20220907

Como vai a misión 'salvar a Torre dos Moreno'?

Como vai a misión 'salvar a Torre dos Moreno'?

    Dende hai xa abondos anos, sabemos que a Torre dos Moreno está a caerse en anacos. Tamén sabemos que debería, e temos esperanzas de que algún día sexa así, terse un plan de recuperación a aproveitamento dun edificio que sería apetecible para moitas cousas. É dicir, ter disposta a misión 'aproveitar a Torre dos Moreno'.

    Pero tamén sabemos, dende hai moitos anos, que o único para o que vai dando a historia é para relativamente pequenos (que soen anunciarse como grandes por requirir orzamentos non desprezables) amaños que eviten que o edificio se veña abaixo ou siga a caerse anaco tras anaco. É dicir, parafraseando o título dunha célebre película, sucesivas misións 'salvar a Torre dos Moreno'. No día de hoxe chega outra edición desa misión, a acometer pola empresa privada maioritaria da propiedade. Decatámonos por unha nota de prensa do concello que se titula 'Torre dos Moreno' e que inclúe o seguinte parágrafo a modo de resume:"A xunta de goberno concedeu licenza de obra para a intervención estrutural, reparación de cuberta e fachadas da Torre dos Moreno."

    Máis adiante na mesma nota, desenvolve un pouco o feito: "(...) logo de moitos anos, logo de moitos problemas, moitas horas dedicadas cos técnicos municipais, logo de ter todos os parabéns da Comisión de Patrimonio Histórico de Lugo e logo de ter que ir en cinco ocasións, por fin, onte demos a licenza de obra ao proxecto de execución para a Intervención estrutural, reparación de cuberta e fachadas da Torre dos Moreno. Estas obras contemplan, entre outras, actuacións de reparación da estrutura e do saneado de cubertas e de todas as súas fachadas. Os materiais de recuperación das fachadas van ser similares aos do morteiro de cal, que ten actualmente o edificio, e tamén os materiais de cuberta serán os mesmos que os do edificio actual. Tamén se vai proceder á colocación de novas carpinterías exteriores, dado o pésimo estado das actuais, e en todo caso a intervención non vai modificar a volumetría do edificio orixinal". "(...) agora a empresa propietaria da maioría do edificio xa pode empezar cando o desexe as obras de rehabilitación deste edificio icónico de Ribadeo. Agardamos que dentro de non moito, este edificio poida lucir o esplendor que tivo a principios do século XX, e por riba de todo, que coa súa rehabilitación poidamos asegurar a seguridade pública necesaria (...)."

    A dicir que na Xunta de Goberno do concello do día 6 acordáronse outras varias licenzas, e que é nese sentido, o da concesión de licenza, que xurde a noticia, xerada pola petición correspondente que tería que realizar no seu día a empresa Paisajes de Asturias. Unha petición, como observamos, doutra obra parcial para manter o edificio en pé, non para rehabilitalo de xeito íntegro.

    Outras apreciacións e comentarios do destaque da noticia poden ser as seguintes: houbo que ir cinco veces a Lugo, a Patrimonio. Non especifica a noticia quen, aínda que por como está redactada, parece desprenderse que serían viaxes, non só sinxelos envíos e voltas de papeis, e que o concello tería participado nesas viaxes á capital administrativa provincial. Estimo que debe ser ben un erro de redacción, ben de comprensión pola miña parte. O contrario sería un trato de favor, pois fronte a ese feito, para obras abondo máis pequenas, realizadas tamén de xeito privado, sei de quen tivo que enviar varias veces ó longo de varios anos proxectos e preguntas a Lugo, pero tamén consultar ós técnicos do concello, sen ter o apoio desa institución como axudante na capital. É dicir, de non entender mal, algo diferente de como o concello tería actuado neste caso despois de enaxenar por permuta a súa parte de propiedade.

    Tamén pode apreciarse que fala de 'materiais similares' para determinadas partes, aínda que 'iguais' para as cubertas. É dicir, vai ter o mesmo aspecto, pero non se trata dunha restauración, senón de 'reparación' e 'saneado'. Coas verbas usadas no texto, dunha rehabilitación.

    Asemade, cita a reposición das carpinterías exteriores. Por falta que lles fai non quedarán, e é de supoñer que con elas serán repostas as vidreiras.

    A empresa pode comezar cando queira, di a nota. Coido que as licenzas teñen un límite de tempo de execución, e, de non ser executadas en prazo, a licenza caduca. Evidentemente, se é a empresa quen decide, e non se lle forza a facer algo, farao cando queira, si, pero cos límites que estableza a licenza, e sen perder de vista que outras obras da mesma empresa da outra beira da ría estendéronse ben no tempo.

    Remata a nota facendo referencia á seguridade. Coido que deben terse superadas xa as dúas décadas de valados e redes no cantón. Esperemos que desta se acabe con esa ignominia, aínda que queden outras actuacións para o futuro.

    Por último, a nota incluía tamén unha imaxe, que deixo abaixo complementándoa con outra recabada nas redes sociais:




Ningún comentario: