20230409

PALABRAS E OBRAS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

A. Ernaux e M. Houellebecq, de fotos de Frankie Fouganthin e Fronteiras do Pensamento en https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons, lic. CC BY SA 4.0

 PALABRAS E OBRAS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Unha cousa é falar (ou escribir) e outra facer ou, o que ben sendo o mesmo, predicar e dar trigo. Na literatura, son dos que cre que toda creación ten algo de autobiográfico e que o autor e a súa obra nunca se deben meter no mesmo saco. Este debate, en Francia a diferenza de en España, é unha cuestión de estado e de faladoiros (intelectuais e populares) afervoados. O último exemplo, a concesión do premio Nobel de literatura a Annie Ernaux, muller acomodada, feminista e progresista, o que en francés se denomina “bobo” (bourgeois-bohème/burgués bohemio) ou “gauche divine” (esquerda caviar ou fina). O outro candidato galo era o “enfant terrible” das letras Michel Houellebecq, misóxino, xenófobo, antisemita, reaccionario e provocador, baluarte e voceiro do politicamente incorrecto.

    A dicotomía entre ambos os dous é sectaria, falsaria e unha falacia. Son inmensas as capacidades intelectuais dos dous e as súas senllas traxectorias literarias. Outra cousa é que a súa personalidade nos faga máis ou menos graza, mais iso xa depende das nosas filias e fobias, dos nosos prexuízos ou das nosas ansias. A marca de xénero será inocente neste dilema entre unha femia liberada e un macho alfa?

Ningún comentario: