Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta botellón. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta botellón. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20161114

Botellón en Ribadeo? Nada novo

Despois de comentar o pleno co do botellón, e visto que nas novas seguen co castigo ó botellón, revolvo a dar luz a un vello estudo realizado no daquela IES Porta da Auga. Mais parece que a guía, a pesar de terse difundido abondo en Ribadeo, non se leu...

Trátase da Guía-informe descritivo sobre consumo da xente nova. Feito no IES Porta da Auga en data tan lonxana como o curso 1999/2000, coido que segue a ter vixencia aínda a pesar de que dende aquela houbo cambios importantes na socialización da xente nova, e a que polo concello e institucións políticas diversas teñen pasado dende aquela representantes de todas as cores do espectro policio.
Está colgada na nube en dúas partes:
Parte 1
Parte 2
E coido que teño algún exemplar en papel que podo agasallar a algún político.
Por certo, na portada pode lerse 'Unha reflexión conxunta da comunidade educativa: pais, profesores e alumnos', algo que coido que nn se está a levar a cabo na actualidade, pois mais que reflexión hai discusión e ataque, máis que aunha comunidade hai francotiradores que tentan ganar, e fálase de pais e profesores, pero non tanto con eles, e moito menos aínda cos propios implicados.
Ah! A guía foi o resultado dun proxecto premiado por o Instituto galego de Consumo.
--
Sobre diversos aspectos do botellón, no blog, hai (entre outros moitos):
Pro... non é festa?
Informes sobre ruido a nivel Galicia
O botellón non ten quen o defenda
Sobre ruido? Non, sobre botellón
Reciclaxe = propaganda
Explosión? si, pero suave, de peticións
Achégase o macrobotellón
Como tentar dar a volta a unha nova

20090914

O botellón non ten quen o defenda

Bo, si que ten, pero fan parecer como se non fora así.
Onte mesmo aparecía na portada e primeiras páxinas da Voz un dos típicos reportaxes dese periódico, onde, baixo un filtro de estudo equitativo se presentaba o botellón. Hai non moito tempo outro semellante presentaba o ruído. A diferencia entre ambos está clara: o botellón é presentada sen respaldo, mentres parece que todo o mundo pasa a pataca quente do por que, das causas, a outro grupo, ben sexan pais, sicólogos, políticos, ou o que sexa. No caso do ruído, preśentanse dúas posturas contrapostas e pé de igualdade: a dos sufridores e a dos locais. No caso do botellón, preséntanse as súas consecuencias de suciedade, ruído e perniciosidade do alcohol (a máis do feito de rematar moitas veces, cando hai cartos, nos locais nouturnos, dos que fai de caldo de cultivo de clientela). No outro caso, parece como se o ruído estivera lixeiramente relacionado cos locais, pero a relación nouturna non tivera máis consecuencias (nin mexos nas portas, vasos rotos ou consecuencias do alcohol).
É certo que todo estudo ten os seus límites, e a súa exposición nun diario, tamén. Pero as posibilidades de comparacións entre o seguemento e persecución dun fenómeno e doutro desaparecen. E mentras se persegue o botellón como malo en si, os anuncios de festas de alcohol, happy hour e semellantes son permitidos (a nivel local, pubs e demáis teñen un poder de anuncio considerable), ou o goberno anuncia a súa intención de permitir un maior horario de apertura de locais noutrunos en toda Galicia co motivo... do Xacobeo. Debe ser que na Coruña ou en Ribadeo os cartos dos peregrinos non se gastan abondo se non se abren os locais unha hora máis. As diferencias, unha vez máis, están claras.
E vese en moitos outros detalles. Así, hoxe aparece no mesmo diario unha entrevista a un condutor de noitebús. Trata do medo e dos incidentes que sufren. Pero nada se sabe (ou nada se di) de onde vai a xente. Entendámonos: non é a primeira vez que digo que o servizo de noitebús está considerado un éxito e aínda non sei por que. Porque vai moita xente? Está ó tempo subvencionado e sen outro tipo de control. O que se trataba era, dise, de diminuír os accidentes de tráfico, pero que eu saiba non hai ningún estudo serio para ver a súa incidencia, e mentras, ten seguido a medrar (e os accidentes, nalgunha época, tamén). Para min, a razón está clara: representa clientela (máis en cantidade, e máis en xuventude, máis no futuro) para os locais, moi por cima do que pode representar para o botellón... e así xa temos unha 'via de escape' para a xuventude, que deixará de importunar ós políticos pola falta de perspectivas. O 'panem et circenses' actual, mellorado, onde os 'circenses' en parte son os propios espectadores.

20091223

Sobre ruído? non, sobre botellón.

Tentando ver alternativas e en xeral procurando información, atopeime cunha serie de artigos dos que algúns coido que paga a pena poñer aquí na liña do blog de presentar cousas e que cada quen chegue ás ideas por si mesmo, aínda que serían moi matizables no que din (causas e polo tanto, conclusións), e como tales, non asinaría ningún deles.
O primeiro é unha viñeta de Mauro Entrialgo, xa vella (2002), na que se fai unha crítica da persecución do botellón con datos que non son totalmente aplicables aquí (fala de cerrar os bares ás 2:30, por exemplo), pero que, na liña do blog, serve para pensar sobre o tema.
Outro, unha entrada de blog que trata tamén sobre o botellón, pero da que considero que o principal está no video, (con afirmacións cuestionables, pero un detalle na exposición e na pantalla a considerar, e que é o que segue) e nos comentarios, que son 'uns cantos':

E é que como xa dixen algunha vez (ver 'o botellón non ten quen o defenda'', artigo de hai meses), o que se ataca é o botellón, pero non se enfronta o consumo organizado económicamente, a eliminación das causas ou a mitigación das consecuencias.

20161110

'Pleno, antonte'

'Din que hai dous días se celebrou un pleno...' Coido que é unha boa forma de comezar: falando de oídas. Onte, a auga pasada de xeito forzado, fixen un comentario no blog sobre o pleno de 20161108 do que isto ven a ser unha segunda parte anunciada. Xa saiu a anunciada (por min) nota de prensa do concello (que reproduzo ó final)
e, claro, tamén saíron as novas correspondentes nos medios. Por certo, que a orientación da nota de prensa variou algo en relación ó 'aviso' de pleno: No medio, os dous medios con edición comarcal trataban o tema do botellón (os dous ó tempo, si) e había que ir coa maioría.  Polo demais, coido que a nova é que non hai nova: o resultado do pleno de onte estaba descontado antes de celebrarse, e non só pola maioría absoluta do BNG, como pode verse polo título da nota de prensa: 'aprobados por consenso'. O resalte dun só tema na nota de prensa ven explicado nela: alén Ribadeo, unha morte. Cabería dicir, non se entra no que representa o botellón, senón en evitar responsabilidades. e si, tratáronse máis cousas, mais iso, que non era dos puntos de convocatoria,-parece ser- iso é o empregado como resume do pleno. Pois iso.
Por certo, na nota de prensa corrixo unha cousa: a separación de decimais, neste país (considérese España ou Galicia), visualízase cunha coma.
"
OS ASUNTOS DA ORDE DO DÍA FORON APROBADOS CON CONSENSO

Botellón

09/11/2016
No pleno celebrado onte no Concello ribadense falouse do botellón e da preocupación existente na sociedade pola presenza de menores que inxiren alcol. O alcalde, Fernando Suárez, fixo unha chamada ao sistema educativo e aos pais e nais dos rapaces para evitar que estas situacións se produzan e indicou que a Policía Local denunciará a aqueles menores que atope nesta situación diante da autoridade competente.
O rexedor contou que "neste pleno ordinario que celebramos onte a noite saíron todos os puntos aprobados, eu creo que na maioría dos casos con unanimidade. A verdade é que practicamente todos eles tiñan un aspecto económico ben para amortizar préstamos pendentes, ben para dar conta dos períodos medios de pagamento aos provedores que estamos aproximadamente nun mes, en 31,91 días exactamente, tamén para amortizar un dos préstamos que tíñamos vivos desde hai uns anos grazas ao superávit na liquidación do ano pasado, do exercicio económico anterior, así como tamén aprobamos as obrigas pendentes de pago sobre todo coas facturas de Sogama, da entidade pública que nos recolle o lixo".
Suárez Barcia relatou que "aprobamos tamén esas modificacións para o IBI, bonificacións para familias numerosas e para aquelas persoas que teñan propiedades no ámbito rural que estean vinculadas á explotación agrícola gandeira, coa excepción da vivenda habitual. Tamén modificamos a ordenanza de artesanía para adaptar o mercado de rúa ás necesidades dos seus vendedores".
O alcalde dixo: "pero tamén nos plenos ordinarios existe o capítulo de rogos e preguntas, onde se establece un debate de suxestións ou preguntas ao goberno municipal por parte de todos os grupos da Corporación, e aínda que hai algúns que son máis interesantes que outros… non considero interesante pedir que para o seguinte pleno se poña a calefacción un pouco antes ou tampouco considero digno de mención que se volve o exército a Ribadeo non se lle cobre, pois se volve o exército ou quen queira se lle cobrará polos gastos que ocasionen e non hai máis que falar nese aspecto".
Fernando Suárez indicou que "houbo outra serie de debates agradables sobre situacións que todos compartimos en maior ou menor medida, a veces penso que a oposición normalmente ten que facer o seu traballo, pero o goberno debe tamén enfocar e contrastar a realidade tal e como é. Estoume referindo ao asunto do botellón, que está de actualidade nestes tempos, non soamente en Ribadeo senón a nivel galego e de todo o estado sobre todo porque unha rapaciña, desgraciadamente, faleceu hai poucos días por mor dunha inxesta indebida de alcol. Con todo este debate de fondo trasladei o que falo habitualmente coa Policía Local no ámbito das nosas competencias, nosoutros non temos as competencias nin da Policía Autonómica nin da Garda Civil, nós temos as competencias na Policía Local e transmíteme que ela está tamén preocupada e que intenta nos botellóns desde hai anos identificar a algún responsable deses grupos que se poidan ir establecendo por aí para pedirlles, non soamente que non consuman alcohol os menores de idade, senón para que deixen todo recollido e non ocasionen desperfectos. Á vista está que algúns fan caso e outros non. Tamén é certo que coa lei de seguridade cidadá vixente a unha persoa porque sexa menor de idade non se lle pode denunciar porque estea nun corro con outros rapaces ou rapazas se non está bebendo, e a Policía non ten o don de estar escondida en cada esquina detrás dun grupo de nenos ou de rapaces".
O alcalde ribadense manifestou que "aínda que a Policía ten que facer o seu traballo e se desde logo colle a algún menor de idade nun espazo público bebendo, que saiba ese menor de idade que vai ser denunciado, non diante dos pais, senón diante da autoridade competente, a Subdelegación do Goberno, a Fiscalía ou a quen proceda. Pero máis aló disto que pode soar un pouco forte, tamén onte falamos entre todos e compartimos entre todos con independencia dos diferentes grupos que somos, que estas tarefas tamén corresponden moito á sociedade, especialmente ás familias, é dicir, se hai un neno ou unha nena menor de idade a unha hora intempestiva pola rúa tampouco vai ser culpa da Policía Local, será culpa dos seus pais por mantelo a esa hora nese lugar. Trátase dunha cuestión integral de todos, da escola, da educación, das familias, da Policía Local na parte que lle toque e eu o que quero expresar á cidadanía é que na Corporación estamos de acordo en que é nun tema que nos preocupa, que temos no ámbito das nosas competencias facer todo o que estea na nosa man e estámolo facendo e redobrarémolo en todo o que faga falta, pero tampouco podemos tapar cun dedo a lúa".
O rexedor contou que "no pleno de onte púxenlles un exemplo, hai poucas semanas a Policía Local denunciou a uns rapaces por estar mexando nunha parede do Concello. Esa denuncia tramitouse á Subdelegación do Goberno e devolveuna entendendo que iso non cabe na lexislación porque non é un deslucimento continuado, é dicir se houbera unha pintada ou unha rotura dunha papeleira podería ser, pero como unha mexada non é un deslucimento continuado pois non ten potestade sancionadora segundo a lei actual. Moitas veces tamén se resta de competencias ou de facultades aos axentes que inicialmente denuncian, pero algunhas delas non poden ir para adiante. Polo tanto é unha situación moi complicada en espazos abertos, se fora nun local pechado a lexislación é moito máis restritiva para o dono dese establecemento, pero en ámbitos abertos se non se colle a alguén in fraganti bebendo pois dificilmente se lle pode facer nada".
Fernando Suárez apelou "ao sistema educativo e aos pais e ás nais de maneira moi importante, sobre todo pensando nos menores de idade".
"

20060606

Explosión? si, pero suave, de peticións.

A calma cidadá pode virse abaixo por moitos factores. Algúns, vánse construíndo pouco a pouco, mentras outros xorden de súpeto. O xa referido caso de Nigrán foi pouco a pouco, mentras o que se di sucedeu aquí, en Ribadeo, o fin de semana, parecería que sucedera de repennte e sen causa. Vistas as declaracións no periódico, as augas non están claras, e que nunha agresión sexa implicado un concellal e posto de testemuña un garda civil pode resultar mediático, pero nada máis. Que corra a auga, e se clarifique. En particular porque a movida xenera abondos enfrontamentos todas as fins de semana ou case.
Esas explosións poden servir de charla nos bares por parte de xente que ten pouca información, mentras nega a participación de xente máis informada en accións de máis relevancia apra a cidadanía.
É normal escoitar en moitos lugares como se fala sobre a opacidade da administración e as difultades para deixarse oír diante dela, para recabar información ou para exercer os propios dereitos. É normal, nesas charlas, que xurda dun outro xeito a idea dunha administración acéfala e sen rostro en relación á que non se pode turrar e contra a que só cabe desesperarse e rematar por calar.
É normal. Por sorte, estánse a producir novas que poden variar a situación pouco a pouco. Aí está por exemplo, a nova da condena do tribunal superior de xustiza de Andalucía a Chaves, o presidente andaluz, por mor do dereito de petición (art. 29 da Constitución, regulado mediante lei orgánica). O motivo da sentencia fáime lembrar a miña propia situación como persoa que trata de interesarse por temas sociais, e na que tivo influenza a xeración do ruído nouturno. Pois si, foi unha serie de asociacións contra o ruído (en Galiza están dando os seus primeiros pasos) a que interpuxo unha pregunta sobre o tema do botellón, pola cantinela de que o botellón fai chocar o dereito da xente nova a divertirse co dereito ó descanso dos demáis e a confusión que ese pretendido choque de dereitos pretende (esta vez si o pretende). Pois ben, o fallo vai nun sentido doble: os cidadáns teñen o dereito de petición asentado, e polo tanto hai que darlles resposta (coido que o concello de Ribadeo ten algunha petición miña, por escrito, por atender nestes momentos) e información. Por outra banda, tamén quedou claro que o descanso é un dereito fundamental por encima da diversión que plantea a movida.
E sallo ó paso poñendo movida e non direitamente botellón porque a substancia de ambos é a mesma; é máis, a movida de pubs vése fomentada polo botellón, mantendo a xente na rúa ata altas horas, facilitando unha aproximación previa, etc, e rematando, como está demostrado, nalgún local para finalizar unha vez que a hora pode adaptarse ó orzamento previsto pola relación de copas que poden tomarse con el e o tempo ata o cierre de locais.
En fin, non teño máis tempo por hoxe, polo que é previsible que dun xeito ou outro continúe outro día co tema, e máis estando aí a xunta de seguridade, prevista para ¿xoves? De calquera xeito, o novo blog sobre a vida política e social de Ribadeo vai ter traballo, moito.

20060322

Reciclaxe = propaganda


'El CRA Ría del Eo gana una campaña de reciclaje'. Felicidades para o CRA. Con ese premio obtiveron tamén unha propaganda para a denominación da ría maior que moita parte da polémica suscitada dende vai anos polo nome da ría de Ribadeo. coido que xa foi dito no blog con anterioridade: se queremos unha denominación, non chega con discutila, sobre todo hai que traballar por ela. E mentras que leva o nome de 'ría del Eo' unhas cantas entidades, de 'ría de Ribadeo' non coñezo ningunha, a parte da propia ría. É dicir, cada vez resultará máis dificultoso e asimétrico o atopar o nome de ría de Ribadeo fronte ó de 'del Eo'.
Un segundo comentario: Remato de atopar nun periódico da semana pasada un conxunto de gráficos sobre o botellón. En eles amósase que a xente entre 14 e 18 anos consume un 75% máis alcohol en pub que non botellón, e entre 15 e 29 vai 6 veces máis de pub que de botellón. Pero a culpa lévaa o botellón: non ten un sector económico organizado detrás que esteña a facer propaganda del para aumentar o consumo e sobre todo o gasto, un sector económico que non quere competencia. Tamén na mesma folla un sociólogo explicaba "Los jóvenes no aceptan que se les meta en un polideportivo a hacer deporte" (o da negriña é meu), en consoancia co que me preguntaba o outro día sobre se as actividades 'alternativas' non servirían sinxelamente para aumentar a hora de saída.

20060327

A pasarela será tratada

O mirador do cargadeiro será tratado para evitar que se deteriore. Leva anos pedíndoo a berros, xa está deteriorada. Pero falan en futuro. Pode ser mañá, pode ser ... despois de que se repare o desprendimento de terras, que aínda non se sabe a quen corresponde amañalo.
Os de Viveiro andan ás voltas co 'botellón ecolóxico'. Xa comezou o baile político, da man dun partido pequeno, como oposición a algo. Neste caso, a que se manipule o botellón polos intereses económicos de consumo de alcohool. Como normalmente, a nova do periódico deixa máis dúbidas das que resolve, pero parece que vai na liña do que puxen o outro día no blog: o botellón non se diferencia tanto en consecuencias sociais da bebida en pub, pero si en a ónde van parar os cartos. E eso o fai máis pernicioso ós ollos de intereses económicos determinados.
O cambio de hora, traerá esta vez algo novo? De pronto, madrugar máis: ó mal tempo, boa cara.

20110216

Como tentar dar a volta a unha nova

Parece que un pub de Ribadeo aberto hai 17 anos e medio, o Pasillo, vaise pechar para instalar nel outro tipo de local de hostalería. Xa espuxen en varios artigos previos (aquí, aquí, aquí ou aquí) que era necesaria unha reconversión dos locais tipo pub, referíndome ó xeito no que estaban a funcionar. Neste caso, a baixada de xente debida á crise e o ver de xeito práctico o bo froito que está a dar outro tipo de local de hostalería do mesmo grupo estimo que foron os dous puntais básicos para o cambio.
O anterior non quita que, nunha liña que ven sendo común dende hai algún tempo, se me apunte como causante do peche. Algo que resulta raro pois que eu saiba nin unha soa das medicións sonométricas que lle afectaban foi considerada como motivo dunha sanción, quedando, as que foron tramitadas, nunha petición de que vixiaran o tema sonoro. Outra cousa é que non tivera sanción algunha, pois sei que alomenos tivo unha (din a reseña dun pleno onde se preguntaba por unha sanción de 200 € ó local, e asemade por dúas a outro do mesmo grupo, ignoro a causa de ambas, se foi por portas abertas, horario ou outras)
Naturalmente, unha acusación así, aínda que non trate nada ilegal nin máis aló da procura dun mínimo de calidade de vida, non podía vir soa, había que instrumentala, polo que se convoca un botellón. Pregúntome se será para amolar á xente dos locais que aínda seguen a traballar, potenciando agora 'a oposición' (eu nunca vin o botellón como oposición ós locais de copas, pero sei dos argumentos que teñen saído máis dunha vez nos medios). En calquera caso, parece que resulto útil como o que se soe chamar 'chivo expiatorio', aínda que a reforma poida ser para mellorar o rendemento pecuniario dun local. Sinxelamente, segue a serie de ataques ós que xa me teño referido algunha vez, e mesmo teñen saído nos comentarios. Deixo unha cita de algo que lin onte mesmo: '(...) o cometido dos cidadáns libres é examinar os feitos para desenmascarar as mentiras' [Amin Maalouf, en 'El desjuste del mundo'
Agradezo dende aquí á xente que me avisou do tema e á que me amosou a súa solidaridade.
--Anexo: Vexo hoxe no El Progreso que se lle confirmou, por parte da Xunta, unha multa de 300 € a un pub de Antonio Otero, como reincidente dunha infracción de superación de horario.

20071118

Concerto de Santa Cecilia




Ó concerto pertencen esta foto e o folleto que ilustra o post. Mágoa que o auditorio non estivera máis cheo para escoitar ós 53+1 músicos da banda que actuaron. E que alguén do público non apagara o móbil, que desluciu o solo de clarinete de xeito oportuno, como soe pasar nestes casos.
Disculpouse a actuación do grupo de metais por razóns técnicas, pasando a actuar direitamente a banda. A presentación consistiu na interpretación dunha frase musical polos novos músicos (no caso das frautas, a dó) e a imposición da corbata.
Hoxe o Hernán Naval acollerá de novo a un espectáculo de teatro.
E domingo. Xa pasaron a limpar as rúas da movida (pese ó que estou seguro que ó baixar atoparei vidros como tódalas fins de semana), o que lembra unha nova de hoxe: 4 de cada 10 dos/das que practicam botellón corren risco de alcoolismo. Non pon nada dos que practica pubismo, pero é de supoñer que a cifra sexa semellante ou aínda superior; ó fin, o botellón abandónase a unha certa idade, abondo máis nova que o do pubismo (pero con frecuencia, en favor deste).
Son tamén novas de domingo o case millón e medio de euros que tivo que pagar Alcoa por contaminación na comarca na súa existencia. Coido que a cifra se queda curta, por algúns estudos que teño visto, pero é a efectiva no sentido de pago real, e non de valoración de suma de efectos reais.
A outra nova é de tipo social, de cambios. En trinta anos, a poboación mariñá máis ou menos mantívose, pero o número de vodas diminuiu á metade, e háille que sumar o número de divorcios, que se cifraba anualmente a nivel Galicia nun 70% das vodas. As consecuencias socias non son pequenas, dende a diminución da natalidade á estruturación/desestruturación familiar e clasificación da familia en tipos, tipoloxía de problemas da xente nova, ...

20060326

Ribadeo, 06:00 horas

Os domingos soen ter pouco que contar, pero dalgún xeito, moitas veces hai auténticas novidades. Esta noite, ás 6 da mañá decateime de que nun local de enfrente estaban (cando xa tiñan que ter pechado, claro) dando vasos de pástico ós que saían. Ós meus ollos, resultado: 1. a xente non tira vidros pola rúa. 2. aforro de cartos polo local ó non perder os vasos. 3. maior equivalencia entre a xente que sae dos locais e a xente dos botellóns.
É só un detalle, pero que fixo que non chamara á Guardia Civil, pois é nestes días de cambio de hora cando máis se nota que segue sen ter unha revisión de horario de peche sistemática como teño pedido unhas cantas veces. Probablemente, a falta de dotación que xa teño comentado algunha vez no libro...
Un detalle que un pouco máis tarde fíxome recapacitar sobre o doado de tomar algunhas medidas que ademáis favorecen ós propios locais. Tamén, sobre a rotación da ocupación de xente no seu interior, que apostaría que nese momento sobrepasaba os límites establecidos en abondo número de persoas (e eso que, ó tempo que estaba entrando e saíndo xente fóra de hora, estaban botando a verxa...)
E sobre a cantidade de xente sentada nas viciñanzas do bar, nunha noite agradabel polo demáis como a pasada. Xente que coido que non era botellón de xeito 'oficial', pero unha vez fóra dos locais, exercía como se o fora.
E tamén, reflexionar sobre o por que se vai a xente a fora coa bebida cando poden facelo dentro. Que parte do botellón é producida non xa polo precio das bebidas nos locais, senón polo abarrote de xente dos mesmos, pola presión sonora, pola calor que a mesma xente produce?
Lembroume ademáis algunhas cousas que se dixeron ontes nas xornadas de sendeirismo en Santalla de Oscos, referido a outros aspectos da valorización turística: 'o mal é de todos', 'é un modelo de desenvolvemento que nos leva a (...)', 'pérdida de patrimonio social e cultural', 'é necesario facer visibles alternativas (...)'

20060317

Achégase o macrobotellón


Era cuestión de tempo que cundira a moda dos minimacrobotellóns. Despois das vilas grandes, as máis pequenas tiñan que emulalas debido ó doado da 'organización'. Parece que está convocado un para hoxe en Viveiro. De seguro que non reúne a tanta xente como o de Sevilla, pero o principio sociolóxico é o mesmo: unha identidade de grupo a rebufo dalgunha causa, no caso dos pequenos pobos posiblemente só a emulación xunto coa costume permitida de facer botellón en pequeno grupo. Parce que dende o concello o achacan ó éxito das noites alternativas. Se é así, a min non me parece precisamente un éxito e irían no mesmo senso que me temía cando falei dunha posibilidade das de Ribadeo do outro ano: acostumar á xente a saír de noite e máis tarde. É dicir, promocionar a movida, o que non sería un 'dano colateral', senón máis ben 'o tiro pola culata'.
Por sorte, que se chame á xente para vinte diferentes lugares ó ancho de España (en cidades) parece que alonxa un pouco a posibilidade de que en viveiro (ou noutro sitio calquera da zona) o botellón aumente desorbitadamente frotne a outra fin de semana calquera. E chama a atención dun fenómeno que se cita a favor deste tipo de organización por parte da xente nova: a parte das posibilidades económicas, o reunirse charlando sen o ruído infernal de discotecas e pub. Estaremos ante un cambio de fondo en relación ó ruído?
Sitos para organizalo? En Ribadeo non faltan, e a futura fonte, marcada xa no chan na foto (sei que se ve mal...) pode ser un deles. De calquera xeito, e á vista dos trazos marcados no chan, pregúntome se comezará a obra antes de ter rematada a de San Francisco e Pasarón y Lastra.
--
Un texto en relación a Hernán (coido que xa rematei os que tiña preparados de Hernán, haberá que ir premarando máis):

Data: 5/8/00

Fonte: La Comarca del Eo

Título: O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

Autor: BNG Ribadeo (nota informativa)

Descrición: nota informativa no semanario local sobor do seu interese cara a escola de música. Da que pensar que fora o mesmo ano que Hernán se apresentou coma candidato ao Senado pola provincia de Lugo

Comentarios:

O BNG acusa ao governo municipal do PP de irresponsábel e desleixado

O CONCELLO PERDEU A SUBVENCIÓN DA XUNTA PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

O pasado sábado, os concellais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistraron nas oficinas do Concello un escrito cunha serie de preguntas dirixidas á Alcaldía para que ésta explique no próximo pleno ordinario da Corporación por qué o Concello de Ribadeo non realizou dentro de prazo os trámites para obter un ano máis á subvención que a Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria viña outorgando á Escola Municipal de Música de Ribadeo. O Grupo Municipal do BNG considera que se debe “a absoluta incúria do governo municipal” do PP e ao seu desinterese polo presente e futuro deste centro educativo, posto en funcionamento a finais de 1993, antes de que o PP governase en Ribadeo. O texto asinado por Eduardo Gutierrez, MariLuz Alvarez Lastra e Fernando Suárez di literalmente o seguinte:

“O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Ribadeo, ao abeiro do Regulamento de organización, Funcionamento e Réxime xurídico das Corporacions Locais, formula á alcaldía, para a súa resposta en pleno, a seguinte pregunta:

No Diário Oficial de Galiza (D.O.G.) do 21 de xullo pasado publícase unha Orde da Consellaria de Educación e Ordenación Universitaria pola que se conceden subvencións a escolas de música públicas. No anexo II á citada orde relaciónanse ás escolas ás que a Consellaria denega a axuda con indicación da causa da denegación, aparecendo a de Ribadeo porque “a solicitude foi presentada fóra de prazo”.

A Escola Municipal de Música de Ribadeo, en funcionamento desde 1993, foi unha das primeiras escolas criadas e a primeira en entrar en funcionamento ao abeiro do desenvolvimento autonómico do artigo 39.5 da Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo (LOXSE), que contempla legalmente a criación destes centros delegando nas administracións autonómicas a específica regulación das condicións da súa posta en funcionamento (Orde da Consellaria de Educación do 11 de marzo de 1993).

Pésie a funcionaren desde 1993, até o curso 95-96 non convocou a Consellaria subvencións para estes centros. Desde entón, a Escola Municipal de Música de Ribadeo veu obtendo discretas axudas anuais. O pasado ano concedeuselle unha de arredor de 1.200.000 pts, que, pésie a súa cativeza, era das máis cuantiosas concedidas a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Ao noso grupo municipal solprendeu que este ano a subvención sexa denegada por un aparente erro administrativo, extremo do que se fixo eco a prensa diaria. Por todo isto é polo que formulamos á Alcaldía as seguintes preguntas:

- ¿Foi elaborado en tempo e forma o correspondente expedente para solicitar a subvención e simplemente foi enviado fóra de prazo ou o non cumprimento do prazo sinalado debeuse a demoras na elaboración do expedente?

- ¿Qué documentación esixe aportar a Consellaria para optar as axudas?

- ¿Realizou a Alcaldía ou algún membro da equipa de governo municipal algunha xestión directa perante responsabeis da Consellaria de Educación con posterioridade ao envío fóra de prazo da solicitude da subvención a fin de intentar solventar o aparente erro administrativo?

- ¿Por algunha razón non tiña a Alcaldía e o Governo Municipal interese en obter a axuda para a Escola Municipal de Música este ano, daí o desleixamento á hora de tramitala?

O alcalde Andina e máis o Concelleiro Delegado de Educación Manuel Valín deberán dar conta na próxima sesión plenária da súa actuación, que o BNG califica de “irresponsábel e desleixada”.

20240910

Algunha foto e algo arredor dela

Algunha foto e algo arredor dela

    Chegáronme por varias canles entre onte domingo, día grande das patronais de Ribadeo, e hoxe luns, varias fotos e varios memes feitos a partir delas. As fotos son tomas do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, coa vasoira e recolledor en man limpando a parte alta das escaleiras do concello ribadense o día da patroa pola mañá. É dicir, en plenas festas e despois de pagar, dende hai xa tempo, a unha empresa contratada un extra para reforzar o servizo de limpeza e manter impoluto o pobo, ou ao menos a zona máis visible del. Como complemento, outra foto tomada pouco despois, ó frente da corporación, escoitando á Banda 'de Gaitas' de Ourense en formación diante do concello. A esas fotos logo se lle xuntaron memes, con lendas commo 'novo fichaxe de FCC' (a empresa contratada para limpar máis, ou 'o castigado da clase', ou coa foto trucada como se estivera varrendo cartos (querendo supoñer que como comisión do contrato de limpeza).

    Como se pode observar, as fotos son de risa fácil, e iso pode provocar que sexan o que agora se chama 'trending topic' a través das redes. Mais, máis aló dese primeiro impulso a rir, coido que poden ter numerosas outras lecturas, mesmo contraditorias unhas coas outras. Por exemplo:

    - O alcalde de Ribadeo déixase sacar unha foto traballando nun traballo manual para o concello, o que o dignifica de xeito independente a que na súa labor como alcalde o faga ben ou mal. Mesmo diríase que a foto pode ser propaganda pagada polo alcalde!

    - O alcalde déixase ver limpando, como se por outra banda non estivera presumindo a diario dunha controvertida limpeza do pobo. Está visto que non é capaz de que a xente contratada de reforzo limpe nin a propia casa do concello!

    - O alcalde, á primeira de cambio, adícase a outras cousas que non son as propias da alcaldía. Aí están estas fotos para amosalo!

    - Que pouca previsión e que mala programación hai no concello para que o alcalde teña que estar a limpar no último momento para non quedar como un porco!

    As anteriores son só algunhas das moitas posibilidades que se poden pasar pola cabeza, ás que habería que aumentar as cábalas sobre a orixe do lixo que podía haber en tal lugar un festivo pola mañá, ou mesmo a natureza de tal lixo, que non se apreza (devolto dun botellón? Pipas dos pícaros de primeira hora do festivo?). De calquera xeito, de forma natural, a xente máis achegada a simpatizar co alcalde collerá as interpretacións máis favorables, mentres que no outro extremo quedarase cos memes máis punzantes. Moita xente non irá máis aló do 'desfrute' puntual, mentres haberá quen sinxelamente apartará fotos e memes como unha parvada.

    Parvada si, pero aí quedará testemuña dun feito que é posibe que se comente tanto como o custe aumentado do alumeado de Nadal ou a oportunidade, agresión á ría, perigosidade e presencia do novo mirador sobre a ría, por non falar doutros temas.





20070224

Esforzo



Chámame a atención a extensión dos deportes nos xornais: coido que é excesiva. Pero non é esa a cuestión sobre a que quero pararme hoxe, senón en que está mal distribuída, pois na realidade, máis do 90% (a ollo) está ocupada por economía. e tampouco por economía do deporte, senón por economía dos clubes deportivos,o que convirte declaracións de deportistas en transacción económica. En cambo, esta fin de semana 450 escolares van a disputar o campeonato provincial de cross na Mariña: o deporte base, o esforzo que é a base do deporte, e case non sae nas novas; en todo caso, como espectáculo, non como deporte ou como esforzo.
Para comparar, de cando en cando son novas os excesos realizados por outra banda, que comezan en parte polo abandono do esforzo. As dúas fotos de hoxe poden ser de calquera fin de semana e calquera sitio. Son do pasado, na parte de atrás do Auditorio Hernán Naval. Entre a nova do cross e o botellón das fotos, pouca diferencia de quilómetros, unha grande diferencia de mentalidade e de dirección da sxente.
Hoxe foi de reflexión sobre educación. Deixo para máis tarde ou mañá o falar de outras cousas que sucederon onte: xuntanzas (e case contraxuntanzas) en Ribadeo, por exemplo.

20150706

Comentando algunha foto

Son sinais de pouca cousa, pero repetidas. Pouco que ver coa nova de hoxe (en Ribadeo que a nivel internacional está o "non" grego), o Camiño Norte Patrimonio da Humanidade,que teremos que debatir para aproveitar e non estragar, na procura desde difícil equilibrio.
Mentres, en Ribadeo, en fotos tomadas domingo á mañá, a primeira amosa o que se diría un resto de botellón. A cousa non é que falle a limpeza (alguén se podería preguntar por que non o limparon, e estamos a falar dun domingo á mañá, o que non da pé a pensar que falle a limpeza) senón a educación da xente que o fixo. Todos temos tirado papeis ó chan, pero hai tempo que a maioría ten a consciencia de que iso non se fai. E mellor para todos.
Un rexistro polo que saiu merda posiblemente nas últimas choivas fortes. Pola apariencia, xa debe levar algún tempo así, nas glorietas de Vilaselán. Isto si que coido que debera ter sido limpado xa.
Unha parede sen lucir e con pintada en r/Picarolas (entre Carlos III e S. Roque). A pintada, estimo, nalgún caso pode ser mesmo un elemento decorativo (máis aló do arte que poda ter), pero a parede leva así... unha década? Supoño que en breves será posta presentable...

20071202

Comentario a partir dunha entrevista.

A Guardia Civil de Ribadeo mantivo estes días un cursió para a súa actualización en primeiros auxilios. Isto deu pé a unha entrevista do responsable que sae hoxe na prensa. Coméntoo aquí porque da unha impresión rara no que nela se pode ler (ó menos, a min)
comeza dicindo que a educación vial debe ensinarse dende a infancia. Lémbrome cando un dentista, ó saber que eu era docente, me deu unha clase particular sobre como ensinar a limpar os dentes ós cativiños pequenos. Non importaba que non tivera esa franxa de idade: os dentes eran o importante. aquelo fíxome reflexionar sobre o que se quere meter no que se chama 'ensino regrado'. A resposta é: 'todo'. E a consecuencia é que ó final, tende a non saberse nada, trivializando o ensino e igualándoo a unha especie de televisión antediluviana para manter a xente fóra de circulación ata certa idade na que xa terían capacidade de producción. Coido que a estas alturas xa podería escribir un tratado sobre o tema, pero de pronto que quede así.
A pregutna enteira, referida ó botellón en relación co tráfico, o entrevistador propón unha alternativa, 'reducindo horarios de apertura ou venda' como piden algúns colectivos. A resposta recollida polo xornal escapa da pregunta sen máis. Non fala nin do establecemento subvencionado de rutas para acudir (posiblemente se metera nun xaleo). E moito menos de actuar sobre a causa, como poden ser os horarios. É entón cando pasa a ocuparse da proposta do ensino dende a infancia.
O ensino como solución de tódolos males. E entendido como un caixón de xastre onde cabe todo e 'polo tanto', onde pode estar a culpa de todo... é posible que por eso se lle teña ás veces tan pouca consideración.

20071110

Segue o ruído na noite.

(Publicado o 10/11/2007 na Comarca)
Poñámonos en situación: noite do 31 de outubro ó 1 de novembro, antes dun día festivo comezo dunha ponte para algunha xente. Locais nouturnos abertos. Festa mesmo nalgúns (Samaín en varios, promoción de bebida noutros, etc). O pobo, sen Policía Local.
Non é un caso illado. Ten ocorrido máis veces que nun comezo de día festivo non haxa patrulla de policía local, mesmo co goberno anterior, que prometera tela a diario.
Coido que non son o único que opino que é necesaria unha mellor vixiancia nouturna en Ribadeo. Denuncias diversas tanto ante o concello como na prensa ou de viva voz poñen de manifesto que hai zonas nas que o ruído non deixa durmir, propiciando ademáis cochambre na rúa, malos tratos ó mobiliario urbano, etc.
Todos os implicados sabemos moito sobre o tema. Tanto que en ningún escrito se logra pasar dalgunhas pinceladas que non reflicten máis que unha mínima parte do que sucede. É doado dicir que hai máis xaleo no verán (aínda que na realidade sexa máis frecuente, pero sen ter por que ser máis acusado cando o hai). Algo menos, expresar que moitas veces temos que aguantar o ver como o incumprimento de normas e as trampas por parte dos locais se pasan de longo para atacar só a competencia, o botellón, e é difícil expresalo. Mesmo vemos como hai unha campaña de promoción da movida co gallo da reducción de accidentes (canta xente con carnet e coche usa o noitebús?) e pasa por inconveniente o dicilo. Podemos transmitir por exemplo que non se pode durmir, ou que houbo iste ou aqueloutro vandalismo, pero é difícil transmitir que ó achegarse a noite, debido a anos de ruídos nouturnos, xa se teña un unha sicose de estar escoitando música, ou un medo cando se achega a fin de semana, ou irascibilidade, ... Aínda se lle nota a moita xente o medo a falar alto e claro dos seus dereitos conculcados e non sería a primeira ameaza recibida por tentar ter efectivamente eses dereitos. E máis difícil aínda coller todas estas cousas xuntas, e outras, e plasmalas. En Ribadeo é moito máis fácil telas que sufrir de novo.
Señor alcalde, non nolo faiga máis difícil.

20081205

Imaxes




Hoxe comeza o mercado do Nadal. Hoxe hai un acto en favor da xustiza nos intercambios comerciais na casa das letras. Hoxe o concello segue a esperar ofertas (xa fóra de prazo) para un piso para desaloxar os últimos chabolistas. Hoxe o alcalde manifesta na prensa que está contento porque está impulsando unha grande cantidade de obra e actividade fronte á crise.
As imaxes non son de hoxe, pero poderían selo. Manifestan un Ribadeo que non é o das verbas, é o das situacións. Un Ribadeo curioso, como as maniquís no escaparate da rúa Reinante. Un Ribadeo con lixo, como a herba que rodea o muro do convento, con restos do último botellón do fin de semana pasado. Un Ribadeo con construccións públicas que poderían coidarse mellor: o auditorio pasou de deixar que a xente se introduxera sen problema na zona de máquinas superior do edificio a que se poda introducir ó seu interior a traverso da fiestra rota a pesares do duro vidro que parece que ten. Un Ribadeo onde algúns símbolos franquistas están xa tan integrados que se fai difícil velos, como o escudo que permanece no actual IES Gamallo Fierros, antes Carlos Mª Rodríguez de Valcárce (nome que que eu saiba non se lle quitou).
Así e unha parte de Ribadeo: tentar xuntar verbas e imaxes pódese facer, pero non é doado.
Mentras, esta tarde xuntaranse asociacións de viciños na Mesa de Asociacións do concello, en espera da existencia dun regulamento de participación cidadá que permita efectivamente un mellor entronque entre verbas e feitos, entre viciños e políticos locais.

20180223

Dúas novas no concello

Non do concello, senón na casa do concello.
A primeira, xeradas por cidadáns: non é a primeira semana na que se reuniron o xoves para protestar pola baixa das pensións, e esta semana volveron facelo. En ambos casos, nas escaleiras da casa do concello.
Únense así semanalmente á xente que protesta os mércores polo estado da sanidade, neste caso no centro de saúde ribadense. Un movemento de protesta pacífico pero que vai sumando pulo para tentar que as cousas cambien e se considere á cidadanía. Xuntanzas que fan saír dos bares as conversas sobre como está de mal a situación social, e crea unha expresión para un caldo de cultivo que xa estaba, pero que literalmente, non se facía ver, non se manifestaba. Ata onde chegará, iso xa é outra cousa, algo que está por ver. Pero o feito de que sexan protestas, non protesta, e non só nun lugar, senón extendéndose xeográficamente, da boa impresión.
A outra nova foi xerada oficialmente, non pola xente (a fotografía anterior amosa ó alcalde nun extremo, sumado á foto, non convocando á manifestación). foi a xunta de seguridade, na que se falou polo que di anota do concello, 'de todo', dende roubos a baches, pasando por grixo na estrada ou botellón e os incendios forestais, e na que non se tomou ningunha decisión nova, como se pode ver se se colle a nota de prensa. Pero foi nova, e como nova foi dada. Para comparar.

20100405

Informes sobre o ruido a nivel Galicia e queixas en Ribadeo

Este fin de semana foi recollido pola prensa o informe do valedor do pobo correspondente a 2009 (1, 2 e o propio informe do valedor en particular nos apartados que comezan nas súas páxinas 99, 112, 117 ou 125) de xeito que saen a relocer os temas de ruído e botellón.
En Ribadeo (atendido polo mesmo informe hai máis dunha década, antes de pasar a nivel xudicial), aparece na Comarca a referencia a unha xuntanza mantida entre alcalde e hostalería. Destácase alí a queixa de donos de locais que reclaman que a vixiancia de horarios de cierre se faga dun xeito igual de estrito a última hora que cos locais que teñen licencia para facelo antes, de xeito que se incremente a vixiancia sobre estes últimos. Chámame a atención na redacción do artigo (só unha referencia pequena) en particular unha fase: "Estiman que esto non sucede, permíteselles abrir ata máis tarde e iso crea un efecto dominó que fai que eles teñan que traballar máis horas, cerrar máis tarde, e a consecuencia delo, moitas veces ser multados por esta circunstancia".
Deixei todo o parágrafo, porque se collo ata só a segunda coma desvirtuaría a información. Comentar que me parece ben e lóxica a reclamación (non a argumentación como eximente de culpa); de feito, é algo que deixei por escrito hai anos (e máis recentemente). Eu faría a distinción de diferenzas entre locais máis que entre horarios, tendo ademáis en conta cousas como que os bares non teñen (alomenos, non deberan ter) música amplificada e polo tanto a media hora última non teñen que quitala, algo que en locais de máis amplitude de horario si que teñen que facer. Por outra banda, aí está aínda recente o cambio de horario inverno/verán e tarde ou cedo sairá á luz o número de locais multados e a presión relativa feita sobre os locais para o peche, co que se verá que non é tan fero o león. Ou aínda máis, resulta que é o mesmo sector hostaleiro o que fai distincións entre locais ó pedir ampliación de horario para os seus asociados e non para os non asociados e non dar publicidade, nin a asociación, nin a Xunta, nin outras autoridades, de horarios permitidos e diferencias horarias, por exemplo nas pasadas festas de Nadal.

20150906

Non é festa

Teño localizado os restos dun devolto nouturno sen limpar de hai cousa dun mes. O concello foi avisado, pero aló segue. Restos de 'festa', si. Indesexables. Permitidos. Sen paliar.
Véxoos case tódolos días. Hoxe tráioos a colación despois de ter dado unha volta por Ribadeo, con algunha cousa que non deixa de ser sorprendente por máis que repetida.
Un vídeo do parque de amadora Suárez Couto, na r/Pintor Fierros, tomado esta mesma mañá:
Pero... en Ribadeo non estaba controlado o botellón? Calquera que viva en certas zonas sabe que nin o botelón, nin os vaos fóra dos locais, nin os berros cos locais abertos ou pechados (ou sen sabelo, que o horario de apertura debe ser segredo de estado e por eso o concello non responde a peticións de información)
Do ruído moito máis se podería dicir, pero sen ferir sensibilidades nin de feirantes nin de hostaleiros, cabe preguntarse por exemplo cantos músicos ambulantes (permitidos, non sei se autorizados) non usan altofalantes. Claro que, despois de que un concello veciño enviara o venres abondo tempo, e mesmo pasando por diante do concello, un coche co seu logotipo e con altofalantes a anunciar unha feira... (para quen non esteña informado, segundo a normativa municipal só poderán ser usados altofalantes en caso de necesidade)