20181207
O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo
Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".
20230828
Vertebrando o territorio
![]() |
O concello de Ribadeo, en OpenStreetMaps |
Vertebrando o territorio
Comecemos por un pequeno listado. No caso de Ribadeo, o territorio está vertebrado polas vías de comunicación A-8 e N-634 que articulan o norte do concello e comunican con outras zonas do Cantábrico. A N-642 e a N-640 comunican a zona leste de norte a sur, facilitando o acceso o interior galego e asturiano. As anteriores son de dependencia estatal. A LU-133, de titularidade da Xunta de Galicia, é unha estrada de vella orixe que comunicaba as ribeiras do Masma coa ría de Ribadeo polo interior, e hoxe fai de espiña dorsal do interior do concello. Como un anexo dela, a estrada da Deputación LU-P-5207 comunica a anterior coa vila. Por suposto, hai outras estradas, como as da Deputación LU-P-5203, 5204, 5205 na zona sur do concello, ou a da Xunta LU-141 que une Rinlo co eixe norte, máis as estradas dependentes do Concello, como a que une Marelle co eixe central, e mesmo vías dependentes doutras entidades. A sumar o anterior, e como xestionada por entidade pública, o tren de vía estreita que atravesa a beira costeira e de ría.
O anterior é un resume xeral para dar unha idea, que presenta un plano bonito, ideal, aséptico. Algo que se pode ampliar de diversos xeitos, como botándolle unha ollada ó Plan Xeral de Organización Municipal, PXOM. Resume que describe e, ó tempo, deixa moitos cabos soltos, como que se -polos motivos que sexa- non hai coordinación entre administracións, a articulación pode ser disfuncional ou diferencial. Disfuncional por non atender a estrutura ás necesidades e diferencial por ter un mantemento que se pode considerar agravio para diferentes zonas. Tampouco pon de manifesto que a vía férrea ten unha única estación, no pobo, e tres apeadoiros, só na zona norte, con catro servizos cara Galicia e só dous, con horarios que invalidan en boa parte o seu uso, cara Asturias. E tampouco fai explícito que os dous terzos da poboación do concello se concentran na vila, ou que para o uso efectivo desas vías de comunicación, pode que coa excepción do eixe Cantábrico, fai falta un aparello de desprazamento particular a non ser que se adapte ó ir e volver do transporte escolar (posibilidade que estimo que foi un paso de xigante a pesar do baixo uso pola reducida posibilidade que ofrece).
En conxunto, o plano de Ribadeo sae favorecido fronte a outras zonas de Galicia, aínda que chega pensar en desprazarse sen coche propio á capital galega para ter que botar contas, non só económicas, senón de tempo dispoñible alí. Estamos fronte a unha realidade que conxuga o despoboamento coas posibilidades sociais e económicas da xente no rural. Algo paliable en parte con máis inversión -ata onde poda chegar a administración-. Pero sobre todo, algo que hai que repensar porque é a propia estrutura social que temos, baseada cada vez máis no capitalismo e conducente a concentración -de cartos, de xente, de infraestruturas- o que está complicando o poñerlle unha solución que equilibre as posibilidades de vivir no rural ás de vivir nunha cidade.
Lembras a 'revolta dos chalecos amarelos' francesa? Desatouse por unha suba de combustible, mais a súa orixe, está na discriminación das zonas rurais, onde son 'expulsadas' as persoas con baixos recursos, nunha espiral descendente. Nas grandes vilas hai xente que opta por non ter coche propio, e poden permitirseo. Nas zonas rurais non hai opción, só dependencia. Algo semellante pasa con internet... Ou repensamos a estrutura da nosa convivencia social a grande escala ou iremos cara un mundo peor (aínda sen a crise climática, a de recursos ou a contaminación), na que os primeiros perdedores serán os máis débiles, pero quue afectará a todos.
![]() |
As estradas, antes de 2015. collido de https://www.ribadeando.com/2015/06/deputacion-ribadeo.html |
20220817
Transporte, turismo, tendencia... Á beira da terra baleirada
Transporte, turismo, tendencia... Á beira da terra baleirada
Verán nunha vila costeira. Vivindo. Si, aquí tamén vivimos.
Aparcar? Máis doado, non? Hai máis prazas no verán, especiais para a tempada! En Ribadeo, medraron prazas coma fungos, nunha operación na procura de desconxestionar o pobo. Van empeño, houbo prazas, mais o tráfico non mellorou. Diríase máis ben o contrario.
Vexo estes días que en Bruxelas, ó estilo doutras vilas do centro de Europa, tenden a restrinxir o numero de prazas de aparcamento, aniquilándoas na zona centro. As diferenzas entre orientacións cara ó futuro nun e outro caso poden estar no tamaño da poboación, pero sobre todo nunha planificación, difícil en todo lugar, mais inexistente nestas terras, onde iso de 'o Ribadeo que queremos' non é que soe raro, senón que non soa. Pero, queremos a Ribadeo, non?
Diferenzas entre vila e cidade poden facilitar de xeito relativo a planificación nas cidades (máis difíciles na xestión día a día, por ser máis grandes, pero máis doadas para planificar a grandes trazos o futuro, por pura aplicación estatística a máis de por recursos). Non é allea neste caso do transporte a posibilidade de conexións públicas, abandonadas e caras nas zonas rurais en despoboamento mentres se pretenden, din, 'medidas paliativas' para evitar ese mesmo despoboarse.
Un tráfico 'endiañado'? polo turismo, con outros modos diferentes ós que por aquí se levan, fai retraer a presenza física dos locais nun espazo que sería o seu para a xente de aquí. Unha imaxe que nos leva á xa estudada xentrificación turística doutros lugares e situacións (chega lembrar a despoboamento de Venecia a menos da metade dende hai cincuenta anos). E ademais, algo que fai resaltar a falta de alternativas para pequenos desprazamentos (entre outras eivas) dentro do concello e con concellos limítrofes (a non ser excepcións relativas, como no caso de Ribadeo, da vila co resto da 'cidade lineal' costeira mariñá): queres desprazarte do centro urbano a Cedofeita? Vai pensando en arrincar o coche...
Pode que sexa hora de meter na lembranza o movemento dos 'gilets jaunes', os chalecos amarelos franceses de hai poucos anos. Denostados dende o poder, moitas veces incomprendidos por quen non ten os seus problemas, de composición política transversal, a protesta comezou pola carestía dos carburantes para os desprazamentos e a falta de alternativas reais ó transporte privado e particular, dunha xente necesitada do mesmo ó ser expulsada das cidades polo alto custo de vivenda e vida nelas. Xente que pode comprender as necesidades ecolóxicas, a escaseza de materias primas ou a emerxencia climática, relacionadas co transporte, pero que procura, como os demais, un equilibrio nas súas vidas e unhas posibilidades equivalentes á xente de cidade (ou, noutros casos, "ós turistas").
Fai falta unha nova mentalidade. Non todo vale, tampouco poñendo por fronte o turismo, cartos e empregos derivados (moitas veces, facendo as contas con moito nesgo e pulo de intereses). Iniciativas como a de Pontevedra a pé ou Vilalba a pé son loables, pero insuficientes, necesitan non só de cosas como a potenciación da bici, senón tamén outras como a extensión e fluidificación das liñas férreas e diversos tipos de transporte público para non afondar máis a xentrificación que se suma ó despoboamento pola falta de servizos e oportunidades. Necesitan -necesitamos- dun acordo moito máis amplo, global.
20210604
É o transporte, imbécil!
De cara ó futuro, o transporte vai ligado á enerxía, mais non só: non é o mesmo a idea de transporte nunha gran cidade que nunha vila de poucos milleiros de habitantes, e menos aínda nunha zona rural de lugares illados.
Por poñer un caso: non contemplarán do mesmo xeito o cobro por uso de estradas un madrileño que xa hai moito fixo contas e viu que non lle compensaba ter coche para meterse en atascos (e non ter onde aparcar) nun Madrid ben comunicado con calquera parte de España, e cun transporte público que mal que ben vai cumprindo a súa misión, que un ribadense nun concello onde se queres ir á Coruña ou Santiago é mellor que collas o coche ou pagues unha estancia para pasar a noite alí porque sinxelamente hai días sen servizo de transporte público, e cando o hai, implica aterse a uns horarios que fan imposible unha xestión dun día. Ou se queres desprazarte a unha aldea e logo volver ó pobo. Así que, en Ribadeo, e non é dos peores lugares, nada de transporte público colectivo máis cómodo por non ter que preocuparte de conducir, e barato, e máis, moito máis, de custe individual (pero tamén social), contaminación aínda que quede difuminada no entorno, nivel de entrada (cartos e/ou carnet), etc... Menos servizo comunitario, menos posibilidade de relación e máis dependencia dos recursos individuais.
Nada que ver entre unha zona e outra, e iso que Ribadeo pobo, repito, non é unha zona especialmente desfavorecida en Galicia. Mentres, salvo en escasas decisións a parte do león en tempo de estudo e dedicación, ou en cartos, lévana as zonas urbanas. Atención, que non digo que estean sempre mal empregados eses recursos, nin que non sexan necesarios, nin aínda que en relación a algúns criterios non se ateñan á proporcionalidade. Digo que eses recursos escasean na zona rural. É dicir, a distribución dos recursos públicos (ou sexa, comunitarios xestionados polas institucións públicas) é unha cuestión de prioridades na que o campo non sae demasiado ben parado, mentres en consecuencia segue o despoboamento, increméntase a diferencia de riqueza medida segundo os patróns tradicionais, etc.
E así, mentres as cidades pensan xa na descarbonización ou están entrando no futuro experimentando con autobuses autónomos eléctricos, e os gobernos -que sempre se establecen en cidades- están a pensar en penalizar o uso das estradas ou o consumo de combustibles, as zonas afastadas ou con predominio rural viven a anguria da falta progresiva de comunicación a pesar de ser cada vez máis cara para elas. A comunicación telemática tamén, pero en xeral é máis visible no transporte. Algo que foi o pistoletazo de saída das revoltas dos chalecos amarelos en Francia e que en calquera momento pode disparar as protestas en terras máis achegadas. Porque mentres non sexamos capaces de facer comprender a quenes deciden que o abandono dunha grande parte do territorio, aínda con menos poboación, significa unha perda para todos -económica, demográfica, cultural...- seguiremos a ter menos liñas de autobús ou aínda menos de tren e a depender cada vez máis dos nosos propios medios de locomoción privada, illándonos do resto da xente e territorio, sendo cada vez menos comunidade.
A inversión en melloras e adaptacións do sistema de transportes públicos son parte das necesidades de transformación cara a un mundo sostible, e non só para enfrontármonos ó cambio climático, senón tamén para aproveitar mellor os recursos, parar o despoboamento rural ou sinxelamente, posibilitar a vida no e do campo.
---
Unha entrada anterior que vén ó caso: https://www.ribadeando.com/2019/07/reflexionando-sobre-o-transporte-na.html