20110131

Aproveita! Visita o porto (Novas vistas de Ribadeo)







Despois do aviso das fotos de antonte, un aviso diferente: estes días está accesible o espolón sur da actual rade de Porcillán, co que se pode ter unha visión de Ribadeo algo novedosa. As fotos, para dar unha idea.
As tres primeiras, de Mirasol: Unha, do Côte d'Or II, un trimarán que xa leva algún tempo no porto, na entradilla que fai o peirao cara á ría (ten grupo en facebook). Ó fondo, as Figueiras. -- Actualización en 20110210: o trimarán está precintado por problemas de cartos.
Outra, dende o comezo do que se podería chamar 'Avenida Mirasol', tomada dende o último recheo cara ó sur.
A terceira, dun lugar que sempre me chamou a atención, un paso entre dous almacéns que sempre asocio a un calexón entrañable en Santiago...
As outras, en Porcillán: unha vista do ascensor tomada a unha certa distancia, dende o espolón, con vist á Atalaia, Aduana vella, ...
Unha avenida que comeza polo mar e con tinúa en Terra, na costa de Porcillán.
E unha vista parcial dos amarres do porto e a baira, para ver o calado despois dos arranxos feitso para adecentar a saída do desaugüe que alí había.

20110130

Folletos na oficina de Turismo

Na oficina de turismo, para facilitar o coñecemento por partes dos turistas da historia e arte de Ribadeo, téñense preparado algúns folletos de xeito informal. Déixase algún deles en 'publicado en Ribadeo'.

Manirroto!

Non creas que non vai por ti: sei que só por unha das débedas que tes terás que pagar 2 000 €. E siso sen contar as demáis. Ademáis, és idiota: unha parte importante das débedas que tes controxécheas para ... subvencionar a quen máis ten e ó tempo a quen máis debes.
E non, non estou a equivocarme. A débeda de cada galega e galego supera os 2 000 € só por cousa das débedas da Xunta. Botamos unhas contas? A nivel Ribadeo, 10 000 persoas en números redondos, dan 20 000 000 €, ou sexa, o orzamento de 2,3 anos do concello (que tamén debe cartos...)
Fai falta que siga?

20110129

Fototeca(s) de Ribadeo

Anda estes días pola prensa a realizacón dunha fototeca en Ribadeo. Deuse o aviso dende o concello dun convenio polo que a Deputación cedía 5 000 € para a realización do proxecto, e logo tamén se avisou da posta en marcha, comezando a próxima semana a recibirse o material no telecentro, co compromiso de devolución e aínda entrega dunha copia dixital. A idea non está mal, aínda que entendo que debera vertebrarse mellor tanto con iniciativas públicas que xa hai como con outras privadas. Así, na mesma páxina do concello hai varios conxuntos de fotos, antigas e modernas, que coido deberan integrarse, como as galerías de fotos na páxina principal do concello ou o museo virtual de Ribadeo [ver comentarios], tamén accesible dende esa páxina e que pretende constituír un todo a partir de fotos antigas que nada por diversos lugares. Na beira privada, en flickr ofrécese unha morea de fotos de agora mesmo (tamén en Picasa, pero estas son menos útis a efects de Ribadeo-Ribadeo), a páxina de Ribadeo en facebook está a desenvoltar unha labor de dar a coñecer as imaxes do Ribadeo actual, con moitas fotos xa publicadas e con algún comentario, sen esquecer os libros de fotos que teño deixado eu en publicado en Ribadeo (Ribadeo falls, Ribadeo no tempo ou as dúas series de fotos antigas) ou aínda as fotos que teñen saído neste blog (ou sobre a ría) que entre exteriores e interiores soben do milleiro.
En fin, algo máis para conservar a memoria e así ter unha base de historia para poder encarar o futuro Ribadeo ... quizáis, porque non é só dispor de algo, e usalo para un fin. Como visión alternativa, algueń pode pensar: 'ou un gasto de 5 000 € para algo que xa se estaba a facer de calquera xeito...'. Máis visións alternativas? Pois por exemplo, unha fonte de ingresos complementaria para manter en funcionamento algo útil como o telecentro.
Mágoa de falta de tempo! Unha páxina medianamente ben feita onde se centralizaran as referencias ás fotos de Ribadeo que se van colgando na rede coido que sería moi ben acollida, mesmo daría oportunidades de negocio. Pero o dito: material hai en abundancia, tódolos días está a aumentar, e require moito tempo...

20110128

De obras en Ribadeo


Hai veces que nos atopamos cunha obra feita e case non nos decatamos de ónde saiu. Nestes momentos, en ribadeo hai varias obras que ocntribuirán a variar a paisaxe urbana, para ben ou para mal. deixo aquí dous pares de fotos, correspondentes a dúas obras, unha a piques de comezar e outra á que aínda lle falta pero xa se lle vai vendo o xeito.

A primeiras, corresponden á rotonda do xardín, que vai introducir un cambio na fisonomía da entrada en Ribadeo. As liñas xa están pintadas no chan (na foto primeira non se aprecian moi ben, na segunda está clara unha das raquetas de entrada) e está delimitado por onde 'hai que cortar' na parte de herba. Parece que, desgraciadamente, non lle vai toca á presunta fonte que se instalou como referente do 'parque de indianos'.

En canto ás outras dúas fotos, corresponden ás obras que se están a realizar nos terreos do IES Dionisio Gamallo para abranguer as instalacións do futuro IES de Ribadeo, ó xuntarse o Gamallo e o Porta da Auga. O edificio vai avanzando con abonda rapidez, o que non quita que se monte o tempo no comezo do próximo curso antes de que esteña acondicionado (o previsto era que estivera rematado para o comezo deste curso)
Unha ligazón: a galería de imaxes do IES Gamallo Fierros.

20110127

Un momento, reflexión, hoxe hai folga?

A crise necesita de reflexión para resolverse. A situación de perda de dereitos sociais, de algo máis: da defensa dos propios dereitos.
Ben, as dúas propostas anteriores son incompletas por estaren reducidas ó máximo: quedan fóra por exemplo factores como o meter en vereda ós causantes da crise, para o que non chega a reflexión, senón que hai que pasar á acción, e no segundo caso, a negociación, se se considera que hai que botar o ombro e ceder algún dereito na causa común..
Polo momento, e centrándome na segunda situación, a perda de dereitos sociais, aínda non hai resposta, senón sinxelos balbuceos e desunión dentro dun colectivo cun poder relativo escaso. En fases sucesivas vanse perdendo dereitos, aplicados a un ou outro conxunto ou á totalidade do que antes se chamaba 'clase traballadora' e agora non se sabe moi ben como se chama porque parece ter perdida a identidade, partida en diferentes anacos para diversos grupos. A resposta a esa perda tamén vai por barrios, e se a primeira 'medida de forza' foi retrasada ata o absurdo segundo a miña opinión, co resultado de todos coñecido, para hoxe está plantexada unha folga. Folga da que boa parte da poboación nin está enterada. Convocada por sindicatos minoritarios (CNT, CIG, CGT, ELA, LAB, STEE-EILAS, EHNE, Hiru, ESK, Solidaritat Obrera, e Coordinadora Sindical Obrera) con caracer de xeral en todo o estado, cando o acordo xa foi asinado polos maioritarios, cando foi tratada pola prensa, foino como folga 'no País Vasco e Navarra', obviando mesmo en situacións a proposta para Galicia. O resultado, a estas horas da mañá, antes de comezar a xornada laboral da inmensa maioría, é previsible. A efectividade, tamén.
Na procura de novas sobre folga nos medios, atopo que hoxe mesmo sae nun artigo de Xosé Manuel Pereiro no El País unha frase que se atribúe a Einstein: 'A vida é moi perigosa. Non polas persoas que fan o mal, senón polas que se sentan a ver que pasa'. Pois iso.

20110126

Desfacendo caixa

Dise 'facer caixa' cando se está a meter cartos na caixa e logo se contan, requisito previo para ganalos. Pero non vai a cousa nese sentido. En Galicia falouse a tempada pasada de facer unha caixa, que despois dunha longa xestión, trufada de política local, galega e española e combate entre poderes económicos, quedou tras o parto como algo que podía ser sólido no futuro e cun nome impresentable (ó meu xuízo), 'Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense y Pontevedra', que fixo que tivera que adoitar unha marca comercial máis acorde: Nova Caixa Galicia. O nome, no que o común Galicia se dilúe entre todos, tomando despois máis parte a zona sur, da unha indicación das dificultades e camiño do proceso, incluídas cuestións políticas.
O caso é que hai cousa dun mes cerrouse o acordo, coa bendición das autridades centrais, despois de condicionalo previamente. Hai un plan a longo prazo, sancionado debidamente, para o saneamento, e parecía que Galicia, a pesar de todos os atrancos anteriores, ía a poder sacar adiante unha institución financieira pública que apoiara a economía galega. Xa sabemos que ós ollos dos cartos, as bandeiras deixan de ter cor, pero iso non significa que non teñan proximidade, e algo é algo.
Pero, despois de 'facer caixa', esta mesma semana viñeron as rebaixas, e no caso da caixa de nome impresentable, significa prácticamente que tampouco será presentable como tal caixa, pois moi previsiblemente non poderá cumprir as novas normas. E faráse banco, e será un tempo en parte do estado, e logo sinxelamente non será pública nin galega: será un banco con accionistas norteamericanos ou chineses... despois de aportar o estado máis cartos (a nome de todos, pero para o que se terá que endebedar máis) para vendelo barato, barato, que é o que pasa cando hai exceso de oferta (e neste caso presentarase unha boa parte do tecido financieiro español a subasta) despois de sanealo á forza en troques de deixar que se saneara só.
Resultado: adeus entidade financieira galega e pública, adeus cartos de saneamento, adeus soberanía económica, adeus para sempre, adeus ...
E unha nota máis, a lembranza do que significaron en principio as caixas, institucións de base social, nas que na actualidade, con todas as deficiencias que aí había, mal que ben, seguíase a facer algo de 'obra social', lembrando que os cartos teñen unha labor non só de funcionamento económico, senón de facilitación e vertebración da sociedade.
A perda de empregos na institución? Bah, un 'subproduto'.

20110125

O que deberan sar rarezas da sanidade

Á cola chéganlle os movementos máis fortes do animal. Os que desenvolven máis rapidez, de xeito máis imprevisto para quen os sofre. Algo así pasa coas institucións, por exemplo, coa sanidade pública. Nos diversos movementos ós que se está a enfrontar, a sanidade parece máis estable nas zonas máis centrais e máis poboadas e máis inestable nas zonas máis periféricas. Hai un par de semanas saía na prensa unha carta sobre o parir na estrada, algo que tivo certa tradición hai anos e que pode, está para, volver a repetirse. Dende aquela, chegaron ós xornais varias novas sobre o estado da sanidade en Galicia ou na Mariña. Por exemplo, unha titulada 'El hospital rebaja las esperas y atiende antes a más pacientes' (La Voz de Galicia, 21/1/2011, non atopei máis versión dixital máis que o resumo). Nela danse algúns datos que fan pensar. Por exemplo: entre finais de setembro e finais de decembro, o tempo de espera en consultas baixou de 106 a 67 días. Pode pensarse que é cousa da rebaixa do aumento veraniego, debido ó aumento de usuarios e rebaixa de tempo dos profesionais por vaciacións, pero iso é difícil de manteer ó ver que no verán (finais de xuño-finais de setembro) só aumentaron de 94 a 196 días. Por suposto, hai máis números que se poden sacar a relocer, e tamén é de congratularse pola diminución. A cousa é que, entón, por que non se fixo diminuír antes? E aínda así, se para consulta na actualidade a espera é superior a dous meses, e chega a tres para operación, sen contar con que unha operación o normal é que requira varias consultas, iso leva a que se retrase por riba dos 5 meses por termo medio... É dicir, ben pola mellora, pero nada de congratularse polas circunstancias, pois están moi lonxe de ser as adecuadas, aínda se adentrarnos no por que.
E, un pouquiño máis aló, hai cousas que comezan a invadir a sanidade e que non deberan: aí está a nova de que ó funcionar como unha empresa máis, a sanidade deixa de cinguirse ó servizo para cinguirse ó beneficio. Nada novo, pero algo que na nosa zona sobrepónse á variación da estrutura que tiña ate fai pouco a sanidade pública, do que xa se ten falado no blog.