Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta escudo de Armas da Aduana Vella. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta escudo de Armas da Aduana Vella. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20240312

PAZO DO MARQUES DE SANTA CRUZ DE MARCENADO (Castropol). Pancho Campos Dorado

 

PAZO DO MARQUES DE SANTA CRUZ DE MARCENADO (Castropol)

Pancho Campos Dorado

O acceso ao pazo, está conformado por unha gran portada cuxo van de acceso presenta un arco de medio punto conformado por dovelas enriquecidas por un rosario de óvalos e a clave arrostrada con rostro humano. Os sálmeres apoian en impostas molduradas sobre columniñas de sección semicircular acaroadas (adosadas ao paramento), e o todo, flanqueado por dúas columnas de sección circular, tamén acaroadas ao paramento. Están asentadas sobre pedestais prismáticos rematados por astrágalos de medio bocel, e rematadas con capiteis xónicos. Os riles do arco son decorados con baixo relevos en forma de ramas florais.

Deste pazo eran titulares os Marqueses de Ferrera, e denominábase a Casa do Campo de Castropol. A Marquesa D.ª FRANCISCA DE NAVIA ARANGO MONTENEGRO Y LANTOIRA cásase con D. ÁLVARO JOSÉ DE NAVIA-OSORIO Y VIGIL DE LA RÚA (1684–1732), Fidalgo de Navia, III Vizconde del Puerto, e a partir de entón foi chamado o Pazo dos Marqueses de Marcenado, por ser tamén D. Álvaro o III Marqués de Marcenado (1717-1732).

Isto queda evidenciado nos brasóns das columnas xónicas da portada do pazo. Na columna esquerda, en pau, unha “M” coroada dos MONTENEGRO, sostida dunha torre da que saen tres lanzas dos LANTOIRA. Abaixo un escudo brasonado cunha banda, a banda dos NAVIA ARANGO do brasón terceiro do escudo dos marqueses de Ferrera, aínda que falta estar engulida en dragantes. Parece raro que este fora un erro dos canteiros, polo que podería darse a outras interpretacións, como veremos.

Armas dos Montenegro

Na columna destra, a “M” coroada dos MONTENEGRO, a torre superada de tres lanzas dos LANTOIRA, e abaixo un escudo brasonado cunha barra, posible dos NAVIA-VILLAAMIL de Navia, aínda que, como no caso anterior, faltan os dragantes.

Segundo o vemos nós, parecería que os brasóns, tanto o da banda como o da barra, se fixeron a posteriori de facer o pazo, dado que os brasón dos MONTENEGRO e LANTOIRA están feitos en baixo relevo evidente antes de montar as pedras da cachotería, e os escudos brasonados coa banda e coa barra, están gravados na pedra cando xa estaba asentada. Parécenos que foi así, por lóxica, posto que senón terían a mesma factura que os anteriormente mencionadas.

Armas dos Lantoira

O Marquesado de Ferrera é título de Castela, e foi concedido en 1697 polo rei Carlos II (1665-1700) fillo de Felipe IV, a D. JUAN ALONSO DE NAVIA Y ARANGO (Avilés 1659-1731) I Marqués de Ferrera.

Marquesado de Ferrera

Previamente D. Juan fora Vizconde de la Herrería, pois Felipe IV en 1631 e 1644 dita Reais Cédulas que ordenan ser previamente vizcondes antes de ser nomeados Condes ou Marqueses. Todo por cuestión fiscal, pois así estaban obrigados a pagar dúas veces os tributos de lanzas e de media anata.

Os tres Escudos de Armas que hai sobre a portada son, como veremos, claro reflexo dos que hai baixo o enterramento da Igrexa parroquial de Santiago Apóstolo.

ESCUDO ESQUERDO

Escudo español, partido e cortado de dous, con seis cuarteis. Timbrado con casco de fidalgo cabaleiro, mirando á destra, viseira baixada e catro grilletas á vista, rematado cun gran penacho de plumas repartidas a destra e sinistra. Está sostido por unha voluta apergamiñada e por dous soportes de leóns lampasados que apoian as garras no contorno, un a cada flanco.

Primeiro cuartel: un castelo de tres torres e de cada unha delas sae unha lanza. Son armas dos LANTOIRA (En campo de sinople, un castelo de ouro, con tres torres e de cada unha delas sae unha lanza de sable. Tal e como se ven os esmaltes no primeiro cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial de Castropol).

Segundo cuartel: Unha árbore da que colga unha espada cargada ao longo, por un escudo elíptico burelado. O todo sinistrado dun crecente contornado (coas puntas cara á sinistra). Son armas dos DONLEBÚN (En campo de gules, unha árbore de ouro da que colga unha espada co puño de ouro e cargada, ao longo, por un escudo elíptico de borde de ouro e burelado de sable. Tal e como se ven esmaltes no terceiro cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial).

Terceiro cuartel: Unha “M” coroada. Son armas dos MONTENEGRO (En campo de azur unha “M” de ouro coroada de ouro. Tal e como se ven esmaltes no segundo cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial).

Cuarto cuartel: Dous lobos pasantes en pau. Son armas dos OSORIO ou OSSORIO. (En campo de ouro, dous lobos pasantes de gules, colocados en pau)

Quinto cuartel: Unha banda. Puidese atribuírse esta banda ás armas dos NAVIA, pero a banda non está engulida en dragantes (En campo de gules unha banda de sable engolada en dragantes dentados de sinople // Ou dos NAVIA de ANLEO (En campo de sinople unha banda de gules engulida en dragantes de ouro lampasados. Esmaltes dos NAVIA de ANLEO no retablo do altar maior da igrexa parroquial de Ribadeo).

O brasón da banda soa sen engulir en dragantes, pode atribuírse as Armas dos GARCÍA DE LA VEGA (En campo de ouro unha banda de gules) // Tamén dos FERNÁNDEZ ROCES (En campo de gules unha banda de prata) // Tamén dos GONZALEZ da Casa de Luarca (En campo de ouro unha banda de gules).

Sexto cuartel: Unha árbore á que están arrimadas cinco lanzas, tres a destra e dúas a sinistra. Son armas dos LANZÓS (En campo de gules, un carballo ó que están arrimadas cinco lanzas de prata cos mangos de ouro, tres a destra e dúas a sinistra). Así aparece no escudo de 1674 do Pazo de Pividal ou de Miranda en Abres.

ESCUDO CENTRAL

Escudo español, semipartido de un rasgo e cortado de dous, con cinco cuarteis. Timbrado con casco mirando a destra (enterramento) ou a sinistra (no pazo), propio dun cabaleiro fidalgo, viseira baixada con catro grilletas á vista e cun gran penacho de plumas, tres a destra e tres a sinistra. O escudo do enterramento está sostido por dúas flores cerradas e por dous tenantes con figuras de anxos que o aguantan polo contorno, un a cada flanco. No escudo da portada o sostén está formado polo que parecen pétalos de flores ou linguas de auga dun mergullo (chapuzón), e os tenantes son anxos similares aos anteriormente descritos.

Primeiro cuartel: Unha barra engulida de dous dragantes lampasados. Parecen ser Armas do MARQUÉS DE SANTA CRUZ DE MARCENADO. Pero observando o conxunto dos brasón do escudo, vemos que todos os cuarteis son os mesmos que os do MARQUESADO DE FERRERA, colocados en distintos cuarteis, entendendo que o escudo é FERRERA.

Segundo cuartel: Un castelo con torre de homenaxe da que saen tres lanzas. Son armas dos LANTOIRA. Os esmaltes son iguais aos do escudo esquerdo do Retablo da Marquesa, descritos en artigo previo (en Ribadeando e tamén en La Comarca del Eo, 10 Febreiro 2024)

Terceiro cuartel: Seis corvos en dous paus de tres, mirando a sinistra (En campo de prata, seis corvos de sable, en dous paus de tres, mirando a sinistra). Son armas dos CUERVO, contornadas das dos ARANGO, pois en ARANGO os corvos miran á destra, tal e como se ven, no escudo do Marqués de Ferrera. Ambas armas proceden de Pravia, dos CUERVO Señores do val de ARANGO (Francisco Sarandeses, Heráldica de los apellidos Asturianos, Oviedo 1994, p.62). Tamén vemos os corvos dos CUERVO e dos ARANGO mirando a destra no cuarto cuartel do escudo de Armas de 1726 da Aduana Vella, de D. CARLOS MIGUEL ACEVEDO PARDO DE TABOADA (Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.43)

Cuarto cuartel: unha “M” coroada. Armas dos MONTENEGRO.

Quinto cuartel: En campaña. Un barco acostado de dous castelos (un a cada flanco) con tres torres aclaradas con saeteiras.

Particular mención merece a descrición do barco. Trátase dun barco de vela dun só mastro central (maior) arborado e aguantado en candela por dous estais acalabrotados (formados de varios cabos colchados), un cabo firme a un bauprés de proa con bastante inclinación, e outro a un palo macho de popa sobre o que ondea un pabellón a modo de insignia de dúas zarpas. A única vela cuadra do mastro maior, está aferrada e cargada por alto (sen arriar a verga). O centro da verga está cargada de un paxaro grande volante (unha gaivota ou un mascato coas ás abertas) mirando a destra. Esta campaña puidese ser expresión dun exvoto dun salvamento. Teñamos en conta que a campaña é de moi raro uso en heráldica e ocupa a terceira parte inferior do escudo. Falamos de salvamento, pois na bovedilla de popa parece desenrolarse unha escena de dous homes na auga, un procurando o salvamento do outro. O todo, como xa dixemos arriba, sinalan ao Marquesado de FERRERA.

ESCUDO DESTRO

Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a sinistra, o que denota bastardía en heráldica, aínda que se pode dar o caso de ser por cortesía en caso de estar afrontado con outro escudo, como no caso de matrimonios entre fidalgos, cousa que estaría xustificada si o enfrontamos a calquera dos dous escudos antes descritos. Polo que tería que estar colocado na sinistra do portalón e non na destra, segundo ó noso criterio.

Ambos escudos, o do Enterramento e o do Pazo, presentan exactamente a mesma colocación dos brasóns, con diferenza no cuarto cuartel con armas distintas. Descríbese como un escudo medio partido de un rasgo e cortado de tres, con sete cuarteis, un en campaña.

Primeiro cuartel: Castelo sobre terrasado con tres ameas, de cada unha das cales sae unha lanza. Son armas dos LANTOIRA

Segundo cuartel: Xaquelado en dúas faixas: unha en xefe de dous ordes e 10 pezas (5x5) e outra baixa de tres ordes e 15 pezas (5x5x5).

Terceiro cuartel: Unha “M” coroada. Son armas dos MONTENEGRO

Cuarto cuartel: 1) No escudo do enterramento. Cuartel partido. Parte dereita: cinco vieiras en aspa ou sotuer. Armas dos DÓRIGA (En campo de gules, cinco veneras de ouro en sotuer). Parte esquerda: Tres faixas. Puideran ser armas dos BARCIA (En campo de prata tres faixas de azur) // Tamén armas dos MADERA de Avilés e Xixón (En campo de prata tres faixas de azur) (Sarandeses, ibídem, p.79 e p.229). 2) No escudo do pazo: Cuartel cuartelado en catro. 1 e 4) Tres faixas. Armas dos BARCIA ou dos MADERA. 2 e 3) Cinco armiños en aspa ou sotuer. Son armas dos FROLAZ ou FROILA. Este apelido é dos descendentes da familia BERMUDEZ DE TRABA, acaso a familia feudal máis antiga de España, poderosísima no Reino de Galiza, educadores de reis. O primeiro FROILA é fillo de D. GUTIERRE MENÉNDEZ que falece no ano 950, e estaba casado con SANTA ALDARA (ILDUARA, ILDARA), filla do conde D. Ero de Lugo e de D.ª Adosinda. Irmán de FROLAZ era SAN ROSENDO, monxe bieito no mosteiro de Caaveiro, e bispo de Dumio e de Mondoñedo. San Rosendo no ano 925 era bispo de Iria e de Compostela. Virrei da Galiza nomeado polo rei D. Sancho I (895-929) coroado en Santiago de Compostela o 16-abril-926 polo arcebispo Hermenexildo (Nós, nº707, 27-set-2022. “OS REIS E RAIÑAS DA GALIZA. 1000 ANOS DUN REINO DE SEU”). San Rosendo no ano 937 funda o Mosteiro de Celanova xunto co seu irmán FROILA que estaba casado con Dª SARRACINA. D. Froila e Dª Sarracina tiveron por fillo a D. RODRIGO FROILA, cuxo irmán foi o conde D. PELAIO GUTIÉRREZ, casado coa condesa Dª ELVIRA (Padre José Santiago Crespo del Pozo, Blasones y Linajes de Galicia, volume II, p.208)

Quinto cuartel: Unha banda. Pode ser brasón dos NAVIA, dos GARCÍA DE LA VEGA, dos FERNÁNDEZ ROCES ou dos GONZALEZ da Casa de Luarca; tal como comentamos arriba, e os esmaltes como no retablo do altar maior da igrexa parroquial de Ribadeo (Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.168)

Sexto cuartel: Un lobo cebado (que leva algo nas fauces) cara a sinistra, embarcado nun bote a flote ou sobre a auga. Brasón descoñecido para nós.

Sétimo cuartel: En campaña. A destra un castelo, sinistrado de tres lanzas á destra e unha árbore sen copa; unha serie de tres lanzas e unha árbore sen copa, e doutra terceira serie de tres lanzas e unha árbore sen copa. Brasón descoñecido para nós.

Estes prezados escudos de Armas do Pazo dos MARQUESES DE FERRERA ou de SANTA CRUZ DE MARCENADO, presentan as variadas ramas dos seus enlaces familiares, e con sorpresa vemos que tamén forman parte desta familia de marqueses os ancestros dos MADERA, actuais donos do Pazo, e que o restauraron luxosamente para que non caera de vello como está pasando coa Casa dos VALLEDOR. E unha pena que tamén estando na súa man a reparación e disfrute da Torre dos Moreno de Ribadeo, non reciba o mesmo trato de favor para acabar de restaurala antes de que caia nun montón e, por desgracia, mate a alguén. Non digo máis nada. Ata outra.

20200721

ESCUDOS DE ARMAS DA CASA TORRE DE PUMARÍN. Pancho Campos Dorado

ESCUDOS DE ARMAS DA CASA TORRE DE PUMARÍN
Pancho Campos Dorado

A Casa Torre de Pumarín ou Pazo de Pumarín, coñecida tamén desde fai dous séculos como a Casa de Moreda, está en San Miguel de Reinante. Na fachada principal ten unha grande portada de cantería cuxo vano da porta está rematado por un arco de medio punto peraltado formado por dovelas en cuña e en ambos cantóns altos existen dous escudos de armas, magnificamente cicelados en baixo relevo. O conxunto está remarcado por un sinxelo bateaugas cadrangular cuxos extremos entrábanse noutras molduras verticais que, ademais de darlle un empaque señorial e harmonía artística, serven para protexer a portada e os escudos de armas da escorrentía da auga de choiva (foto 1).


Foto 1

Foto 2: lintel orixinal e debuxado por riba

Na foto 1, podemos ver a situación na fachada principal dos escudos de armas e do lintel (foto 2) sobre a fiestra alta cunha laude ou inscrición de construción que reza: “ESTA CASA (LA) HIZO ALVARO TABOADA I VIOLANTE DE ANDRADE SU MUJER. COMENZOSE EN EL AÑO DE 1559 I ACABOSE EN EL DE 1561”.
Esta laude evidencia de forma expresa a notable antigüidade desta casa solar de mediados do século XVI, que da pena vela derruírse pouco a pouco, e que desde o noso punto de vista farémoslle o estudio heráldico, pois presenta dous escudos de armas de grandes liñaxes do Reino de Galicia que están moi ignorados na historia da antiga provincia de Mondoñedo e na actual de Lugo, polo que é preciso proclamalos, fundamentalmente para que vindeiros estudos sexan máis completos na Xenealoxía da Galiza de tan antigas familias asentadas en San Miguel de Reinante. 
A importancia dos estudos xenealóxicos dunha familia é debida a que a súa xenealoxía pode dar datos históricos sobre a propia poboación. Mostra tan eminente deste aserto é a Biblia, que presenta unha completa cronoloxía baseada na ciencia xenealóxica, pois a familia e o seu liñaxe sempre foron motivo de preocupación no pobo hebreo, pois o Mesías anunciado por Patriarcas e Profetas ía nacer dunha persoa do pobo, e todas as familias querían ter ao día a súa historia xenealóxica (Tratado de Genealogía Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro; Curso de Licencia, 1961, páx.12).

ESCUDO ESQUERDO (segundo se mira cara á fachada)

Foto 3

Debuxado por riba

En Heráldica a súa forma trátase como un escudo español carlista ou escudo de forma de casulla (Heráldica Española, El Diseño Heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese a Carlos I de España e V de Alemaña (1500-1558). Está rodeado dun marco cadrado formado en ambos lados dun adorno a modo de delgadas columnas salomónicas soportadas por pedestais de catro corpos. Pola parte alta cérranse as esquinas con cantoneiras e cun cordón horizontal retorcido. A parte baixa, carece de cerre, polo que os pedestais das columnas son a liña base de construción.
O espazo intermedio está recheo cun adorno exterior ao campo do escudo e consta de figuras con formas de gran riqueza, propias do sentido cultural e artístico do Renacemento. As figuras conforman unha grilanda que cerra enriba como unha coroa de loureiro á que se van engadindo simetricamente a ámbolos dous lados, floróns, cálices e figuras propias do Paraíso Terreal. Así, a media altura, aparece a mazá e a serpe, seguido dun ramo de flores que remata a parte alta da casula. Nas esquinas altas dous anxeliños coas ás abertas parecen estar vixiando ou ollando o que “por alí abaixo acontece”. As esquinas baixas están rematadas por dous floróns de rododendro.
O campo do escudo está cuarteado en cruz.
Primeiro cuartel: tres táboas dentro dun escusón en punta, rematado cunha “T” ou Cruz Tao e en orla oito caldeiras, as dúas superiores máis grandes. Fai referencia ás Armas dos TABOADA. Si tivera esmaltes serían: en campo de goles tres táboas de ouro en pau, bordura de prata con oito caldeiras de sable.
Este brasón parece ser dun descendente de D. LOPO PERES DE TABOADA (en campo de goles, tres táboas de ouro en pau) e da súa muller D.ª MAYOR MENDEZ (cinco caldeiras de sable en aspa) cuxos escudos acolados se atopan na sepultura do ano 1422, no mosteiro de Pallares no municipio de Guntín, Lugo. Neste caso hai dúas caldeiras altas demais e ó facelas de maior tamaño cas restantes, quizais sexa un detalle que fai referencia a un emparentamento desta Casa de TABOADA coas Armas dos RIBADENEIRA.
O escusón ten similitude na forma, co escudo do século XVI de D.ª Leonor de Aragón na súa sepultura da Capela dos Reis de Toledo (Heráldica Española, El diseño heráldico, Luis F. Messia de la Cerda y Pita, 1990, páx.37). As armas dos TABOADA na Casa da Torre de Arcos en Chantada ten catro barras en pau, rodeadas de seis caldeiras e na Casa Torre de Mera, en San Lorenzo de Vilamaior de Negral en Guntín, no escudo xaquelado e partido dos ULLOA E TABOADA, ten oito caldeiras iguais en tamaño.
Segundo cuartel: unha aguia mirando a destra, co voo baixado ou de ás caídas mostrando o peito. Son armas dos AGUIAR.
Terceiro cuartel: unha banda engulida de dous dragantes. Son armas dos ANDRADE sen lema. Si tivera esmaltes serían: en sinople, unha banda de ouro engulida en dúas cabezas de dragóns do mesmo metal véndoselles a lingua. Para estar totalmente correcto debería levar unha bordura de prata co lema: Ave Maria Gratia Plena. O lema, neste caso, quizais non fora gravado polo escaso espazo que hai no cuartel.
Cuarto cuartel: dúas serpes anudadas pola cola facendo unha “S”; tamén puideran interpretarse como dúas serpes cargadas pola cola con dúas lousas. Non podemos interpretar o brasón con exactitude, pero o máis probable e que sexan Armas dos LOSADA, quizais da liñaxe familiar de D.ª TERESA DE LOSADA casada con D. RUI VAZQUEZ DE QUIROGA, comendador de Benquerencia e mestre da Orde de Alcántara (Blasones y Linajes de Galicia, D. José S. Crespo del Pozo, Volumen III, páx.223).
Respecto deste cuarto cuartel, atopamos un matrimonio celebrado o día 3 de xuño de 1700 na Igrexa parroquial de San Miguel de Reinante que parece confirmarnos, nalgunha medida, que este cuarto brasón é de LOSADA polos apelidos da noiva:
D. DOMINGO DEL BUSTO Y VILLAMIL e D.ª MARÍA DE SIERRA Y OSORIO, pais do noivo D. DIEGO DEL BUSTO Y VILLAAMILL que se casa con D.ª MARIA PARDO DE ULLOA Y LOSADA (ela é filla do Capitán D. Juan Pardo de Cela y Taboada e de D.ª Antonia Ulloa Losada y Valledor. Testigos D. Gaspar de Lamas, cura de S. Julian de Cabarcos, Bernardo Rodríguez de San Pedro de Benquerencia e D. García Valledor, de Presno, Asturias (Libro Matrimonios Nº1 (1670-1738) Folio 175-V, San Miguel de Reinante)


ESCUDO DEREITO (segundo se mira cara á fachada)

Foto 4

Debuxado por riba

A súa forma trátase en heráldica como: escudo español carlista ou de forma de casulla, igual que o antedito escudo esquerdo.
O adorno exterior ao campo do escudo, moi erosionado, asemella o do escudo esquerdo, pero con motivos ornamentais distintos. Aquí vemos que a coroa está feita de follaxe, froitas e cálices de flores distintas, e as figuras das serpes e das mazás, foron substituídas por “panelas” (follas de álamo), iguales cas da parte alta. En cambio, as esquinas altas rematan con anxeliños de ás abertas, como no escudo anterior, e as esquinas baixas en outro tipo de floróns moi deteriorados pola erosión da intemperie.
O campo do escudo está dividido en catro pola que parece ser unha cruz ortodoxa, con tres vigas ou traveseiros horizontais, que asemella a das Armas dos PARDO.
Primeiro cuartel: desdebuxadas pero recoñecibles, aparecen medias rodas e rodas de pedra das Armas dos CAMBA. Este apelido, segundo unha antiguísima tradición proben de Lucio Cambelo (ou Cambero) Romano, pretor ou virrei de Gallaecia, proxenitor de moitos señoríos dos CAMBA e dos TABOADA (Fortalezas de Lugo y su Provincia, D. Manuel Vázquez Seijas, Tomo I, páx.6) (Nota: os Taboada entroncan moitas veces cos Camba. Son parentes de D. Gonzalo Taboada y Ulloa, cuxas armas dos Taboada aparecen no 2º cuartel e as dos Camba no 3º cuartel do seu sepulcro na igrexa de Sta. María de Noceda -Lalín // na Casa de Caldaloba o escudo está dividido en doce cuarteis coas armas dos: Camba, Ribadeneira, Aguiar, Andrade, Taboada, Montenegro, Ron, Valcarce, Luaces, Zúñiga/Bermúdez, Bolaño, Rois e Yebra)
Segundo cuartel: moi desdebuxado e difícil de interpretar. Parece un cuartel tronchado e encaixado ou encravado, formado por un axadrezado baixo, de armas dos TRABA; dos ULLOA ou das armas dos ALVAREZ SALGADO, e na parte alta figuras indescifrables polo desgaste. A xenealoxía deste cuartel tronchado puidera referirse á de D.ª MAYOR FERNÁNDEZ DE TRABA TRASTÁMARA, terceira filla da condesa D.ª SANCHA FERNÁNDEZ e do rei D. FERNANDO de León, quen casa con D. LOPE SÁNCHEZ DE ULLOA (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Primeira Edición do Mosteiro de Poio, Volume V, páx.165).
Terceiro cuartel: axadrezado en escusón das armas dos ULLOA, e postas en orla dúas serpes afrontadas coas colas entrelazadas das armas dos PRADA.
Cuarto cuartel: moi desdebuxado o que pode darse a outras interpretacións. Parece un cabaleiro montado a cabalo mirando a destra, con lanza en banda empuñada polo lado destro do cabaleiro. Parecen ser armas dos GUNTÍN, GUNDIN ou GONDIN cuxa casa solar provén de Gundín, do Concello de Monterroso, fundada no ano 1555 por Gómez de Gundín. En 1589 levanta o Pazo de Laxe nese concello, D. Francisco Salgado Guntín. Na xenealoxía atópanse emparentados con ilustres familias galegas como os Ulloa, Salgado, Gil Taboada, Montenegro, etc. (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo Pozo, Volume III, páx.105)
A Xenealoxía de D. ÁLVARO DE TABOADA (Y AGUIAR) + D.ª VIOLANTE DE ANDRADE (irmá de don FERNÁN SANJURJO MONTENEGRO, veciños do Padornelo, parroquia de Santiago de Sancobad, inmediato a Vilalba) por non alongar máis este artigo, pode verse completa e con notas, no libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, capítulo 1: “Escudo de Armas da Aduana Vella de Ribadeo”, páx. 46 - versión preliminar no blog, aquí-).
Por qué esta Casa dos Pardo de Taboada pasou a ser chamada a Casa de Moreda? Pois ben, Dª VIOLANTE déixalle a herdanza ao seu neto D. JUAN JOSÉ ACEVEDO PARDO TABOADA e vai ser última posuidora do pazo Dª MARÍA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA, por cuxos beneficios preitearán os seus fillos, no ano 1738, D. CARLOS MIGUEL, dono da casa da Aduana Vella de Ribadeo e D. GASPAR JUAN ACEVEDO PARDO Y TABOADA, casado en Castropol con D.ª ISABEL ABELLO Y CASTRILLÓN. D. Gaspar morre entre 1753 e 1764, e queda como apoderada do seu fillo D. Juan José que é o dono e señor do Pacio de Pumarín.
A comezos do século XIX (1801) D. Juan José Acevedo Pardo Taboada que vive na casa principal de Brul, parroquia de San Salvador de Tol no Concello de Castropol, arréndalle en foro perpetuo a propiedade a D. DOMINGO PÉREZ DE MOREDA casado con Dª Francisca Rodríguez, cuxa familia vai a ser quen redima o foro, de aí que hoxe se coñeza o Pazo de Pumarín como a Casa de Moreda. Don Domingo Pérez de Moreda era un fidalgo descendente, segundo preito de fidalguía do ano 1662, de don Juan Pérez de Moreda, capitán, ou de seu irmán don José de Moreda (falta concretar este dato), e que ese ano do ditame do preito eran veciños de Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) e no que se especifica que eran naturais de San Cosme de Barreiros (Lugo) (Real Chancillería de Valladolid, Código de referencia: ES.47186.ARCHV//SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1421,14).
Desde aquí darlle as grazas a don Faustino Recalde de San Miguel de Reinante quen fixo unha encomiable labor documental da xenealoxía tanto dos Pardo Taboada como dos Pérez de Moreda, que tan ben nos atinxe nesta descrición.

20200623

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE TRIANA.Pancho Campos Dorado

Escudo. Foto con remarque de liñas e orixinal.
   Este escudo de armas atópase no Pazo de Triana de San Miguel de Reinante, actual casa de don José Antonio Dopico Remior quen fixo unha encomiable rehabilitación de dito pazo.
   É un escudo español con barba ou punta a semellanza dos mostrados no Nobiliario Vero de 1492, de Ferrán Mexía (capítulo XXIX). Está timbrado cun casco de cabaleiro fidalgo mirando a destra adornado cun penacho de tres plumas e viseira baixada con reixa, na que se perciben cinco ou sete grilletas (barras verticais que conforman a reixa), polo que pode ser o casco dun fidalgo con título de barón. Está rodeado dun adorno exterior sinxelo a modo de volutas dun pergamiño que se envolven nos soportes laterais e no sostén da punta. Carece de bordura en xefe (en parte alta) e na bordura, dos flancos e punta, pode lerse a lenda: “ARMAS DE LOS MOREDAS, RIBADENEIRAS, AGVIARES ANO DE 1669”.
   Está cuarteado cunha cruz abismada das Armas dos RIBADENEIRA: “en campo de ouro unha cruz cargada de catro veneras de prata”.
   Primeiro cuartel: unha torre donxonada cuberta (que ten sobre unha torre outra torre con tímpano e cuberta en punta). Son as Armas dos MOREDA. Si tivesen esmaltes serían: “en campo de azur un castelo de prata”. (Nota: estas mesmas armas outras veces aparecen con dous noves romanos [IX] un a cada lado do castelo). Esta torre donxonada e cuberta é a mesma figura que aparece no primeiro cuartel do Escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa Parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo xunto coas armas de consanguinidade dos ACEBEDO, cuxo relato fixen no capítulo vinte cinco do libro “Escudos de Armas do Concello de Ribadeo” que proximamente espero volver a presentar, e que non houbo lugar até o de agora a causa da pandemia. Perdón polo inciso.
   Segundo cuartel: unha árbore arrincada ou desenraizada. A torre donxonada dos MOREDA e a árbore surmontada de estrelas e un crecente ranversado, aparecen no primeiro cuartel do escudo de Armas da Capela da Virxe de Lourdes da Igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, cuxo brasón pertence as antigas e primitivas Armas dos ACEBEDO (tamén en La Comarca del Eo 6-Maio-2017).
Esta árbore, sen can, aseméllase á dos ACEVEDO do 2º cuartel da casa de D. CARLOS MIGUEL ACEVEDO PARDO Y TABOADA, coñecida como a casa da Aduana Vella sita no Porto de Porcillán de Ribadeo, quen é un dos fillos e herdeiros de Dª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA, petrucia da “Casa Torre de Pumarín” tamén de San Miguel de Reinante) (Nota: hai a dobre grafía con “V” e con “B” dos ACEVEDO e ACEBEDO, que nós anotamos tal e como aparecen nos brasóns).
   Terceiro cuartel: unha aguia mirando a sinistra co voo baixado ou de ás caídas. Son as Armas dos AGUIAR.
   Cuarto cuartel: “tres cunchas de vieira (veneras) ben ordenadas” (dúas en xefe ou parte alta, e unha en punta, ou parte baixa). Poden ser armas dos BELLOCH, de orixe xudío, cuxo 1º cabaleiro, do século X, chamábase Guiberto ou Wiberto: “en campo de goles tres veneras de ouro, ben ordenadas” // tamén puideran ser: “en campo de azur tres veneras de ouro”, neste caso, mal ordenadas ou colocadas a inversa: unha en xefe e dúas en punta, correspondentes ao 2º cuartel do escudo cortado de Mondoñedo, cuxa posible relación sería que nalgún tempo houbera un matrimonio AGUIAR de MONDOÑEDO, desta extensa consanguinidade dos MOREDA e RIBADENEIRA, ou un vínculo de maiorazgo, patronato ou de aforamento de territorio co bispado de Mondoñedo.
   Primeiro e segundo cuartel, poden ser de D. RODRIGO DE MOREDA. (Ámbolos dous semellantes os da páx. 97 da Heráldica do Municipio de Mondoñedo, autora: Olalla Rúa Veloso, 2005 // tamén como o escudo da Casa de la Rocha de San Cosme de Barreiros)

   XENEALOXÍA

   A máis antiga e documentada comeza con: D. RUY FERNÁNDEZ DE MOREDA casado con Dª MARÍA FERNÁNDEZ foron pais de D. JUAN DE MOREDA veciño de San Miguel de Reinante (Barreiros) que gañou Executoria de Fidalguía na Real Chancelaría de Valladolid o 10-Maio-1488, confirmada o 5-Marzo-1495, ambas presentadas nun preito por D. RODRIGO DE MOREDA no ano 1568 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Tomo III, 2ª Edición do Mosteiro de Poio, páx.326).
1.- Executoria de fidalguía a favor de Juan de Moreda, veciño da freguesía de San Cosme de Barreiros (Lugo) Ano 1488. (Cód. Ref: ES.47186.ARCHV/6.5//PERGAMINOS,CAJA,72,7)
   Tamén como nota curiosa aparece nesta mesma dirección:
Os veciños de Santiago de Foz con García de Moreda e máis veciños de San Cosme de Barreiros. Auto ordinario sobre pesca de sardiña. Ano 1588.
   Por outra banda, tamén sabemos polos libros da Igrexa de San Miguel de Reinante (Arquivo Diocesano de Mondoñedo):
1. Pedro Moreda Rivadeneira y Aguiar. Fundou a capelanía de San Pedro na igrexa de San Miguel de Reinante e era párroco de dita igrexa xa no 1655. Do ano 1688 ao 1713 aproximadamente deixa a capelanía a cargo de Miguel de Moreda Rivadeneria y Aguiar.
2. Francisco Moreda Rivadeneira y Aguiar está casado con Catalina Blanco (t.p.f.)
1. Gregorio Moreda Rivadeneira y Aguiar. Nace en 1688, e son seus padriños de bautismo o cura D. Luis Pardo Taboada e D.ª Isabel Villarmea.
   Na lenda do escudo vemos que a data é do ano 1669 cuxa contemporaneidade cadra con toda esta familia que imos atopando e que falta por determinar e concretar a súa ascendencia e descendencia.

20170710

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE GUIMARÁN E ESCUDOS DA IGREXA DE VILASELÁN. Francisco José Campos Dorado


Este magnífico Escudo de Armas do Pazo de Guimarán (foto 1, supra), está formado por unha pedra armeira central, rodeada de catro pedras de cantería totalmente talladas que conforman un espectacular conxunto. Está timbrado cun casco de fidalgo antigo con seis plumas, que segundo o Escudo da Cédula de Certificación de Fidalguía, Nobreza e Armas de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon (Arquivo Privado do Pazo de Guimarán) (foto 2, infra), teñen as cores: verde, vermello, azul, marelo, branco e púrpura. Os lados do casco están adornados con follas de carballo abertas e os flancos do escudo de pedra, con acantos volteados, mentres que no escudo do pergamiño son lambrequines, rodetes e xiras. No sostén presenta adornos simétricos de molduras e grimpolas ou bandeirolas, e no medio un adorno a modo de metopa, no que resalta mirando ó fronte, a cabeza dun doncel con rizos.

 Tanto o escudo en pedra do Pazo de Guimarán como o representado no papel pergamiño da Cédula de Fidalguía, firmada polo Rei de Armas D. Juan Alphonso de Guerra y Sandoval na coroada Vila de Madrid a nove de Xullo de 1740, así como, os dous escudos idénticos (foto 3, infra) que timbran os retablos laterais das capelas da Igrexa de Vilaselán, no lateral esquerdo o de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, e no lateral dereito o retablo de Nosa Señora do Rosario; todos eles están cuartelados en catro e presentan as mesmas Armas, con algunhas diferenzas nos detalles e cores. Xeralmente este tipo de cuartelado en catro, úsase para representar as armas dos catro avós (dous avós e dúas avoas): 1º) apelido avó paterno; 2º) apelido avó materno; 3º) apelido avoa paterna; 4º) apelido avoa materna.
Segundo a Cédula de Fidalguía (CF en diante) os cuarteis representan os brasóns: 1º RODRIGUEZ; 2º ARANGO; 3º MURIAS e 4º MON. Por suposto, non somos ninguén para contradicir a literatura dunha Cédula de Fidalguía do século XVIII, firmada por un Rei de Armas e por múltiples testemuñas, pero engadiremos algún comentario baseándonos noutras descricións heráldicas.
Primeiro cuartel: segundo CF, son Armas do apelido RODRIGUEZ, Señor de Sanabria, Mestre da Orde e Cabaleiro de Santiago: (foto 2) “pintan por Armas, en campo de ouro tres barras verdes”. Segundo as normas Heráldicas son: “en campo de ouro tres faixas (en relevo no escudo de pedra) de sinople” (escudo CF). Estas faixas parecen tamén as Armas dos MESIA ou MESSIA, as cales xa vimos no cuarto cuartel do escudo da Casa Brasonada da Rúa Bispo Veres (tamén en La Comarca del Eo, 4-Xuño-2016), chamada Casa de Vior.
Mentres que nos escudos da Igrexa de Vilaselán os campos dos cuarteis son de ouro (dourados con pan de ouro) exactamente igual que aparecen na Cédula de Guimarán, os esmaltes ou cores das faixas son moi discutibles pois o artista parece que vernizou tódolos mobles ou figuras cunha sustancia que se “oxidou”, quedando todas dun cor pardo, tal, que non as deixa definir. Por isto as faixas poden corresponder as Armas de varios liñaxes, como o de D. Carlos ÁLVAREZ DE MON, que vivía en Ribadeo en 1794 (en campo de prata tres faixas de gules, e entre cada dúas faixas dous armiños de sable, os cales faltan neste brasón). Non descartamos que a liñaxe puidera ser dos BARREIRA, BARRERA ou “DE LA BARRERA” (en campo de prata tres faixas de gules) ou dos PARGA (en campo de azur tres faixas de ouro).
As faixas deste primeiro cuartel xunto coa aguia (dos AGUIAR ou dos PARDO) do terceiro cuartel, son Armas do brasón dos VILLAAMIL que tamén aparecen no Escudo da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do escudo dereito da Casa dos MIRANDA (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Segundo cuartel: segundo CF, corresponde á Familia ARANGO: (foto 2) “en campo de ouro un espiño de sinople con froito de estripeiras vermellas [cast., “majuelas rojas”], e dous lobos de sable (cor negro) lampasados de vermello (con lingua vermella de distinta cor que o corpo de sable), empinados o tronco, e unha orla de doce pezas: seis, en campo de azur, dentro unha estrela de ouro e as outras seis en campo de prata unha panela vermella. (Nota: o estripeiro [cast., espino majuelo]  é unha árbore delgada das rosáceas, de madeira dura, de ramas espiñosas, que produce un froito de baias redondas, tenras, carnosas de sabor doce e coloradas).
En Vilaselán (foto 3), os animais empinados no tronco dunha árbore “conífera”, son cabras, polo que poden ser armas dos PARDO das Terras de Ribadeo, frecuente brasón con árbores, así como, na zona asturiana (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo Volumen I, páx. 372). En campo de prata unha árbore de sinople (un freixo) terrasada do mesmo (có chan de sinople), acostada (acompañada en ámbolos dous flancos) de dúas cabras de sable (cor negro) empinadas ó tronco.
Estas Armas tamén poden verse no escudo dereito da fachada da Casa dos MIRANDA, na rúa Amando Pérez de Ribadeo, no primeiro cuartel semicortado e partido, na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Aquí parecen ser Armas dos SOTELO ou SOUTELO: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Este brasón pode falar do parentesco entre a familia ARANGO, coa de D. Ramón María MIRANDA E MON.
Por outro lado, no escudo de pedra da Casa de Guimarán, os animais empinados son lobos, polo que parecen Armas dos SOTELO ou SOUTELO, señores de Xunqueira De Ambía onde teñen solar e pazo (“O Libro da Heráldica Galega”, D. Luciano Fariña Couto, 2001). En campo de ouro, unha árbore frutada (con fruta) de sinople, terrasada do mesmo, acostada de dous lobos de sable empinados o tronco.
As Armas da liñaxe SOTELO, son confusas nos Nobiliarios, pois mentres os animais en campo de prata son cabras, en campo de ouro son lobos, e ás veces intercámbianse.
A bordura de ouro, cargada de seis panelas (follas de álamo) intercaladas entre seis estrelas de seis (Vilaselán) ou oito puntas (Guimarán) semellan as da bordura compostelán, pois este brasón e moi antigo, e pode referirse a familias asentadas no Porto de Ribadeo que era a entrada Norte por mar do Camiño de Santiago, e polo século XI, XII, XIII e máis en diante, as calas e praias de Guimarán, Porcillán e Cabanela, eran os desembarcadoiros naturais para calquera viaxeiro que chegara por mar, tanto de Francia como dos Países Baixos e Nórdicos ou de Inglaterra. Nembargante, segundo se explica na CF de Guimarán, de mediados do século XVIII, as panelas, significan que o cabaleiro brasonado estivo nunha sinalada vitoria, e as estrelas, a paz conseguida para a súa patria. Por outra banda, estas Armas de ARANGO difiren moito das que se atopan no Escudo da Aduana Vella (tamén en La Comarca del Eo, 16-Abril-2016) onde se representan no 4º cuartel con cinco corvos pousados pois derivan da liñaxe dos CUERVO que tiveron o señorío no val de Arango do concello asturiano de Pravia: “en campo de prata, seis corvos de sable (cor negro) postos de dous en dous”.
Terceiro cuartel: segundo CF, son Armas da Familia MURIAS, cuxa primeira noticia data de D. Álvaro Sánchez de Murias, que serviu a Fernando III “El Santo” (rei de 1230 a 1252) na conquista de Sevilla (1250) e a Afonso X “o Sabio” (rei de 1252 a 1284) na conquista de Xerez da Fronteira. As Armas, segundo CF: “en campo de ouro unha aguia de sable (negra) volante e rampante”. A esta breve descrición, nós engadimos, que a aguia mira á destra, e está linguada de gules (con lingua de cor vermella) e armada e picada de prata (con garras e pico de cor prata).
Tamén parece brasón dos AGUIAR, dos PARDO ou dos PARDO DE AGUIAR que xunto coas faixas do primeiro cuartel, son Armas, como xa vimos, do Escudo da rúa Antonio Otero, e do escudo dereito da Casa dos MIRANDA.
Cuarto cuartel: segundo CF, son Armas da Casa de MON: (foto 2) “en campo de ouro un carballo de sinople sobre terrasado natural, acompañado dun home armado que está asido cunha man a unha das ramas e dous cans atados o tronco con cadeas. (Nota: os cans están parados ou arrestados cara a sinistra, inmóbiles, de perfil e cos pés parellos dous a dous). Sobre o terrasado dúas espadas tendidas (Nota: espadas de cazoleta á destra e punta á sinistra) acompañadas dun brazo armado cunha daga empuñada, e está chorreando sangue. Orla de ouro dividida con perfil vermello e nela o “mote” (lema) seguinte con letras vermellas: ESTAS ARMAS Y BLASÓN SON DE LA CASA DE MON, COMO FUERTE LAS GANE Y ASÍ LAS DEFENDERÉ. Esta orla vese claramente nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 4).
No escudo de pedra do Pazo de Guimarán vemos, ós pés da árbore, un brazo movente (como en movemento) armado cunha espada corta en posición de apuñalar cara abaixo; sinistrado de dous facheiros (soportes cónicos) tombados onde se poñían os fachos (antorchas) para alumar as estancias ou os corredores, e dos que saen dúas teas acesas con pequenas lapas de lume. Nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 3) soamente está o brazo movente empuñando unha espada corta, pero non hai nin espadas, nin facheiros.
A descrición antedita, difire bastante coa explicada no brasonado do Padre D. José Crespo del Pozo (Blasones y Linajes de Galicia, volumen III, páx. 310): “en campo de ouro, unha árbore de sinople (cor verde), sobre terrasado do mesmo (sinople); no flanco destro un cabaleiro de “punta en branco” tronzando unha rama da árbore coa man sinistra, e movente do franco sinistro un brazo armado, empuñando unha espada de cazoleta, guarnecida de prata, en acción de cortar a man do cabaleiro dito. Do pé da árbore saen unhas chamas, de gules e ouro, e ao seu tronco están atados cunha corda dos cans afrontados (un fronte o outro), do seu cor, e asida o mesmo tronco, unha mao coa moneca ensanguentada. Ó lado sinistro da terrasa, outras dúas espadas, como a descrita, cruzadas e cravadas nela”. D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon, está claramente citado na Igrexa de Vilaselán, e verifica a súa proba de nobreza na Real Chancillería de Valladolid en Preito de Fidalguía de 1747 sendo veciño da feligresía de Santa María de Vilaselán, xurisdición de Ribadeo (Código ES.47186.ARCHV/ 8.10.4 //SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1106,2).



Segundo entramos na Igrexa de Vilaselán pola porta lateral de entrada, encontramos de fronte o retablo da Virxe das Dores, policromado en fondos azuis, morados e con múltiples molduras douradas, en cuxo centro se atopa a talla vestida da Virxe Dolorosa entre dúas columnas barrocas. Arriba un Cristo Crucificado do século XVIII, surmontado por unha gran concha de vieira. Detrás do Cristo Crucificado hai un fresco con fondo azul que representa, con gran profusión de edificios, a paisaxe dunha cidade que non recoñecemos, pero segundo nos di a nosa historiadora ribadense Dª Celia Castro, posiblemente sexa a representación idealizada da "Xerusalén Celeste", que é o que se sole poñer sempre detrás dos Crucificados pois aínda que as casas reproduzan unha cidade real, esta non se corresponde con ningunha concreta. É unha receita que normalmente se repite no arte, e da que podemos ver outro exemplo, detrás do Cristo Crucificado do retablo do Altar Maior da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo. Sobre o propio altar, ó centro da predela do retablo, está o sagrario, e a ambos extremos atopamos dous “medallóns” coa lenda que alude a doazón aportada para facelo. Á esquerda, segundo se mira: “ESTE RETABLO MANDO HACER I PINTAR A SU COSTA I VOCACIÓN D. BERNARDO RODRIGUEZ ARANGO Y MON”, e á dereita: “Y Dª BERNARDA LUISA GONZALEZ SU MUJER VECINOS DE ESTA PARROQUIA”.
No centro do templo, hai outros dous retablos laterais. Segundo miramos ó altar maior, en cuxo centro se encontra a imaxe vestida da Virxe de Vilaselán, no lateral esquerdo está o retablo de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, timbrado polo Escudo Brasonado do Pazo de Guimarán, que pertencía D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon. No lateral dereito, está o retablo da Nosa Señora do Rosario, en cuxa parte superior hai un San Francisco e sobre el atopamos outro escudo coas Armas do Pazo de Guimarán, de idénticas características as do retablo esquerdo (Vilaselán, Aproximación Histórica, D. José María Rodríguez Díaz, páx.72)
Estes elegantes Escudos de Armas (foto 3) son de estilo español, feitos en madeira policromada, que pertence o patronazgo da Casa de Guimarán, quen doou os tres retablos laterais do templo. Ámbolos dous escudos están timbrados con celada de fidalgo antigo mirando á destra, un almete ou casco cerrado do século XVII, véndoselles tres grilletas da visera e burelete encristado. Os cascos, de cor cinabrio escuro, teñen feitura moi esférica e pulida que parecen indicar que son de aceiro templado, e están adornados con molduras a modo de lambrequines curtos. A ámbolos dous lados, levan soportes conformados por volutas de follas de acanto que alcanzan ata ambos cantóns do xefe.
A Capela do Pazo de Guimarán está dedicada a Virxe do Rosario de Chiquinquirá e a San Bernardo. Foi construída no ano 1740 por D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, e convertida en Oratorio privado en 1790, mediante un Breve Pontificio do Papa Pío VI a D. Ramón María de Miranda y Mon e a súa muller Dª María Josefa de Arango y Saco, que vivía con súa nai Dª Luísa Saco y Abraldes, viúva de D. Bernardo Felipe Rodríguez de Arango y Mon, fillo de D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, fundador do Pazo de Guimarán, e de Dª Bernarda Luisa.
A fundación de Vilaselán fíxose cumprindo os desexos do tío do fundador por liña materna, D. José Fernández de Murias y Mon, da Casa dos Fernández Murias e Mon de Vilanova dos Oscos. D. José morreu solteiro en Cádiz (6-Febreiro-1769) e deixou como herdeiro universal o seu sobriño D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon a quen lle correspondeu unha importante fortuna que tiña en Cádiz e en San Francisco de Quito (Ecuador) (Vilaselán, Aproximación Histórica, José María Rodríguez Díaz, páx. 100-101).
D. Bernardo emigrara a Perú de onde regresou rico. Era coñecido en Ribadeo como D. Bernardo “O Indiano”, posiblemente o primeiro Indiano de Ribadeo, e foi nomeado Alcalde de Honra de Ribadeo. Os Rodríguez Arango quixeron despachar contas en Cádiz en 1773, e foinas liquidar con plenos poderes o mordomo da Casa de Guimarán, D. Antonio Raimundo Ibañez. Cós 12 000 pesos das rendas gaditanas, que cobrou D. Raimundo, comprou unhas partidas de aceite de oliva que transportou en barco en ánforas de arxila ata Ribadeo, onde aínda se conserva unha ánfora daquelas no patio de Guimarán. Coas ganancias obtidas pola venta do aceite en Ribadeo, Ibañez, que parece ser gañou 12 000 pesos pois dobrou o capital invertido, empezou a labrarse a fortuna do futuro Marqués de Sargadelos... ¡Pero esa é outra historia!
Quero desde aquí, darlle as máis expresivas grazas a Dª María José Suárez García de Paredes, que tan amablemente dedicou toda unha tarde, a mostrarme os escudos, tapices e o precioso Pazo de Guimarán, e que tan profusamente me comentou algunha das súas lendarias historias, igualmente estender o agradecemento a D. Federico García de Paredes Moro quen me mostrou e me deixou copiar as Armas e parte da literatura da Cédula de Certificación de Fidalguía de D. Bernardo Rodríguez Arango, todas elas foron conversas e notas fundamentais que me serviron de base documental para este traballo.

20170501

ESCUDO DA CAPELA DA VIRXE DE LOURDES DE SANTA MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo e recorrendo un pouquiño da nave principal, a primeira capela á esquerda é a da Virxe de Lourdes. Sobre o seu arco de medio punto atópase este escudo español en punta (característica francesa estendida na heráldica española), que está empotrado na parede do templo, polo que cremos sexa orixinario dun maiorazgo do Convento de San Francisco. Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra, con sete griletas vistas, e unha moi peculiar (pola feitura) gola de sete launas ou placas superpostas que protexían mellor o pescozo do cabaleiro que os cascos de gola ríxida, pois podía fixarse a coiraza, e lle permitían igual movemento lateral e frontal da cabeza. O burelete está adornado cun penacho de seis plumas. O casco pertence a un Conde (yelmo de prata, terzado de sete griletas de ouro perfilado do mesmo metal. “Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, 1858”). O adorno exterior consta dun elegante deseño de pergamiño con figuras en espiral ornamentadas con gravados de liñas estilizadas, clásicas do arte renacentista de finais do século XVI, profuso en cortes enrolados cara dentro e fóra, que lle dan esa prestancia emblemática da antigüidade de séculos, engadida á preciosa pátina de pavonado azul agrisado con que o vernizaron as fumarolas dos cirios e das candeas con que se iluminaban os fieis que percorrían rezando, cada estación do Via Crucis.
Para facilitarnos a labor de estudo dos brasóns do campo, lemos primeiro os nomes gravados na bordura, os cales pertencen as familias e ás Armas de cada cuartel: DE ACEBEDO (en flanco destro do 1º cuartel); DE PRESNO (flanco destro da punta do 3º cuartel); DE BA(A)MONDE (flanco sinistro do 2º cuartel); DE PARDO (flanco sinistro da punta do 4º cuartel).
Está cuartelado en cruz ou en catro cuarteis. No primeiro cuartel, tres estrelas de seis puntas en xefe e no cantón sinistro do xefe un crecente ranversado cunha estrela centrada de seis puntas. Á sinistra unha torre donxonada adestrada dunha árbore cun can atado o seu tronco mirando a destra. Son Armas que mostran varios liñaxes consanguíneos da Casa dos ACEBEDO. As estrelas e crecente son parte do brasón dos ACEB(V)EDO de Ourense. A torre donxonada é brasón dos MOREDA (igual torre aparece no 1º cuartel do escudo do Pazo de Triana da Casa de MOREDA de San Miguel de Reinante, claramente entroncada cos RIBADENEYRA e cos AGUIAR, como reza o lema naquela bordura). A árbore cun can atado ó tronco son as antigas e primitivas Armas dos ACEBEDO (en campo de ouro, un acivro de sinople -cor verde- cun can branco atado o tronco do acivro).
Este cuartel parece o brasón familiar dun matrimonio ACEBEDO-MOREDA. Os ACEVEDO, están entroncados cos Condes de Monterrei, por enlace de D. Diego de Acevedo Fonseca y Ulloa con Dª Francisca de Zúñiga, II Vizcondesa de Monterrei, filla de D. Sancho Sánchez de Ulloa, I Conde de Monterrey e de Dª Teresa de Zúñiga (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volume II). Estes apelidos FONSECA, ULLOA e ZÚÑIGA, aparecen de novo en Ribadeo en pleno século XX, no “Escudo de Armas do Parador de Turismo” (tamén en La Comarca del Eo, 22-Octubre-2016) ¿Por que hai esta coincidencia? Nós, non o sabemos, pero alguén o saberá.
Frei José Crespo del Pozo (ibidem, páx.17), destaca pola súa honestidade inmaculada e honradez acrisolada ó V Conde de Monterrei, D. Gaspar de Zúñiga Acevedo e Fonseca, Virrei en México e no Perú, que gobernou desde Lima toda América do Sur, desde 1595 a 1603, e mandou grosas sumas de diñeiro a España, e sobre a súa sepultura da igrexa franciscana de Lima, mandou que gravasen: “MALO MORI QUAM FOEDAR” (Prefiro a Morte Antes Que Mancharme). D. Gaspar cumpría o seu Cargo de Estado coa moral á que o seu Título de Nobreza o obrigaba, pois un Título non é máis cunha recompensa como recordo dun feito histórico, do propio posuidor ou dos seus antepasados, coa obriga moral de que quen o ostenta ten que ser, dar e demostrar, exemplo de conduta. ¡Polo que vemos nas noticias de hoxe en día, nalgúns xerifaltes con altos cargos políticos de Estado, pouco prendeu o exemplo de D. Gaspar!.
No segundo cuartel, unha letra “M” coroada rodeada de oito peixes, dous en xefe e dous en punta mirando a destra; en flancos, dous e dous altos (mirando cara arriba). Son armas dos BA(A)MONDE: en campo de azur (cor azul) unha M de ouro coroada do mesmo metal; bordura de gules (cor vermello) con sete peixes de prata. Notemos as diferenzas das Armas deste escudo, coas do relato de “Armas e Triunfos de Galicia”, onde alí constan dunha bordura, que neste cuartel non hai, e soamente sete peixes: 3 en xefe, 1 en cada flanco e 1 en cada cantón da punta, todos gravados horizontais mirando a destra; aquí, neste segundo cuartel, son oito peixes e colocados nas posicións arriba sinaladas.
A Casa BAAMONDE de Ribadeo, ¿onde estaba? ¿qué obra “urbanística” a fixo desaparecer, e cando?. Pois ben, esta Casa, empeza no século XV con Dª Constanza López de BAAMONDE que se casa con D. Sancho Méndez Abrana, de Grandas (Asturias). Seu fillo D. Fernando Álvarez de Baamonde, vaise para Chile na segunda metade do século XVI, e foi proxenitor desta liñaxe naquela nación sudamericana. En 1595 está en Chile de “encomendero” (tiña “indios” encomendados para traballar con eles, ós que tiña a obriga de costearlles instrución cristián). Cásase con Dª Beatriz de Guzmán, e teñen entre outros, un fillo en 1604, D. Jerónimo de Bahamonde que nace en Santiago de Chile, e cásase con Dª Juana de Puebla y Rojas, que sigue a liñaxe BAAMONDE de Chile. Desta mesma Casa de Ribadeo foi Dª María López Baamonde que se casa con D. Pedro Teixeiro y Parga, e teñen por fillo a D. Bernabé Baamonde Teixeiro que se casa en 8-Xuño-1668 con Dª Antonia de Torres Suárez de Villaamil nacida en Ribadeo, e un dos fillos, D. Agustín Mauricio Antonio Baamonde (n.1682) cásase con Dª Ana Bermúdez García de Amoedo, e teñen por fillo a D. Agustín Baamonde, nacido en Ribadeo, que se casa no Páramo (Lugo) con Dª Josefa Sarmiento de Ribadeneyra e seu fillo, D. Manuel Bahamonde y Sarmiento de Ribadeneyra, nace en Lugo e foi Capitán do Rexemento de América para onde se foi, sendo xa Cabaleiro da Orde de Alcántara en 1778 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volumen II, páx.148) A modo de anécdota, e como pobo mariñeiro que somos, diremos que os peixes debuxados no brasón dos BAAMONDE (“Blasones y Linajes de Galicia” Tomo I), son peixes de pescado branco (cola recta) mentres que os deste escudo son de peixe azul (cola en “V”) ¿quer dicir que uns familiares foron de río (de terra adentro) e outros de mar (mariñeiros)? ¿Ou ámbolos dous son peixes de río, ou ámbolos dous de mar?. Quizais só sexa, simple interpretación estética do artista gravador, pero quede como nota observada.
No terceiro cuartel, un castelo ameado con torre de homenaxe, tamén ameada, sobre terraza de rocas e ondas de auga, adestrado dunha espada baixa (coa punta abaixo) desenvaiñada e colocada en banda, acolada tras dun escudo español brasonado con dúas barras e bordura. Son Armas dos PRESNO que si tiveran esmaltes serían: en campo de ouro un castelo mazonado (gravado con liñas que representan as gretas da xunta entre as pedras de cantería) sobre rocas e ondas de auga de azur e prata, adestrado dunha espada desenvaiñada, coa guarnición de ouro, acolada tras dun escudo con dúas barras de azur e gules, con bordura dun terzo de anchura a das barras.
A Casa de PRESNO de Ribadeo ten como proxenitor a D. Gaspar PRESNO casado con Dª Florencia PARDO BAAMONDE, filla do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Saavedra, rexedor de Mondoñedo e Señor do Coto de Otero, neta do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Cabarcos que serviu trinta e dous anos en Flandes, Nápoles, Milán e Portugal, bisneto de D. Matías López de Baamonde, que vivía en Ribadeo en 1519, casado con Dª María de Sarmiento, Señora do solar de Sarmiento e do coto de Otero. Súa descendente Dª Xosefa de Presno e Baamonde, cásase con D. Antonio de Luaces e Somoza, xentilhome e rexedor do Concello de Mondoñedo, e súa filla Dª María Teresa de Luaces y Presno, falece en 1773. D. Manuel de Luaces estaba casado con Dª Rafaela de Presno Parga Fuentes y Donlebún (Blasones y Linajes de Galicia, José Santiago Crespo del Pozo, Tomo IV, páx.252)
Na Chancillería de Valladolid, D. Antonio García Presno veciño de Ribadeo, solicita Preito de Fidalguía en 1734. Un descendente contemporáneo dos PRESNO, D. Gumersindo García-Presno Cotarelo estaba casado con Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya (necrolóxica, La Comarca 14-Marzo-1954) unha das últimas ramas co apelido OYA en Ribadeo, descendente do matrimonio de D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo, casado con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, que teñen por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (o Escudo brasonado coas primitivas Armas dos OYA está, como veremos nun próximo artigo, na Capela de San Antonio e de San Xosé). D. Gumersindo e Dª María de los Angeles, tiveron por fillos a: D. Gumersindo, Dª María Vitoria, D. José María e D. Gabriel Desde estas poucas liñas, facer unha grata lembranza a D. José María García-Presno y Martínez de Aguiar que foi por un tempo Comandante do “Ciscar” (barco da República Española desde Xuño do 1937 a Marzo do 1938) a quen se lle deu o retiro de Capitán de Navío da Armada Española, no primeiro mandato do goberno de D. Felipe González. D. Xosé María, non estaba moi conforme co rango que lle recoñeceran, chegada a Democracia, para o seu retiro, pois, segundo a súa promoción, correspondíalle o grado de Vicealmirante ou General de División e non ó de Coronel. Na ditadura franquista, foi Xefe de Dique dos Asteleiros de Xixón e exerceu a Cátedra de Astronomía e Navegación na Escola Náutico Pesqueira e Superior de Náutica e Máquinas da Mariña Mercante de Xixón, cando aínda era Recoñecida da de Bilbao, e onde por circunstancias da vida, lonxe do noso lar ribadense e salvada a diferenza de idade (el perto dos sesenta e eu dos vinte), nos fixemos amigos e parolabamos a miúdo sobre asuntos do mar, dos barcos e un “pouquiño” de política. El fixera as Prácticas de Guardamarina no Buque Escola Galatea ó que lembraba sempre con gran cariño pois nel aprendeu a ardua disciplina da manobra dun gran barco de vela, da que era un entusiasta, e onde labrou o carácter de home sensato e de saber facer, dun perfecto mariño de guerra daqueles tempos. Os avatares da vida de D. José María merecerían un bo estudio biográfico, para darnos conta das reviravoltas que, un home condenado a Sete Penas de Morte por ser un “Comandante Roxo”, tivo que salvar durante e despois da Guerra Civil para poder sobrevivir. ¡Saudiños desde o noso terruño, alá onde esteas, amigo!
A modo de nota curiosa, atopamos na Lista de Rexistro de Barcos do Porto de Ribadeo, dous homes de mar antecesores de D. José María. No Folio 27, ó patrón D. José García Presno, que estaba o mando do quechemarín “Joven Ramonita” de 36 Tm de rexistro bruto, construído na Liñeira, segundo escritura de 13-Marzo-1848, para os armadores D. Fco. Antonio Bengoechea e D. Antonio Casas; e no Folio 45, consta o bergantín “Neptuno” de 149 Tm de rexistro bruto, construído na Veiga de Navia polo mestre D.Afonso Fernández Presno da matrícula de Viabelez, cuxos armadores eran: D.Fco. Antonio Bengoechea, D. Manuel Reynante e D. Emilio Erraez casado con Dª Concha Puelles, veciños de Ribadeo, segundo consta en escritura de 5 de Xuño de 1852, e que estaba taxado en 180 000 reais de vellón, incluída a arboladura. No cuarto cuartel do Escudo de Armas, unha aguia coroada mirando a destra, de ás abertas ou volante. Son armas dos PARDO, que ademais de ser de Dª Florencia PARDO BAAMONDE casada con D. Gaspar Presno, parecen ter que ver coa xenealoxía de D. Antonio PARDO BAAMONDE de Viveiro, casado con Dª María Somoza, de Santiago, cuxo fillo D.Antonio Pardo Baamonde rexedor de Santiago, estaba casado con Dª Antonia Cuervo de San Pedro de Cornazo, no concello de Vilagarcía de Arousa. Todos eles apelidos que aparecen tamén nesta feligresía de Ribadeo. Sobre este apelido, PARDO de veciños de Ribadeo atopamos na Chancilleria de Valladolid, outras dúas referencias: 1) Un Preito por Herdanzas, entre os anos 1743 e 1759, de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo, veciña de Castropol con seu irmán, D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, de Ribadeo, dono de “A Aduana Vella” (tamén en La Comarca del Eo 16-Abril-2016), sobre petición de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo para que se reduza a escritura pública o pacto que fixo con D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, para a partición da herdanza de seus pais. 2) Un Preito de Fidalguía, con data de 1780, de D. José Pillado Pardo y Rivadeneyra, veciño da feligresía de Nosa Señora de Vilaselán.
Como estamos vendo, en un escudo si e noutro tamén, tódolos Escudos de Armas e Brasóns de Ribadeo, están relacionados, uns con outros, por lazos familiares, se non é antes é despois, pois, seguramente os fillos das familias fidalgas casábanse entre si por non perder, ou para defender, os seus propios e comúns intereses sociais. ¡O Realengo...!

20160829

ESCUDO DE RIBADEO (III) Francisco José Campos Dorado

Ven de Escudo de Ribadeo (II)
--

A foto 1 é do escudo de armas de Ribadeo da Casa do Concello no Pazo de Ibañez. A foto 2 é do escudo de armas de Ribadeo que estaba no monumento dos bous, hoxe retirado por cuestións lexislativas da Memoria Histórica.

 Estes escudos elípticos, son propios da dignidade eclesiástica dun bispo, dun arcebispo, dun cardeal e mesmo do Papa, pero non de dignidade civil ou militar, como é o escudo do Condado de Ribadeo. ¿Cal de todos eles é máis propio das armas de Ribadeo? Sen lugar a dúbidas o que ten formato cuadrilongo redondeado ou en punta, como o escudo da Virxe do Camín, o máis antigo, ou calquera dos que timbran coa coroa condal. ¿Por qué se lles deu forma elíptica a estes escudos modernos? Sen documentación que acredite de quen deu orden de gravalo así, é un enigma, pero quizais a bordura externa foi copia, feita a imaxe e semellanza do escudo do Pazo do Xulgado (que analizaremos nun próximo artigo) cuxo edificio tamén facía de Casa do Concello cando o alcalde de Ribadeo D. José María Castelao comprou en 1942 a Casa de Casas antigo Pazo de Raimundo Ibañez, para facer nela a Casa do Concello. Como podemos ver, ámbolos dous escudos non están timbrados (non teñen coroas, nin cascos ou celadas) e carecen de adornos exteriores.
 Se nos fixamos na estrela destes escudos, que hoxe presentamos, tanto unha como outra aparentan ser de cinco puntas, pero a da Casa do Concello, abre no xefe e a punta principal está abaixo, inversada respecto da dos Bous (que é perfecta na forma e na posición) e aparecen outras cinco puntas por debaixo dos vanos angulares da principal, cuxo conxunto forma unha estrela de dez puntas, figura bastante insólita en heráldica, pois incluso os cometas se representan con oito puntas e o sol con un círculo rodeado por dezaseis raios uns rectos e outros ondulados.
 As chaves en barra cos paletós das gardas cara abaixo en destra, están ben deseñadas as dúas respecto do “imperativo estético” do que falabamos no primeiro artigo. Podemos ver malos deseños desta forma da chave, nos “escudos de Ribadeo” que están nas bancadas cabeceiras do Cantón dos Morenos, cuxas chaves están en banda, e non en barra, e cos paletós de gardas cara arriba en sinistra. Menos mal que o cemento de que están feitos é de tan mala calidade que pouquiño a pouco, están desaparecendo.
 Outra particularidade, son as ondas do escudo da Casa do Concello, parecen “rampantes” ou levantadas cara o lado destro. Un recurso artístico para facelas paralelas a inclinación da chave, pero unha anomalía heráldica pois carece de rigor. As ondas do escudo dos Bous, son regulares e están ben representadas a nivel, aínda que son cinco ou seis, e deberan ser tres reas soamente, igual que na bandeira de Ribadeo, con un pico encrespado a destra, como se ve no escudo da Virxe do Camín, ou con varios picos como no escudo condal.
 O borde do escudo do Concello, con varias arquivoltas ou molduras parece máis ben o marco dun camafeo, unha excelente xoia para levar o “retrato da amada” ou as pinceladas dun artista, pero nada que ver coa bordura dun escudo de armas. A bordura sinxela do escudo dos Bous está perfecta para o escudo dun bispo. Para rematar, diremos que ningún dos dous é o escudo de armas de Ribadeo, aínda que leven as mesmas figuras ou mobles.
 Volvendo a historia dos escudos eclesiásticos. Afonso VI “O Bravo” (1065-1072) rei de León e máis tarde (1072-1109) rei de Castela, León e Galicia (Rex Gallaeciae) cando encadea o seu irmán García II (rei de Galiza e Portugal) e asasinan tamén o seu irmán, Sancho II “O Forte” (1065-1072) primeiro rei de Castela, polo que o Cid lle toma xuramento en nome dos casteláns, na Xura de Sta. Gadea de Burgos para comprobar que non tivera que ver no asasinato de Sancho, seu gran amigo. Afonso VI, é un dos reis máis importantes da Reconquista que tratou de unificar os reinos cristiáns, impoñendo orden e autoridade, protexeu a cultura e acolleu os monxes de Cluny da orden de San Bieito de Aniano que fixeron triunfar a liturxia romana sobre a mozárabe ou toledana. Desta época data a fórmula do rito cristián de: “católico, apostólico e romano”. No ámbito cultural, Afonso VI (1072-1109) fomentou a seguridade do Camiño de Santiago, e introduxo a reforma cluniacense en Galiza, Castela e León.
 Pois ben. A capela da Virxe do Camín ten indicios destas épocas de reformas, nos seus símbolos gravados. Por un lado o escudo de armas coas ondas e a chave en pau, que en moi alto grado de posibilidades, é o escudo dun prelado ou dignitario eclesiástico ou do superior dun convento. ¿Por qué este aserto? Sabemos que o poder eclesiástico non aceptou o escudo de armas do Concello na fachada da capela da Atalaia no preito de 1722 (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páxina 6), ¿por qué, no século XII, había de aceptar poñerlle un escudo de carácter segrar, civil ou militar, á fachada dunha capela afastada case un kilómetro do recinto amurallado do casco de Ribadeo?. Ademais, sabemos, que nos tempos de Alfonso VII (1126-1157), D. Munio Vallibriensi Episcopo (Bispo de Vilamaior de Vallibria o actual Mondoñedo) e o Conde D. Rodrigo Vela Montenegro, fixeron reparto “amigable” de parroquias e terras o 21-Maio-1128: “(Afonso VII) querendo poñer paz entre os bispos da Igrexa Mindoniense e os Condes daquelas terras... porque moitos males, litixios, discordias e contendas xurdían entre bispos e condes... pois como si foran reis, oprimían a xente, razón pola cal aquel territorio estaba sempre en excomuñón”.
 Por outra banda, a orde de Cluny, fundada a primeiros do século X, fíxose cun imperio monástico de priorados autónomos moi podentes e foise apartando no século XII das novas ordes relixiosas, entre elas, da cisterciense de San Bernardo de Claraval ou Clairvaux, que rebatía o desbaldir de luxo, orgullo e vaidade en que se fora convertendo a orde de Cluny. Pero en favor de Cluny hai que dicir, que máis que os seus dereitos de autoridade da época feudal, proxectaba arte, arte monástico que é prototipo de formación do gran estilo románico e sobre todo, do concepto da decoración de gran valor artístico, ó entre mesturar figuras dos tres reinos da natureza: mineral, vexetal e animal, entre estes a figura humana pintada en escenas evanxélicas ou exercitando artes e oficios. Quizais algún mural houbera nalgún tempo nas paredes interiores da Capela da Virxe do Camín, e coas “reformas” do século XVI desaparecera.
 Pois ben, a Orde Cisterciense, que relevou a Cluniacense, tamén está reflectida na fachada da entrada da capela da Virxe do Camín, nesa grande cruz de Malta pometeada, da que xa falamos nun artigo anterior.
 Polo que vemos na Historia, Ribadeo, sempre tivo que ver co negociado eclesiástico e co civil da Administración Pública e si non foi dunha maneira foi doutra, sempre tivo que andar pelexando polo de seu, pois sempre houbo “algúns elementos” que trataron de desposuílo dalgún honor ou prebenda do que gozaba ou goza. Non cabe dubida de que antes, como a día de hoxe, debemos de seguir ollo a espreita para non perder nunca a nosa idiosincrasia, carácter e temperamento tan particular que nos caracteriza e do que temos que sentirnos moi orgullosos, pois nunca fomos sacarlle nada a ninguén e aquí veñen a arrebatárnolo todo: Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, Capitanía Marítima, incluso parece ser que andan detrás de levarnos a Alfándega (da cal “so temos” 800 anos de historia), quixeron sacarnos o Mercado un montón de veces, levaron a Capitanía da Guarda Civil, quedamos sen un triste barco de pesca nin mercante, sen Navieras, nin Consulados, nin Sanatorios, sen Base Marítima... e agora parece ser, que ata no Faro da Illa Pancha van facer un dúplex, unha falcatruada, e os “grandes políticos” locais e autonómicos, non son capaces de promover absolutamente ningunha fábrica nin industria de riqueza para Ribadeo, só temos bens de servizo. Por si fora pouco, a algunhas “grandes superficies” deixáselles facer un muro de formigón armado a escasos seis metros da estrada de entrada por Dompiñor, e nin sequera retirarse seguindo a liña da fachada dos edificios adxacentes, cando a outros negocios semellantes se lles obrigou a facer accesos amplos por medio de túneles por debaixo da estrada, retirando decenas de metros as fachadas porque ían ser urbanizacións amplas de carácter comercial, e agora cando se acababan de facer accesos amplos con beirarrúas pagados con diñeiro público, tamén se deixou facer unha gasolineira pegada a rotonda, e gustaríanos saber ¿qué tipo de criterio se sigue para o desenrolo do famoso PXOM de Ribadeo, posto que, polo que vemos a “vara de medir” non é a mesma? Por un lado a un veciño que se lle ve poñer un ladrillo de máis ou pintar unha parede dunha cor “estraña”, cáenlle “as corenta e unha”, e a certa tropa de simples especuladores, iso si, con algúns cartos para especular, se lles da “patente de corso” para que fagan o que lles pete. ¿Isto é loitar contra o caciquismo e implantar a democracia ou é a continuación da “dedocracia galega”, que non é calquera cousa, pois eiquí ten moitísimos anos de pedigrí?
 En Ribadeo no verán quedamos sen prazas hoteleiras para a inxente cantidade de visitantes, e aqueles vellos hoteleiros, navieiros e empresarios morreron e non houbo ningún relevo xeracional, para dar traballo de cotío. Soamente cunha pequena industria co presuposto dun tramo do AVE árabe a Meca, ou co simple costo dunha porta de esclusa do Canal de Panamá, teríamos o porvir asegurado en Ribadeo. Pero... aquelas vellas familias fidalgas de Ribadeo, a Ribadeo veñen a “descansar”. Non se instalou en Ribadeo a CEPAL (Central de Papeleiras Libres) para fabricar 60.000 Tm de papel prensa o ano e 40.000 Tm. de produtos varios, e agora exportamos polo porto de Ribadeo, centos de miles de toneladas de pasta de papel de primeira calidade. ¡Inaudito!. Sen embargo, non perdemos a esperanza, pois para crear riqueza, podemos pensar en compensar o tema, esperando que “un día destes” apareza a señorita París Hilton por aquí, que anda de xira polos arredores, lle bote unha ollada á Torre dos Morenos, á Aduana Vella, á panorámica de Sta. Cruz, ás Catedrais... e nos monte un Casino Hilton Hotel de cincocentas habitacións, salas de xogo, etc. onde se poida empregar moita xente e mover todo o ano riqueza e ata a “carracuca”, como no Ribadeo Indiano do verán ¡ay, Ribadeo Antigo, industrial, autónomo e cheo de encanto, canto te boto de menos!

20160504

CASA DA RÚA ENXEÑEIRO SCHULZ, por Francisco José Campos Dorado

Á metade da rúa a man esquerda segundo se baixa desde a Amando Pérez cara a rúa Viejo Pancho e Antonio Otero, atopamos unha casa blasonada cun antigo escudo de armas. Está realizado nunha pedra enroxecida, posiblemente pola cantidade de anos que estivo sometido as goteiras do canalón a traverso dos crampóns de ferro, pero suficientemente dura como para poder ver con claridade os seus ornamentos e mobles, aínda cubertos co encalichado co que algunha vez se pintou a fachada do edificio. Dende aqui darlle as gracias a Carlos Rolle Vijande que desde o seu confortable Hotel Rolle me deixou facer esta precisa foto do escudo.
O que primeiro se observa é unha encimera casi máis grande co propio campo do escudo, que consiste nun casco situado de fronte e con viseira romboidal. Segundo o Diseño Heráldico (Luis Messía de la Cerda y Pita, 1990) un casco de fronte e con viseira levantada romboidal é propio dun rei. ¿De que rei?.
Na dudosa data do escudo, 1616, que aparece na parte alta da bordura, reinaba Felipe III (1598-1621) que accedeu o trono despois de Felipe II (1556-1598) e que logo sería sucedido por Felipe IV (1621-1665).
Os tres estiveron implicados nas interminables guerras de Flandes, onde Ribadeo xugaba un importante papel como porto de abastecemento e de abrigo seguro a todo tipo de barcos, tanto si era para protexerse dun temporal como de ataques de piratas e corsarios que infestaban por aquel tempo as nosas costas. En 1624 constrúese o Forte de San Damián sobre a Punta do Carballo, para defender a bocana da Ría de Ribadeo e, en 1627 había catorce baixeles para protexer a ruta de Flandes, distribuídos entre A Coruña, Ribadeo e Pasaxes (“España, Flandes y el Mar del Norte”, José Alcalá-Zamora y Queipo de Llano, Pax.200)
Pero volvendo o casco do escudo. Que se saiba, en Ribadeo non houbo no século XVI nin no XVII, unha casa solariega donde residira o rei, aínda que só fora para estar de vacacións. Polo tanto o diseño do casco de frente e coa viseira romboidal, está equivocado según as normas da heráldica consultada, pero por outra banda, podemos ver que a viseira ten cinco ou seis grilletas angulares que lle protexen a abertura, dándose entonces á interpretación de ser un casco coa viseira baixada, propio dun duque ou dun marqués, e incluso poidera ser dun conde si estivera siquiera unha miguiña ladeado a destra.
O casco está rematado cun amplo penacho de oito plumas en abanico e a súa configuración é un pouco estraña, pois ten dúas prolongacións que saen da parte baixa da viseira, que rematan en espiral sobre ela e que forman dous redondeis cuns botóns centrais a modo de ollos que lle dan tétrica aparencia. Ademais parece ter unha ranura na zona da boca, propia dunha sorrisa sardónica, isto é, de labios estirados pero sen apego de sorrisa, máis ben mete medo o seu aspecto, pois un pode imaxinar algo moi sinistro no cabaleiro que portaba tal indumentaria.
O casco está sostido por un raro adorno con rasgos de figura fantástica que semellan dous “tentáculos de polbo” de desproporcionado grosor respecto da finura das formas heráldicas tradicionais, e cuxos extremos se envolven en dúas volutas a cada lado do casco, sobre a cabeza de dous bustos de tenante de pelo longo. Ó lado da cara dos tenantes poden verse como tres ventosas que saen dos tentáculos.
Ditos bustos dos tenantes, están sostidos pola cabeza de dous lobos ou de dous leóns empinados, que están de pé igual cos rampantes pero apoiando as patas dianteiras sobre o borde do escudo. As patas traseiras apóianas sobre burletes que asemellan as olas dun mar embravecido. Estes leóns, tamén teñen algo de estraño, pois a altura do medio da barriga, aparece “unha man” dende o fondo que non se sabe ben de donde procede, e suxetan lateralmente o escudo, aparentando nacer e subir das volutas laterais das olas do mar que se entremisturan coa crina do rabo de cada león. Hai dous “leóns apanterados” e empinados de igual forma, a cada flanco do escudo de armas das Torres de Donlebún en Figueiras, pero neste caso, as mans, son claramente as patas traseiras esquerda e destra de cada león.
O escudo de Schulz, remata por abaixo ó estilo francés, que é igual que o escudo español pero rematado en punta en vez de redondeado, e está sostido pola cabeza dun tenante de pelo longo.
Na bordura ten grabado o lema “DOQARESO EL VAR.” o cal, é unha incógnita.
É un escudo cortado ou dividido en dous por unha liña horizontal. A parte alta pode interpretarse de varias maneiras ó non atopar documentación da propia casa que nos indique algo da súa xenealoxía. Vese un castelo cunha gran portada e outra construción enriba de ampia fiestra, o que en heráldica se coñece como unha torre “donjonnada” (Heráldica do Marqués de Avilés, Ciencia Heroyca,1725), cun cabaleiro a cabalo que empuña unha lanza coa destra e leva posto un casco cun penacho de gran pluma. O cabaleiro parece estar o galope nunha xusta, ou ben, cabalgando hacia o castelo. En principio, aparentan ser armas dos Valledor, pero fáltanlle moitos elementos para selas, como: unha flor de lis, unha estrela, un oso que mata coa lanza o cabaleiro, e dous lebreis que suxeitan o oso. Tamén poidera ser a composición dunha linaxe familiar, onde o cabaleiro é das armas dos Guntín ou Gundín, emparentados cos Salgado, e o castelo das armas dos Méndez de Navia, que un século máis tarde por lazos matrimoniais, no ano 1732, nacería en Ribadeo Dª Josefa Méndez de Navia Castellano, filla de D. Anxo Méndez Navia e de Dª Catalina Castellano.
A parte baixa do escudo son armas dos Arines, 10 panelas: tres, tres, tres e unha, acompañadas dun luceiro de oito puntas das armas dos Bengolea.
En xeral, parece o escudo dalgún cabaleiro que ten que ver co mar ou con temas de marina. Según os blasóns de Galicia, D. Pedro de Arines de Vigo, en 1525 casaba con Dª Ana Troncoso, neta de D. Fernán Troncoso de Sotomayor, señor de Picoña, que defendeu Baiona dos corsarios.
Seu fillo D. Pedro de Arines Troncoso casa en terceiras nupcias con Dª Mayor Fernández de Acuña, filla do escribano de Bayona, e teñen oito fillos, e entre os seus descendentes os Duques de Atrisco, os Marqueses de Valladares, os Condes de Maceda, con casa solariega en S.Xusto de Cabarcos, e tamén contan cós Vizcondes de Meira. D. Juan de Arines o terceiro fillo morre en Foz en 1602 e estaba casado con Dª María de Castro.
¿Era esta casa de Ribadeo unha das casas solariegas dalgún destes fillos? Non sabemos, pero o casco da encimera é de alto linaxe e outra das casas blasonadas de Ribadeo que estivo case a piques da ruína total ata que fai poucos anos se puxeron a medio reconstruíla amecida á outra de máis enriba de D. José Pérez da familia dos Perecitos, na que tiveron bazar e mueblería, e que logo tamén tuvo alugada para fábrica de gabardinas de Llaú.
Quizais alguén saiba máis certamente da súa historia, e no lo queira contar como fixo excelentemente Jesús Díaz Cadenas, sobre a Aduana Vella, ampliando a biografía dos propietarios, de como fora adquirida en 1799 por D. Pedro Miranda Villamil, fidalgo e comerciante de ultramar de mans de Dª. Nicolasa Ortega, para dedicala a casa propia, e cuxos baixos servían de pósito e almacén de produtos ultramarinos, nunha etapa florecente do século XIX do Porto de Ribadeo. Esperemos que agora chegue a bon porto esta casa sita na rúa Enxeñeiro Schulz e non a abandonen de novo per sæcula sæculorum... como están facendo coa Torre dos Moreno e algunhas casas blasonadas máis.
Fachada de Enx. Schulz 5, en obras (Google Street View)