Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta daniel cortezón. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta daniel cortezón. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20230106

Ribadenses destacados: Daniel Cortezón Álvarez. Santiago Sanjurjo Díaz

    Unha nova biografía de 'Ribadenses destacados', Daniel Cortezón por Santiago Sanjurjo.

DANIEL CORTEZÓN ÁLVAREZ

(Ribadeo, 1927 – Lugo, 2009)

Ensaísta, novelista, dramaturgo e senlleiro expoñente do teatro histórico galego

Daniel Cortezón (Foto de Matilde González)

    Daniel Cortezón nace en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927, fillo de Amalia e Daniel. Por mor dos sucesivos traslados do pai, membro do Corpo de Carabineiros, pasa a súa nenez en diferentes vilas de Andalucía e Asturias. Atópanse nesta última rexión cando estoupa a Guerra Civil. O seu pai, que permanece fiel á República, combate en diversas frontes, ata que, ferido, cae prisioneiro en Castellón. Despois de ser xulgado nun Consello de Guerra e recibir unha condena a morte, posteriormente conmutada por unha pena de cadea perpetua, o pai bota cinco anos preso no cárcere de Xixón. Namentres, Cortezón e a súa nai retornan a Ribadeo, onde, a finais de 1939, o futuro escritor comeza a traballar nunha carpintaría, ata que, ao ano seguinte, entra como aprendiz na Farmacia Sarmiento, da que será empregado durante case cinco lustros.

    Cómpre sinalar que as vivencias e as lembranzas da guerra, na que faleceu en combate o seu tío Ramón Crespo Rodas (a quen inmortalizará e renderá unha emotiva homenaxe na obra Os irmandiños), sumadas ás conviccións esquerdistas do pai e á propia condición de proletario de Cortezón, contribúen sen dúbida a sentar as bases do seu futuro compromiso intelectual, artístico e político de clara filiación marxista. Esta postura consolídase sobre unha vasta e sólida formación de carácter autodidacta, cuxos comezos poden datarse nese mesmo ano de 1940, cando enceta a lectura case íntegra dos fondos da Biblioteca Municipal de Ribadeo, que el mesmo califica como a súa verdadeira universidade. Pouco despois escribe os seus primeiros textos, ensaios de carácter filosófico, político e estético, algúns dos cales publica en revistas como Rumbo, Estudios e Auxiliares de farmacia, da que co tempo chegará a ser redactor xefe. A súa traxectoria literaria iníciase en 1951 coa novela, escrita durante un periodo de enfermidade, As covas do Rei Cintolo (Galaxia, 1956) e ao pouco comeza a recibir os primeiros dos seus abondosos premios: o Manuel Cao Turnes do Centro Gallego de Bos Aires, pola aínda inédita novela Ribanzo, e o Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio Os esprito da Galiza, ambos en 1956, así como o Premio da Casa de Galicia en Nova York, por De la saudade y sus formas, en 1959, por citar só algúns.

    Xa nesta etapa inicial resulta posible definir certas características que serán constantes na traxectoria posterior de Cortezón: primeiramente, ten lugar o descubrimento do galego e o seu emprego como lingua literaria, en alternancia co castelán, o que fai del un autor bilingüe pertencente a dous sistemas literarios diferentes. En segundo lugar, a historia, a cultura e a identidade galegas pasan a ocupar un lugar preferente no seu proxecto intelectual e artístico, ben como tema literario, ben como obxecto de reflexión, tal e como testemuñan os importantes ensaios O esprito da Galiza (1955), Pantocrítica galiciana (1956), Aspeitos sociolóxicos do ser de Europa, Consideracións encol do senso e posibilidade da crítica e Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo na poesía galega actual, estes tres últimos galardoados co premio Padre Feijoo do Centro Gallego de Bos Aires en 1963. Por último, o xénero dramático, no que se inicia con títulos como Nicolás Flamel, O renarte Ciprián (ambas de 1960) e, singularmente, Prisciliano (pola que recibiu o Premio Villar Ponte de Teatro en 1962 e que sería publicada en 1970 por Galaxia) convértese no seu principal medio de expresión e na cerna da súa produción.

    En 1960 casa con Mercedes del Monte, Merchi, e dous anos máis tarde trasládase a León en calidade de apoderado de Empresas Barreiros, S.A. En 1965 instálase en Madrid, onde dirixirá Financiación y Crédito, S.A., e a partir de 1970 e ata a súa xubilación en 1987, traballará na sucursal de Refrey. Na capital madrileña entrará en contacto con importantes persoeiros das culturas española e galega (ao longo da súa vida cultivará unha fonda amizade con Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Borobó, Dionisio Gamallo, Ramón de Valenzuela, Isaac Alonso Estraviz, Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Díaz, Suso Peña, Delfín Mariño, Carlos Álvarez Lebredo, Toni Deaño, Chemi Lombardero, Manuel F. López, Manuel Valín e Roberto Rodríguez, entre moitos outros).

Daniel Cortezón e Dionisio Gamallo Fierros (Foto de Matilde González)

    As décadas dos 60 e 70 son verdadeiramente prolíficas e están cheas de éxitos: as obras en castelán El Rey de Harlem e Semáforo inauguran o III e IV Premio Sitges de Teatro en, respectivamente, 1969 e 1970. En 1972 a versión castelá de Os irmandiños queda finalista no Premio Ciudad de Alcoi (o orixinal galego obterá o premio Santiago Rusiñol no X Festival de Sigtes de 1977). Esta localidade alicantina será particularmente xenerosa co ribadense, pois tan só un ano máis tarde voltará a quedar finalista con El mástil (gañadora do Premio Aguilar de Teatro en 1977) e en 1974 resultará gañador coa obra sobre Salvador Allende e o golpe de Estado en Chile Compañero Presidente, compañero, cuxo estreo será prohibido pola censura. En 1974, Xelmírez ou a gloria de Compostela, coa que acada o Premio Ciudad de Barcelona de Teatro, estréase en castelán no Teatre Grec de Montjuic e a Editorial Nós de Bos Aires publica o orixinal galego. Ao ano seguinte Cortezón resulta finalista do prestixioso Premio Lope de Vega con Crónica del rey don Pedro, que verá a luz anos máis tarde, en 1998, nunha colección teatral da Universidade de Murcia. Nos anos seguintes saen do prelo importantes títulos dramáticos como A diáspora (1976), Crónica de Enrique IV (1977), Os irmandiños (1978), Pedro Madruga (1981) e Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos (1982), Soñando a Goethe en primavera (1986) e as sucesivas entregas da súa monumental tetraloxía Castelao ou a paixón de Galiza: O animador de ilusións (1986), As árbores e os xuncos (1988), Intermezzo bufo (1996), coa que un ano máis tarde queda finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, e O pudor e a angustia (1997). No eido da narrativa cómpre destacar a publicación de A vila sulagada (1981), gañadora do prestixioso Premio de novela Eduardo Blanco Amor na súa primeira edición.

Carlos Álvarez Lebredo, Daniel Cortezón e Suso Peña (Foto de Matilde González)

    Despois da súa xubilación, Cortezón retorna a Galicia e aséntase no seu Ribadeo natal, onde prosegue coa súa intensa labor literaria e intelectual. No prazo duns poucos anos sofre importantes perdas persoais coa falecemento da súa nai e da súa dona, Merchi, que o somen nunha depresión. Así e todo, non deixa de participar na vida cultural: escribe, pronuncia conferencias, traduce obras de autores como os seus amigos Jerónimo López Mozo e Lauro Olmo, recibe premios e homenaxes, e ve como se poñen en escea algúns dos seus textos dramáticos. Neste último eido destacan as representacións de Os irmandiños e de Pedro Madruga a cargo do colectivo «O Castelo» e baixo a dirección de Roberto Casteleiro, durante o Festival Irmandiño de Moeche (nas súas edicións, respectivamente, de 1996 e 1997), así como a estrea, en 1999, da montaxe de Xelmírez ou a gloria de Compostela que realizou o Centro Dramático Galego, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Só un ano máis tarde prodúcese o pasamento do seu íntimo amigo, o intelectual ribadense Dionisio Gamallo, cuxa monumental biografía Dionisio Gamallo Fierros. Varón de Porcillán. La sinfonía incompleta (2005) pode ser considerada a derradeira gran obra de Cortezón.

    En abril de 2002 casa con Matilde González, Mati, con quen compartirá a tutela de Beatriz Mohedano, e uns meses máis tarde recibe unha homenaxe na súa vila natal, que culmina coa dedicatoria dunha rúa ribadense. Tras uns últimos anos nos que, entre Vigo e Ribadeo, prosegue escribindo, falece en Lugo o 4 de outubro de 2009.

Fila superior: Olivia Tudela, Gonzalo Vázquez Pozo, familiar de Josefina Martínez, Verónica Lorenzo, Josefina Martínez, José Carlos Rodríguez Andina, Saulo Cuesta, Veva Sordo, Rosa Fernández, Toni Deaño, Manuel Valín, José Luis Echevarría.
Fila inferior: Tomás Sanjurjo, Matilde González, Daniel Cortezón, Marita Gamallo, José Luis Pensado, Elena Diego, Luz Pozo, Emilio Lorenzo, Rafael Alvarado, Rosa Cobo, Enriqueta Ruiz, Chus Maseda e Roberto Rodríguez.
Diante de Luz Pozo: Fidel (fillo de Olivia Tudela) e Santiago Sanjurjo.
Centenario de Dámaso Alonso. Ribadeo, xullo de 1998.

(Foto de Jaime F. Pola)

    A inxente obra de Cortezón permanece en gran medida aínda inédita e, por desgraza, a meirande parte dos seus libros están esgotados e só se poden atopar en bibliotecas ou librarías de segunda man. A súa dilatada produción abrangue practicamente tódolos xéneros literarios, entre os que destacan o ensaio, a novela e, de xeito sobranceiro, o teatro. Así, atopamos desde pezas teatrais para nenos (Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, de 1995) ata ponencias sobre temas diversos como La moral de los estoicos (1946) ou Sobor das condicións do asalto á razón (1990), pasando por guións para televisión sobre Prisciliano, como o escrito para a TVG con Mariano Tudela en 1985.

    Porén, dentro desta heteroxeneidade resulta posible identificar un fío en común que dá sentido ao proxecto literario e intelectual de Cortezón. Dous son os piares sobre os que se asenta: por unha banda, unha perspectiva política de carácter marxista (relativamente heterodoxo) e, por outra, un nacionalismo galego sui generis. É precisamente na produtiva e, en ocasións, conflitiva dialética entre ambas fasquías onde xorde a xenuína e orixinal aportación do dramaturgo ribadense. Nun primeiro momento, as obras ensaísticas —xa mencionadas— que escribe ao longo dos anos 50 e 60 sentan as bases dunha severa e argumentada crítica do que el considera as causas do fracaso do «proxecto histórico do ser de Galicia como nacionalidade» e que constitúen un demoledor cuestionamento do que, seguindo a Helena Miguélez-Carballeira, podería considerarse unha identidade sentimental de Galicia. A continuación, partindo desas premisas teóricas Cortezón decide traballar na creación dun teatro histórico (e político, sería preciso engadir) do que, segundo el, carece o sistema literario galego. A súa misión sería a de «afondar na memoria histórica do pobo galego, sobre todo na súa vertente de rebelión dos oprimidos e dominación dos opresores», para o que crea unha serie de obras protagonizadas por axentes individuais e colectivos «cruciais na eclosión e ulterior frustración da galeguidade». Así, as pezas adicadas ás loitas irmandiñas, Xelmírez, Pedro Madruga ou Castelao buscan atopar e expoñer as razóns do fracaso histórico de Galicia que, para Cortezón, en moitas ocasións levan os nomes e apelidos daqueles que, como sinala Iolanda Ogando, «tendo nas súas mans os instrumentos» para mudar a historia, «non souberon asumir as súas responsabilidades». Finalmente, a orixinalidade da proposta de Cortezón, atravesada de pola mencionada relación dialéctica entre marxismo e nacionalismo, reside en que «trascende a mitificación do pobo e a desmitificación dos estamentos poderosos» para remover conciencias e facer do teatro unha ferramenta de crítica revolucionaria e de construción nacional.

Bibliografía

Abuín, A., «A traxectoria teatral de Daniel Cortezón: cara unha poética do drama histórico galego», en: Cortezón, D., Xelmírez ou a gloria de Compostela. Santiago de Compostela (1998), pp. 77-120.

Cortezón, D., «Los años de la destrucción», en: Pörtl, K. (ed.), Reflexiones sobre el Nuevo Teatro Español. Tübingen (1986), pp. 74-82.

González Gómez, M., «Cronología», en: González Gómez M. y M. Valín Valdés (coords.), Daniel Cortezón. Viveiro (2011), pp. 19-31.

Ogando, I., Teatro histórico: construción dramática e construción teatral. A Coruña (2004).

Pascual, R., «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», en Madrygal, 11 (2008), pp. 199-205.

SANTIAGO SANJURJO DÍAZ

--

Sobre D. Cortezón no blog

20110321

Presentación do libro de homenaxe a Daniel Cortezón

O acto do sábado 20110319 para a presentación do libro homenaxe a Daniel Cortezón fixo que o salón de plenos do concello estivera cheo a rebosar: 150 persoas que mantiveron a espectativa ó longo do máis dunha hora que durou, despois dun retraso de inicio pola espera do Subdirector Xeral de Bibliotecas e director da biblioteca de Galicia, José Daniel Buján Núñez. Na mesa, a máis del, estiveron o alcalde de Ribadeo, que oficiou de mestre de cerimonia, Antón Veiga Outeiro, Delegado de Cultura da Deputación, Manuel A. Valín Valdés, que coordinou a edición, Antonio Deaño Gamallo, profesor de literatura no IES Gamallo Fierros, e Matilde González, viúva de Daniel Cortezón e co-coordinadora.
Todos eles falaron, se ben cabe facer distincións entre os primeiros, que o fixeron de xeito máis institucional, e o resto do grupo: Valín, que o fixo como coordinador e amigo (as súas verbas, en transcrición aproximada, están a continuación), Antonio Deaño, que glosou nunha longa intervención a relación e devoción mutua entre Gamallo e Cortezón, e Mati, que embargada pola emoción tivo que suspender temporalmente a súa intervención, basada na lectura dun texto do mesmo Daniel. Texto iste sobre a importancia da biblioteca ribadense para a súa formación, o que explica a súa devoción polas bibliotecas públicas e a dozaón da biblioteca particular, (na actualidade en fase de clasificación, o mesmo que a de Gamallo, no edificio da casa do Viejo Pancho, restaurada recentemente).
A intervención de Valín, despois do saúdo e agradecementos, foi de recoñecemento a Manuel López, de Gráficas Lar, pola impresión e soporte en xeral, a Beatriz Mohedano, a filla de Daniel e Mati, polo coidado esmerado da edición (que se pode comprobar no pdf, aínda que sexa de baixa definición), e á propia Matilde, que aparece no libro como coordinadora ao seu carón, pasando logo a un curto discurso que tento transcribir dun xeito aproximado e ó tempo sucinto, a continuación:
"Eu tiven a sorte de poder disfrutar da amizade, nos derradeiros anos da súa vida, de dous ilustres ribadenses: Dionisio Gamallo e Daniel Cortezón; sen dúbida que coñecer de cerca a estas dúas persoas, xunto con John Rutherford, foron das mellores cousas que me sucederon na miña etapa como concelleiro de cultura.
Ademáis do seu cariño cara a miña persoa, formaron unha especie de equipo asesor. Detrás de proxectos que foron vendo a luz na historia recente de Ribadeo, como o Centenario de Dámaso Alonso, Congreso sobre El Viejo Pancho, Premio de Investigación filolóxica, Centro de estudios Iberoamericanos, melloras na Biblioteca Pública, ... estaban sempre as figuras de Dionisio e Daniel, co que como poderedes comprender, todo esra moito máis doado.
Os ribadenses temos a boa costume, polo menos nos últimos tempos, de recoñeoer a Iaboura desenvolvida polos nosos vecinos que destacaron en diferentes eidos da vida e que foron contríbuindo a engrandecer o nome de Ribadeo.
Así, Daniel puido disfrutar en vida de varios actos que se organizaron para recoñecer a súa calidade humana e literaria, como a adicación da Rúa Daniel Cortezón, o Certame de Teatro Afeizoado que leva o seu nome, o ser Socio de Honra da Coral Pol¡fónica, ...
Este libro, como os que no seu momento se fixeron na honra de Gamallo, Suso Peña, Calvo Sotelo, ... intenta axudar a perpetuar no tempo ó amigo, ó autor literario, en definitiva, ó bo ribadense que foi Daniel Cortezón.
A traverso de máis de 70 colaboracións entre textos, poemas, debuxos, fotografías, cadros, ... o lector pode achegarse á figura de Daniel e facer un percorrido pola súa dimensión humana e intelectual ó tempo que constatar o cariño que lle teñen as xentes que estiveron ó seu carón ó longo da súa vida.
O libro inclúe tamén unha sección cronolóxica, preparada por Mati, que permite de forma esquemática facerlle un seguemento ós acontecementos máis slientables dos 82 anos que viviu Daniel.
Non quixera rematar as miñas verbase sen antes poñer en común unha idea. Sabido é que ten que pasar un tempo, creo que dez anos, para que a un autor se lle dedique o día das Letras Galegas. Non sei onde estarei naquel momento, pero non esquecerei a Daniel para propoñelo cando chegue o tempo.
Reiterando os agradecementos, moitísimas gracias a todos."

20171006

Hoxe podes relaxarte e desfrutar con cultura

Sempre chama a atención o poder relaxarse con espectativas de tranquilidade. Hoxe venres, e ata o domingo, a mostra de teatro Daniel Cortezón, xa na súa XIV edición, chama a atención. "A trastada", "Bicos de vinagre" e "Departamento de selección" serán as tres obras representadas sucesivamente.

A nota de prensa do Concello:
CON GRUPOS DE FIGUEIRAS, FOZ E A ESTRADA
Mostra de Teatro Afeccinado
04/10/2017
Mati, viúva de Daniel Cortezón, e Farruco, concelleiro de Cultura, na presentación.

A Concellaría de Cultura presentou hoxe a XIV Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro. As representacións serán no Teatro ás 20:30 horas, agás o domingo que será ás 19:30.
A mostra comezará o venres coa representación da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje, de Figueiras, que porá en escena a obra titulada A trastada. O grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, presentará o sábado Bicos de vinagre, e Disfunción Continua, de A Estrada, o domingo Departamento de selección. Na presentación celebrada hoxe no salón de plenos do Concello de Ribadeo, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, estivo acompañado da viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González.
O edil ribadense dixo que "con moito orgullo presentamos a décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Son xa catorce anos desenvolvendo esta actividade que nos permite dar a coñecer o teatro que se fai pola nosa contorna e tamén por grupos que veñen de máis lonxe".
Graña sinalou que "nesta décimo cuarta edición que vai ser este venres, este sábado e este domingo, poderemos ver a representación dun grupo de teatro duns veciños nosos das Figueiras, é o grupo da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje e vainos representar A trastada. Como ben pode verse a través do título é un conxunto de trastadas que fai a personaxe principal da obra e que é unha comedia que pode endulzarnos ben a tarde do venres, e poderemos pasalo moi ben ás oito e media no Teatro de Ribadeo. Imos ver como os nosos veciños doutro lado da ría fan teatro igual que eles veñen aquí outras veces e ven cómo nós facemos teatro. O importante é intercambiar e ver a xente distinta que fai teatro".
O concelleiro de Cultura engadiu que "o sábado, tamén no Teatro ás oito e media, o grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, visítanos. É outro grupo de teatro de aquí cerca, xa da Mariña luguesa, que vai representar Bicos de vinagre. Combina un pouco comedia e algo de traxedia, pero nun formato un pouco distinto ao do venres".
Farruco Graña subliñou que "o domingo tamén no Teatro, pero ás sete e media, porque o grupo que nos visita ven desde A Estrada e pediron que puidera ser un pouco antes a representación teatral. Disfunción Continua representará Departamento de selección. É o reflexo da vida mesma, a xente buscando traballo que ten que pasar por un grupo de selección e que se ve sometida a unha serie de probas. É unha metáfora da vida mesma, as dificultades que nos mostra o día a día, os momentos doces e algún sabor cómico, pero tamén momentos dramáticos e que reflicten un pouco a condición humana. Diso trátase a fin de contas o teatro, de reflectir a condición humana, en clave de humor, en clave traxicómica, noutras ocasións en clave de traxedia".
O concelleiro ribadense declarou que "en Ribadeo sempre estamos abertos e abertas a ver e a facer teatro, a aprender dos demais e a mostrar aos demais o que sabemos facer. Así que convido a toda a veciñanza do propio concello de Ribadeo e dos concellos limítrofes a ver e a asistir ás representacións teatrais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón".
Pola súa banda a viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González, quixo "animar á xente a que acuda a esta mostra. Xa van catorce edicións e creo que xa ten unha traxectoria moi importante. Gustaríame que fora moita xente e sobre todo especialmente que a xente do grupo de teatro de Ribadeo acudira para opinar, valorar e ver aos distintos grupos de teatro afeccionado que temos en Galicia e neste caso tamén na parte de Asturias".

20160211

Identidade e política na tetraloxía 'Castelao ou A paixón de Galiza' de Daniel Cortezón

    Así se titulou unha ponencia relacionada con Daniel Cortezón que Santiago Sanjurjo, tamén ribadense, levou onte ó I Congreso Internacional de Novos Investigadores en Estudos Literarios e Culturais (CIJIELG) na Universidade de Vigo. Entereime de casualidade, supoño que o antroido fixo que a nova pasara desapercibida para os medios locais, de xeito parello a outras circunstancias que fan que non cheguen a coñecemento xeral os traballos doutros ribadenses espallados polo mundo adiante. Copio o resume que aparece no libro de comunicacións.
    "O dramaturgo Daniel Cortezón (1927-200) é fundamentalmente coñecido polos seus textos teatrais de carácter histórico. Algúns deles forman xa parte do máis senlleiro da historia do teatro galego, a pesar do desapercibido que adoita pasar este autor nos manuais de literatura e da inexplicable escaseza de estudos sobre a súa obra.
    A produción dramática deste autor atende a un proxecto que busca espertar a memoria do pobo galego e reactivar o seu inconsciente colectivo mediante a creación dun teatro político-social e outro de carácter histórico-político. Porén, non é posible entender os obxectivos de Cortezón se non se ten en conta a súa crítica ao que, seguindo a proposta de Helena Miguélez-Carballeira, podemos chamar “identidade sentimental” de Galicia. Para Cortezón, a principal causa do que el califica como o fracaso histórico e político de Galicia é atribuible a características como o sentimentalismo, o lirismo, o humorismo, a saudade ou o peso da tradición, todos eles constituíntes dunha suposta identidade galega que ten que ser obxecto de revisión e superación.
    Na súa teatraloxía Castelao ou A paixón de Galiza (1986-1997) Cortezón fai un percorrido pola traxectoria vital, intelectual e militante de Castelao desde os comezos do século XX ata a o seu pasamento en 1950 no exilio arxentino. O obxectivo desta contribución consiste en estudar como o autor por unha banda, cumpre coa súa intención de desempoar os heroes e antiheroes da historia para que os galegos se sintan vencellados e reflexados neles e, xa que logo, dignificados, mais tamén como, por outra, atende á necesidade de atopar, mediante o achegamento crítico e deconstrutivo, as causas da incapacidade do pobo galego e dos seus persoeiros para levar a cabo unha acción política capaz de superar a inhibición histórica de Galicia como nación"

20230902

Carta a Daniel Cortezón. Xusto Moreda

    Na procura de material, chego ó libro de homenaxe a Daniel Cortezón e fíxome nun artigo que ven a conto da homenaxe que se prepara a Xusto Moreda. Cólloo para publicar, 'Carta a Daniel Cortezón', colaboración de Xusto Moreda ó libro 'Daniel Cortezón', Coordinado por Matilde González e Manuel Valín, publicado no 2011 (ISBN 978-84-614-7336-6)


Carta a Daniel Cortezón

Xusto Moreda

    Daniel querido: te escribo esta carta para que, donde estés, la recibas con mi amistad.

    Casi todos los días me acuerdo de ti, aunque no estás, y dado lo que nos espera, mejor para ti...

    No voy a entrar en analizar tu obra pues no soy literato, sino pintor. Como tú sabes mejor que yo, los pintores somos menos intelectuales que los escritores. Vosotros tenéis como único medio las palabras, nosotros, sin embargo, mucho material: lienzos, colores, pinceles, paletas, barnices, etc. Muchos. ¡Así cualquiera!

    En mi mesilla de noche tengo ocho libros tuyos, todos dedicados. Yo los quiero cerca de mis sueños que ya apenas tengo, pocos y demasiadas separaciones, como la tuya.

    ¡Hay que ver que lleno de amigos tengo ese otro sitio! Salúdalos de mi parte. Estarás muy ocupado, dado que, en esa dimensión en que tú estás, también tienes multitud de amigos, incluso un gran amor.

    Pasaron muchos años de vernos por las mañanas en el Cantón a tomar café, hablar de política, arte y comunes amigos, yo te presenté a los míos y sacábamos temas de conversación interesantes de tus escritos y mis cuadros:

    -"Nunca me había fijado que aqui hubiera tantas palmeras, hasta que tu las pintaste...

    Nuestra amistad tuvo encuentros (en Ribadeo) y desencuentros (Vigo - La Coruña), no sólo geográficos, sino también emotivos; en una ocasión me pareció excesivo un ataque burlón ante una falta mía; fue todo muy sutil, a lo mejor ni siquiera existió. ¿O si?

    Siempre me acordaré de cuando te despediste de mi. Fue en la calle Ramón González, esquina a la Plaza, venías con Mati. Yo me acerqué a saludaros:

    -"Querido, poco tiempo me queda"

    Yo te dije que no era el caso, que aún ibas a dar mucha guerra, pero a los días siguientes no te vi. La siguiente noticia que tuve fue una llamada de Mati a la mañana siguiente de tu partida. Me dejó dormir tranquilo. ¡Todo un detalle!

    La próxima vez que nos encontremos, nos daremos un abrazo,

    Mientras, te seguiré escribiendo cartas...


20231026

XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón

    Deixo a continuación a nota de prensa do concello dado a nova da celebración, esta fin de semana, da XX mostra de teatro Daniel Cortezón.

A XX Mostra de Teatro Daniel Cortezón celebrarase do 27 ao 29 de outubro no auditorio municipal de Ribadeo

25/10/2023

O evento foi presentado pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, e pola viúva do dramaturgo ribadense, Mati González.

A edil ribadense contou que “esta fin de semana (venres, sábado e domingo) terá lugar ás 20.00 horas no auditorio municipal a XX edición da Mostra de Teatro afeccionado, que leva o nome do insigne autor teatral ribadense Daniel Cortezón”.

Sanjurjo explicou que “desta vez dous grupos veñen de fóra da Mariña, un de Narón e outro de Pontevedra e o terceiro é veciño noso de Barreiros. Comezamos coa formación pontevedresa Avelaíña Teatro, que pon en escena este venres Almas na Gloria: don Paco, con texto de Manolo Ayán e dirección de Antonio Simón. Esta é unha historia vinculada ao autor laurentino homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego. No escenario acompañan a este personaxe outros como Otero Pedrayo, Fermín Penzol, Álvaro Cunqueiro ou Enrique Peinador e lembran a súa mocidade, a vinculación ao Seminario de Estudos Galegos e o que supuxo o franquismo para a cultura galega”.

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado gozaremos co grupo O Aturuxo de Melpómene, dirixido por Leandro Lamas e que nos presenta A pena do cu do mundo. Trátase dunha comedia musical na que unha peculiar familia que habita nunha aldea no cu do mundo ve alterada a harmonía das súas vidas por uns acontecementos inesperados. E finalmente o domingo o Colectivo Cultural Ollomao representa O traballo de Andrea, unha obra sobre o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e da Postguerra. É un drama de 90 minutos, sobre un texto de Ignasi García Barba, nunha adaptación dirixida por Ramón Casas Oroza e cun elenco do que forman parte varias veciñas e veciños de Ribadeo”.

E engadiu: “agardamos que esta proposta, que xunta divertimento e reflexión sobre a nosa historia sexa do agrado de todas as persoas que venres, sábado e domingo se acheguen ás oito da tarde ao noso auditorio municipal para gozar da XX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón”.

20211001

Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón en Ribadeo, edición 2021

 Reproduzo a nota de prensa do concello:


PARTICIPAN 2 COMPAÑÍAS DA MARIÑA E 1 DE CORCUBIÓN

Mostra de Teatro Afeccionado

01/10/2021

A Concellaría de Cultura ven de presentar a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará desde hoxe e ata o domingo, 3 de outubro, no Auditorio Municipal. As representacións darán comezo ás 20:30 horas e o prezo da entrada será de 3 euros.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo: "presentamos hoxe a XVIII edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón e agradecemos a Mati, compañeira de vida do autor do que colle o nome, que nos acompañe. Aínda que polo ano adiante o teatro amador forma parte da programación, queremos seguir mantendo esta cita do outono como xeito de garantir a presenza dunhas propostas que son importantes desde o punto de vista artístico mais tamén social, todos sabemos de todo o dinamismo que crean arredor de si os grupos de teatro afeccionado".

A edil ribadense explicou que “desta vez temos dúas compañías da Mariña e unha de Corcubión e o escenario ao que se subirán vai ser o Auditorio Municipal, queremos subliñar isto porque case a totalidade das outras edicións foron no antigo cine mais esta vez van ser no Auditorio Municipal. As funcións serán esta fin de semana, ás oito e media e o prezo da entrada é de 3 euros".

Pilar Otero contou que "comezamos hoxe, venres, co grupo de Vilaronte (Foz), Axóuxeres, é unha función de hora e media de duración. Representan a obra Cousas de Mulleres que conta a historia de tres persoas cos seus problemas loitando contra o mundo e ata consigo mesmas, ás que o destino une por unha casualidade e que sen pretendelo acaban converténdose en grandes amigas. Esta obra busca elevar os ánimos con humor xa que a unión fai a forza e non hai problema que non teña solución".

A concelleira de Cultura seguiu a relatar que "o sábado O Torques de Burela recrea as peripecias dun vagabundo O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra convídanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva diferente, e dura uns sesenta minutos".

Otero Cabarcos engadiu: "rematará a mostra o domingo co grupo Farándula Velutina de Corcubión que representa A derradeira bala. Esta obra está dirixida polo seu autor, Fernando Castro Paredes, natural de Tapia, levou o premio do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018 e foi publicada pola editorial Galaxia. A obra conta como Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. A mañá seguinte será fusilado coa última bala que garda o pelotón mais o amor pola música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño. Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e ironía. Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo e axúdanos a ver como as veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño e que de seguro non nos deixará impasibles".

20140822

Pensamentos lixeiros para agosto: non tan lixeiros! Homenaxe a Dionisio Gamallo

    Mañá comeza. Homenaxe a Dionisio Gamallo. Si, o que ten adicado un busto no parque. Esta fin de semana e no comezo do curso no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Deixo o díptico e tamén a contribución que sairá na Comarca mañá, no número adicado á homenaxe.


Barón de Porcillán
    Cando hai algún tempo Manuel Valín pediume a participación nesta homenaxe colectiva, por unha parte sentínme distinguido e por outra enxaulado, e tendo ambas as partes relacionadas, non me quedou outra que asentir.
    Non son, nin moito menos, especialista en Dionisio Gamallo, polo que para afrontar a situación, en primeiro lugar, lembrei os meus propios coñecementos sobre el, que xa baía escasos, e lembrei asemade que non se pode dicir que sexa ‘dionisíaco’. Nin nos sentidos do dicionario nin tampouco como seguidor ou forofo de Dionisio; miro a súa figura con certa distancia: unha persoa, e máis se é de ampla traxectoria coma el, sempre ten puntos que non son tan claros. É o  que fai extraordinarias ás persoas: que chegando a acadar metas sigan a ser humanas.     Neste sentido cheguei a algunha cousa que del escribe Daniel Cortezón:
p.304, l.14: ‘(...) por esas fechas, no obstante, ya está decidido a abandonar su aventura de lo que denominaba “quijotismo agrícola-ganadero” en el Instituto Laboral Rodríguez de Valcárcel, de Ribadeo (..)[referíndose ó escrito nunha Comarca de 13/12/1959 por Dionisio Gamallo]
    p.366, 1º punto e aparte: ‘En octubre de 1955 solicita el puesto de Director del Instituto Laboral de Ribadeo, y en su curriculum argumenta que: “A lo largo de muchos años he teorizado amor a mi pueblo. Como teorizar es cómodo, y tal vez frívolo, secretamente deseaba que la vida me proporcionase ocasión de poder demostrar que mis sentimientos no eran literatura. Esa ocasión de poner en práctica la buena ley de mis afirmaciones, surgió recientemente, a crearse en esa Villa un Instituto Laboral...”. Insiste afirmando que “aún teniendo que sacrificar personalmente conveniencias de varia índole (sociales, intelectuales, económicas), no dudé un momento en realizar lo que creía un deber, deber gozoso y compensador: pedí ir a Ribadeo, pleno de entusiasmo, con mi probada vocación hacia la rectitud y la justicia para darme un gran gustazo íntimo... de poder ser útil a los míos, a mi mucha familia ribadense y por lo tanto a mí mismo con con orgullo pertenezco a ella...”
    A recalar nos dous parágrafos anteriores e nalgunha cousa máis cheguei retomando o libro de Cortezón para documentarme de cara á elección de nome para o actual IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, elección para a que eu tiña presentada unha alternativa: IES ría de Ribadeo. Foi daquela cando me prantexei algo que dalgún xeito coido debo deixar dito aquí: Non sería mellor pensar en publicar a súa obra dun xeito sistemático e logo facerlle o recoñecemento debido?
No disco duro do ordenador gardo tamén unha serie de entradas en Facebook de arredor do 11 de novembro pasado, en plena discusión sobre o nome a asignarlle ó IES, que entre coña, querencia, feitos e visións, contribuíron a decatarme da ascendencia que ten Dionisio en Ribadeo.


    Ben, sempre, dende que souben da súa existencia, tiven curiosidade por Dionisio Gamallo Fierros, o que me levou a tentar saber algo máis (só algo máis) sobre el, quizáis as primeiras veces da man de Amadeo Arango. A publicación do libro de Daniel Cortezón sobre Dionisio Gamallo en 2005 marcou nese coñecemento un tanto de independencia e ata de suficiencia despois de ter lido boa parte dos artigos que pillara polo pasamento de Dionisio. Suficiencia que logo se tornou espellismo, como paso a ver a continuación.
    Así as cousas, o 20 de setembro de 2009 fun quen de atreverme a crear a entrada ‘Dionisio Gamallo Fierros’ na Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Dionisio_Gamallo_Fierros) e máis tarde, o 16 de abril de 2010, a entrada equivalente na wikipedia en español. Ambas deberan ser melloradas e aproveito para apelar a quen ten máis coñecementos ca min sobre o tema para solicitarlles a súa colaboración. O caso é que, no medio de ambas, a miña ignorancia manifesta xogoume unha mala pasada, coa confusión do varón de Porcillán cun suposto Barón de Porcillán que tiven que corrixir en canto comprobei o meu erro. Por sorte, foi cousa de pouco tempo o decatarme e facer a variación.
    Pensando en Dionisio e o meu erro, verse agrazado cun título nobiliario pode non ser moito cando o que se espera é outra cousa. No seu caso, Varón de Porcillán, segundo as súas propias verbas que encabezan o libro de Daniel Cortezón, non creo que cambiara o título. Ó fin, recollo a cita de Carlos Álvarez-Lebredo no pregón das festas do 96, referido a Amando Suárez Couto e citando a Dionisio: ‘E é que, como escribiu Dionisio Gamallo en vida do noso pintor: ” A Amando le va bien su nombre. Ha pasado y pasa la vida amando”.’ Pasou a vida Dionisio como varón ou como barón?
    Cando comezo a tomar notas para escribir isto, navegando na rede, atópome na entrada de Gamallo na Galipedia:
-
Dionisio Gamallo Fierros, nado en Ribadeo o 25 de agosto de 1914 e falecido en Madrid o 16 de xaneiro de 2000, foi un escritor polígrafo galego.

1 Traxectoria

1.1 Formación e primeiras publicacións

Estudou primeiro en Ribadeo e logo en Lugo, para pasar despois a estudar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1936. Posteriormente rematou Filosofía e Letras en 1941 na Universidade de Valladolid.
Colaborou despois en Ya, Arriba, Informaciones, El Español e La Estafeta Literaria, entre outras publicacións.
A partir de 1945 foi profesor axudante de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela, profesor de Literatura Española nos Institutos Ramiro de Maeztu e Lope de Vega en Madrid, profesor e director do Instituto Laboral en Ribadeo e profesor na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid.

1.2 Mundo académico

Entre 1953 e 1955 traballou como asesor do Servicio de Información Bibliográfica da Biblioteca Nacional. Foi nomeado académico da Real Academia Galega. Ademais, foi vocal da directiva do Centro Galego de Madrid e secretario da Comisión de Cultura. Foi membro do Instituto de Estudios Asturianos e membro da Real Academia Española.

2 Obra

A bibliografía de Dionisio Gamallo é moi variada. Destaca Albor (1942), caderno de poesía con 14 poemas (do seu libro inédito La voz derrotada). No 1943, dúas monografías aínda inéditas: Una estirpe de escritores colombianos: los Caro e La aportación de Lugo y su provincia a la literatura galaico-castellana. No 1948, publicou o folleto "Bécquer y Sevilla y páginas abandonadas" (prólogo de Dámaso Alonso). Tamén publicou ensaios e artigos, como Vida y obra de Ramiro de Maeztu (1953), Menéndez Pidal en el año 1898 (1968), ¿Luz sobre la Negra Sombra? (1975), Primera etapa de la vida y obra de Pérez de Ayala (de los comienzos hasta 1905) (1981), ou La Regenta, a través de cartas inéditas de la Pardo Bazán a "Clarín" (1984).

3 Recoñecementos e galardóns

Dionisio Gamallo foi recoñecido con diversos premios. Entre eles:
  • Premio Anual de Literatura Pérez Lugín da Asociación de Prensa da Coruña (1943) por Galicia a través de sus poetas.
  • Primeiro premio de poesía castelá nos Xogos Florais de Santiago de Compostela (1945) polo poema "Piedra viva".
  • Premio do Certame do Centro Galego da Habana (1951) por Seda en el cardo (vida y obras de Curros Enríquez).
  • Primeiro premio no Certame José Martí patrocinado pola Embaixada de Cuba e o Instituto de Cultura Hispánica de Madrid (1953).
  • Premio ó Xornalismo (1971) da Deputación Provincial da Coruña.
Ademais, foi distinguido coa condecoración da Orde de Rubén Darío en Nicaragua (1967), nomeado "Lucense do ano" en 1987 e medalla Castelao en 1998.
Dende pouco despois da súa morte e ata a súa fusión co outro IES de Ribadeo, o Instituto que dirixiu levou o seu nome. Con posterioridade á fusión, o novo centro pasou a chamarse IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

4 Véxase tamén

4.1 Bibliografía

-
Asemade, podíase ler na Galipedia, no artigo correspondente a ‘La Comarca del Eo’: ‘Entre outras cousas, no semanario publicouse o primeiro eloxio público a Castelao en Galicia tras o estoupido da Guerra Civil española, nun artigo de Dionisio Gamallo Fierros.
E ben, Dionisio Gamallo está na Galipedia, na wikipedia en español e na wikipedia en vasco, e tamén no nome do IES de Ribadeo, ou nun monolito no parque. E ti, que tes de Dionisio?