20201129

Obsolescencia programada, algo máis ca unha idea

A Obsolescencia programada como arma económica.

   Vexo hoxe un documento da Unión Europea que parece que por fin vai tentar facer algo para que a obsolescencia programada deixe de ser un feito 'de facto', sen lexislación que o concirna.

   Só para centrar un pouco a idea, a obsolescencia programada (aquí, na Galipedia), "é unha práctica empresarial consistente na determinación, planificación ou programación da fin da vida útil dun produto ou servizo de modo que se volva obsoleto, non funcional, inútil ou inservible tras un período de tempo calculado de antemán." Trataríase de que as empresas fixeran obxectos para ser caducos, co fin de 'estimular' o consumo e polo tanto, as vendas das empresas (e as súas ganancias). 

   Polo camiño, recursos naturais ou medio ambiente saen prexudicados, a máis do peto do consumidor. Eses inconvintes pouco importan se non hai unha ética aplicada, e no mundo da economía liberal é algo contraditorio. Hai exemplos diversos, dende as medias sen carreira, que viñeron a existir durante un curto tempo ata que as empresas volveron atrás porque dixaban de vender, a programas como diversas versións de windows que deixan de ter mantemento, abocando a un cambio ou unha actualización, pasando por impresoras que paran de funcionar tras un certo número de copias ou móbiles case imposibles de desmontar, 'de usar e tirar' por valer máis a reparación que un novo. Non dis que agora as cousas non duran nada? Pois diso se trata, que duren, e que se podan amañar: o teu peto, o noso planeta e mesmo o traballo que necesita o asimilar o uso correcto das cousas novas, agradecerano.

   Por certo, un documento cando menos, curioso de 1932: "Ending the depression through planned obsolescence.pdf". Un ensaio de oito páxinas explicando como rematar coa depresión económica iniciada no 1929 facendo uso da fabricación con obsolescencia programada...

- Nota para Ribadeo: este artigo non se refire a cousas como a Área de Recreo de Piñeira ou a Casa da Ría.

Ningún comentario: