Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta dB. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta dB. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20220220

Entre Don Benito e Villanueva non hai nada

    20 de febreiro de 2022. Hoxe é o referendo sobre a unión de Don Benito (DB) e Villanueva de la Serena (VS), no corazón de Estremadura. Dous pobos con 450 e 175 km2, 35 000 e 27 0000 habitantes, que queren unir os seus destinos como único concello. Din que ten avantaxes. 

    Dous pobos con núcleos urbáns distantes catro km. E eu penso en Galicia, en casos como Alfoz (77 km2 e 1600 habitantes) e o Valadouro (110 km2 e 1900 habitantes), con capitalidades, A Seara e Ferreira, afastadas menos de 4 km entre si, coa poboación máis dispersa, con máis dificultades para ofertar servizos, cunha fronteira mutua relativamente abondo maior... e sen plans á vista para aproveitar sinerxias.

    Non sei se o referendo estremeño chegará a bo fin, pero o mero feito de que o haxa leva a pensar que hai oportunidades, máis aló das querencias. E iso visto dende o territorio minifundista galego (minifundio en terras particulares, pero tamén en pagos públicos), xa é algo.

    Hai pouco tempo que me chegou a información de que un concello, tamén estremeño, ten case a mesma extensión que a provincia de Gupúscoa. Trátase de Cáceres, 1750 km2 por 1997 km2 de Guipúscoa. Pero nese caso, a poboación tamén é abondo diferente, estando a provincia vasca oito veces máis poboada que o concello estremeño. É dicir, non son casos comparables o de DB-VS e Alfoz-O Valadouro con Cáceres (concello) e Guipúscoa.

    E hai xa máis dunha década que tivo certo pulo na administración o impulso á unión de concellos. Aquelo pasou a mellor vida, pois a cantidade de intereses disgregados ó longo da xeografía parece unha tarefa titánica para o tirar adiante a nivel estatal. Mais daquela o interese das institucións chegou a pedir estudos do que pasaba noutros lares, como Dinamarca, unha nación con cincuenta concellos e, ó que parece, abondo máis funcionalidade que por aquí. Claro que ó ser lugares diferentes, non só inflúe que o resto das administracións sexan tamén diferentes na súa estrutura e funcionamento, senón o tamaño do estado ou a mentalidade que se foi marcando na historia do pobo.

    E hai máis cousas. Os servizos de proximidade non teñen a mesma perspectiva nunha unión de máis de 50 000 persoas concentradas en núcleos urbanos e 600 km2, como é o caso de DB-VS que noutra con 15 veces menos habitantes dispersos e un terzo de extensión (Alfoz-O Valadouro). Quizáis sexa máis semellante co caso da Mariña Oriental, catro concellos cun total de 16 000 habitantes e menos de 400 km2, aínda que cun núcleo principal de poboación, Ribadeo, con case a metade dos habitantes do conxunto...

    Si, hai moitas cousas a considerar nunha unión de concellos. O que non parece de recibo é que, tal como están os servizos públicos en Galicia -por centrarnos máis 'no noso'- non se vaia comezando a facer esas consideracións e cando menos, a mancomunar máis servizos.

20190419

Semana Santa?

   A Semana Santa é un patrimonio relixioso. Si? Coido que era. O nome, o empaque de actuación, segue séndoo, pero hoxe por hoxe, quen se atreve a afirmar que a superficie -ou o fondo- das actuacións que teñen lugar por toda España esta semana son de tipo relixioso? Só as persoas que confundan (pódese cambiar a palabra se alguén se sinte ofendido por 'asimile' ou outras semellantes) relixión con actuación.
    A molestia dos pasos á beira das terrazas é só medio tolerada pola xente que as ocupa como o motivo que desaloxa o tempo para poder estar nelas. Os chiringuitos nas rúas fan menos contraste que as procesións, toléranse moito mellor, a non ser que as procesións sexan desas que 'hai que ver e fotografar' como actuación e arte... e en Ribadeo non hai moito diso.
    Nestas datas sinaladas, os gobernantes xa non van baixo palio, senón a deixarse ver nun espazo público que fai máis visible a súa cara, e iso xa sabemos que é fundamental na suma de votos: unha cara coñecida e recoñecida como tal. Que lles pode quitar votos por significar unha relación igrexa-estado (ou administración)? Na mercadotecnia electoral xa saben que o peso dun valor e o outro non é o mesmo, e compensa.
    Mentres, os pícaros teñen festa para eles no parque, que para iso están de visita (ben, si, tamén poden sumarse os do pobo, claro!) e xa se poden ir habituando ó sistema festeiro da Semana Santa, entre 70 e 95 dB ó recorrer o parque o mércores, cheo de cativos concentrados xogando monitoreados baixo a música 'ambiental'. Por certo, intensidade sonora equivalente á dunha moto ou un coche acelerando polo outro carril da estrada... cos nenos sorprendentemente pouco alborotadores.
O gráfico de son ó recorrer o parque, achegándose ós 100 dB nalgún punto.
    Vixiantes do tempo, as procesións necesitan de bó tempo, que se chove, 'os santos' móllanse, e a xente, tamén, e iso estropea a actuación. Claro que, se non estaban previstas polas previsións meteorolóxicas que se fan públicas, en certa medida pode ser benerficioso para o consumo, que a xente ten que meterse nalgures.
    E cando remate? A valoración será se houbo moitas prazas hostaleiras cheas, se se vendeu moito... na Semana Santa, que hai que poñer con maiúsculas, porque ten nome propio. Por certo, este ano, coa previsión de cheo, é de prever que a valoración será positiva.

20100313

Pleno o luns 20100315, con tratamento da protección contra a contaminación acústica

A información de 'primeira man' que teño é a do propio concello na nota de prensa correspondente, acompañada por algunha cousa máis que saiu nos papeis, como que van ser vinte os puntos da orde do día, ou que os hostaleiros están mobilizados(e mobilizando) polo tema da aprobación da OMPCA (Ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica), que coido está tal cual como foi aprobada en pleno de 2006 e foi comentada no blog aquí. Por certo que a ordenanza mirouse xoves (20100311) en comisión informativa e contou co voto a favor do BNG e a abstención do resto.
Como é un tema que trato dende longo, de seguro que o voltarei a tratar, mesmo con lembranza de actuacións xa pasadas, pero polo momento deixo asemade os puntos básicos das miñas alegacións (que, segundo a prensa, foron rexeitadas xunto coas outras presentadas pola avv Tesón), e sorrío eu mesmo ó ver que non foron considerados os dous últimos puntos, que básicamente se refiren á responsabilidade das persoas que compoñen a estrutura visible do concello, ou que se seguen a manter as disposicións transitorias despois de non seren aplicadas normas xerais que datan de hai arredor de dez anos, algunhas das que estaban recollidas xa en documentos municipais anteriores.
"Unha vez visto o texto da proposta de ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica, aprobada previamente no pleno de 10 de xullo de 2006, presenta as seguintes alegacións:
O feito de que no articulado aparezan disposicións transitorias despois de anular o articulado do RAMINP que regulaba o ruído e posteriormente adoitar a normativa tipo que xa entrara en vigor total en Galicia, aínda máis de dous anos despois das correspondentes disposicións transitorias, constitúe unha grave violación dos dereitos dos cidadáns para favorecer actividades que non corresponden con normativas xa en vigor dende hai tempo en Galicia.
Considero que debe ser revisada a redacción do articulado referente á suma de efectos sonoros, por non adaptarse ó feito de que cada local, alomenos polo momento, leva asociada xente na rúa, que a cantidade de xente correspondente e polo tanto o ruído asociado, non corresponde proporcionalmente co número de locais, que sempre se produce unha acumulación cando hai locais próximos, ... cousas que se teñen esgrimido polo concello para calificar o ruído dentro da categoría de 'xente na rúa' e non de 'locais', e non se está tratando de atallar agora.
Non se contemplan nin as zonas acústicamente contaminadas pedidas polos veciños nin se fai relación máis que teórica das zonas previstas na normativa, sen criterios de aplicación suficientes. Tampouco se contempla a denegación automática de licencias a menos de 50 metros de locais xa funcionando. O anterior pode provocar, como xa se ten dado, que locais con licencia de bar/cafetería podan pechar ás 3:30 da madrugada e ter música e manter xente ata esa hora a poucos metros de outros con licencias de cierre posterior e que se 'animan' a horas máis tardías que eles. Dentro deste grupo de consideracións, tamén hai que encadrar que non se especifican criterios para a adaptación da normativa cando hai locais relativamente xuntos.
O articulado remite a un PXOM que polo momento non contemplou a normativa que se pretende nin a actualmente en vigor en Ribadeo e tamén en vigor en toda Galicia dende hai anos, co que debe redactarse de novo contemplando estes extremos para adaptarse á normativa tipo existente.
Non se pode permitir un sistema de 'autocontrol' como alternativo e non só complementario ás inspeccións do concello. Eso significaría un resignamento de funcións en favor de intereses privados.
Deben de tipificarse as terrazas e a normativa correspondente, xa que non están suficientemente especificadas, o que significa un vacío legal.
Hai algunha cuestión lingüística que hai que corrixir, como no artigo 14.2, despois de 'musicais', que considero necesaria unha coma, no 16.3, a corrección no tipo de dB nalgún lugar, a contemplación da reordenación feita pola Xunta dos tipos de licencias, ou o art. 37, no que se refire a un número de articulado que non corresponde.
""
Faltan por ser contempladas cousas que se veñen practicando na noite ribadense, como o tirar vidro ó contenedor (normalmente de lixo xeral, non de vidro) de madrugada ou os vasos rotos na rúa a calquera momento da noite, ou o consumo fóra dos locais, que está correlacionado fortemente coa producción de ruído se os locais están ben illados.
Entendo que debera de haber asemade unha especificación de responsabilidades de cumprimento dentro do concello, como garante da normativa. Esto evitaría deixar a apertura de expedientes a cargo dos veciños polo procedemento de denuncia particular, o que entre outras cousas, non favorece a convivencia veciñal que debe favorecer o concello.
Considero que hai máis variacións que facer, pero sobre todo, que a redacción debe refacerse despois de extremar o cumprimento da normativa actual para mirar tanto as alegacións presentadas neste documento como noutros que poda haber e facer unha redacción clara que poda ser asemade distribuída entre veciños e locais e mesmo poda ser consultada por internet."

20090318

De novo, o ruído é nova, aínda que non sexa en Ribadeo

Un amigo envioume hai un par de días ista nova, que xa vin replicada en varios sitios. Chegou a min onte, e onte resultou ser S. Patricio, Patrono de Irlanda, co que o mesón próximo, que ten certo gusto polo Irlandés, organizou unha festa, e que festa hai sen música?
En fin, en Ribadeo non hai policías locais máis aló das 10 da noite durante a semana, e a Guardia Civil non ten sonómetro, e... e como soe dicirse, a carabina de Ambrosio.
Chama a atención a nova de que a condena recibida segundo a nova ligada é a primeira que recoñece lesións producidas polo ruído. Non é coña. É difícil probar a relación entre efectos sanitarios e ruído; non porque non exista, senón porque non ten efectos facilmente diferenciables se non se fai un seguemento minuto a minuto da vida da persoa, dos efectos que podan ser derivados doutras fontes, mesmo de irregularidades ou tendencias na propia persoa, e a quen non sofre o ruído parécelle de coña que poda ser tan perxudicial.
Seguindo o comentario da nova, di que era un bar que instalou equipo de música. En Ribadeo, a algún bar con equipo de música e un carrado de denuncias encima lle deron a comezos de século a licenza de pub (Jose Carlos Rodriguez Andina mediante), o que xerou que as denuncias pasaran a procedimiento xudicial, etc (incluído no et caetera ameazas e insultos de diversos tipos e por diversas persoas). Pero o bar segue sendo pub e segue sen o illamento debido e funcionando, iso si, con doble porta despois de pasado uns cantos anos e de ser pedido o seu peche varias veces e por unhas cantas sinaturas.
"Soportaban emisións de ruído de máis de 43 dB". En Ribadeo, crise mediante, a cousa está máis calmada que en tempos, e mira ti que os 43 dB é unha medida típica (máis ben un pouco baixa) na miña casa os sábados, pero non xa ata as 3, como di a nova do bar de Barcelona, senón ata as 5 ou máis aló. Iso si, aquí a música molesta soe ser só polas noites (non sempre), aínda que que o horario de peche non só é sobrepasado de xeito común senón que permíteselles ampliación legal en diversos periodos.
Mentras, o regulamento de ruídos segue sendo un regulamento tipo, estatus ó que o rebaixou o pleno por unanimidade en tempos do anterior alcalde, Balbino Pérez Vacas, despois de incumprir dende o mandato anterior o regulamento que xa había e que especificaba que non se daría pé á concentración de locais nouturnos separándoos unha certa distancia. Por certo, tamén foi el quen deixou a un novo establecemento (asimilado a licenza de bar) abrir e poñer música, xa retirada por orde xudicial. E mentras, o actual alcalde, equipo de Goberno e pleno, retrasaron a tramitación no pleno dun novo regulamento sobre contaminación acústica porque o anterior, aprobado de xeito inicial hai xa uns cantos anos e pasado longamente o periodo de recepción de alegacións, non deu tempo a estudalo para o pleno de xaneiro. O caso é que tampouco debeu dar tempo a estudalo para marzo, pois non se presentou. E o PXOM non recolle as zonas acústicamente contaminadas (ou non recollía cando se fixo público)
Coido que se pode entender ben por que sigo en xuízo polo tema do ruído e ademáis, de seguro ampliarei próximamente o número de litixios.
Como despedida, un saúdo e grazas pola paciencia sobre un tema que se me fixou fai tempo.

20060712

Comentarios despois dunha primeira ollada á Ordenanza Municipal de protección contra a contaminación acústica de Ribadeo (OMPCCA)

Son 27 páxinas e por fin puiden botarlles unha ollada. Non se me vai que foi feita copiando e sen fixarse moito, como o indican determinadas faltas de lingua e outras lagoas. Segundo o alcalde, fai meses o dixo, querían facer algo pouco restrictivo, que se houbera posibilidade de que normas xerais foran menos esixentes, deixar a porta aberta para aplicalas cando conviñera, pero que se aplicaría como non se fixo co RAMINP nesta parte correspondente. No pleno mesmo dixo que non querían machacar ningún local. E de aí a 'operación acordeón', deixando sen efecto unha parte do RAMINP unha tempada e logo aplicando nova norma.
Ben, pois se se aproba, coido que ou machacan varios locais tendo que facer fortes inversións, en algún dos casos non rendibles, ou terán que pasar polo xulgado pola súa non aplicación, que será comisión de delicto. Chegados a este punto cabe pensar nos prazos e outras cousas, e na súa aplicación no seguinte mandato, do que pode que se libre o actual alcalde, pero alguén o terá que facer. É un pensamento lóxico, pois na norma non está previsto como facela cumprir, do mesmo xeito que saiu un informe positivo para a ampliación de horario dos locais nouturnos (verán, festas, Nadal, ...) dicindo só eso, que era positivo, sen máis explicación e contradicindo que hoxe en día, a pesares das promesas electorais realizadas, non haxa policía municipal que garante a noite a maioría dos días.
É dicir, o de pensar en aplicalo, polo momento, non o podo creer moito, e visto como funcionan as cousas, dubídoo. Quédame a dúbida da calidade en referencia ós mecanismos do concello, e xa fixen antes mención de que agora pode xerar casos xudiciais en relación coa responsabilidade da súa aplicación.
A ordenanza parece non prestar especial atención no seu art. 4 ós principais motivos de queixa acústica ata o momento, a pesares de adicarlle despois un capítulo enteiro que coido incompleto nas súas referencias.
No art. 5, menciona zonas de sensibilidade acústica e refíreas posteriormente á súa definición no PXOM... coido que sobran explicacións, pero aquí é necesario aclarar que houbo unha chea de veciños que presentaron no seu momento un escrito pedindo declaracións de zonas acústicamente contaminadas.
O art. 6 fai mención á normativa anterior e á vixencia dela mentras tanto, co que se esquecan os 6 meses que aparecen ó final (transitoria 1ª) para adecuación dos locais, pois en parte tiña que estar feita agora.
No art. 8.1 fai referencia ó proceso de avaliación de incidencia ambiental, que non aparece despois sinalado e que terán que referirse a outras normas de rango superior, cando o que se trata con este regulamento é de facer algo específico de Ribadeo (ou non? porque alquera sabe cal é o obxectivo). O 8.4 implica que os locales que xeren un minimo de ruído terán que ter un illamento de 50dB mínimo, e teño visto xa máis de un proxecto no que se contemplaba abondo menos (e non falo do que se facía despois). Paréceme ben, pero logo hai que cumprilo e facelo cumprir.
E referente a facelo cumprir, no 12.2 fáise notar, en conxunto cos prazos do final, que o concello non ten prazo de adaptación (coido que non o pode poñer). Aí mesmo aparece unha frase contradictoria ó meu ver: "adoptado nun procedemento contradictivo" Cando o vexa de segundas mirarei un pouco máis o sentido posible.
No mesmo art. 12 libera ás terrazas de todo control, ó non estar sometidas a illamento acústico. Pero son dúas cousas diferentes: está claro que unha terraza non pode ter illamento acústico, pero non se pode deixar sen limitar as súas emisións, sen asociar terraza cunha tipoloxía de local, etc.
O art. 13 permite ós locais pasar de 90dB interiores só con poñer un cartel dicindo que pode facer dano...
O 15 e o 19.2 fala dunhas placas identificativas que están por deseñar, mentras en noutros lugares levan décadas facéndoas. Supoño que eso non será dificultade, pero visto que as cousas do Pazo van despacio, convén lembralo.
O art. 30 non contempla cousas como tirar vidro ós contenedores ás 6 ou 7 da mañá, xa prohibido noutro lugar porque non son os contedores adecuados, pero...
Aparece noutro lado que o concelo poderá rebaixar os niveis permitidos ós locais cando por acumulación se sobrepase o límite en 3 dB no exterior. Eso, para quen coñeza as medidas acústicas, significa só que cando hai dous locais semellantes pegados (xa que 30dB + 30db = 33dB) hai que rebaixar o ruído permitido para cada un deles. Benvido!
No art. 46 non se determina ningún programa municipal...
É só unha primeira lectura, pero xa me deu abondo que considerar. Estaría peor feito e sería menos restrictivo (por moito que diga o alcalde que se permitirá ós locais), pero preferiría que se tivera cumprido o outro.
Continuará.

20060413

Vale xa!

Aínda que xa fixen outra entrada hoxe, remato de leer un xornal de onte e non me resisto a perder un pouco máis de tempo tecleando.
1.Polo que parece, entre outras cousas, os veciños non nos pronunciamos ó respecto da 'liña de traballo' para solucionar o problema do ruído en Ribadeo. Pois ben, despois de saber pola prensa de varias xuntanzas dos pubeiros, despois de ser convocados estos pola alcaldía e ter alomenos dúas reunións, despois de ternos pronunciado, si, en escrito efectuado á prensa, despois de non ser invitados a ningunha desas xuntanzas, despois de múltiples artigos neste blog (camiño das 7000 visitas dende agosto pasado), despois de ver como últimamente os bares usan a súa música ambiental como algo máis que eso, despois de ver como iniciativas como as de repartir vasos de plástico á saída dalgún local non pasan de mera anécdota, despois de medir máis de 50 dB o último fin de semana (coido que con medidas totalmente esporádicas, despois das acumuladas con antelación, xa abonda), despois de ter pedido vai dous meses, e voltar facelo vai mes e medio, información sobre que pasa coas denuncias efectuadas sen obter resposta polo momento, ... entre outras cousas, resulta que non nos pronunciamos.
2.Os pubeiros teñen información, e polo que parece nós non temos dereito a ela. Non é só que saiban prácticamente todos os nosos movementos por información do concello, senón que nós pedimos información e non nola conceden.
3.Parece ser que a empresa novotec vai ser a encargada de facer comprobacións. Das circunstancias nas que se van a facer non se sabe nada. Alomenos pola información de que dispoñemos, o xornal.
4.Din que os controles van ser máis numerosos que antes no que respecta o ruído. Pero, que control se facía antes, a parte do inicial e máis das medicións solicitadas polos veciños á policía municipal, nas súas propias casas, e unha vez desvelados, acudindo a PL á vista da xente dos pub? E que caso se lle facía a estas? Estánse agora a desprezar por parte do concello esas medidas?. Para min patente ese desprezo, pero ata o momento non se fixera tan evidente.
5.'O alcalde confía en que os veciños afectados amosen tan boa disposición como os pubeiros'. Por eso, ontes mesmo, no concello, sen saber nada da xuntanza, pregúntolle que pasa coa resposta ós meus escritos (por suposto, dirixidos a el) e o primeiro é dicirme que non sabe deles. Parece que o que se pretende é boa disposición para deixarse dar por todos os lados.
Teño dito xa outras veces que a indignación, e de aí arriba, non é boa para escribir con ecuanimidade. Costa facelo. Estame a costar facelo. Por eso, paro: estou canso de tentar ser ecuánime sen ver unha resposta, e aínda por riba, botándome a culpa.

20060330

Un eclipse, dous centros e unha nova de Le Monde

Onde houbo eclipse de sol. Entre o recente eclipse, moito máis impactante que este, e o tempo, que non permitiu velo dun xeito adeucado, pasou sen pena nin groria.
Moito máis importante para Ribadeo é que se vai confirmando a división do IES Porta da Auga. E digo que se vai confirmando porque leva xa algún tempo a cousa con novas contradictorias cada pouco tempo. De calquera xeito, pasou semi-desapercibida polos xornais, pode que a causa da división de opinións sobre o que se debera facer co centro no futuro, mesmo no interior do claustro. Ese tamén foi o motivo de que neste blog non se falara máis do tema. Nembargantes, agora que xa parece definitiva a cousa, a falta de perfilar detalles, coido que é unha decisiónque afectará ó futuro de Ribadeo máis do que no momento se pensa. Estou a falar da división do centro nuna área 'de FP' que formaría un Centro de ensinanzas integradas, e outra área 'de comúns' que pasaría a ser un IES. As dificultades para levar o proxecto a bó porto con dous novos centros non son poucas dende o meu punto de vista, e pode resultar aínda unha oportunidade para que Ribadeo potencie a súa presencia na zona, pero hai moito que traballar para evitar que saian dous enxendros con dificultades de espazo vital para ambos. Seguro que de eso voltamos falar.
De Le Monde, collo un párrafo da nova sobre o efecto do ruído dos xeradores eólicos sobre a saúde e tradúzoo: ..."Polo contrario, o efecto do ruído sobre a saúde - ou 'traumatismo sonoro crónico' - é coñecido de vai tempo. 'A intensidades moderadas, estiman os expertos, o ruído pode conlevar reaccións de tensión, perturbar o sono e repercutir no estado xeral'. (...) O sono queda perturbado se o ruído ambiente sobrepasa os 45 dB (decibelios), aceptando a Organización Mundial da saúde esa perturbación a partir de só 35 dB." Unha vez máis, queda dito. E en Ribadeo, por exemplo, na zona vella, sobrepásanse esos niveis sábados, festas diversas e o verán, máis algún extra.
--
Un artigo vello... (010597)
Feiras e inventiva

A historia das feiras na nosa terra está a sufrir grandes cambios. Dende as antigas (aínda existentes) e tradicionais feiras, mercados, feiróns, pasando polas feiras "de mostras" ou as temáticas (do mar, do queixo, do viño ... ), vanse configurando novos tipos de feiras. A derradeira, a feira de ciencia, aínda en mantiñas. Neste proceso manifestase unha evolución social e cultural.

Un pouco máis polo miúdo, pódese observar que os mercados que se fan certos días (á semana, ó mes, ó ano ... ) ó longo da nosa xeografla, nacen da necesidade de abastecemento, de intercambio, de comunicación.

Hai lugares tamén onde certas festas se denominan feiras. Lembremos a feira de abril de Sevilla. Chámanse tamén así en Valladolid, e en lugares máis achegados, aínda que menos chamativos. Os intercambios e movemento de cartos deron lugar á animación, e polo tanto, á festa. As nosas feiras, en xeral moito máis modestas que as citadas, fóra das grandes vías de comercio de hai tempo (e da actualidade), tamén tiñan e aínda teñen algo de festivo, de día extraordinario, polos mesmos motivos.

0 aumento, a mellora, a actual rapidez nas comunicacións, fan máis fácil o intercambio, e as feiras caen. Feiras grandes, que duraban dende o mencer ata o atardecer ou a noitiña, resólvense agora "de nove a unha ou dúas". 0 traslado de xente a pé ou carro é agora sustituido con ventaxa polo uso do coche particular. Aumenta a comodidade e redúcese o tempo de viaxe fortemente, tantas veces (ou aínda menos) como pode aumentar o número de viaxes ó pobo que acollía a feira ou a outros máis importantes e lonxanos.

0 desparramarse as novidades das feiras ó diario, algunhas novidades que requiren moita xente por ser de pouca venda, ou por buscar mercados, ou outros motivos, fan que nazcan as feiras de mostras. Na nosa terra, lembro como primeira feira deste tipo a Feria de Muestras del Noroeste, no Ferrol.

Tamén foi esmorecendo esta clase de feira, deixando sitio ás de tipo temático, máis pequenas pero máis especializadas. A súa especialización as fai máis interesantes para os novos profesionais, menos xeralistas a medida que pasa o tempo, e tamén ós aleccionados. Son feiras que atenden as novas necesidades de mercado, pero tamén de coñecementos novos, cada un no seu interese.

0 intercambio xa se acabou coas de mostras: as feiras prodúcense cunha dirección preferente, de quen amosa a quen mira. Ademais, as ventas no propio lugar da feira van sendo menos interesantes relativamente. Polo contrario, gaña importancia a mera exposición do producto, o chamar a atención dos posibles clientes / interesados / curiosos que difundan o producto e a súa necesidade cara ó futuro. Os bens xa non se trocan ó instante, xa non son agrícolas, gandeiros ou útiles de primeira necesidade. Son cousas que necesitan ser coñecidas para crear a súa propia necesidade. As ventas, o comercio, veñen máis tarde.

Nas feiras séguense así os pasos da propia evolución da producción e a comunicación: de productos agrícolas a industriais; logo, os servicios, e dentro destos, os propios do coñecemento ou comunicación. Nestos pasos, as formas cambiaron. 0 mesmo pasa nas feiras, e é de esperar que siga pasando, transformándose cada vez máis. Por eso non deixa de ser bo indicio respecto ó futuro da comarca que aquí xurda un novo tipo de feira que xa non ten que ver coa venta, senon co coñecemento, co saber facer cousas, coa preparación da nosa xente nova para o futuro que lles ven encima.

As feiras de ciencia pouco teñen que ver cos antigos mercados. Están volcadas non cara ó inmediato, ás necesidades máis perentorias, senon cara ó futuro, buscándoo antes de que chegue para estar preparados. Aínda así, penso que comparten coa vella idea de feira algunhas cousas que agora as tradicionais xa non ofrecen. A posibilidade de comunicación, de ver novidades, de prepararse para o mañá (ou menor, neste caso, pasado mañá), cúmprenas. Tampouco se venden productos tanxibles, senon que se amosan as propias obras e coñecementos: véndese imaxe.

O feito de levar a dianteira respecto a outras zonas viciñas ou non tan viciñas da unha ventaxa clara, a da orixinalidade. E que son un éxito está á vista: calquera que vexa a pioneira deste tipo de feiras nesta terra, a que ten lugar nestas datas primaverais no Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, pode estar seguro de que a idea está feita para perdurar. Para ser a primeira de outras que virán despois, que xa están vindo. Unha transformación cara ó futuro, para aproveitalo e non ir tras del.

20060212

Ribadeo, sábado noche


    Quen vexa o blog, notará a hora de apunte. Tamén notará que non é a única volta que edito a esta hora. Ben, o motivo: o ruído. E por hoxe, non comento máis.
    Naturalmente, os xornais a esta hora aínda non saíron, polo que ando escaso de novas. Comento pois a foto.
    Como pode verse, non é de Ribadeo Pero a situación ilustra ben o que pasa en moitas circunstancias en Ribadeo: unha norma xera un aviso, neste caso unha prohibición, e non se cumpre e non pasa nada. A sinal de prohibido aparcar di: 'en toda a praza Santa María', é dicir, en toda a extensión que se ve na foto e máis que non se ve. O cartel debaixo dela axusta: 'excepto puntos autorizados', e vése que a beirarúa da esquerda éo. Pero non o mesmo punto onde se axusta a prohibición, ou o situado á volta, ou o que se ve ó fondo. Como se ve, Ribadeo non é único, pero nalgúns destes desaxustes é modelo. E ale, a estas horas, que é o mellor que se pode facer? Pode que redactar unha denuncia polos máis de 60 dB que estou a soportar nestes momentos. Ou por todas as que xa teño feito e o Concello non atendeu. Non o sei aínda. Queda moita noite e hai tempo; mañá pola mañá virán as consecuencias de falta de sono, irritabilidade etc; hoxe, agora, os síntomas son diferentes.
--
Continuando o que comecei en decembro, de Hernán Naval, en espera de ser colgado no sitio web de Hernán:

Data: 10/7/99

Fonte: EL PROGRESO

Título: O “MONEY” DE MARTA SÁNCHEZ

Autor: HERNÁN NAVAL

Descrición: Xenial ou non? No fondo, a idea de sempre, que podemos explicitar con algo de pompa: a gastar moreas de cartos en merdas varias e a escola nin un peso porque a dirixe un roxo comunista mason e cheira a xofre...

Comentarios:

O “MONEY” DE MARTA SÁNCHEZ

O pasado mércores, de mañán, despois de “dopparme” de café cal corredor do Tour para fortalecer as neuronas perante as emocións que me pudera deparar a leitura dos xornais (sabia que o concerto de maña á noite fora apresentado a víspera en rolda de prensa), abrin istos directamente polas páxinas que incluían a cobertura do acto informativo no que interviran a víspera un responsábel da programación do concertos do Xacobeo e máis o concellal de Cultura de Ribadeo, o revalidado Manuel Valín. Eu quería coñecer os números.

Efectivamente, as informacións recollían algunhas destas sumárias cantidades: un cenario de 12 por 25 metros, 5.000 sillas... Pero faltaba a cifra que un, e ben sei que algunha outra xente, procuraba na leitura: os dous díxitos que desen conta da cantidade de millóns do orzamento dese delírio musical titulado “De Roma a Santiago” que mañá terá lugar, se o mal temppo non o impide, na praia dos Bloques de Ribadeo.

Non, o dirixente xacobeo e o concelleiro ribadense non subministraron dado algún sobre o custe da merenda, ou os xornais non os recolleron. Pola contra, o xestor xacobinista – que non xacobino – prodigouse seique en explicacións sobre as enormes dificultades que entrañou relacionar musicalmente Roma con Santiago, Galiza con Itália. Desde a profisión, comprendémolo. Non sabemos de muiñeira algunha composta por Luigi Nono, aínda que tampouco sabemos se entre os condeados a morte en campos de concentración nazis que escreberon os familiares e amigos as cartas nas que se basea “Il canto sospeso” habia algún galego. De Casella tocan os nenos e nenas das escolas de música aires de inspiración continental diversos pero nengun de influxo galego ... que saibamos. Mágoa que Verdi non soubese – ¿ou si? – do Rexurdimento literario galego, que aparcaba a Dumas e colocaba á Violetta de “ la Traviata” no barrio chino lugués. Monteverdi, en fin, escrebiu “la incoronazione di Poppea”, non se lle ocorriu compoñer “la incoronazione di Alfonso X il Sabio.

E como non había para onde ir, Albano. Nen sequer Marta Sánchez, caída do cartel a última hora. (Conceitualemnte non hai perda algunha pola baixa da Sánchez: o máis mestizo e paneuropeo que se lle ten ouvido cantar, de nova, era unha trepidante versión de Lili Marlen, canción que tamén caantaba Liza Minelli en Cabaret, película na que tamén cantaba “Money...”Conceitualmente, non pasa nada porque non veña Marta Sánchez; conceitualmente repetimos) ¿Qué hai de Albano? ¿Qué canta últimamente? ¿Qué gravou recentemente? ¿Actuou xa no Luar? En prata, señores, ¿quen o atura? Maña, nos Bloques ¿”en directo”?

O “money”, o parné, velaí a cuestión. Non puidemos saber o que custa – o que nos custa - a metafórica viaxe “musical” entre Itália e Galiza, entre Roma e Santiago parando a comer sardiñas nos Bloques de Ribadeo, pero xógome o diapasón a que coa décima parte do montante da ordinariez de mañá a noite poderíase dotar de fotocopiadora e ordenador á Escola Municipal de Música de Ribadeo e aumentar o seu cadro de personal cun administrativo-ordenanza con outro profesor ou profesora. Máis o conceito de divulgación musical da Xunta é máis “guay” (en prata, señores, máis paleto!): agasallan á xente con camisetas coa mascota xacobea e cun disco “Idea original de Alberto Comesaña”. Que hipérbole!: pensar que o que paira o Comesaña de Lugo poda ser calificado de idea ... O da camiseta amañase con lexía.

Habia, sen embargo, outra cifra, outro número nas informacións xornalísticas: os peregrinos chegados a Compostela no que vai de ano, 600.000, segundo o voceiro Xacobeo. Nen que dicer ten que a maioría deles mercede a Concertos no Camiño como o de mañá en Ribadeo, na praia dos Bloques, vaia se non. Non se molesten o representante xacobeo nen Manuel Valín en descontar do público a quen mañá á noite marchemos tomar unha copa á beira asturiana da ría.