar, o uso de canles de difusión innovadoras. Non é necesario neste sentido ser especificamente innovadores, senón saber usar as innovacións recentes para dar difusión ó produto e achegar a variedade de actividades de posible desenvolvemento de xeito conxunto á sociedade á que vai dirixida a oferta.
Outro punto, e aquí paro, aínda que había máis, a implicación da xente nova como motor do proxecto. O apoio comunitario aporta o acervo que a xente nova pode aproveitar: non ten que por que estar soa no proxecto; xente maior tamén se pode implicar, axudar parcialmente, a horas, en particular nos estadios iniciais.
Naturalmente, unha visión acolledora dende a estrutura política é convinte, pero non se debe confundir ese apoio coa política de subvencións, que remata aplastando o futuro desenvolvemento a conta do aproveitamento particular de subvencións públicas específicas, como tamén se analizou na charla.
O documental, realizado a partir de experiencias italianas, deixaba ver de xeito nidio os factores expostos, así como outros, en calquera caso, todos aplicables ó desenvolvemento dunha actividade económica relacionada co comunitarismo e o medio ambiente, tamén na bisbarra ribadense. Foi un bo comezo da serie de tres actividades, das que a próxima será "Máis aló das Catedrais: biodiversidade en Ribadeo e arredores", conferencia a cargo do biólogo ribadense e Master en xestión Mariña Óscar Chao Penabad, que terá lugar o sábado 18 no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, ás 20:00 horas.
Momento do vídeo "Desarrollo y vinculación del turismo con la conservación de la naturaleza"

20150410

Candidatura completa do PSOE para Ribadeo, ordeada e con algún comentario (Municipais 2015)

A candidatura non presenta ó único concelleiro actual do PSOE, Eduardo Gutiérrez.
1.Roberto Ramos Piñeiro
A partir de aquí, o PSOE pasaría a ter máis concelleiros dos que ten
2.David Fernández Feijoo
3.Aurora González Ginzo
4.Camilo José Vázquez
5.María Paloma Díaz Andina
6.Ramón Ángel Coto Longarela
7.Cristina Losas Soria
8.Ceferino Rodríguez Carril
9.Ana María Fernández Gómez
10.Coté Fernández del Río
11.Miguel Ángel Cima Álvarez
12.Elva Quiñoá López
13.Jennifer Moure López
14.María Luisa Loredo Fernández
15.Antonio Fernández Escudero
16.Andrea Ramallal Alonso
17.José Ramón López López
Suplentes
18.Valentín Izquierdo Rodríguez
19.María del Carmen Díaz Ríos
20.Rosario Pardo Suárez
Polo momento na páxina do PSOE de Ribadeo non hai nada colgado ó respecto.
Pode compararse esta candidatura coa de 2011.
Dúas imaxes dos candidatos:


Outras candidaturas:
PP
BNG
Candidatos a primarias de ReC
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

20150409

Biodiversidade e conservación da natureza en Ribadeo


AVV O Tesón
Nota de prensa


A AVV O Tesón ten programadas para o presente mes de abril un ciclo de actividades sobre a biodiversidade e a conservación da natureza, ofrecendo unha visión dende Ribadeo e enfocada no entorno ribadense.

Como primeira actividade e preparación das dúas charlas posteriores, este venres 10 de abril ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo terá lugar a proxección da curta documental 'Desarrollo y vinculación del turismo con la conservación de la naturaleza' (22 min). A curta tenta desenvolver a posibilidade de beneficio mutuo entre actividade económica e conservación da natureza, a partir dunhas determinadas coordenadas e ideas, e será seguida -previa presentación dun pequeño esquema sobre as ideas que tenta desenvolver- dun debate entre as persoas asistentes.

A segunda actividade será a charla de Óscar Chao Penabad sobre diversidade e natureza en Ribadeo. Terá lugar o sábado 18 no mesmo lugar e asemade ás 20:00 horas.

O ciclo rematará o venres 24 cunha charla de Mark Adkinson, conservacionista afincado en Galicia.

Adxúntase o cartel anunciador.


Lista de candidatos ás primarias de Ribadeo en Común

Copio e pego do blog de Ribadeo en Común, (sen outro comentario ao menos ata que teña tempo de facelo en condicións)






Estamos xa a celebrar as nosas primarias, dende o mércores 8 ao domingo 12 de abril, as primeiras en Ribadeo nas que a veciñanza elixirá ás persoas candidatas e a súa orde da lista.



O censo de votantes, por resolución da Comisión Electoral de ReC na súa primeira xuntanza, inclúe ás 200 persoas que encheran os nosos pre-avais (os cupóns dos trípticos) até ese momento.



A convocatoria dunhas primarias abertas é un proceso novidoso para todos, e a inexperiencia pode dar lugar a moitos erros. Algúns deles poden ser rectificados sobre a marcha, outros quedan como leccións para vindeiras ocasións. Por todos eles pedímosvos comprensión e confianza na nosa boa vontade, e axuda para amañalos e prevelos de cara ao futuro. 



Nesta entrada incluímos os nomes das persoas que decidiron presentar a súa candidatura para formar parte da lista de Ribadeo en Común. Algunhas delas achegáronos textos coa súa motivación e perfil, outros non. Esta información poderá actualizarse con novas achegas das persoas candidatas.



A lista está ordenada alfabeticamente.






Lidia Ares Taboada



Motivación:

Por colaborar cun grupo de cidadáns que quere traballar en liberdade e polo ben común, e unirme e apoiar unha nova cidadanía, que de maneira silenciosa está a medrar en todos os lados, e que é máis libre, máis consciente, máis humana, máis transparente, e co afán de traballar en liberdade para o ben común.



Perfil:

Estudos FP2 e traballadora autónoma. Gústame a vida sinxela e humilde e valoro o tempo libre.






Mª del Rocío Botana García



Motivación:

Por reforzar a candidatura de ReC. Polo que no caso de ser elixida primeira da lista, seguramente renunciaría á responsabilidade da alcaldía.





Nines Domínguez Barroso



Motivación:

Cheguei a Ribadeo por primeira vez hai 25 anos e dende entón volvín sempre que tiven vacacións ata xullo de 2007, cando decidimos a miña familia e mais eu trasladarnos aquí definitivamente. Considero Ribadeo un lugar privilexiado para vivir, tranquilo pero á vez dinámico e cun magnífico territorio que conservar e cheo de posibilidades. Nembargantes creo que hai moitas cousas que se poden facer para mellorar a vida dos seus cidadáns e que o plan estratéxico do que Ribadeo queira ser no futuro aínda está por definir, e estou convencida que son precisamente os cidadáns de Ribadeo, os que deben definir ese plan. Por iso, creo firmemente nunha candidatura cidadá sen mochilas e que só teña que render contas ante os cidadáns de Ribadeo.



Perfil:

Nada en Madrid e casada cun ribadense, estudei Ciencias Xeolóxicas e exercín de xeóloga ata xullo de 2013 en varias empresas privadas, e os últimos 13 anos nun Instituto de Investigación. Dende 2010 dirixo unha casa de turismo rural en Lourenzá.




María Novo Fernández



Motivación:

Presento a miña candidatura a R.E.C. porque considero importante contar cunha lista paritaria e convencida de que debemos, e temos a oportunidade de mudar unha democracia representativa a unha democracia participativa, na que todos os veciños/as sexamos partícipes do deseño das políticas locais e no control destas, dando prioridade ao ben común sobre intereses privados ou partidistas. Todos/as temos dereito a decidir e opinar sobre as cousas da nosa vila.





María José Garcia Burgo



Motivación:

Presento esta candidatura exclusivamente para reforzar la candidatura de Ribadeo en Común.






Julio César González García



Motivación:

Aposto por un modelo participativo pleno.





Evaristo Lombardero Rico



Motivación:

1.- Entendo que as políticas de recortes, desinvestimento e retroceso no estado social están a provocar graves sofrimentos a amplos sectores sociais, xunto ca maior marxinación das nacions sen estado propio, como é o caso do nodo país. A resposta debe ser xeral pero debe empezar polos concellos.

2.- Entendo que no concello de Ribadeo danse graves carencias de información, participación e transparencia e o proxecto de “Ribadeo en Común” pode xogar un papel importante para virar esta tendencia no futuro.

3.- Entendo que o colectivo humán de “Ribadeo en Común” e o seu programa recolle as ideas básicas e as prácticas democráticas necesarias para traballar por unha sociedade mais xusta, mais libre e mais moderna.



Perfil:

Data de Nacemento: 17/11/1946

Profesión: Médico xubilado.

Historial de actividades político-sociais:

Militante da Unión do Pobo Galego (1969-1972)

Militante do Movimiento Comunista de Asturias (1974-1980)

Candidato ao Parlamento Español na Coalición Unidad Regionalista de Asturias (1977).

Candidato ao Senado (eleccions parciais, 1979) polo Movimiento Comunista de Asturias.

Concelleiro en Salas (Asturias) pola agrupación de electores “Por un Concejo Democrático” (1979-1981).

Candidato independente na lista do BNG en Ribadeo, nas eleccions municipais de 1983.

Director Regional de Salud Pública no goberno asturiano do PSOE (1986-88)(independente).

Colectivo ESPREITA (Ribadeo) 1988-92

Cofundador e presidente da Plataforma pola Defensa da Ria de Ribadeo (1992-¿?).

Cooperante de Espazo Ecosocialista Galego (2013-2015)

Cooperante de Ribadeo en Común (2014-2015)





María Victoria López Louro



Motivación:

Pola responsabilidade co compromiso feito de colaborar para que esta plataforma participativa poda aventurarse nestes novos ventos do pobo. Carpe diem.




Mª José López Martínez



Motivación:

Porque creo en este proyecto de participación ciudadana.





Mar Orosa Pérez



Motivación:

Gustaríame que a xente tivera un xeito real de participar nas cousas máis e menos importantes e de poder expresar opinións alí donde deben ser escoitadas.





Mario Penelo Riva



Motivación:

No Concello séntanse representantes cidadáns que hoxe en día deciden polo resto de nós.
Chegou o momento de mudar, o sistema de delegación fai que durante catro anos non señamos debidamente informados, escoitados e menos feitos partícipes das decisións que nos afectan.
Aínda que non cabemos os mais de 10.000 ribadenses nas 17 cadeiras do Concello, si hai sistemas de xestión municipal que fan que as voces de tod@s señan debidamente escoitadas, e que se garanta a nosa participación en igualdade de representación nas decisións que directamente nos afectan.
Non é un antídoto, mais esta xestión baseada na transparencia e a participación dificulta a corrupción, desfai as redes clientelares, aumenta a eficacia da xestión do ben común, e favorece que Ribadeo desenvolva unha visión de onde quere estar no longo prazo.
Eu quero un Ribadeo onde todos/as señamos concelleira/os; un Ribadeo organizado para unha xestión colectiva de nós para nós.



Perfil:

Profesional - Empresario del sector de las tecnologías (sector industrial)
Social - Responsable del área de comunicación de Amnistía Internacional de Castilla y León, y miembro del equipo de Relaciones Institucionales




Héctor Peña Díaz



Motivación:

Por unha política divertida, imaxinativa e participativa, que sexa gratificante para todos e cada un dos cidadáns de Ribadeo.





David Regueiro Rama



Motivación:

Por apoyar unha idea que me gusta





Eva Paula Roca Posada





Iván Rodríguez Lombardero



Motivación:

Penso que podo achegar novos folgos e ideas, e é tempo de xuntar forzas, falar, debater e mudar o que non vai ben. Os veciños somos maiores de idade para coñecer e decidir sobre o que é noso. En definitiva, hai moito que facer, e todos debemos achegar o noso esforzo.



Perfil:

Nado en Ribadeo, casado e pai dunha filla de 20 anos, son xeólogo e doutor pola escola de enxeñeiros de montes. Fun técnico de medio ambiente por dous anos no Concello de Ribadeo, consultor ambiental, profesor universitario e instalador de enerxía solar. Participei na Asemblea do 15M de Ribadeo e son voluntario do Proxecto Ríos de Adega.




Carlos Daniel Scavuzzo Mejías



Motivación:

Mi compromiso con los vecinos de Ribadeo y con los miembros de ReC es trabajar con honestidad y transparencia.





Víctor Villar Caamaño



Motivación:

Para axudar a conformar unha lista que será decidida pola propia veciñanza por vez primeira na historia de Ribadeo. Esa é a miña motivación: que esta lista feita por veciños e decidida por veciños saia adiante.

Como pícaros

Un amigo envíame tres fotos tomadas esta Semana Santa en Ribadeo. Coido que a cousa está clara: os pícaros non tiñan un espazo ó que estaban afeito e recolonizarono. Ata aí, algo normal. Que se podan saltar a limitación de xeito tan doado cando a limitación é precisamente para que non a salte, xa non o é tanto. Que a zona habitual de xogos estea inhábil precisamente cando máis xogadores hai, tampouco. E si, a atracción por un novo campo de xogo é iso para os pícaros: unha atracción, aínda que entre dentro do prohibido para eles polos maiores. Noutro momento podemos falar do xeito actual dos xogos dos pícaros, ou do control parental hoxe en día, ou do coidado dos pais na educación dos seus fillos, pero agora recollo o que recibo e déixoo plasmado no blog.
Dime o meu amigo: habería que sacar unha nota (...) sobre as tres obras dos 2 meses. Que son: rúa Ramón González, residencia de día de maiores e parque infantil. Contratadas nun mes e executadas en dous meses. Que casualidade que se pretende rematalas en maio! Obras contra reloxo en período electoral non teñen case nunca un bo resultado final.
Queda en verso, pero iso non quita que sexa verdade... Ben, en realidade, de algo diso xa falei hai pouco no blog: http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/03/estaran-tempo.html ou http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/04/listo-para-semana-santa.html., o que non quita con que as verbas e fotos do meu amigo complemente o xa dito e presenten novidades.
Non estou en contra de que os rapaces teñan onde xogar e pasalo ben, en sitio cómodo e seguro, pero diso a romper todo o existente, en período de crise económica, onde habería que pensar en reciclar e restaurar para gastar menos -e seguro que non quedaría peor- ... 
O aproveitamento dos bens comúns é algo que debe ser inculcado, e non se está a facer; máis ben estase a inclulcar como apropiarse dos bens comúns...
O espazo en m2 non aumenta: no caso do parque, sinxelamente se rompe e se volta a facer. Van ser os pequenos máis felices ca obra vella destruída e estrear unha nova? Non lles estaremos dando un mal exemplo, e pensarán: se rompemos isto xa nos porán outra nova?
Penso que o exemplo non éalgo no que se pense...
Fai 6 anos este mesmo cor de goberno xa gastara un montón de euros no mesmo parque. Agora se van investir sobre 130 000 euros. Durará algo máis de 6 anos?
Esperemos.
Outra cousa. Por que non figura nas obras promovidas neste caso polo concello, cartel anunciador onde figure a empresa construtora, o nome da obra, o presuposto, data de inicio e data de remate e o director desa obra... Isto é obrigatorio, así como a empresa encargada da seguridade. Que exemplo da o concello, para logo esixilo as promotoras de obras particulares? (...) Penso que as cousas se poderían facer mellor. Máis aínda con xente que xa leva 16 anos no concello.
Eu tamén penso que se poderían facer mellor. Implicándonos todos e deixando que nos impliquemos, promovendo a participación. Entre todos, podemos ser mellores que o mellor de entre nós. E todos saeríamos beneficiados. Pero... polo momento non é o que se acostuma, 'o xeito de facelo'.


--
Nota posterior: A primeira foto e algunha cousa máis foi copiada na edición do venres 10 de abril de 2015 na sección A Mariña de El Progreso

20150408

XXI Feiras de ciencia en Ribadeo

cartel XXI Feira
Hoxe comezará un pequeno evento a cargo de pequenos que se forman para o seu futuro. Como todos os anos dende o 1995, abrirá de novo as súas portas a Feira da Ciencia de Ribadeo. Unha feira de, por e para pícaros, con pequenos estudos en ciencia, algunha demostración, recuperación de aparellos antigos, coleccións de follas, unha visita á véspera asiática... e moita ilusión, sendo conscientes do traballo feito.
As nenas e os nenos que presentan os seus traballos serán profesores para os visitantes, e falarán de cousas que coñecen porque as fixeron a toda persoa que se achegue. Para eles, o futuro está en marcha. E, se o está para eles, estao para todos.

Noutros lugares: https://tentandoeducar.wordpress.com/2015/03/27/anunciando-a-feira-xxi-feira-da-ciencia-de-ribadeo/ ... http://feirasdeciencia.wikispaces.com/XXI+Feira+da+Ciencia+de+Ribadeo
-- Nota: a anterior é unha ligazón vella. A nova é: https://feirasdeciencia.mywikis.wiki/wiki/XXI_Feira_da_Ciencia_de_Ribadeo)

E, se queres mergullarte un pouco nos carteis propostos por eles mesmos: https://tentandoeducar.wordpress.com/2015/03/22/un-pouco-de-colorido/