Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta irmandades da fala. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta irmandades da fala. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230120

Ribadenses destacados: FRANCISCO LANZA ALVAREZ. Eduardo Gutiérrez

      Unha nova biografía de Ribadenses Destacados: Francisco Lanza Álvarez, por Eduardo Gutiérrez

FRANCISCO LANZA ALVAREZ

(Ribadeo, 1892 - Buenos Aires, 1951)

Eduardo Gutiérrez Fernández

    Nota biográfica

    Francisco Nemesio Lanza Álvarez naceu na parroquia de Obe, nun lugar que, desde hai xa un tempo, foi incorporado á de Ribadeo, o 26 de marzo de 1892. Era fillo de Bernardo Lanza e de Manuela Alvarez. En 1921, casou en Ribadeo con Rosa Pérez Fernandez, que era filla de Celestino Pérez Andrade, e irmá de Lino Pérez Fernández. Tiveron dous fillos: Ramona Manuela Rosa, que naceu en 1922 e Francisco Celestino Emilio, nado en 1924, ambos e dous en Ribadeo. Lanza morreu en Buenos Aires o 14 de febreiro de 1951. 

A casa da Comarca, hoxe.

    Non temos excesiva información sobre a vida na Arxentina de Francisco Lanza. Cando emigrou, en 1931, xa vivía aló o seu cuñado Lino Pérez, con quen mantiña unha estreita relación como proba o feito de que na etapa de Pérez en A Fouce, a revista informara da iminente publicación dunha “historia galega de Ribadeo, ilustrada por Suárez Couto”, en decembro de 1926 e inxerindo unha caricatura de Lanza obra do pintor ribadense (no número 4). Engadamos que tamén Lanza publicou en La Comarca algún artículo do seu cuñado. O libro non se imprentaria até 1933 mercé ao pulo dos irmáns Suárez Couto. Como noutros moitos casos Lanza tomou a decisión de emigrar na procura de mellores oportunidades de traballo e de vida, despois de varias iniciativas emprendidas na sua vila natal con pouco éxito. A diferenza de outros ribadenses, como Eliseo Pulpeiro, Clemente Lopez Pasaron e Lino Pérez que o fixeron novos, Lanza cumprira xa trinta e oito anos. Boa parte da súa produción histórica xa estaba feita e publicada, na revista Nós e no Boletin da Real Academia Galega, e o Ribadeo antiguo xa vira a luz parcialmente no seu periódico La Comarca

Portada do Ribadeo Antiguo

    En Buenos Aires traballou para a Editorial Sopena, realizando traduccións ao español de Eça de Queiroz, segundo informa Alberto Vilanova, que as califica de “discretas”. Téñase en conta que tal labor tamén a desenvolveron escritores como Rafael Dieste ou ilustradores como Castelao. Lanza tamén realizou outras traducións como Nobleza americana (Noblesse americaine) de Pierre de Coulevan, seudónimo de Jeanne Philomènne Lapeche (1946), escolmas como Leyendas de Oriente, ou versións resumidas e adaptadas de clasicos como Quo vadis de Sienkievicz, Los tres mosqueteros e El vizconde de Bargelone de Dumas, en Cuentos Miniatura da Editorial Sopena, etc. Na procura de sustento, o seu labor periodístico non se limitou a publicacións do eido cultural, e propias da colectividade galega e colaborou, particularmente como corrector, na revista “Damas y damitas”, que nunha nota necrolóxica dedícalle eloxiosas palabras. Mesmo publicou algúns relatos de ficción na revista Leoplan. Concretamente no número de xuño de 1938 o pequeno relato “Cuento de invierno” moi no estilo realista, sitúa a acción nos anos finais do século XIX e fala dunha viaxe en dilixencia cara Puertodeo e con parada en Albavilla en claras alusións a Ribadeo e Vilalba. Non foi a única narración da súa autoría na revista.

    Participou na vida societaria da emigración galega particularmente en labores culturais. No Catálogo da magna Exposición de libros e autores Galegos organizada en 1948 polo Centro Galego, Francisco Lanza aparece na relación de agradecimentos.

    Segundo indican diversas fontes non tivo alén-mar unha vida farturenta xa que unha semana despois de morrer o Centro Galego acordou perdoar á súa familia os gastos de hospitalización no Sanatorio, segundo indica Xosé Ignacio Feijóo. Por outra banda, Luis Seoane, nunha carta enviada a Francisco Fernánez del Riego, en xullo de 1951 afirma que morreu pobremente. E mesmo La Comarca no seu obituario publicado en marzo de 1951, asegura que viveu e morreu pobre. Antes, no mes de febreiro xa dera conta do seu falecimento, ainda que informa de que o óbito se producira o 15 de xaneiro. Tiveron mellor fortuna aló os ribadenses antes citados: Pulpeiro, Clemente Lopez Pasarón e o seu cuñado Lino Pérez

    Fortuna editorial do Ribadeo Antiguo

    As fontes documentais máis importantes do Ribadeo antiguo son o Arquivo Municipal de Ribadeo, así como o notarial. As bibliográficas son sobre todo as españolas de carácter xeral: Henrique Flórez, Martínez Marina, Modesto Lafuente, Rafael Altamira e un longo etc.; algunhas son galegas: Murguía, Vicetto, Garcia de la Riega, Villamil e Castro, López Cuevillas, etc. E moi poucas de carácter local ou comarcal, como Méndez San Julián e García Teijeiro. A eclosión bibliográfica galega é posterior ao tempo de Lanza e, case todos, consultaron o libro do ribadense e fan mención do mesmo, agás un par de desleixados de ámbito mais ben pedáneo.

Interior do Ribadeo Antiguo

    
Segundo me confesou en 1970 Amando Suárez Couto, o libro estivo a piques de malograrse. Nunha conversa que tivera co autor, osmou que o desánimo perante as xestións realizadas para a edición implicaban o risco de desesperación, de tal xeito que coa excusa das ilustracións que preparaba, fíxose co manuscrito, Non me indicou o ano, mais tendo en conta que a conversa se producira na propia imprenta –instalada daquela no número 10 da rúa Rodríguez Murias-, tivo que ser cara mediados do ano 1929. O manuscrito ainda rexistaria algúns engadidos e modificacións, até a sua impresión en Madrid, na imprenta Minerva da que era propieaterio o irmán de Amando, Carlos Suárez Couto. A ambos se debe a súa edición e, ao cabo, resultaron adxudicatarios da dedicatoria. Como dixemos, parte do material, xa fora publicado como colaboración para o Boletin da Real Academia Galega e, mesmo, para o seu periódico “La Comarca”, ás veces baixo o pándego titulo de Antiguallas ribadenses e asinando “E.Feele”, ou sexa F.L.

    A edición orixinal do Ribadeo Antiguo é de 1933 e até 1973 non se reeditou, por parte de Edicións do Castro, á que seguiron novas versións da mesma editorial, mesmo unha impulsada polo Concello de Ribadeo en 1999, ainda que en materia municipal hai un rechamante precedente de 1953: o Consello Local do Movimento solicitalle ao Concello a reedición do libro “Ribadeo antiguo” e a Corporación acorda en abril dese ano facultar ao alcalde para que faga as xestións oportunas, que quedaron en nada.

    Outras publicacións

    O libro Dos mil nombres gallegos é unha edición do Centro Gallego de 1953, de carácter postumo que deixou preparado en marzo de 1950, e cuxa edición foi promovida, e estivo ao cuidado, de Luis Seoane, que lle dedica garimosas frases non só na lapela do volume, senón xa antes na citada carta a Fernández del Riego. Trátase de dúas mil papeletas “sobre historia, biografia, arqueoloxia, literatura, arte, industria, indumentaria e folclore galegos”, segundo el mesmo explica nunha nota preliminar. Realmente é un xeito de precedente da Enciclopedia Galega. Ao contraio que Luis Seoane, Alberto Vilanova fala de “contido deficiente”ainda que louva a súa intención; quizais son os mesmos xuizos que alguén lle apón á sua obra sobre os galegos na Arxentina.

Interior de Falan os de Ribadeo

    
En 1974, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, como homenaxe ao seu epónimo, e edición de quen isto asina, promoveu un volume que baixo o título Falan os de Ribadeo reuniu tres traballos de Lanza: o que dá nome ao libro, seguido de “O ensino en Ribadeo desde o século XVI ao XIX”, ambos publicados pola revista Nós en 1932, e “Ribadeo baixo o señorio dos sus condes” que viu a luz no tomo II dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929 e que foi o traballo preceptivo para o seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos, entidade na que ingresou proposto por Luis Tobío. Nun libro da nosa autoría, publicado en 2005, documéntase a relación de Francisco Lanza co Seminario e mais coa revista “Nós”

    Ideas e estilo

    Lanza era un home de fortes conviccións republicanas e de raigaña popular e, xa que logo, galeguista. Riscos que quedan patentes na súa produción tanto xornalística como ensaistica. Convén reparar na relación co seu sogro, Celestino Perez Andrade, fundador e director do periódico La Voz del Pueblo, un quincenario que se publicou entre 1910 e 1913 e que se subtitulou “Órgano independiente de defensa social y local”. O carácter liberal e progresista que caracterizou ao semanario por el fundado, La Comarca, tamén o tiña o do seu sogro. Cómpre tamén valorar a súa amizade cos irmáns Suárez Couto e con Anton Villar Ponte, fundador das Irmandades da Fala e activo republicano e galeguista, a quen Lanza lle encargou o prólogo do libro.

    En A Nosa Terra, na súa etapa como Idearium das Irmandades da Fala, aparece en 1928 un artículo seu, titulado “Barcas piadosas”. Xa na sua etapa no exilio dedícalle unha garimosa nota necrolóxica no número 475 de febreiro de 1951. Por ela sabemos que foi soterrado no Cemiterio de La Chacarita e que no acto da inhumación falou Xosé Blanco Amor en nome dos amigos e como voceiro da Irmandade Galega, Avelino Díaz, daquela directivo da mesma. Segundo Benigno Fernández Salgado, experto na traxectoria de Avelino Díaz, era frecuente que este intervira neste tipo de actos e mesmo fíxoo en varias ocasións nos aniversarios do falecimento de Castelao.

    Tanto nos artículos como nos escritos históricos asoma un estilo, por veces retranqueiro e solermiño, pero rara vez renarte.

EDUARDO GUTIERREZ

20241123

Tres actos

Tres actos

    Hoxe houbo perto a Ribadeo tres actos ós que quixera ter asistido por diferentes motivos. Non fun a ningún deles. Hai días así, nos que parece que a vida non chega nin de lonxe. Ó fin, coido que non é que o pareza, senón sinxelamente que a vida quédase curta, moi curta, por moito que nalgún momento poidamos querer dimitir dela e máis de un ou unha a curte de propio intento.

    Precisamente de vida trataba un dos actos. Da perda dunha vida, Do acompañamento dun cadáver nos seus últimos movementos sobre terra. Sei que estivo ben acompañado; eu só sería unha figura á beira no enterro.

    O segundo tamén trataba de vida, pero doutro xeito totalmente diferente: a concentración polo futuro de Alcoa (convocante: o comité de Alcoa. En baixo deixo algunha das fotos que me proporcionou Mati). Neste caso non era a miña intención tanto integrarme, como máis ben facerme partícipe do sentimento dun problema próximo socioeconómico. Non vou insistir máis no tema: quen vaia seguindo o blog sabe o que penso de Alcoa e o seu desenvlvemento, aínda coas dúbidas que poda ter e pese a que a estas alturas, unha falta de solucións non sexa solución.

    O terceiro tamén trataba de vida, pero doutro tipo: da vida das ideas e da compartición delas con outra xente. Cadaquén coa súa visión, si, que estou seguro que dentro desa 'outra xente' (polo que parece, unhas 150 persoas) habíaa con pensamentos ben diversos ós meus en relación ó acto. Refírome ó izado da bandeira galega (aquí, a convocatoria deste ano e en baixo, a nota de prensa posterior e unha foto que me chegou por outra vía), desta volta na praza de San Miguel de Reinante. Eu, que fuxo de simbolismos... 

    En fin, repito, a vida non chega. Comprobámolo a cada paso. Pero non estou fixo de que se tivésemos varias soubésemos xestionalas moito mellor.




Nota de prensa de Via Galega sobre o izado de bandeira:

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolosnacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20241116

Izando a bandeira tras o proeiro das irmandades da fala

    Esta semana recibín a nota que adxunto, cos dous carteis, un para o acto local e outro para unirse nas casas: 

Con motivo da celebración do 106 aniversario da I Asemblea Nacionalista, promovida polas Irmandades da Fala en Lugo, Vía Galega vai desenvolver por todo o País a exhibición da bandeira galega, do 17 ao 23 de novembro, así como actos de Izamento da bandeira en lugares públicos. 

Invítase, polo tanto, a todas/todos á colocación da bandeira na súa xanela ou baranda, así como a acudir ao acto de Izamento na Praza do Souto en San Miguel de Reinante, o próximo sábado 23 ás 12 h.


20241125

Un izado de bandeira

    Hai uns días difundín a convocatoria do izado de bandeira na praza de San Miguel de Reinante, correspondente co que o ano anterior se fixera na Frouxeira e cos que se fixeron tano o pasado ano como este ou no anterior máis en diversos puntos de Galicia. Deixo agora aquí algunha cousa sobre o tema, enviadas por Pancho Campos e Enrique Fernández Rivas, a máis do comunicado de Via Galega despois do acto.





    Comunicado:

Máis de 170 localidades izaron hoxe a bandeira e 56 Concellos realizaron distintos actos, na acción promovida por Vía Galega, nos que a bandeira galega foi protagonista

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20210511

Letras no campo: programa, cartel, ...

   Ben, xa está dispoñible o programa da feira do libro de Ribadeo 2021, Letras no campo. Arriba queda.

  A pregoeira deste ano: Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). Compositora e con percorrido tamén na creación literaria. Foi gañadora en dúas ocasións do Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo.

   A lectura do pregón terá lugar o venres 14 de maio ás 20.00 horas no parque San Francisco.

    E, abaixo, a nota de prensa da concellería de cultura, organizadora do envento, e ligazóns á última 'Letras no campo', a de 2019.
 

Foto Letras no Campo

AS LIBRARÍAS FARÁN DESCONTOS DO 10% NAS COMPRAS

Letras no Campo 2021

10/05/2021

Do 14 ao 17 de maio terá lugar Letras no Campo, a sétima edición da feira do libro de Ribadeo, que organiza a Concellaría de Cultura. Ao longo desas xornadas haberá presentacións, música e divertimento. O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello.

A edil Pilar Otero dixo que "despois do parón do ano pasado imposto pola covid e baixo o lema a cultura é segura, o Concello de Ribadeo organiza para esta fin de semana a sétima edición de Letras no Campo, feira ribadense do libro. Das outras veces este evento que implica librarías, editoriais, autores e autoras e lectores e lectoras facíase xa entrado o verán. Preténdese, ao programalo para mediados de maio, contribuír á desestacionalización das ofertas que axuden a dinamizar o concello".

A concelleira de Cultura explicou que "Letras no Campo comezará na tarde do venres, 14 de maio, e desenvolverase ao longo dos días 15, 16 e 17. Un total de 6 casetas abrirán as súas portas o venres ás 17.30 horas, unha xornada marcada pola lectura do pregón. Neste caso é unha pregoeira, moza, compositora premiada, mais tamén con incursións na literatura, a ribadense Carme Rodríguez Rodríguez. Antes e despois da súa intervención acompañará o acto a sección de música tradicional da Escola Municipal de Música e Danza do Concello de Ribadeo".

Otero Cabarcos indicou que “o horario para o resto das xornadas é de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. O lugar elixido é o parque San Francisco e as presentacións dos libros faranse na sala de exposicións. Cada xornada rematará cunha actividade de lecer chamada Divertimento. A idea da feira é darlle visibilidade a autores/as locais, da comarca, e foráneos/as, e tamén que haxa diversidade de xéneros".

A concelleira de Cultura relatou que "a mañá do sábado contará coa presentación da última obra do ribadense Chemi Lombardero, no ámbito do relato curto, A morte de Colasón e outros relatos, seguido do poeta Baldo Ramos con Porque te quero. Pola tarde, volvemos co xénero poético, neste caso da man de Paco Rivas e as súas Rosas envaiñadas e tocamos a narración e a ilustración con Neira Brochs e Antonio Reigosa con Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Coma no resto das edicións Letras no Campo remata cada día coa sección chamada Divertimento. O sábado  a protagonista será a Banda Municipal de Música de Ribadeo, que interpretará o Concerto das Letras Galegas no campo de fútbol de herba artificial do CEIP Gregorio Sanz".

Pilar Otero contou que “o domingo presentamos a novela gráfica de Ana Moreiras Madia leva e recibimos a visita de Rosalía de Castro e Manuel Soto e Freire. Á tarde Aurora Marco presenta o ensaio centrado nas mulleres do Seminario de Estudos Galegos e de Irmandades da Fala, Irmandiñas, e rematamos cunha presentación diferente, a que da biografía de Xela Arias  fai  Yolanda Castaño, Xela quixo ser ela. Acabamos a xornada con outro divertimento, neste caso a compañía de teatro Os Quinquilláns representan no auditorio municipal A pluma viva de Rosalía. No propio Día das Letras Galegas a profesora da USC Beatriz Busto Miramontes presentará o ensaio Un pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista. No resto da xornada Xoán Hermida falará do seu ensaio A saída da encrucillada, e, editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo presentarase o libro de banda deseñada de Primitivo Marcos Viveiro 1810. Augasmortais e o que ten como centro os anos no colexio Fingoi de Carvalho Calero, obra de  Ramón Reimunde. A xornada remata coa lectura do ditame do xurado para a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galega 2021 e o divertimento a cargo do dúo Corredores de Sombra, que ofrecerán un concerto recital".

A edil ribadense tivo palabras de agradecemento para as asociacións e entidades colaboradoras: "como se ve á hora de deseñar o programa gústanos sempre facer partícipes a entidades ribadenses e persoas particulares. Agradecemos a colaboración da Banda Municipal de Música, da EMMeDR, do colexio Gregorio Sanz e tamén do obradoiro de nenas e nenos do Bosque Animado, que decoran con debuxos de mulleres escritoras a sala do parque San Francisco. E tamén á Agrupación Cultural Francisco Lanza, que este ano adianta Palabras no Balcón e leva as lonas con poemas de Xela Arias a 15 varandas da vila. Por último como non pode ser doutro xeito tamén agradecemos a Librería Galgo, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi, Lar Libros e Bahía a súa participación nesta edición de Letras no Campo. E lembramos que farán un 10% de desconto a aquelas persoas que fagan compras eses días nas casetas do parque de San Francisco".


 

Letras no campo 2019: programa

Letras no campo 2019

O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura (Letras no campo 2019)

Máis de O libro como ferramenta 

 

20231116

Izado da bandeira galega 20231118

    Fágome eco da seguinte nota de prensa:

IZADO DA BANDEIRA GALEGA O SÁBADO 18 NA FROUXEIRA

    O vindeiro sábado, 18 de novembro Vía Galega ten convocado un acto expansivo por toda Galiza de popularización da bandeira galega, coincidindo co 105 aniversario da I Asemblea Nacionalista celebrada polas Irmandades da Fala en Lugo.

    Na comarca da Mariña o acto terá lugar ás 12:00 h. no Castelo da Frouxeira, e consistirá na colocación dunha gran bandeira co deseño realizado por Castelao, acompañado da lectura dun manifesto e de poemas alusivos, así como do canto do noso himno galego.

    Co fin compartido de acrecentar a conciencia nacional e de fortalecer a nosa identidade e estima colectiva para construír un futuro soberano para a nosa nación, invitamos á cidadanía da Mariña a participar neste acto, así como a exhibir a nosa bandeira en lugares visíbeis (varandas, xanelas, etc) ao longo desta semana. 

VÍA GALEGA DA MARIÑA LUGUESA


 

20231118

18 de novembro, Izado na Frouxeira

    Nun sinxelo acto con vinte persoas presentes, tivo lugar hoxe ás 12 na Frouxeira o izado da bandeira galega deseñada por Castelao. Deixo fotos miñas (as primeiras) e de Dores Abel (as últimas) de varios momentos, un vídeo coa parte final, coa a bandeira ondeando e o himno tocado por Xoán Ramón Díaz e a nota de prensa de Vía Galega, organizadora do acto.

    Aínda que na nota de prensa non o dí, a bandeira quedará estable no lugar.

Anxo Martíns, dicindo unhas verbas ó comezdo do acto

A xente, agrupándose

A bandeira, ó vento





A MARIÑA IZOU HOXE NA FROUSEIRA A BANDEIRA GALEGA DENTRO DA ACCIÓN PROMOVIDA POLA 

PLATAFORMA VIA GALEGA.


Durante esta semana, a bandeira galega exhibiuse en varandas e fiestras de todo país. Está acción enmárcase na campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e propagar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira. Elixiuse esta semana, do 13 ao 18 de novembro, para conmemorar a efeméride da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, que tivo lugar en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Cúmprense, por tanto, 105 anos daquela I Asemblea Nacionalista. Está é a razón porque hoxe, día 18 de novembro, realizamos actos expansivos, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza.

A Mariña sumouse a esta conmemoración izando a bandeira galega no punto máis alto, e tamén simbólico, da nosa comarca, o monte da Frouseira, onde a história nos di que Pardo de Cela resistiu o asedio das tropas dos Reis Católicos. Ademais, recitáronse poemas alusivos á bandeira e á lingua como símbolos da nosa identidade. Tamén se leu un manifesto e se cantou o himno galego.

Este é o segundo ano que se leva a cabo este acto, coa pretensión de dar a coñecer os símbolos que nos definen como nación. Se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son a expresión da nosa existencia como pobo e do dereito a sermos libres. Os nosos símbolos nacionais únennos como galegos e galegas e fortalecen a nosa identidade colectiva en igualdade con todos os pobos do mundo.

A Frouseira, 18 de novembro de 2023.

Asdo.

Anxo Martíns Pérez.

Responsábel de Vía Galega na Mariña.

20160702

Díaz Fierros, Premio Lois Peña Novo

O pasado xoves 30 de xuño tivo lugar no castelo de Soutomaior un acto abondo numeroso, mais entrañable. Foi a entrega dos premios Lois Peña Novo deste ano. Os premios, concedidos pola fundación que leva o nome do político e escritor vilalbés impulsor das irmandades da fala, foron instituídos segundo aparece na páxina web da fundación para 'recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que fan, co seu traballo cotiá, publicacións, estudios, traballos de investigación, etc… que a lingua galega se consolide, cada vez máis, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral'
Este ano foron concedidos a Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xosé Manuel Cid Fernández e ó Concello de Brión. É dicir, había un ribadense de exercicio entre eles.
Francisco Díaz-Fierros foi louvado por Ángel Carracedo, experto científico xenetista destacado co premio na pasada edición. Na súa louva saiu, como non, o traballo de Díaz-Fierros como edafólogo, mais tamén aspectos humanos, tanto íntimos como socialmente coñecidos e recoñecidos. Así o fixo con detalles relacionados coa súa habilidade manual ou coa aceptación e difusión da ciencia como parte vital, fundamental, da nosa cultura. Algo que guía a súa labor como coordinador da sección de ciencia e tecnoloxía do Consello da Cultura Galega e vicepresidente do mesmo, así como vicepresidente do Seminario de Estudos Galegos. Rematou citando tres aspectos: terra, lingua, amizade. Velaí os tres eixes nos que Carracedo quintaesenciou a louvanza que fixo de Francisco Díaz-Fierros.
Momento do acto de entrega dos premios Lois Peña Novo 2016

Biografía de Francisco Díaz Fierros na Real Academia Galega

Discurso de entrada na RAG (Un ensaio sobre a historia ecolóxica de Galicia: o aproveitamento do solo)

Francisco Díaz-Fierros en Ribadeando


20200719

Galicia: despensa, vivenda, refuxio. Pablo Mosquera

Galicia: despensa, vivenda, refuxio
Pensar diferéncianos doutros mamíferos. Mesmo dalgúns de nosa mesma especie humanoide. Polo menos esta pandemia coas súas derivadas sociais estimulounos para usar o tempo de confinamiento ordenando o noso pensamento, en conversa con nós mesmos, cos amigos, con libros, cadernos e toda clase de "derroteiros" que nos axuden a situarnos desde o pasado no futuro inmediato.
Di o meu amigo, artista e columnista, Sito Otero Regal, que os galegos non nos queremos a nós mesmos. Ao peor é que non nos ensinaron. Ao peor é que aqueles poderes fácticos e os actuais, téñenlle medo a tal actitude galaica que se deu cando A Habana era a cidade do mundo con máis galegos, e estes, fixéronse Irmandades da Fala con programa político e económico -Lugo 1918-
Non o coñezo. Pero sorprendeume. Carlos Vales, director de Ceida afirma que Galicia dispón das condicións naturais para responder con éxito á crise. Dito en román paladino, a autoxestión da nosa despensa -mar, horta, cabana, derivados alimentarios- teñen, sumado á nosa reserva da biosfera, capacidade para unha reconstrución propia e a compartir, se nos poñemos mans a ilo, se atopamos un patrón que nos dirixa e nos ilusione. E ademais, descubrindo esa vida rural que coas súas dispersións poboacionais defendéronnos ante a primeira vaga da pandemia.
"Galicia: terra de oportunidades". ¡Gústame!. Por fin descubrimos o que somos. Ese sabio modo de vida, esa forma sensata de estar no mundo, esas virtudes que nin nós mesmos recoñecmos, salvo cando emigramos e descóbrenas fóra dos nosos fogares-aldeas-parroquias-concellos. Sen dúbida temos o que a outros lles falta. Espazos abertos no medio de verxeles ou na costa máis ao norte con máis de 1600 quilómetros cargados coa historia daqueles gremios de mareantes que nos puxeron en contacto con outros pobos nunha actividade comercial eficiente.
Atrévome a dicir que mentres o eixe Mediterráneo está esgotado polas circunstancias, o eixe Cantábrico desde Portugal ata a fronteira con Francia, pode e debe ser o futuro. Ata me estraña e comentábao cun amigo da infancia, que aos gudaris -soldados- de Alcoa, non se lles ocorreu que a forza do futuro reside nese porto de San Ciprián, por onde entra a bauxita e sae o aluminio, mentres o dique norte permanece durmido.
Adoito ler o que predice o economista yanqui Nouriel Roubini. Ademais cada día, cada semana, nos fustigan cos enfrontamentos norte-sur da UE. Non se fían de nós. Os do norte son prestamistas duros e puros. Poida que nolo gañaramos a pulso, e máis agora con determinados "personaxes ministrando". Pero salvo que a situación se complique, tal como vaticina Christine Lagarde, temos un panorama de axudas procedentes de Europa condicionado a perder a nosa soberanía e á imposición de medidas draconianas.
Ata sesudos pensadores do mundo afastado das humanidades, onde algúns estamos desde sempre, aseguran que a globalización mantivo os custos laborais e de produción moi baixos, pero tras tocar teito e converter aos traballadores occidentais en parias precarios, agora asistimos á renacionalización con desmantelamento desas cadeas instaladas na China, India, etc. Volvemos mirar cara a dentro. Volvemos recuperar o noso. O desenvolvemento sostenible non só debe coidar o medio ambiente, debe ser consciente das oportunidades que ofrece o noso propio territorio, e así fixar a poboación con dignidade, e lograr a soberanía alimentaria cambiando o modelo urbanita e facendo das nosas comarcas, cidades horizontais.