Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Farruco Graña. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Farruco Graña. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20160701

Comezou a feira do libro.

Os temas acumúlanse en Ribadeo. E máis no verán.
Hoxe, mañá e pasado. A máis da IX edición da concentración motera, claro. Comezou, mais non se inaugurou. Deixo indicacións varias collidas de páxinas relacionadas. Quizáis se poidera falar moito máis do tema, mai non é este o momento.
Actividades:

PROGRAMACIÓN FEIRA DO LIBRO DE RIBADEO 2016


Venres 1
  • 12:00h. Apertura da Feira
  • 12:30h. Inauguración da exposición Galicia imaxinada nas revistas da emigración na OMIC


  • 17:30 a 19:30h. Pingando poemas. Obradoiro de acción artística*
  • 18:00h. Presentación de Lendo lendas, digo versos e Galicia encantada con Antonio Reigosa
  • 18:45h. Conversa con Pedro Feijóo arredor de Perigosa, morena e románica
  • 19:30h. Faladoiro con Ledicia Costas: Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta
  • 19:30h. Sesión de sinatura de oso, mamá si? con María Lado
  • 20:00h. Inagururación da Feira do Libro
    • Intervencións: Farruco Graña, Concelleiro de Cultura
    • Pregón inaugural a cargo de Antonio Reigosa
  • 20:30h. Presentación de Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata) con Pablo Vivín e Ramón Villares (CCG)
  • 21:15h. Sempre en Ibiza. Aldaolado
  • 22:00h. Sorteo


Sábado 2
  • 12:00 a 14:00h. Pingando poemas. Obradoiro de acción artística*
  • 13:00h. Vermú literario con Francisco Castro arredor da súa novela Amor é unha palabra coma outra calquera


  • 18:00h. Eduardo Baamonde e os Cadernos de viaxe. Pequena demostración artística
  • 19:00h. Unha mirada á nosa historia a través dos arquivos do arcebispado de Mondoñedo con Cidre Fernández
  • 19:30h. Sinatura de Tempos de norte con Mónica Justo e Roberto Martínez
  • 20:00h. Presentación Ribadeo F.C. Una mirada al s. XX, de Víctor Manuel Pérez Quintana, Caridá. Asociación Deportiva de Veteranos do Ribadeo
  • 21:00h. Exhibición no Quiosco da música. Danza na rúa
  • 21:45h. Sorteo
  • 22:30h. Teatro nos bares con Ollomao (Amodiño)
  • 23:00h. Teatro nos bares con Ollomao (Cantón)


Domingo 3
  • Ciclobiblioteca con Anxo Moure**
  • 12:00h. Visita ao Mercado dos domingos con Merchi Rodal
  • 12:30h. Presentación de Novas lambetadas dunha larpeira feliz de Merchi Rodal
  • 13:15h. Conversa interxeracional con María Canosa. Dos Druídas ao disParo


  • 18:30h. Presentación de Peixes e mariscos. As receitas de Benigno Campos
  • 19:15h. Vicente Araguas presenta Manuel María: un home de mil pezas
  • 20:15h. Presentación de As Catedrais: portas do misterio de Xosé Otero Canto. Concellaría de Cultura de Ribadeo
  • 21:00h. Clausura. Actuación de Moitas máis que dúas piano ensamble
  • 21:45h. Sorteo
    * Para nenas e nenos a partir de 6 anos. Prazas limitadas. Inscrición desde media hora antes. Se chove, os obradoiros faranse na sala de exposicións do parque. Para este obradoiro, os pequenos e pequenas deberán levar indumentaria que poda ser manchada ** A ciclobiblioteca estará rodando durante o horario de apertura da Feira polas rúas ribadenses con visitas ao parque do contador Anxo Moure. A carón das casetas haberá un photocall en que poderemos tirar fotos con lemas de animación á lectura. Biblioteca: servizo de consulta infantil Por cada compra superior a 10€, darase un boleto para o sorteo dun lote de libros e dunha cesta de verduras e froitas do mercado de Ribadeo Os boletos estarán vinculados ao sorteo do día que se fixo a compra e que terá lugar nas inmediacións da Feira. Como é tradición, as compras na Feira do Libro terán un 10% de desconto.
    O tríptico:

Collido de https://www.facebook.com/FeiradoLibrodeRibadeo/


A nota de prensa do concello:
"
PHOTOCALL, SORTEOS DE AGASALLOS, PRESENTACIÓNS...

III Feira do Libro

29/06/2016
A III Feira do Libro de Ribadeo inaugurarase este venres, 1 de xullo, ás oito da tarde, co pregón que ofrecerá o escritor Antonio Reigosa. As casetas xa estarán abertas ao público desde as doce do mediodía e a feira prolongarase ata o domingo, 3 de xullo. A cita acollerá moitas actividades para nenos e nenas e adultos.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo: "coido que este ano damos un pequeno salto de carácter cualitativo nas actividades que se desenvolven nesta III Feira do Libro. Persoas da talla de Francisco Castro, de Pedro Feijoó, de Antonio Reigosa, de Ledicia Costas, xente a nivel local como Cidre Fernández, de Mondoñedo, Pablo Vivín, de Ribadeo, Xosé Otero Canto, que é un chairego que polos veráns está afincado na Mariña e ten posto a súa mirada e os seus versos na praia das Catedrais, xente como Caridad, que ten escrito sobre o fútbol do Ribadeo FC".
O edil nacionalista subliñou que "combinamos o local co universal e poñendo sempre en valor a solidariedade e enriquecemento cultural a través da actividade que desenvolvemos desde toda a nosa sociedade".
O responsable de Cultura ribadense engade que "é un pracer presentar esta Feira do Libro porque ademais con ela inauguramos o terceiro trimestre de actividade cultura en Ribadeo. Un trimestre moi intenso que xa presentaremos para a semana que ven".
Farruco Graña anunciou que "vai haber moitas actividades para os cativos, potenciación dos valores creativos a nivel local e presentaremos algunha novidade referida a novos concursos literarios, porque consideramos que tras varios anos nos que os nosos rapaces e rapazas, nen@s, participan no certame literario de Nadal e as Letras Galegas que organiza a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, e que despois participan na fase provincial deste mesmo concurso, unha vez que rematan a ESO hai que darlles saída para que poidan seguir desenvolvendo o seu afán creativo a través da prosa, o verso e o debuxo".
O concelleiro de Cultura quere "convidar aos libreir@s de Ribadeo e da comarca da Mariña, e dalgunhas outras comarcas a que tamén se achegan ata Ribadeo para mostrarnos os seus libros".
Farruco Graña detallou que "teremos charlas informais para falar cos escritores e escritoras sobre as súas inquedanzas literarias, a súa capacidade creativa e as súas fontes de inspiración. Charlas que pasan por un vermú literario, charlas interxeracionais a través da habilidade como a que ofrecerá a escritora de María Canosa, que tanto escribe para nenos como para adolescentes ou adultos, charlas infantís con Ledicia Costas, que é Premio Nacional de Literatura, charlas con Francisco Castro e coa xente de aquí que presenta os seus libros como Pablo Vivín, Xosé Otero Canto ou o noso veciño Caridad".
Pola súa banda, o técnico municipal de Cultura, David Díaz, declarou que "creemos que é unha Feira do Libro que se vai caracterizar polo dinamismo cun programa amplo, no que non só vai entrar en xogo a literatura senón tamén outras disciplinas que consideramos fundamentais da cultura e coa que conversan diariamente".
David Díaz engadiu que "non imos ter unicamente presentacións de libros senón que vai haber obradoiros para os máis pequenos, como un que realizará Mau Marela de creación artística. Vai haber tamén concertos poético-musicais como o que vai dar a famosa parella de Lucía Aldao e María Lado, que se titula Sempre en Ibiza".
O técnico de Cultura comentou que "tamén imos ter unha ciclobiblioteca, que vai recorrer o domingo as rúas de Ribadeo con pequenas estadías no parque de San Francisco para facer de contacontos con Anxo Moure. Teremos tamén pequenas demostracións de pintura como a que realizará Eduardo Baamonde o sábado, ás seis, despois de contarnos a súa traxectoria dos seus cadernos de viaxe. Hai infinidade de actividades para todas as idades".
A carón das casetas haberá un photocall no que se poderá tirar fotos con lemas de animación á lectura. Por cada compra superior a 10 euros darase un boleto para o sorteo dun lote de libros e dunha cesta de verduras e froitas do Mercado de Ribadeo. Eses boletos estarán vinculados ao sorteo do día que se fixo a compra e que terá lugar nas inmediacións da feira. A clausura da Feira do Libro será o domingo, 3 de xullo, ás nove da noite. Contará coa actuación de Moitas máis que dúas piano ensamble.
"

20230729

Segundo día das Xornadas de Historia local

    Onte tivo lugar o segundo día das Xornadas de historia local, con catro exposicións, de Ana Cabana, David Soto, Iván Rodríguez e Anxo Martíns, presentados por Farruco Graña como presidente da A.C. Francisco Lanza, organizadora das xornadas. Deixo en baixo a parte do cartel anunciador, varias fotos e o audio das intervencións.



Un momento da charla de Anxo Martins

Sobrepasando os límites planetarios (charla de Iván Rodríguez)

Momento da charla de I. Rodríguez

Vista do salón

Vista da mesa. Da nosa esquerda á nosa dereita, David Soto (2º intervinte), Ana Cabana (1ª intervinte), Iván Rodríguez (3º), Anxo Martíns (4º) e o introdutor, Farruco Graña.

Vista parcial da mesa

Momento da presentación de Farruco Graña

Vista parcial da mesa

Momento da presentación de Anxo Martíns

Vista parcial da mesa

Comezo do acto

Vista xeral

Intervención de Ana Cabana

--

20250113

“Entre a memoria e o esquecemento”, por Farruco Graña

Entre a memoria e o esquecemento”, por Farruco Graña

13 Xaneiro, 2025

Este sábado 11 de xaneiro puidemos asistir á presentación do libro “Entre a memoria e o esquecemento. Unha visión do pasado español dende o exilio republicano en México”, de Guiomar Acevedo López (Edicións Laiovento). Da man da autora, e tamén de Carlos Méixome, investigador entre outros moitos eidos, de todo o relacionado coa memoria histórica; e tamén da man do ribadense Mario López Rico, que traduciu este ensaio ao galego, puidemos gozar dun excelente repaso sobre os acontecementos e vivencias vividos ao longo da segunda metade do século XX por aquelas persoas que tiveron que se exiliar, e tamén por aquelas que aquí ficaron exiliadas interiormente.

A historia componse dun feixe de cativos acontecementos que a enchen de contido. Con letras capitais, os libros de Historia reviven o pasado alumando o horizonte do futuro. Pero a luz pódese descompoñer en partículas miúdas que, grao a grao, van facendo morea, van gañando consistencia e convértense nun menhir referente para xeracións futuras. Esa foi a mensaxe que comezou lanzando Mario López Rico evocando o pensamento de Walter Benjamin.

O sábado 11 fixemos un pequeno exercicio de anámnese colectiva: evocamos as vivencias dos galeguistas que se exiliaron tras o golpe de estado contra o réxime republicano legalmente constituído; das xentes defensoras dos nosos sinais de identidade e da liberdade, que viron como o fascismo prolongaba unha guerra (cruel de por si) co fin de exterminar toda voz disidente e facer un país á súa medida. Mais no exilio tamén se seguiu a facer país e a loitar polas liberdades. Ben o destacou Carlos Méixome analizando a presenza do galeguismo no exilio en América.

Fixemos un exercicio de tránsito interxeracional comprobando como as primeiras xeracións agocharon por mor do medo as crueis vivencias experimentadas coa ditadura franquista; vendo como as segundas xeracións comezaron a intuír a faciana perversa do réxime ditatorial; constatando, en fin, como as terceiras xeracións demandaban coñecer que ocorrera cos seus avós e avoas que tanto temor infundía aínda nos seus pais e nais.

Da man das palabras de Mario López Rico (tradutor ao galego do ensaio “Esquecemento e memoria”, de Guiomar Acevedo López); escoitando a Carlos Méixome (investigador a fondo da represión franquista); e, sobre todo, da man de Guiomar Acevedo López, neta de exiliados republicanos, acertamos a comprender a necesidade de mantermos viva a memoria dese tempo de ilusión, dese momento de recuperación e dignificación da identidade colectiva galega e dos ideais democráticos de liberdade e xustiza social. Foi un reencontro entre ribadenses, mariñaos e xentes de ben que aman a democracia. Un reencontro que poderemos volver experimentar a través da lectura deste ensaio editado por Laiovento e que podemos demandar nas nosas librarías.

É o que ten a lectura, o mundo dos libros: ese tesouro infindo que nos abre a novas dimensións, que nos garante a recuperación do pasado e o deseño dun futuro mellor. Velaquí o empeño da Agrupación Cultural Francisco Lanza dedicando boa parte dos seus esforzos a promocionar o libro galego no xénero que sexa e na lingua que nos une é dá sentido á nosa existencia como pobo. Nesta ocasión, ollando “Entre o esquecemento e a memoria” (Edicións Laiovento), escoitando a Guiomar Acevedo López, a súa autora, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo experimentamos todas estas emocións, a sensación do rigor histórico combinado coa tenrura das vivencias persoais dos nosos avós e avoas para que llas poidamos transmitir ás nosas netas e netos. Que grande ocasión de comprobarmos que ler fainos máis libres!

Farruco Graña, presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza.

20160603

Proposta de cronista oficial


Onte pedinlle a Farruco Graña e pasoume o informe presentado ó pleno polo que se propoñía a Eduardo Gutiérrez Cronista oficial, a peza que faltaba no post anterior. Aquí vai:
"Xosé Farruco GRAÑA RAMA, concelleiro delegado de Cultura, de conformidade coa resolución de alcaldía de data 29/04/2016, nomeado instrutor así como responsábel da tramitación do expediente para o nomeamento de Cronista Oficial de D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ,



INFORMA:

1º-. Por Resolución da Alcaldía citada dispúxose a posta en marcha deste informe para a instrución do expediente de nomeamento de Cronista Oficial de Ribadeo de D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, elaborado segundo o establecido no Artigo 21 do Regulamento Especial de Honras e Distincións do Concello de Ribadeo, e que posteriormente será elevado ao Pleno do Concello.

2-. As mulleres e homes de Ribadeo téñense caracterizado, ao longo dos séculos, por desenvolver unha intensa actividade cultural acorde coa puxanza económica e comercial da nosa vila e parroquias. Exemplos temos, e abondosos, de ilustres persoeiros que nos souberon transmitir esas inquedanzas e actividades desenvolvidas polos nosos devanceiros. Este labor viuse especialmente proxectado a través da moi activa prensa local, de ilustres ribadenses (a quen xa lles foi recoñecido ese mérito publicamente) e dun tecido asociativo moi dinámico e comprometido que soubo proxectar cara a Galicia e o mundo enteiro o noso legado cultural. Unha das persoas que máis colaborou na posta en valor dese legado histórico e cultural de Ribadeo foi D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ.

3º-.D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ é un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Alén da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo cultural inxente no asociacionismo de base (presidiu a Agrupación Cultural Francisco Lanza, deu multitude de conferencias e axudou a organizar outras que dinamizaron a vida cultural ribadense, foi organizador destacado da Feira do Libro Galego), como a nivel ensaístico (das súas publicacións destacaremos "Do vello Ribadeo", da A. C. Francisco Lanza). A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ.

4º-. As súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda mitade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.

5º-. Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo. Xa que logo:



PROPONSE:

Que a Alcaldía-Presidencia eleve ao Pleno do Concello de Ribadeo para a súa adopción co voto favorábel da maioría absoluta legal dos membros da Corporación e procedéndose despois do mesmo acto, extraordinario, público e solemne, a proposta que se formula:

Primeiro. Concédese o título de Cronista Oficial de Ribadeo ao Sr. D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, ao entender que están debidamente acreditados os méritos que o fan acredor deste título.

Segundo. A entrega en acto público e solemne, reunida a Corporación en Pleno extraordinario ao efecto e coa debida publicidade.

Terceiro. Que no sucesivo e como tal Cronista Oficial de Ribadeo, ocupe o Sr. GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ o lugar de honra que lle corresponda nos actos aos que sexa convidado.

Ribadeo, 11 de maio de 2016

O Concelleiro

Asdo.: Xosé Farruco GRAÑA RAMA"


20170630

A feira do libro de Ribadeo, que comeza hoxe

... terá novidades, centrarase no próximo... Os tenderetes xa están montados. E o programa, a continuación.

... e a nota de prensa do concello:

CONTARÁ CON 11 CASETAS DAS QUE 6 SON DE LIBREIROS LOCAIS
IV Feira do Libro
26/06/2017
Entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo terá lugar en Ribadeo a cuarta edición da Feira do Libro, que foi presentada hoxe no Concello. Nesta cita terán un papel moi importante os autores e autoras locais e da comarca como Eva Mejuto, Daniel Cortezón, Suso Peña, Miguel Sande ou Santiago Jaureguízar, entre outros. Haberá ademais actuacións da Escola Municipal de Música e Danza, de Ribadeo, e do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, salientou que "un ano máis a festa dos libros, a festa da lectura, convócanos en Ribadeo, imos xa pola cuarta edición da Feira do Libro de Ribadeo neste ano 2017. Como sempre ten lugar no Parque de San Francisco e nesta ocasión será os días 30 de xuño, venres, e máis o sábado 1 e domingo 2 de xullo. Comeza o verán, comezan as letras, comeza a festa dos libros en Ribadeo".
O edil nacionalista explicou que "o cartel deste ano está extraído da base do arquivo municipal e resultounos moi atractiva esta imaxe porque fai unha analoxía entre a ría de Ribadeo e o mundo dos libros. Os libros son como a natureza, están cheos de vida e hai que escudriñalos ben, mergullarse neles día a día e ir obtendo ese pequeno premio cada vez que abrimos unha páxina e lemos un párrafo. Como quen busca longueiróns, como quen busca berberechos, como quen busca o peixe para dar vida nas casas tamén temos que mergullarnos nos libros para dar vida ás nosas mentes e ás nosas conciencias".
Para o concelleiro ribadense "desde as institucións públicas é de obrigado cumprimento que apostemos polo mundo da lectura e polo mundo do libro. Levámolo feito ao longo de todo o curso a través do programa IES Literarios levando escritores e escritoras aos nosos centros educativos para que os nosos alumnos e alumnas poidan departir con eles, falar, preguntar sobre cómo se escribe un libro, qué ideas poden levar a unha estrutura narrativa, a un poema".
Farruco Graña apuntou que "agora é o momento de que tamén nos poidamos achegar todos á praza pública, neste caso ao noso Parque de San Francisco, para falar cos escritores e coas escritoras. Tamén para falar cos nosos libreiros, son unha ponte fundamental entre o mundo dos libros e os lectores e as lectoras, porque son eses amigos e amigas que nos aconsellan, que nos dan a nova dunha nova publicación, que nos comentan aquelas experiencias que tiveron noutras feiras do libro falando con este escritor ou con aquela escritora. Son a ponte necesaria entre o libro e o lector, así que nese senso, o noso agradecemento á aposta decidida por parte dos libreiros e libreiras de Ribadeo na celebración da Feira do Libro, que xa como dicimos vai na súa cuarta edición".
O concelleiro de Cultura en Ribadeo subliñou que "esta edición ten que ter en conta en especial o libro local, o libro da comarca, dar a coñecer os nosos propios valores. Nese senso contamos con presentacións ben rechamantes e con autores ben coñecidos na zona, xa sexa Anxo Moure co seu Nubinete, xa sexa un libro de fotografía de Vicente Ansola, no que rememora as Aldeas sen voz, xa sexa tamén O Anxo negro de Manuel Gago, ou as Mulleres bravas da nosa historia, ou Gorka Rete de Montse Fernández Álvarez. Tamén a memoria para as persoas que xa nos deixaron, pero seguen presentes nas nosas mentes como volver falar de As Covas do Rei Cintolo de Daniel Cortezón e Suso Peña. E como non autores xa contemporáneos aínda en activo como Santiago Jaureguízar co seu Placebo, ou a novela A candidata de Miguel Sande, ou os 22 Segundos de Eva Mejuto". Farruco Graña manifestou que "non queremos facer unha edición moi densa porque temos que dar tempo a dixerir con calma as novas literarias que van aparecendo, pero si moi activa na que se combine presentación de libros con actividades de animación á lectura para todos en xeral aínda que especialmente para os nosos pícaros e pícaras. Nese senso calquera pai ou nai pode achegarse ata o parque que sabe que vai haber actividades para os seus nenos e nenas, e vai poder gozar da lectura ou da charla directa cun escritor ou escritora". O edil anunciou que "haberá colaboracións tamén por parte da Escola Municipal de Música e Danza cun número de danza, teremos colaboración do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, cun pequeno número estendido ao longo da rúa, Anxo Moure volverá traernos a súa Ciclobiblioteca, e tamén poderemos contar coa actuación de Lois Pérez co seu Sacar a lingua a pracer. Trátase de dinamizar o parque, dinamizar a vida, dinamizar a lectura e que todos saiamos gañando e enriquecéndonos un pouquiño máis no plano das ideas".

20171006

Hoxe podes relaxarte e desfrutar con cultura

Sempre chama a atención o poder relaxarse con espectativas de tranquilidade. Hoxe venres, e ata o domingo, a mostra de teatro Daniel Cortezón, xa na súa XIV edición, chama a atención. "A trastada", "Bicos de vinagre" e "Departamento de selección" serán as tres obras representadas sucesivamente.

A nota de prensa do Concello:
CON GRUPOS DE FIGUEIRAS, FOZ E A ESTRADA
Mostra de Teatro Afeccinado
04/10/2017
Mati, viúva de Daniel Cortezón, e Farruco, concelleiro de Cultura, na presentación.

A Concellaría de Cultura presentou hoxe a XIV Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que se celebrará do 6 ao 8 de outubro. As representacións serán no Teatro ás 20:30 horas, agás o domingo que será ás 19:30.
A mostra comezará o venres coa representación da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje, de Figueiras, que porá en escena a obra titulada A trastada. O grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, presentará o sábado Bicos de vinagre, e Disfunción Continua, de A Estrada, o domingo Departamento de selección. Na presentación celebrada hoxe no salón de plenos do Concello de Ribadeo, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, estivo acompañado da viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González.
O edil ribadense dixo que "con moito orgullo presentamos a décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Son xa catorce anos desenvolvendo esta actividade que nos permite dar a coñecer o teatro que se fai pola nosa contorna e tamén por grupos que veñen de máis lonxe".
Graña sinalou que "nesta décimo cuarta edición que vai ser este venres, este sábado e este domingo, poderemos ver a representación dun grupo de teatro duns veciños nosos das Figueiras, é o grupo da Asociación de Mayores Cristo del Buen Viaje e vainos representar A trastada. Como ben pode verse a través do título é un conxunto de trastadas que fai a personaxe principal da obra e que é unha comedia que pode endulzarnos ben a tarde do venres, e poderemos pasalo moi ben ás oito e media no Teatro de Ribadeo. Imos ver como os nosos veciños doutro lado da ría fan teatro igual que eles veñen aquí outras veces e ven cómo nós facemos teatro. O importante é intercambiar e ver a xente distinta que fai teatro".
O concelleiro de Cultura engadiu que "o sábado, tamén no Teatro ás oito e media, o grupo de teatro O Batán, de Cangas de Foz, visítanos. É outro grupo de teatro de aquí cerca, xa da Mariña luguesa, que vai representar Bicos de vinagre. Combina un pouco comedia e algo de traxedia, pero nun formato un pouco distinto ao do venres".
Farruco Graña subliñou que "o domingo tamén no Teatro, pero ás sete e media, porque o grupo que nos visita ven desde A Estrada e pediron que puidera ser un pouco antes a representación teatral. Disfunción Continua representará Departamento de selección. É o reflexo da vida mesma, a xente buscando traballo que ten que pasar por un grupo de selección e que se ve sometida a unha serie de probas. É unha metáfora da vida mesma, as dificultades que nos mostra o día a día, os momentos doces e algún sabor cómico, pero tamén momentos dramáticos e que reflicten un pouco a condición humana. Diso trátase a fin de contas o teatro, de reflectir a condición humana, en clave de humor, en clave traxicómica, noutras ocasións en clave de traxedia".
O concelleiro ribadense declarou que "en Ribadeo sempre estamos abertos e abertas a ver e a facer teatro, a aprender dos demais e a mostrar aos demais o que sabemos facer. Así que convido a toda a veciñanza do propio concello de Ribadeo e dos concellos limítrofes a ver e a asistir ás representacións teatrais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón".
Pola súa banda a viúva do dramaturgo ribadense Daniel Cortezón, Mati González, quixo "animar á xente a que acuda a esta mostra. Xa van catorce edicións e creo que xa ten unha traxectoria moi importante. Gustaríame que fora moita xente e sobre todo especialmente que a xente do grupo de teatro de Ribadeo acudira para opinar, valorar e ver aos distintos grupos de teatro afeccionado que temos en Galicia e neste caso tamén na parte de Asturias".

20160724

Eduardo Gutiérrez

Entérome hoxe polo xornal que onte foi o acto de nomeamento de Eduardo Gutiérrez como cronista oficial. Remato de facer a actualización correspondente na súa entrada da Galipedia. Quixera ter estado presente, mais non me enterei, polo que non podo dar outras referencias da harla da súa recepción ou de calquera outro punto do desenvolvemento do acto.
Para paliar (un pouco) esa falta, deixo unha serie de ligazóns a entradas anteriores do blog:
Proposta de cronista oficial
Elección de cronista oficial
Algúns dos artigos do blog que o mencionan

Ligazón á nova na páxina do concello e reprodución da mesma:
"

Cronista oficial de Ribadeo


23/07/2016
A Casa do Concello acolleu este mediodía o acto de entrega do título de cronista oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez Fernández, acordo adoptado o pasado 30 de maio en pleno por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal. Acto solemne, no que non faltou o son da gaita, así se desenvolveu a sesión plenaria extraordinaria na que interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.
O rexedor destacou "a paixón polo traballo, a honestidade e a honradez na xestión da cousa pública e o orgullo de sentírmonos galegos e ribadenses", despois de lembrar como coñeceu a Eduardo Gutiérrez Fernández e de aludir "á súa capacidade oratoria oculta, ás veces algo mordaz, pero atinada; con aquela determinación por conseguir o mellor para o seu pobo".
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, fixo no seu discurso unha semblanza de Eduardo Gutiérrez, que remataba así: "….Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo".

Eduardo Gutiérrez Fernández tomou a palabra para agradecerlle "ao Sr.Alcalde e á Corporación pola distinción que me fan. Un agradecemento no que debo subliñar o traballo do relator do expediente, o concelleiro de Cultura, Sr.Graña". Na súa intervención sinalou: "sei que asumo unha importante responsabilidade, por tratarse do primeiro cronista oficial de Ribadeo. De todos os que saiban e queiran, requirirei a súa axuda e a todos ofrezo a miña, se de algo lles pode servir …" . E rematou: "pensei demoradamente na frase final deste parlamento, pero logo decidín optar por unha cita dunha das nosas grandes figuras. Señoras e señores, compañeiros e amigos: que a fogueira do espírito siga quentando as nosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".
Á conclusión da sesión plenaria extraordinaria a Corporación Municipal pousou para a foto a carón do cronista oficial de Ribadeo. 
"

20241126

Poder e medios de comunicación. Galicia, s. XXI

    Dou difusión a este acto que a Agrupación Cultural Francisco Lanza presente este venres 29 de novembro:

ACTO: 
CHARLA-COLOQUIO
TEMA: 
PODER E MEDIOS DE COMUNICACIÓN: O CASO GALEGO
PONENTE: 
PRESENTA O ACTO: 
FARRUCO GRAÑA (Presidente da ACFL)
DATA: 
VENRES 29 DE NOVEMBRO
LUGAR: 
CASA DO VIEJO PANCHO
HORA: 
20,30

 

Este venres 29 de novembro, ás 20:30h. na Cada do Viejo Pancho, vai haber unha charla coloquio sobre a situación dos medios de comunicación e as relacións destes co poder. Impartirá a charla Luis Álvarez Pousa, director da revista "Tempos Novos" e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Presentará o acto, Farruco Graña, presidente da ACFL. Agardámosvos que esta información sexa do seu interese e do dos seus lectores e lectoras ou oíntes.

20160805

Volvendo sobre os discursos na investidura como cronista oficial

Embaixo deixo os discursos do novo cronista oficial, Eduardo Gutiérrez ('Lalo Ventura') e a presentación de Farruco Graña. Ambos poideron lerse xa na Comarca, mais coido que son unha testemuña relevante para Ribadeo, e aquí quedan reproducidos.
Discurso de Farruco Graña:
" Señor Alcalde, D. Fernando Suárez Barcia, prezado D. Eduardo Gutiérrez Fernández, señoras e señores concelleiros, veciños e veciñas de Ribadeo, amigos todos:
Hoxe, sábado 23 de xullo de 2016, reunímonos en sesión extraordinaria para render homenaxe a D. Eduardo Gutiérrez Fernández, que en sesión plenaria celebrada o día 30 de maio de 2016 foi nomeado CRONISTA OFICIAL DE RIBADEO, e para facerlle entrega neste acto público e solemne do correspondente título.
Camiñando cada vez con paso máis firme sobre o século XXI, cómprenos hoxe botar unha ollada retrospectiva cara ao último terzo do século XIX e comezos do XX para podermos comprender mellor a valía da persoa que hoxe nos convoca. E quero facelo lembrando a prensa local daquel entón. O 5 de maio de 1866 aparece en Ribadeo "La Cuenca del Eo", de periodicidade semanal. Foi fundada e dirixida, durante a súa curta vida, por Segundo Moreno Barcia e Benigno Pico Bermies. Nas súas páxinas poñíase en valor a actividade desenvolvida no conxunto do país, xa se tratara da inauguración do alumeado de luz eléctrica nas nosas cidades ou da entrada en funcionamento do primeiro cable trasatlántico. Como non podía ser menos, tamén se destacaba a ilusión de se incorporar Ribadeo ao tren do progreso querendo destacar a través da súa incipiente actividade xornalística os pequenos avances que se ían conquistando.
Tamén podemos lembrar "El Ciudadano", un xornal fundado en novembro de 1868 por Andrés de la Cavallería, con clara vocación de defensa das liberdades. "El Eo", sería fundado o mércores 4 de xuño de 1879, unha publicación bisemanal de intereses xerais, novas e anuncios, sendo o seu fundador Antonio Fernández Caro y Ruíz. Preocupaban aos redactores deste xornal os imprescindíbeis traballos de mellora do porto e do proxecto de construción dunha ponte que habería de unir Castropol e Ribadeo. Asemade, tamén debemos resaltar o seu ton reivindicativo a prol de Ribadeo ante as autoridades gobernativas. Con posterioridade, "Las Riberas del Eo" daralle o relevo. Este xornal aparecerá o 1 de xaneiro de 1881, e foi o seu fundador, propietario e director, José María Pérez Cancio. As súas páxinas darán cabida a temas de ámbito local, traballos de carácter histórico (por exemplo os "Apuntes sobre Ribadeo") e colaboracións de persoeiros da vila e de correspondentes tanto en Bos Aires como na Habana. O 30 de xaneiro de 1971 deixa de publicarse.
Chegados a este punto corresponde mencionarmos a aparición de "La Comarca", semanario popular e independente que botou a andar o 5 de outubro de 1919 da man de Francisco Lanza. Desde as súas páxinas defendéronse durante anos campañas a prol dos intereses da comarca, a loita contra o caciquismo e tamén a reivindicación de infraestruturas como os ferrocarrís Bierzo-Ribadeo e Ferrol-Xixón. Cando Francisco Lanza se foi para América en 1927, a defensa da comarca e os seus intereses económicos e culturais seguiron a ser recorrentes. O noso semanario, desde 1975 denominado "La Comarca del Eo", soubo dar saída a toda a enerxía creativa que agromaba no concello e bisbarra, a un e outro lado do río Eo e da ría de Ribadeo. Dionisio Gamallo Fierros, José Ameijide Martínez, Luis Romay G. Arias, Isidoro Asensio Amor, Gilberto Suárez Méndez ou o propio Eduardo Gutiérrez Fernández, entre outros moitos, colaboraron de forma destacada nas súas páxinas.
Este paseo pola prensa local xa nos permitiu evocar varias personalidades que foron dando forma ao pouso cultural inmenso que como colectividade imos acumulando cada ano, un lustro tras outro, de década en década, século a século. Así, é de obrigado cumprimento lembrar as figuras de Fernando Méndez Sanjulián e os seus "Apuntes de Ribadeo", Juan Luis Vega Prada, e os seus "Temas Ribadenses", Antonia Lazúrtegui Cuervo e as súas "40 historias de Ribadeo", ou a Francisco Lanza co seu "Ribadeo antiguo" ou co seu "Falan os de Ribadeo"; tamén debemos destacar a figura de Dionisio Gamallo Fierros, que coas moitas consultas realizadas no arquivo municipal e a súa intensa relación coa veciñanza, logrou reunir abondosa información sobre as nosas xentes, os seus hábitos e costumes e transmitírnolos. Tamén Daniel Cortezón ten dedicado tempo e esforzo á intrahistoria do noso Ribadeo. Todos eles sonlle ben familiares a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ e de seguro teñen ocupado moitas horas do seu prezado tempo e esforzo.
Velaí un elenco excelente para mirarmos ao noso pasado con clara intención de construírmos futuro: importante dinamismo social que se estende desde o século XIX. É certo que cada época xera a súa dinámica e a consabida escala de valores que hoxe poderiamos ver con certa distancia, pero non por iso podemos ignorar as achegas de cada momento. Sociedades como a de Fomento (“Sen instrución non hai liberdade”), a aínda presente Filantrópica-Dramática (que se propuxo promover e fomentar o bo gusto e a afección polo teatro e a declamación), o Círculo de Recreo (que xunto coa Filantrópica-Dramática xa citada fornecían de material á Banda de Música), foron todas elas deixando o seu pouso na nosa vila e contorna. Co século XX haberían de chegar as sociedades agrarias e círculos de obreiros, así como a Biblioteca Popular Circulante. En paralelo, desde o século XVI cónstanos a existencia de centros de ensino. Como non, vinculada á actividade do porto, desde o XIX, a Escola de Náutica e a de Comercio. No XX: a Pedro Murias e o Instituto de Segunda Ensinanza.
Como fomos destacando ao longo desta intervención, as mulleres e homes de Ribadeo téñense caracterizado, ao longo dos séculos, por desenvolver unha intensa actividade cultural acorde coa puxanza económica e comercial da nosa vila e parroquias. Temos destacado exemplos abondosos de ilustres persoeiros que nos souberon transmitir esas inquedanzas e actividades desenvolvidas polos nosos devanceiros. Este labor viuse especialmente proxectado a través da moi activa prensa local, de ilustres ribadenses (a quen xa lles foi recoñecido ese mérito publicamente) e dun tecido asociativo moi dinámico e comprometido que soubo proxectar cara a Galiza e o mundo enteiro o noso legado cultural.
Ao longo da segunda metade do século XX os homes e mulleres que devecían por un mundo mellor e máis xusto, un mundo libre que respectara a diversidade cultural, mergulláronse nun proceso de recuperación dos valores democráticos xunto cos nosos sinais de identidade. Nesa aposta xogaron un papel moi importante as agrupacións culturais que foron xurdindo ao longo de Galiza. Entre elas, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo. Alá polos últimos anos da ditadura franquista xente nova, con moitos folgos, xente non tan nova, pero máis que rexuvenecida ao abeiro da nova época que se albiscaba, e coa ilusión de recuperar a semente plantada nos anos 30, pouco a pouco todos xuntos lograron dar forma a actividades que enchían de contido eses soños de liberdade. Unha delas era a promoción da cultura, a difusión dos nosos valores literarios, o respecto polo noso patrimonio natural e paisaxístico, pola nosa maneira de producir, o amor pola nosa lingua. Velaí o esforzo realizado, entre outros, polas xentes de Francisco Lanza. Unha das persoas que máis colaborou na posta en valor dese legado histórico e cultural de Ribadeo foi a persoa en torno á cal hoxe nos reunimos.
D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ naceu en Ribadeo un 3 de febreiro de 1948. Ao longo da súa vida mantivo sempre compromisos culturais e políticos coa súa terra. Así, foi membro fundador da Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo e foi, desde 1978 e ata comezos do século XXI, o seu Presidente. Tamén foi director teatral, conferenciante e autor de varios artigos. A súa vida profesional desenvolveuse na Escola de Capacitación Agraria “Pedro Murias”, onde exerceu a docencia ata que se xubilou. Participou no proceso de creación da Federación de Asociacións Cuturais Galegas, da cal foi tamén o seu primeiro presidente; formou parte da directiva da AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e pertence á Asociación Internacional de Estudios Galegos.
Polo que se refire ao seu labor político, desde 1983 foi concelleiro do BNG en Ribadeo, ocupando a alcaldía entre 1987 e 1995; ademais de concelleiro, do 95 ó 97 foi Deputado provincial e durante a V e VI Lexislatura foi Deputado no Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Lugo. No anterior mandato municipal foi concelleiro polo PSdeG-PSOE, candidatura pola que se presentara como cabeza de lista e candidato á alcaldía.
Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo.
"
Discurso de aceptación de Eduardo Gutiérrez:
 A lembrar que o acto de investidura foi tratado en Eduardo Gutiérrez, e diversas outras cousas relacionadas con el están agrupadas en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Eduardo%20Guti%C3%A9rrez. Asemade, que premendo co rato sobre a imaxe pode lerse independente e cambiarse o seu tamaño.

20180312

Revisando a fin de semana en Ribadeo: Catedrais e Rueiro

   Vexo que este fin de semana en Ribadeo deu lugar a dúa novas pequenas pero que me chamaron a atención e diversos motivos e por iso paso a comentar.
    A primeira, un artigo  (1/3 de páxina) na Comarca, 'comentarios al plan de protección de As Catedrais', do 'Grupo Municipal del PP de Ribadeo'. En castelán. Di que no plan 'se observan cosas muy raras', xa no primeiro parágrafo. Entendo que se refire ó 'Plan especial de As catedrais' que teño comentado varias veces de xeito parcial, por partes, e sen rematar, de forma abondo máis extensa que a que aparece na Comarca e... en tempo. E é que, publicada a aprobación inicial no DOG de 16 de novembro de 2017, daba un prazo de dous meses para formular alegacións. Prazo que rematou hai case dous meses, polo tanto. E que aparece no segundo parágrafo como unha contradición en contra do plan...
    A segunda, que por fin está a dispoisición o libro ('folletos turísticos') 'Roteiro pola historia de Ribadeo', que ven a ser o prometido hai meses coas novas placas de Sargadelos das que levo exposto fotografías e falado tamén varias veces nestes últimos tempos no blog (Máis placas de Sargadelos informativas, Letreiros para coñecer Ribadeo, Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo, Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos). Pois iso, por fin saíu á rúa e pódese adquirir por 1,5 € na oficina de turismo, segundo a nota do concello. A nota chamou a miña atención por varias cousas. Unha, que segue sen ser público o custe das placas, ó que xa me teño referido. Outra, que non se fala nada do retraso sobre o tempo de publicación falado. Outra, o aproveitamento da petición / anuncio tras ser recollida, de museo de Ribadeo como pobo, obviando/esquecendo as rutas xa establecidas de indianos, de comerciantes... Indicación non obstante que estimo moi válida nun pobo como Ribadeo. Aparece ademáis, en nota de prensa, a figura de Carlos Longarela, arquitecto do ARI e autor da parte gráfica, dato para min descoñecido ata o de agora, aínda tras ser coñecido que o autor dos textos é Eduardo Gutiérrez, cronista oficial e exalcalde (entrada na Galipedia).
    Deixo a foto, tamaño orixinal na web do concello, e a continuación a longa nota de prensa:

A PRIMEIRA TIRADA É DE 1.200 EXEMPLARES
Roteiro pola historia de Ribadeo
10/03/2018
No salón de plenos do Concello presentáronse esta mañá os folletos turísticos denominados Roteiro pola historia de Ribadeo, e nos que se recollen os debuxos e textos das máis de 30 placas de Sargadelos colocadas en rúas, prazas e lugares de Ribadeo. Están editados en catro idiomas: inglés, francés, español e galego e estarán á venda na Oficina de Turismo ao prezo de 1,50 euros. No acto participaron o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, o arquitecto municipal Carlos Longarela, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que "isto é algo moi importante para reafirmarnos como un pobo que leva aquí moitos séculos, que ten moita historia e que moitas veces o tempo vai pasando e as xeracións que van vindo non saben nada do que outras deixaron atrás. Para iso quixemos abusar da experiencia, da historiografía e da sabedoría do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, para pedirlle que o seu coñecemento fose botando luz enriba de pasaxes históricos en diferentes rúas e espazos da vila. Para iso tamén nos apoiamos en Carlos Longarela, arquitecto que nos ratos libres, porque no ámbito do día a día tempo pouco tempo, pero fóra de horas foi facendo os debuxos, moitas veces con orientación do propio cronista oficial. E todo iso metémolo nunha máquina moi potente e moi bonita, que é Sargadelos, onde lle deron o deseño final, e o resultado das placas está aí para ver desde hai un par de meses, penso que con moi boa acollida".
Suárez Barcia sinalou que "aparte diso, que é o que máis perpetuamente vai quedar nos espazos públicos, quixemos tamén difundir esta mensaxe en varias linguas, porque sabemos que Ribadeo cada día é máis turístico, cada vez ven máis xente de fóra que se interesa e gústalle isto que está vendo polas rúas e queremos que teña a oportunidade indo á oficina de turismo e mercando un libriño no que figuran todas estas placas cos debuxos, cos textos e nalgúns casos cunha explicación máis grande. Quixémolo facer en francés, en inglés, en castelán e en galego".
O alcalde explicou que "fixemos unha primeira edición de 300 folletos en cada idioma e estamos convencidos de que dentro de pouco teremos que facer novas edicións. Desde mañá mesmo están a disposición de calquera que se achegue á oficina de turismo de Ribadeo ao prezo de 1,50 euros, polo que realmente non lle gañamos nada, pero o que pretendemos é difundir a historia local".
O cronista oficial, Eduardo Gutiérrez indicou que "na publicación que se presenta hoxe, cun pequeno engadido sobre a que recollen as placas, destácanse trinta e tres lugares vencellados á historia de Ribadeo en diferentes épocas: a medieval, onde se pode seguir o itinerario da muralla reparando na indicación das portas e dos restos que quedan; tamén se sinala a ubicación da Colexiata, onde antes estivo a igrexa parroquial. Sublíñanse igualmente edificios vencellados á aboenza liberal da vila, á súa tradición comercial, cunha clase acomodada e culta, que ergueu a Escola de Náutica, o Teatro e o Círculo de Recreo, as casas armadoras e de banca, que naceron do porto entendido como lugar estratexicamente situado, como fondeadeiro e abeiro, porque non acadou unhas instalacións portuarias que merecesen tal nome. Con todo, da súa importancia dá proba o Forte de San Damián, do século XVIII. E xa no XIX o cargadoiro de mineral de ferro, ao tempo que abrollaban obras e dotacións da man dos indianos enriquecidos en América: a Praza de Abastos, o Cemiterio, a torre dos irmáns Moreno, etc. Tamén se lembran singularidades como os lavadoiros, tal o sonado Pipelo, que durou perto de catrocentos anos".
Na súa intervención Gutiérrez manifestou que "mais dese pouso ilustrado e liberal do século XIX destacan a Sociedade Filantrópico-Dramática de 1835, que ergueu o Teatro, a Sociedade de Fomento que promoveu a Escola de Nautica e o sucesivo Colexio de San Luis. Aparte disto cómpre destacar o escintilante Círculo de Recreo, fundado en 1851. Xa noutra ocasión sinalamos como clarificadora a anécdota que recolle un cronista local, segundo a cal cando en 1858 a raíña Isabel II visitou Lugo, as autoridades provinciais solicitaron en depósito do Círculo os mobles para decorar as estancias onde se aloxaría a raíña, que era nada menos que o Pazo Episcopal".
O cronista oficial rematou salientando: "a boa acollida que tivo a instalación das placas que conforman o roteiro pola historia de Ribadeo, son unha incitación e un estímulo a prol dun Museo, que trasladamos á Alcaldía para o seu estudo e consideración, coa petición de que acolla a idea co mesmo interese e dedicación que puxo na confección das placas. O concepto de Museo ao uso cambiou efectivamente e hai cidades que inclúen nel rutas deste tipo, aparte de varias sedes. Certo que aquí comezamos co último, que xulgamos unha boa medida para avaliar a opinión pública, cuxa colaboración se requeriría tanto no acopio de materiais, como noutros aspectos, co obxecto de facer o proxecto viable. Estimado señor Alcalde: isto é unha celada, que rogamos disimule acolléndonos á existencia delas na muralla, con outros fins, pero igualmente solapados. Aínda que, ben mirado, isto ten pouco de trapela, no sentido literal de encerro. É apenas unha suxestión. E, desde logo, cordial".
E o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que "ter a ocasión de ter nas nosas mans estas breves reseñas históricas é sempre unha boa nova porque dan pulo á nosa actividade cotián. Non se trata de mirar para atrás con ton fachendoso, senón de facelo para sentírmonos orgullosos do que fomos e do que podemos seguir sendo, pero para trazar ben o camiño é indispensable coñecer de onde vimos. Trátase de poñer en valor, pero non só pensando na xente que vén de fóra, que está moi ben que veña, senón en nós mesmos; todos os cidadáns e as cidadás de Ribadeo é bo que saiban da súa historia, os que acabamos recalando nestas terras é bo que establezamos ese vínculo co que foi Ribadeo para facelo noso e proxectar cara o futuro todas as nosas ideas e os nosos proxectos. E nese sentido é fundamental que de cando en vez nos paremos e poñamos negro sobre branco, neste caso habería que dicir ton azul, que é o propio de Sargadelos, sobre branco, eses fitos históricos dunha vila centenaria como é Ribadeo".