Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Lourenzo Fernández Prieto. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta Lourenzo Fernández Prieto. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

20230608

Vilalba na RAG

    A conto do acceso de Lourenzo Fernández Prieto a numerario da RAG, atopeime no acto con dous Vilalbeses que xa eran numerarios na Real Academia Galega: Ramón Villares Paz e Xosé Luís Regueira Fernández. As ligazóns van directas ás súas fichas na RAG. Non teñen vídeos da súa admisión colgados na rede, que eu saiba, pero si teñen tamén entrada na Galipedia: Ramón Villares e Xosé Luís Regueira. O outro día, en Ferrol, estaban misturados co resto dos membros da RAG:

 

Nota: Fixéronme notar que un é de Xermade (Villares) e outro de Goiriz (Regueira). Certo, Goiriz non é o pobo, pero é Vilalba, e Xermade sería de 'Vilalba a un lado', sen contar que na web da Academia aparece Vilalba como a súa orixe.

Tito, Lourenzo Fernández Prieto, en Ferrol, na Academia, na RAG

        Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, humildes entre outras cousas máis relevantes, foi investido o día 3 como Académico de Número da RAG nun acto no Teatro Jofre de Ferrol. Deixo a continuación o vídeo do acto, un pequeno comentario meu e a nota de prensa da Academia, ambos con fotos.

    Ó acto de Ferrol foi unha cantidade de xente que encheu o teatro. Entre ela, atopábamonos case media centea de ribadenses que queríamos acompañar a Tito. Foi un acto ó tempo entrañable e académico. De que resultara así encargouse principalmente el no seu discurso de aceptación da cadeira académica, que como se pode ver no vídeo ou no resume da nota de prensa da RAG, constou de varias partes ben diferenciadas, resaltando así o aspecto humano antes que o aspecto de estudo. Neste último tamén salientou aspectos humanos na confrontación entre Paz Andrade e Cela, mirando a súa proxección at a Galicia actual.

    No acto atopábanse os xa académicos, entre os que se conta Francisco Díaz Fierros, académico dende 2002.






Lourenzo Fernández Prieto ingresa na RAG reivindicando a memoria silenciada como fonte para escribir a historia

Lourenzo Fernández Prieto ingresou este mediodía na Real Academia Galega reivindicando o papel da historia e a importancia da memoria na historiografía. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real. O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo”.

O director da Sección de Historia, Ramón Villares, dálle resposta a Fernández Prieto en nome da Academia.

“Hai aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado”, reflexionou. A misión da historia “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado”, “pero tamén o que queremos herdar” proseguiu o académico. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para substituíla”, matizou.

O investigador traballa dende os seus comezos no eido da historia agraria e dende 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo. “Nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas”, defendeu no seu discurso de entrada na Academia. “O caso é dar con elas, escarvar ben os xacementos —o castro— deixando os muros testemuña, comprobando a estratigrafía, e non deixarse confundir polas chapas de gasosa, que os castrexos non bebían hai dous mil anos, pero si os que, cincuenta anos antes ca nós, remexeron esa mesma terra nunha escavación mal feita”, comparou.

Lourenzo Fernández Prieto ingresou na RAG nunha sesión extraordinaria e pública celebrada no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou e estudou o bacharelato, organizada co apoio da Deputación da Coruña. O novo académico entrou no auditorio acompañado polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino. Nos primeiros compases da súa intervención, apelou á memoria republicana na súa lembranza de Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa dende hoxe e coa que comparte raíces ribadenses. O seu sucesor retratou a poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, recoñeceu o historiador.

A memoria persoal e colectiva: da EXB a facerse neofalante
Lourenzo Fernández Preito (A Devesa-Ribadeo, 1961) converteuse en membro de número da Academia nunha sesión extraordinaria e pública celebrada este mediodía no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou. O historiador tamén recorreu á memoria, neste caso a persoal, para trazar a historia colectiva da súa xeración: a dos nenos e das nenas que estrearon a EXB, e que se mobilizarían máis adiante a prol da democracia; e do que significaba ser, coma el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinados a perderen a lingua do país.

“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte. Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito. Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer. Por exemplo, organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de 1977, na que o máis vendido foi a Control de natalidade. Métodos contraceptivos de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os adolescentes”, rememorou en referencia aos anos como estudante na escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no Instituto Concepción Arenal.

O director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un “intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia”. Lourenzo Fernández Prieto -salientou- pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido cursus honorum, escolleu “unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”. “Con esta incorporación refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”, valorou.

O lance entre Paz-Andrade e Cela
Lourenzo Fernández Prieto artellou o seu discurso de ingreso na RAG arredor dun lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela que permite entender o esquecemento que existía, na Galicia de 1977, respecto da tradición republicana e da política autonomista, recoñeceu Ramón Villares. O episodio chegou ao coñecemento do novo académico a través dun cartafol no que Darío Álvarez Blázquez xuntara retallos de prensa da época que dan conta do episodio. Entrevistado telefonicamente nas vésperas da xuntanza da Asemblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18 senadores), o xornalista solicitoulle a Paz-Andrade, senador pola Candidatura Democrática Galega, a súa opinión en relación coa reclamación do Estatuto de Autonomía na reunión que se ía celebrar o 4 de xullo, e sobre a súa lexitimidade. Dela derivouse un comentario sobre os senadores reais no que Paz-Andrade viña a dicir que algúns contactados pola Casa Real para seren designados preferiran someterse á elección popular democrática.

Pouco despois Cela daríalle a réplica na prensa con duras descualificacións persoais e críticas ao documento que presentara ante a Asemblea de Parlamentarios de Galicia. Afirmou que o xurista e empresario pertencía á “prehistoria política de Galicia”, puña “en cuarentena su actitud de restar y no de sumar respecto a Galicia” e, no artigo máis divulgado, referíase ao político galeguista -un dos impulsores nos anos 60 do grupo Pescanova- como “Pez Paz” e “pescadero mayor del Régimen” que desprende cheiro a “aroma de pescadilla”. Paz-Andrade manteríase en silencio mentres saían na súa defensa, tamén a través da prensa, figuras como Eduardo Blanco Amor e Isaac Díaz Pardo.

Para Lourenzo Fernández Prieto, o ataque persoal tiña un sentido claramente político: discutir a lexitimidade dunha figura, a de Paz-Andrade, que representaba a memoria da República, e das súas reivindicacións no Asemblea de Parlamentarios de Galicia.

O certo é que Valentín Paz-Andrade foi o autor do único texto presentado naquela reunión constitutiva do 4 de xullo celebrada no vello Hospital Real da praza do Obradoiro, acabado de converter en parador turístico. Na sesión discutiríase sobre a reivindicación ou non do Estatuto e sobre a lexitimidade republicana que latexaba detrás dela. “A fractura encarreirouse e foi resolta mediante unha comisión redactora constituída in situ que reduciu e adaptou o texto de Valentín con algúns matices, o máis importante eliminar a mención á República e ao Estatuto de 1936. Unha solución case inevitable, a falta doutro texto alternativo sobre o que se puidesen establecer transaccións, que tamén revela unha forma de proceder que caracterizou a Transición neste período: a oposición antifranquista fai propostas e o poder matiza, modifica, corrixe ou amputa”, analiza o historiador.

“O balance político de todo este episodio é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade”, conclúe. “Na súa proposta, pero tamén na súa lexitimidade galeguista, republicana e antifranquista e na recentemente adquirida como representante de Galicia na Comisión dos Nove que negociara co goberno de Adolfo Suárez a saída democrática despois do Referendo de Reforma Política de decembro de 1976. Quen sabe se lle cortaron tamén a aspiración que moitos abeiraban de que fose presidente do primeiro organismo provisorio da Autonomía de Galicia que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica”, suxire.

Perfil académico
Lourenzo Fernández Prieto estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se licenciou (1984) e doutorou (1990) con premio extraordinario. Profesor titular dende 1993 e catedrático dende 2005 na mesma facultade, na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, a xeografía, historia da arte economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.

O novo académico investiga dende os comezos no eido da historia agraria, unha liña á que sumou tamén con éxito, na primeira década deste século, outra centrada na guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e da sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Os primeiros traballos de Fernández Prieto centráronse na renovación técnica das labranzas, profundando no rico fondo documental da granxa de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña). Aquela pescuda deu lugar ao seu primeiro libro, A granxa agrícola-experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), que tería continuidade e ampliación na tese de doutoramento, publicada como Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992). Posteriormente chegarían moitos outros traballos cos que contribuíu, en palabras de Ramón Villares, a repensar, en Galicia e fóra dela, o papel da agricultura nas sociedades contemporáneas.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

Como xestor académico, foi vicerreitor da USC entre 2006 e 2009, director do Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións e coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva Histagra, dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios, e é vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).

Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.










20230524

Sobre Lourenzo Fernández Prieto

    Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, entre outras cousas máis relevantes, será investido o día 3 como Académico de Número da RAG. Deixo a continuación a nota de prensa da Academia:

O historiador Lourenzo Fernández Prieto ingresa o 3 de xuño na RAG como membro de número

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou, a partir das 12:00 horas. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza.

A sesión de ingreso é de entrada libre ata completar a capacidade do teatro e poderá seguir tamén en directo dende academia.gal. O acto organízase co apoio económico da Deputación da Coruña.

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

O académico electo é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA) e foi director do Departamento de Historia da USC, onde se licenciou e doutorou con premio extraordinario. Como historiador, tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.

Como divulgador é ademais autor, entre outros traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.

 

20230125

Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

 Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

    A raíz da publicación da biografía de Enrique Suárez Couto en Ribadeando, estiven na procura de algunha imaxe para ilustrar o traballo de Lourenzo Fernández Prieto, atopando algo que descoñecía.

    Polos cadernos mensuais que se gardan na biblioteca da Pedro Murias e os (poucos) rexistros derivados deles que se gardan na AEMET, todo parecía indicar que o establecemento da estación mereorolóxica que se montou como aliada da investigación e transmisión de coñecementos que alí se facía, databa do último terzo dos anos vinte do século pasado. Mais, nas 'Riberas del Eo', nos poucos exemplares que se conservan na Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo do tempo no que foi director Enrique Suárez Couto, aparecen insercións semanais de datos meteorolóxicos recollidos nas instalacións. Insercións que, en épocas posteriores ó seu pasamento, desaparecen do semanario e da escea de documentos a disposición ata o primeiro caderno mensual de toma de datos que se conserva na Pedro Murias, correspondente a novembro de 1927. Hai que lembrar que Suárez Couto foi o primeiro director, ata o seu pasamento, sendo explicable a toma de datos meteorolóxicos polo seu interese no progreso gandeiro e agrícola da nosa terra.

    Aquí quedan as imaxes dos datos que atopei nas 'Riberas'. Os primeiros, nun exemplar solto do sábado 9 de agosto de 1919, con datos tomados de sábado a venres anterior (o mesmo que nos outros casos):


 





    As táboas de ventos, correspondentes a anemómetro e veleta, que aparecen nas primeiras táboas, desaparecen nas últimas, indicando unha vontade de incluílos que desapareceu máis adiante por motivo descoñecido.

    Deixo a continuación unha comparativa dos datos anteriores de temperaturas máximas e mínimas, coa temperatura media dos períodos correspondentes dentro do ano, do século XXI. Non debe estrañar que en case tódolos días, a temperatura media correspondente ó século XXI sexa inferior á mínima observada no período 1919/20: A máis de estar comparando só uns poucos datos puntuais, dunha beira, cunha media doutro período totalmente diferente, da outra, a precisión dos instrumentos, o método de recollida, etc, fan que non sexan comparables de xeito científico sen un estudo previo que non teño posibilidade de facer

:

    A ter en conta que as semanas con datos son unha en agosto do 1919, a de cambio de ano, unha en maio do 1920, outra en agosto do 1920 e dúas en novembro do 1920. En todas se ve, no caso de 1919/20 que a T Máx e maior que a T min, como corresponde, e cando consideramos tamén a media do s. XXI, en todos os casos, exceptuando 5 días dos 42 con datos, a T media correspondente a este e menor que a T mínima do 1919/1920 (o que non cadraría co aumento de temperaturas, de non ter en conta o xa dito no parágrafo anterior).

20230123

Ribadenses destacados: ENRIQUE SUÁREZ COUTO. Lourenzo Fernández Prieto

    Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Enrique Suárez Couto, por Lourenzo Fernández Prieto.

Enrique Suárez Couto (Matanzas, Cuba,1881-Ribadeo, 1923)  
Agrónomo e director da Granxa-Escola Pedro Murias


Lourenzo Fernández Prieto

Catedrático de Historia Contemporánea. Histagra. USC.

    Enrique Suárez Couto na súa corta pero intensa vida foi, entre outras cousas, o primeiro director da Granxa Escola Pedro Murias. Era fillo de Juan Suárez Casas, médico e zootecnista preocupado pola mellora agropecuaria e irmán de Carlos e Amando Suárez Couto. Casou con Panchita Acevedo, filla dun rico e influinte habanero devesán e foi pai de Juan Suárez Acevedo, historiador e docente formado na Institución Libre de Enseñanza. Despois de mariño mercante, Enrique fíxose enxeñeiro agrónomo, daquela unha nova profesión para a que seguiu estudos en Bélxica, Alemania e máis no Instituto Agrícola catalán de S. Isidro. Como todos os técnicos agrarios galegos da época que non foron estritamente autodidactos houbo de procurar a súa formación no estranxeiro, en ausencia de estudos de agronomía en Galicia e, en xeral na España húmida e atlántica, agás o País Vasco.

Monólito para dar o nome dos Suárez Couto a unha vía en Ribadeo.

    Sabemos, por referencias indirectas de prensa do seu labor ao cargo dunha explotación modelo que funcionaba como granxa experimental da Sociedade de Agricultores en Meira en 1910. En 1918, asume o posto de director da Granxa modelo experimental recén construída na parroquia de Vilaframil, perto do Alto dos pinos, concebida e fundada por Pedro Murias, importante empresario e propietario cubano, nado en San Xillao dos Carballos -a carón do empalme de Rinlo-, como granxa modelo para a antiga parroquia da Devesa, antes da súa partición en tres en 1904.
    Persoa de ideoloxía liberal e posicións laicistas que o levaron a unha estreita relación coa Institución Libre de Enseñanza, estivo na dirección da Granxa até 1923, ano en que finou. A súa elección como responsable da institución eran congruente coa súa formación e experiencia, co sentido da Granxa e máis coa súa posición e a da súa familia na bisbarra. Na institución coincidiu brevemente con Gregorio Sanz, formado no Instituto Escola e contratado en 1922 para dar pulo a compoñente educativa e formativa do centro. O seu prematuro falecemento, con só corenta e dous anos, deu paso a un período de interinidade na dirección da Granxa que pasou a ser dirixida por Ramón Blanco, quen axiña pasaría a ser enxeñeiro da Sección Agronómica de Lugo e en 1945 Catedrático de Botánica da Escola de enxeñeiros de Madrid.

    Os traballos na Granxa Agrícola Pedro Murias

    Suárez Couto foi un activo e precoz experimentador agropecuario en sintonía cos degoiros modernistas da época. Dende que o padroado da Granxa Agrícola Pedro Murias encomendoulle a dirección do novo centro, Enrique ocupouse tanto da Escola de Capacitación asociada ao mesmo como da converter a Granxa nun centro de innovación técnica coherente co carácter asignado polo fundador.

A Granxa Escola Pedro Murias nos primeiros anos. Foto tomada da exposición conmemorativa.

    Coma Gallástegui, Hernández Robredo ou Rof Codina, tamén Suárez Couto entendía que os técnicos debían acometer un labor que interaccionara coas prácticas labregas nun sentido innovador e así o materializa na Granxa, tanto na mellora dos sistemas de cultivo como nos procedementos de cría gandeira, co fin de orientar a produción pecuaria cara ao que el prevía era o futuro da gandeiría galega: a produción leiteira. Entendía que alén do engorde dos xatos para carne, que era a opción consolidada e remuneradora naquela altura, a orientación leiteira era a mellor opción de futuro para abastecer unha nova e crecente demanda urbana, nun tempo en que o consumo de leite abríase camiño por recomendación médica.

    Nese camiño, programa a instalación dunha industria de manteiga fermentada e outra de queixos, ao tempo que fomentaba o asociacionismo agrario que estaba a estenderse na bisbarra como en toda Galicia dende dúas décadas antes. Na procura deste cambio leiteiro elaborou un proxecto que tiña como obxectivo a mellora do gando vacún na súa aptitude leiteira, un gando que na súa opinión amosaba unha total “ausencia de caracteres específicos de la raza motivado por los continuos mestizajes mal dirigidos”, segundo o anteproxecto de mellora do centro de 1916. Nos debates sobre cruzamento fronte a selección para a rexeneración da raza galega de vacún, por considerar que non existía gando de raza pura, Enrique Suárez Couto era partidario do cruzamento “continuo”, a partires da importación de sementais, para cruzalos primeiro coas femias da raza local e posteriormente cos mestizos. Desbota porén a opción dunha importación masiva de femias de raza mellorada tanto polo alto custe como por que obrigaría a un intenso desenvolvemento de cultivos pecuarios que o agro non estaba en condicións de asumir de súpeto.

Grupo de alumnos da Granxa Escola. Foto collida en http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=385.
    O director da Granxa tomou pois partido no debate que desde finais do século XIX se viña mantendo en relación coa elección do procedemento máis pertinente para a mellora do gando vacún galego, como consecuencia da crise de exportación do gando a Inglaterra no marco da crise agraria finisecular. Na posición do agrónomo ribadense fica meridiana a vontade de crear unha raza de vacas do país que recollese ás xa existentes. Estamos no tempo de definición do que logo se coñecería como raza rubia galega.

    A preocupación que Suárez Couto tiña polos cultivos era subsidiaria do proxecto para a gandería, partillando a mesma lóxica que guiaba o manexo agrario das casas labregas dende o proceso de intensificación do século XVIII, ligado á incorporación das plantas americanas. Un policultivo agrario de complexas rotacións interanuais que garantían unha agricultura intensiva capaz de alimentar unha poboación en aumento e unha numerosa cabana de orientación comercial constituída principalmente por bovino e porcino. Mandaban os límites ambientais, as condicións produtivas vinculadas ao mercado e a lóxicas reprodutivas da casa labrega. En coherencia cos marcos socioambientais da produción, o interese de Suárez Couto centrábase na mellora da cabana gandeira a través da súa alimentación e nesa liña experimentou con forraxes na procura do desenvolvemento das súas capacidades para manter un maior número de cabezas. O outro seu interese, en coherencia coas necesidades de fertilización nas que se baseaba o complexo policultivo e gandeiro, era obter a prezos máis baixos os adubos, especialmente fosfatados que empezaban a usarse como complemento do esterco naquela altura. Asunto no que enlazaba ben coas sociedades agrarias locais.
    No seu labor experimental, Suárez Couto estableceu un réxime de cultivos que dividía a finca da Granxa en dúas partes, unha para prados e outra para produtos de consumo. Neste período do século XX no agro galego produciuse un descenso do cultivo de cereais panificables en beneficio dos cultivos forraxeiros, en especial do millo-forraxeiro, especie coa que se ensaia na Granxa Pedro Murias, igual que na Misión Biolóxica ou na Granxa Experimental da Coruña. Os ensaios estaban orientados a aclimatar as diferentes variedades ás condicións locais, a atopar as máis axeitadas e a sistematizar o método de labranza máis conveniente, combinando amais o uso de diferentes tipos de adubos. Na súa preocupación polas forraxes, unha das teimas de Suárez Couto como director da Granxa foi a extensión da remolacha forraxeira e de novas castes de pataca. En 1922 a Granxa empezou coa experimentación do cultivo da remolacha forraxeira, ensaiando con tres variedades: Etoile du Nord, Rouge du Soissonnais e Imperator. Tamén experimentou con cultivos pratenses, dedicando unha parte do campo de demostración ao ensaio con trevo violeta e asociando noutra esa planta con raigrás inglés e amais probando o centeo como planta de abrigo na rotación.
    Baixo a súa iniciativa, pero despois de el finar, celebrouse na Granxa o primeiro concurso de vacas leiteiras que se coñece en Galicia no ano 1924, aplicando xa os criterios de rendemento lácteo que logo popularizaría Gallástegui na Misión Biolóxica. Aquel primeiro concurso pode considerarse todo un fito na medida en que constitúe un punto de inflexión no camiño dunha especialización leiteira que marcarían a segunda parte do século XX a dirección principal do agro galego e que chega ata hoxe. Durante oito días as reses presentadas ao Concurso estiveron nas cortes da Granxa sometidas a análises diarias de produción e calidade, substituíndo así o procedemento de medir os animais que adoitaba empregarse nos concursos ao uso.
    En 1926, en resposta a unha críticas de Ventura Alvarado que se pregunta no xornal católico coruñés El Ideal Gallego “¿Está bien orientada la Fundación Pedro Murias?” (18-12-1925) o director da Granxa Pedro Murias naquela altura, o enxeñeiro, Francisco Roig Ballesteros, escribe no diario portelista e republicano vigués El Pueblo Gallego (21-01-1926) un artigo titulado “La orientación de la Granja Pedro Murias de Ribadeo” no que fai referencia ao labor do seu predecesor Suárez Couto:
    “Yo no entiendo la agricultura el solo cultivo de la tierra, sino la explotación de esta con todas sus naturales consecuencias. No se alarme pues, por la orientación impresa a la escuela agrícola Pedro Murias, porque bien claramente tiende a ser como dice “agropecuaria láctea, aunque no sea la palabra del todo un modelo. Seguramente el señor Alvarado ignora que ya se está construido un magnífico establo para ganado lechero, que ya fue inaugurado con motivo del interesantísimo concurso de vacas lecheras de junio de 1924. Desconoce también que existe desde los primeros momentos un pabellón construido “ad hoc” para industrias lácteas, proyectado y edificado por el primer directo de esta Escuela Don Enrique Suárez Couto, especialista distinguidísimo en industrias de la leche. Por ello, … esta orientación está marcada desde los comienzos perfectamente definida y solo se comprende que el señor Alvarado clame por ella, desconociendo los datos que apunto”.   
    A morte temperá de Enrique Suárez Couto, cando contaba corenta e dous anos, e a falta de publicacións, pouco máis que algúns manuscritos e unhas poucas notas en Galicia Agrícola, desfiguran a importancia que tivo como técnico e o carácter innovador das súas propostas de futuro.

Os terreos da granxa, na actualidade. Vista Sigpac.


    Bibliografía:

    CABANA IGLESIA, A., (2006b): O labor de experimentación e divulgación agronómica da Granxa da Devesa (1916-1936), Recursos Rurais, 1, 2: 67-74.

    FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939, Vigo: Xerais.

    OTERO, Telmo (2022): A transformación da agricultura galega no camiño da especialización leiteira: ruptura coa innovación labrega, industria láctea e modernización (1900-1980). Tese de Doutoramento en preparación, Programa de Historia Contemporánea. USC.

20220804

Víctor Moro. Todos os mares na ría de Ribadeo. Acto de homenaxe

    Despois de 'Víctor Moro desde a perspectiva actual', anuncio da homenaxe, queda a referencia do acto. Unha vez máis, un despiste sobre a hora de comezo impediume escoitar as verbas iniciais de alcalde e Lourenzo Fernández Prieto, quedando coa segunda parte (algo máis de unha hora de vídeo).

    Do que vin, dicir que me gustou o desenvolvemento salvo que non houbera posibilidade de intervir por parte do público ó final. Para min ten a desavantaxe de que se ben os feitos máis ou menos son sempre homologables partindo dunha base de calidade dos participantes, é literalmente imposible nun acto deste tipo tanto que non aparezan feitos ou datos que contribuirían a centrar o debate como non facer interpretacións para verter as propias opinións, e as interpretacións poden ser moi discutibles e con nesgo. E, se non hai posibilidade de intervención, cada un dos participantes na charla ten xa abondo que dicir sen meterse no dos demais, polo que quedan así retratadas e paralizadas, como verdade absoluta, o que non son máis que opinións subxectivas. Exemplos neste caso da homenaxe a Víctor Moro, hai, e manifestáronse cando, a pesar do título da homenaxe, 'Todos os mares na ría de Ribadeo', tivo que ser o alcalde, condutor do acto máis que panelista, quen lembrara xa no tempo de desconto a súa intervención en pro do nome da ría de Ribadeo.

    En fin, o anterior ven só a conto dalgunha das moitas cousas que se dixeron, polo que o mellor é pasar ó vídeo. Está collido en dúas partes. Unha primeira, de pouca duración, con vídeo de peor calidade, e outra de máis dunha hora, algo mellor toamda, na que se recollen sobre todo verbas de Antón Costas, primeiro, e logo, Bieito Rubido.



20220802

Víctor Moro desde a perspectiva actual

    De Víctor Moro pódense atopar diversas cousas no blog. Agora, o concello organiza unha homenaxe á súa persoa. Será mañá, mércores, segundo indica a nota de prensa, que se ve contestada dende Ribadeo e tamén dende fóra, como indican as imaxes antes dela:

- Contestación: 


- Nota de prensa do concello:

EN COLABORACIÓN COA SÚA FAMILIA

Homenaxe a Víctor Moro

01/08/2022

O Concello oragniza un acto de homenaxe a Víctor Moro, recoñecido economista e fillo predilecto de Ribadeo, que será este mércores, 3 de agosto, ás 20 horas no Teatro. "Vícto Moro: Todos os mares na Ría de Ribadeo" será unha conversa á que asistirán varios expertos e catedráticos.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que "este mércores, 3 de agosto, e en colaboración coa súa familia, imos celebrar un acto de homenaxe a Víctor Moro. Este ribadense, nacido en 1926, destacado economista e empresario e que tivo un papel relevante na escena política galega, e ostenta tamén o título de fillo predilecto de Ribadeo, agora co gallo do traslado das cinzas ao noso concello, vai ser obxecto dunha homenaxe, que aínda que é protocolaria quere facerse con todo o cariño e todo o recoñecemento".

O rexedor seguiu a relatar que "como diciamos, este mércores as oito da tarde no teatro, vai ter lugar unha tertulia para achegarnos a parte profesional e persoal de Víctor Moro, e leva por nome Víctor Moro: Todos os mares na Ría de Ribadeo. Nela van participar Antón Costas Comesaña, que é catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona e tamén é Presidente do Consello Económico e Social de España. Pola outra banda vai estar Bieito Rubido Ramonde, que é xornalista e foi director de La Voz de Galicia, e tamén vai participar Lourenzo Fernández Prieto, que é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago".

Suárez Barcia anima a asistir a este acto: "queremos convidar a toda a veciñanza de Ribadeo e a toda aquela outra xente do resto da comarca que queira acudir a este acto de recoñecemento a unha persoa que sempre defendeu e estivo moi vinculado á súa terra de nacemento".

20220331

Aprender sobre a guerra para construír a paz

    Onte tivo lugar a charla de Lourenzo Fernández Prieto sobre a guerra. Algo máis de trinta persoas escoitamos primeiro, e logo participamos en turno de preguntas e intercambio de pareceres no salón de actos da casa do mar de Ribadeo. Todos tiñamos consciencia de que para hoxe, xoves, está prevista outra concentración pola paz en Ribadeo, que a guerra na Ucraína non rematou, que o mundo non será de aquí en diante un camiño de rosas, como non o foi tampouco ata o de agora.

    Deixo aquí un podcast coa gravación (máis de hora e media) coa presentación, a charla de Tito e as preguntas e respostas que se sucederon despois, cortando tras o comezo do anuncio dun acto en Burela sobre o problema dos eólicos, promovida pola plataforma #eolicosasinon.

    Algunha foto de Suso Fernández:




20220328

Aprender para as posibilidades de paz

    O mérdores 30, ás oito da tarde, no Salón de Actos da Casa do Mar, Lourenzo Fernández Prieto datá unha charla con coloquio posterior aportando claves sobre a historia que levou á situación actual na Ucraína.

    Lourenzo Fernández Prieto, Tito, foi chamado pola Plataforma pola Paz de Ribadeo, grupo de xente que promove tamén as concentracións pola paz.

    Copio a entrada que lle corresponde na Galipedia, despois da nota enviada pola plataforma convocante:

A Plataforma de Ribadeo Pola Paz convoca unha charla debate con Lourenzo Fernandez Prieto o mércores, día 30 de marzo, as oito do serán na Casa do Mar. Lorenzo Fernandez Prieto é cadeiradego de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e activista pola paz e as liberdades democráticas. O debate é aberto aos temas relacionados ca invasión rusa de Ucranía, as guerras no mundo, o risco de guerra nuclear, etc.
Asemade o xoves día 31 de Marzo as oito da tarde diante do concello celebrarase unha nova concentración veciñal, que será a quinta, contra a invasión de Ucranía polos exercitos rusos e a pola paz mundial.   

Lourenzo Fernández Prieto, nado en Vilagoíz (A Devesa, Ribadeo) o 28 de maio de 1961[Cómpre referencia], é un historiador galego. En 2021 foi elixido membro da Real Academia Galega[1].

Traxectoria

É catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 2005. Foi secretario do IDEGA entre 1992 e 1995 e pertence ao seu Consello Científico. Elixido en varios períodos, desde 1986, membro do Claustro e da Xunta de Goberno da USC, así como do Consello Universitario de Galicia. Vicerreitor de relacións institucionais da USC entre 2007 e 2010. Na actualidade é director do departamento de Historia Contemporánea da universidade compostelá e membro do consello de administración da Editorial Galaxia. Colabora habitualmente en diversos medios de comunicación do país.

Especializado en Historia agraria e Historia do século XX, os seus ámbitos principais de traballo refiren á mudanza tecnolóxica, as mudanzas na sociedade rural contemporánea e a política da memoria.

Dirixe o Proxecto interuniversitario Nomes e Voces, dedicado á investigación da represión franquista en Galicia,[2] e o Grupo de historia agraria e política do mundo rural da USC (Histagra).[3]

A súa produción e actividade científica comprende máis dun cento de publicacións, así como o liderado de diversos proxectos e convenios de investigación. Ten participado en proxectos europeos dos programas STRIDE (mudanza tecnolóxica) e FAIR (propiedade comunal). No intervalo de 2005 a 2010 foi elixido vicepresidente da Sociedade Española de Historia Agraria.

Dende 1995, forma parte do General Board da rede europea ESTER (European School for Training in Economic and Social historical Research), responsábel da formación de estudantes de doutoramento.

En maio de 2010, concorreu con outros seis candidatos á reitoría da USC, proceso no que pasou á segunda volta.

Obra en galego

Ensaio

Obras colectivas

  • Vocabulario de historia, Universidade de Santiago de Compostela, 1994.
  • Actas do Congreso Internacional Poder Local, élites e cambio social na Galicia non urbana (1874-1936),Santiago de Compostela, 14-15 xuño 1996, Universidade de Santiago de Compostela, 1997.
  • Terra e Progreso. Historia Agraria da Galicia Contemporánea, Xerais, Vigo, 2000.
  • Os montes veciñais en man común: o patrimonio silente. Natureza, Economía, identidade e democracia na Galicia rural, Xerais, Vigo, 2006.
  • A gran historia de Galicia, La Voz de Galicia, 2007.
  • Historia das historias de Galicia, Xerais, Vigo, 2016.
  • 1936. O Estatuto esquecido, Guiverny, 2016.

Obra en castelán e inglés

Ensaio

Obras colectivas

Galardóns e recoñecementos

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

20210415

Entrevista en Radio Voz a conto do nome da ría de Ribadeo

   Sabido é que de xeito periódico, mesmo despois de que a Comisión de Nomes do Consello Xeográfico o ditaminara en 2008 (INFORME SOBRE LA DECISIÓN ADOPTADA POR LA COMISIÓN ESPECIALIZADA DE NOMBRES GEOGRÁFICOS, DEL CONSEJO SUPERIOR GEOGRÁFICO, CON RELACIÓN AL TOPÓNIMO RÍA DE RIBADEO), segue a rebrotar a polémica sobre o nome da ría de Ribadeo. desta, a culpa tena o intento do órgano representativo asturiano de pedir a cooficialidade de nomes, despois de ter usado o que lle ven en gana cando quere. Aquí deixo a entrevista que me fixo Félix Jorquera en Radio Voz, hoxe, seguida no mesmo corte da que lle fixeron o alcalde Fernando Suárez e logo, ó catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto:


20130517

7 de xaneiro de 2002, na Voz de Galicia ... sobre Hernán

«AQUÍ COMO EN VIENA»

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

Así se denomina, sen complexos, o concerto de Nadal que o primeiro director da Banda Sinfónica de Ribadeo instaurou hai uns anos nesa vila e que ven de celebrarse por primeira vez dende o seu pasamento. Hernán Naval non foi unha rara avis mais si un grande músico e, sobre todo, un galego europeu. Nos primeiros días deste euro que disque nos fai máis europeos lémbrome de quen nos deixou antes de usar a nova moeda pero deixou moita Europa construída entre nós. Dende a dirección da Banda e da Escola de Música artellou, con máis entusiasmo que facilidades, a cerna dunha cultura musical de calidade e, o que é máis importante, a infraestructura para que teña futuro; deixounos un feixe de fitos, obras, unha morea de arranxos e discos, o último, póstumo, recén presentado.
H. Naval foi un paradigama do galego europeu, quizabes por iso se considerou sempre unha caste de infiltrado que non un incomprendido, porque a maioría dos que o coñeceron entendérono ben e déronlle en vida a homenaxe que merecía. A ética social que forneceu o seu traballo foi a propia da Europa que, sen estar na pompa dos discursos, medra circunstancialmente entre nós e é socialmente apreciada. A engolada parafernalia destes días de moeda única contrasta cunha memoria que vive na obra e nos valores inmorrentes dun músico europeu e galego. Os máis importante deles a ambición e a ética profesional.
Unha ambición que pervive nas obras que deixou e que non se acomoda ao sentido pexorativo que habitualmente se lle atribúe a esta palabra. Trátase da ambición creadora de construir por riba das continxencias dos egos, desa que non ten expresión persoal senón colectiva. Por iso se aprecia precisamente en toda unha xeración educada por el no coñecemento musical. Neste país de cultura católica, Hernán militaba nos valores luteranos do traballo e, sobre todo, tiña un sentido do servizo público que contrasta coas mañas de curto alcance que adoitamos padecer.
Politica e socialmente activo, foi nacionalista convicto dende cativo, en parte por herdanza dun seu avó galeguista fusilado no 36, demostrando no seu facer e nos seus gostos a miseria dos tópicos. Como músico arrepiaba da gaita de fol ata extremos que nunca partillei, e facíao por gosto mais teño para mín que tamén para compensar... e, sobre todo, porque o seu alento adicábase a esoutra música nacida no berce das cortes europeas e dos salóns da burguesía que el se empeñaba en facer de todos. Adicou a súa vida á extensión popular da música e para iso sempre estivo disponible alí onde o chamaron, sen reparar na cor política do proxecto. Como intelectual debecía pola Éscola de Frankfurt e cimentaba nese pensamento a súa fortaleza intelectual. O seu poeta de referencia era J.A. Valente, de quen reivindicaba o seu nacionalismo cosmopolita. Os seus narradores, Camus, Tabucchi e Muñoz Molina. Pero, sobre todo, era puntual e rigoroso, solemne cando había que selo e amante das tazas e de parolar con amigos cando o traballo quedaba feito. Cal corresponde á cultura europea das virtudes públicas e os vicios privados.
El nunca o diría así pero antóllaseme que laborou para que fóramos máis normalmente europeos no que con el tiña que ver: na música e na cultura musical. ¡E logrouno, madia leva! Moitos temían que a súa obra desaparecera con el pero demostrou que non fora para iso que a construira. Ser europeo na segunda mitade do século XX podíase facer dende calquera vila galega e Hernán Naval, que naceu no 1962 e morreu no 2001, demostróunolo. Sen discursos.
--

20081128

Pequenas novas

    Hoxe, ás sete da tarde no pavillón do CEIP Gregorio Sanz, terá lugar un concerto contra a violencia de xénero. 
    Hora e media máis tarde, no auditorio Hernán Naval, a A.C Francisco Lanza presenta Recuperando a memoria, o nº 5 dos Cadernos Ribadenses, que recolle as conferencias ditadas por Lourenzo Fernández Prieto e Mª Xesús Souto Blanco nas Xornadas de Historia Local do ano 2006, ademais doutros traballos de Miguel Freire Sitjas e Dores Fernández Abel, todos eles referidos á represión sufrida en Ribadeo durante a Guerra Civil. E mañá, ás 20:30, a Banda de Música Municipal de Ribadeo atúa no concerto de Santa Cilla tamén no auditorio. A foto, das últimas da agrupación. Mañá tamén, con outro ruído completamente diferente, 4x4 no Ecotrack na canteira de Pizarras Vega de Os Castros. 
    Todo, mentras se prepara bicententario da morte tráxica do Marqués de Sargadelos
    ... e mentras se van producindo pequenas novas en cantidade, dende a composición do terceiro grupo para lograr os mandos do clube náutico ás novidades do concerto, para o que se irán recollendo os 27 novos músicos polo pobo (co que sumarán 81 números) e tocando en cada incorporación, pasando porque as gasolineiras de Ribadeo son as máis baratas da provincia (na da beira ainda o son máis) ou pola nova esperada que o buque Emma Janneke non tivo problemas no desencallamento. Por certo, que na ligazón asociada ó nome do buque pódese seguir a súa posición actual, previo rexistro, igual que ver 10 fotos do mesmo. Na realidade, a posición actual está desactivada nestes momentos para Ribadeo. 
    ... hai quen di que Ribadeo non ten actividade, pero coido que non hai queixa, tendo en conta que non a dou seguido. Nota: as fotos están recollidas de correos electrónicos da Concellería de Cultura e de Amadores da Música.