Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta MARQUÉS DE SANTA CRUZ DE MARCENADO. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta MARQUÉS DE SANTA CRUZ DE MARCENADO. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20240312

PAZO DO MARQUES DE SANTA CRUZ DE MARCENADO (Castropol). Pancho Campos Dorado

 

PAZO DO MARQUES DE SANTA CRUZ DE MARCENADO (Castropol)

Pancho Campos Dorado

O acceso ao pazo, está conformado por unha gran portada cuxo van de acceso presenta un arco de medio punto conformado por dovelas enriquecidas por un rosario de óvalos e a clave arrostrada con rostro humano. Os sálmeres apoian en impostas molduradas sobre columniñas de sección semicircular acaroadas (adosadas ao paramento), e o todo, flanqueado por dúas columnas de sección circular, tamén acaroadas ao paramento. Están asentadas sobre pedestais prismáticos rematados por astrágalos de medio bocel, e rematadas con capiteis xónicos. Os riles do arco son decorados con baixo relevos en forma de ramas florais.

Deste pazo eran titulares os Marqueses de Ferrera, e denominábase a Casa do Campo de Castropol. A Marquesa D.ª FRANCISCA DE NAVIA ARANGO MONTENEGRO Y LANTOIRA cásase con D. ÁLVARO JOSÉ DE NAVIA-OSORIO Y VIGIL DE LA RÚA (1684–1732), Fidalgo de Navia, III Vizconde del Puerto, e a partir de entón foi chamado o Pazo dos Marqueses de Marcenado, por ser tamén D. Álvaro o III Marqués de Marcenado (1717-1732).

Isto queda evidenciado nos brasóns das columnas xónicas da portada do pazo. Na columna esquerda, en pau, unha “M” coroada dos MONTENEGRO, sostida dunha torre da que saen tres lanzas dos LANTOIRA. Abaixo un escudo brasonado cunha banda, a banda dos NAVIA ARANGO do brasón terceiro do escudo dos marqueses de Ferrera, aínda que falta estar engulida en dragantes. Parece raro que este fora un erro dos canteiros, polo que podería darse a outras interpretacións, como veremos.

Armas dos Montenegro

Na columna destra, a “M” coroada dos MONTENEGRO, a torre superada de tres lanzas dos LANTOIRA, e abaixo un escudo brasonado cunha barra, posible dos NAVIA-VILLAAMIL de Navia, aínda que, como no caso anterior, faltan os dragantes.

Segundo o vemos nós, parecería que os brasóns, tanto o da banda como o da barra, se fixeron a posteriori de facer o pazo, dado que os brasón dos MONTENEGRO e LANTOIRA están feitos en baixo relevo evidente antes de montar as pedras da cachotería, e os escudos brasonados coa banda e coa barra, están gravados na pedra cando xa estaba asentada. Parécenos que foi así, por lóxica, posto que senón terían a mesma factura que os anteriormente mencionadas.

Armas dos Lantoira

O Marquesado de Ferrera é título de Castela, e foi concedido en 1697 polo rei Carlos II (1665-1700) fillo de Felipe IV, a D. JUAN ALONSO DE NAVIA Y ARANGO (Avilés 1659-1731) I Marqués de Ferrera.

Marquesado de Ferrera

Previamente D. Juan fora Vizconde de la Herrería, pois Felipe IV en 1631 e 1644 dita Reais Cédulas que ordenan ser previamente vizcondes antes de ser nomeados Condes ou Marqueses. Todo por cuestión fiscal, pois así estaban obrigados a pagar dúas veces os tributos de lanzas e de media anata.

Os tres Escudos de Armas que hai sobre a portada son, como veremos, claro reflexo dos que hai baixo o enterramento da Igrexa parroquial de Santiago Apóstolo.

ESCUDO ESQUERDO

Escudo español, partido e cortado de dous, con seis cuarteis. Timbrado con casco de fidalgo cabaleiro, mirando á destra, viseira baixada e catro grilletas á vista, rematado cun gran penacho de plumas repartidas a destra e sinistra. Está sostido por unha voluta apergamiñada e por dous soportes de leóns lampasados que apoian as garras no contorno, un a cada flanco.

Primeiro cuartel: un castelo de tres torres e de cada unha delas sae unha lanza. Son armas dos LANTOIRA (En campo de sinople, un castelo de ouro, con tres torres e de cada unha delas sae unha lanza de sable. Tal e como se ven os esmaltes no primeiro cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial de Castropol).

Segundo cuartel: Unha árbore da que colga unha espada cargada ao longo, por un escudo elíptico burelado. O todo sinistrado dun crecente contornado (coas puntas cara á sinistra). Son armas dos DONLEBÚN (En campo de gules, unha árbore de ouro da que colga unha espada co puño de ouro e cargada, ao longo, por un escudo elíptico de borde de ouro e burelado de sable. Tal e como se ven esmaltes no terceiro cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial).

Terceiro cuartel: Unha “M” coroada. Son armas dos MONTENEGRO (En campo de azur unha “M” de ouro coroada de ouro. Tal e como se ven esmaltes no segundo cuartel do escudo esquerdo do retablo da Marquesa na igrexa parroquial).

Cuarto cuartel: Dous lobos pasantes en pau. Son armas dos OSORIO ou OSSORIO. (En campo de ouro, dous lobos pasantes de gules, colocados en pau)

Quinto cuartel: Unha banda. Puidese atribuírse esta banda ás armas dos NAVIA, pero a banda non está engulida en dragantes (En campo de gules unha banda de sable engolada en dragantes dentados de sinople // Ou dos NAVIA de ANLEO (En campo de sinople unha banda de gules engulida en dragantes de ouro lampasados. Esmaltes dos NAVIA de ANLEO no retablo do altar maior da igrexa parroquial de Ribadeo).

O brasón da banda soa sen engulir en dragantes, pode atribuírse as Armas dos GARCÍA DE LA VEGA (En campo de ouro unha banda de gules) // Tamén dos FERNÁNDEZ ROCES (En campo de gules unha banda de prata) // Tamén dos GONZALEZ da Casa de Luarca (En campo de ouro unha banda de gules).

Sexto cuartel: Unha árbore á que están arrimadas cinco lanzas, tres a destra e dúas a sinistra. Son armas dos LANZÓS (En campo de gules, un carballo ó que están arrimadas cinco lanzas de prata cos mangos de ouro, tres a destra e dúas a sinistra). Así aparece no escudo de 1674 do Pazo de Pividal ou de Miranda en Abres.

ESCUDO CENTRAL

Escudo español, semipartido de un rasgo e cortado de dous, con cinco cuarteis. Timbrado con casco mirando a destra (enterramento) ou a sinistra (no pazo), propio dun cabaleiro fidalgo, viseira baixada con catro grilletas á vista e cun gran penacho de plumas, tres a destra e tres a sinistra. O escudo do enterramento está sostido por dúas flores cerradas e por dous tenantes con figuras de anxos que o aguantan polo contorno, un a cada flanco. No escudo da portada o sostén está formado polo que parecen pétalos de flores ou linguas de auga dun mergullo (chapuzón), e os tenantes son anxos similares aos anteriormente descritos.

Primeiro cuartel: Unha barra engulida de dous dragantes lampasados. Parecen ser Armas do MARQUÉS DE SANTA CRUZ DE MARCENADO. Pero observando o conxunto dos brasón do escudo, vemos que todos os cuarteis son os mesmos que os do MARQUESADO DE FERRERA, colocados en distintos cuarteis, entendendo que o escudo é FERRERA.

Segundo cuartel: Un castelo con torre de homenaxe da que saen tres lanzas. Son armas dos LANTOIRA. Os esmaltes son iguais aos do escudo esquerdo do Retablo da Marquesa, descritos en artigo previo (en Ribadeando e tamén en La Comarca del Eo, 10 Febreiro 2024)

Terceiro cuartel: Seis corvos en dous paus de tres, mirando a sinistra (En campo de prata, seis corvos de sable, en dous paus de tres, mirando a sinistra). Son armas dos CUERVO, contornadas das dos ARANGO, pois en ARANGO os corvos miran á destra, tal e como se ven, no escudo do Marqués de Ferrera. Ambas armas proceden de Pravia, dos CUERVO Señores do val de ARANGO (Francisco Sarandeses, Heráldica de los apellidos Asturianos, Oviedo 1994, p.62). Tamén vemos os corvos dos CUERVO e dos ARANGO mirando a destra no cuarto cuartel do escudo de Armas de 1726 da Aduana Vella, de D. CARLOS MIGUEL ACEVEDO PARDO DE TABOADA (Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.43)

Cuarto cuartel: unha “M” coroada. Armas dos MONTENEGRO.

Quinto cuartel: En campaña. Un barco acostado de dous castelos (un a cada flanco) con tres torres aclaradas con saeteiras.

Particular mención merece a descrición do barco. Trátase dun barco de vela dun só mastro central (maior) arborado e aguantado en candela por dous estais acalabrotados (formados de varios cabos colchados), un cabo firme a un bauprés de proa con bastante inclinación, e outro a un palo macho de popa sobre o que ondea un pabellón a modo de insignia de dúas zarpas. A única vela cuadra do mastro maior, está aferrada e cargada por alto (sen arriar a verga). O centro da verga está cargada de un paxaro grande volante (unha gaivota ou un mascato coas ás abertas) mirando a destra. Esta campaña puidese ser expresión dun exvoto dun salvamento. Teñamos en conta que a campaña é de moi raro uso en heráldica e ocupa a terceira parte inferior do escudo. Falamos de salvamento, pois na bovedilla de popa parece desenrolarse unha escena de dous homes na auga, un procurando o salvamento do outro. O todo, como xa dixemos arriba, sinalan ao Marquesado de FERRERA.

ESCUDO DESTRO

Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a sinistra, o que denota bastardía en heráldica, aínda que se pode dar o caso de ser por cortesía en caso de estar afrontado con outro escudo, como no caso de matrimonios entre fidalgos, cousa que estaría xustificada si o enfrontamos a calquera dos dous escudos antes descritos. Polo que tería que estar colocado na sinistra do portalón e non na destra, segundo ó noso criterio.

Ambos escudos, o do Enterramento e o do Pazo, presentan exactamente a mesma colocación dos brasóns, con diferenza no cuarto cuartel con armas distintas. Descríbese como un escudo medio partido de un rasgo e cortado de tres, con sete cuarteis, un en campaña.

Primeiro cuartel: Castelo sobre terrasado con tres ameas, de cada unha das cales sae unha lanza. Son armas dos LANTOIRA

Segundo cuartel: Xaquelado en dúas faixas: unha en xefe de dous ordes e 10 pezas (5x5) e outra baixa de tres ordes e 15 pezas (5x5x5).

Terceiro cuartel: Unha “M” coroada. Son armas dos MONTENEGRO

Cuarto cuartel: 1) No escudo do enterramento. Cuartel partido. Parte dereita: cinco vieiras en aspa ou sotuer. Armas dos DÓRIGA (En campo de gules, cinco veneras de ouro en sotuer). Parte esquerda: Tres faixas. Puideran ser armas dos BARCIA (En campo de prata tres faixas de azur) // Tamén armas dos MADERA de Avilés e Xixón (En campo de prata tres faixas de azur) (Sarandeses, ibídem, p.79 e p.229). 2) No escudo do pazo: Cuartel cuartelado en catro. 1 e 4) Tres faixas. Armas dos BARCIA ou dos MADERA. 2 e 3) Cinco armiños en aspa ou sotuer. Son armas dos FROLAZ ou FROILA. Este apelido é dos descendentes da familia BERMUDEZ DE TRABA, acaso a familia feudal máis antiga de España, poderosísima no Reino de Galiza, educadores de reis. O primeiro FROILA é fillo de D. GUTIERRE MENÉNDEZ que falece no ano 950, e estaba casado con SANTA ALDARA (ILDUARA, ILDARA), filla do conde D. Ero de Lugo e de D.ª Adosinda. Irmán de FROLAZ era SAN ROSENDO, monxe bieito no mosteiro de Caaveiro, e bispo de Dumio e de Mondoñedo. San Rosendo no ano 925 era bispo de Iria e de Compostela. Virrei da Galiza nomeado polo rei D. Sancho I (895-929) coroado en Santiago de Compostela o 16-abril-926 polo arcebispo Hermenexildo (Nós, nº707, 27-set-2022. “OS REIS E RAIÑAS DA GALIZA. 1000 ANOS DUN REINO DE SEU”). San Rosendo no ano 937 funda o Mosteiro de Celanova xunto co seu irmán FROILA que estaba casado con Dª SARRACINA. D. Froila e Dª Sarracina tiveron por fillo a D. RODRIGO FROILA, cuxo irmán foi o conde D. PELAIO GUTIÉRREZ, casado coa condesa Dª ELVIRA (Padre José Santiago Crespo del Pozo, Blasones y Linajes de Galicia, volume II, p.208)

Quinto cuartel: Unha banda. Pode ser brasón dos NAVIA, dos GARCÍA DE LA VEGA, dos FERNÁNDEZ ROCES ou dos GONZALEZ da Casa de Luarca; tal como comentamos arriba, e os esmaltes como no retablo do altar maior da igrexa parroquial de Ribadeo (Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.168)

Sexto cuartel: Un lobo cebado (que leva algo nas fauces) cara a sinistra, embarcado nun bote a flote ou sobre a auga. Brasón descoñecido para nós.

Sétimo cuartel: En campaña. A destra un castelo, sinistrado de tres lanzas á destra e unha árbore sen copa; unha serie de tres lanzas e unha árbore sen copa, e doutra terceira serie de tres lanzas e unha árbore sen copa. Brasón descoñecido para nós.

Estes prezados escudos de Armas do Pazo dos MARQUESES DE FERRERA ou de SANTA CRUZ DE MARCENADO, presentan as variadas ramas dos seus enlaces familiares, e con sorpresa vemos que tamén forman parte desta familia de marqueses os ancestros dos MADERA, actuais donos do Pazo, e que o restauraron luxosamente para que non caera de vello como está pasando coa Casa dos VALLEDOR. E unha pena que tamén estando na súa man a reparación e disfrute da Torre dos Moreno de Ribadeo, non reciba o mesmo trato de favor para acabar de restaurala antes de que caia nun montón e, por desgracia, mate a alguén. Non digo máis nada. Ata outra.

20240205

ESCUDOS DE ARMAS DO RETABLO DA MARQUESA (Castropol). Pancho Campos Dorado

 

ESCUDOS DE ARMAS DO RETABLO DA MARQUESA (Castropol)

Pancho Campos Dorado 


Na Igrexa parroquial de Santiago Apóstolo de Castropol, está este precioso retablo, cuxa imaxe central rememora a mítica Ascensión da Virxe ante a mirada atónita dos Apóstolos. Non falta detalle do arte barroco caracterizado polo realismo das súas formas e figuras, que se presentan vívidas ao espectador mercé ao contraste de luces e sombras conformadas polos matices mesturados de claros-escuros das cores azuis ultramar e celeste, e verde cobalto claro, e esmeralda. As cores aplicadas nese fondo de intersticios entre as luxosas filigranas douradas crean un conxunto de formas delicadas que amplían o efecto solemne e magnífico do retablo entre os fornelos dos santos e as columnas salomónicas ateigadas de anxos e gabiáns diversos.

Na parte alta atópanse dous Escudos de Armas, ambos os dous de forma elíptica.


O Escudo de Armas esquerdo segundo o observador mira o retablo, está timbrado cunha coroa de marqués, e o campo está cuartelado en cruz e rodeado de lambrequíns.

No primeiro cuartel: en campo de sinople, un castelo de ouro, mazonado (cos sillares indicados en sable), con tres torres, de cada unha delas sae unha lanza de sable. Son armas dos LANTOIRA.

Segundo cuartel: en campo de azur unha “M” de ouro coroada de ouro. Son armas dos MONTENEGRO.

Terceiro cuartel: en campo de gules, unha árbore de ouro da que colga unha espada co puño de ouro e cargada, ao longo, por un escudo elíptico de borde de ouro e burelado de sable. Son armas de DONLEBÚN.

Cuarto cuartel: en campo de sinople dous cans (?) ou dos lobos (?) en pau, andantes cara a sinistra.

Este escudo pertence aos brasóns da Marquesa, D.ª FRANCISCA DE NAVIA ARANGO MONTENEGRO y LANTOIRA O Escudo de Armas dereito segundo o observador mira o retablo, está timbrado cunha coroa de marqués, e o campo tamén está cuartelado en cruz e rodeado de lambrequíns.

No primeiro cuartel presenta: en campo de gules unha banda de sable engulida en dragantes dentados de sinople. Son armas dos NAVIA, aínda que con distintos esmaltes, ós que mencionan os nobiliarios: en campo de sinople unha banda de ouro engulida por dous dragantes do mesmo metal.

O segundo cuartel está cuartelado en catro. 1 e 4) En campo de sinople, un castelo de ouro con torre de homenaxe e mazonado. 2 e 3) Doce veros de ouro en tres faixas de catro cada unha. Son armas dos VIGIL DE QUIÑONES. (Nota: este brasón atópase representado nun escudo da casa de La Plazuela, na parroquia do Marcenado en Siero, aínda que este carece da bordura de sete grupos de seis veros en faixas de tres)

No terceiro cuartel: en campo de azur unha barca co banzo de gules e borda dourada sobre ondas de azur e prata, portando a bordo dous lobos de sable furiosos (rampantes), colocados en faixa. Son armas dos CADÓRNIGA.

Neste brasón aparece similitude nos nobiliarios, coas figuras dos SIERRA: “en campo de sinople, dous osos enfurecidos ou furiosos (rampantes) de sable, embarcados nun bote de borda dourada e casco de gules, sobre ondas de azur”.

Segundo se ve na representación do brasón, a cola larga dos animais, máis parece de lobos que de osos; mais como xa vemos noutros casos, as figuras e os esmaltes foron recollidas moitas veces ao gusto do artista e non ao estrito concepto nobiliario.

Deixamos está dúbida aquí reflectida, posto que os MENDEZ NAVIA de Ribadeo son familia dos SIERRA, segundo testamento de D. BALTHASAR MENDEZ NAVIA Y SIERRA casado con D.ª ANTONIA DE ESTRADA Y RIO (Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, p.61)

Cuarto cuartel. En campo de gules tres faixas xaqueladas de ouro e gules de catro ordes cada unha. Son armas dos SOTOMAYOR.

Tamén puidese interpretarse este cuarto cuartel: en campo de gules, corenta e dous xaqueles de ouro, alternando entrantes de gules e saíntes de ouro. Podendo ser armas dos VALLADARES (con 42 pezas 6x7) ou dos BERMUDEZ sobradas (con 30 pezas 5x6)

Este escudo, sen dúbida, pertence aos brasón do III Marqués de Marcenado, D. ÁLVARO JOSÉ DE NAVIA-OSORIO y VIGIL DE LA RÚA.

Segundo vemos ambos os dous Escudos de Armas deste retablo, non cabe dúbida de que o esquerdo pertence a D.ª FRANCISCA DE NAVIA ARANGO MONTENEGRO Y LANTOIRA (n. Castropol 1680- f. Valladolid 1706) filla dos Marqueses de FERRERA e titular da Casa do Campo de Castropol e o escudo dereito é dun marqués do Marcenado, e contrastando os seus brasóns e datas coa xenealoxía dos Marqueses de SANTA CRUZ DE MARCENADO, corresponde ó matrimonio do III Marqués (1717-1732), D. ÁLVARO JOSÉ DE NAVIA-OSORIO Y VIGIL DE LA RÚA (n. Puerto Vega 1684– f.Orán 1732). Fidalgo de Navia, III Vizconde del Puerto (referente a Puerto de Vega), Señor da Casa de Celles e da Torre de Vigil entre outros moitos títulos e cargos militares con rango de General, que casou en primeiras núpcias coa MARQUESA DE FERRERA, dona da Casa do Campo da Castropol, que a partir do seu matrimonio con D. Álvaro pasou a ser chamada O Pazo dos Marqueses de Santa Cruz de Marcenado, por aquelo da costume legal de que o home casado mantiña todos os seus privilexios, e acaparaba baixo o seu patrimonio todos os que a muller tivera. Así era e foi até que se redactou o Artigo 14 da Constitución Española de 1978, e aínda quedaron farrapos para acadar a igualdade.

Xa tardou en chegar a civilización moderna a este país! Non vos parece?

20161129

ESCUDOS DE ARMAS DA CASA DOS MIRANDA. Francisco José Campos Dorado


Baixando a Porcillán pola rúa Amando Pérez, case en fronte da Fonte dos Catro Caños, está a señorial e discreta Casa dos Miranda. Ó lado Sur, linda cun calexón que ven desde a Rúa Trinidad e que separa a casa e horta das casas adxacentes, e cuxo nome, Travesía da Paz, recorda a Rúa da Paz, antiga denominación da Rúa Amando Pérez. A casa consta de baixo e dous andares, con tres e tres balcóns beirados ou saíntes, con varanda de fundición enrellada e, nos baixos, tres sólidos portalóns de madeira con molduras, cuxa porta central de dobre folla, montantes vidrados e cancela de forxa, é a da entrada da casa. A súa fachada está toda construída de cantería, e entremedias do balcón central do primeiro andar, na parte alta, atópanse estes dous escudos de armas que resaltan do paramento labrados en pedra de mármore branco e en moi bo estado de conservación.

En heráldica a súa forma trátase como: escudos “españois carlistas” ou escudos de “forma de casulla” (El Diseño Heráldico, Luís F. Messia de la Cerda y Pita 1990, páx.29). O apelativo “carlista” refírese a Carlos I de España e V de Alemaña (1500-1558). Carecen de adorno exterior, a excepción dun trifolio no timbre do primeiro e do segundo, así como, neste segundo, outras dúas pequenas flores entre medias das volutas altas, e ámbolos dous, teñen un pequeno adorno no sostén (na punta da parte baixa). A forma exterior e similar nos dous, pero diferéncianse en que mentres o flanco dereito, segundo se mira cara a eles, é case igual, no flanco esquerdo as volutas envolven cara a dentro e quedan por fora, e no escudo sinistro envolven cara a dentro, pero métense no campo do escudo. O escudo esquerdo (foto 1) está cuartelado en catro:
No primeiro cuartel, na parte central, aparecen dúas chaves encostadas (dándose as costas) en pau (verticais) cos paletós arriba e aneis cadrados baixos entretidos (enlazados). Están acompañadas de tres flores de lis mal ordenadas: unha central en xefe (parte alta) e dúas en punta (parte baixa), e de seis rosas colocadas tres e tres en cada flanco das chaves. Si tiveran esmaltes, as chaves e as lises serían de azur (cor azul) en campo de prata, e as rosas de gules (cor vermella). Son armas dos Quirós de probada nobreza, entre outras, nas Ordes de Santiago, Alcántara e Calatrava. D. Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño alguacil maior de Oviedo e alférez maior de Avilés, foi Marqués de Camposagrado, título nobiliario que lle concedeu o rei Felipe IV o 23-Maio-1661. No segundo cuartel, dous lobos pasantes, son armas dos Osorio. En campo de ouro dous lobos desollados en pau (un sobre o outro). O lobo é figura do guerreiro que non da cuartel o inimigo. Unha cabeza de lobo, era insignia militar que os romanos levaban no alto dunha pica. D. Pedro Osorio, fillo do Conde de Trastámara, xunto con D. Alonso de Lanzós e D. Diego de Lemos en 1465, foron os que acaudillaron a Revolta dos Irmandiños. D. Pedro Osorio pereceu nunha prisión dos Andrade e D. Alonso de Lanzós pasou o resto da súa vida na cárcere. Foron os tempos en que os nobres galegos serán sometidos e obrigados os intereses casteláns, tempos da “doma e castración do Reino de Galicia”. Galicia conservará desde aquela a nomenclatura de Reino, máis será só testemuñal, pois perde a capacidade de decisión e o seu idioma deixa de empregarse nos círculos oficiais e na escritura; pero o pobo galego manterao vivo durante 300 anos nas lareiras, no agro, no mar, nos contos, nas lendas, nas coplas... (Historia de Galicia, David Pérez López, páx-155)
No terceiro cuartel unha banda engolada (tragada ou metida na gorxa) de dous dragantes linguados (de dous dragóns con lingua vista). Parecen armas do Marqués de Santa Cruz, título que Felipe II lle concedeu o 11 de Outubro de 1569 a D. Álvaro de Bazán e Guzmán, Capitán Xeneral con Grandeza de España. Neste caso, parece ser un cuartel similar o escudo inversado (simétrico respecto dun eixe vertical) do escudo esquerdo do altar maior da igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, o cal pertence a familia dos Navia (Osorio), segundo reza na lápida adxacente, e cuxo patronazgo xa exercían nos tempos en que era Convento de San Francisco e non a colexiata actual de Sta.María do Campo. Este marquesado, refírese máis ben ó Marqués de Sta. Cruz de Marcenado, título nobiliario que concedeu o rei Carlos II en 1679 a D. Sebastián Vigil de Quiñones y la Rúa do Coto de Marcenado e cabaleiro da Orden de Calatrava. D. Álvaro José de Navia Osorio y Vigil de la Rúa, nace en Puerto Vega en 1684 e foi o III Marqués de Sta. Cruz señor da Casa de Celles, vizconde de Puerto Vega. D. Joaquín Navia-Osorio e Miranda, nace en Castropol en 1749, e foi o VII Marqués de Sta. Cruz de Marcenado.
Cando se identifican datas dos maiorazgos na igrexa parroquial de Ribadeo, hai que ter en conta que esta é tal a partir de 1835, pero o convento de San Francisco fundouse no ano 1214, de cuxo arte gótico de primeiros do século XIII, consérvase na ábsida do altar maior o gran arco oxival enviaxado (que ten os apoios un pouco oblicuos respecto da vertical), as arquivoltas da porta principal, a fiestra de trazaría da fachada con dous parteluz, bateaugas oxivais (molduras que protexen os arcos do pórtico e da fiestra, da auga de choiva que escorre pola parede), entre outros elementos das bóvedas de cruzaría e do coro. Na parte alta do actual retablo do altar maior, a ambos lados dunha imaxe central de Cristo Crucificado, atópanse estas mesmas armas dos Navia – Osorio en dous escudos con esmaltes: unha banda engolada de gules (cor vermella) sobre campo de sinople (cor verde) e ámbolos dous timbrados cunha coroa de marqués e cun adorno exterior, facendo un artesoado de molduras, en alto relevo, de estilo barroco do século XVII ou XVIII.
No cuarto cuartel, unha aguia mirando a destra. Son armas dos Aguiar. En campo de azur unha aguia de prata co vo caído ou de ás baixadas e membrada de sable (coas patas de cor negro), brasón moi antigo, pois é outra das insignias militares das lexións romanas.
O escudo dereito (foto 2) é de aspecto moi similar o primeiro. O primeiro cuartel está semicortado e partido. Na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Son armas dos Sotelo: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Na parte baixa, un castelo. Parecen armas dos Suárez de Albergaría ou dos Suárez de Deza. Na partición dereita, dúas bandas con dúas lises cada unha, semellan armas dos Ladrón de Guevara, ou dos Quesada, pero máis posible sexan dos Queipo de Llano. Este cuartel é a labra de consanguinidade dos membros dunha familia, que a súa vez emparenta cos Miranda.
No segundo cuartel, as cinco doncelas de Miranda. En campo de gules (cor vermella) cinco bustos de doncela cos cabelos espallados de ouro, cargados no peito cunha venera de ouro. Alude ó Tributo das Cen Doncelas, armas que gañou Don Alvaro Fernández Miranda, parece que acompañado dun cabaleiro dos Ponce de León, uns din que polo ano 785 ou 791, e outros en tempos de Afonso II “O Casto” (791-842) anos despois de descubrirse a tumba do apóstolo Santiago no ano 813. D. Alvaro liberou no lugar de Petoburdelo (entre Betanzos e A Coruña) ás doncelas virxes e fidalgas da comitiva, que conducían os sectarios musulmáns, e tamén ás que xa estaban na torre de Val-docel para ser embarcadas na ría de Betanzos, as cales, ían sendo entregadas polos pobos cristiáns de Gallaecia, para pagar un odiado tributo de vasalaxe os emires de Córdoba, que o rei “folgazán” Mauregato (783-789) adquirira con Abderramán I (756-788) por haberlle axudado a espolincarse e apoltronarse no trono. Ramiro I (842-850) negouse rotundamente a pagar e batalla e vence a Abderramán II (791-852) na batalla de Clavijo (Logroño) (La Comarca del Eo, 29-12-2012 “O Tributo das 100 Doncelas”)
No terceiro cuartel, son armas dos Villamil, dos Álvarez de Mon, de Barreira, Barrera ou de la Barrera, dos Busto, dos Aguiar ou dos Pardo que explicamos con máis detalle cando nos referimos o Escudo da Rúa Antonio Otero (La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016)
No cuarto cuartel, son armas dos Luaces, un crecente ranversado (coas puntas cara abaixo) entre sete estrelas de oito puntas, tres en xefe e catro en punta. Así, tamén figuran na Casa de Luaces na cidade de Mondoñedo, pero coas estrelas de cinco puntas. Se o cuartel tivera esmaltes serían: en campo de azur, estrelas de ouro cun crecente ranversado de prata. A D. Juan García de Luaces, da cidade de Lugo, líbralle Sancho IV “O Bravo” (1284-1295) privilexio de fidalguía o 22-Maio-1293, por méritos contraídos na toma de Tarifa. A D. Luis de Luaces de Mondoñedo, recoñéceselle a fidalguía en 1554 (Historia de Galicia, D. José Santiago Crespo del Pozo, Tomo XXI, páx.241-242)
Na Chancillería de Valladolid hai moitos e diversos preitos relacionados cos apelidos destes escudos de armas, dos que destacamos: 1) Un preito de fidalguía do ano 1540 de D. Juan de Luaces, veciño de Mondoñedo. 2) Executoria dun preito litigado en 1565, por D. Pedro Fernández Tomás, veciño de Mondoñedo, con D. Vasco Fernández de Luaces e D. Fernando Ares de Ribadeo sobre contas e débedas dunha compañía de panos. 3) Executoria dun preito litigado en 1604 por San Juan de Bengolea e Dª. Inés Fernández de Saavedra e fillos, herdeiros de D. Pedro de Saavedra e Dª Elvira Díaz de Cidrón, veciños de Santa María de Ramil (Lugo), con D. Álvaro de Navia, marido de Dª. Leonor Fernández de Saavedra. 4) Preito litigado en 1655, por D. Rodrigo de Miranda Ponce (de León), con D. Diego García de San Pedro veciños de Pola de Lena, por un prado da Riva. (Asturias). 5) Preito de D. Lorenzo Agustín Miranda Menéndez, de Ribadeo, de D. Pedro María Miranda Miranda, de Ribadeo, de Dª. Juana Antonia Menéndez y Prado, de Ribadeo, D. José Campoamor, de Ribadeo, sobre: anulación dun foro fundado por Dª. Juana Antonia Menéndez e restitución dos bens a él hipotecados por estar vinculados o maiorazgo de Miranda (1788-1808). 6) Preito de D. Pedro Ramón de Oya y Miranda, de Ribadeo, D. Vicente Lamas de la Torre, de Santa Eulalia de Vilaosende, sobre anulación da escritura do foro dunha casa e horta situadas en Ribadeo por ser bens vinculados (1804-1809)... e un largo etc. etc.
Ámbolos dous escudos dan fe das grandes liñaxes do matrimonio de D. Pedro Miranda, natural de Ribadeo, casado con Dª María Osorio de Navia (século XVI), quenes tiveron por fillo a D. Fernando de Miranda Osorio que casou con Dª María de Lanzós.
Son dous escudos por antonomasia aristocráticos. ¿Que quer isto dicir? Son escudos das familias máis notables de Gallaecia e por suposto do Estado, con brasóns anteriores a fidalguía medieval de España. Non precisan timbrar os escudos de coroas ou cascos para falar da súa nobreza, pois as armas dos seus cuarteis falan por si soas. En San Miguel de Reinante, cun adorno exterior floral moito máis rico, hai outros dous escudos desta natureza na fachada do Pazo de Pumarín, pertencentes a familia de D. Juan Pardo de Cela Ulloa Taboada de Aguiar e Andrade (Arquivo do Reino de Galicia -Fondo da Real Audiencia de Galicia- Signatura 3339/10 -foto 102837).
Platón (427-348 a.C.) relata na súa “República” que aspiraba a un goberno da “aristocracia do saber”. Para Aristóteles (384-322 a.C.) a aristocracia era a mellor das formas de goberno sempre e cando, esta se interesara polo ben público, polo benestar social, pois en caso contrario dexeneraría nunha oligarquía ou goberno exercido por un reducido número de persoas que pertencen a unha mesma clase social privilexiada que utilizan o goberno en proveito propio. Herodoto (484-420 a.C.) opoñía a aristocracia á monarquía e á democracia. Rousseau (1712-1778) recoñecía dúas clases de aristocracia: a natuhereditaria e a electiva. A segunda destas formas é a máis racional, pero sempre imperou a primeira. Na era moderna, a democracia ganoulle a batalla á aristocracia política, aquela constituída pola “elite” dos grupos dirixentes.
O termo, aristocracia tamén se aplica como sinónimo de “privilexio ou rango”; así existe unha aristocracia social; una aristocracia da igrexa, do diñeiro, da industria, do arte, do saber ou do deporte. Polo que hoxe, cando se escoita falar da aristocracia a secas, interprétase como a clase social oligarca que fai e desfai o que lle ven en gana, conclusión que, aínda que non sempre, a maioría das veces, hoxe, é acertada pois teñen diñeiro, poder, privilexios e influencias dabondo como para facelo. Pero nun principio a aristocracia eran as persoas más notables da nación e non precisamente eran os que exercían o poder feudal. Platón, Moro, Bacon e os profetas do Antigo Testamento, seguramente eran aristócratas do seu tempo, en cambio, foron os pais da doutrina filosófica do Socialismo que se levantou en revoltas en contra da explotación da clase traballadora... En fin, Aristóteles, fai 2300 anos anos que morreu, ¡e como para seguirlle agora as súas “filosofías...”!

20231010

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR. Pancho Campos Dorado

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR

Pancho Campos Dorado

Pazo dos Valledor. Escudo.

O Pazo dos VALLEDOR está en Castropol. É un edificio do século XVIII ao que se accede por unha gran portada rematada por un arco de medio punto sobre impostas algo saíntes e con molduras. Os riles do arco están gravados en baixo relevo con motivos florais que ocupan o espazo até as dovelas laterais da clave, e o todo enmarcado entre dúas columnas, sobre cuxos capiteis se sostén a obra de cantería do gran escudo heráldico da familia VALLEDOR.

Escudo de armas medio partido de dous trazos e cortado de dous, coa campaña partida, traendo un campo de oito cuarteis. Escudo composto das Armas familiares da Casa dos VALLEDOR e que se atopa en magníficas condicións de conservación. Está protexido da choiva torrencial por unha cornixa de cantería formando un arco de medio punto, típico abeiro dos escudos heráldicos. O seu contorno é o dun escudo español de forma cuadrilonga, redondeado polo baixo e terminado en punta no medio da base ó estilo francés (1), cun contorno de gran campo para dar amplitude ás pezas e mobles dos brasóns representados. Está timbrado cun helmo de fidalgo, repuxado con resaltes de figuras en relevo, e adornado cun penacho de cinco plumas, dúas pequenas extremas e tres centrais de maior relevo. Está situado de perfil mirando a destra e viseira alta levantada, e a parte inferior baixada, colocado sobre unha gola ou gorxal amplo de dúas pezas. Cerrando a abertura do helmo percíbense catro grilletas perforadas, o que nos da a coñecer a súa distinción de fidalgo antigo e cabaleiro revestido de algún cargo importante no exército ou na corte do soberano, así como que o escudo representa tres liñas maternas e paternas, armas familiares con parentesco de consanguinidade.

O campo está rodeado, a destra e sinistra, de lambrequíns sinxelos a modo de ornamentos florais formando molduras enlazadas, e na punta (parte baixa) remata nun sostén a modo de vieira de peregrino rodeada dunha labor de “encaixe” de bodoques que conforman un conxunto de moi elegante e señorial presenza.

Na bordura alta podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. É un lema algo máis curto do que describía o escudo, tamén dos VALLEDOR, que estaba na casa de don Justo Barreiro Martínez, na antiga rúa de Figueirúa de Ribadeo, hoxe rúa de Buenos Aires: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (2). Ao expresarse en ambos lemas o termo “EL SOLAR”, quizais é probable que Balledor / Valledor queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “Valles” (feminino) ou simplemente se refira á “Casa nobre e patrimonial”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liña sucesoria da súa liñaxe. O escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo (3), máis antigo dos Valledor, carece de lema.

Primeiro cuartel: cortado. En xefe, ou parte alta, unha árbore arrincada (coas raíces á vista); e na parte inferior do mesmo cuartel, dous cans, o de atrás con colar, perseguen a un xabaril pasante a sinistra preto dunha árbore sinistrada e arrincada.

Segundo cuartel, en xefe, un cabaleiro con espada envaiñada á sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra, empuñando coa man dereita unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior, un castelo con tres torres; da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. Parece ser o guerreiro dos VILLAAMIL (4), surmontando ó castelo e aguia das primitivas armas dos ALVARADO (en campo de azur, un castelo de ouro sumado dunha aguia) ou dos ARTAZA (en campo de azur, unha torre de ouro e nacente das súas ameas unha aguia de prata). Faltan os esmaltes para precisalo.

Terceiro cuartel, unha flor de lis superada dunha estrela de sete puntas sinistradas dunha árbore moi erosionada (en campo de gules, unha lis de ouro superada dunha estrela de prata sinistradas dun teixo de sinople). Son armas puras dos VALLEDOR. Na parte inferior, un home groso con faldra remexe coa man destra o contido dunha caldeira guindada do gancho dunha gramalleira, sinistrados dunha grande oriflama, insignia ou estandarte militar de dúas puntas ou farpas, fincado no chan. Figuras propias dos VALLEDOR reflectidas, en parte, tamén no escudo dos BALLEDOR de Ribadeo (5).

Cuarto cuartel, dous lobos andantes contornados (cara á sinistra) en pau (un sobre do outro), surmontando unha árbore desraizada acostada de dúas aspas, unha en cada flanco. O brasón total semella as moi antigas armas dos CRÚ(Z) MONTENEGRO DE BARRAGÁNS, de Pontevedra. En particular puidera interpretarse, como un brasón cortado: 1) dous lobos andantes contornados en pau; 2) unha árbore desraizada acostada de dúas aspas. Os lobos serían dun matrimonio OSORIO. Isto é dubidoso, pois os lobos de OSORIO, son andantes cara á destra, en pau, lampasados (coa lingua á vista, e de distinto esmalte) e desollados ou sanguíneos (de gules), isto non podemos precisalo nesta representación en pedra, pois carece de esmaltes.

Quinto cuartel: un escusón (escudiño do abismo ou centro do campo) coas armas dos YBIAS. Con bordura, na que se pode ler o lema “YBIAS YBIAS (en xefe) DIOS (flanco sinistro) ME A (en punta) YVDE (flanco destro), [“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”] intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, unha torre de planta circular de catro ameas (á vista, dúas medias laterais e unha central) sinistrada dunha figura, quizais unha brisura (unha mirleta dun fillo primoxénito ou dun cuarto); e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire á súa sinistra (puidese ser unha serpe (6)), portando unha adarga e atacando a outro home case derrubado ou sentado no chan, que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e a man esquerda apoiada no chan, onde parece ter unha espada desenvaiñada. Ao lado destro do cabaleiro en pé hai unha estrela, posible brisura tamén, correspondente ao brasón dun fillo terceiro cando o primoxénito, nas súas armas, luce unha mirleta.

En heráldica o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo. Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas medievais, o cabaleiro colocaba no centro do escudo un sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba. (7)

Sexto cuartel, unha torre redonda de cinco ameas, donxonada dunha torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete aneis; un superando ambas torres, tres e tres en flancos e unha máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido tal como está, pero puidera tratarse dun brasón dos PÁEZ (en campo de azur, un castelo de ouro, aclarado de gules e rodeado de nove roeles de ouro en orla). Probaron a súa nobreza nas Ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e en San Xoán de Xerusalén, e son tamén familia de membros da Santa Inquisición (8).

Sétimo cuartel da campaña partida (cantón destro da punta), brasón cortado, na parte alta unha figura quimérica alada. Poden ser armas de REBOREDA ou o grifón alado dos ARRIBA que está botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. A sinistra do home, centrada en xefe, unha estrela, probable brisura dun fillo primoxénito. Abaixo, unha aguia voante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser a aguia dos PARDO de D.ª MARÍA PARDO Y LOSADA ou de D.ª MARIANA RAIMÚNDEZ PARDO OSSORIO MIRANDA Y AZCUEDO, ambas emparentaron cos VALLEDOR segundo consta na xenealoxía do Padre Crespo (ver abaixo)

Oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta), brasón cortado, presenta na parte alta unha ponte de pedra de tres ollos superada dunha árbore acostada entre dúas aspas, unha a cada costado. Son armas dos BEGA ou VEGA (de gules unha ponte sobre un río de azur e prata [neste brasón o río non se ve]. Unha árbore do seu color acostada de dúas aspas de ouro unha a cada costado). Na parte baixa, unha torre mocha con catro lanzas altas (puntas arriba), dúas a cada lado do portón; parece un dos variados brasóns das armas dos LANZÓS, particularmente co relacionado cos Condes de Maceda da fortaleza de Betanzos (en campo de ouro, unha torre de pedra co seu homenaxe, acostada de catro lanzas de ferro, con puntas de azur dúas a cada flanco). (9)

Este escudo de armas dos VALLEDOR, presenta en cada cuartel labras de brasóns matrimoniais, polo que parece ser posterior ao ano 1774, data que presenta o escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo, onde se reflicten os brasóns individuais. (10)

Notar aquí, que era moi frecuente entre familiares de reis e de nobres a endogamia (matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe: primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era un costume moi antigo que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a raza de puro sangre azul. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta".

A xenealoxía que fomos recompilando comeza en, segundo a obra do Padre Crespo del Pozo, con: D. PEDRO FERNÁNDEZ DE VALLEDOR casado con D.ª MARÍA ACEBEDO PARDO Y TABOADA (coñecida en San Miguel de Reinante por D.ª MARIA PARDO DE ULLOA. Casados antes de 1656. D.ª María é a sexta filla de D.ª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA [da “Casa Torre de Pumarín” de San Miguel de Reinante] e de D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO PARDO VILLAMIL Y MONTENEGRO (de Castropol, fillo de D. Juan de Acevedo Pardo e máis D.ª Catalina Villamil y Bolaño)

Para non estendernos máis neste artigo, resumiremos a xenealoxía á contemporánea dos dous últimos séculos ata os nosos días:

D.ª MELCHORA VALLEDOR Y LAMAS (f.1829) casada con D. JUAN ANTONIO MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL Y TRELLES (1752-1815)(fillo de D. BALTASAR MENENDEZ DE NAVIA Y VILLAMIL, Señor da Casa de Navia del Limonar de Navia, e da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Casado con D.ª MARÍA LUISA TRELLES PRELO Y CASTRILLÓN). Teñen por filla a D.ª MARÍA LUISA MENÉNDEZ NAVIA Y VALLEDOR (1771-1852) casada con D. VICENTE FRANCISCO JOSE LAMAS DE LA TORRE (1765-1817)(Señor do Pazo de Quintalonga) que teñen por fillo a: 1. D. RAMÓN DE LAMAS NAVIA OSORIO (n.1795) (representante do Reino de Galicia no Trienio Liberal de 1835) e a 2. D. VICENTE LAMAS MENÉNDEZ (1796) (señor do Pazo de Quintalonga) que casa con D.ª MARÍA TERESA NAVIA OSORIO Y ALVAREZ VIART (filla do VIII Marqués de Santa Cruz de Marcenado (1814). De este matrimonio nacen cinco fillos e pasa a herdanza ó cuarto fillo (despois de varios preitos) D. RAMÓN LAMAS Y NAVIA OSORIO (1851-1926)(Oficial do Estado Maior no Corpo Loxístico e Administrativo do Exército de Terra) que casa con D.ª ANUNCIACIÓN AMALIA SANJURJO. Teñen por filla a 1. D.ª MARÍA TERESA LAMAS SANJURJO (1886-1970) que casa en 1910 con D. JOSÉ NAVARRO REVERTER Y GOMIS (f.1942) Presidente de Telefónica entre outros moitos cargos. En Ribadeo viven na Casa de D.ª MARÍA LAMAS da rúa Viejo Pancho, que debido a lexislación franquista que negaba a autonomía da muller para gobernar o seu propio patrimonio sen permiso do marido, aínda hoxe se coñece esta casa como a Casa de Navarro Reverter, cando é a casa de D.ª MARÍA LAMAS)

Intentamos reunir as pezas que unen os Escudos de Armas do Concello de Ribadeo cós do Concello de Castropol, para coñecer a dimensión real que durante séculos unía con lazos de sangre ás familias nobles da Ría de Ribadeo, algo que hoxe, por desgracia, está totalmente perdido.

--

1 Heráldica española. El diseño heráldico. Luis F. Messía de la Cerda y Pita. Ed.1990. p.28

2 En Ribadeo a grafía expresaba BALLEDOR na lenda do escudo que estaba na Casa de D. Justo Barreiro. A grafía “Balledor” no escudo de Ribadeo; e “Valledor”, no escudo de Castropol, ambas da mesma familia, parecen ser a mesma palabra -“bale” ou “val”-, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar: mentres un denotaría “a persoa que ampara ou auxilia a outra”(baledor, valedor), outro sería “val do ouro” -Balledor, Valledor, Valadouro-.(Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146 / CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)

3 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153 (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA).

4 Heráldica de los apellidos asturianos. F. Sarandeses, Reedición, Oviedo 1994, p.376

5 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146. (CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)

6 Heráldica de los apellidos asturianos, Francisco Sarandeses, cita: “en una casa que llaman “de la Torre”, en San Emiliano (Allande) las armas son parecidas: Un castillo rodeado de ondas de azur y plata, bajo el cual está una serpiente de dos cabezas...” Reedición, Oviedo 1994, p.200

7 D. Modesto Costa y Turell, Ciencia del Blasón, Código Heráldico Histórico, 2ª Edición, 1858.

8 Blasones y Linajes de Galicia, Padre José Santiago Crespo del Pozo. Mosteiro de Poio, Edición patrocinada pola Real Academia Gallega, volume XXV, p.79.

9 Ibidém, volume XXI, p.147.

10 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153. (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA)