20190926

Folga Mundial polo clima: Ribadeo (actualización)


Nota aos medios

O día 27 de setembro, ás 20:00 horas terá lugar unha concentración diante do concello de Ribadeo para sumar a cidadanía do noso entorno á Folga Mundial Polo clima.
Este evento está potenciado a nivel mundial de xeito colaborativo por numerosas asociacións e movementos como FridaysForFuture ou Extinction Rebellion, desarrollando accións durante toda esta semana. En Ribadeo, o cartel adxunto foi realizado polo Movemento de Defensa das Pensións, xuntándose e apoiando diversos grupos chamando á cidadanía á participación.
A nivel estatal, o congreso xa ten aprobada a declaración de emerxencia climática, mais a tódolos niveis estase a comprobar que as declaracións non serven, serven as accións. A iso imos.
Hai diversos lugares onde se poden atopar as convocatorias, como https://www.fridaysforfuture.org/events/map ou https://act.350.org/event/globalclimatestrike_attend/24650, e onde se pode ampliar a información sobre o desastre climático mundial.



 Tamén en Ribadeo, apoio á folga mundial polo clima do 27 de setembro.

20190925

MARCAS LAPIDARIAS NA CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS VIRTUDES DA PONTE DE ARANTE. Pancho Campos Dorado

Neste blog o 18 de decembro de 2017 e en La Comarca del Eo do 23 de decembro escribía sobre o escudo de armas que se atopa dentro desta xoia de Capela da Ponte de Arante, un verdadeiro tesouro histórico ó que como non se lle poña un pronto remedio contra as humidades das paredes -antes de que chegue o inverno- acabaranselle destruíndo esas magníficas pinturas interiores do século XVI, do ano 1516 para ser máis precisos, inigualables en toda a Galiza; ese fresco mural da parede Sur, exvoto mariñeiro cos seus barcos e lendas, esa pintura da dereita que mostra a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, o escudo de armas dos Osorio e de don Pero Pardo de Aguiar, a conservación rigorosa desa pintura do espléndido esqueleto da morte viva, ese retablo policromado... E os veciños galegos desta zona teremos que lamentarnos dentro de moi pouco tempo da súa perda irrecuperable, e teremos que seguir tragando quina ante a total incompetencia das autoridades de patrimonio cuxo presuposto para estas cousas non existe, pois din que dependen das arbitrariedades da nefasta Administración do ben común autonómico, chamada Xunta de Galiza, ou do libre albedrío dun bispado cuxo interese polos bens patrimoniais de carácter público que ten confiados brilla pola súa ausencia, ou a corporación municipal de Ribadeo co alcalde a cabeza, que deberan estar involucrados na posta en valor desta magnífica herdanza tan prezada do Camiño de Santiago.
Política desastrosa, maligna e repugnante aparte, a Capela da Ponte presenta unha serie de marcas lapidarias interesantísimas pola súa cronoloxía, presumiblemente de factura moi anterior aos documentos máis antigos da capela que datan do ano 1514, onde a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte, ou os do ano 1561 onde se coñece como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes.1
Baixo o noso criterio cremos que a data máis próxima da construción primixenia sería de finais do século XII ou do século XIII, dous ou tres séculos máis antiga do que a diplomática antedita lle atribúe. Vexamos por que.
As marcas lapidarias son signos na cantería que se facían no medievo para revelarlle a unha persoa iniciada no mundo (hermético) da aprendizaxe arquitectónica as relacións xeométricas que o construtor utilizara para facer as proporcións da obra (signos de besta). Estes signos forman parte das chamadas “marcas de canteiro” que se poden atopar algunhas veces nas pedras dos muros, nos fustes das columnas, nas dovelas dos arcos, nas xambas e linteis de portas e fiestras das igrexas románicas, as cales poden representar a firma do canteiro que labrou o bloque; unha marca de amarre para o transporte; unha marca da ensamblaxe; unha marca de asento da pedra: leito, sobreleito ou paramento, etc.
Pero esta simboloxía tamén pode deberse a unha marca persoal do Mestre de Obra ou da Escola ou Orde a quen pertencía el ou o patrocinador que a financiaba. Neste apartado é onde nós centramos a nosa hipóteses da antigüidade da Capela, pois en realidade as marcas das que falaremos non son marcas de canteiro ó estilo, senón emblemas da Orde que a financiou ou a mandou facer. Con moi pouco marxe á dubida, a capela foi feita por ou para os cruzados da Orde do Temple, ou sexa para os cabaleiros templarios.
A Orde do Temple foi fundada a finais do século XI por Godofredo de Bouillón e outros cabaleiros implicados na I Cruzada, con sede na abadía do Monte Sión de Xerusalén, polo que tamén se cre que interviu na súa fundación a Orde secreta do Priorado de Sión. A primeira cruzada culmina coa conquista de Xerusalén no ano 1099, e Hugo de Payns e nove cabaleiros fundan a Orde cando se presentan ante Balduino I de Xerusalén co desexo de “empeñar as súas vidas na protección dos peregrinos” que atravesen territorios perigosos para chegar aos lugares de adoración;2 pero non se constitúen na Orde Templaria de Europa até 1128, e que sería suprimida polo rei de Francia Filipe IV “o Fermoso” en 1312.
Na Capela da Virxe das Virtudes da Ponte de Arante hai ao menos cinco cruces templarias, e dous escudos de armas dos cruzados en dúas das súas fachadas a día de hoxe. Realmente unha moi grande cantidade de símbolos para unha capela de tan reducidas dimensións. Non sabemos as que puideron ser destruídas nas remodelacións da capela. Si, destruídas totalmente pola ignorancia dos responsables das obras por non saber nada do que tiñan entre as mans, pois incluso nunha época de peste tiveron a ben calear por enriba as pinturas que hoxe contemplamos con admiración e que se están destruíndo irreparablemente pola desidia de quen debera conservalas como ouro en pano: a Igrexa, a Xunta de Galicia a corporación municipal de Ribadeo, ou as tres institucións en conxunto, e que deben ser denunciadas por nós, os veciños deste municipio de Ribadeo pois sentímonos abandonados, incluso apreciámonos marxinados e con un inaceptable agravio comparativo cando vemos eses dispendios de centos de millóns de euros dilapidados nun Gaiás ó que chaman “cidade da cultura” (será da cultura baleira de contidos case todo o ano), e aquí con un presuposto ridículo en comparación se poderían conservar estas antigas e fantásticas pinturas do medievo, simplemente con tirar ou derrubar a escaleira que da ó Vendaval pola que se sube a campá da espadaña e que introduce un río de humidade na parede cada vez que chove, pero temos estas Administracións inzadas de desidia e incompetencia que “saben de toda a vida” que por estas terras de Galiza non chove nunca ou moi pouco... Menuda tropa!!
A cantidade de cruces templarias que hai nesta Capela dan fe da gran importancia que tiña para a Orde do Temple este punto estratéxico no Camiño Norte de Santiago, e que tamén tantos beneficios traía para os veciños deste tan antigo tramo do Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo, pois os templarios servían de guías, de gardacostas e de banqueiros aos peregrinos que requirían os seus servizos. As capelas templarias eran un lugar de oración, de aprendizaxe, de diálogo, de descanso e facían tamén a función de sucursal bancaria, pois os peregrinos do século XII ata comezos do XIV -cando existía a Orde- levaban consigo o diñeiro en metálico, en moedas que pesaban e ocupaban moito espazo o que era evidencia de riqueza e motivo dabondo para ser roubados. Para que o peregrino tivera seguros os cartos durante todo o Camiño, os templarios cambiábanlle as moedas por un documento en pergamiño que acreditaba un depósito de capital –inventores dos primeiros talóns bancarios- que podía ser retirado total ou parcialmente, a cambio dunha porcentaxe ou interés, en calquera das “sucursais bancarias” do Temple ao longo de todo o Camiño. Estas sucursais eran as capelas templarias. Sería interesante buscar a cripta onde os templarios mantiñan estes fondos en depósito. Si se atopara esa “caixa forte” chea de reais, de maravedís, de onzas, de óbolos de vellón... veríamos como aparecerían todas estas autoridades zascandileando entrevistas a todo trapo e facéndose fotos. Pero iso é outra historia.
Nesta Capela da Virxe das Virtudes, as marcas das cruces templarias e escudos dos cruzados poden verse:
1) na parede Leste, gravadas de fronte no contraforte Nordeste, unha cruz templaria acompañada do símbolo da semente da vida.
2) No lateral Norleste deste contraforte un escudo dos cruzados.
3) No contraforte Surleste outro escudo dos cruzados.
4) Na porta Sur dúas cruces templarias pintadas da cor vermella (A) e unha cruz templaria sinxelamente gravada na pedra (B).
5) Unha cruz templaria pintada da cor vermella, medio borrada, nun contraforte da parede Sur e o seu pé un pequeniño debuxo xeométrico que parece querer mostrarnos de como se fai a cruz templaria a partires de catro círculos (non representada aquí).
Ademais destas cruces templarias e dos escudos de cruzados, ai outra cruz gravada na pedra, en forma de Sagrada Forma na fachada Oeste, á sinistra segundo se entra pola porta principal do templo.

Por outra banda, existe na cara do Levante a pegada dunha cruz do calvario, que se define así por estar fincada sobre un montículo, de grandes dimensións respecto daquelas gravadas na pedra, pero de bastante máis recente factura, pois recorda aquelas sinxelas cruces de madeira ou de mármore que se poñían como recordo dunha Santa Misión ou dun Congreso Eucarístico dalgunha Semana Santa.
Pero quizais fora posta como lembranza daquela Batalla da Ponte de Arante que se desenrolou contra as forzas francesas de Napoleón ó mando do xeneral Fournier, onde tivo especial relevancia a actuación guerrilleira dos veciños, dende o 25 de Xaneiro de 1809, cando se negaron a dar pan, carne, viño, palla, cebada e leña aos invasores, e neste lugar da Ponte o día 29 de Xaneiro o mando de D. Melchor Díaz de la Rocha, douscentos veciños entraron en combate cos franceses. A partires do 5 de Febreiro as forzas inimigas retiráronse da pelexa, quedando no campo de batalla máis de cincuenta mortos. Hoxe celébranse neste Santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte actos de homenaxe daqueles feitos, cunha procesión o luns de Pentecostés de cada ano, festa coñecida como A Romaría das Cruces, onde se reúnen os veciños das parroquias de Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Balboa, Sante e Vidal para honrar e bandear os seus respectivos pendóns parroquiais. Nesta mesma procesión, e costume bendicir ós campos e cantar rogativas para pregar por unha boa colleita.
Pero volvendo o tema dos motivos ornamentais que se ven por todas as fachadas, quixera rematar dicindo que na vetusta porta Norte do Santuario, as impostas do arco de medio punto rebaixado, teñen adornos xeométricos con distinto motivo, quizais por ser de época máis remota que a porta, pois parecen pezas de cornixas que foron aproveitadas para facer as impostas, xa que están moi ciceladas para facerlles as curvaturas das beiras do arranque do intradós.
A imposta da esquerda ten un adorno en faixa simple con forma de cordón e a imposta da dereita mostra uns ocos cadrados labrados en líña.
Quixera deixar aquí unha suxestión aos organizadores da Romaría das Cruces, pois despois de asistir algúns anos a tal evento histórico, vexo que despois dos actos da procesión e do saúdo dos pendóns totalmente en silencio, notamos que lle falta algo a ese cerimonial cívico-relixioso e é a solemnidade grave e formal dunha lembranza esencial aos cincuenta mortos que alí houbo, tanto propios como dos inimigos, cincuenta mortos polos que podería prenderse un lume nun pebeteiro ou queimar incenso... acompañando o acto cunhas evocadoras palabras ou co rezo dunha oración. Este ano despois da celebración dixéronse algunhas verbas e entregáronse uns premios, pero falta un acto emotivo que faga fincapé na relevancia do motivo da romaría, pois aínda que sexa un acto festivo, ninguén de nós fai festa polos defuntos propios nin polos dos estraños.
Creo que as Autoridades Competentes neste caso -con mando tan provisional e ocasional-, deberan de traballar a reo todo o tempo que lles toca vivir na administración, para conservar esta magnifica xoia da Capela da Ponte que nos foi legada. Pero seguramente todo será segundo o taxe o xastre politiqueiro da quenda, e nós seguiremos estando obrigados a denunciar publicamente tanta falta de interese, desidia e incompetencia administrativa.
Hai por estas terras costeiras de Galiza, asociacións chamadas templarias cuxas igrexas datan do século XVIII e XIX, e nós que temos varias dos séculos XII, XIII e XIV temos todo medio arruinado. Non hai dereito.
--
Notas:
1. Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D. José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante.
2. Más Allá, monográfico Nº52 / Ano XIX “El misterioso origen del Temple” páx.6.

Pleno de onte en Ribadeo, 20190924

Deixo aquí o podcast do pleno de 20190924 ata pasada a hora e media do comezo. Transcorreu segundo a convocatoria, como é normal. A aprobación da acta anterior foi unánime e con 11 asistentes pasouse ó segundo punto, a petición para declarar BIC ó galeón S. Giacomo di Galizia. Resulta que o PP introduxo a petición de modificación, que ía na liña da moción que xa foi tratada no seu momento (4 de febreiro de 2016, non hai acta na web do concello) na que se pediu ó propio concello que se puxera ó traballo con outras institucións, nomeadamente Deputación e Xunta, para o desenvolvemento dun proxecto museístico no forte de San Damián que incluíra o relacionado co galeón. Ó final, fíxose un revoltillo con todo e aprobouse por unanimidade, aínda que estimo que quedando claro que o cumprimento anterior do acordo do concello foi moi limitado. Por certo que polo medio xurdiu o tema da conservación dos restos fronte ó desenvolvemento mercante; só un par de comentarios que coido tería sido interesante desenvolver algo máis por ver a 'filosofía' do Ribadeo que quere a corporación.
O punto terceiro, sobre as contas do ano pasado, deu lugar a falar da desviación do 9% sobre o teito de gasto cun incumprimento de 512 € (exposición do secretario no minuto 26 do podcast, e discusión posterior), e no que se falou de si o incumprimento era por falta de apoios doutras institucións (Xunta) ou culpa do concello, pero non se puxo en dúbida unha norma que foi introducida na Constitución (art. 135) sen ser votada polo pobo.
O punto cuarto consolidou o acordo cos sindicatos no máximo de aumento de soldo dos funcionarios para este ano, 0,25%
O punto 7 aprobou por unanimidade o plan de igualdade, no que a encargada de defendelo, M. Luz Álvarez, gabou a elaboración participativa nun pleno con 7 mulleres e 6 homes nas votacións, pero no que non había mulleres entre as tres persoas do persoal do concello e só 2 entre os 11 do público.
As mocións comezaron coa petición sobre o abastecemento da auga, onde de novo saíu o enfrontamento coa Xunta. O audio remata antes da votación desta moción.
Como comentario xeral, coido que se podía evitar moito desgaste, tempo e perda de eficacia se se deixara de identificar partido e institución na que está gobernando, xa sexa Concello, xunta ou Deputación (aínda que o PSOE prácticamente non interviu neste pleno).

20190923

Fala en Nova York, afecta a Ribadeo (tamén)

No cumio mundial sobre o clima, falando do futuro hoxe. Pouco se ten progresado dende o foro de Davos no que se recoñecía por parte dos poderosos a emrxencia climática.

Pleno. Convocatoria para martes 24 de setembro de 2019

Mañá martes 24 de setembro haberá un pleno no que terán cabida cousas moi variadas. A primeira que se tratará será a petición de declaración de ben de interese cultural para o galeón afundido na ría no 1597, o San Giacomo di Galizia. Despois veñen temas económicos, dende a conta xeral do concello ó importe das nóminas do concello, o complemento de produtividade ou a obtención dos cartos para a obra do estadio Pepe Barrera, en obras na actualidade. Plan de igualdade (o terceiro no concello) ou os decretos varios da alcaldía completarán o pleno, que rematará con tres mocións: unha, sobre o abastecemento de augas a Ribadeo, presentada polo PP a raíz da polémica sobre a renovación dunha traída de augas que, valla a redundancia, fai augas xa dende hai tempo, e dúas sobre Alcoa, do BNG e do PP, nas que é previsible que se pida para beneficiar á empresa pola presión dos postos de traballoo, pero con lixeiras diferencias que farán posible un recorrido diverso de ambas.

20190922

Nota de prensa de en marea sobre as festas patronais

Rematadas as Festas Patronais de 2019 quixéramos suliñar dous aspectos que teñen doada solución para próximas edicións, se estas opinións fosen compartidas:
1º. Os ruidos que xeneran as diversas actividades son particularmente molestos, rebasan amplamente a normativa legal e algunhas persoas tiveron que ser trasladadas aos servizos de urxencias por crises de ansiedade, converténdose nun problema de saúde pública. Non creemos que ese nivel desaforado de decibelios reporte nengún tipo de beneficios, pero anque así fose entendemos que os perxuicios e molestias son moito maiores, polo tanto o Concello de Ribadeo debera intervir, exercendo as suas competencias e controlar eses excesos absurdos e subculturais. O Concello de Ribadeo non ten unha ordenanza de control de ruidos. No ano 2010, sendo alcalde F. Suárez en maioria minoritaria levouse ao pleno unha ordenanza de ruidos que foi rexeitada pola oposición maioritaria. Nos anos seguintes, xa con maiorías absolutas o BNG esqueceu o problema e no seu programa das últimas eleccións tampouco se fai referencia a esta custión. O problema dos ruidos non afecta so ás festas patronáis, senon a outras moitas actividades e xa vai sendo hora de que se tome en serio e se resolva de unha vez.
2º. Pode que pase mais desaprecibido e potencialmente sexa moito mais grave o peche e incomunicación de rúas e zonas por mor das atraccións e outros trebellos. Concretamente na rua Dionisio Gamallo chegouse a producir un atranco total para ambulancias, vehículos de extinción de incendios, policía etc. Non é necesario extenderse na gravedade potencial de estas situacións se se chegase a producir unha emerxencia de calquer tipo. Tampouco apelamos á normativa vixente, doada de contrastar co pasotismo municipal, nen falaremos das competencias municipais en canto a plans de emerxencia. Simplemente un pouco de cabeciña e un mínimo interés por prevenir evidentes riscos sociais e sanitarios abondarían para resolver esta situación.

COLECTIVO EN MAREA RIBADEO

Pedindo


Unha nova de onte titulábase 'PSA pide costes más baixos e empregos máis flexibles para que Vigo logre nuevos modelos'. E nunha entradilla: 'Hai que conseguir en Galicia custes que compitan cos de Portugal e Marrocos'.
coido que se entende o proceso: O desenvolvemento da empresa pasa por baixar os salarios de xeito indefinidio (en canto un lugar os baixe, será outro o que está en disposición de baixalos tamén, e así ata... ). O da flexibilidade tamén é un eufemismo que se entende ben: que a empresa poida facer cos traballadores o que e cando lle de a gana, sen cortapisas.
É evidente que empresas e donos viven no mesmo planeta que os traballadores desas empresas e o resto da xente, pero non no mesmo mundo. Normalmente, a situación preséntase coas esixencias das empresas presionando ós traballadores para que presionen á sociedade de diferentes xeitos, facéndoos rehéns do emprego, e non de xeito directo como neste caso fai o director da fábrica viguesa. Pero queda claro que en xeral son só diferentes estratexias nas que o obxectivo é o dun único vencedor, propietarios e directivos da empresa correspondente, pois a outro nivel, a empresa só é un instrumento -esta vez, inhumano- para conseguir ese obxectivo.
É unha vella lección aprendida que tende a esquecerse ou deixarse de lado de xeito voluntario cando a xente se ve implicada de xeito directo. E resulta que quen máis implicado se ve de xeito continuado son precisamente os rectores das empresas -que non esquecen a lección, senón que a aproveitan- que por iso mesmo implican ós rectores da xente, ós políticos- nas súas empresas, sexa a través das portas xiratorias ou das prebendas que rematamos pagando entre todos con sobrecuste.
A bó seguro, seguiremos a ter ocasións de comprobar se a lección está esquecida, aprendida de memoria ou sabemos aplicala dun xeito creativo para saír ben parados.

20190920

Non sei se comprendo


Coido que non é este o lugar máis idóneo, pero non hai lugar idóneo para algunhas cousas.
Resulta que ante a 'imposibilidade' de ter apoios para a formación de goberno, hai novas eleccións. Iso supón un gasto de 140 millóns de euros. Gasto oficial previsto, de xeito institucional, se entende, pois polo que di a prensa, entre PP e PSOE xa teñen pedido ós bancos outros 60 millóns, e en cartos ou en especie, han saír tamén das nosas costas. Con intereses.
Ben, o caso é que eses gastos son para propaganda (si, a propaganda tamén inclúe dos desprazamentos dos votables -o de botables sería a posteriori- aínda que non dos votantes). E a propaganda inclúe o envío postal á casa. E claro, tamén ó enderezo electrónico, segundo foi permitido por votación dos mesmos políticos.
Resulta que, se non queremos recibir propaganda en papel, podemos molestarnos en facer unha xestión e en teoría asunto resolto. En teoría porque o buzón pode recibir propaganda sen dirección, o típico buzoneo. E asunto resolto tamén en teoría porque cos gastos asignados de xeito oficial, e podendo enviar de xeito anónimo ou por medios electrónicos a propaganda, estimo que ós partidos impórtalles un bledo (pode substituírse por pepino ou semellante) o que fagamos, xa que en todo caso o que pode é supoñerlles un aforro ó non verse na necesidade de gastar eses cartos. Si, o planeta agradecerao, e iso debera abondar para compensar en parte os risos dos inventores do sistema...