20190209

Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)

   Onte recibín unha ligazón que apreciei:
   Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)
   Doado de procurar en Google, aconsello o artigo, en espera da segunda parte. Nel, Isidro, vai debullando algún feito, como que ata o 23 os grupos armados golpistas non entraron en Ribadeo, e que a primeira 'cousa institucional' que fixeron foi o nomeamento de alcalde. Sobra dicir que a dedo, e pola legalidade da imposición. O 'afortunado' foi Antonio Moreda Rodríguez, avogado, que recibiu o encargo do representante da guardia civil en Ribadeo, F. álvarez Holguín.
Faise eco o artigo de diversas doacións do concello para peticións tamén diversas, de axuda para unha prótese artificial para un ferido no ataque a Ribadeo ó sufraxio de gastos para un avión, logo trocados para un navío. Tamén toca varios casos de 'abandono do servicio' e polo tanto, suspensión, expulsión, etc, de obreiros do concello, ou a detención dun deputado.
    Como di antes do título, nada que non saíra en prensa ou non fora recollido en actas do concello. Pero algo moi ben traído.
   E unha guinda, entre outras que se poden citar, na acta do concello do 20 de marzo de 1937: "Decídese restablecer o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa." Coido que está claro que a costume fora interrompida, e tamén de onde sae que aínda a Semana Santa pasada houbera representación do concello na procesión. Algo contra o que José Mª Rodríguez ten falado máis dunha vez, e aparecido neste blog asemade máis dunha vez.

--

 Obras de José Mª Rodríguez

 --

   O artigo de Cidre en Terra e Tempo

Novas do concello de Ribadeo : anos do 1936-1940 (1)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA



O día 23 de xullo ante o licenciado don Eugenio López Yáñez, secretario do concello; o avogado, Antonio Moreda Rodríguez, previamente designado polo señor comandante militar desta praza e comandante da garda civil don F. Álvarez Holguín, é nomeado para o cargo de alcalde-presidente da Comisión xestora deste Concello.

No Progreso do día 24 de xullo hai unha nota que di: “También hace constar que en Ribadeo en donde la tradición había imperado momentanemante entró una columna engrosada por vecinos de Mondoñedo y Villanueva de Lorenzana pertenecistas, restableciendo inmediatamente la tranquilidad en la población y aprisionándose a los cabecillas que recibiran ejemplar castigo. En la población reina gran jubilo”.

E continúa con copia dun telegrama do comandante Fernando Álvarez Holguín que dirixe a columna que caeu sobre Ribadeo: “ A las 16:30 de hoy la columna a mis ordenes combinada en forma acordada, después de sostener una lucha enconada desde 10 kilómetros antes de la llegada a esta conseguimos apoderarnos de la población habiendo hecho al enemigo varios muertos y heridos no pudiendo precisar el número de unos y otros, incautándonos de infinidad de armas, explivos, municiones y un automóvil que dejé inutilizado en el camino. El número de carabineros hechos prisioneros asciende a cuarenta y tantos, incluso el capitán y un teniente: Las fuerzas del puesto han permanecido leales como buenos guardias civiles, a la causa justa de la razón y de la justicia.

Mañana procurare continuar las operaciones hasta pacificar completamente esta zona. Procuro efectuar la detención del exdiputado Villamil que supongo jefe de la rebelión, lo tengo localizado en la iglesia parroquial, que personalmente he tomado…”

A nova xestora municipal toma posesión o 25 de agosto ás doce da mañá no salón de sesións ante a presenza do señor comandante militar desta praza, tenente da Garda Civil Juan Aranguren Ponte, co señor alcalde Antonio Moreda Rodríguez e o secretario don Eugenio López Yáñez. Estaba formada polos señores Robustiano López Sarmiento, Herminio Díaz Núñez, José Cancio González, Justo Iribanen Vega, Fernando Parga Rapa e Carlos Fernández e Gómez de Mercado.

O Cargo de Tenente Alcalde primeiro foi para Robustiano López Sarmiento, o segundo Tenente para José Cancio González e o terceiro Tenente, Fernando Parga Rapa. O cargo de Procurador-Síndico para Justo de Iribarren Vega e xestores, Herminio Díaz Núñez e Carlos Fernández y Gómez de Mercado.

Na sesión do 27 de agosto, o concello acorda contribuír á “Suscripción Patriótica de la provincia” coa cantidade de 5000 pesetas que “le había facilitado la sucursal del Banco Herrero en préstamo sin interés”.

Tamén se acorda contribuír con 250 pesetas á subscrición aberta en Lugo con obxecto de adquirir un pé artificial para o “Heroíco soldado José María San Martín Sueiro” ferido na toma desta vila o 23 de xullo e actualmente inválido.

Repóñense as cruces dos camposantos de Ribadeo e Obe nas súas portas principais.

O tres de setembro na sesión a comisión xestora quedou decatada dos decretados ditados pola alcaldía como consecuencia do ordenado polo señor comandante militar da provincia no bando do 29 de xullo xardineiro deste concello, José Antonio Lombardero Mon, e do peón-sepultureiro, Salvador González Álvarez por abandono do servizo e a destitución deste último foi confirmada polo Sr. comandante militar o día 13. Dispuxo tamén a suspensión de emprego e soldo por tempo indefinido do vixiante de arbitrios, José Rey Vijandio.

A proposta do alcalde acórdase publicar un bando para que os propietarios das casas onde se atopan colocados “rótulos de propaganda política” procedan a retiralos.

Por outra banda, acórdase celebrar, a petición de Falanxe Española e requirimentos do pobo, unha misa de campaña no Campo de San Francisco o día 8 de setembro, día da festa da patroa de Ribadeo.

Na sesión ordinaria do 10 de Setembro o alcalde propón darlle o nome a unha rúa de Ribadeo do comandante José Ceano Vivas “por su valor y arrojo de militar merece el bien de la patria que particularmente por ese valor y pericia al frente de su columna batio a las hordas rojas en Vegadeo, Castropol, Tapia, Navia, etc librando con ella a esta villa del azote comunista que amenazaba invadirla y teniendo además en cuenta que dicho señor con su personal simpatía y con sus bondades ha ganado el corazón a todos los ribadeneses… se le haga el modesto homenaje de dar su nombre a una calle, a la que hoy se denomina de Galán y García-Hernández”.


Na acta do 17 deste mesmo mes a comisión dá a nova de que o soldado do Rexemento de Infantería de Burgos n.º 31, Emilio García Rodríguez, natural e veciño desta, morrera o día 27 de agosto no posto máis avanzado da vangarda da columna que operaba no porto de Somiedo. Acordan por tal motivo poñer na acta a carta que o capitán da súa compañía lle remite ó pai e que unha comisión integrada polo señor alcalde e xestores, Cancio González e Díaz Núñez, visiten os pais para darlles o “pésame en nombre del ayuntamiento y pueblo y notificar estos acuerdos”. Esta comisión irá con carácter oficial á función pola súa alma. Acordouse tamén contribuír á construción dun aeroplano que leve o nome da provincia con 250 pesetas.

A proposta do Sr. Díaz Núñez, a comisión por unanimidade acordou a fin de perpetuar os nomes dos xefes das columnas do Exército Nacional que liberaron a Ribadeo “de las garras de la invasión roja que hubieran hecho de este pueblo un montón de ruinas …” se dea o nome de Álvarez Holguín e López Revuelta á rúa de recente construción que desde a estrada que vai á Veiga empalma coa Avenida de Bos Aires. E por indicación da presidencia acórdase mudar os nomes ás prazas República e de Pablo Iglesias desta vila polo de “Plaza de España” e “Plaza de José Calvo Sotelo”.

Na sesión do 24, acórdase facer unha homenaxe a Salvador García de González, veciño desta vila, sarxento da lexión morto na fronte de Huesca. Ofrendándolle unha coroa de flores naturais, ceder gratuitamente un nicho no cemiterio municipal desta vila.

O 17 de outubro o Sr. Alcalde deu conta de que o catorce do actual morrera no hospital municipal desta vila o brigada da lexión, Ignacio Ferrero Madín a consecuencia das feridas que recibira defendendo a causa de España na fronte de Asturias e que lle permitira enterrarse nun nicho deste cemiterio.

En sesión do 12 de novembro tense coñecemento dun oficio da comisaría carlista de guerra da provincia da Coruña suplicando deste concello un donativo para sufragar os gastos que ocasione a construción dun altar do apóstolo Santiago, para instalalo en Madrid tan pronto como o exército entre na capital. Concédese un donativo de 50 pesetas.

Sesión ordinaria do 10 de Nadal. Tendo coñecemento a xestora dunha carta do alcalde de Olmedo propoñendo unha homenaxe ó pobo portugués que podía consistir en que cada municipio dos actualmente sometidos ó movemento “salvador de España” contribuíse cunha cota única de 5 pesetas, con cuxos donativos se podía reunir unha cantidade necesaria para poder ofrecer ó pobo portugués unha “placa de bronce” na que figuraran o nome de cada un destes concellos.

Acórdase mercar un retrato do “generalísimo Francisco Franco Baamonde” xefe do estado español, para colocalo nun sitio privilexiado do salón de sesións.

Na sesión do 26 de Nadal apóiase a iniciativa do concello de Vitoria para solicitar do Xefe do Goberno do Estado a declaración oficial de Himno Nacional da Nova España a chamada Marcha Real. Tamén se fai a remisión á superioridade dos antecedentes relativos ás destitucións dos empregados municipais, ó sepultureiro, Salvador González Álvarez, do varredor, José Antonio Lombardero Mon e sereno, Jenaro Martínez Pulpeiro e os vixiantes de arbitrios, José Rey Vijandoi, Francisco Álvarez Díaz, Antonio Seijas Rodríguez, José Gómez Villarino e José Sanjurjo Vázquez.

O 29 de Nadal constituíuse no salón de plenos, coa presenza do delegado do Excmo. Sr. Gobernador Militar da provincia, o señor Miguel García Cortés a nova comisión xestora. Presidente alcalde, Antonio Moreda Rodríguez; tenente alcalde primeiro, Manuel da Barrera Rodríguez; segundo tenente, Fernando de Lazurtegui e Jordan de Urries; terceiro, Fernando de Parga y Rapa; síndico, Dario Ferro e Pulpeiro. Concelleiros: José Fernández Yañez, Francisco Maseda Villamil, Manuel Omjoy Reinante, Nicasio Franco Torres, Dario Ferro Pulpeiro, Wenceslao Alonso Casariego e Veremundo Rolle e Rolle.

Na sesión do 7 de xaneiro do ano 1937 dáse conta dun escrito do presidente do concello de Oviedo, felicitando e mostrando a súa gratitude ao concello de Ribadeo pola axuda moral e material que remitiu a esa cidade.

Na acta de sesión ordinaria do 18 de febreiro o sindicato agrícola da Devesa “Prosperidad Cantábrica” propón a creación dunha feira. O concello accede e cre que sería mellor o segundo xoves de cada mes. A proposta do alcalde, e co fin de facilitar aos agricultores destas comarcas as transaccións de gandos acordouse por unanimidade restablecer as feiras que se viñan celebrando no lugar de “Puente” o segundo domingo de cada mes e no Campo de Cantarralana desta vila o derradeiro domingo do mes.

Acórdase cambiar o nome da rúa “Pablo Iglesias” polo de “Rúa do 23 de xullo” e mercar un cadro do Sr. Don José Calvo Sotelo para colocalo no salón de sesións e designar como vertedoiro de lixo o foso do Castelo de San Damián a onde se deberá levar todo o lixo que se produza na vila.

Acta do 20 de marzo, o señor alcalde puxo en coñecemento da corporación que carecendo de básculas para pasaxe do gando nas feiras que se acordou restablecer na vila e non habendo medio de adquirilas neste momento, obtivo autorización do sr. Gobernador civil da provincia para proceder á incautación das que posúe a “Fundación Pedro Murias” e dispoñer das que pertencen á Sociedade Agraria de Obe “La Victoria”. Decídese restablecer o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa.

Na sesión ordinaria do 1 de abril, a petición do xefe provincial de Falanxe Española e das J.O.N.S de Lugo acordan poñer o nome de “José Antonio Primo de Rivera” a unha rúa.

O 20 de maio, tense coñecemento dun oficio do director do instituto de 2.ª ensino, participando que con data de onte e como consecuencia dunha denuncia formulada por varios alumnos de dito centro acordaron a suspensión de emprego e soldo ó bedel Faustino Penedo García e instrución de oportuno expediente. O alcalde acordou que se remita testemuño de tales antecedentes ó xulgado militar desta praza por estimar que estes feitos denunciados poden revestir un grave delito contra a patria e dende logo contra o movemento nacional.

Na sesión do 17 de xuño tense coñecemento dunha solicitude de Fernando e Carlos Fernández Piñeiroa, Manuel Peña Gil e Manuel Fernández Rodríguez, donos dos automóbiles de aluguer deste concello acordouse solicitar como parada para ditos coches a Praza de España desta vila, no espazo comprendido entre o cantón de Pedro e Juan Moreno e as estradas á Veiga e punta Moreira. Que o aportado para o avión “Lugo” se destine á subscrición do acoirazado “España”. A petición do Excmo. Sr. Gobernador civil e do delegado provincial da F.E.T e das J.O.N.S acordouse contribuír con 10 pesetas mensuais para Radio Lugo.

Na acta do 15 de xullo acórdase que para o conveniente aloxamento das forzas do exército concentrado nesta vila, dispuxérase que, por conta dos fondos municipais se efectúen algunhas reparacións no edificio que pertenceu á sociedade obreira “La Prosperidad”.

O 22 de xullo, en sesión extraordinaria ponse en coñecemento da xunta xestora dun oficio do Sr. Enxeñeiro Director de Forzas de Lugo co gallo de poder formar un plan de traballo dos prisioneiros de guerra e presos políticos, para que este presidente-alcalde se sirva mandar unha relación de obras que se poidan executar nese concello. A dita corporación tendo en conta que o faro da Illa Pancha situado no Oeste da entrada deste porto está comunicado actualmente coa rede de estradas da provincia por medio de camiños rurais de condicións pésimas sobre todo no inverno, durante a época das choivas estes fanse intransitables polo que os transportes de efectos a dito faro resultan complicados e por tanto caros e as visitas do persoal encargado son nalgunhas ocasións molestas. Para evitar estes inconvenientes sería bo a construción dunha rampla que poña en comunicación o mencionado faro da illa Pancha coa rede de vías do Estado e principalmente os peiraos de Grimarán e Porcillán para facilitar o acceso e aprovisionamento daquel; esta vía podía prestar outros servizos xa que cerca do faro está encravado un dos principais postos de vixilancia de carabineiros que gozaría dunha boa comunicación co centro de Ribadeo, onde radica a cabeceira da compañía e o mesmo lle ocorre á estación de salvamento de náufragos que podía quedar á marxe de dita rampla. Ademais, a rampla que se proxecta por ir bordeando a ría co obxecto de aproveitar para explanación do camiño rural existente constituiría un medio eficaz para facilitar os servizos do porto e acceso ás praias de baños, faría factible tamén a comunicación co cargadeiro de mineral e permitiría así mesmo ós agricultores daquela zona extraer do mar con moita máis facilidade e sen perigo as algas que utilizan para o abono das súas terras. Para a construción de dita rampla non se necesitarán materiais máis que por valor aproximado dun terzo do total da obra. Esta obra realizarase nun radio de tres quilómetros do penal deste partido xudicial e do campamento instalado no outro lado da ría ás inmediacións do pobo de Figueiras.

Ningún comentario: