20090306

Migrantes

Onte fun ó acto de presentación da guía para mulleres inmigrantes impulsada polo concello. Concerto e degustación de produtos incluídos. Non puiden concentrarme no tema. Dende o primeiro momento ía o pensamento por exemplo sobre a emigración, a outra cara da moeda, tanto ou máis que sobre a inmigración.
O título da guía non podía ser para 'migrantes', pois refírese a información diversa en relación coa acollida neste país. As linguas usadas no libriño, galego, español, portugués, árabe, ruso, inglés, son moitas, faladas por miles de millóns de persoas en total, pero antóxanse poucas para tentar comunicar o aproveitamento duns dereitos básicos.

O que sexa adicado o libro ás mulleres e non ás persoas coido que é debido a ser o subcolectivo máis necesitado. Pero non deixa de ser un subcolectivo. Na presentación había algún home, pero non moitos; as mulleres eran ampla maioría. Falouse do número de inmigrantes e de mulleres no concello. Pero a maioría dos presentes era 'autóctono'. E non é porque non deberan estar os inmigrantes e si os autónomos. Ou si as mulleres e non os homes. Coido que na integración social dos migrantes o aspecto relacional é o máis difícil de conseguir e, nembargantes, a clave para que os outros aspectos culturais, de coñecemento e demáis, funcionen. Por iso coido que un acto como o de onte de presentación dunha guía, concerto e degustación transcende o mero feito da guía, que pasa a ser unha especie de anexo interesante a un intento de establecemento de relacións. Para cándo o próximo acto deste tipo? Esperemos que para antes de que se repartan todas as guías editadas. Sería convinte, pero a súa posibilidade pasa por moitas cousas, como as actitudes percibidas nos asistentes respecto a cada un dos apartados, ou o balance migrantes/establecidos ou mulleres/homes, por non falar do propio entendemento adecuado da lingua por parte dos inmigrantes. E non parece estar doado, a pesares de que diría que, en xeral, a cousa funcionou.
O que máis me gustou? Os doces marroquís, por riba do canto do gropo da escola.

20090305

Convite e atragantamento

Antes o aviso: aínda que en terra en principio non se esperan para hoxe ventos demasiado fortes, hai aviso de risco extremo na costa do cantábrico comezando 'na outra beira da ría'. Nesta banda só hai 'risco importante', como se pode ver no mapa capturado da web da axencia estatal de metereoloxía.

Recibín xa hai días o convite que faigo extensivo a continuación:Entendo que ó ser distribuído nunha lista de correo aberta, é para todo o mundo, e pode ser interesante.
E fáigome eco dun atragantamento, non deste convite, senón de exceso de obra construída. A contagotas, pero segue escoitándose o que se podería chamar 'defensa dos construtores' fronte ó castigo polos seus excesos pasados. Coido que eles non o ven así exactamente, como unha defensa, senón como un dereito, pois noutro caso non plantexarían accións xudiciais contra o concello. Claro que tamén pode ser unha estratexia para ver se se libran: cando se plantexan accións xudiciais, aínda que aparentemente non debera ser así, sempre hai a posibilidade dun fallo favorable, ou, ó menos, a dilación das cargas coas que se quere castigar así como a espera de cambios políticos que faciliten que ditas cargas non cheguen a fin. Algo diso está xa a pasar polo que parece, pois algún edificio afectado polo exceso de construcción, no novo plan urbanístico en trámite sería legal.
E cada vez se vai complicando tamén máis o tema do mercado semanal. aviso de perda de dereitos por parte do concello a quen es non pagan dende hai tempo, de xeito que en quince días perderían os seus dereitos, e a quenes pagaron, de que se non usan deses dereitos, tamén os perderán (aínda que sexa en maís tempo). Xusto no medio do prazo, a manifestación dos feirantes, con alternativa de paro de tráfico ou vía peonil segundo que consigan o permiso gubernativo ou non. En realidade, nada novo respecto de semanas anteriores. Pero non deixa de chamarme a atención, pola súa aplicación a outras moitas posibilidades o razonamento en canto á perda de dereitos por falta de uso. Algo que está visible en moitos tipos de contratos, e, ó tempo, invisible pero aplicado inexorablemente no contrato do cidadán coa sociedade a traverso da estrutura política que conforma (... e nunca mellor dito o de 'conforma')

20090304

Máis cambios

Comezan a verse na prensa os primeiros síntomas de cambio nas resolucións de conflitos e en máis cousas.
Aparece unha nova sobre unha resolución urbanística (esta volta, en relación cun colexio público en Cervo, en que enfrontaba Concello e Xunta), dándolle a razón xudicial á Xunta. Pero agora, a Xunta cambiou. E o alcalde declara que esperará unha solución extraxudicial cos seus que agora ocuparán a Xunta. E en Barreiros poténciase un convenio entre Xunta, concello e construtores con novos bríos para 'desbloquear a construcción'. Se ben no primeiro caso parece que a cousa vai entrar nun estatu quo, no segundo, a cousa preséntase máis complicada e coido vai ser un auténtico taller experimental para amosar a política de urbanismo da nova Xunta.
E comezan as reformas cara a cúpula. Caen os Delegados provinciais, que quedarán reducidos a u representante por provincia máis Vigo (é dicir, unha especie de 'Delegado de Goberno', pero non caen as Delegacións Provinciais das Consellerías. ¿? Pois os xefes nas delegacións pasarán a ser 'técnicos' aínda que designados a dedo, sen as prerogativas dos Delegados. Haberá que esperar un tempo despois dos nomeamentos para observar se hai aforro e continúa a xestión ou polo contrario o que houbo foi un aumento de cinco figuras protocolarias extra.
Tamén comézase a analizar un aspecto técnico que influirá de xeito direito nas próximas campañas eleitorais: o uso da propaganda, das mentiras e infundios, os erros en relación coas campañas americanas, que dispoñen de moitos máis cartos e medios, en fin, da conversión da vontade do pobo en vontade, neste caso, Popular, e en xeral, en vontade allea ó pobo. E así pódese ver o chamamento ó voto como apoio despois da manipulación, e a denuncia da manipulación despois da petición do voto, segundo cal sexa o partido, 'vencedor' ou 'vencido', obviando xa dende os primeiros días por uns e polos outros que o pobo debe mandar non só nas eleccións senón a diario (aínda que non sempre ten por que ter a razón, o mesmo que os políticos tampouco teñen por que tela). É dicir, neste tema non parece haber cambio.
En fin, nesas andamos.

20090303

Efectos en Ribadeo

Notaranse pouco a pouco, pero hánse de notar. As eleccións, cos seus resultados, implican que cambian un montón de relacións con entidades das que dependen moitas cousas e cartos. E pásase, no caso de Ribadeo, de entidades 'amigas' a entidades 'enemigas'. Non se deberan usar eses termos, pero a realidade coido que é así. E, nunha situación na que o concello é detentado por unha forza minoritaria que saída de partida cun forte déficit e polo tanto, unha forte necesidade de apoio externo, esa mesma situación vóltase máis complicada para o equipo de goberno. Mesmo cousas ya conseguidas ou en vía de lograrse poden voltarse atrás ou retrasarse de xeito indefinido.
Mesmo as relacións internas entre os grupos que ocupan os asentos na Casa de Ibáñez pode cambiar, voltándose máis turbias ó sere o principal grupo da oposición o que agora ocupa a titularidade da Xunta.
E situacións como a unión avisada entre centros de medias IES Porta da Auga e Gamallo Fierros despois da segregación do CIFP Porta da Auga poden ser adiadas ou canceladas, despois de deixar nunha situación deplorable ó conxunto deo 'Porta da auga' na actualidade. Ou mesmo a subvención obtida por determinados colectivos a partires da Xunta pode facer rexurdir a algúns e afundir a outros.
Mentras, un xornal destaca hoxe un incremento do 50% dos votos en branco na comarca mariñá (nas '3' mariñas) a pesares do descenso da bopobación, e seguen caendo na prensa explicacións do máis diverso, unificadas abondo nalgúns puntos sobre as causas da derrota e diversificadas sobre a textura, participación, consecuencias, posibilidades de rexeración dos partidos afectados, rexeración sofrida polo PP, etc... e sobre as dimisións xa postas sobre da mesa e as que coidan se deberan poñer.

20090302

Fresco ós oitenta anos.

Despois de tanta campaña, pode producir unha sensación ben diferente o ler unha entrevista como esta que lle fixeron a Noam Chomsky.

Pasaron as eleccións, e aí están os resultados

PP39/PSOE24/BNG12
PP, maioría absoluta. Desconcerto visible no bipartito, que cría que o cambio, só por dicilo, seguiría sendo cambio. E non. Non foi así. Ter unha percepción de que se estaban queimando etapas de corrupción máis rápido aínda que en mandatos anteriores non favoreceu ó proceso de cambio, e o aviso de que viña o o lobo-PP non valeu cando se tivo conciencia de que o actual tamén era, polo menos, un raposo. Non está de máis repasar cousas no mesmo blog como o conflito do leite (ver o comentario a esta entrada) ou o suave artigo de hai uns días. A cousa é que o PP sube (a falta de rematar o escrutino, sube máis do 2% en relación de votos a nivel Galicia), mentras PSOE cae (máis do 3%, un 10% en relación ós seus resultados anteriores) e BNG se desfai (caída do 2%, máis dun 10% en relación as anteriores, aínda que suba lixeiramente en Lugo).
A participación, a máis elevada ata o momento, manifesta que 'se botou ó bipartito' máis que que se votara ó PP.
Polo momento, só teño os resultados definitivos a nivel Ribadeo, non a nivel Lugo (onde se quedará 8/5/2) e menos a nivel Galicia, polo que as estatísticas finais quedarán aínda un tempo sen poñer á beira das das pasadas eleccións.
En canto a Ribadeo (cos resultados do 2005 en parte en porcentaxes, que foi o que puiden lograr polo momento), son:
Ribadeo:


2009 2005
Total votantes 5844 70,10%
Abstención 2410 29,90%
Votos nulos 77 0,85%
Votos en branco 115 1,37%

8446 102,22%

2009 2005
Candidaturas Votos Votos
P.P. 2659 2607
PSdeG-PSOE 1522 1777
B.N.G. 1226 1046
UPyD 155
EU-IU 42 26
NÓS-UP 11 3
PUM+J 9
TEGA 9
F.P.G. 7 5
PH 6 9
GU 3
+ G 2
FE de las JONS 1 3
Máis adiante poñerei as gráficas, pero, co 100% escrutado en Ribadeo, vénse varias cousas a bote pronto:
Segundo os resultados da páxina da Xunta, http://resultadoseleccions.xunta.es/11AU/FTOP11_L2.htm , resulta que nas eleccións pasadas non coincide o 100% dos votos, sénon (unha volta feitas as contas por min) co 102,22%. É de supoñer que sexa polo tema da emigración ...
Estas eleccións as porcentaxes de participación, abstención, en branco e nulos son semellantes ás pasadas.
Os votos que perde o PSOE son case os mesmos que os que gana BNG e UPyD.
As porcentaxes totais que saca o PP e o bipartito en Ribadeo e en Galicia son semellantes. Non así a relación PSOE-BNG, abondo máis equilibrada en Ribadeo que no conxunto galego.
UPyD non chega nin ó 2% dos votos, quedando polo tanto lonxe de aspirar a unha representación no que a Ribadeo respecta; aínda así, saca maior porcentaxe que no conxunto da comunidade.
Non está de máis lembrar, pola experiencia de anteriores veces, que os resultados non son extrapolables nin para as eleccións ó nivel local nin ó nivel nacional; a lei electoral está detraś do tema, igual que do reforzo cada vez maior dos grandes partidos en detrimento dos pequenos, aínda que ocorran casos sen significado estatístico como que estas eleccións EU obtivera algún voto maís en Ribadeo que nas pasadas.
Unha última curiosidade: hai 1 único votante de FE, diminuíndo dende a última vez.

20090301

Á espera de resultados

Á espera de resultados das eleccións en curso, estiven recabando datos das anteriores autonómicas, e deixo a continuación un resumo, primeiro con gráficos (en capasa de cebola, dende as de 1981 pola parte interna ás de 2005, pola parte máis externa) e logo en táboa.
A orde que aparece nos gráficos é a mesma que a que aparece nas táboas, a excepción da última referencia do terceiro gráfico, que corresponde a votos brancos, nulos, abstencións e votos obtidos por partidos que non obtiveron representación.
É curioso confrontar os dous primeiros gráficos, representación obtida e número de votos, e o último, onde o número de votos se confronta co de electores.
Máis curiosidades, que o número de votos adicados a outros partidos non deixa de baixar dende que atopei datos. E que brancos e nulos (non atopei en xeral datos separados para ambos) son abondo variables, quedando nas últimas votacións da mesma orde que os votos adicados a 'outros'.
(Unha volta máis volto lembrar que premendo co rato sobre as imaxes, pódese obter unha mellor visión delas)

A orde sen o poder: reflexións para un día de votación

A primeira parte do título é unha cita (1) que recollo como posibilidade. Posibilidade moi a ter en conta nun día de eleccións coma hoxe. O resto tamén son citas, e a súa fonte.
"O sufraxio universal é o dereito para o cidadán de poseer 1/1460 ou 1/1461 (contando con anos bisisiestos) do poder que deberan ter: é dicir, unha papeleta de voto cada catro anos. A autoridade exércese tódolos días". (2)
"A meirande parte do tempo, o pobo segue a ser impotente ante os seus delegados, ós que só pode sancionar rexeitando reelixilos". (3)
" (...) quen posee, vota elixir a alguén que posee aínda máis ca el." (4)
" (...) que o goberno é algo subalterno, que a cousa capital non é a orde no estado, senón a orde nos intereses". (5)
Comentarioso ás citas, todas elas de Le Monde Diplomatique, febreiro de 2009:
1.- Elysée Reclus, citado en 'apelativos poco controlados, de Jean-Pierre Garnier. Referido ás ideas anarquistas, interpretable como a posibilidade de orde sen concentración de poder por delegación, é dicir, exercendo direitamente cada individuo a súa propia potestade.
2.- Maurice Lucas, no diario 'Germinal' (1905). Unha lembranza de que elección non ten por que significar democracia (plena).
3 e 4.- 'El intratable Pierre-Josph Proudhon', Edward Castleton. Ó (3) foi ó que se referiu no seu momento Balbino Pérez Vacas, cando sendo alcalde, nunha charla, referiuse a que xa rendiría contas cando as eleccións; un tema tratado por min varias veces no blog a conta da miña intervención entre o público para que 'cambiara o chip'. A cita (4) referíase a un período de voto restrinxido á xente que poseía cousas, que houbo en case tódolos países; na actualidade en España non hai isa separación no voto, pero si arrastramos vicios asimilables debido ó caciquismo, o medo a votar en contra dos intereses do patrón e semellantes.
5.- Proudhon, 2/4/1854. (está sacada de contexto) ... que é preeminente, a orde no estado, o cumprimento das leis, etc, ou intereses determinados?