Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Mariluz Álvarez. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Mariluz Álvarez. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20220712

Nota de prensa do concello: Dimisión de Mariluz Álvarez

    Acompaño a nota de prensa do concello que dá conta da dimisión, así como ligazón ás mencións a Mariluz no blog e unha nota final.

MANTIVO UN ENCONTRO CXS COMPAÑEIRXS DO EQUIPO DE GOBERNO

Dimisión de Mariluz Álvarez

11/07/2022

A concelleira de Igualdade, Ensino e Mocidade, Mariluz Álvarez Lastra, presentou hoxe a súa dimisión tras máis de 20 anos dedicada á política municipal.

A edil nacionalista abandona por motivos familiares: "neste momento non podo compatibilizar a miña vida persoal e laboral coa política. A min gústame estar ao 100% e agora mesmo iso é imposible. Entón entendín que toca dicir ata aquí cheguei".

Álvarez Lastra tivo palabras de agradecemento "para todo o persoal das Concellarías de Igualdade, Ensino e Mocidade polo esforzo que estiveron realizando desde o pasado mes de marzo para que todo o traballo que programamos saíse adiante". 

Da renuncia de Mariluz Álvarez Lastra darase conta no pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribadeo previsto para este xoves, 14 de xullo.

A concelleira ribadense mantivo esta tarde unha xuntanza coas súas compañeiras e compañeiros de goberno municipal na Praza 8 de marzo.

Nota final:  Non podo deixar de lembrar que foi a que propiciou que o meu 'Ribadeando' fose presentado no salón de plenos do concello.

20220715

Nota de prensa do concello: Dimisión de Mariluz Álvarez II

    Complemento da entrada anterior, sobre a dimisión de Mariluz Álvarez, coa nova nota do concello con motivo do pleno de onte, xoves, comezado no salón de plenos ó tempo da concentración pola paz celebrada ó pé do concello.

SUÁREZ BARCIA DESTACOU A LABOR REALIZADA POLA EDIL

Pleno ordinario de xullo

15/07/2022

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo deuse conta da renuncia á acta de concelleira de Mariluz Álvarez Lastra, despois de 23 anos de traballo ininterrompidos. Na sesión foron aprobadas bonificacións fiscais en varios impostos para aquelas empresas que decidan instalarse en Ribadeo, foron fixados os festivos locais do 2023 (16 de agosto e 8 de setembro) e foi aprobada unha moción sobre o servizo de saúde mental.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "é importante o paso que dá o Concello ao propoñer bonificacións fiscais nos impostos municipais do IBI, do IAE e no ICIO para todas aquelas empresas que se instalen no noso concello ou xa instaladas fagan unha aposta polo emprego á hora de contrataren xente. Durante tres anos terán bonificacións que partirán dun mínimo do 50% chegando a un máximo do 95% en función do número de persoas contratadas. Confiamos que esta proposta non só orientada ao polígono industrial senón a todo o municipio poida seguir atraendo actividades económicas a Ribadeo".

O rexedor seguiu a relatar que "no pleno fixáronse tamén os festivos locais para o vindeiro ano que quedarán no día de San Roque, 16 de agosto, e 8 de setembro, o día da Patroa. Tamén fixemos axustes orzamentarios en gastos de inversión que queremos ir desenvolvendo ao longo deste ano e que tratamos de ir adaptándonos ás situacións cambiantes da escalada de prezos nos materiais que todos, incluído os Concellos, tamén estamos a sufrir. E igualmente, aprobamos unha moción sobre o servizo de saúde mental da Mariña que nos presentou a plataforma na defensa da sanidade Pública".

Suárez Barcia contou que "tamén no pleno demos conta da renuncia á acta de concelleira que presentou a nosa compañeira Mari Luz Álvarez Lastra, logo de 23 anos ininterrompidos de representar baixo as siglas do BNG á cidadanía deste nobre Concello. A súa marcha, tal e como ela manifesta, faise por motivos estritamente persoais e que non lle permiten xa por máis tempo compatibilizar todos os roles na súa vida".

O alcalde ribadense subliñou: "comprendémola, apoiámola, e con tristura a despedimos, pero con recoñecemento e coa nosa total admiración por todo o traballo que ela levou adiante en todo este tempo, na oposición nos primeiros anos e nos gobernos despois até o día de hoxe. Sabemos que todos somos necesarios e que ninguén é imprescindible e que a todos nos tocará máis cedo ou máis tarde, deixar estas representacións públicas. Pero o que non teño dúbida é que a todos e todas nos gustaría facelo como ela o fai: con tranquilidade, con xenerosidade e co compromiso de seguir apoiando a esta xente que aquí seguimos e aos novos que virán. Desexámoslle o mellor nas súas responsabilidades laborais e nos seus compromisos familiares".

20210706

Un asasinato, cen concentracións

    Onte, en moitos punto de España -máis de cen, e só en Galicia máis de cincoenta- houbo concentracións pola morte de Samuel na fin de semana na Coruña, un crime homófobo. Cando xa levaba visto anunciadas unha lista de concentracións ó largo de Galicia, chegou a min tamén a convocatoria de Ribadeo. E houboa. Vaia que si. Máis aínda se pensamos que foi convocada a salto de mata. Chegará a cambiar sentementos e evitar asasinatos?

   A lista de concellos que tiñan convocada concentración en Galicia que me chegou pola mañá do luns: 

   A convocatoria de Ribadeo:
      Un par de fotos collidas do muro de Suso Fernández:

     A nota do concello a posteriori:

 


OS ASISTENTES GARDARON UN MINUTO DE SILENCIO

Por Samuel

05/07/2021

Varios centos de persoas secundaron en Ribadeo a concentración convocada ás oito da tarde en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, ocorrido na Coruña. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que non se entende ningún acto de violencia cara as persoas independentemente do seu sexo, raza, xénero e/ou orientación sexual.

Ás portas do Concello foi desplegada a bandeira do arco da vella e tras ela, ademais de veciñas e veciños de Ribadeo, situáronse representantes dos partidos políticos con representación na Corporación Municipal (PP, PSOE e BNG) co alcalde, Fernando Suárez, á cabeza.

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, tomou a palabra e dixo que "con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día internacional do Orgullo LGTBI, a Concellaría de Igualdade desenvolveu unha serie de actos para evidenciar que Ribadeo é unha vila que acolle e respecta a todas as persoas. Aproveitaramos dita efeméride para sensibilizar e concienciar as novas xeracións dos valores LGTBI ( lésbico, gai, trans, intersexual, queer) mediante unha serie de actividades de carácter lúdico. A educación e a transmisión destes valores é esencial para que esta sociedade mude".

A edil ribadense dixo: "e hoxe temos que concentrarnos para amosar a nosa máis enérxica repulsa cara o asasinato de Samuel. Matárono por ser como quería ser, como se sentía, porque cada quen debe vivir a súa identidade sexual desde a liberdade. A diversidade da sociedade é a nosa riqueza e non se entende ningún acto de violencia cara as persoas independentemente do seu sexo, raza, xénero e/ ou orientación sexual".

Álvarez Lastra engadiu: "desde o Concello de Ribadeo seguiremos reivindicando e traballando para garantir a diversidade, a liberdade e a expresión de todas as persoas no que atinxe a súa orientación, identidade e sexualidade. Condenamos os ataques homofóbicos, a LGTBFobia e todas as violencias que atenten contra a dignidade e integridade das persoas. Son accións impropias dun Estado democrático. Porque queremos vivir nun Ribadeo de cores, Ribadeo diverso sen violencias onde cada quen sexa como queira ser!! Grazas a todes por vir e contamos con todes vós nesta loita! Avanti o movemento LGTBIQ +!!".

Os asistentes gardaron un minuto de silencio por Samuel. O acto rematou cun extenso aplauso.

20100206

Novo xiro no tema do expediente ó director da dirección da banda e da escola

O concello liberou unha nota de prensa sobre o tema:
"
A CONCELLEIRA DE CULTURA ACUDIU COMO TESTEMUÑA
Declaración nos xulgados
05/02/2010
Mariluz Álvarez Lastra prestou declaración en calidade de testemuña nos xulgados de Mondoñedo na xornada de onte.
A concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde en Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, acudiu onte aos xulgados de Mondoñedo en calidade de testemuña en relación cunha peza separada do expedente disciplinario aberto ao director da Banda e da Escola de Música. Dita peza podería ter implicacións que tivesen que dilucidarse diante da xurisdición ordinaria, proceso diferente ao expedente administrativo que segue o seu curso no Concello de Ribadeo.
"
Na realidade, non é un novo xiro: con esta nova sae á luz algo que xa era comentado dende hai tempo na rúa: son dous expedientes diferentes os que xa se están a tratar en relación co que se pode chamar aínda director da escola, un interno no concello e outro nos xulgados. O segundo probablemente dure máis tempo, pero o levado a cabo de xeito interno polo concello leva en marcha máis tempo do esperado.
Unha nota anterior sobre o caso do director da escola.

20210307

Demasiadas reivindicacións?

   Onte en Ribadeo tiveron lugar a inauguración dunha estatua na praza oito de marzo e a concentración dos primeiros sábados de mes polas pensións. Non tería nada de raro senón porque houbo unha coincidencia de horas. A concentración polas pensións leva celebrándose varios anos os primeiros sábados de mes á mesma hora, as 12 da mañá. A inauguración da estatua, lóxicamente, é un evento único, que ademais, celébrase fóra do día 8 de marzo, central da celebración arredor da muller e no que hai convocada outra actividade a outra hora diferente das 12. Independentemente de cousas como as medidas anti Covid, que en Ribadeo non soe ser difícil cumprir pola pouca asistencia, o que houbera unha coincidencia horaria é unha falta de coordinación que expresa o que cada un vai polo seu lado, como se fora unha secuela do célebre 'en Ribadeo cada un paga o seu'. E é que está moi ben que se organicen actividades polo concello, pero o que non o está é que non se miren as actividades que fan outros colectivos. Sobre todo porque unha porcentaxe significativa de xente dunha reivindicación tamén podería estar na outra. Non, non son demasiadas reivindicacións. É invisivilidade das reivindicacións.

   Deixo unha foto da estatua na praza do 8M coa nota do concello a continuación, e de Suso da concentración sobre as pensións, e o documento lido nesta.

--

HABERÁ MAIS ACTIVIDADES DURANTE O MES DE MARZO

Homenaxe á muller

06/03/2021

A escultura "Son o poder dentro de min", en homenaxe á muller, foi inaugurada este mediodía na Praza 8 de Marzo. Deseñada pola artista Ana Vidal Suárez foi realizada polos Ferreiros de Mazonovo. Este é un dos actos organizados pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

Profesores da Escola Municipal de Música e Danza interpretaron tres pezas no acto desta mañá no que Ana Vidal explicou a idea e o significado do deseño desta escultura e os Ferreiros de Mazonovo referíronse ao proceso de creación. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, na súa intervención dixo que "é unha escultura en homenaxe a todas as mulleres do Concello, ás novas, ás adultas e ás maiores. Todas elas son dignas de ter unha figura que as represente. Porque como reza o titulo da escultura Son o poder dentro de min, as mulleres somos poderosas. Facemos sen ser conscientes do que somos capaces, dobre, triplas xornadas laborais, criamos solas ás veces, enfrontámonos a aqueles que nos queren limitar polo simple feito de sermos mulleres. Loitamos no día a día contra o patriarcado que se resiste a que formemos esa sociedade igualitaria".

A edil ribadense sinalou que "temos moito máis poder do que pensamos ou ás veces do que nós cremos, porque o noso poder a maioría das veces está invisibilizado e devaluado. Dende a Concellaría de igualdade levamos anos intentando poñelo en valor e damos un paso máis na feminización de espazos da vila, despois dos rueiros, de darlles nomes de mulleres a aulas dos Centros de Primaria e agora coa visibilización de figuras femininas ou de mulleres".

Álvarez Lastra tamén se referiu ao momento polo que atravesa a cultura e ás relacións entre Asturias e Galicia: "tamén queríamos amosar o noso apoio con este pequeno signo á cultura, un sector moi castigado nestes momentos e moi necesario para sobrevivir tanto como pobo como persoas.Se algo tiña claro desde o principio é que debía ser unha muller a que deseñara ou creara a obra. Non podía ser doutra maneira. Cando Ana me presentou o bocexo da obra e a idea de facela en ferro mesturando así as diferentes artes e poñendo en valor o tradicional non puiden resistirme. E ademais, queríamos rachar esas fronteiras que nunca existiron coas vilas limítrofes de Asturias, agás neste último ano coas que nos obriga a pandemia, porque queremos que en Ribadeo tamén haxa esa irmandade entre culturas como a que existe na realidade desta vila entre Galicia e Asturias".

Por outra banda, a Concellaría de Igualdade desenvolverá ao longo deste mes diferentes iniciativas como talleres nos centros educativos de Secundaria e a creación do Espazo de autocoidados en tempos de pandemia, que ten como obxectivo fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres adultas. Será dinamizado pola psicóloga Marina López de Prado en sesións reducidas de 5 persoas. Levaranse a cabo 10 sesións dunha duración de 1 hora e 30 minutos. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, 12 de marzo, e actividade comezará o 16 deste mes.

--



 A próxima xuntanza, o 3 de abril.

--

   A guinda. Non importa que se estean a aplicar as medidas anti Covid ou outra cousa, sempre haberá comentarios como o que escoitei camiño do Cantón, diante de Casa Arango. Algo así como 'Que será aquel grupo?'. 'Non sei. Pode que os xubilados'. 'Pois ben poucos son'. Sen importar, claro, os tres anos cos altibaixos de asistencia, as reivindicacións en si, que non son 'os xubilados', senón que son xente que tenta defender as condicións de traballo e de xubilación de todos, sen importarlles ós comentaristas (neste caso, ás comentaristas) que era o defendido, ou a outra concentración, a de mulleres, que tampouco ían para alí nin aparentemente, con présa para outro sitio determinado.

20090805

Presentación de f28


Onte a presentación de "f28, o ollo feminino", estivo moi concorrida. Houbo unhas verbas por parte de Mariluz Álvarez, Seguidas doutras de David Rivas, e logo de dúas participantes, Goyi Gómez e María Fernández.
Despois, pasteliños.
E antes, un traballo de decoración da exposición e un folleto con 17 das imaxes a tamaño reducido.
Comezou xusto ó peche da oficina de turismo, pero os turistas non deixaban de entrar.
As fotos, de dous momentos da inauguración e do cartel da exposición.


20150512

Presentación curiosa: Apuntes sobre Ribadeo


Cortopego e comento embaixo unha nota da sección de novas da web do concello [Para quen non queira esperar, as primeiras páxinas de Apuntes sobre Ribadeo de Méndez San Julián (e as segundas) en versión fotocopiada de man en man, e polo tanto, baixa calidade]:
"A PRIMEIRA EDICIÓN DATA DE 1884
Apuntes sobre Ribadeo
11/05/2015
O salón de plenos acolleu esta tarde a presentación da edición facsimilar do libro "Apuntes sobre Ribadeo", unha compilación de actas do Concello dos séculos XVI ao XIX, que realizou o que fora alcalde, Fernando Méndez San Julián. O servizo de publicacións da Deputación de Lugo foi o encargado de reeditar este libro, do que se porán á venda 500 exemplares, que recollen un anaco da historia de Ribadeo. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; e os voceiros municipais.
Na súa intervención Suárez Barcia sinalou que "desde hai un tempo levabamos pedíndolle á Deputación de Lugo, para que a través do seu servizo de publicacións, puidera axudarnos a non perder esta historia, porque Ribadeo é un concello con moita historia, non se creou como outros de cerca no século XVIII ou no XIX. E este era un cachiño da historia que estaba en moi poucas mans e queríamos socializalo”. E lembrou que “nos últimos tempos estivemos a colocar novas placas das rúas con pequenos datos históricos, para que a xente que nos visita e os que somos de aquí saibamos exactamente o que agochan eses nomes e a historia dos anos. O vicepresidente da Deputación prestouse e traballou activamente para que puideramos ter esta edición facsimilar de Apuntes sobre Ribadeo".
O rexedor engadiu que "como é algo institucional e histórico quixemos que estivesen aquí os voceiros da Corporación Municipal actual para que asistan á presentación deste anaquiño da historia local".
Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, dixo que "este libro permite ter un compendio de datos interesantes para os estudosos e investigadores que queiran coñecer a historia de Ribadeo ou que queiran trasladar isto ás xeracións vindeiras". E tivo palabras de agradecemento para o xefe de publicacións da institución, Xan Ramiro Cuba, "porque se volcou moito para que a día de hoxe este libro estivese listo. Sobre Ribadeo non é o primeiro libro que publicamos, porque fixemos moitos máis nestes catro anos". E manifestou que vai ler este libro "porque me gusta furgar na historia".
Por último, Eduardo Gutiérrez, voceiro do PSOE, como coñecedor da historia de Ribadeo e da figura do alcalde Fernando Méndez San Julián, indicou que "é unha persoa curiosa. Naceu en 1835, foi profesor da Escola de Náutica de Ribadeo en 1872 con 37 anos. Nesa época xa estaba aquí, estudou leis en Oviedo, etc. En 1873 foi presidente do Círculo de Recreo, o famoso Casino, situado no que foi logo o colexio das monxas, na rúa Trinidade. Era unha das sociedades máis poderosas da época en toda a provincia. En 1877 con 42 anos foi alcalde, non foi o rexedor máis novo, a el gañeille eu e a min Fernando Suárez Barcia. No ano 1878 dimite porque foi nomeado promotor fiscal, unha especie de axudante do fiscal. É un termo que hoxe non se emprega".
Gutiérrez subliñou que "era unha persoa moi preparada, moi culta e moi ilustrada. En 1879 hai unha serie de artigos publicados na Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Murguía. No 1880 asina o seu testamento con 45 anos, no 83 asina o prólogo dos Apuntes sobre Ribadeo e no 84 edítase o libro. E falece en 1902 aos 67 anos. Está enterrado no cemiterio municipal de Ribadeo".
Hai que lembrar que en xaneiro de 2014 o alcalde ribadense, Fernando Suárez, recolleu no Arquivo do Reino de Galicia uns 40 libros que o Concello lles enviara había trinta anos para a súa restauración. Neses libros había actas municipais, exemplares relacionados co porto comercial e diversas documentación histórica de Ribadeo. "
Saúdo a edición dun libro histórico para Ribadeo, que marca un resumo de actas equivalente a tres séculos longos da vida do pobo. Chama a atención a presentación en petit comité, moi democrático a nivel pleno municipal actual, que se podería considerar de perfil baixo cara ás próximas eleccións. A cousa cambia cando se ve que o único dos presentes non pertencentes ó BNG e que se volve presentar ás eleccións non é mencionado na nova, o que acompaña a que o alcalde actual é citado máis veces que Fernando Méndez San Julián, ou que, para querer ser mantido de perfil baixo, é das novas máis longas da web.
Como apuntei ó comezo, o libro levaba xa tempo sendo fotocopiado dunhas a outras mans por Ribadeo adiante, chegando a estar en parte incluído no xa inexistente 'Publicado en Ribadeo' mercede a unha copia que conseguín, dunha calidade que me aconsellou non seguir escaneándoo a partires dunha determinada páxina. Ese é o motivo de que o teña colgado xa.

20211204

Mercado de Nadal en Ribadeo, 2021 (e programa mensual)

    Nun momento de pouca afluencia, despois dun descargue de choiva, o mercado de Nadal está apacible... Sábado 4 de decembro pola mañá.

    E o mes de decembro en Ribadeo, Nadal incluido, claro:

    ... e a nota de prensa do concello:

AS RÚAS ESTÁN CHEAS DE LUZ E DE COR

O Nadal chegou a Ribadeo

03/12/2021

Foto alumeado Nadal 

Hoxe deu comezo o XVIII Mercado do Nadal e procedeuse ao acendido do alumeado destas datas.

Esta tarde tivo lugar a apertura do tradicional Mercado do Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo, e que se poderá visitar ata 8 de decembro no parque de San Francisco. Son 25 postos de artesanía e alimentación os que poderán atopar aquelas persoas que se acheguen a Ribadeo estes días. Ademais haberá actuacións musicais e actividades para as mais pequenas e os mais pequenos da casa. Ata o Mercado do Nadal se achegaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, Pablo Vizozo, Jorge Díaz, Pilar Otero e Mariluz Álvarez Lastra.

E coincidindo coa apertura do XVIII Mercado do Nadal o Concello procedeu a inaugurar o alumeado de Nadal, que inclúe unha grande árbore no parque de San Francisco.


20100307

Unha invitación da concelleira de cultura: transmisión

Mariluz Álvarez Lastra

Concelleira de Cultura, Educación e Muller

Ten o pracer de convidar a vostede á entrega de premios aos guións finalistas e presentación da curta “ A princesa que quería ser muller“gañadora do concurso de guións cinematográficos, “ Cine nas aulas contra a violencia de xénero” que se realizará co motivo da conmemoración do dia Internacional das Mulleres.

Que terá lugar o luns 8 de marzo ás 20:00h no Auditorio Municipal Hernán Naval.

20221021

Unha nova acta dun pleno, a disposición

     Onte, día 20, o concello puxo a disposición na Sede Electrónica unha nova acta dun pleno, correspondente ó do día 3 de outubro de 2022. (ACTA DO PLENO 2022-0006 [ACTA PLENO ORDINARIO. 3 DE OUTUBRO DE 2022])

    Algunha das cousas que ofrece:

- Toma de posesión de David Penas Rivas como novo concelleiro, en substitución de Mariluz Álvarez Lastra.

- 'Recoñecemento de obrigas' para o 'pagamento de axudas' a concelleiros  correspondentes á última parte do exercicio do ano 2021:

- Novo proxecto para Life Global (é a terceira vez que se presenta, despois do rexeitamento dos anteriores presentados)

- Achegas ó CAM (Centro de atención de persoas maiores) de Ribadeo, exercicio 2020.

- Recoñecemento de 8000 € a pagar a diferentes proveedores.

- Dación de conta sobre a situación actual do Hospital Asilo Municipal de San Sebastián e San Lázaro.

- Acordo de adicación a Víctor Moro dunha arteria que se dirixa á ría de Ribadeo. 

- O axuste de que organizador das Xornadas Mar por Medio foi a Xunta, colaborando o Concello.

    Outras actas de plenos: actas do pleno

20161125

Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero

Coido que nesta data o importante é darlle un impulso á concienciación. Por iso limítiome a secundar o anuncio dos actos previstos, que, polo concello son difundidos por unha nota de prensa do pasado mércores.
A máis, están previstos diversos actos, incluíndo no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo unha actuación  flash-mob que será gravada, e un túnel negro no patio de columnas.

Asemade, téñense realizado durante a semana diversas outras actividades de concienciación e divulgación, como vídeos nos que agrupacións de mulleres ían lendo e rachando tarxetóns negros con verbas alusivas á violencia de xénero, ou diversas fotografías colgadas na rede a xeito individual, seguindo a campaña 'ribadeo en negro'.
A todo o anterior vense xuntar como influenza o recente premio do Observatorio da Mariña pola igualdade.
A nota do concello:
"ÁRBORES E FAROLAS TINGUÍRONSE DE LOITO ESTES DÍAS
Actos do 25N
23/11/2016
O parque de San Francisco será escenario o vindeiro venres, 25 de novembro, dos actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Si chove trasládanse ao pavillón de deportes pequeno.
Ás 12 da mañá dará comezo a xornada cunha actuación musical e cunha performance a cargo da EMMeD de Ribadeo. Despois intervirán Sandra Saavedra, do Centro de Día A Concordia; Paz Ramil, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; así como alumnado dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz. Gardarase a continuación un minuto de silencio polos 44 feminicidios rexistrados no Estado español no que vai deste ano e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, lerá o manifesto conmemorativo. O acto concluirá cunha peza musical e un aplauso en memoria das vítimas desta lacra. Se o venres fixese mal tempo a cita trasladaríase ao pavillón de deportes pequeno.
Desde a Concellaría de Igualdade animan "á xente a sumarse a estes actos que haberá no parque o vindeiro venres. Queremos que os asistentes se vistan de negro, de loito… polas vítimas". Na campaña Ribadeo en negro, que arrincaba o pasado venres, día 18, están a participar un cento de establecementos e locais comerciais da localidade.
Nos últimos días algúns árbores e farolas da vila tinguíronse de negro cun lazo por cada muller asasinada no 2016. Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade "esta foi unha proposta que saíu do Consello municipal das Mulleres, da participación cidadá e que se estivo facendo contando coa colaboración de representantes do CMM e do Comité Lila"."

20051202

Eduardo Baamonde, piscifactoría, ... boas novas en Ribadeo

    Tanta Miga e a súa barriga. Ese é o título do libro de Eduardo Baamonde para nenos, cuns estupendos debuxos e unha historia interesante, que se presentou esta tarde na Casa das Letras ribadense. Para ver e ler.















    Na presentación o autor lembrou a Suso Peña, o seu propio cariño por Ribadeo e a historia persoal que deu pé ó libro, ambientado en Ribadeo pero que podía estalo en calquera outro sitio como o autor remarcou: se está ambientado aquí é por Suso e a relación de Eduardo e Ribadeo. Na foto, un momento da presentación, falando Mariluz Álvarez lastra, Concelleira de Cultura do concello de Ribadeo.
    Sobre o outro tema, a nota de prensa de Adega sobre a paralización da piscifactoría ordenada polo xulgado, que supoño que será comentada na prensa e radio con profusión:
"Sobre este auto nada temos nós que engadir máis que a consideración de que desta vez faise xustiza co noso patrimonio natural: a lexislación de espazos naturais é unha lexislación de obrigado cumprimento para todos e, dende este punto de vista, ningunha razón pode haber para ubicar esta instalación sobre un espazo da Rede Natura con hábitats prioritarios cando sobra espazo en Ribadeo e mesmo en Rinlo para estas instalacións, ubicacións que, cando menos, terían que ser avaliadas no seu momento. Agardamos que esta paralización serva para que a administración, no seu conxunto, tome iniciativas máis decididas de cara a protección deste espazo de “AS CATEDRAIS”, tanto dende Medio Ambiente, como dende Ordenación do Territorio ou Pesca: nun momento que se nos anuncian unhas directrices e un Plan de Ordenación do Litoral orientado á protección de todo litoral fronte a aquelas instalacións que podan ter outra ubicación fora do mesmo, non deixaría de ser paradoxal que os espazos protexidos do litoral non quedasen exentos deste tipo de instalacións. Pola nosa parte queremos confiar en que esas Directrices e ese Plan de Ordenación do Litoral que o Sr. Touriño anunciaba onte no Parlamento (e que nos consideramos unha moi boa iniciativa, -ademais de absolutamente necesaria á vista dos despropósitos da anterior administración ao respecto) impliquen a revisión a fondo dese Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria que nos deixou aprobado o anterior goberno en funcións (de forma temeraria sen unha mínima avaliación de impacto ambiental) no sentido de que os espazos protexidos, - Parques naturais, Rede Natura, Monumentos Naturais, etc-, queden exentos de calquera uso que non teña que ver coa conservación ou recuperación de tais espazos protexidos. Po último quixeramos pedirlle, -unha vez máis-, ao Concello de Ribadeo, e a unha e a outra parte do goberno bipartito, que, en lugar de seguir insistindo nesta ubicación, se poñan a traballar na busca doutra ubicación fora da Rede Natura. É de Xustiza."
    Para rematar, faría unha reprodución dunha páxina do libro de Eduardo, pero na páxina dúas hai unha desas prohibicións de tipo draconiano para a reprodución, e non se me ocorreu no seu momento (a presentación) pedirlle autorización á xefa da editorial Baía. Para compensar, a ver se esta noite meto por fin Ribadeando, o libro, en Galifontes ou Wikifontes (mellor que en Galilibros ,a parte de que alguén queira mercalo por internet deixándome unha nota aquí mesmo, por exemplo :-) ) En substitución, a igrexa de Ribadeo nunha foto oscura pero que coido que pode verse.