20190201

A quen non lle gusta a illa Pancha ou o surf?

A quen non lle gusta a illa Pancha ou o surf? Emblemática, bonita, unha gozada calma a unha, un pracer visual o outro...
A cousa vai sobre o Challenge Isla Pancha. Unha revisión ós datos.
A organización comunicou á prensa que o orzamento da proba era 200 000 € (Deputación, 12 000). E tamén, e no pdf de prensa dispoñible na web do evento pode verse, que o equipo, todo o equipo, son tres persoas. Anunciaron 24 surfistas. Ó final, as fotos que se poden ver inclúen 16 persoas, mesmo con xente da organización, aínda que sexa titular estendido que houbo 24 surfistas.
O público foi numeroso, a capacidade de convocatoria foi grande. Mais estaba previsto (folletos de difusión) para 15 000 persoas. Iso supón máis de 4000 vehículos cunha ocupación media de 3 persoas, a máis da xente que fora camiñando (que foi unha mínima cantidade pola temperie que había. Pero esa cantidade de coches, aparcados en liña polas cunetas, supón ben máis de 16 km de cunetas... moito, aínda que se admita que houbo varias quendas de aparcamento. A repercusión na hostelería coido foi escasa fóra da propia organización. E, botando contas cun número estimado de xente visitante ó evento (ribadenses incluídos) saen cousa de 100 € por visitante. Non sei os clic que puido ter, o que sería outro ratio interesante. Se foron os previstos, sairía a cousa de un décimo de céntimo por cada 'clic'...
Anunciáronse ondas de ata vinte metros, a partir dunha previsión de ondas na zona de máis de sete metros. Pero a previsión era de ondas abondo menores, e non sei se chegarían ós 10. Que coido que son abondo grandes, pero que nos comentarios de foros especializados cualificaban como 'A mi me parece una ola de 2daB, en cuanto a calidad, pero bueno, ellos sabran' ou 'da la sensación de que le falta brazo a la ola para poder surfear', sen comentarios en contra (https://www.surf30.net/2019/01/luz-verde-illa-pancha-challenge-2019.html). De feito, ó día seguiente, https://www.todosurf.com/prevision/isla-pancha-spot359.htm tiña a pantalla:
... claro que hai que tomalo como algo relativo, pois na mesma páxina, no mesmo momento, podíase ver esta outra imaxe:
O que achegaría as ondas cara ó mediodía ós 8 metros, como aparenta nalgunha foto pero quizáis menos que no entrenamento e decididamente menos que en fotos e vídeos doutros momentos, aínda que o día 16 de decembro, no El Progreso, un dos arganizadores cualificaba de incribles ondas de 9 m (na web do evento e nos folletos di que se acadan facilmente os 18 m).
Os premios foron dados en criptomoedas, como pode verse nalgunha foto. E os comentarios sobre a criptomoeda usada, non demasiado bós, como se pode ver na ligazón.
O ter a un pobo (a máis dos surfeiros interesados) pendente durante un mes ten moito mérito, e as grazas á prensa son debidas, aínda que non por iso deixou de haber algunha confusión sobre o desenrolo, mesmo entre os afeccionados que comentaban no facebook do evento, en cousas como cantos días ían ser o día anterior da final. Ó final, 1 día.
Hai máis datos sobre o 'challenge' que a altura das ondas ou os 200 000 euros para un día de evento.
Na páxina aínda activa do challenge e nos folletos descargables pode lerse que son medidas a implementar o valado de zonas sensibles ou a creación dun "'comando' formado por escolares" para a preservación do entorno, algo que polo menos a min me pasou desapercibido, que revisando as fotos non vexo e que, dentro da illa, entendo que sería ilegal.
Puiden descargar dous panfletos sobre o evento. Un, de once páxinas, cualifica a proba como 'EVENTO DE INTERÉS DEPORTIVO Y MEDIOAMBIENTAL', o que me levou a ir un pouco máis aló. Nel cualifícase o evento surfeiro como o máis importante que se teña realizado en Europa ata o momento. Recoñécese que a época de celebración é sensible para as aves de paso, e que 'este campeonato va reunir esfuerzos para que el impacto medioambiental sea nulo'. Recoñece ademáis que a Ría de Ribadeo ten múltiples recoñecementos medioambientais, incluida en la Red Natura 2000 como Lugar de Interese Comunitario (LIC), declarada Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) dende 1989 e Zona Húmida de Importancia Internacional inscrita no convenio Ramsar dende 1994, ó que lle suma o recoñecemento como refuxio nacional de caza dende 1983". Calquera que estivera por alí ou vexa as fotos da illa e aledaños poderase facer moitas preguntas ó respecto do que se entendía nese recoñecemento, nos esforzos e na nulidade.
O outro, o dossier de prensa, avisa o evento como o primeiro dunha serie de eventos mundiais (enténdese organizados pola mesma empresa) nos que se irá 'máis aló dos límites coñecidos' e di que ten xa a confirmación dos 24 pariticipantes anunciados, podendo prever a asistencia in situ dunhas 15 000 persoas e 150 000 000 clicks 'no seu apartado'. Con 19 000 páxinas con algo referido á illa en internet (incluído por exemplo, o maratón) cando se procura por 'isla Pancha challenge', saerían a cousa de 10000 clics por páxina de media para chegar a esa cifra, incluídas as de medios de gran difusión con notas que pouco teñen que ver coa competición.
Coido que un modesto repaso como este debe ir rematando. Mais antes, unha pequena nota: se ben houbo anuncios de boa vontade en canto ó medio ambiente antes do evento, sexa como bon rollo sexa para calmar posibles oposicións, o mesmo feito do evento contribúe a botar terra por riba doutro asunto. Por ningures sae que se está a usar unha illa de todos para algúns, entendemos que con privilexios, incumprindo permisos, normas, contratos... e resultando outras actividades como propaganda implicita para reforzar eses feitos. A non ser que se considere que as normas non son as mesmas para todos.
O próximo ano voltará haber espectáculo?

Ningún comentario: