Amosando publicacións coa etiqueta pensións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pensións. Amosar todas as publicacións

20250201

De pensionistas? Non só

De pensionistas? Non só

    Hoxe é primeiro sábado de mes. E como tal, en Ribadeo había unha cita para quen se quixera sumar. Os pensionistas lévana convocando anos: primeiros sábados de mes, no Cantón dos Moreno de Ribadeo, ás 12 da mañá.

    Teño que dicir que o meu despiste impediume asistir, non a choiva ou outra cousa. Mais recabei algunha informción para lembrar o acto, o conxunto de actos que se levan celebrando e que se espera seguir a celebrar, goberne quen goberne.

    A dicir primeiro que é un acto convocado polos pensionistas, -Modepen A Mariña-, pero non só para pensionistas, pois quen máis quen menos espera chegar á idade da xubilación e querería ter unha prestación como o que hoxe se chama pensión, máis aló dos plans privados ou privatizados. Así pois, a convocatoria é para a sociedade, non para os pensionistas. E, se é para toda a sociedade, tamén se defenden outras cousas que afectan á sociedade no seu conxunto. O Sistema Público de Pensións, si, pero tamén todo o público, como o Sistema Público de Saúde, que está tan necesitado de defensa fronte ós ataques privatizadores de diferentes tipos. O conxunto de falsedades, medias verdades/medias mentiras, intereses cruzados, etc, que hai contra os sistemas públicos e/ou comunitarios só necesita unha ollada para ser percibido...

    Repito aquí o berro consigna: "Goberne quen goberne, as pensións e o público deféndese"

    Vémonos o próximo sábado primeiro de mes?

    - Unha foto de Enrique Fernández Rivas e outra de Suso Fernández, en ambas falando Evaristo Lombardero:



20250105

Paz e pensión! Das dúas citas desta fin de semana

    Esta fin de semana en Ribadeo había dúas convocatorias, reclamando polo público, en particular as pensións, e pola paz, en particular no xenocidio de Gaza. Queda aquí testemuña de ambas, ás que asistimos algo máis de trinta persoas cada día, e nas que se trataron temas relacionados co mantemento das pensións e do público na primeira, e sobre todo en relación co xenocidio palestino, na segunda:

    1.-Convocatoria dos pensionistas

    Dúas fotos de Enrique Fernández Rivas:


    Un anaco do alí dito:

    2.-Convocatoria pola paz:

    Un par de fotos miñas:


    Audio dunha parte da convocatoria:

20250103

Dúas citas esta fin de semana en Ribadeo

     Paz, domingo, 12:30, e pensións e o público, sábado, 12, centrarán os encontros reivindicativos desta fin de semana en Ribadeo:




20241102

Hoxe en Ribadeo. Pensionistas. En lembranza

    Pásame Enrique Fernández Rivas tres fotos do encontro mantido hoxe no Cantón de Ribadeo, como primeiro sábado de mes, polos pensionistas, achegados amigos ou sinxelamente, xente que sinte que se está a defender algo xusto. Hoxe de novo, agrupados en MODEPEN a Mariña ou non, voltaron (desta non podo dicir 'voltamos') a concentrarse en demanda de unhas pensions e servizos públicos dignos e universais.

 




20241030

Ribadeo, fin de semana: mortos, paz, pensións...

    Este que vén é un fin de semana longo. Venerar ós mortos amplia este fin de semana post DANA que deixa ben máis de media centea debido á variación climática. E, se ben é certo que é menos da cantidade de xente que morre a diario en España, tamén o é que a cantidade de xente que morre na Gaza ou no Líbano a raíz da guerra de exterminio. Cando menos, por iso ten sentido o seguir a celebrar a concentración semanal pola paz, todos os domingos en Ribadeo (12:30, Cantón) como volve lembrarnos o cartel de Suso que deixo en baixo.

    Tamén en Ribadeo, este sábado 2 de novembro, ás 12:00 nas escaleiras do concello, terá lugar a concentración mensual dos primeiros sábados de mes que manteñen convocada os pensionistas, invitando a calquera a xuntarse na defensa do sistema público e igualitario de servizos, non só de pensións.


20241007

Concentracións pensionistas

    Como cada primeiro sábado de mes, tivo lugar a concentración pensionista en Ribadeo, na escalinata do concello. MODEPEN A Mariña volveu defender os servizos e as pensións públicas, xuntándose preto de trinta persoas. Desta volta, contou coa asistencia de Gonzalo Balo Mosquera, presidente de MODEPEN na zona. Asemade, falou Evaristo Lombardero.

    En baixo, tamén fotos de varios momentos da manifestación en Santiago o día 30 de setembro.

    En ambos casos, as fotos foron tomadas por Enrique Fernández Rivas.





    Unha lembranza da manifestación de Santiago o día 30 de setembro:






 

20240907

Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis

     Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis. Á beira das festas, pero non cercados por elas. No Cantón dos Moreno, á beira tamén das terrazas e a xente mirando para outro lado (ou para a concentración, entre curiosidade e espectáculo). Hoxe e aquí, 25 persoas que se unen ás moitas outras ó longo de Galicia e do estado. Deixo fotos que tomou Enrique Fernández Rivas (Enrique de Lourenzá) e máis abaixo, dous textos lidos por Evaristo Lombardero, quen tamén se preguntou se, tras a remodelación do hospital asilo de San Sebastián e San lázaro de Ribadeo, pasaría a privatizarse (síntoo, non gravei o audio)...




    Un dos textos lidos por Evaristo, carta para a que piden difusión os familiares dos 7291 falecidos nas residencias da Comunidade de Madrid, dirixida ó fiscal xeral e a xudicatura. Ligazón ás conclusións da comisión cidadá.

    O outro:



Xuntanza de pensionistas en Ribadeo

     Só unha nota curta de embranza: como cada primeiro sábado de mes, nas escaleiras do concello, este sábado haberá xuntanza de pensionistas en Ribadeo.



20240606

Sobre a xuntanza pensionista de sábado 1 de xuño


    O pasado sábado foi a última, polo momento, xuntanza mensual (primeiros sábados de mes) de pensionistas en Ribadeo. Nela leuse un comunicado de Modepen e logo, tamén por Evaristo Lombardero, un pequeno informe relativo á última xuntanza a nivel Galicia. Aquí quedan ambos:

Primeiro, o comunicado a nivel europeo.

Resumo do manifesto acordado no Encontro de Plataformas de Pensionistas e Sindicatos de Europa

As plataformas e movementos de pensionistas e as organizacións sindicais que subscriben este comunicado, pertencentes a diferentes pobos da UE, valoramos positivamente o Encontro realizado en Bilbao e facemos pública a nosa determinación de facer fronte común ás reformas dos sistemas de pensións que se están a impoñer tanto dende as directivas e recomendacións da Comisión Europea como dende os Estados.

Aínda que a situación dos sistemas de pensións nos diferentes pobos europeos non é homoxénea, coincidimos en que as reformas que se están impulsando en relación coas pensións e os sistemas públicos de repartición caracterízanse por:

a) Redución progresiva das prestacións dos sistemas públicos de pensións (SPP), consecuencia tanto da perda de poder adquisitivo dos salarios e o aumento da precarización do emprego, como das reformas lexislativas que afectan negativamente ás persoas pensionistas.

b) Establecemento de pensións mínimas moi insuficientes, cada vez máis desvinculadas dos salarios mínimos en vigor en cada Estado.

c) Perpetuación da fenda de xénero, que se sitúa entre o 30% e o 40%, debido á escasa envergadura das medidas adoptadas para eliminala.

d) Redución da taxa de remprazo das pensións e aumento das vantaxes fiscais e de cotizacións sociais para promover as pensións privadas.

e) Cada vez maior número de pensionistas en Europa ven como as súas condicións de vida empeoran e vense obrigados/as a complementar a súa pensión prolongando a súa vida laboral en precariedade.

f) En definitiva, a voracidade neoliberal para incrementar os beneficios empresariais acentúa o desigual reparto da riqueza producida polos traballadores/as, base do chamado estado do benestar, incrementando os prezos das mercadorías e os servizos, reducindo salarios e pensións e utilizando recursos públicos para mellorar a súa conta de resultados.

Tralos debates mantidos no Encontro, demandamos:

1. Derrogar os aspectos regresivos das reformas que recortan os nosos dereitos e pensións.

2. Garantir o SPP de reparto e ingresos suficientes en cada un dos pobos europeos que permitan ás persoas pensionistas acceder a unhas condicións de vida digna.

3. Aumentar as taxas de remprazo entre salario e pensión, especialmente dos salarios máis baixos.

4. Medidas efectivas para eliminar a fenda de xénero en salarios e pensións.

5. Incorporar na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE o dereito a pensións públicas decentes e aos SPP de repartición.

6. Incorporar na Carta Social Europea o dereito a unha pensión pública mínima, concretada polo menos no 60% do salario medio.

7. Reforzar a obrigatoriedade dos Estados a manter unha Seguridade Social satisfactoria e a protexer socialmente ás persoas de idade avanzada.

8. Derrogación da norma europea que regula os plans de pensións individuais privadas.

9. Plans concretos para impulsar a repartición equitativa da riqueza, a creación de emprego de calidade e pensións decentes nos diferentes pobos europeos.

10. Acceso a pensións dignas ás persoas que, malia traballar en Europa, non teñen recoñecida a nacionalidade europea, así como a súa regulación inmediata.

Por todas estas razóns, facemos un chamamento a realizar unha mobilización compartida no conxunto de pobos da UE, que se concretará nos próximos meses.

Estas demandas serán presentadas ao Parlamento Europeo, á Comisión e aos distintos Parlamentos dos Estados membros para o seu cumprimento efectivo.

Como se ten demostrado, a mobilización consegue resultados e é a mellor garantía para conseguir os nosos obxectivos.

Este comunicado está aberto á adhesión de cantas organizacións de pensionistas e sindicatos europeos o queiran subscribir.

Os nosos dereitos non caducan coa idade!

Esta batalla ímola gañar!

Bilbao, 24 de maio de 2024.

E o informe dos últimos movementos nos que tomaron parte xentes de Ribadeo, a nivel Galicia:

O luns seis de maio participamos na concentración de Modepén de A Coruña, fomos 15 e tamén houbo unha concentración en Vigo, formando parte das concentracions en todo o estado español promovidas pola Unidade de Acción e nas que se leu un comunicado cas reivindicacións que vimos defendendo nos últimos anos e que se concretaban nos puntos tratados.

Tamén o pasado domingo fomos á manifestación de Palas de Rei contra o proxecto da macropranta de celulosa que a empresa protuguesa Altri pretende instalar nese concello, como sabedes de chegar a realizarse tería unha extensión de 366 has, tomaría 46 millóns de litros de auga diariamente do embalse de Portodemouros e devolvería uns 30 millons de auga tratada e contaminante, ademais das emisións de gases cargados de partículas e productos químicos por unha chiminea de 70 metros de altura. O caso é que fumos un autobús de 55 persoas de toda a Mariña e alí xuntámonos con compañeiros e compañeiras de Vigo, Ferrol e outros de MODEPEN que levaban unha pancarta do noso grupo. Anque non é un tema específico das pensións, MODEPEN quixo estar presente e poñer o seu graíño de area neste movemento galego tan importante. Foi unha gran xornada de loita con mais de 20 000 persoas de toda Galicia.

Temos que comentar que para o día 14 de Xunio estaba prevista a Asamblea anual de Modepen en Valdoviño, perto de Ferrol, creo que non o comentamos na concentración do catro de maio porque estaba sen fixar a data, pero resultou que os compañeiros e compañeiras de Ferrol que se encargaron de organizar a xornada atoparonse con nun nproblema de última hora co restaurante que se comprometera e agora ten facer unhas obras e vaise aplazar a asemblea; de momento non se sabe o día definitivo, que se saberá o martes nun concello nacional que se vai celebrar ese día, pero estase barallando o 21, que aínda non é definitivo, xa o comunicarei no grupo de whatsapp. Pero se alguén se quere apuntar, que saiba que será por esas datas. Eu se é o 21 non vou poder ir por consulta médica en Oviedo e non a quero cambiar porque xa levo tempo agardando.

Outro tema que temos pendente é o do centro de saúde. Como recordaredes o 21 de decembro tivemos unha entrevista varios dos que estamos aquí co Sr alcalde e outras representantes do concello e nela expuxémoslle as nosas críticas ao proxecto do novio centro de saúde, sobre todo a localización onde o queren poñer que está a un km do casco urbano o do cenbtro quen é moito mais accesible para o uso dos v eciños. Eles deron unha serie de explicacions e promesas que non nos convenceron e quedamos que veria un técnico da consellería de sanidade para ter unha nova entrevista pero vilñeros as eleccions autonómicas e non se cedlebrou a devandita entrevista á que se comprometerá o alcalde e finalmente no pleno municipal do 14 demaio aprobouse seguir cos trámites para recalificar os terreos enfronte da estación de servizo e seguir adiante co proxecto demencial e descabelado de levar o centro de saude á esa zona enfronte da estación de servizo. Neste tempo tamén fixemos dous traballos: un foi facer unha enquisa a primeira hora da mañan ás persoas que viña nao dentro de saúde e preguntarles se viñan a pe ou en coche, e mais do 75 % veñlen a pé. A esta enquisa respostaron 260 persoas maiormente de idades avanzadas e outra cousa que fixemos foi poñernos diante da estación de servizo en distintas horas da mañá e contar os coches que pasan e puidemos comprobar que circulan unha media de 10 a 14 coches por minuto por esa zona en días de semana. Fumos seis veces, ou sexa que a proba e bastante representativa. Agora hai que pensar no que significa engadirlle 300 ou 400 coches diarios a ese punto, das persoas que accedan ao centro de saúde. Outra cousa que nos decatamos é que proxectan suprimir o servicio de radioloxía. Agora lanzan a mensaxe de que xa está todo feito e non se pode cambiar, pero esta é a eterna disculpa. Pola nosa banda segueremos loitando para que se desbote este proxecto e se valore restaurar o antigo centro ou construir o novo perto do casco urbano.

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE

20240503

Ribadeo, sábado, domingo (e luns, fóra)


    Achégase a fin da semana, e con ela, convocatorias que tentan aproveitar eses días. O sábado, primeiro do mes, coincide a convocatoria da mobilización pensionista mensual, polo que foi trasladada a ese día a concentración que noutros lugares do estado foi convocada para luns. Así pois, sábado 4 de maio, ás 12 do mediodía, nas escaleiras de entrada pazo de Ibáñez, sede do concello de Ribadeo, concentración arredor da problemática das pensións, que inclúe a do traballo e as súas condicións ou o destino dos aforros que os bancos aspiran a xestionar. Unha concentración que leva xa anos celebrándose e non deixa de ser necesaria e dar lugar a reflexión.

    E, o domingo, ás 12:30, no veciño Cantón dos Moreno, concentración pola paz como tódalas semanas. Unha concentración que comezou coa invasión da Ucraína, na que están presentes Gaza ou o Sahara, entre outras moitas guerras que se están a facer arredor do globo.


20240408

Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo

Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo

    Sábado 6 de abril tivo lugar a concentración pensionista que se mantén dende hai tempo os primeiros sábados de mes en Ribadeo, nas escaleiras da Casa do Concello. 35 persoas, un día máis, en común.

    Deixo dous audios (podcast) coas verbas de Evaristo Lombardero, que, na primeira parte reflectiu o comunicado que adxunto máis abaixo, e na segunda pasou a outras reseñas.

Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado

25 de marzo 2024

A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na tramitación parlamentaria dos PXE.

Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos Xerais do Estado.

Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos paridos que lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o esixiremos.

Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo pensións de miseria.

Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6 millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión social.

Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas, condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.

Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos, a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares. Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.

As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:

- Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!

- Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.

- Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.

- Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade Social.

- Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do 10% do Imposto de Sociedades.

- Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación. A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!

Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…

20240405

Primeiro sábado de mes, pensionistas lembrando


     Un novo sábado primeiro de mes, unha nova concentración pensionista en Ribadeo. Como sempre, no Cantón, ás 12, con informacións diversas.

20240302

Concentración pensionista de 2 de marzo en Ribadeo

    Como outro sábado primeiro de mes, hoxe tivo lugar unha nova concentración pensionista en Ribadeo. Por mor da intensa chuvia, celebrouse nos soportais do Cantón, no extremo da zona nova dos mesmos. Deixo en baixo a máis do cartel, algunha foto de Suso (e un vídeo no que se ve tamén o a temperie que facía) e o audio de Evaristo, acompañando ó texto relacionado con el para servirlle de base. Por certo, texto abondo ilustrativo.


Bo dia compañeiras e compañeiros

Vou comezar comentando un traballo realizado por Xavier Pérez Davila, como sabedes economista de Vigo e compañeiro de MODEPEN que analizou o VII convenio estatal do sector da construcción. Este convenio foi asinado o día 3 de Xullo de 2023 polos sindicatos CC.OO. e UGT e mais a Confederación Nacional da Construción ou sexa a patronal do sector e foi publicado no BOE de 23 de setembro. O acordó inclue un Plan de Pensións de emprego (PPE) que afectará a 1 millón 800 mil traballadoras e traballadores. Este convenio é moi importante porque nel acórdase o primeiro Plan de Pensións xestionado por unha empresa privada que se pretende extender aos 18 millóns de traballadores e traballadoras do estado español ao aplicar a lei Lei 12/2022 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE), unha das catro leis da reforma Escrivá do sistema de pensións.

O convenio entrou en vigor o 1 de febreiro de 2024 e agora xa hai datos dabondos para analizar os seus resultados e comprobar con números na man como vai repecutir nos salarios, nas pensións, nos beneficios das empresas, nos beneficios das xestoras, nos fondos da caixa de pensións e nos impostos que recada o estado.

O traballo de Xavier Pérez Davila é moi extenso e está cheo de cadros e cifras e non o vou ler aquí naturalmente porque levaría mais de unha hora. Está colgado na páxina de MODEPEN e calquera pode lelo e ver que os argumentos de Xavier están apoiados por cálculos serios e se en algún punto no se está de acordo pódese rebatir e discutir o que faga falta, ou sexa que tamén é un exercicio de transparencia para que se vexa que as nosas reivindicacións non se basan de díxome díxome senon en estudos serios que tamén son unha aportación a todas as plataformas do estado español dende Galicia.

Eu so vou comentar algún dos datos que me pareceron mais relevantes pero repito que esta en aberto na páxina de MODEPEN para todo aquel que o queira consultar.

Vaia por diante o que temos dito tantas veces: Os plans Privados de Pensións que defenden as grandes empresas, a banca, as xestoras privadas que se lucran da sua xestión e os grupos de dereitas ademais de un sector do goberno de Sanchez ca disculpa de que o sistema público de pensións non é sostible económicamente é unha falacia absolutamente falsa, en realidade o sistema público de pensións con esta lei vai servir non so para a financiación das futuras pensións senón para manter os beneficios de cinco xestoras dependentes de bancos e multinacionais para lucro dos seus directiovos e grandes capitais. O obxectivo de MODEPEN e das plataformas de pensionistas do estado español é a derogación de esta lei e a supresión definitiva da lexislación española de ningúnha norma que permita o afogamento do sistema público de pensións.

Indo xa a algún dos resultados concretos que analiza Xavier Perez Davila temos os seguintes datos:

1º. Impacto do plan aprobado no sobre o salario d@s traballador@s.

Con plan de pensións o traballador cobrará 560 euros menos, poderá deducir 220,12 € na base impoñíbel do IRPF e constituirá dereitos a un fondo de pensións de capitalización por esa mesma cantidade. Sen plan de pensións, o traballador percibirá 560 euros máis de salario.

3º. Desvío de ingresos públicos á empresa financeira xestora do plan. As empresas que desenvolvan plans de pensións de emprego beneficianse de deducións no Imposto de Sociedades (IS) e na cotización á Seguridade Social. Véxamos o que esto supón no ponto seguinte.

5º. Cálculo da perda de ingresos públicos derivados da aplicación do VII CCEC

A perda de ingresos da SS será superior aos 90 millóns de euros.

A perda de ingresos das administracións públicas pola dedución do 10 % no Imposto de Sociedades é superior a 38 millóns de euros. Perda total de ingresos públicos, sumando os resultados, de 128 930 218 € que son os cartos que se perden para as arcas públicas pola aplicación de este convenio e pola posta en marcha no sector da construcción, 1 millón 800 mil traballadores dos Plan de Pensión privadas aprobadas polos sindicatos CC OO e UXT a patronal e o Goberno de Sanchez no periodo anterior.

Como diexen esto so son alguns datos do estudo do economista que comentamos e que pode consultarse na páxina de MODEPEN, pero se insisto neles é porque se esta política se extende progresivamente a todos os sectores como agora pasou ca construcción o futuro da caixa de pensións e do sistema público de pensións vaise ver estrangulado e reducido para beneficio dos directivos e das empresas xestoras de estes plans privados de pensions e en perxuicio dos traballadores en activo e dos pensionistas porque aquí era onde quería chegar. Pode haber pensionistas que pensen que pensen que estas reformas a nos non nos van coller porque son os convenios actuais que afectan aos traballadores que agora están en activo. Pero moito ollo, que se se adelgazan máis os fondos da caixa de pensións e se siguen extendendo os gobernos de dereitas en Europa, no mundo e no estado español, cas facilidades ademais que lles estamos dando podémonos atopar a volta de catro ou cinco anos con un recorte das pensións actuais ca disculpa de que non hai fondos e que as empresas non poden soportar unha suba de impostos e temos que tragarnos, se chegamos, ou os que cheguen un recorte das pensións actuais ou das subas polo menos con IPC que é un dos nosos logros recentes e que xa nos quixeron arrebatar hai pouco os gobernos do PP. Debemos ter moi craro e convencer aos nosos compañeiros e veciños xubilados de que aquí non hai nada seguro e que as pensións sempre van estar no aire se gobernan as dereitas e tampouco están garantidas según cal sexa o sector das esquerdas que goberne e que a única defensa somos nos, a movilización das clases traballadoras cuns claros obxectivos de pensións dignas e públicas para todos os sectores.

Outro informe, que tamén se pode consultar na páxina de MODEPEN, trata sobre un un manifesto que apareceu e foi moi difundido en redes sociais pedindo que as pensións estean excluídas do IRPF. MODEPEN e o conxunto de organizacións que participan na Unidade de Acción Estatal non estamos de acordo con esa proposta.

O mesmo que o anterior, o informe de MODEPEN e moi extenso e faise moi longo para leelo agora, ademais co día que está, pero recomendo moito que se lea con calma porque demostra como a extrema dereita, a banca e as empresas xestoras, de forma sibilina vai intentandoi meter os seus argumentos dando a sensación de que defenden algún intereses dos traballadores cando no fondo so pretenden dinamitar o sistema público de pensións e dividir as clases traballadoras con proxectos e ideas competitivas e antisolidarias e mesmo con mentiras manifestas. De xeito moi resumido so comentarei que este manifesto afirma por exemplo que as pensions xa tributaron polo IRPF mentras se traballaba, e iso non é certo porque os que xa tributaron foron os salarios percibidos durante a vida laboral activa unha vez deducidas as cotizacións á seguridade social. Outra falacia que difunden é que Ao estar as pensións sometidas ao IRPF prodúcese dobre imposición. Non, o salario e a pensión son rendas distintas que se perciben en períodos diferentes: unha durante a vida laboral activa e outra no tempo da xubilación. Ademais, proceden de fontes diferentes: da empresa, a primeira; e do Estado, a segunda.

4ª. A pensión sería o rendemento dun capital que a persoa xubilada foi acumulando ao longo da vida laboral. Rotundamente falso. A persoa ou persoas que redactaron o Whatsapp padecen de ignorancia ou practican a mentira. O sistema público de pensións non é un sistema de capitalización, as persoas traballadoras non acumulan capital ningún. Coas súas cotizacións e impostos financian as pensións das persoas xubiladas. As persoas traballadoras hoxe activas, cando se xubilen percibirán a súa pensión das cotizacións e impostos d@s entón activ@s. Por iso se chama sistema de repartición ou solidariedade entre xeracións.

5ª. Aos cargos políticos do goberno, parlamento, senado non se lles aplica a retención do IRPF. Falso de toda falsidade. As retribucións dos representantes políticos están suxeitas ao IRPF como todas as rendas. Esta afirmación repetida innumerábeis veces fai parte da campaña anti-política que só beneficia á dereita e á extrema dereita. Cando alguén afirma “todos os políticos son iguais”, en 9 de cada 10 veces a persoa que o proclama é votante do PP ou de Vox.

Que hai detrás deste texto?

Un ataque contra a necesidade dun sistema impositivo poderoso que obteña recursos suficientes para financiar os servizos públicos e a intervención pública na economía cada vez máis necesaria. Son as estratexias politicas da dereita e da extrema dereita, son os Trump, Milei, que os arxentinos xa estan empezando a saber quen e, os Abascal, Ayuso, Feijoo, etc.

Outros temas a lembrar: O centro de saúde de Ribadeo [Nota: lembrouse que se está a espera dunha xuntanza que o alclde prometeu facer]

A concentración pola paz [Nota: que será mañá, domingo, como vesn sendo tódolos domingos, diante da casa do concello de Ribadeo, ás 12:30]

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE





20240207

De paz e outras cousas

    A masacre de Gaza xa ten reemprazo nas novas: as revoltas de agricultores, primeiro en Francia e agora tamén en España, conseguiron o relevo, ao menos parcial, nestes momentos. Non importa que se estea a obviar o meollo da cuestión e se estea polo tanto, a desinformar. O caso é que xa hai substituto para que os palestinos podan ser masacrados en silencio, o mesmo que a falta de atención sobre a Ucraína está levando á falta de axuda occidental nesa guerra, de xeito independente das sinrazóns da mesma.

    Por iso, para evitar o noso propio esquecemento, son tan convenientes as manifestacións conxuntas, de xente que pensa relativamente parello e a base de apoio mutuo fai que as xuntanzas rematen sendo de amigos. Así ocorre co caso das xuntanzas de pensionistas, primeiro sábado de mes, 12:00 en Ribadeo, ou, a poucos metros de distancia, as xuntanzas pola paz tódolos domingos, 12:30.

    Ás veces non vou, que a vida leva por outros derroteiros, pero teño claro o seu valor. E aproveito para a súa lembranza aquí, de mans doutra xente, boa parte das veces, de Suso Fernández coas súas fotos. Aquí queda pois a lembranza das dúas concentracións desta fin de semana en Ribadeo:

    Concentración de pensionistas 20240203: Audio e dous momentos do acto.

 



    Concentración pola paz 20240204:



20240106

Un sábado de reis ás 12

    Como primeiro sábado de mes, este sábado de reis en Ribadeo tivo lugar a concentración pensionista en Ribadeo. Algo máis de vinte persoas entre as que non estaba un despistado coma min (noutro momento de seguro volverei mencionar o tema).

    Como outros sábados, sei que houbo algunha mensaxe para ter conta da actualidade do colectivo e da sociedade relacionada -é dicir, toda-, xunto cos desexos e proxección para o novo ano.

    Unha vez máis, deixo as fotos de Suso como ilustración do acto.





 

20240101

Entrevista co alcalde sobre o novo centro de saúde de Ribadeo: comunicado de Modepen e lembranza miña


    Deixo primeiro o comunicado de MODEPEN sobre o tema e logo algunha nota escrita por min antes de que se fixera público o comunicado:

--

Comunicado de Modepen

Entrevista co alcalde sobre o novo centro de saúde

Ribadeo, 26 de decembro de 2023.

Tal como temos anunciado, o pasado 21 de decembro tivemos unha entrevista co Sr. Alcalde. Polo concello estaban o Sr. Alcalde, o técnico municipal e outra persoa do grupo de goberno. Por MODEPEN seis representantes do grupo de pensionistas da Mariña. Pola nosa banda expuxemos o que xa temos publicado aqui e comentado nas nosas xuntanzas públicas que se celebran todos os sábados primeiros de mes no Cantón dos Moreno (a próxima será o 6 de xaneiro ás doce do mediodía).

En resume, a nosa idea é que a ubicación que se proxecta enfronte da estación de servizo está moi lonxe do centro do casco urbano e traguerá moitos inconvintes para a gran maioria dos usuarios se se chega a realizar nese ponto.

Lembramos que hoxendía mais do setenta por cento da poboación do concello de Ribadeo reside no casco urbano e esa tendência é acelerada nos últimos dez anos, de xeito que cando se chegue a realizar o proxecto a porcentaxe será mais de un 80 % con toda probabilidade. Asemade insistimos en que en Ribadeo hai hoxe mais de 3000 persoas maiores de 65 anos e esa tendencia tamén é crecente (datos do censo de 2022). Mesmo entendemos que en Ribadeo existen moitos espazos e solares onde pode construirse un novo centro anque non sexa idéntico ao que proxecta a Xunta de Galicia. Tamén prantexamos a posibilidade de reformar o centro actual, como temos comentado anteriormente. Pola banda do concello insistiron nos argumentos que xa están publicados sen que chegásemos a un acordo. Ao final quedouse en que virá un técnico da Xunta para seguir debatendo a cuestión.

Suliñar que mais alá do desacordo foi unha xuntanza cordial con exposición aberta de opinións póla duas bandas.

Cando téñamos a data da próxima xuntanza daremos conta dela publicamente. Namentras invitamos a todos os ribandenses, pensionistas ou non a asistir á convocatória pública do próximo dia seis de xaneiro onde se tratará o tema mais extensamente e poderán opinar as persoas que o desexen, sexan ou non membros de MODEPEN , sempre a micrófono aberto sen prexuicios ideolóxicos ou políticos.

MODEPEN A MARIÑA

--
Xoves 21 de decembro, Casa do Concello, Ribadeo     

    Comeza cedo o día. Un grupo de maiores pediu hai tempo unha cita co alcalde, e despois de repetila oralmente no medio dunha concentración co alcalde en pasando por alí, aos poucos días recibiu a convocatoria para o xoves 21 de decembro (o día que deixa paso á noite máis longa do ano) ás oito e media da mañá. Para Ribadeo, unha hora rara, visto o horario comercial e mesmo do concello. De feito, foi un funcionario municipal de paso quen nos facilitou a entrada logo de consultar, pois xusto á hora prevista non sabíamos ben que facer fronte á porta pechada.     

    A xuntanza comezou co alcalde, o arquitecto municipal e a concelleira delegada de atención cidadá, Montse Seijo, e seis maiores, entre os que se atopaban Evaristo Lombardero, Suso Fernández, Pepe Salvatierra ou eu mesmo. O obxectivo era expoñer o noso punto de vista sobre o lugar do novo previsto centro de maiores, aportando datos e criterios. Éramos conscientes (e seguimos a selo despois da xuntanza) de que se ben os prazos non apremian na teoría, o manexo de tempos esixen unha actuación que non se dilate no tempo: se antes da aprobación dos orzamentos sempre poderían dicirnos que aínda non hai nada aprobado, agora, cos orzamentos aprobados, sempre poden dicirnos que os cartos xa están dispostos, aínda que saibamos que se poden empregar aquí ou alí sen cambiar nin unha coma no xa aprobado.     

    De igual xeito que pasa coas consideracións anteriores, pode pasar con outras que afectan a usos típicos na política e administración. Por exemplo, dicir que un lugar é idóneo porque o din os técnicos ou porque foi elixido ‘de xeito unánime’; mesmo que se cambiou de opinión porque o mando correspondente foi convencido aínda que antes pensara o contrario. Todo normal, si, aínda que outras veces os políticos usen os argumentos de que os técnicos dan opinión, pero os políticos teñen que decidir por outros criterios, non só técnicos, ou que a unanimidade nun conxunto non é garantía de nada, ou que os cambios de opinión sempre son sospeitosos de que detrás deles haxa ‘algo’, sexa o que sexa.

    A cousa rematou asegurando unha nova xuntanza co técnico e decisor político do tema en Santiago, se ben sen data determinada. Motivo polo que apuntei en parágrafos anteriores a importancia do desenvolvemento temporal. É algo por outra banda natural, pois loxicamente aínda estaba sen facer a xestión pertinente por parte do alcalde.    

    Como dous días despois vexo que non hai referencia algunha á xuntanza, decidín deixar constancia dela, aínda que sexa de xeito sumario para evitar nesgos na medida do posible.    

20231202

Xuntanza pensionista en Ribadeo 20231202

    Como cada primeiro sábado de mes, xuntanza pensionista (e non pensionista!) en Ribadeo. Ás doce, diante do concello, como atestemuñan as fotos de Suso Fernández, xuntámonos algo máis de trinta persoas. Deixo ó fonal a gravación do dito por Evaristo Lombardero, así como o que engadín eu mesmo e asemade as verbas de Pepe Salvatierra. Polo medio, interpelouselle ó alcalde, Daniel Vega, sobre a atención a un dos temas tratados. Non collín o que engadiu José Antonio Ares, lembrando que mañá haberá unha xuntanza pola paz ás 12:30, e que a próxima xuntanza pensionista en Ribadeo será o día de Reis, o que aproveitou para felicitar as festas ós presentes. Asemade, José Ángel Salvatierra lembrara que o próximo sábado 9 de decembro a mediodía hai unha concentración nas Figueiras, pola ría e contra a obra proxectada.



20231201

Concentración pensionista en Ribadeo, este sábado

    Como primeiro sábado de mes, este sábado terá lugar unha nova concentración en Ribadeo, respondendo á chamada dos pensionistas. Anímate a coñecer as súas inquedanzas e as de todos nesta chamada aberta.