20190908

Detrás da santiña, diante das monxiñas... e fin de festa

Hoxe, 8 de setembro, é o día grande das festas patroais de Ribadeo, pois corresponde á festividade da patroa.
Coido que dende hai tempo, os fogos do sete marcan o punto culminante, co que a afirmación anterior non deixa de ser unha reminiscencia relixiosa ou doutros tempos, como se pode constatar en xeral pola cantidade de xente entre o 8 e os días anteriores. O que si é, é a celebración da patroa, e segundo como cadre na semana, pode haber mesmo moita xente. Por certo, que coincide coa patroa de Asturias, e por iso a importancia do calendario. Neste 2019, o luns 9 é festivo en Asturias, e polo tanto, pola noite poidera esperarse algo máis de xente...
Como festividade da patroa, a actuación da banda é obriga contraída. Iso, despois da procesión, pois a banda non se libra dela. Quen parece que tampouco se libra dela é boa parte da corporación municipal, presidida polo alcalde, e enmarcada entre os sacerdotes de detrás da santiña e as monxas de detrás do grupo de autoridades, con representación tamén das forzas de orde público. Gardando puntillosamente, ó que se ve, o artigo 16.3 da constitución española: "Los poderes públicos tendrán en cuenta las creencias religiosas de la sociedad española y mantendrán las consiguientes relaciones de cooperación con la Iglesia Católica y las demás confesiones." É dicir, interpertado como gardando o statu quo derivado da ditadura e non a distribución actual.
As festas van rematando, e parece que outra vez máis non haberá que lamentar o non deixar paso no centro do pobo para ambulancias ou bombeiros, mentras a cantidade de xente no centro do pobo puido mesmo acadar unha nova marca (a falta de estatísticas que o confirmen) mesmo aínda non participando ACISA e cun caso relativo dos comercios ó peche pedido para este domingo de festa.
Deixo unha foto dos fogos do 7 feita por Suso Fernández dende a beira asturiana da ría de Ribadeo.

Ningún comentario: