20170912

Poñer Remedios

Hoxe a prensa faise eco do enfado (un máis) do PP ribadense porque o alcalde non foi a ser testemuña ós Remedios da petición de Elena Candia á virxe (lembremos, dos Remedios)
Mentres, algunha das circunstancias:
*O alcalde si foi á procesión da patroa, tamén acto relixioso (aínda que entendo que para ese non tivo que ser invitado)
*Son invitados os alcaldes das sedes dos antigos partidos xudiciais, non todos os alcaldes da provincia eclesiástica de Mondoñedo-Ferrol.
*O acto leva 79 edicións, o que, facendo contas, nos retrotrae ó inicio: 1939
*Non asistiu tampouco o alcalde de Ferrol.
*Houbo invitación 'oficial' polo medio (non sei o grao de 'oficialidade' do acto en si).
*Candia pediu á Virxe por cousas como a separación de Cataluña e por máis empregos (non sei se tamén para que chova).
E agora, xulga.
Ben, podes ter aínda algún dato máis. Por exemplo:
*O PP di que van ós actos 'oficiais' ós que se lles invita (aínda que a moitos non se lles invite) e que o deber como gobernante era atender á invitación institucional.
Igrexa de Os Remedios

20170911

Despois das festas?

En rematando as festas, a vida continúa, normal. Mais o que 'se leva' é facer unha valoración, unha análise, máis que unha planificación futura. Pois ben, senón unha análise profunda ou algo a modo de estatísticas, que non farei, aquí quedan algúns detalles. Vaia por diante que non se trata de lembrar momentos bonitos ou o 'esprito de festa', que os houbo e o houbo, senón de poñer unha contrapartida para remarcar que non todo é bonito. Estiven a piques de titulalo, a modo de Goya, 'Los desastres de la guerra'.
A tradición manda, e as festas volven ó Parque, e un xornal xa se fixo eco das protestas na rede por cousa de ruídos. A pesares da distribución do bando do alcalde. E a pesares de que entendo que nesas queixas non están incluídas as aglomeracións de xente diante de algún local do centro despois do remate do tempo marcado polo alcalde para as atraccións.
E xa vai sendo tradición longa que se empregue a 'representación institucional' nun estado aconfesional hoxe por hoxe de longa maioría non practicante para que representantes do pobo aparentemente non crentes asistan a actos relixiosos, fortalecendo a esquizofrenia constitucional. E así voltou a suceder este ano na procesión da patroa co alcalde procesionario. Copio unha cita de José Mª Rodríguez, escrita no 2014: "Aos meus 80 anos sentín unha gran emoción ó ver a procesión da Patrona este ano. Todas as autoridades presidindo a procesión igual que o facía nos anos 40 o alcalde de entonces, Pancho Maseda. Só lles faltaban as gafas de sol."
Quería poñer aquí envases con aceite ó pé do contedor de Clemente Martínez Pasarón, pero é certo que xa estaban a comezo do mes, logo quedan sen poñer por non corresponder ás festas.
Unhas fotos das 'festas, cara B', o 'parque temático no parque':





Como os servizos non os din atopado, non aparecen.
Outras imaxes poden ser comúns tamén noutras épocas:

E, por último, como lembranza máis festiva, os Cocos danzando o día 7:


20170909

'Tódolos días, agás un'

Por decreto. Así pasou a ter este agosto 30 días e non 31, como viña sendo corrente. Por decreto da Xunta e difundido polos medios. Así aparece na nova da Consellería de Medio Ambiente en relación coa visita da Directora Xeral de Patrimonio Natural onte ás Catedrais : "Do mesmo xeito, cómpre destacar que durante os meses de xullo e agosto completouse o cota de visitantes establecido en 38 ocasións, 9 en xullo e 29 en agosto, o que significa que, neste último mes, esgotouse o límite todos os días, agás un."
É algo que me chamou a atención e levou a fiar un pouquiño máis fino.
4812, cota máxima de persoas... pero se eu e a miña familia, sen pase para un día, collo un taxi en Ribadeo e vou ás Catedrais, xurde o milagre, e xa teño pase. Un milagre semellante a considerar o límite máximo de visitantes no número de 4812.
Dixo a Directora Xeral que este verán (= xullo e agosto, non a estación enteira), pasaron pola praia 245000 persoas. Entre 62 días, da unha media de 3952 visitantes. A tope, e espérase que siga a medrar. E iso que aínda non calou a idea de calquera día un dos arcos vaise ó garete pola mera acción da natureza.
En canto ó perfil tipo dos visitantes, a maioría son "mulleres de nacionalidade española cunha idade comprendida entre os 46 e 65 anos", sen especificar de canto é esa maioría, ou mesmo se é absoluta ou relativa, e contrastando con que o 'case' 30% son "persoas de entre 19 e 29 anos". Ou sexa, que o 30% están nunha franxa de idade de 10 anos, mentres a 'maioría' son mulleres comprendidas noutra franxa de idade, ista de 20 anos...
Logo quererán que nos creamos todo o que din. Por certo, sigo saber ben o que significa unha frase que se cola no documento 'equilibrar a protección' das catedrais.
Deixo para o final o poñer as tres imaxes que acompañan á nota de prensa, 'moi ilustrativas' da situación das catedrais neste verán e da aplicación anunciada (a nota de prensa titúlase "Unha aplicación axilizará as autorizacións de acceso ao Monumento Natural das Catedrais, que este verán recibiu 245.000 visitantes")


De gasolina, Estados Unidos, prensa e reflexión

Lembro hoxe unha nova de hai uns días en 'El Economista'. Titular e comezo da nova preséntanse así: "Llenar el depósito de gasolina en Estados Unidos se encarece un 30% en cuatro días. La devastación que está provocando Harvey (...)"
Este verán, entre dous puntos situados en dous estados contiguos dos EEUU, a diferenza de prezo era de 2,4 $/galón a 3,4 $/galón (1 galón = 3,8 L), é dicir entre uns 0,56 €/L e 0,76 €/L. Ou sexa, un 36 % de diferencia, e un prezo que ven sendo a metade que en España. Abondo máis que o suposto encarecemento de gasolina provocado polo Harvey.
Por outra banda, titular e rest da nova non se referían máis que ó Harvey e ós seus efectos en canto a custes en cartos. Se ben é certo que outras novas enfocaron os custes humanos, enfocar o aumento do número e perigosidade de furacáns como unha consecuencia do cambio climático non esa de moda, confundindo así causas últimas con circunstancias, e enmascarando efectos previos con efectos reais do momento.
Viuseme isto á cabeza non tanto por o tratamento informativo dos sucesos de Cataluña (atentado e lei do referendum) como por cousas máis achegadas a Ribadeo, como o tratamento recibido polas novas sobre a illa Pancha. Hai dúas semanas que o Defensor do Pueblo volveu a lembrarnos cousas evidentes como a mala xestión na concesión do faro de illa Pancha. Nos xornais, de xeito dificilmente explicable, a nova tardou en saír, fíxoo despois de ser requeridos para explicar que pasaba, e cando saiu, foi máis ben en termos de 'din ós de Por Nuestro Faro...', quizáis porque xa se aproximaban as festas e importaba máis facer fincapé en que volven as festas a Ribadeo (por se alguén non se decatara de que son anuais).
Nada, unha pequena reflexión.

20170907

Festas patronais, sesión concello en espera dos fogos do sete

Este ano, o concello levantou unha comisión de festas e propiciou que a campa das festas voltara ó campo, ó antigo campo da feira, agora praza de España e Parque de San Francisco, lugar 'tradicional' de hai anos das festas. Que queden en próximos anos no mesmo lugar, iso xa é fariña de outro costal.
E as festas voltaron. Onte, mentres que a rondalla prevista para amenizar todo o pobo debeu entender que o pobo era unha tira de 150 m coa maior concentración de lugares de bebida, decateime de que cousa de media hora antes o alcalde fixo colgar na páxina do concello un bando:

A súa lectura, coa diversión por mandato, non pode menos que levantar un sorriso, misturando dito mandato con cousas abondo serias como a regulación horaria do ruído que, tamén 'tradicionalmente', se asocia ás festas. Mentres, esta mañá, abondo antes das oito, a descarga dos contedores de vidro e o ruído asociado parece non estar regulada neste concello, aínda que entendo que non se adapta ó horario de actividades que supoñen un ruído considerable.
O decreto anterior ven acompañando unha nota de prensa, que reproduzo embaixo:
Novas
PROLONGARANSE ATA O 9 DE SETEMBRO
Festas da patroa 2017
06/09/2017
O alcalde, Fernando Suárez, ven de editar un bando con motivo da celebración das festas patronais no que o rexedor desexa á veciñanza e visitantes uns bos festexos. O rexedor aproveita para felicitar á comisión organizadora polo traballo realizado e lembra que se establecen uns horarios máximos para o remate das verbenas co obxectivo de poder conciliar o dereito ao goce das festas co dereito ao descanso dos que viven nos arredores.
Fernando Suárez manifestou que "agora en Ribadeo nesta prórroga do verán que significan sempre as festas da patroa do noso concello, acabo de emitir un bando onde dalgún xeito, de maneira desenfada quero case que obrigar por decreto a disfrutar e a pasalo ben a todos os veciños, a todos os que aínda están por aquí de visitantes e a todos os amigos e amigas dos concellos próximos que sempre se acordan de nós, de vir a Ribadeo. Neste bando explicamos os días e os horarios".
O alcalde subliñou: "sobre todo quixera valorar e agradecer publicamente o intenso traballo que desenvolveu esta comisión de festas da patroa deste ano 2017, porque é un grupiño moi pequeno, sobran os dedos dunha man para contalos, e porque deron o mellor de si, cónstame, para facer as mellores festas posibles. Hai que destacar tamén o esforzo de intendencia e de apoio, e económico tamén por parte do Concello de Ribadeo que ademais estivo apoiado pola unanimidade de toda a Corporación Municipal, cousa que tamén é de valorar, de agradecer e de destacar".
O rexedor contou que "as festas practicamente empezan esta tarde con actividades para os máis pequenos, despois á noite cun grupo no Cantón, e durante esta longa fin de semana con actuacións".
Fernando Suárez lembrou que "este ano como todo o mundo sabe as festas da patroa recuperan o espazo tradicional, onde sempre foron e onde a demanda popular da xente nos indicou que se debería traballar para que volveran a este sitio".
O alcalde ribadense confía en que "todo funcione ben. Os horarios que temos autorizados son os que marcan as normativas. Hai tempo máis que dabondo para gozar e para conciliar o dereito a descansar dos que teñen que traballar e o dereito á troula e á esmorga dos que queren pasalo ben, que sen dúbida vai ser moita xente".
Fernando Suárez declara que "confiamos que entre todos teñamos unhas das festas da patroa máis importantes e atractivas dos últimos anos, por suposto sen desmerecer ningunha das anteriores".
Coido que se debe salientar a minguada representación que este ano constitúe a comisión de festas, que se sempre necesita que se lle bote unha man, este ano necesítao máis aínda, e entendo que o concello, que fixo que xermolara, está facendo esa labor. Ben ou mal, de xeito apropiado ou inapropiado, sería cousa de discutilo, pero xa que non antes, despois, non agora. Deixo unha cita curta da nota de prensa do concello do 25 de maio:
Ao fronte da comisión está Juan José Otero, como presidente, acompañado por Avelino Martínez como tesoureiro, e Inmaculada Fernández como secretaria. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, acompañáronos na súa presentación pública. A carón deles haberá máis xente, que xeito anónimo lles botará unha man.
E, coma homenaxe a estes tres valentes/temerarios, inclúo tamén aquí a foto da presentación da mesma nota de prensa:
O de onte (día 6) non é o primeiro bando que o concello adica ás festas. Deixo embaixo outro do día 3, que da nota do pregón (nota do concello, sobre o pregón das festas) e coido que enche espazo co programa das festas, que non leva adxunto.Pregón das festas 2017
03/09/2017
A ribadense Celia Castro Fernández, que é catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo, abriu o sábado as festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo cun emotivo pregón, que acompañou coa proxección de fotos antigas. O acto celebrouse no Cine Teatro de Ribadeo e contou con numeroso público.
Antes da pregoeira interviñeron o presidente da asociación organizadora dos festexos, Juan José Otero, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez, que destacaron o traballo que supón a organización desta edición das festas patronais de Ribadeo debido a que cambian de situación respecto aos anos anteriores para volver celebrarse no parque de San Francisco e no Cantón dos Moreno.
No pregón Celia Castro, nacida en Ribadeo, falou das súas orixes familiares no Valadouro e recordou a destacados ribadenses como Gregorio Sanz, Sor Pilar de León, Mari Paz Otero Aenlle, Enrique López Galuá, Amando Suárez Couto, Claudio Pérez Prieto, Leonardo Fernández Reinante, Manuel Fernández Reinante, Carlos Álvarez Fernández Cid, Manolo Cortés, Pancho Maseda, Luisita Coldeira, Juan Suárez Acevedo, Daniel Cortezón, Dionisio Gamallo, Suso Peña, Benito Prieto Coussent ou Leopoldo Calvo-Sotelo.
Despois do acto de lectura do pregón actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, dirixida por Mª Carmen Rodríguez Cancelo.
O acto foi presentado pola xornalista e locutora Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.
O vindeiro mércores, día 6, dará comezo a programación das festas patronais 2017 co día infantil, con actividades para os máis pequenos a partir das 16:30 horas no Cantón. A charanga Os Charangos percorrerá ás rúas da vila desde as 18:30 ás 22:30 horas, hora na que dará comezo a actuación de Claxxon. Antes ás 20:30 horas no Quiosco da Música do parque de San Francisco presentarase o cuarto disco CD de José Pulpeiro Doval O Gallopín.
O 7 de setembro, véspera da patroa, ás 11:30 horas sairán os Cocos e Cabezudos desde a Oficina de Turismo, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. A partir das 19:30 horas haberá pasacalles a cargo do grupo de música tradicional Tirapadiante. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e La Ocaband. Ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.
O día da patroa, 8 de setembro, ás 12 do mediodía haberá misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión y despois concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas comezará a festa verbena, que estará amenizada polas orquestras D´Moda e Venezia.
E o 9 de setembro das cinco ás sete da tarde no Cantón haberá actividades dirixidas polo persoal do Centro Deportivo Ribadeo Be One. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena coas orquestras Nueva Fuerza e Alma Latina.
E, esta noite, os fogos do sete, ós que asistirá unha delegación de Loctudy, o pobo francés irmán (polo momento, máis por decreto que por outra cousa) de Ribadeo.

20170906

Sumo o blog a un decálogo de boas prácticas

De que se trata?
De normas extraídas das xustificacións dun premio.
Dentro da constancia de que este non é un sitio profesional no sentido de que non vivo disto, e non é un grande medio con moito persoal e recursos, senón que está reducido á miña persoa, dentro das miñas posibilidades, súmome á intención de cumprir o decálogo seguinte.
Traduzo:
O bó periodismo debe:
1.- Traballar con rigurosidade, profesionalidade, perseverancia e coherencia.
2.- Defender a liberdade de expresión e garantía do dereito á información.
3.- Garantir a independencia.
4.- Contextualizar a información.
5.- Promover a crítica.
6.- Garantir a perspectiva de xénero.
7.- Apostar pola pluralidade temática.
8.- Traballar pola información local.
9.- Denunciar a violación dos dereitos humanos e promover a defensa da xustiza social.
10.- Contar accións propositivas e positivas.

A cultura pode ser unha festa, ou un dinamizador

(Unha das frases empregadas no texto)
Un titular: 'un mestre, conexión a internet ou unha asociación cultural dinamizan máis un territorio que un polígono industrial'. A dicir que hai que poñelo no seu contexto, e tratábase de fixar poboación en zona rural. De calquera xeito, chamamoume a atención que son cousas non estritamente económicas (de 'sacar cartos') as que se conciben como auténtico motor social para fixar poboación e desenvolver o xeito de vivir. E chamoume a atención non porque non tivera esa mesma idea, senón por ser publicado como titular inmerso nunha cultura capitalista quefai depender todo dunha determinada concepción da economía.
O caso é que me lembrou unha mesa redonda na que participei hai uns días, dentro dunha festa cultural, a Feira do Libro de Burela. A iniciativa de Pablo Mosquera, a feira albergou un seminario desenvolto en dúas mesas redondas en espazo aberto (unha delas tivo que ser posposta polas condicións meteorolóxicas e desenvolveuse días despois na radio) acubilladas baixo un título que en principio, tamén me chocou: A cultura como inversión produtiva.
Hai pouco recibín as conclusións da primeira parte do seminario, plasmadas por Pablo Mosquera e que inserto aquí coas miñas verbas:
Moderador: José Díaz. Concejal de Cultura del Concello de Burela 
Ponentes: Matías Escalera. Antonio Reigosa. Antonio Gregorio. Pablo Mosquera. 
1. É necesario un cambio de dinámica nas feiras do libro, no centrándose só na presentación e venda, senón tamén realizando debates también debates sobre a cultura. 
2. A cultura xenera conciencia social, algo moi necesario na sociedade actual. 
3. Faise preciso separar os espacios do turismo e a cultura, e que sexan persoas diferentes e expertas antes que políticos con tentacións reducionistas ou mercando vontades mediante subvencións quen as guíe. 
4. Débese explorar e explotar as posibilidades de esponsorización e mecenazgo en A Mariña 
5. Hai que considerar o uso de inmuebles abandonados, como o caso das fábricas conserveras, como centros de creatividade para a xente nova.
6. Sería beneficiosa a creación dunha mancomunidade cultural en A Mariña para explotar o patrimonio cultural e dotalo de asesores procedentes da sociedade civil, como pode ser o caso dos Cronistas Oficiais. 
7. FITUR tal como está non sirve para nada. Faise preciso promover unha publicación anual que conteña os puntos fortes da cultura na nosa Comarca e as súas posibilidades para crear riqueza e emprego.
Vaia por diante que non necesariamente os participantes temos que estar de acordo con todas as conclusións. No meu caso, como deixei constancia na mesa redonda, por prevención ante a interpretación e interiorización do título, aínda que no intercambio de pareceres manifestouse un bo acordo nas cuestións prácticas.
De calquera xeito, en espera de que o vído do acto sexa colgado en internet, deixo algúns comentarios -non todos, claro- que fixen alí relacionados con cousas que se falaron e que considero que non son invalidados despois do resume:
A cultura como inversión produtiva
-a idea de cultura implica un conxunto de coñecementos adquiridos mediante instrución e experiencia, ó que se debe engadir que permiten desenvolver o sentido crítico, nunha sociedade, nun entorno. Logo a idea non ten por que ser uniforme.
-en canto á necesidade de inversión, costa, pero non se pode facer reducionismo da cultura á economía, e debe quedar claro que o 'cmo' do título implica só unha faceta que é necesario considerar no conxunto.
-sen cultura non habería unha orientación para poder producir,nin medios nin manexo dos mesmos para tentar facelo. Pero unha cousa é a culturacomo vbase social e de desenvolvemento, e outra o 'beneficio económico' integrado nun sistema capitalista.
Non se pode separar cultura e ser. Encadrar só unha visión económica da cultura implica unha consideración de cultura como materia prima e produto, dando pé a entrar en rendemento da consideración de cultura como materia prima (sen tratar, algo que se esgota, en competencia con outras fontes abondantes, baixo prezo...) ou produto elaborado (pensando non no propio produto, senón no mercado ó que vai dirixido, adaptándoo e polo tanto deixando de ser diferenciador esencial histórico para pasar a selo de referencia de mercado, no mellor dos casos)
Corresponde 'defender o patrimonio' a quen o recoñece como se; non podemos pretender que o defenda quen non o considere así, sexa electo, funcionario ou  cidadán de a pé. Pero coido que máis que defender o patrimonio, ter unha postura defensiva, o que se debe facer é atacar, ter unha postura activa. E isto nos leva a quen controla a cultura. Pero, ten control, necesítao? O control marca a evolución, e unha cultura dirixida pasa a ser incultura ilustrada
Hai que ter conta que dentro da cultura hai o que se podería chamar a cultura 'xenérica' e o que sería a 'nosa cultura'...
É un feito histórico que hai sociedades que se suicidan, de xeito consciente e voluntario ou inconsciente, pero sempre relacionado coa asfixia cultural que encarna a base do modo de vida.
Hai que propoñerse o que se pode facer pola cultura ("que podes facer tí pola cultura") máis que aproveitarse da cultura . Illados, do primeiro xeito, a cultura desenvólvese e todo o mundo saca réditos. No segundo, esgótase e deixa de ser útil, mesmo en sentido económico, a prazo fixo.
Hai que pensar que un lugar como as catedrais atrae moita xente, que 'pasa polas catedrais', pero non 'interioriza as catedrais'. É iso cultura?
O desenvolvemento e aproveitamento cultural debe pasar polo achegamento entre xente nova e maior, para facilitar a transmisión cultural que agora mesmo está dificultada polas diferentes canles de comunicación usados.
O uso de ferramentas xa non tan novidosas, como a galipedia/wikipedia permite que a cultura siga a crearse e manexarse dun xeito colaborativo, como está no ADN cultural, pois toda cultura foi creada dun xeito común: a cultura é colaborativa ou non será (porque deixará de existir como tal).
Lugares como as bibliotecas , que ás veces desenvolven unha grande labordinamizadora do entorno, deben ser potenciados.