20080718

Final das xornadas de medio ambiente


Visto que o máis importante que ocorreu onte en Ribadeo parece ser que 'encallou' o camión que traía carpa para a reunión do PP con Feijóo, non fago máis comentario que o remate das xornadas de Medio Ambiente, coa segunda parte da charla sobre urbanismo que comecei onte.
Para retomar a charla de urbanismo collo dúas citas:
- "Non podiamos actuar no dominio portuario ", referíndose a cando o charlador levaba o PXOM de Vigo. E entronco isto coa nave no peirao de Ribadeo. É evidente que non é o mesmo caso, pero reforza a miña pregunta de ata que punto o alcalde pode parar o da nave.
- "Se non deixas a dinámica de traballo normal, quédaste sen a area". Referida ás praias en xeral, lembra que non só te podes quedar sen area, senón que tamén podes ver a area convertida en fango, e así, mirar para a 'praia' dos Bloques da unha idea de que a construcción do espigón, como xa sabía Isidoro Asensio Amor, despois do peirao, non ía resultar moi aló. Por certo, que digo que xa o sabía porque na biblioteca municipal Viejo Pancho de Ribadeo existen separatas de artigos seus que así o testemuñan.

Seguindo coa charla, había unhas cantas ideas clave para levar adiante o PXOM de Vigo (e calquera outro); entre outras:
*estratexias ben definidas, a idea de unidade do territorio, é dicir, non considerando zonas cunha relación moi débil
*conferir á cidade a condición de grande espazo público (en troques de considerar a privatización do espazo, ver foto á beira)
*focalizado na calidade de vida de toda a cidadanía (xa comentei onte, as plusvalías, no mundo en que vivimos, son aceptadas e mesmo convintes, pero de aí a ser o único a considerar...)
*xestionable: Un plan que non se pda xestioar de xeito adecuado é letra morta e dos peores que se poda poñer en marcha
*con contas craras: debe de ir acompañado dun estudo que permita saber de onde se vai sacar os cartos para as actuacións, de xeito que a mesma aplicación do plan poda xerar os ingresos para automantelo. é dicir, sabendo quen vai pagar
*en equilibrio harmónico entre a preservación do medio ambiente e do medio urbano
... e cumprindo a diretiva 42/2001 da UE, contando dun estudio de manteilidade ambiental.
Cabería preguntarse cantos destes puntos cumpre o PXOM en trámite en Ribadeo, tendo en conta que son indicativos ideais.
Pasando a outras charlas, Carlos Gil, de Costas, fixo un panexírico da actuación da súa instituiń que non daba lugar a máis comentarios, despois do tema da pavimentación costeira en Lugo, e de anunciar actuacións en Ribadeo: Ruta das cetáreas en Rinlo, ascensor da Atalaia (no que por certo quedoume claro que o mirador da atalaia vai quedar gravemente tocado nese ese uso), rehabilitación dos astaleiros, Alginatos e os muiños (de marea, río e vento) co paseo costeiro, e a prospección de 80m2 no castro das Grobas.
No resumo final das xornadas, quizais reseñar a necesitade de transparecia e participación de cidadáns nas actuacións da administración.
Para rematar o tema das xornadas, dicir que onte pola mañá foi o paseo en barca pola ría. Irán saíndo moitas fotos no blog sobre ese paseo. Unha mostra, a foto inicial do artigo, onde se ve o cargadoiro e unha casa ó final que pode facer pensar sobre a aplicación continuada da prohibición de construcción nos 500m de beira litoral.

Notas de prensa do concello 20080718

O 9 DE AGOSTO CELEBRARÁSE EN RINLO A QUINTA EDICIÓN DA FESTA DO PERCEBE.
Ribadeo, 17 de xullo de 2008. O 9 de agosto celebraráse en Rinlo a quinta edición da festa do percebe, que organiza a Agrupación de Percebeiras de Ribadeo, coa colaboración do Concello, a Delegación Provincial de Pesca e a Dirección Xeral de Turismo. Na presentación que tivo lugar esta mañá en Rinlo o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegurou que "esta festa creada hai cinco anos ven reflexar o traballo e o sacrificio de todas estas persoas, a maioría mulleres, que arriscan as súas vidas para sacar este producto do mar. Ademáis serve para poñer en valor unha das parroquias máis fermosas que pode haber no país como é a prroquia urbana de Rinlo".
O rexedor engadía que "esta festa é a actividade festeira que máis xente pode atraer a Ribadeo no verán, porque o ano pasado achegáronse milleiros de persoas que en poucas horas remataron cos 1.000 kilos de percebe que se puxeron á venda para a súa degustación. Unha cita que lle da unha proxección internacional a este evento gastronómico, etnográfico e cultural".
Fernando Suárez convidou aos veciños da Mariña de Lugo e do Occidentes astur ademáis de aos turistas que nos visiten "a achegarse a Rinlo o vindeiro 9 de agosto a participar desta quinta festa do percebe. Que se acheguen mellor pola mañá porque igual pola tarde xa se esgotou o producto".
--
O CONCELLO ORGANIZA TRES NOVOS PROGRAMAS DE PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS.
Ribadeo, 17 de xullo de 2008. O Concello de Ribadeo organiza tres novos programas de prevención de drogodependencias. O primeiro denominado Cambio de sentido desenvolveráse na Autoescola Fama desde mañá venres, e segundo explica Mónica Fernández Lamparte, responsable do programa de drogodependencias e incorporación social do Concello de Ribadeo, "ten coma obxectivo mellorar a seguridade vial entre os mozos de 16 a 25 anos que se atopan sacando o permiso de conducir. Durante unha sesión que dura entre unha e dúas horas, os rapaces visionan un video sobre alcohol e conducción e reciben información sobre as drogas, a conducción, as leis, as taxas de alcoholemia……Queremos así promover actitudes e conductas máis seguras e responsables entre os xóvenes er incrementar a percepción do risco asociado á conducción baixo os efectos do alcohol e outras drogas".
O segundo programa consiste no reparto entre pais e nais de mozos de entre 10 e 18 anos da guía Cousas que che interesan como pai/nai: guía sobre drogodependencias. "Trátase dunha publicación de 20 páxinas dirixida a pais e que pretende ser unha pequena guía para aclarar as dúbidas máis comúns e orientar respecto dun tema tan complexo como é o das drogodependencias", segue a contar Fernández Lamparte.
E por último no Concello presentóuse a campaña institucional E se che toda a ti?, que leva adiante a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodepencias que comenza estes días a ser emitida en spots de radio e tv e que consta ademáis duns dados antiestrés, carteis e desplegables que se repartirán polo Concello entre os mozos de máis de 14 anos. Esta campaña fai tamén especial fincapé no alcohol, a cocaína e o cannabis.

20080717

http://ribadeo-historia.blogspot.com/2008/07/ficha-da-reserva-da-biosfera-do-ro-eo.html


(obtido de http://www.mma.es/portal/secciones/el_ministerio/organismos/oapn/pdf/ListRB_Rio_Eo.pdf)

Do pasado ó futuro, pasando polo presente


Coido que as novas do concello-concello, unha volta postas no blog as últimas notas de prensa, non as vou tratar hoxe. Si dicir retazos pequenos de novas: que xa foi o cambio de quenda para o campus de baloncesto, a nova negativa de pacto segredo entre BNG e PP (supónse que ante a nova acusación de PSOE-UPRi), que aínda non vai desta a disposición de cartos para o remozamento do IES Dionisio Gamallo para convertelo no novo IES unificado de Ribadeo (ó xuntalo co IES Porta da Auga), e sobre todo, o anuncio das xornadas de Historia Local da A.C. Paco Lanza, que serán os días 22 e 23 deste mes e terán como figura a destacar a Antonio Raimundo Ibáñez Llano y Marqués, Marqués de Sargadelos.
Onte Daniel Pino Vicente, Director xeral do Instituto galego de Vivenda e Solo, ofreceu unha charla sobre os PXOM como instrumento de urbanismo as xornadas de medio ambiente. O certo é que me gustou, a pesar de ser apoiada nun idealizado plan da cidade de Vigo que se manifestaba, a pouco que se rascara na superficie como eso, idealizado. De calquera xeito, algunhas ideas: O PXOM como instrumento, non como finalidade. Como instrumento de análise, protección e xestión medioambiental, de participación social, de política social, de incidencia cultural, ... destacou que debera ser un documento de consenso (polo momento, o previsto para Ribadeo, éo). Pero eu entendin que esa 'participación social' non era só para construír o plan, senón que debía ser tamén como consecuencia do mesmo. Off the record, fóra, pregunteillo, e sinxelamente non me entendeu (ou non me quixo entender), co que ante a présa que tiña, pleguei.
Ben, quedou claro que se non hai participación na súa construcción, o plan é malo, e tamén que o plan debería integrar o tema do negocio que vai a poder dar lugar, das plusvalías. Dividirei o comentario da charla en dous, pero nesta primeira parte, quero deixar claro que me quedou a idea de que un PXOM é algo así como unha ponte que liga o pasado dunha comunidade, dunha sociedade, as circunstancias que son herdadas, co futuro, do que pon as bases. E iso só se pode facer mediante a consideración dos poderes, leis e posibilidades do presente. Tentar pasar por riba de parte desas circunstancias previas, das posibilidades actuais, das consideracións que deben primar que que conduza a algún sitio no futuro, é unha idiotez que redunda en perxuízo de todos, dende os que tentan de ter unha mellor calidade de vida (os máis perxudicados) ata aínda ós que tentan obter unha plusvalía (perxudicados en media, none casos aprticulares). Non o dixo así, pero así foi como me quedou a min.

20080716

Sobre as notas de prensa do concello


Hoxe comecei a poñer no blog notas de prensa do concello, que me comezaron a pasar de xeito direto. Isto ten as súas ventaxas e inconvintes, que quero compartir de xeito rápido cos que pasades por aquí. Ventaxas por estar ó tanto de todo o do concello. Inconvintes porque as notas non poden ser asépticas, e iso pode significar, se se poñen tal cual, propaganda dun determinado signo, o que non quixera facer. Por outra banda, podo pasar a poñer só aquelas que eu crea convintes ou usalas só para extraer información direta dalgunha nova. coido que esta última opción pode ser a mellor, pero vos diredes: Deixarei uns días poñendo as novas tal cual (envían tamen mp3, pero non sei onde podo cargalos para logo ligalos) e logo farei unha votación como a que está posta un pouco máis abaixo, pero referida a este tema. A parte, claro, sempre podedes facer os comentarios nesta entrada ou na que poña a votación (lembro, para quen non esteña familiarizado coas entradas, que se pode facer un comentario premendo co rato na parte do post que se indica na imaxe, ó final do mesmo; se hai algún problema, pode facerse premendo co botón dereito e abrindo noutra fiestra)

Notas de prensa do concello 20080716

O CONCELLO DE RIBADEO EDITA 15.000 EXEMPLARES DUN NOVO FOLLETO TURÍSTICO QUE XA ESTÁ A REPARTIR POLOS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DA ZONA.
Ribadeo, 16 de xullo de 2008. O Concello de Ribadeo ven de editar 15.000 exemplares dun novo folleto turístico que xa está a repartir polos establecementos hostaleiros da zona. O alcalde, Fernando Suárez, destaca "a boa acollida que está a ter o folleto que presentamos hoxe. No anverso ten o casco vello de Ribadeo e os detalles históricos e patrimoniais máis destacados e no reservo ten o que é o Concello tamén coas diferentes parroquias e os detalles máis singulares de todas elas". O rexedor considera que "este folleto era necesario, porque a pesares de ser Ribadeo un municipio turístico, a pesares de recibir cada ano a máis xente e a pesares de que tivo un plan de dinamización estes anos, non tiñamos un mapa bonito e plegable para entregar aos turistas que chegan cada vez en maior número".
Suárez Barcia engade que "se trata dun mapa que recolle íntegramente os recursos turísticos de Ribadeo desde o punto de vista histórico e poñendo en valor a nosa historia e o noso patrimonio. É moi atractivo e bonito e foi debuxado por Chencho Pardo". O alcalde asegura que estes días estánse a enviar exemplares sen dobrar deste novo folleto turístico de Ribadeo "a cada hostaleiro por si os queren enmarcar ou expoñer ao público para que o poidan ver in situ e así tamén facilitarán a visita e o disfrute de Ribadeo aos turistas xa que lles axudará e entender mellor o noso Concello".
O alcalde agradécelle a aportación económica de casi a totalidade do custe do folleto que se situou en 18.000 euros á Dirección Xeral de Turismo da Xunta e tamén á Area de Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
Rinlo e Arante
O Concello de Ribadeo tamén fixo folletos específicos de Rinlo "dado que é unha parroquia urbana de Ribadeo e un dos atractivos turísticos máis importantes que temos", explica Fernando Suárez, "e tamén fixemos folletos singulares para a Ponte de Arante, pola súa capela e por eses frescos do século XVI que teñen un interés turístico relevante. Ademáis a Ponte foi escenario dunha batalla contra un destacamento francés no ano 1809 que gañaron veciños das parroquias de Ribadeo e de Trabada. Eso é parte da nosa historia que queremos compartir cos visitantes que veñen a esta zona este verán".
--
AS XORNADAS AMBIENTAIS DE RIBADEO SON RECOÑECIDAS AOS PARTICIPANTES CUN CRÉDITO DE LIBRE CONFIGURACIÓN, SEGUNDO REITERA O EDIL, HORACIO CUPEIRO.
Ribadeo, 16 de xullo de 2008. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, desminte as acusacións realizadas na xornada de onte pola UPRI, nas que aseguraba que as XII Xornadas Ambientais non contan cun crédito de libre configuración. Cupeiro asegura que "como responsable desas xornadas teño que desmentir esas afirmacións xa que o poido demostrar co documento asinado polo Vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, o 27 de xuño de 2008 despois de ser aprobado pola COAPA, a Comisión de Ordenación Académica e Profesorado".
O edil nacionalista engade que "o primeiro que lle digo ao Sr. Rivas é que ten que informarse, pero parece que calquera cousa lle vale con tal de saír nos medios de comunicación contando mentiras ou levantando calumnias. Xa o fixo noutras ocasións, e nunha que ten que ver conmigo, cando presentou unha enmenda sobre o punto limpo, o contenedor amarelo e o vertedoiro de entullos para intentar enganar á Corporación e que se votara en contra dos informes técnicos e él votou a favor da empresa que tiña menos puntos". Horacio Cupeiro pregúntase "¿por qué tanto interés en todo este tipo de marrullerías que non sei a que conducen? Eu agardo que o pobo saiba cales son os seus comportamentos e en algún momento igual podemos demostrar algunhas cousas".
--

Notas de prensa do concello

Como non costa moito cargalas, e por fin mas envían, aí van varias notas de prensa do concello:
HOXE COMENZAN OS TRABALLOS DE PINTADO DOS PASOS DE PEÓNS EN RIBADEO.
Ribadeo, 14 de xullo de 2008. Hoxe comenzan os traballos de pintado dos pasos de peóns en Ribadeo, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor considera que "hai meses que dan síntomas de que precisaban dunha man de pintura e agora se retrasaron un pouco eses traballos por cuestións metereolóxicas". Suárez Barcia explica que "este ano non se ordenou como noutras ocasións pintar con pistola a modo de darlle só unha capa finiña de poucas micras que logo o que ocorre co tránsito de coches de un ou de dous meses é que se acaba levantando esta partícula tan finiña. Este ano optamos por levar adiante unha solución técnica máis ambiciosa e máis cara que é pintando mediante paleta é dicir extendendo a pintura cunha paleta o que permite que a capa sexa máis grosa e dure máis tempo. En definitiva o que é máis caro ao principio á larda resulta máis barato e máis seguro para que non acabe despintando co paso do tempo".
Os traballos de pintado dos pasos de peóns realízanse en coordinación coa policía local.
Zona azul gratuita
O mércores cando remate o mercado semanal "actuaremos en Doutor Moreda para proceder ao pintado da zona azul gratuita que implantaremos en breve. Un sistema que aprobamos en pleno hai pouco e que xa estivo a exposición pública sen que finalmente se presentaran alegacións, polo que xa está vixente. Só falla pintar a sinalización horizontal e colocar as sinais verticais. Esta ORA será un bó acicate para o dinamismo desta ampla zona comercial de Ribadeo que forman a rúa Doutor Moreda e as inmediacións da Praza de Abastos. Así se poderá dinamizar o aparcamento de coches e as 70 prazas existentes darán máis xogo despois de estaren rotando cada fracción de tempo", explica o alcalde.
Fernando Suárez cre que "en poucos días Ribadeo estará formalmente pintado nas zonas estratéxicas e máis importantes da vila".
--
O CONCELLO ESTABLECE ALGUNHAS NORMAS PARA O DISFRUTE DO PARQUE DE SAN FRANCISCO.
Ribadeo, 14 de xullo de 2008. O Concello de Ribadeo ven de colocar carteis no parque de San Francisco con varias advertencias. Na parte máis próxima ao Concello está prohibido xogar á pelota e circular en bicicleta ou patinete porque se trata dunha zona pensada para o descanso e o lecer dos maiores de Ribadeo.
E na parte do parque que está preto da Igrexa prohíbese a entrada de cans, pídese respeto para o medio ambiente e que se empreguen as papeleiras para despositar o lixo que xeneran os nenos e os pais que os acompañan a disfrutar desa zona de xogos infantís. Ahí sí están permitidos bicicletas, patinetes, balóns…….
--
O PLENO DO CONCELLO APROBOU A PETICIÓN DE ZONA ARI PARA RINLO E A ADHESIÓN AO PROXECTO DUN NÚCLEO DE SOSTIBILIDADE EN RIBADEO.
Ribadeo, 15 de xullo de 2008. O pleno que onte celebrou a Corporación Municipal de Ribadeo aprobou o expedente de petición de área de rehabilitación integral para Rinlo. O alcalde, Fernando Suárez, di que "agora iniciamos un proceso que agardamos que a Xunta dentro de pouco tempo declare formalmente a Rinlo coma zona ARI e que poida ter acceso a axudas importantes por parte do Ministerio e da Consellería de Vivenda".
Na sesión plenaria analizóuse o convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e o Concello para a financiación do proxecto de obras de mellora dos tramos urbanos da rede de estradas do estado no termo municipal de Ribadeo e a transferencia de titularidade dos mesmos. Conta Fernando Suárez que "a Demarcación de Estradas de Galicia lle cede ao Concello eses tramos e unha partida de máis dun millón de euros que teremos que investir entre os anos 2009 e 2010".
A Corporación aprobou por unanimidade a adhesión ao proxecto de implantación dun núcleo de sostibilidade en Ribadeo "que era o que requería a orde. Agora instamos á Xunta, á Consellería de Medio Ambiente, para que nos otorgue estas axudas de municipio sostible para o cal se fixo un proxecto bastante ambicioso que plantexa a colocación de paneis solares na piscina municipal de Ribadeo, así coma outras actividades de educación ambiental sobre todo para os máis pequenos. Agardamos que Ribadeo poida ser un dos cinco concellos que aspiran a ser núcleo de sostibilidade", explica o rexedor ribadense.
--
FERNANDO SUÁREZ TILDA DE POLÉMICA E INOPORTUNA POR OPORTUNISTA A PREGUNTA QUE ONTE LLE PLANTEXOU NO PLENO A UPRI SOBRE AS POLÉMICAS CUMBREIRAS DE RIBADEO.
Ribadeo, 15 de xullo de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, tilda de polémica e "inoportuna por oportunista a pregunta que me plantexou o voceiro da UPRI o Sr.Rivas sobre cando se ían dar as licencias de primeira ocupación a eses edificios que teñen as cubertas mal feitas". O rexedor lembra que "todos os grupos, a través dunha folla de ruta que plantexamos de xeito unánime, quedamos en que unha vez que se peche o período voluntario de pago de todos eses expedientes procederáse a dar licencia de primeira ocupación. E poñíase no seu momento coma referencia mediados do mes pasado pero sempre, e así consta na acta realizada polo secretario, despois de pechado o período voluntario de pago".
Fernando Suárez asegura que se produciu un desencontro co voceiro da UPRI no pleno de onte "porque e dígoo ben alto e ben claro e sen ningún de rubor parece que está máis defendendo os intereses dalgúns promotores que os intereses dos veciños de Ribadeo ou sobre todo os asuntos de interés xeral. Nós como grupo de goberno non nos imos aparcar do consenso que entre todos buscamos e agora ben o que non aceptamos son oportunistas nin defensores de intereses oscuros como é o que está a facer o voceiro da UPRI en casi todas as súas actuacións. Só se preocupa de intentar resolver ou sacar das castañas do lume a aqueles promotores que teñen cuestións pendentes co Concello, e non o digo eu senón que o dicen os técnicos municipais, dino os informes técnicos do arquitecto, os informes técnicos do secretario, os informes técnicos dos instructores destes expedientes...".
O rexedor engade que "eu creo que as cousas se poden facer ben e con consenso e que se cheguen a rematar nun prazo razoable que é o que pretende este goberno e o resto dos grupos da Corporación tamén perseguen o mesmo. Por nós non imos faltar a esa palabra, pero agora xa estamos un pouco fartos de oportunistas que se adican a defender intereses oscuros e espúreos, pero él saberá e deberá darlle contas á cidada"
--
O ALCALDE ORDEA CORTAR UN CAMIÑO DE TITULARIDADE MUNICIPAL QUE ESTABA A SER EMPREGADO POLOS CAMIÓNS QUE TRABALLAN NAS OBRAS DA AUTOVÍA A-8.
Ribadeo, 15 de xullo de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ordeou nas últimas horas cortar un camiño de titularidade municipal próximo á cooperativa dos Irmandiños que estaba a ser empregado por camións de grande tonelaxe que traballan nas obras da Autovía do Cantábrico, no treito entre Reinante e Ribadeo. O rexedor asegura que a Policía Local advertíulle desta posibilidade á empresa OHC e aos camioneiros que transitaban pola zona "dixémoslles que cortaríamos o camiño ata que depositasen a fianza correspondente que establecerá o arquitecto municipal. Unha medida que non ten un afán recadatorio. O único que queremos é que se respeten as vías públicas porque despois todo son boas palabras e un día marchan e os que quedan co paquete das estradas en mal estado somos os veciños e o alcalde". Fernando Suárez engade que "diante do incumprimento desa indicación verbal din a orde de cortar ese camiño prohibindo o acceso a eses camións baixo a miña responsabilidade e si queren levarnos ao xulgado poden facelo. Por parte do Concello non se autorizará o paso de camións de grande tonelaxe nin desta obra nin doutras que poida haber ,que nos estropean os camiños municipais, sin que teñan depositada unha fianza que poida responder dos danos que poidan ocasionar neses viais públicos. Que non hai desperfectos a fianza devólvese e aquí paz e despois gloria, pero entretanto esto non é nin Mozambique nin Tanzania nin un país tercermundista. Esto é Ribadeo e aquí as cousas están regladas".
O alcalde de Ribadeo lembra que o vial en cuestión "xa foi fonte de polémica hai uns meses por parte da empresa FCC que fixo o tramo de autovía en Ribadeo e que estropeou ese camiño e outros moitos que logo deixou a medio reparar, algo que a día de hoxe temos prácticamente impugnado. Houbo un acordo entre os diferentes grupos para pedirlle á Demarcación de Estradas que se faga cargo desta reparación ou que lle ordee a FCC a que a realice. E agora con todo esto coleando e sen resolver voltamos a sofrir unha situación similar".
--

Feísmo?





Quen dí feísmo? se nos habituamos a ver de contínuo cousas feas, seremos inmunes, sería como se pouo a pouco esas cousas pasaran a ser normales, non feas. Aínda nalgús casos, guapas, belas. Algo deso está xa a pasar na actualidade en zonas de Galicia, e veremos o que se fala esta tarde nas xornadas de medio ambiente sobre 'o feísmo' . En realidade, o título da mesa redonda é algo así como 'actuacións ambientais sustentables na costa de Lugo'. A cousa é, hai diferencia? Deber, debera, e moita. Actuacións non son edificacións nin construccións de paseos marítimos a 'tuttiplén', o ambiente non é o cemento e a sustentabilidade é algo que se persegue, pero que polo momento anda moi, moi escasa, sendo adulterada tanto en concepto como en palabra.
Pode que polo tema da enfermidade do feísmo (é dicir, non só, pero tamén) sexa bo pasarse por algunha das exposicións que hai estes días en Ribadeo. Onte pasei pola da Casa das Letras a ver a exposición de Luisa López Santos-Santiago e coido que me gustan os seus extremos. Tanto o movemento da oleaxe como a abstracción da quietude nas liñas dos edificios estilizados. E non sigo: coido que as exposicións son para ver ou para contar en profundidade, e agora mesmo non vou facer ningunha das dúas cousas.
Remato de novo co pleno. Houbo unha cousa que parece que se me escapou entre o mal que se escoita e o pouco esforzo por que se escoite que di José Mª: a multa imposta por 9015€ a mármoles Eo por incumprimento da normativa acústica. Sácoo da prensa de hoxe, despois de saber dende hai hai tempo que a licencia fora anulada de xeito xudicial (está recorrida). En fin, parece que o concello se move: calquera día destes ata lle pon unha multa a algún pub que non teña licencia de pub e que ademáis aínda así incumprira a normativa de ruídos e de horario.
Do pleno quedaba tamén a resposta ás preguntas de O Tesón:
"1.En relación ó horario de funcionamento da Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho, tema que xa foi preguntado hai meses, e visto que non hai variación de horario respecto a outros anos, continuando a ter un tempo de uso abondo reducido para os escolares e para o público en xeral, solicitamos coñecer se se realizou algún estudo de necesidades de ampliación de horario, e as disposicións do mesmo cara ó futuro."
A resposta foi a cargo de concelleira de cultura, indicando que este ano se contrata unha persoa para cubrir vacacións e para aumentar o horario en agosto.
"2.Ante a resposta pública dada hai poucos días polo sr. Alcalde sobre o funcionamento futuro do ascensor da Atalaia, incluíndo que non está previsto ascensorista, e para un coñecemento máis detallado do tema, solicitamos coñecer se existe algún tipo de estudo ou informe sobre a viabilidade económica de dito proxecto, ou algún coñecemento fundado do concello dos gastos que vai representar o seu funcionamento para as arcas municipais e as vantaxes para o desenvolvemento da vila nun momento no que se tende a pechar o porto, con carteis diverso prohibindo o paso. É dicir, ten coñecemento fundamentado de que a execución do ascensor é asumible e convinte?"
O ascensor non ten un estudo de viabilidade, pero tampouco se vai pechar o paseo marítimo Alfonso Rodríguez castelao, xa que é de Costas e non de Portos. Cree o alcalde que non debe haber ascensorista, e di que o concello asumirá os gastos de mantemento mediante a típica cuota trimestral por contrato cunha empresa, como se fai en calquera outro ascensor. Especulou sobre unha posible concesión na oficina de turismo dos baixos da estrutura para que poda ter venda dalgúns produtos (refrescos, recordos, ...) e ó tempo ter algo de man o ascensor. Non embargantes, engadiu, a axuda para obra non se limita ó ascensor, senón que abrangue o remozado das rúas adxacentes, rematando 'quero entender que os beneficios van ser superiores'.
Polo medio, indicou que este ano non concederan a subvención para o ascensor no concello, que quedará de pronto sen el.
A fotos, tres de 'xardíns colgantes de ribadeo', e a outra, dunha das moitas cousas do pobo que se me escapan e que se lle escapan tamén á prensa en xeral. Neste caso, o aviso da restauración do órgano da igrexa a conta de Caixa Galicia.
Outra cousa que tampouco vin moi anunciada nos xornais é que hoxe é o pregón do Carme, ás 20:30, do que me enterei porque a xente da banda que vai gravar á Coruña a banda sonora para 'Os mortos van ás présas' debera estar aquí para unha actuación co gallo desa presentación.