20140603

Ribadeo, ano 0

Onte abdicou o Rei. Sobre as consecuencias, polo momento en canto a análises preventivos, o mellor que vin foi o que en facebook desgranou Ángel Alda nunha serie de puntos. Análises xerais comezarán a saír hoxe, os que vin non chegaban a tal nome. O que si vin, igual que todos, foi alegría -á que me sumei con certa prevención- exteriorizada por parte de grupos determinados e interior por unha grande cantidade de xente. No medio, a petición de referéndum, que entendo que máis que contra a coroa en si, illada, (que tamén) é contra a coroa como núcleo dun sistema visiblemente corrupto que se pasea como tal.
En Ribadeo, cousas laborais, non puiden asistir á concentración que se organizou. Roubo unha foto subida polo alcalde para facer un pequeno comentario:
Na concentración vénse dous tipos de bandeiras. Para boa parte de cousas, representan a aliados naturais, pero coma sempre que hai diferentes bandeirías, hai como mínimo matices que esperan o seu momento para manifestarse en contra do outro. Polas redes xa vin falar da sucesión real en catro repúblicas, e paréceme evidente que despois de observar en Galicia a deriva partidista dentro de AGE, entre a xente que puidera aparecer na foto habería diferenzas a estas alturas insalvables respecto do tema.
De calquera xeito, se na antigüidade os anos referíanse ó reinado correspondente, comenzando un novo período ou era co cambio de rei, nós agora estamos no ano 0 dunha nova era. Se será republicana, como se está a pedir, ou non, iso aínda verémolo e farémolo (a orde debera ser a inversa, pero coido que para a maioría da xente esa é a orde verdadeira). E, se é republicana, tamén veremos de que tipo de república estaremos a falar.

Ningún comentario: