20100105
Concerto da BMR
O concerto, en dúas partes, tivo como programa:
We are the world - Michael Jackson
O Rei León - Elton John / Hans Zimmer
Virginia - Jacob de Haan
Ammerland - Jacob de Haan
Danza Húngara nº 5 - Johannes Brahms
Valse Lírico - D. Shostakovich
Marcha Radetzky - Johann Strauss
Esta repitiuse, sendo dirixida a primeira vez por unha espectadora, Alicia Sarmiento.
Como é tradicional, o traxe dos músicos foi algo informal, e a presentación correu a cargo de Suso, que tamén tocou (e non sei se asinou algún autógrafo...)
As primieras obras foron acompañadas de proxección de vídeo ou presentación, sen luz no esceario, que foi suplida por linterniñas individuais de leds nos atrís.
Decididamente, prefiro os concertos da banda ás asambleas de amadores, por iso procurarei repetir unha idea á directiva: por que non un concerto despois da asamblea? Seguro que iría máis xente.
E un detalle que me lembrou a Hernán porque coido que foi unha iniciativa del que se segue a transmiter ano tras ano no calendario de agasallo de amadores: o 'GZ' despois de Ribadeo no enderezo de Amadores.
Valse Lírico
Danza Húngara nº 5
Marcha Radetzky, dirixida por Alicia Sarmiento
Marcha Radetzky, dirixida por David Ballester
20150322
Candidatura completa do BNG para Ribadeo, ordeada e con algún comentario
1.Fernando Suárez Barcia, actual alcalde
2.Mari Luz Álvarez Lastra
3.Vicente Castro Reigosa
4.Ana María Martínez Fernández (ata aquí, todos concelleiros actuais)
5.Xosé Farruco Graña
6.Sonia Meilán Vizoso
7.David Ribas Peña
8.Paz Ermida Igrexas
- De aquí en diante, se saíra elixido o seguinte, o BNG tería maioría absoluta
9.Jorge Díaz Freije
10.Vanesa Yanes Rivas
11.Horacio Cupeiro Rodríguez (5º nas pasadas)
12.María Teresa González Piñeiroa (6ª no 2011)
13.Pablo Vizoso Galdo
14.Paz Ramil Maseda
15.José Rocha Fernández
16.Teresa Díaz Estévez
17.Martín Graña Pérez
Suplentes:
1.Andrea Martíns Fernández
2.Marcos Fernández Fernández
3.Rocío Díaz Mesa
4.Pedro Fernández Villamil
5.María Dolores García Docobo
6.José Luis Baamonde Reigosa
7.Alicia Sarmiento González
8.José Antonio Ramil Acebo
Non está na lista Xavier Campos, actual concelleiro polo BNG.
Lista cremallera, foi presentada como de unidade nacional arredor do BNG.
Lémbrase que a maioría absoluta (que pretenden renovar) estará en 9 concelleiros.
pode compararse esta candidatura coa do 2011.
Candidatura completa do PP para Ribadeo, ordeada e con algún comentario
Eleccións Municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
E máis sobre eleccións
20210518
AUGA PARA TODOS. Pancho Campos Dorado
![]() |
| Recorrido aproximado do Pipelo |
AUGA PARA TODOS
Pancho Campos Dorado
O título deste artigo é copia (perdón pola ousadía) do nome do libro “Auga para todos” (Biblioteca de divulgación da USC, 2017) escrito en galego polo noso veciño Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático (e dende a súa xubilación, emérito) de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago desde 1987. Un traballo exhaustivo e documentado sobre a escaseza e a problemática de todo o relacionado coa auga que temos neste noso planeta Terra. Ese ben común que Francisco nos mostra en todo o seu ciclo hidrolóxico vital para a humanidade, no seu reparto, como enerxía aproveitable, no seu desenvolvemento para os cultivos, ese ben que por estar espallado nun 71% da superficie terrestre, cunha profundidade media de 3,86 km, parece unha cantidade enorme, e en cambio representa soamente o 0,13% do volume total do planeta, e a súa profundidade comparada co radio da Terra, 6371 km, “é algo menos aínda que a pel dunha mazá”. Deste volume, é auga salgada nos océanos e mares, o 99% e só un 1% é auga doce, da que nós, humanos, necesitamos máis que comer. Unha substancia tan escasa como vital para os seres vivos, para a existencia da nosa vida, pois o noso corpo humano está composto por un 70% de auga. Ou sexa é radicalmente esencial que a coidemos como o ben máis prezado que temos, moitísimo máis importante que todos os metais e tódalas pedras preciosas do planeta, por moito que as aprecien os especuladores da riqueza, pois sen elas viven, pero sen beber non.
Pois ben, despois deste introito para saber do imprescindible e escasa que é a auga e que necesaria nos é, temos obriga de conservala en bo estado, e introducireime na problemática que temos en Ribadeo coa auga, pois é un ben co que levábamos desde tempo inmemorial con problemas de abastecemento.
Primeiro aproveitáronse as fontes naturais das parroquias e habilitáronse as dos barrios urbanos, Santiago de Vigo (anterior a 1164) na Vilavella; tróuxose unha canle desde o río de Ove que pasaba de San Francisco ó Campo (río Pipelo), encanáronse augas das Fontes do Lobo, do Monte da Arca e de Folgosa, e fixéronse a Fonte Nova (1536); a Fonte de Guimarán (1687); a Fonte Cavada (1749); a de Espiñaredo (1780); a dos Catro Canos (1894); Fonte da Alza (1935), etc. Un coñecemento máis exhaustivo destas construcións reflíctese no precioso e entrañable libro “As Fontes de Ribadeo” das nosas veciñas Alicia Sarmiento González e Teresa Díaz Estévez (Agrupación Francisco Lanza, 2009).
Hoxe en día desfrutamos dun magnífico servizo de augas da traída, grazas á eficaz medida de encanar a auga do río Eo cara a Ribadeo, obra encomendada polo tamén noso veciño Leopoldo Calvo Sotelo e Bustelo (1926-2008) Presidente do Goberno de España nos anos 1981 e 1982 e Marqués da Ría de Ribadeo con Grandeza de España (Real Decreto 591/2002, BOE núm.151, martes 25 de xuño de 2002). Este pasado 3 de maio foi o 13 aniversario do seu pasamento (q.e.p.d.).
O encanamento de auga do Eo, sacounos os ribadenses da escaseza que sempre sufrimos dela nos veráns. Miña nai mandábame á Fonte Cavada por un caldeiro de auga para poder facer de comer, e coma min, mandábannos aos pícaros do barrio do Matadeiro e de Figueirúa á auga durante moitos días do verán, pois pola tubaxe da traída non saía nin gota. As Fontes do Lobo quedaran obsoletas e non eran quen de abastecer a poboación en crecemento constante, e menos cando aumentaba de súbito cos turistas do interior que viñan de Madrid, de Lugo, de A Coruña, de Bilbao e no mes de setembro as pensións e as casas que daban camas enchíanse de xente que baixaban á vila para tomar os baños quentes de mar.
Aquela falta de auga continuada no tempo, tivo unha solución drástica, un plan de subministro que viu o Presidente que era enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos e un político culto e de gran talla intelectual sen lugar a dúbidas.
Hoxe, aquela obra inxente para aqueles anos da década dos oitenta, está quedando totalmente obsoleta aos corenta anos da súa instalación, debido ó deterioro do colector de entronque Eo-Ribadeo, que segundo sabemos está case arruinado na súa totalidade, e a punto de romperse sen saber ninguén cando, nin en que datas. Menos mal que a rede secundaria de subministro se foi cambiando de hai pouco, e polo menos nas rúas non se esperan consecuencias da tamaña inundación que se prevé.
Para cando espera a Corporación Municipal de Ribadeo afrontar esta obra de recambio do colector principal e a tubaxe subsidiaria que faga falta para manter o excelente servizo actual que tan necesario é como en precario estado se atopa?
Fai uns anos rebentou un tramo pequeniño, e Ribadeo estivo durante dous días sen auga, e o caos nas casas era monumental, non había auga para os inodoros, había que mal lavarse con auga embotellada, e os nenos e vellos, non falemos!
Cando rebente de novo a tubaxe, que rebentará en calquera momento por calquera lado, canto tempo nos quedaremos sen auga? Todo o verán? Todo o inverno? Todo o outono? Toda a primavera? Cantos prexuízos traerá a toda a hostaleira de verán, inverno... ao comercio en xeral. Como nos amañaremos sen auga nas casas, nos pisos onde vivimos unha grande maioría dos veciños? Esas coelleiras da época industrial que tanto furor causaron nos “booms inmobiliarios” deste país e que compramos como unha “bendita” solución as nosas necesidades de habitáculo.
Hai que poñer en marcha un plan de rexeneración sistemática do colector, xa. Non se pode esperar a que ocorra un accidente monumental que deixe a Ribadeo sen auga. Aínda temos na memoria a velocidade de construción que tivo a Xunta de Galiza para reconstruír a ponte de Arante cando a levou o río. Estiveron os veciños anos enteiros sen camiño, porque si patrimonio, que si patatín que si patatán... ¡Sen servizo anos enteiros!
Esperemos que a Xunta responda en condicións de dar solucións e non alarguen o problema ata que o remedio pase por un inferno de problemas.
20170606
ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DE SAN LÁZARO. Francisco José Campos Dorado
Pero nos “Apuntes de Ribadeo” de Mendez San Julián, páx.42, nunha Acta do Concello de Ribadeo do ano 1550, faise a tradución de “malato” como “leproso”, cando se refire a unha muller chamada María Basanta “que por su aspecto era malata (leprosa) y no obstante iba a la iglesia y alternaba con los sanos, vendiendo pan y fruta con oprobio y deshonestidad de las personas sanas y el pueblo pidió que se la separase del trato de las gentes...”.
Por todo isto, seguramente, ó Barrio dos Malatos, era o lugar apartado a onde se mandaban hospedar ou a lavar o río os enfermos denunciados por lepra ou por enfermidades con úlceras que podían ser infecciosas e afectar os núcleos grandes de poboación. As magníficas augas do río dos Malatos, que desembocaba na Vilavella, foron desde moi antigo, usadas para lavar a roupa dos veciños do Concello de Ribadeo (hai fotos de finais do XIX con varias lavandeiras no río) e as augas da Fonte dos Malatos, ata o día de hoxe, son usadas para beber. Este manancial, “débelle o nome á malatería, fundada no século XIV pola Orde de San Lázaro” (As Fontes de Ribadeo, Alicia Sarmiento e Teresa Díaz, 2006, páx.45).
Outro vestixio da leprosería é a perfecta e antiga Cruz de Malta da fachada Oeste da Igrexa de Ove, emblema dos Cabaleiros Cruzados ou Templarios que na primeira cruzada do ano 1098 estando as ordes de Godofredo de Bouillón, tomaron por símbolo a mesma cruz que xa tiñan en Terra Santa os membros da Orden de San Lázaro de Xerusalén. Esta Cruz de Malta, máis grande e pometeada (con roeles nas puntas) podemos vela tamén na fachada Oeste da Capela da Virxe do Camiño, cuxa forma, a día de hoxe, utilízase para as cruces de condecoración dos membros distinguidos por esta Orde de San Lázaro de Xerusalén.
Por outro lado, este escudo de San Lázaro, formula un enigma máis ás primitivas Armas do Escudo de Ribadeo (Escudo de Ribadeo (I), tamén en La Comarca del Eo 20-08-2016). Observado detidamente, podemos ver que sobre a parte alta do paletón ó final da asta, hai unha pequena estrela de seis ou oito puntas (está moi gastada e vese mal, no debuxo está aumentada) e sobre as tres gardas (dentes da chave), percíbense dúas aspas. ¿Qué significan ou significaban estes símbolos?. A forma das gardas desta chave, tres dentes cadrados, parecen representar unha “xurisdición civil”, tipo das ameas das torres e castelos, e das coroas murais do poder civil, véxase a coroa do Escudo de Armas do Pazo do Xulgado de Ribadeo (La Comarca del Eo 1-Outubro-2016). Si son armas de “xurisdición civil”, ¿como é que están nunha Capela e non nun edificio civil? ¿Foi trasladada esta pedra armeira da fachada do Hospital de San Lázaro para a Capela o día que se derrubou aquel?. Puidera ser.
As chaves de “xurisdición eclesiástica”, bastante claramente nolas dan a entender as gardas da chave da Virxe do Camiño (foto 3), cuxo escudo parece tanto, ou algo máis antigo que o de San Lázaro, e presenta unha chave cun paletón moi particular, pois ademais de ter antes da asta, dous entalles, un arriba e outro abaixo, as gardas forman un oco coa figura dunha cruz cadrada (de brazos iguais). A cruz do oco, da a entender que é unha “chave pontificia”, isto é, pertencente o poder do Papa, que neste caso, estaría representado e baixo a xurisdición dun bispo (Escudo de Ribadeo (I), La Comarca del Eo 20-08-2016). Por outra banda, a chave, cremos que si tivera esmaltes, debería ser de prata neste brasón da Virxe do Camiño, debido a que as dúas chaves pontificias en aspa, da insignia papal, a da destra é de ouro, o que significa o poder sobrenatural que se estende o ceo, mentres que a sinistra é de prata, e representa o poder sobre os fieis da súa igrexa (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Curso de Licencia, Madrid 1961, páx. 176). Como o bispo de Ribadeo, exercería o poder sobre os fieis e non un poder sobrenatural estendido o ceo, por iso cremos que a chave é de prata. ¡Pero, ¿quen sabe...? o mellor, pode haber outra opinión, e debera ser unha chave de ouro pois o Papa delega o seu poder ós Bispos, e tamén nós pensamos, que “de Ribadeo o Ceo”...! En fin!
Á vista de todo o exposto, ¿será por isto, do traslado do Hospital á Capela de San Lázaro, polo qué o escudo se colocou nunha fachada lateral da Capela, cara o Camiño, e non no frontispicio ou fachada dianteira principal do edificio?. ¿A estrela e aspas do paletón da chave, terá que ver cunha distinción ou graduación militar de Comandancia que ostentaba o xefe ou administrador do lazareto? Eu non creo que sexa unha estrela de graduación militar, máis ben paréceme que ten que ver coa simboloxía heráldica baseada na lenda daquela estrela que se “pousou” para anunciar o lugar en que se atopaba a sepultura do Apóstolo Santiago no seu descubrimento, e cuxo símbolo debeu servir como marca do Camiño nos primeiros séculos da peregrinación a Santiago, antes de adoptarse a cuncha de vieira para dita sinal. ¿E por qué está colocada na punta da asta da chave e non no campo libre como no escudo actual de Ribadeo?. Dado que o significado da simboloxía antiga gravada nas pedras, é algo esotérico e oculto en misterios para ós que non estamos iniciados, podemos soamente aventurar unha interpretación comprometida, de que como Ribadeo é porto de mar, era un primeiro punto (Norte) por onde se entraba por mar na Gallaecia ou no Reino de Galicia, morada do sepulcro de Santiago, asemellando así o significado do porto coa punta da asta da chave que tamén é a parte primeira da chave que entra na cerradura.
Sen dúbida estas preguntas fágoas soamente por curiosidade, pola inquietude de establecer conclusións, por encontrar coñecemento nos recunchos da tradición. Como di a frase daquel autor anónimo: “Solo quen ten o poder de asombrarse pode dar un paso adiante entre tantas incógnitas”, e a nós podería levarnos a formular moitas preguntas máis, razóns non nos faltan.
Como sabemos, os Hospitais de San Lázaro, ou lazaretos, foron creados por primeira vez en Francia polos Cruzados que volvían de Terra Santa no século XII, e estaban destinados a coidar a todos aqueles que presentaban enfermidades con úlceras na pel. Así que, a Capela e o Hospital de San Lázaro de Ribadeo, tamén poderían datarse de finais do século XIII, cando S. Francisco e algúns discípulos (¿todos italianos?) pasan por Ribadeo en 1214, camiño de Santiago, e fundan o Convento de San Francisco e ¿por qué non puideron tamén fundar unha leprosería (malatería) que como podemos corroborar a día de hoxe aínda conserva os nomes italianos “malatos” e “malatería”, e non o de leprosos e lazareto?
Por outro lado: ¿como é que o Camiño de Santiago pase pola Regueira o lado da leprosería, que se supoñía era o lugar a onde se levaban ou ían os enfermos infecciosos, e non pase, como seu nome “parece indicar” pola Capela da “Virxe do Camiño”? ¿habería en Ribadeo, nun principio, un Camiño de Santiago para a xente que desembarcaba na cala e praia de Guimarán, ou na dársena de Porcillán, cunha senda para a xente sa, e outra cun desvío ó lazareto para os enfermos (malatos), onde se curaban ou aliviaban da lepra (daquela chamada “mal de San Lázaro”)? ¿Había no Barrio dos Malatos algunha casa, pousada ou establecido un lazareto onde se lles facía gardar “corentena” os peregrinos “lacerados” para ver si estaban infectadas de lepra as súas úlceras, e non propagar a infección polo Camiño?
Nós non chegamos a indagar tanto, pero queremos deixar preguntas sen contestar ante tantas particularidades das reliquias coas que nos atopamos dando unha volta polos Barrios de Ribadeo, pois desde pícaros pasamos “mil veces” polo lado delas e nunca chegáramos a ver o que agora relatamos.
Non quixera esquecerme de dicir de que detrás da rexa imaxe de San Lázaro, vese que hai algúns trazos facendo un rectángulo dunha pintura mural tapada polo caliche e que parecen non ter interés patrimonial ¿ou si o teñen?, ¿sería cousa de restaurar a pintura do fornelo do Santo?
Desde aquí darlle as miñas máis expresivas grazas o veciño e amigo Julio Méndez Rodríguez, dono do comercio de pícaros, bebés e lencería MENFER do lado da Praza de Abastos de Ribadeo, quen pasou toda unha tarde comigo, ensinándome o barrio e o posible percorrido do río dos Malatos, entre tantos leitos de ríos e regatos que por alí houbo, que chegaron a mover case unha vintena de muíños de fariña, e hoxe desaparecidos: o Rio de Ove, de Reverte, da Alza, canles públicas artificiais como río O Amalló que chegaba ó Pipelo que desembocaba na Cova da Vella e outra rama en Cabanela, hoxe todo elo oculto e desfigurado pola estrada de circunvalación de Ribadeo e transformado nunha “fraga”, case que unha “xungla” impenetrable. ¡Non temos remedio!



