20231102

A fosa sen legalizar na illa Pancha. AVV Por Nuestro Faro

 


A fosa sen legalizar na illa Pancha

    A fosa séptica da Illa Pancha leva anos en situación irregular.

    Hai exactamente cinco anos e dous meses -en agosto de 2018- a asociación veciñal "Por Nuestro Faro" presentou alegacións a unha proposta de legalización da fosa de "Augas de Galicia", que aínda segue sen resolverse a día de hoxe. Lembremos que aquel proxecto de legalización inconcluso foi presentado despois de que o hotel xa estivese aberto ao público e se aprobaran todos os informes, autorizacións e licenzas pertinentes, sen ter en conta o funcionamento da citada fosa. E así ata hoxe.

    Hai uns días, e aínda que poida parecer unha broma, recibimos resposta de “Augas de Galicia” a aquelas vellas alegaciónss.

    Sabemos dende a actualidade que a sanidade da ría de Ribadeo non é unha cuestión de primeira orde para moitos responsables políticos, non importan os engadidos (escolleiras, peiraos, etc.) que se queiran sumar ao formigón xa presente por banda e banda asturgalaica, que leven por diante biodiversidade e traian areeiras. A Illa Pancha é outro exemplo: non serviron de nada as 8 declaracións escritas do Defensor del Pueblo (con copia no Concello de Ribadeo, no Porto de Ferrol-San Cibrao e na Xunta de Galicia) reclamando un estudo simplificado de impacto ambiental -esixido pola lei, pero nin así-. Se a lei e o Defensor non fan que se mova unha palla en ningunha oficina, é porque nas oficinas non queren que se mova, e esa vontade supera a de pertencer á Rede Natura 2000, ser unha zona de especial protección para aves (ZEPA) ou un lugar de importancia comunitaria (LIC): estes títulos non son os que moven montañas.

    Algo tan sinxelo como a eliminación de residuos, a hixiene básica en calquera país civilizado do século XXI, está no aire, por así dicilo. E máis de cinco anos despois de presentar as nosas alegacións, obtemos unha resposta que non só non ten en conta os aspectos xa mencionados senón que presenta un claro desaxuste coa situación actual da illa e coa actividade que nela se desenvolve.

    Dende a asociación “Por Nuestro Faro” remitimos a “Augas de Galicia” un novo escrito coas alegacións que responden ao correo electrónico recibido e que son, textualmente, as seguintes:

«1º. Consideramos que a demora de cinco anos en emitir este informe podería afectar aos contidos do mesmo. Descoñecemos os controis que se levan efectuado ao longo destes cinco anos das emisións emitidas polos apartamentos turísticos pero evidentemente existe unha contradicción manifesta entre esta demora tan excesiva e o suposto seguimento das devanditas instalacións.

2º. Dende agosto de 2021 está funcionando unha cafetería anexa aos devanditos apartamentos. Descoñecemos se as emisións de dita cafetería están conectadas a algún sistema de depuración ou mesmo se engaden ao verquido que se trata neste informe. No texto deste documento cítase varias veces a devandita cafetería como algo ´´ futurible ´´. Suliñamos tamén esta contradicción entre a realidade actual e un texto que semella redactado polo menos dous ou tres anos antes.

3º. No informe non se citan as condicións que afectan ao verquido por atoparse nun espazo incluído na Rede Natura 2000.

4º. Asemade non se toman en consideración os oito informes do Defensor del Pueblo, aludidos na nosa primeira alegación, nos que se manifesta claramente a ilegalidade de todas as instalacións por carecer o proxecto do preceptivo Estudo de Impacto Ambiental dacordo ca normativa vixente para as zonas incluídas na Rede Natura 2000.

5º. Non consta que o cambio de ubicación da fosa fose avaliado, nen incluído no expediente, nen previsto nas avaliacións iniciais.

EN CONSECUENCIA PROPOÑEMOS QUE SE SUSPENDA A PROPOSTA ACTUAL E SE REDACTE UN NOVO INFORME TENDO EN CONTA OS INFORMES DO DEFENSOR DEL PUEBLO E A FALLA DE ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO, ASEMADE QUE SE INCLUAN OS VERQUIDOS DA CAFETERÍA, O CAMBIO DE LOCALIZACION DA FOSA, E OS IMPACTOS SOBRE A ZONA INCLUIDA NA REDE NATURA 2000.»

A VV Por Nuestro Faro

Ningún comentario: