20210517

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s. Suso López

 

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s.

    Hai toda unha xeración de ribadenses nados entre finais dos 70 e comezos dos 80 que nos criamos orfos e orfas de referentes do ámbito público e de carácter local que complementasen o noso proceso de desenvolvemento persoal máis aló do entorno familiar. Atrévome a dicir, incluso, que Ribadeo é, cando menos no remate do século XX e comezos do XXI, unha vila onde sempre escasearon os espellos do eido social ou político capaces de marcar o devir dun grupo amplo de mozas e mozos. Coma moito atopabamos na escola ou no instituto unha figura-guía que nos acompañaba no complexo e sempre arriscado tránsito da infancia á adolescencia e desta atè a idade adulta. Permítame, quen le, que aproveite estas liñas para agradecer, por tanto, a Mercedes de Esteiro, a Amparito, Encarnita Machado, Carlos Cid, Flor Núñez, Dolores ou Manolo (profe de Lingua e Literatura Castelà) que dende os primeiros anos da primaria e atè o bacharelato foron piares que axudaron a dar forma a quen hoxe escribe no persoal mais tamén no político se é que, como nos ensina a cotío o feminismo, hai diferenza entre un e outro espazo.

    É neste contexto onde a figura de Hernán Naval Parapar (Viveiro, 1962 – Ribadeo, 17 de maio de 2001) cobra plenitude pois foi quen de erixirse en mestre e referente persoal (o que ben sendo amigo), musical e político dunha ampla e diversa xeración de mozas e mozos (e outros que xa non o eran tanto) de Ribadeo e da contorna. Poucas batutas marcaron un compás vital tan determinante coma o que Hernán foi quen de marcar, nos pouco máis de dez anos que desenvoleu a súa actividade en Ribadeo, dende os atrís da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) que reviviu, á fronte da Escola de Música que pariu e consolidou ou dende os foros e espazos diversos (tamén as páxinas deste diario-[El Progreso, onde foi iniciamente publicado este artigo]) dende os que predicou, no sentido laico do vocablo, sobre cultura, lingua e país, as máis das veces, contra vento do nordés e mareas vivas.

    Militante da “música entendida coma un ben social”, como o definiu o xornalista Félix Soria, Hernán anticipábase ao que a pedagoga Ester Bonal sinala como obxetivo central da educación a través das artes: “reconstruír unha cidadanía capaz de traballar na deconstrucción de moitas das estructuras que contribúen á miseria deste mundo global, ao tempo que coida e fai medrar as súas grandezas”. Un repaso a esa década ampla na que Hernán estivo á fronte da Escola Municipal de Música e máis da Banda en Ribadeo evidencian o seu carácter de persoa avanzada ao seu tempo tanto no fondo (a ousadía, daquela, de impulsar unha banda de música de marcado carácter contemporáneo ou a posta en marcha dunha centro educativo musical pioneiro no país son exemplos) coma na forma (os programas de man dos concertos da Banda constitúen unha lección de historia, cultura musical ou coñecemento da realidade social do país de primeiro nivel).

    No mencer do dia das Letras Galegas de 2001, ao saber do seu pasamento, un sentimento de tristura e orfandade asolou a toda esa familia extensa que Hernán foi acubillando ao seu carón. “Resulta difícil enfiar unhas verbas neste día amargo, pór-lle palabras á tristura de todos cando un non é quen de atopá-las para se confortar a si mesmo”, expresaba Eduardo Gutiérrez (Lalo), exalcalde de Ribadeo e amigo de Hernán, poñendo palabras ao que tantas e tantos sentiamos.

    Vinte anos despois do seu pasamento, e coa dor da ausencia que non marcha, dá gusto ver como a Banda segue actuando ou como a Escola bate récords de matrícula ano tras ano exercendo un papel de institución educativa clave na vila. A este seu legado cómpre engadir o sentimento de orgullo, atrévome a dicir que unánime, de todas e todos cantos estivemos nalgún momento baixo a batuta de Hernán. Orgullo de ter formado parte da Banda ou da Escola, de ter coñecido a Hernán pero, por riba de todo, de aprender e medrar canda el. E aí, nesa lembranza aparece sempre o seu admirado Mario Benedetti quen, despedíndose do poeta salvadoreño Roque Dalton, escribiu: "Ahora recorro tramo a tramo nuestros muchos acuerdos y también nuestros pocos desacuerdos y siento que nos quedan diálogos inconclusos, recíprocas preguntas nunca dichas, malentendidos y bienentendidos que no podremos barajar de nuevo. Pero todo vuelve a adquirir su sentido si recuerdo tus ojos de muchacho que eran casi un abrazo, casi un dogma”.

Suso López Fernández foi membro da Banda e alumno da Escola entre 1993 e 2009

 

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):  

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI  

Hernán Naval, escritos e prensa V  

Hernán Naval, escritos e prensa IV  

Hernán Naval, escritos e prensa III  

Hernán Naval, escritos e prensa II  

Hernán Naval, escritos e prensa I

Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses

 

Letras galegas 2021. Xela Arias e Hernán

   Un novo Letras Galegas. Xela Arias na celebración, e Hernán Naval na lembranza. O Campo, con libros e o Sol no ceo como límite.

Hernán, nun debuxo meu, e Xela Arias, no cartel realizado por Chus Colmenero.


20210516

I Half Triatlón: desenvolvemento

 Onte, baixo a chuvia, os deportistas deron o mellor de si. E Ribadeo recibiu a xente que inundou as súas rúas. Quedan en baixo algunha foto (miña) e ligado algún vídeo (de Fernando Suárez) como testemuña.

   As fotos de diversos momentos da carreira a pé, última parte do tríatlon:








Os vídeos, de antes do comezo nos bloques, do comezo da primeira parte, a natación, do entronque coa segunda, o ciclismo, e coa terceira, a carreira a pé. -Nota: como é posible que non se visualicen no navegador, deixo asemade en baixo de cada un a ligazón para abrilos noutra fiestra-

https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795000448859/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795000808868/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795005568987/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795005768992/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795007129026/ https://www.facebook.com/fernando.suarezbarcia/videos/10220795210454109/

20210515

Achegándonos ó aniversario de Hernán Naval

   Como cada ano, ó achegarse o día das letras galegas, comeza a haber un bule bule en torno da figura de Hernán Naval Parapar, na que participo tamén, normalmente a través deste blog. Nesta edición, xa hai unha semana que vin algo nas redes sociais (queda en baixo), e remato de ver o artigo que Eduardo Gutiérrez lle adica, e que reproduzo, en espera do día 17 do cabodano.

   O escaneado da Comarca de hoxe (20210515), da man de Eduardo Gutiérrez:





   Suso Fernández, nas redes sociais:

RIBADEO NA MEMORIA
20 ANOS que nos deixache
HERNÁN NAVAL
aunque non eras de Ribadeo
fixeche mais por él que
moitos que presumen de ser
Ribadenses



Escribir sobre o 15 M

Asemblea en Ribadeo o 20110619

   Hoxe estamos de celebración. Celebramos o 15M, ese de hai dez anos, esa data que quedou marcada como a eclosión dun cambio de mentalidade sociopolítica na xuventude española. Entendiches? Ou sexa, o 'noso' 68, que tamén, dende Francia, tivo diversas antecedentes, réplicas e variacións (seguro que nas antigas checoslovaquias lembran máis ben a versión da primavera de Praga que a versión parisina do maio francés, e en California poñen máis énfase no seu propio movemento, máis extenso no tempo e non menos intenso en moitos aspectos).

   Que tempos, eh? Coido que as lembranzas son boas porque axudan a debuxar a nosa necesidade de ter historia para facernos a nós mesmos e ó noso futuro. Mais, coñecedores disto, estamos a facer das lembranzas celebracións, o que significa en certo xeito, deixalas no pasado cando son as actividades que nos trouxeron a onde estamos agora, e polo tanto, son constitutivas de nós mesmos. E puxen 'actividades' porque chamémoslles actividades, feitos ou como queiramos, implican movemento, o noso propio aporte de actividade, e sen ese movemento (noso) non teñen sentido. E as celebracións tenden a iso: a lembrar unha foto, estática, que nos sube as endorfinas máis que a adrenalina, que nos leva á satisfacción e pracer como se de misión cumprida se tratase, máis que á acción do 'faise camiño ó andar' que tan ben soubo interpretar Antonio Machado.

   Por iso, para non deixar as lembranzas durmir como lembranzas, senón sentilas como parte do que hoxe somos, sentir a necesidade de actuación acorde cos sentimentos por esas lembranzas, non está de máis integrar na memoria aquelo de que os dereitos recoñecidos nas leis aplícanse, defenden e amplían na medida na que se exercen, como lin nun artigo e me fixo lembrar onte mesmo Rosa María Artal.

   Hai multitude de formulacións, de moita xente que escribe sobre o 15M, lembrando historia. E non está mal facelo, necesitámolo, é un coñecemento que non se debe perder, que debemos aumentar, algo a estudar. Pero pararnos aí significa perdernos o noso 15M, a nosa revolución, sexa como individuo, sexa como sociedade. Decaer a un estado de inconsciencia. Participáramos a favor da corrente ou estivéramos horrorizados polo que sucedía, que iso tamén, nalgunha xente, foi un froito do 15M.

   Unha última apreciación: darlle ó pedal nunha bicicleta estática mantén os músculos en forma, e chámaselle deporte. Pero, aínda que o movemento muscular sexa comparable, pouco ten que ver co facer deporte nunha bicicleta de estrada ou de montaña, graduar o esforzo ó que ven, e non ó que queremos que veña, ver pasar a paisaxe e sentir o aire no rostro en troques de escoitar o mp3 ou ver un vídeo. A experiencia, e o resultado para todo aquelo que non sexa músculo, é diferente. Leva esa idea á túa vida e á da sociedade: é equivalente á bicicleta estática ou a unha ou outra versión da bici de toda a vida? A paisaxe cambia, a vida tamén. E nós temos que adaptarnos, ser conscientes e sobrevivir ó tempo que podemos tentar adaptar a vida.

20210514

Half triatlón e cia.

   I Half Triatlón. Non comprendo o seu nome, co primeiro signo en números romanos (logo, latín),a primeira parte do nome en inglés, e a segunda, en castelán (non en galego). A nota de prensa de hoxe non o aclara. Os voluntarios son 'máis de cen' (pedían 150), e os participantes aproximaranse ós 500. O desenvolvemento, a mañá do sábado, e os puntos para ver a competición estenderanse ó longo de 100 km, polo que, se queres vela, tes espazo! (ver o recorrido en baixo)

O tríatlon (non está mal escrito, é outra lingua, a galega) ten efectos secundarios. Non só para os atletas e o público, de xeito directo, senón tamén para a hostalería de Ribadeo, e ata para os veciños da zona da Pega.

Imos primeiro polas notas de prensa do concello. Ista primeira é de hoxe mesmo:

A SAÍDA SERÁ DESDE A PRAIA DOS BLOQUES

I Half Triatlón Ribadeo

14/05/2021

O Concello ultima os preparativos para o I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará na localidade mañá, sábado. Preto de 500 participantes federados se darán cita nesta proba, que contará coa colaboración de máis dun cento de voluntarios “para axudar e sinalizar durante o percorrido”, segundo explica o edil de Deportes, Jorge Díaz Freije.

E subliña que "toda a proba está verificada co protocolo covid19. Agardamos que supoña un apoio importante esta fin de semana para os hoteis e restaurantes de Ribadeo".

O alcalde, Fernando Suárez, agradeceu "o apoio necesario e impagable dos Concellos de Barreiros e Trabada. Con todo, e aínda que é importante para o deporte, para Ribadeo e para a economía local, seguro que algunha molestia se pode ocasionar durante o sábado á mañá. Desde a organización, os colaboradores e mais o Concello de Ribadeo queremos pedir desculpas por anticipado ao tempo que solicitamos comprensión pola importancia do evento".

O Half Triatlón Ribadeo realizarase en dúas modalidades: Short e Half. Os participantes na Short nadarán 1000 metros, percorrerán 42 quilómetros en bicicleta e farán 10 quilómetros de carreira a pé. E na Half serán 2000 metros a nado, 81 quilómetros en bicicleta e 19,2 quilómetros de atletismo.

A saída da Short está prevista para as nove da mañá e a da Half para as 9:30 horas.

 A nota anterior é complementaria da nota de prensa de antonte. A notar que os cortes (poño ligazóns na nota para que se saiba a situación das estradas referidas) vai sar en máis lugares que os referidos, pois se non, volverían a Ribadeo polo mesmo lugar que van, e non é así:


DESDE AS 8:45 ÁS 14:30 HORAS

Cortes de tráfico

12/05/2021

O I Half Triatlón Ribadeo, que se celebrará este sábado 15 de maio, reunirá a 470 participantes. A proba ocasionará cortes de tráfico nas estradas LU-P-5207, LU 133 e LU-P-6103 polo que desde o Concello piden desculpas polas molestias que se poidan ocasionar. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, sinala que haberá desvíos sinalizados.

O edil anunciou que "hai 470 participantes, para as dúas modalidades desta proba. Nunha das especialidades hai 330 e na outra hai 140, que é a máis longa".

Jorge Díaz subliñou que "vai haber varios cortes de estradas, sobre todo na LU-P-5207, que vai desde o colexio público ata o cruce de Vilela, onde hai un cruce coa LU-133, que é a que vai de Reme a Vilamar e chegará tamén o corte á LU-P-6103, que é onde está Vilamartín Grande e que limita con Trabada. Toda esa franxa estaría cortada ao tráfico, salvo excepción ou emerxencia, de nove menos cuarto da mañá e dúas e media da tarde".

O concelleiro de Deportes dixo que "queremos informar a toda a xente que normalmente faga uso desas vías, a esas horas, que van estar cortadas. Teñen outras alternativas tanto os que veñen a Ribadeo desa zona como os que viven neses lugares. Pedimos desculpas porque esta proba é moi importante, pero todo ten as súas trabas de organización".

Díaz Freije engadiu: "volver dar as grazas aos máis de cen voluntarios que fan posible esta proba, homes e mulleres que colaboran para levar a cabo esta importante competición de ámbito nacional, a través da Federación. Volvemos recalcar a boa colaboración cos dous concellos afectados, ademais de Ribadeo, como son Trabada e Barreiros, que colaboran incluso co seu voluntariado no seu ámbito. É de agradecer porque é necesario todo o apoio. Reiteramos que se manteñan todas as precaucións sanitarias".

O edil ribadense espera que "isto sexa un empuxe para o sector turístico, que algo lle poida aportar e que con esta iniciativa empecemos a fortalecer esta rede na que nos servimos todos. Esperamos que vaia ben todo na proba e que para o ano que ven se poida volver facer".

 A do día 6, polo contrario das anteriores, parece dar unha indicación do nome: a proba é nacional, logo ten certa lóxica que se se identifica nación = España, apareza o castelán no nome.

HABERÁ CORTES DE TRÁFICO E DESVÍOS ALTERNATIVOS

I Half Triatlón Ribadeo

06/05/2021

O Concello ultima os preparativos do I Half Triatlón Ribadeo que se celebrará o vindeiro 15 de maio. O edil de Deportes, Jorge Díaz, salienta a importancia desta proba nacional e o impacto económico que pode ter dado o alto nivel de participación.

O concelleiro ribadense lembrou que "o vindeiro 15 de maio se fará, por primeira vez, un triatlón de carácter nacional, a través tanto da Federación Galega como da Federación Nacional. O Concello colabora intensamente coa organización. É un percorrido moi transversal no senso de que toca o ámbito tanto urbano como practicamente todas as parroquias polas que pasa ou ten influencia, incluso ten bastante influencia noutros concellos como Barreiros e Trabada".

O edil de Deportes explicou que "a proba sae dos Bloques, ese entorno tan característico da ría de Ribadeo, aí faise a proba de natación e despois o percorrido en bicicleta pasa por Vilamartín Grande, sube toda a estrada que vai a Santa Cruz, dá a volta e regresa á praia dos Bloques. A continuación sairán cara ao faro, percorrendo unha distancia de 10 ou 15 quilómetros, dependendo das dúas modalidades que se corren dentro da mesma proba e rematará na praza onde está o Concello".

Jorge Díaz sinalou que "é transversal tamén tanto nas administracións como nestes tres concellos que toca, onde temos que dar as grazas aos máis de cen voluntarios que están apoiando a proba, ás distintas institucións e aos distintos Concellos. Queremos agradecer tanto a Barreiros como a Trabada toda a súa colaboración, desde o primeiro momento con voluntarios, ás dúas alcaldesas neste caso. Esperamos que vaia todo ben". 

Para Díaz Freije "loxicamente unha proba tan longa algún trastorno trae entón, desde ás nove menos cuarto da mañá ata as dúas e media da tarde, vai estar cortada a circulación nesa estrada. Queremos advertir que hai alternativas en calquera punto para que a xente se desprace sen ningún tipo de inconveniente. Estes días vaise poñer a sinalización e se hai algunha dúbida que chamen ao Concello para tratar de arranxalo o antes posible".

O concelleiro de Deportes subliñou que "é unha proba importante en todos os sentidos, tamén para o sector hostaleiro que nestas datas que estamos a sufrir os inconvenientes da pandemia tamén se viu afectado. É un pequeno impulso para empezar esta nova etapa que esperemos que vaia todo ben".

 A nota máis vella pedía voluntarios (150):

É PRECISO ANOTARSE NA ÁREA DE DEPORTES DO CONCELLO

Voluntariado para o Half Triatlón Ribadeo

20/04/2021

A organización do I Half Triatlón Ribadeo precida da colaboración de 150 voluntarios para o desenvolvemento da proba o vindeiro 15 de maio.

Desde a Área de Deportes do Concello solicitan "a colaboración de todas as entidades deportivas, clubs e asociacións ou voluntariado en xeral...posto que serán necesarios 150 voluntarios para os diversos cruces de carreira, e ao ser tan longa tentaremos incluso facer varias quendas para que non teñan que estar os voluntarios tanto tempo".

E engaden que "precisamos que os voluntarios estean ás nove da mañá no punto do percorrido que se lles indicará previamente. Algúns poderán estar un pouco máis tarde. E rematarían entre as dúas do mediodía e as cinco da tarde".

As persoas que estean dispostas a colaborar como voluntarios poden anotarse na Área de Deportes do Concello indicando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, dirección de correo electrónico, dirección, número de teléfono móbil, talla de camiseta, club ou asociación á que pertencen, carné de conducir (os que o teñan) e dispoñibilidade de conducir. Desde a Concellaría de Deportes explican que “todos eses datos poden remitilos por correo electrónico a Área de Deportes do Concello. A inscrición tamén se pode facer chamando por teléfono á Casa da Xuventude ao 982 129 889".

A Área de Deportes mantivo un encontro cos presidentes das asociacións de veciños das parroquias polas que discorrerá esta proba. Con eles estiveron o concelleiro e o técnico de Deportes, Jorge Díaz e Iván López. 

O Concello ribadense colabora na organización do I Half Triatlón Ribadeo que se vai celebrar o 15 de maio. A proba é puntuable para o Ranking Nacional de Triatlón de Media e Larga Distancia e contará coa participación de máis de 500 atletas. 

   Por último, a explicación do que poñía ó comezo sobre a Pega. Resulta que hai un movemento veciñal reclamando amaños nas vías desa zona, rtendo recibido promesas, pero non feitos. Amañaron o camiño do cemiterio, pero non o resto. Pois onte mesmo estaban botando un pouco de alquitrán e grixo, insuficiente, pero un amaño, ó fin, e ante a pregunta dun veciño, a resposta foi clara: o tríatlon. Deixo algunha das fotos que me pasaron, onde non se observa o nome da rúa, pois por alí son algo escasos:





Falando das letras galegas: premios en Ribadeo

   Sempre da gusto falar de premios ós cativos. Remata de darse a coñecer como nota de prensa do concello os premios deste ano convocados pola biblioteca El Viejo Pancho con motivo das Letras Galegas. Corto e pego: seguro que coñeces a algunha ou algún.


 

FORON PRESENTADOS MAIS DE 400 TRABALLOS

Premiados Letras Galegas

13/05/2021

Xa se coñecen os nomes das premiadas e premiados na fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2021, convocado pola Biblioteca El Viejo Pancho. A entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, 17 de maio, ás 19:30 horas no quiosco do parque de San Francisco.

NARRACIÓN (Presentadas 162)

CATEGORÍA A (ata  8 anos) (Presentadas 56)
“A nena que inventaba libros”  Irea Barcia Castro (7 anos) C. Sagrado Corazón

“A miña vida con Mozart”. Fabián Pérez González (7 anos) C. Sagrado Corazón

“A miña primeira vez”. Álvaro González Rico (8 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA B (9 a 11 anos) (Presentadas 63)
“O tesouro do Marqués de Sargadelos”. Victoria López Veiga  (9 anos) C. Sagrado Corazón

“Daniel”. Fernando García del Río (11 anos) C. Sagrado Corazón

“O dereito dos nenos e nenas a participar na vida cultural ”Xoel Nonide García”(10 anos) CEIP Gregorio Sanz

CATEGORÍA C (12 a 16 anos) (Presentadas 43)
“A tenda de música”. Claudia García López (15 anos) C. Sagrado Corazón

“Sempre no Prado”. Marta Ortiz González (16 anos) IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

"Ideas brillantes”. María García del Río(15 anos) C. Sagrado Corazón

DEBUXO (Presentados 249)

CATEGORIA A (ata 8 anos) (Presentados 113)
Adriana García Martínez (8 anos) CEIP Gregorio Sanz

Álvaro Pascual Muñiz (7 anos) C. Sagrado Corazón

Mar López Cupeiro (7 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA B (9 a 11 anos) (Presentados 80)
Aitana Monasterio Alonso (11 anos) C. Sagrado Corazón

Martina Castro Abad (11 anos) C. Sagrado Corazón

Nair Posada García (11 anos) C. Sagrado Corazón

CATEGORÍA C (12 a 16 anos) (Presentados 56)
Claudia García López (15 anos) C. Sagrado Corazón

Martina Utrilla Torviso (16 anos) C. Sagrado Corazón

Zoe Fernández Martín (13 anos) C. Sagrado Corazón

A entrega de premios terá lugar o vindeiro luns, 17 de maio, ás 19:30 horas no quiosco do parque de San Francisco. 

-

Programa letras no campo 2021

20210513

Francisco Moreda Pérez

   Esta tempada Francisco Moreda está de moda. De moda matemática, pola cantidade de veces que é citado. Sen ir máis lonxe, aquí no blo a última entrada que o cita é de 11 de maio, e hoxe volvo á carga copiando a nota do concello pola que se comunica que 'sufrirá' unha homenaxe, despois de tr cedido a herdanza o ano pasado:


 

ESTANSE A ULTIMAR OS DETALLES DA AMBICIOSA REFORMA

Recoñecemento público

11/05/2021

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o Concello faralle un recoñecemento público a Francisco Moreda Pérez, quen quixo que os aforros e bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas, que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. O investimento a realizar nas obras de mellora nesas instalacións ascenderán a 1,5 millóns de euros.

O rexedor ribadense contou que "na comisión informativa, celebrada onte, para dar contido da herdanza aceptada do señor Francisco Moreda Pérez, coa fin de destinala ao Hospital Asilo Municipal, estivemos xunto cos corporativos, tamén os técnicos municipais actuais, os que anteriormente desempeñaron os cargos de interventor e tesoureiro nos meses anteriores, así como o avogado que estivo ao tanto das tramitacións da aceptación e da adxudicación da herdanza. Demos conta, polo miúdo, de todos os pasos dados para identificar os bens que esta persoa dispoñía, pois no testamento deixou dito que todos os seus bens foran para o Hospital Asilo, polo que o Concello de Ribadeo como titular do Hospital Asilo é quen debe velar para cumprir este seu desexo". 

Bens mobles e inmobles
Suárez Barcia explicou que "en canto aos bens inmobles legou o cen por cen dun céntrico piso na rúa Reinante, en Ribadeo, así como o cincuenta por cento indiviso do fallado deste edificio. Desde o Concello encargamos tres taxacións diferentes. Unha á Deputación Provincial, outra aos propios técnicos do Concello e unha terceira externa. A partir de hoxe, todos os interesados poderán ver os detalles na páxina web do Concello, concretamente no perfil do contratante ou tamén na plataforma de contratos do estado. Para isto poderán presentar ofertas en sobre pechado que será dun mes, a partir de mañá. O prezo de saída son 210 000 euros para o continente e 30 600 euros para o contido. Tamén esta persoa tiña como bens mobles un vehículo Ford EcoSport que foi entregado, xa o pasado 7 de novembro, á congregación relixiosa que xestiona o Hospital Asilo".

Diñeiro e produtos financieiros
O alcalde seguiu a relatar que "no tocante ao diñeiro e aos produtos financeiros que tiña, como accións, fondos de inversión, plans de pensións, etc…, actualmente a cifra non está pechada a día de hoxe porque mantemos unha discrepancia coa entidade financeira onde estaban estes instrumentos financeiros, que ven motivada na diferenza de valor de varios destes produtos entre o momento en que o Concello aceptou a herdanza, que foi en xullo de 2019, e o momento en que o banco efectivamente os puxo a disposición do Concello, que foi entre xuño e xullo de 2020. Desde o Concello de Ribadeo e confiando, unha vez máis, nos servizos xurídicos e económicos desta entidade, presentamos un preito xudicial contra o banco por esa diferenza e esta situación vaise dirimir nos próximos días no tocante a saber quen debe asumir esta posible depreciación dalgúns dos seus valores".

Fernando Suárez indicou que "con todo, debemos dicir que, unha vez que o Concello tivo acceso efectivo ás contas e aos fondos, atendendo tamén ás indicacións, como sempre, da intervención municipal, decidiu liquidar todos os produtos financeiros de xeito inmediato, dado que as administracións públicas non podemos ter ao noso cargo produtos de renda variable que estean suxeitos ás flutuacións do mercado senón que só podemos traballar con investimentos en condicións de liquidez e de seguridade. Pois, unha vez liquidado os produtos correspondentes a estas accións, fondos de inversión e plans de pensións, a cifra efectiva foi de 591 195 euros, e este é o importe que hai seguro e o que se coñece a día de hoxe á espera do que ocorra no xulgado". 

Custes asumidos que deben ir contra a herdanza
O rexedor manifestou que "tamén debemos dicir que, segundo os técnicos municipais, todos os gastos que a aceptación dunha herdanza xeren deberán ir a beneficio de inventario, isto é deberán detraerse da cantidade final efectiva. Neste caso, os diversos custos que obran tamén no expediente, como o pagamento de rendas pendentes desta persoa no apartamento no que vivía en Cataluña, o transporte dos enseres que alí tiña para Ribadeo, os honorarios dos avogados, a notaría, o rexistro, as taxacións dos inmobles, etc…, ascenden a unha cantidade de 22 972 euros".

Destino da herdanza: arranxo e adaptación do edificio do Hospital Asilo
Fernando Suárez sinalou: "en canto ao destino da herdanza, dado que estamos obrigados a cumprir a vontade desta persoa, vai ser o investimento de todo este patrimonio na mellora, no arranxo e na adaptación do Hospital Asilo, e por todo iso quixemos simultaneamente, en todo este tempo, elaborar o proxecto técnico para adaptar ás normativas actuais o edificio. Para iso, o técnico municipal cifra o conxunto das obras necesarias en 1 500 000 euros, sen ter en conta o valor do mobiliario, dado que será necesario instalalo novo despois da importante actuación de modernización do edificio que se vai facer. Para iso, lévase varios meses traballando e coordinando coa Consellería de Política Social para que dea o visto e prace a este proxecto. Precisamente, no día de onte, mantívose unha nova xuntanza técnica para ultimar os detalles deste ambicioso proxecto".

O alcalde de Ribadeo declarou que "se fai evidente que as importantes cifras desta herdanza non son abondas para cubrir o custo das obras máis, a partir de agora, será cando outras administracións deberemos poñer enriba da mesa canto financiamento se poderá achegar para completar o necesario".

E engadiu: "finalmente, e non menos importante, tamén queremos recoñecer a vontade desta persoa que quixo que os aforros e os bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e para facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. Para iso, o Concello de Ribadeo faralle o recoñecemento público que merece o señor Francisco Moreda Pérez".

A esquela de F. Moreda, para saber (un pouco) máis: