Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xira. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta xira. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20241220

O pobo e(n) festa (2015)

     Deixo en baixo, en texto inserido e dous formatos máis, o artigo aparecido en 2015 en Ágape (revista da Unidade Pastoral de Santa María do Campo de Ribadeo) nº 8, p.4:

0 POBO E(N) FESTA

    Verán, máis luz, temperie mais agradable, mais alegria, festa! 0 pobo, a xente, o noso pobo, os pobos, énchense de festa. No caso de Ribadeo, a vila ten aumentado ás festas ditas relixiosas (por orde de achegamento á idea de Ribadeo, a patroa, San Roque, 0 Car-me, Corpus...) outras mais turísticas, folclóricas, mercantís, como a nova dos indianos ou a xa vella (e cambiada dende a súa orixe) xira, ou mesmo actividades que non son declaradas como festas pero tentan achegarse a ese ambiente festivo de diversos xeitos, como a feira do libro e a súa animación de ambiente do pobo durante o seu transcurso.

    A luz e o bo tempo ten elevado os ánimos das persoas de sempre. E cando se queren representar eses ánimos, aparece entón a luz. De aí a ligazón de moitas festas co solsticio de verán e máis aínda, de aí que na primavera, cos días máis amplos e luminosos, comece o ánimo de festa. Ánimo que acada o clímax cos eventos festeiros do verán, marcando un atraso en relación ás estacións astronómicas parello ao desfase que manteñen as temperaturas, que acadan o máximo anual a comezos de agosto.

    Estamos no verán. Estamos en festa.

    Tempo hai, a festa era patrimonio da relixión, mais aló da advocacion santeira que a simbolizaba. Tifia algo de sagrado o dispor de bens en exceso durante un curto período, ainda que despois del viñeran as penalidades cotiáns. Algo herdado -ou non- doutros tempos anteriores nos que o ánimo de vivir concibíase relacionado con deuses máis mundanos, que intervirían no día a día das persoas e os seus problemas. Hoxe parece que volvemos a eses vellos tempos que non se foron nunca de todo. As festas relixiosas teñen mais tradición, pero ó tempo que se desnaturalizan co espectáculo ou a diversión allea ó motivo da festa e que se substitúe, teñen que competir con outras novas, emerxentes, saídas hai pouco da imaxinación da xente. Aí a dos indianos, pero tamén outras moitas que tentan usar a lembranza do medievo, dos celtas, ou do que sexa, para crear ambiente e mover o comercio, e propiciar mais diversion, en competencia tamén cos medios tecnificados de hoxe en día ós que non lles é necesaria a idea de 'festa'. 0 sentido da festa esta a mudar.

    Xa non é só o dispor dun algo -tempo, produtos que consumir- propio e apropiado ó perfil da festa, senon o facer fincapé na evasion do día a día, nunha certa emulacion da transcendencia por uns momentos cheos con actividades con caducidade programada pero retomables de xeito mais ou menos continuado. A Igrexa non ten o monopolio festeiro; é mais, está quedando en minoria na convocatoria festiva. Por iso debe imprimir a marca de calidade nas súas propias festas, que as distinga e as faga prosperar non só no tempo, senon de xeito moito mais profundo, nos corazóns. 0 pobo, a vila, estará en festa, pero sera o pobo, a xente, o que sexa unha festa.

Antonio Gregorio Montes




20240806

Paisaxes para despois dunha batalla

     Como outros anos, despois da xira, se paso por Santa Cruz, fago fotos como testemuña do pasado. As que remato de tomar hoxe quedan en baixo, dando testemuña hoxe, martes, do recollemento e abondo bo estado de limpeza, do peche da porta da casa da ría, das flores na virxe, da non consolidación polo momento do chan unha vez arrincada matogueira, de algunha máquina por recoller... e dos montóns de lixo acumulados no contedor, facendo compaña ás autocaravanas que xa durmiron onte alí.







 

20240720

Mirando xa a Xira en Ribadeo

     A Xira está próxima no tempo. En liña semellante a anos anteriores, o alcalde remata de difundir un bando animando ó desfrute en (e e) bo comportamento, bando que deixo en baixo (non goi difundido como nota de prensa, ao menos polo momento, senón na sede electrónica do concello). Mentres, as obras en Santa Cruz non están rematadas, e a casa da ría e telescopio seguen a ser accesibles e en estado desastroso. Un toque antes da Xira non virá mal.





20240208

Amando Suárez Couto, un renovador da imaxe. Celia Castro

    Adxunto un novo artigo de Celia Castro sobre Amando Suárez Couto, publicado na última revista de Croa. É accesible na ligazón anterior, e queda aquí en varios formatos.

    Texto web:

Amando Suárez Couto: un renouvador da imaxe

Celia Castro

1.Introdución:

No primeiro terzo do S. XX, houbo unha renouvación artística en Europa, que se estendéu tamén a España.

En Galicia concretamente unha xeneración de xoves artistas sería protagonista desto, en colaboración con movementos literarios. Revistas culturáis en España e América serían canles polos que a cultura e as novas ideias se transmitirían e propagarían. Fundaríanse sociedadades e asociacións culturáis, e os Centros Galegos sería auténticas arterias que aglutinarían aos artistas, e serían tamén lugares de acollida para eles e as súas familias nos momentos críticos. Castelao, Souto, Maside, Castro Gil, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Carlos Sobrino, e Amando Suárez Couto serán algúnhos dos nomes máis destacados.

Moitos deles pertencían ou estaban relacionados co Partido Galeguista, fundado en 1931 por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dentro do cal había varias tendenzas, e eran fundadores ou cofundadores de revistas culturáis de vangarda, como Ronsel ou Céltiga ( editada en Bos Aires).

En contacto cos novos movementos artísticos europeos- especialmente en Alemania e Francia- moitos dos nosos artistas, algunhos deles residentes na capital de España, farán obras de gran calidade, que mostrarán a influencia destas vangardas.

No terreo da ilustración e o gravado isto é specialmente relevante, e nel destaca, xunto con Castelao, a figura do pintor ribadense Amando Suárez Couto, considerado pola crítica contemporánea un dos millores debuxantes europeos.

2.Amando Suárez Couto. A súa traxectoria. 

Lám. 1: Retrato de Suárez Couto. M. Fons. Debuxo a lápiz. Do libro El Arte Racial de Suárez Couto. Ed Ronsel. Lugo. 1925.

Amando Suárez Couto nacéu en Ribadeo o 4 de maio de 1894. Foi o maior dos seis fillos do matrimonio formado por Juan e Amadora. Nesta vila relizóu os seus primeiros estudos mostrando xa unha clara inclinación polo debuxo . Máis tarde os seus páis decidirían pasar os invernos en Madrid, sendo esto decisivo na súa formación. Alí asistíu ao colexio de los Santos Reyes, de orientación liberal, na liña da Institución libre de Enseñanza , baseada no krausismo. Matriculóuse na Escola de Artes e Industrias de Madrid, seguindo os consellos dos seus pais, que consideraban este centro, de orientación máis práctica, menos tradicional que a Escola de Bellas Artes de San Fernando, anclada nunhos principios máis clásicos. Alí tamén asistíu ao obradoiro do pintor Marceliano Santamaría.

Axina tomóu contacto cos importantes debuxantes e ilustradores do momento, como Manuel Bujados, Rafael Penagos ou Federico Ribas, que lle animaron a colaborar con diversas publicacións: La Esfera, Blanco y Negro, Por esos mundos, para as que faría debuxos. Tamén ilustróu novelas e contos de Saturnino Calleja, e fixo as suas primeiras incursións no mundo da publicidade, destacando os anuncios para a firma de perfumería Floralia.

É o seu un debuxo seguro, de trazo áxil e expresivo, de gran imaxinación e dinamismo, influenciado pola estética do momento, Modernismo, Art Decó….

Durante o verán trasládabase coa súa familia a Ribadeo, participando na vida local e tomando parte en diversas actividades. En 1913 fundóu con outros amigos ( Bustelo, Cuervo…) o Club Deportivo Ribadense, xermen do futuro Ribadeo F.C .Tamén desenrolaría unha importante faceta musical- que mantería ao longo de toda a súa vida- formando parte de rondallas nas que solía tocar o violín.

En 1921-ano no que fai varias ilustracións para o tomo de El naviero Más: Los Signos- no que tamen colabora ca portada Gregorio Vicente- emprendéu o seu primeiro viaxe a París- mais tarde (1924) faría outro- que lle servíu para tomar contacto coas vangardas artísticas europeas que confluían na capital de Francia, e tamén para enriquecer a súa obra, e decirse a mostrala ao público. Así, espuxo na capital de España, no Ateneo-1923- e no Centro de Galicia, participando tamén en mostras colectivas como a Terceira Exposición de Arte Galega (A Coruña -1923) e a do Ano Santo de 1926 (Santiago de Compostela) entre outras, e nas Galerías Layetanas de Barcelona.

Con todo, aínda que a súa arte é poderosamente imaxinativa, donde se ve un espirito máis xenuino é nos debuxos e cadros de tema galego que fai nesta época, e que seguirá facendo ao longo da súa vida.Trata temas populares da vida cotiá, paisaxes típicos, tipos do país, na liña de Castelao, de quen era amigo, esto e o seu contacto co galeguismo, fai que sexa considerado dentro dos Renovadores da arte galega, tendenza que agrupaba a unha serie de artistas ( Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Alfonso.D. R, Castelao, Camilo Díaz Baliño…), que se baseaban nun forte sentimento de galeguidade, nutríndose tamén da arte de vangarda.

En 1925 Evaristo Correa Calderón publicóu en Lugo, na editorial Ronsel, El Arte Racial de Suárez Couto, con 16 reproduccións de cadros ao óleo e debuxos, no que fai unha semblanza do pintor, considerando que é o artista que millor plasma a alma galega. Entre as imaxes do libro está O mariñán do Eo, debuxo a plumiña que foi publicado por primeira vez en 1924, no número 4 da revista Ronsel. Nel representa a un xove mariñeiro de Ribadeo, na mariña lucense. Con poucos trazos consegue caracterizar ao personaxe, ao que representa con unha expresión concentrada, e a mirada perdida, ollando ao lonxe. Ao fondo a ría, na que se ve ao lonxe un chalano de vela latina.

Esta sintetización, sinxeleza de liñas e captación da fisonomía e carácter do personaxe será unha característica da súa obra durante toda a súa vida.

En 1927 colaboróu coa revista Céltiga, editada en Bos Aires, e co Almanaque Gallego dese mesmo ano(1),que reproduxo o seu óleo El cura de aldea- O crego-.

Lám. 2: O mariñán do Eo. Suárez Couto. Debuxo a plumiña. Revista Ronsel.Nº 4.p. 35.

Nestes tempos, o artista desenrolaba unha grande actividade, ás exposicións e publicacións en revistas súmanse as actividades de filantropía e colaboración social desenvolvidas principalmente en Ribadeo có seu irmán Carlos e outros amigos con inquedanzas: o coro Cantigas da Mariña, onde él mesmo tocaba a gaita, e deseñóu os traxes e os decorados axudado polo seu amigo Camilo Díaz Baliño; A Cabalgata de Reis, xunto con outros ribadenses como Gregorio Sanz ou Santiago Heydeck, co propósito fundamental de que os nenos con menos recursos recibiran agasallos. Suárez Couto colaboróu no deseño do vestiario e o atrezzo. En 1927 creóu, con Gregorio Sanz, Cisneros, Ponceliz, e outros, co asesoramento de Camilo Barcia Trelles, a Biblioteca Popular Circulante de Ribadeo- como moitas outras que se estaban a crear en España- para achegar así a lectura a todos os públicos.

Con Camilo Díaz Baliño compartiría en 1929 o encargo da Deputación de Lugo de facer uns cartéis para publicitar lugares da provincia. Suárez Couto fai o de Mondoñedo, mostrando unha vez máis as grandes dotes que tiña para a o debuxo, o deseño e a publicidade.

Lám.3: Cartel de Mondoñedo. Suárez-Couto .Tempera sobre cartón.1929.125,7x99,2cm.Museo Provincial de Lugo.

Trata o tema unha vista da estrada que conduce a Mondoñedo, que se ve ao fondo, facendo un acotamento do espazo, cun encadre case fotográfico tomado desde un punto de vista alto, centra así a ollada do espectador na estrada e no arbre que se ve no primeiro termo. A cor, con poucas sombras, feitas istas con pequenos trazos paralelos, está na liña dos modernos cartéis publicitarios, e tamén o tratamento da paisaxe con poucos elementos representativos. Mostra así Suárez Couto a súa habilidade para o deseño, habilidade que tendrá ocasión de mostrar ao longo da súa traxectoria.

En 1929 viaxóu de novo a París, tomando contacto coas vangardas artísticas. De alí viría contaxiado do que se estaba a facer na capital do Sena polos artistas de todo o mundo. Cubismo, surrealismo, expresionismo, influien na súa obra dando por resultado unha serie de cadros que exporá á súa volta en Madrid ( Xogadores de xadrez;Nena da guitarra; Caseta de Tiro;Mineiro), e sen embargo non gustan ao público madrileño, posiblemente por non ser comprendidos. Quizáis por isto abandona por un tempo a pintura, achegándose ao gravado. Entre as novas tendenzas da ilustración o gravado tiña un papel preferente, e dentro deste, a xilografía. Esto sucedía en todo o territorio nacional, e especialmente en Galicia. Era unha forma de achegamento a tempos pasados, e, os trazos ríxidos e claros na superficie da madeira eran moi propios para as imaxes dos libros. Así, en 1931, fixo as xilografías, en madeira de buxo, para o libro Ribadeo Antiguo escrito polo ribadense Francisco Lanza ( que emigraría ,a Arxentina ese mesmo ano) , e editado en Madrid coa axuda do seu irmán Carlos. Foi un proxecto financiado polos dous irmáns desinteresadamente. Dito libro é unha breve e documentada historia de Ribadeo, para a cal Amando fixo un gran traballo de búsqueda e investigación , relacionando cada ilustración co pasaxe histórico correspondente. Nos gravados que encabezan cada capítulo( 29), e os incipit ( iniciáis de comenzo de páxina), ilustracións do interior, e portada, o artista fai unhas imaxes claras, de liña rotunda, con sombreados feitos a base de pequenos trazos paralelos, e tendendo á bidimensionalidade, seguindo as liñas das xilografías medieváis.

Lám. 4: Ilustracións do libro Ribadeo Antigo. A.Suárez Couto Xilografía. Libro impreso en Madrid en 1931.

Nesta época montóu co seu irmán Luis unha granxa de polos na localidade madrileña de Vicálvaro, donde coñecéu ao doutor Julio Camino Galicia- irmán do poeta Luis Felipe e eminente psiquiatra-e á súa familia.E 1936 casóu con Margarita, filla maior do doutor. A Guerra Civil truncaría a súa vida e a súa carreira. Durante a contenda a súa granxa surteu de víveres a capital, polo que foi pechada tras gañar o bando franquista. Con todo mantivo aberta a fábrica ata 1945, producindo para consumo propio. En 1945 voltaría a Madrid, onde as condicións de vida eran difíciles, por iso tivo que sobrevivir dando clases particulares e facendo pequenos traballos artísticos. Traballaría no departamento publicitario da Metro Goldwin Mayer, facendo os cartéis publicitarios das súas películas, tarefa na que é encaixaba moi ben pola súa formación artística. O seu dominio da liña e a pureza da cor,intenso e sin apenas claroscuro, influirá na súa obra posterior, dándolle a ista un toque de modernidade. Esta actividade e a amizade co gravador galego Manuel Prieto Nespereira- con que compartía estudo- animóuno de novo a pintar e expoñer a súa obra. Así en 1945 exporía no Instituto Británico de Madrid e na sala Fortuni de Reus, participando tamén na mostra de Arte Taurina de Zaragoza Tamén ese mesmo ano enviou varias obras á Exposición Nacional de Bellas Artes: Dous cadros, Retrato de un músico, e Paisaje de la Mariña, e dous debuxos a plumiña: El médico y la muerte, e, Job.


Lám. 5: As tentacións de Xob. Amando Suárez Couto. Tinta sobre papel. 27x20cm. Colección particular. Fotografía tomada pola autora de copia do orixinal.

As tentacións de Xob é unha das plumiñas que realizóu entre 1920 e 1930. Esta técnica facilita a lixeireza do trazo que en Suárez Couto xa é por sí moi dinámico. É unha obra perta do simbolismo e chea de imaxinación, a sobrecarga de elementos e o horror vacui que presenta non lle restan encanto nin a fan escura. O corpo de Xob traza unha diagonal, que se contrapón coa que describe a figura do demo. Este, cun sorriso malévolo quitalle dramatismo á escea dándolle un sentido máis anecdótico. Veremos moitas veces na súa obra un detalle humorístico que atrae a atención do espectador dándolle vida á composición. O exacerbado detallismo e o emprego do claroscuro para resaltar os elementos máis relevantes fan desta plumiña un dos seus traballo máis representativos.

Esta estancia en Madrid sería para él especialmente fructífera, espoñendo en 1946 de forma individual na sala Macarrón de dita cidade, e facendo diversas actividades artísticas, entre elas traballos no campo da escenografía teatral. Destacan os decorados e deseño de traxes e atrezzo para unha obra baseada nos relatos de Calila e Dimna.

O seu gusto pola ilustración e o cartelismo reflictaranse tamén nos seus cadros ao óleo, nos que nunca se desprenderá deses contornos puros e esas formas gráciles tan de moda los anos trinta.

O retrato da sua dona Margarita Camino, unha obra chea de suavidade e delicadeza recordanos as modelos femininas de Penagos ou as mulleres estilizadas dos cartóns para tapices de Francisco de Goya.

Lám. 6: Margarita Camino. A. Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. Colección particular.

É un retrato de unha gran elegancia, na liña dos pintores ingleses. O formato de tres cuartos suliña a esbeltez da modelo á que destaca sobre un fondo neutro, indefinido, coa ollada ensoñadora, perdida, nun punto que trascende ao cadro. O cromatismo, casi uniforme dalle unicidad e gracia ao conxunto.

En 1951 regresóu coa súa dona a Ribadeo, donde seguiu pintando e colaborando na vida cultural da vida, ata 1953 en que o falecimento de Margarita desencadeóulle unha profunda tristeza da que conseguíu repoñerse grazas a axuda dos seus parentes e amigos. Para animarse e sosterse económicamente comezóu a dar clases de debuxo no Instituto de Ribadeo e na Academia Santo Tomás de Aquino e volveu a pintar e a participar nas diversas actividades culturáis e de mecenácego, para él tan importantes.

Desta época son unha serie de cadros de paisaxes e escenas ribadenses. A miúdo repite temas tratados anteriormente, engadíndolles algún detalle novo, ou variando algo a composición. Amósanos un Ribadeo sereno, case bucólico, no que parece que a vida se detivo. Son cadros cheos de lirismo e sentimento, intemporáis, pero que tamén amosan a un artista de ollada sagaz e analítica. O tratamento da cor,intensa, brillante e as máis das veces uniforme pode ser reminiscencia do seu traballo na Metro Golwin Mayer, pero tamén pode ser a entrada nunha etapa serena e contemplativa, na que o entorno máis próximo lle serve de inspiración.

Pinta o que lle rodea, o entorno natural que ten perto, a ría, o mar, as rúas e a xente que transita por elas, mariñeiros, labregos, xente do pobo á que plasma con simpatía. Ás veces toma diferentes elementos da paisaxe, e combínaos á súa maneira, creando escearios que aínda que inspirados na realidade con responden exactamente a un lugar concreto.

Nestes anos participará en diversas actividades filantrópicas ribadenses:

En 1954 xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid orgaizóu a Coral Polifónica Ribadense que se presentaría oficialmente nesta vila o 20 de xullo 1955. Participóu na creación da Biblioteca pública El Viejo Pancho, que se inauguróu oficialmente en 1957 e tamén deseñóu os espazos, o mobiliario, e pintóu in situ sobre táboa o enorme retrato do personaxe que lle da nome: El Viejo Pancho( D. José María Alonso y Trelles Jarén), ribadense de nacemento e groria nacional das letras en Uruguay.

Xunto co seu irmán Carlos, cara a 1958 creóu o grupo de gaiteiras Saudade, coñecido posteriormente como Meniñas da Saudade, que se presentaria en 1960, e que acadaría grandes éxitos nacionáis e internacionáis, ata a súa disolución en 1965. Á súa irmá Amadora seleccionóu ás pezas a interpretar, e compuxo ela mesma varias. Os traxes das intérpretes- moitos deles inspirados nos representados nas obras do pintor Dionisio Fierros- foron deseñados e confeccionados pola mesma Amadora e a súa sobriña Matilde García de Paredes. Todo elo, ademáis dos instrumentos musicáis, foi subvencionado polos irmáns Suárez Couto case íntegramente.

Tamén co seu irmán Carlos, e outros amigos creóu en 1962 a socidedade Amigos da Gaita Galega, para potenciar o folklore galego e a romeiría tradicional ao cercano monte de Santa Cruz. Neste monte decidiron levantar un monumento Ao Gaiteiro Galego, que lle encargaron ao escultor ourensán Antón Failde. Ata hoxe seguese a celebrar en agosto a romeiría de Santa Cruz (Xira) , na que se dan cita grupos folklóricos chegados de diversos lugares de Galicia.

Amando Suárez Couto falecéu en Ribadeo o 14 de outubro de 1981. Ata uns anos antes da súa morte seguiu pintando e debuxando con entusiasmo, deixando tras de sí un legado artístico e filantrópico que permanece, trascendendo no tempo.

3. Conclusión.

Con ese artigo quero render homenaxe ao artista Amando Suárez Couto, a quen tiven a honra de coñecer e de ter como profesor na Academia Santo Tomás de Aquino, de Ribadeo. Os seus dedos eran máxicos. Aínda que naquel tempo xa era un home de idade, baixo o seu lápiz xurdían toda serie de obxetos, paisaxes e figuras humanas cunha facilidade pasmosa. O seu trato cordial e a súa humildade fixeron del un dos nosos profesores máis queridos.

O tempo, que pon a cada un no seu lugar, fixo que nos fóramos enterando do seu papel na arte e na cultura galega. O primeiro terzo do S.XX, ata a Guerra Civil, foi un período de asimilación polos nosos artistas das correntes de vangarda trunfantes en Europa. Ademáis en campos nos que o debuxo e fundamental, como é o gravado e a ilustración, asistéuse a un auxe e a unha renouvación de formas como non voltaríamos a ver en España ata os anos 50. É importante coñecer o papel que xogaron estos autores na difusión e transformación da estética, que foi un punto de partida para as xeneracións posteriores. Ademáis a súa cercanía á terra, o seu amor polo cotián e polo entorno, foi, coa obra dos nosos literatos moi influinte na difusión e o coñecemento de Galicia.

4.Bibliografía:

- CASTRO FERNÁNDEZ, Celia.“Dos Pintores del Eo: Amando Suárez Couto y Benito Prieto Cosén”. En torno al Bimilenario del Eo (Coord J.MGómez Tabanera).( 2002) Foro Cultural del Noroeste. Oviedo.p.p. 611-618.

-CORREA CALDERÓN, Evaristo. El Arte Racial de Suárez Couto.(1925). Ed Ronsel. Lugo.

-PÉREZ RODRÍGUEZ, Mª.Antonia. “Amando Suárez Couto”Artistas Gallegos-Pintores- Regionalismo III. (1999). Nova Galicia Edicions-Vigo.p.p. 18-55.

1 Almanaque Galego foi unha publicación anual editada en Bos Aires entre 1898 e 1927. Maiormente o seu contido trataba sobre a cultura e a vida galegas. Os textos ían indistintamente en galego e castelán. As súas fotografías e ilustracións son obra maiormente de artistas galegos. Fernando álvarez de Sotomayor, Modesto Brocos, e Dionisio Fierros son algúns dos aristas cuxa obra aparece reproducida nas súas páxinas.↩

En pdf:

 

    jpg:







20230910

En relación á Casa da Ría

En relación á Casa da Ría

Árbores na terraza da Casa da Ría

    Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

    A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

    Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne. 

    No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

    Anos despois quedou de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min hai cousa dunha ducia de anos.

    Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos uso e máis necesidade de mantemento.

    En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro alcalde para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso fóra dela. 

    Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil o uso, e así, mentres nalgún caso chovía por riba do aparello (o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto), oxidándose o espello, aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento, cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a larma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara un equipo no que participaba a súa filla.

    Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado no tema con anterioridade en Ribadeo, se deron un par de cursiños de verán e realizaron varias observacións astronómicas, sempre no verán, xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo decaeron para pasar a ser sinxela propaganda para uso turístico. Así, Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A. C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar dos sucesivos avisos (pódese ver aquí un en particular, e en xeral a historia en Ribadeando ou entre outras actividades en FQRibadeo).

    Polo medio, tentouse amañar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos, comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non só as observacións).

    Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde a 'non localización' de dous telescopios. Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.

20230812

Xira despois da xira

    No verán todo parece ir máis lento, mais xa queda no fin de semana pasado a Xira, e case esquecidas as vivencias daquel día e mesmo a morea de fotos e vídeos publicados na rede.

    No día seguinte pola mañá, luns, a media mañá, pasei por Santa Cruz a ver se as verbas do alcalde fixeran efecto. Con persoal de limpeza aínda por alí, e preto de vinte coches aparcados na zona de aparcamento e lugares veciños, parece que si houbo moderación. As fotos coido que permiten pensalo.



    Outra cousa foi no pobo. Quedan queixas diversas sobre un grupo con ruido excesivo durante tempo excesivo en varios lugares, dende mediodía ata o atardecer, e mesmo con cortes de tráfico en San Roque. Anda pola rede algún vídeo que o testemuña.

20230730

Cara á Xira de Santa Cruz 2023

    Achegámonos ó primeiro domingo de agosto, é dicir, á Xira de Santa Cruz. Este ano o concello enviou unha nota de prensa e acompañou un bando curioso na forma, de impacto para a festa. Deixo ambas cousas en baixo:

O ALCALDE FAI UNHA CHAMADA AO RESPECTO CO ENTORNO

Xira de Santa Cruz


26/07/2023

As concelleiras de Cultura e Turismo, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz, amosan o apoio do Concello á nova edición da Xira de Santa Cruz, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. A festa, de interese turístico galego, está organizada pola asociación Amigos da Gaita.

Os actos dan comezo o sábado, día 5, ás 19.30 horas cun pasarrúas a cargo de Amigos da Gaita e seguirá co pregón de Felipe Rea Otero e coas actuacións das escolas. O día grande será o domingo, xornada na que haberá diferentes actuacións musicais a partir das 12 horas como o grupo Donaire, no monte de Santa Cruz, e Recuncheiros e Axeiros no Cantón dos Moreno. Seguidamente, terá lugar a subida ao monte e o tradicional xantar.

Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura, manifestou que "a Área de Cultura do Concello de Ribadeo convida a todo o mundo á edición número 72 da Xira de Santa Cruz e día da gaita galega. Acompañemos á asociación Amigos da Gaita no pregón o día 5, aplaudindo o traballo das diferentes seccións da escola e subamos ao monte o domingo 6 para desfrutar de música, amizades e natureza á sombra do monumento ao gaiteiro. Este ano os concertos da tardiña correrán a cargo dos grupos Tres Pesos e Aliboria. Alí vos esperamos a todos e todas".

A edil de Turismo, Marta Saiz, comentou que "o vindeiro día 6 como cada primeiro domingo de agosto celebrarase o principal romaxe da Xira de Santa Cruz. Trátase dunha festa de interese turístico e na que se homenaxea o día da gaita nun marco incomparable como é o monte de Santa Cruz, un fermoso mirador sobre a ría e sobre toda a comarca e onde unha extensa fraga abraza ese monumento gaiteiro, a día de hoxe único en toda Galicia". E engadiu: "agradecer á asociación Amigos da Gaita a súa organización e a continuidade desta romaxe ao longo dos anos. Desde o Concello de Ribadeo seguiremos apoiando e poñendo en valor as nosas festas, a nosa tradición e a nosa cultura".

A través dun Bando, o alcalde, Dani Vega, fai unha chamada aos asistentes para que sexan respectuosos con ese entorno natural, no que estará prohibido facer recintos pechados con plásticos agrícolas ou a instalación de mobiliario como sofás ou colchóns: "resultando todo isto unha mala imaxe para a festa, co serio agravante de que practicamente nada se recolle ao finalizar a romaría, parecendo aquilo un auténtico vertedoiro. Incumprir o anterior considerarase como disposición de residuos nun lugar non autorizado, coa consecuente posibilidade de incoación de expediente sancionador para os responsables".

No Bando sublíñase que "estará permitido reservar espazos da área recreativa dun xeito tradicional e respectuoso co entorno, como pode ser corda ou cinta plástica, dispoñer toldos ou parasoles para protexerse do sol ou da chuvia que nunca supoñan o illamento dun espazo, así como subir aqueles obxectos directamente relacionados coa festa, coa consecuente obriga de recoller todo ao abandonar o lugar. E por suposto, permítese gozar dunha romaría en familia e cos amigos e veciños, da música e baile tradicional galego, co fin de non perder a esencia da Festa da Xira de Santa Cruz".

A Xira foi presentada no Monte de Santa Cruz por Amigos da Gaita. Xunto a eles estiveron o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo.




20230105

Ribadenses destacados: Amando Suárez Couto. Celia Castro

    Comezo a reprodución de biografías do libro 'Ribadenses destacados' coa de Amando Suárez Couto, por Celia Castro.

    Nas sucesivas biografías que vaian aparecendo no blog, poderá haber lixeiras diferencias en relación ó libro, xa que cando poda, aproveitarei directamente o artigo fonte do que aparece no libro, logo con algunha variación sobre todo, de formato e separación dentro do texto, e a ser posible, corrixindo algunha errata previa de tipografía que poda detectar.

AMANDO SUÁREZ COUTO

(Ribadeo 1894- Ribadeo 1981)

O Rapaz das Festas (autorretrato). Amando Suárez Couto.1919. Óleo sobre lenzo. Fotografía de Colección particular.

    Debuxante e pintor, tamén fixo gravado e iustracións publicitarias. Destacou tamén como músico, e escenógrafo. Mecenas en varios campos da cultura e o deporte, foi unha importante figura da arte galeguista de vangarda no primeiro terzo do S. XX.

    Amando Suárez Couto naceu en Ribadeo o 4 de maio de 1894. Foi o maior dos seis fillos do matrimonio formado por Juan e Amadora. Nesta vila relizou os seus primeiros estudos, na escola de Doña Paquita -como lembróu en 1926 o seu amigo Clemente López Pasarón- mostrando xa unha clara inclinación polo debuxo .

    Máis tarde os seus pais decidirían pasar os invernos en Madrid, sendo esto decisivo na súa formación. Alí asistíu ao colexio de los Santos Reyes, de orientación liberal, na liña da Institución libre de Enseñanza, baseada no krausismo.

    Aínda que comezou estudos na Academia militar, axiña deixou esta para seguir a súa verdadeira inclinación, o debuxo e a pintura. Matriculouse na Escola de Artes e Industrias de Madrid seguindo os consellos dos seus pais, que consideraban este centro, de orientación máis práctica, menos tradicional que a Escola de Bellas Artes de San Fernando, anclada nuns principios máis clásicos. Enseguida destacou nos estudos, sendo merecedor da calificación de Premio Extraordinario. Posteriormente asistiría ao obradoiro do pintor burgalés Marceliano Santamaría.

    En Madrid entablóu contacto con importantes debuxantes e ilustradores do momento, como Manuel Bujados, Rafael Penagos ou Federico Ribas, que lle animaron a colaborar con diversas publicacións: La Esfera, Blanco y Negro, Por esos mundos. Tamén ilustróu novelas e contos de Saturnino Calleja, e fixo as súas primeiras incursións no mundo da publicidade, destacando os anuncios que fixo para a firma de perfumería Floralia.

    As súas ilustracións, de trazo áxil e expresivo, cheas de imaxinación e dinamismo, influenciadas pola estética do momento, fálannos xa do magnífico debuxante que sería durante toda a súa vida.

    Durante o verán trasládabase coa súa familia a Ribadeo, participando na vida local e tomando parte en diversas actividades. En 1913 fundou con outros amigos ( Bustelo, Cuervo…) o Club Deportivo Ribadense, xerme do futuro Ribadeo F.C., celebrándose o 17 de agosto de ese ano o primeiro partido, contra o equipo de Luarca, xogando él mesmo no equipo ribadense.

    Nesta vila tamén formóu parte de rondallas -xunto con outros xóvenes da vila como Antonio Rodríguez Darriba ou Emilio Vior- tocando o violín. A música foi sempre unha das súas grandes aficións, compartida polos seus irmáns.

    En 1919 os seus amigos Manuel Bujados e Evaristo Correa Calderón convénceno para que envíe obra á Mostra de Arte Galega que se ía a celebrar en Buenos Aires, e na que participaba tamén Federico Ribas. Accedeu, aínda que sempre foi reacio a expoñer e participar en mostras artísticas, por non estar dacordo cas liñas que rexían estas.

    En 1921 viaxa por Europa, permanecendo seis meses en París. Á súa volta, en Madrid, onde leva unha activa vida cultural, de relacións artísticas e tertulias, decídese a mostrar a súa obra. En 1923 expón no Ateneo e en 1925 no Centro de Galicia de Madrid, e participa en mostras colectivas como a Terceira Exposición de Arte Galego na Coruña en 1923, e a do Ano Santo de 1926 en Compostela, entre outras, e nas Galerías Layetanas de Barcelona.

    A súa arte, imaxinativa nos debuxos e caricaturas, e costumista, de raíz profundamente galega na pintura, reflicte a paisaxe da súa terra ribadense, o mar, o campo (A Pelexa, Xente de mar, O Crego, A Fogueira, A Renda) e a vida cotiá das súas xentes, cunha estética sinxela e dinámica, na liña dos renovadores, de Souto e de Castelao, con quen tiña trato e quen o consideraba millor pintor que el mesmo. Evaristo Correa Calderón publicóu en 1925 El Arte Racial de Suárez Couto, con 16 reproduccións de cadros e debuxos no que fai unha semblanza do pintor, considerando que é o que mellor plasma a alma galega.

O Crego. Amando Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. 88x118cm. Anterior a 1924. Concello de Ribadeo. Fotografía da autora.

    En 1924 fundouse en Lugo, por iniciativa do mesmo Evaristo Correa Calderón, o debuxante Álvaro Cebreiro e Jesús Bal y Gay, a revista Ronsel, na que se recollerían as principáis tendenzas de vangarda, artísticas e literarias, europeas. A súa vida editorial foi curta, só saíron seis números, pero neles colaboraron as figuras máis relevantes das letras e a arte galega: Camilo Díaz Baliño, Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Sobrino, etc. No exemplar nº4, Suárez Couto publicóu a súa coñecida plumilla O mariñán do Eo.

    Tamén colaboróu coa revista Céltiga, editada en Buenos Aires, e co Almanaque Gallego de 1927

    Eran tempos de intensa actividade para o artista, ás exposicións e publicacións en revistas súmanse as actividades de filantropía e colaboración social desenvolvidas principalmente en Ribadeo có seu irmán Carlos e outros amigos con inquedanzas. En 1923 creóu nesta vila o coro Cantigas da Mariña, preocupándose do repertorio musical, e deseñando os traxes e decorados da presentación, no que colaboróu o seu amigo Camilo Díaz Valiño. Esta agrupación musical dirixida por el mesmo, na que tocaba tamén a gaita, foi presentada oficialmente o día 2 de setembro de 1924, no Teatro de Ribadeo, co gallo da inauguración das festas patronais, aínda que a súa presentación fora programada para un ano antes. Dita agrupación musical obtivo grandes éxitos, desfacéndose en 1929, e volvendo a xurdir da man de Claudio Pérez Prieto (Claudín de Doña Eudoxia), en 1933, sendo dirixida esta vez por Leonardo Fernández Reinante.

    Tamén nestes anos tomóu parte na creación da Cabalgata de Reis, xunto con outros ribadenses como Gregorio Sanz ou Santiago Heydeck, co propósito fundamental de que os nenos con menos recursos recibiran agasallos. Suárez Couto foi o encargado de deseñar o vestiario e o atrezzo de dito evento.

    En 1927 creou, con Gregorio Sanz, Cisneros, Ponceliz e outros, co asesoramento de Camilo Barcia Trelles, a Biblioteca Popular Circulante, que cumpriría unha importante función, achegando a lectura a moitos fogares. En 1929 viaxou de novo a París, donde permaneceu un tempo, expoñendo nas Galerías Bernheim-Jeune con notable éxito. Alí tomou contacto coas vangardas artísticas, sobre todo co cubismo e surrealismo, que lle influirán na súa obra posterior.

    Fixo cadros moi interesantes, como Xogadores de xadrez, Nena da guitarra, Caseta de Tiro ou O Mineiro, que, eloxiados pola crítica francesa, non tiveron sen embargo éxito en España. En 1931 espuxo estes e outros cadros no Lyceum Club Femenino de Madrid, con reseñas negativas de parte da crítica máis conservadora, o que lle causóu un fondo desánimo facéndolle rachar varios cadros e deixar a pintura por un tempo.

    Magnífico dibuxante de áxil trazo e grande imaxinación -pese a opinión de algunhos, pola súa inspiración na realidade- fixo tamén incursións no mundo do gravado. No primeiro terzo do S. XX o gravado en metal, e sobre todo a xilografía foron técnicas moi empregadas polos artistas.

    En 1931, fixo as xilografías, en madeira de buxo, para o libro Ribadeo Antiguo escrito polo ribadense Francisco Lanza. O libro imprimíuse en Madrid na imprenta Mercurio, propiedade de Carlos Suárez Couto, e foi publicado polos dous irmáns de forma altruista. O autor, Francisco Lanza, emigraría á Arxentina ese mismo ano.

    Ribadeo Antiguo é unha breve pero rigorosa historia de Ribadeo. Para as ilustracións, que encabezan cada capítulo, e os incipit Amando levou a cabo un gran traballo de documentación, relacionando estas co texto, segundo a época a tratar.

    Nestes anos montóu co seu irmán Luis unha granxa de polos na localidade madrileña de Vicálvaro. Alí trabou amizade co doutor Julio Camino Galicia -irmán do poeta Luis Felipe e eminente psiquiatra- e coa súa familia. Esta relación estreitaríase co seu casamento, en 1936, coa filla maior do doutor, Margarita. Ese mesmo ano desencadearíase a Guerra Civil truncando a súa vida e a súa carreira. Durante a contenda a súa granxa surteu de víveres a capital, o que fixo que fora pechada ao trunfar o franquismo. Con todo residíu alí ata 1945, producindo para consumo propio. A partir de 1945 volvéu á Madrid e retomóu a súa carreira como pintor.

    Eran tempos difíciles e mantense económicamente dando clases de pintura e traballando no departamento de publicidade da productora Metro Goldwin Mayer, para a que fará os carteis publicitarios das películas. Comparte obradoiro co gravador Manuel Prieto Nespereira e comeza de novo a pintar e expoñer. En 1944 mostra a súa obra na sala Marabini de Madrid, en 1945 no Instituto Británico da mesma cidade e na sala Fortuni de Reus. Ademais, contrariamente o seu costume, ese mesmo ano envía varias obras á Exposición Nacional de Bellas Artes: Dous cadros, Retrato de un músico, e Paisaje de la Mariña, e dous debuxos a plumiña: El médico y la muerte, e, Job.

As tentacións de Xob. Amando Suárez Couto. Tinta sobre papel. 27x20cm. Colección particular. Fotografía tomada pola autora de copia do orixinal.

    Tamén en 1945 participou na mostra de Arte Taurina de Zaragoza, e, en 1946 espuxo de forma individual na sala Macarrón de Madrid.

    No campo da escenografía teatral (como tiña feito anteriormente e faría con posterioridade) realizóu decorados e deseño de traxes e atrezzo para unha obra baseada nos relatos de Calila e Dimna.

    Os retratos de Margarita Camino e de Matilde García de Paredes (1947) amosan elegancia e sensibilidade, poñendo de relevo á delicadeza das modelos e conectando coa estética do momento.

    Con todo, non satisfeito da súa vida en Madrid, en 1951 regresóu coa súa dona definitivamente a Ribadeo, onde seguiría pintando e levando unha existencia plácida ata 1953 en que falecéu Margarita, sumindóo nunha profunda melancolía da que saíu axudado polos seus parentes e amigos. Comezou a dar clases de debuxo no Instituto de Ribadeo e na Academia Santo Tomás de Aquino, retomóu a pintura e implicóuse en actividades culturáis e de mecenado, actividades que influirían positivamente no seu ánimo.

    Desta época son unha serie de cadros de paisaxes e escenas ribadenses. A miúdo repite temas tratados anteriormente, feito común nalgúns pintores. A súa pintura amósanos un Ribadeo sereno, case bucólico, un transcorrer da vida plácido. Son cadros con gran encanto, con cores ledas sen apenas sombras. Algús críticos din que as tonalidades claras e brillantes poden ser reminiscencia do seu traballo na Metro Golwin Mayer, pero tamén pode ser a entrada nunha etapa serena e contemplativa, na que o entorno máis próximo lle serve de inspiración. A Ría e o monte, as festas, os mariñeiros, as xentes sinxelas que transitan e habitan esas rúas, son plasmados co agarimo e simpatía dun espectador benévolo. Ás veces non se atén completamente á realidade, senon que a transforma, engadindo á paisaxe elementos novos, compoñendo ao seu gusto os escenarios, para crear un marco máis propicio. O seu debuxo segue a ser tan expresivo e dinámico coma sempre, e estas características acompañaríano ata o fin da súa vida.

    Tarde apacible, Paisaxe de ría, A Fogueira (tema que xa representara antes de 1924), Porto de Ribadeo, Os Vellos do Asilo, son algúns dos lenzos máis representativos.

A Fogueira. Amando Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. 1956. Colección particular. Fotografía da autora.

    En 1954 xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid orgaizóu a Coral Polifónica Ribadense que se presentaría oficialmente nesta vila o 20 de xullo 1955.

    En 1957, inauguróuse oficialmente a Biblioteca pública El Viejo Pancho, tomando Amando parte activa e desinteresada na empresa, como fixera anteriormente coa Biblioteca Popular Circulante. Neste caso ademáis de supervisar a orgaización, deseñou os espazos e o mobiliario e pintou in situ o enorme retrato sobre táboa (320x220cm) de El Viejo Pancho, José María Alonso y Trelles Jarén, ribadense afincado no Uruguai, onde foi gloria nacional e señeira figura das letras. Representa ao personaxe como un home de mediana idade, vestido de gaucho, na chaira uruguaia. Para a caracterización fixo un intenso estudo da vestimenta e ornamentos do gaucho.

El Viejo Pancho. Suárez Couto. Óleo sobre táboa. 320x220cm.1957. Concello de Ribadeo Fotografía da autora.

    Cara a 1958, xunto co seu irmán Carlos, creou o grupo de gaiteiras Saudade, coñecido posteriormente como Meniñas da Saudade, que se presentaria en 1960, e disolveríase en decembro de 1965 a causa da dispersión das rapazas que o formaban. O instrutor e director musical do mesmo foi o gaiteiro Primitivo Díaz. O grupo alcanzóu un gran éxito, sendo a primeira banda de gaitas formada exclusivamente por mulleres. Nun principio este grupo estivo formado por sete rapazas, pero máis tarde chegaron a ser catorce. As pezas do repertorio foron seleccionadas pola súa irmá Amadora, excelente pianista, que compuxo tamén varias pezas. O vestiario estaba inspirado nos traxes galegos dos Ss XVIII e XIX, e esixiu unha rigorosa documentación -fundamentalmente inspiráronse no arquivo da Real Academia Galega e nos cadros do pintor Dionisio Fierros- sendo confeccionados pola súa sobriña Matilde García de Paredes.

    Todo elo, instrumentos e vestiario foi subvencionado polos irmáns Suárez Couto sen apenas axudas.

    O seguinte paso foi crear, en xullo de 1962, a sociedade Amigos da Gaita Galega, para potenciar o folklore galego e a Xira de Santa Cruz. Decidiron levantar un monumento ao Gaiteiro Galego no monte de Santa Cruz, donde se celebrou sempre esta romaría (que Amando documentou ao longo da súa vida en cadros e debuxos). Fixéronlle o encargo ao escultor ourensán Antonio Failde. Con todo, as axudas recibidas non foron suficientes, tendo que subvencionar eles mesmos gran parte da contía. Con tal fin Amando vendéulle ao Museo Provincial de Lugo o seu cadro As Gaiteiras da Saudade, pintado en 1963.

    A partir destes anos, e ata o seu falecemento, continuou pintando -segundo as súas propias palabras: “Con máis ilusión que nunca”- e impartindo clases de debuxo en Ribadeo. Pintou paisaxes e cadros de temática costumista, facendo algunha incursión noutros xéneros, como na pintura relixiosa. San Francisco e o Lobo (1967) do que fixo varias réplicas, é unha obra na que parte de esquemas clásicos e presenta a figura do santo dun xeito innovador e achegado, chea de humanidade. Ubica as figuras nunha paisaxe nevada baixo un ceo tempestuoso e vibrante. Faleceu en Ribadeo o 14 de outubro de 1981 aos 87 anos.

    Bibliografía:

    - Castro Fernández, C. “Dos Pintores del Eo: Amando Suárez Couto y Benito Prieto Cosén”. En torno al Bimilenario del Eo (Coord J.M Gómez Tabanera). (2002) Foro Cultural del Noroeste. Oviedo. Pp 611-618.

    - Correa Calderón, E. El Arte Racial de Suárez Couto. (1925). Ed Ronsel. Lugo.

    - Pérez Rodríguez, M.A. “Amando Suárez Couto” Artistas Gallegos - Pintores - Regionalismo III. (1999). Nova Galicia Edicions-Vigo.Pp 18-55

Celia Castro

20220807

Onte houbo concentración de pensonistas

    Onte, primeiro sábado deste agosto de 2022, houbo en Ribadeo unha nova concentración de pensionistas. Como a maioría das actividades que se organizan dende o movemento, con calma pero sen cese, a concentración celebrouse o día no que comeza a Xira de Ribadeo, e tamén no día no que unha delegación participaba nun acto de confratenización no sur de Galicia (a última foto corresponde a dito acto). 

    Deixo en baixo o que me pasaron (eu non puiden asistir), a nota que se leu e algunha das fotos de Suso Fernández, a máis da última, de autor descoñecido para min, tomada en terras do Miño.









20220804

Concentración pensionista primeiro sábado de agosto

    Aínda que a concentración pensionista coincide coa Xira de Sta. Cruz, poden facerse as dúas cousas:



20210925

En memoria de Emilio Piñeiroa Lozano

   Hoxe, na Ponte de Arante tivo lugar un acto de recoñecemento de Emilio Piñeiroa. Primeiro falaron Azucena González, da asociación de veciños o Formigueiro, promotora do acto, logo o parlamentario galego Daniel Vega e logo o alcalde Fernando Suárez, rematando a filla de Emilio. Antes tivo lugar unha misa de campaña, e despois, a actuación da coral polifónica de Ribadeo, para rematar coa descuberta dun monolito conmemorativo. En baixo deixo o cartel de chamada ó acto, varias fotos, un vídeo comprendendo dende as últimas verbas de Azucena á terceira obra da actuación da coral, e outro moito máis curto, co sinxelo acto de destapar o monolito. Remata a entrada coa copia da nota de prensa que en 2019 emitiu o concello para dar noticia do recoñecemento de interese da festa das Cruces.

Dunha foto de Pancho Campos

Durante o acto previo




RIBADEO CONTA ASÍ CON 2 FESTAS CON ESTE RECOÑECEMENTO

Festa das Cruces

Festa Romaxe das Cruces

29/03/2019

A Mesa de Traballo constituída para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Festa Romaxe das Cruces recibiu con agrado a distinción.

A Mesa de Traballo constituída, en maio de 2017, para acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Festa Romaxe das Cruces, formada por representantes da Asociación de Veciños/as o Formigueiro, o presidente, Javier González López, a secretaria, Azucena González Loredo, o párroco Carlos Miranda Trevín, o historiador especialista na Romaxe Emilio López Piñeiroa, a técnica municipal de turismo, Begoña García López, e os/as voceiros/as dos grupos con representación na Corporación Municipal Ana María Martínez Fernández, Jesús López Penabad, Aurora González Ginzo e Marta María Saiz García, e coordinada pola Delegación Municipal de Turismo do Concello de Ribadeo, recibiu con agrado a declaración institucional por parte da Xunta de Galicia desta distinción.

E lembran que "así, tras o traballo de investigación elaborado por dita mesa, foi presentada unha moción para ser tratada no pleno municipal do 1 de xuño do 2017, adoptando o acordo unánime de iniciar o procedemento de solicitude por parte do Concello de Ribadeo á Xunta de Galicia para a declaración de Festa de Interese Turístico Galego".

Ademais subliñan que "é unha festa capaz de xuntar 7 parroquias de dous Concellos diferentes (Ribadeo e Trabada), reflexo da forza e unión da veciñanza na defensa da colectividade, con máis de 200 anos de antigüidade se ven celebrando de maneira ininterrompida grazas aos veciños e veciñas, abandeirados pola Asociación de Veciños O Formigueiro e a Comisión de Festas, verdadeiros artífices deste evento, e da que poderemos disfrutar novamente o 10 de xuño (luns de Pentecostes)".

Con esta declaración o Concello de Ribadeo conta xa con dúas Festas de Interese Turístico Galego: a Xira de Santa Cruz e a Festa Romaxe das Cruces da Ponte de Arante.