20060531

O reparto da globalización

Un artigo desta fin de semana nun diario de tirada nacional (enténdase, nacional española) titulábase 'El reparto de la globalización'. Hoxe, as primeiras novas que vexo tratan todas de eso, cada unha ó seu aire e no seu nivel. A escala intenacional, en Chile máis de medio millón de estudantes paralizan o ensino en protesta pola educación que reciben os máis pobres. A nivel local, as fábricas de pescado (as poucas fábricas) na Mariña teñen problemas coa deslocalización e os traballadores están fartos, o hospital da costa, despois de ser receptor de promesas, agora o é de esperas, houbo detencións en Ribadeo por o paso de inmigrantes, ... estamos nun mundo globalizado no que hai quen pugna por traer industrias contaminantes e de non moita man de obra cando se foi a fábrica de avións e pouca forza se fixo, por poñer un exemplo e un máis e un menos no tema de postos de traballo.
Por outra banda, o bazar chino está a piques de abrise e polo que sei, xa teñen aloxamento. Así pode verse Ribadeo non como terra onde non hai traballo, senón como promesa de traballo. Pode dicirse que non é o mesmo, que son traballos que ninguén quere (montar un bazar como pequeno propietario, ou non tan pequeno, non parece que non o quixera ninguén...), pero tamén é certo que son traballos que non se están a promocionar por xente 'autóctona'. Por certo, que de xeito lóxico, tamén serán autóctonos os seus fillos, de igual xeito que o son os nosos. Esto último ven a conto de que parece en certos círculos que para ser de Ribadeo debían pasar varias xeracións, ter 'pedigree'. Coa globalización, co movemento de xente que está a ter Ribadeo, coido que eso xa cambiou, aínda que a idea perdure. Ben, xa temos outro problema en cernes: a relación cos inmigrantes. E lembro que hai un ano apareceron por Ribadeo uns carteis ofertando clases de chino, dadas por un inmigrante que pouco sabía de castelán (nada de galego), pero que en troques facía esforzo por formarse, e non só aprendendo a lingua, ó tempo que estaba aquí.
Outros aspectos da globalización hainos: aí está a gripe aviar, calificada de pandemia, que xa ten 35 mortos ó lombo en Indonesia, por exemplo, e pode chegar aquí cando ás aves lles pete, pero ese é outro tipo de globalización sobre o que pode haber menos control (o que non quere dicir que se deixe sen tratar de previr).

20060530

Unha enquisa sobre Ribadeo

Onte tiven a curiosidade de responder a unha enquisa por teléfono. Quxen saber, en primeiro lugar, a conta de quen ía. Naturalmente, non mo dixeron. Tiña como núnico dado que o teléfono era de A Coruña, logo a enquisa non era de ámbito nacional. Primeiro, preguntáronme a idade. Logo, comezaron con temas como se a preocupación principal da xente de A Mariña era o paro, a crise economica ou a inmigración, que si Ribadeo estaba mellor ou peor que hai 10 anos, e remataron cunha batería sobre se o futuro de Ribadeo estaba nas piscifactorías ou se creía que a industria debía respetar o medio ambiente. Duvido de que en xeral, con preguntas do tipo das que me fixeron, logren sacar unha información adecuada, a non ser coas preguntas máis direitas do final sobre a piscifactoría e o rodaballo. Pero a enquisa está a facerse, e é como máximo a nivel comarcal. estiven a piques de darlles o enderezo da web da coordinadora de defensa do litoral, pero a muller que me estaba facendo as preguntas posiblemente non estaba de humor para tanto. Non quixen comprobalo.
A parte do significado que poda ou non ter unha enquisa, tamén está o caso que se lle faga ó seu resultado. En política, eso pode variar dun a outro extremo. E en Ribadeo, onde as decisións non se saben ata que se toman (eso sempre, pero en Ribadeo pódese estar a falar nun sentido ata o momento anterior de facer o contrario), pois menos. Aí está a última decisión (ou cambio de decisión) coa parada dos taxis no próximo futuro. Agora a proposta está en Rosalía de Castro. Coido que poidera apoiar a moción; ó fin, non hai un sitio adecuado, e agora mesmo non teño outra proposta que considere mellor (claro, habería que pensar un pouco antes de contestar a bote pronto). Pero cambiar, xa cambiou dende o parque alí. Voltará cambiar?
O outro tema de hoxe é o da suspensión de licenzas de construcción. Non sei en que quedará o tema de aprobar o avance do plan urbanístico sen coñecer o dictame da Xunta para suspender as licenzas de obras e evitar o ritmo de peticións actual, pero o PXOM non está sendo especialmente ben levado: enviado a Santiago por sorpresa, sen contestar as alegacións feitas en fase previa, sen saber a súa tramitación, estando en Santiago por 6 meses, e agora, coa proposición dunha aprobación sen dictame. Certamente, o urbanismo municipal é (estáo sendo) un furado negro que se come o pobo enteiro. Literalmente. Aí está a foto de onte, por exemplo. Ou o tema do derrube de alturas, ou o precintado dunha obra que xa fora parada o pasado ano, por poñer outros dous exemplos. Un pouco de unión no pobo non viría mal para ofrecer unha alternativa asociativa ó 'despoder' político. Coido que as cousas poden e deben facerse mellor; alomenos, con máis sentidiño e pensando nos demáis.

20060529

"Deixan de ser adultos se as cousas van mal"


    A fin de semana poucas cousas máis deixou en Ribadeo que as xa comentadas. Como complemento, un buzo feriuse ó tentar desenredar da súa embarcación unha rede no mesmo porto deportivo. Eso foi despois de que o remolcaran ata porto, tres embarcacións unha tras a outra sen máis aquel. E a deus gracias, non pasou nada: hai que ter coidado cos coitelos.
    A cita que titula a entrada pertenecea a unha traducción dun artigo semanal de Javier Marías, e refírese a un tipo de xente cada volta máis abundante que fai as cousas sen pensar moito nas consecuencias e logo, se saen mal, pide axuda e aínda máis, a esixe. Nada do outro mundo, pero algo que pode traer á nosa mente tanto xente como situacións que, como se soe dicir, 'non son de recibo'. O artigo tivo o seu nacemento na estafa dos selos de correos, pero é aplicable de xeito moito máis extenso.
    Pode que o anterior teña algo que ver con que hoxe me decidira a poñer as dúas fotos que se ven. A primeira, dun edificio entre as rúas Rosalía de Castro e Leopoldo Calvo Sotelo, e a imaxe dun edificio que eleva alturas e aínda no tellado segue retirándose pero elevándose. Parece que ten permiso para facelo, pero, é algo responsable o facelo así? A vista tomada non se pode ver de ningunha das dúas rúas ás que da, hai que ter unha perspectiva máis afastada para pode tomala.
    A segunda foto, un elemento como se di agora, 'de humanización' urbana, se se quere, ata de 'mobiliario' urbano, que está pasando de ser antigo a ser simplemente vello por efecto dun coidado deficiente. Trátase da fonte de baixada ó porto, ó pé do faro de Calvo Sotelo. É un rincón que a partires do momento no que o descubrín sempre o considerei unha illa de tranquilidade e efectos beneficiosos. Por suposto que é tamén aproveitable para o turismo, sen gastarse unha millonada en reformas e cousas desas. Pero, pode precisamente que por non ter necesidade de grandes gastos para o seu uso normal, para a súa rehabilitación como espazo de disfrute, pode que esa sexa a causa do seu abandono actual. Amañaráno?

20060528

Ribadeo, internet e lixo


Un domingo en Sta. Cruz estáse ben, pero a ser posible, limpo. E eso nestas datas xa non é tan doado. A foto serve de mostra. E só deso: de mostra. Por certo, pode que non se vexa moi ben, pero o lixo está: se se preme o rato dúas voltas seguidas sobrea foto, sae un pouco maior e vése máis claro. Pero creédeme, non paga a mágoa facelo. Eso si, a próxima volta, en Santa Cruz, se podes levar de paso no paseo un papel á papelera ou mellor aínda, unha botella ó contedor, estarás facendo algo por todos (incluído, ou incluída, ti)
Onte tivo lugar unha xuntanza da Coordinadora de defensa do litoral da Mariña Luguesa. Pouco a pouco, váise poñendo en marcha unha conciencia e un movemento en defensa do que hai, para tratar de non perdelo. Aínda que como é lóxico, se perderán moitas batallas, a ver se da tempo de ganar a guerra para conservar unha natureza onde se poda vivir con calidade de vida. Ben, o caso é que xa se pode ver en internet algo do tema da coordinadora. Esperemos que a cousa siga, pouco a pouco, pero sen pausa.
Para quen quera extenderse algo máis pla rede, tamén ontes chegou a min o enderezo de outro blog, esta vez persoal, dunha persoa relacionada con Ribadeo e que xa ten colaborado neste blog, Chenchu.

20060527

¿Para que querrá el alcalde tantas ortigas?


Esa foi a pregunta que oín onte, cousa dunha hora antes de tomar a foto. É curiosa, non cabe dúbida. Nunca ma plantexara. Non ten importancia (coido, para min) pero manifesta unha consideración que si se pode aplicar a outras cousas. Se queremos sacar punta, podemos dicir que quen a fixo consideraba que ese terreo era do alcalde, ou que o alcalde usa os terreos públicos no seu propio beneficio, ... nembargantes, coido que non é nada diso, e por elo, e peor: a consideración de que o alcalde pode facelo e os demáis só podemos preguntarnos o por que, sen esperar moita resposta. Unha situación que está na cabeza de moita xente e que sería bó desterrar.

20060526

Que é 'desenvolvemento sostible'?

A conto das novas de hoxe, pregúntome que é eso de desenvolvemento sostible. Pódese manter un desenvolvemento de xeito ilimitado? É evidente que se consideramos a definición correspondente no DRAE (a palabra sería 'desarrollo', obtendo " Econ. Evolución progresiva de una economía hacia mejores niveles de vida.", todos desexaríamos que se poidera manter. Non embargante, o tema métenos no xaleo de ter que discernir que é eso de mellores niveis de vida e do que necesita unha economía. En concreto, os recursos, sábese que nunha boa parte, son non só limitados, senón que tamén poden ser non reutilizables ou o seu uso entrar en confrontacón co uso e disfrute de outros diferentes. É dicir, o desenvolvemento sostible ten un límite de sostenibilidade. Que ninguén se engane: a competencia polos recursos xa sabemos que ten comenzado hai moito, e estamos vivindo unha fase de agudización totalmente visible nun caso particular,o petróleo, como significativo das fontes de enerxía. E non é a primeira vez: que impulsou ós exércitos do III Reich cara ó Volga? en boa parte, o conseguir petróleo.
Ben, unha auga limpa é algo ben diferente que o petróleo, pero tamén é ben certo que é moito máis doado emporcallar a auga que limpala, cousa que ademáis, produce residuos. Como caso límite polo momento, aí está o Prestige.
É dicir, cando se fala de que Ribadeo terá de novo este ano bandeira verde, pódese discutir a súa procedencia ou improcedencia, á vista, por exemplo, da cochambre dalgúns lugares, a contaminación acústica ou das augas, etc. Nese caso, a cuestión sería decidir cales son os niveis aceptables. A algúns pareceralles de risa e outros, pola contra, poderán rir tranquilamente pola decisión da bandeira. Outro caso diferente é que se diga que a instgalación dunha planta de acuicultura sería unha magnífica nova para Ribadeo, sempre que se respecten os criterios de sostenibilidade e emprego. É evidente que co axuste do binomio sostenibilidade e emprego a nova convírtese en moi boa. O que xa non é tan evidente, e queda tapado loa manifestación feita, é que se veña a instala na nosa costa unha planta productiva que foi alonxada de outras que parece que hai que conservar mellor. É dicir, criterios de sostenibilidade si, pero parece que poden varir dun lugar a outro, o que sería incomprensible. Queda nese reino da incomprensibilidade tamén que outra planta que xa se está a obrar non poidera atopar outros terreos sen invadir unha zona protexida e esta os atope de xeito rápido. quen non se lembra de aquelo que dí 'quen non quere caldo, dúas tazas' Parece, nesa liña, un castigo inflixido ó pobo de Ribadeo. E se é difícil creer na aplicación duns criterios adecuados para a sostenibilidade polos antecedentes, respecto á base para creelo por ser a administración ribadense quen os tería que vixiar, tampouco resulta doado.

20060525

Algo se move en Ribadeo

Eso parece. Parece que unha obra que se estaba proseguindo dende hai un ano despois de ser parada (¿pódese dicir que se lle estaba a deixar proseguir?) foi precintada. Significa eso o alto ás normas non cumpridas? Significa que se vai facer caso das sentencias? Verase na próxima tempada, pero o caso é que é un paso nesa dirección, por tardío que se poda considerar. E por forzado, que polas novas da prensa parece que si o é. Asemade, ó mellor tamén é un paso a un enfrotnamento maior no pobo para pode retomar unha posición máis adecuada. Cando hai xente que se colle privilexios, sempre é complicado recortarllos posterioremtente, entre outras cousas, porque se parte de que esos privilexios implican un maior poder relativo de quen os ten. Por eso hai que coller os problemas a tempo antes de deixalos avanzar: despois é máis difícil.
Debe ser a acumulación de problemas o que obriga a tomar decisións. Parece qeu xa está lista ou case a primeira redacción de proxecto de Pescanova en Piñeira. Non o entendo. Non había sitio noutro lado para a factoría de Meirengos e ven outra, maior, e inmediatamente hai sitio en Piñeira. Ten que ver co custe dos terreos? Está visto que pensar moito sobre un tema pode non ser considerado convinte para a saúde: pode rematar un máis perdido que ó principio, con máis preguntas, con máis traballo, e hai que loitar por vivir antes de preguntarse polo futuro... o de todos.
En O Tesón estamos esperando por escrito a contestación a dúas preguntas que se fixeron no último pleno porque non entendemos (si, eso, entendemos) as respostas. E teñen relación co tema das obras. Aí van: Ante a construcción dunha urbanización entre o camiño do cemiterio, estrada nacional e colindante co camiño que comunica ambos na zona da Vila Vella, solicitamos coñecer se as obras e edificios se están a facer gardando as distancias propias ó centro do camiño, como é norma xeral, e cáles son esas distancias. Ante as obras efectuadas en Cabanela, sen modificacións chamativas sobre o que xa había e estaba a ser nulamente usado, solicitamos saber que fin proseguiron ditas obras e a súa financiación. A ver se as entendemos cando teñamos a respsota con máis calma.
Mentras, outro día con sol, prosegue a Mostra da FP, está ás portas o Bispo Santo en Foz (o non enterarme antes xa me está a traer problemas en troques de poder aproveitar unha festa) e a vida segue.

20060524

Pasou o 11-S. Chega unha nova época

O título refírese a dúas cousas diferentes, aínda que podería ser tanquilamente a unha sóa. A primeira parte, falar do 11 de setembro en maio pode aprecer parvada. Mais... remata de inaugurarse unha das torres que está a reemprazar as Torres Xemelgas de Nova Iorque, destruídas no 2001. É bó momento para lembrar o mal que pode causar a estupidez. Dos uns e os outros. Dos vándalos e dos que din que están a extender a civilización.
Mentres, en Ribadeo, por unha volta, pequenos pasiños: o campamento de verán en prol da música segue a diante. Parece que aínda hai prazas, pero tendo en conta que é o primeiro, que é temático, etc, non é raro que así sexa, e pode ser un éxito que de unha nova orientación ór rapaciños e rapaciñas da zona e áis aló.
Tamén foi inaugurada onte a Mostra de Formación Profesional, a primeira separada da Feira da Ciencia e Tecnoloxía, no IES Porta da Auga. Pouca xente, pero a mostra segue adiante, e xa se sabe: estas cousas teñen un arranque lento, pero o caso é que sexa seguro.
A segunda parte do título, algo que os xornais non reflexarán: ontes remataron os estudos de bacharelato varios grupos nos dous institos ribadenses. Agora virá a selectividade para moitos, pero de calquera xeito, unha etapa da súa vida aló foi. David, Daniel, Paula, Cristina, Agustín, Adrián, Pablo, Borja, Elia, Noemí, Verónica... e outros máis, sigan ou non estudando, terán xa que vivir con outra perspectiva. En poucos días, comeza para eles o que era nas tribos a proba de madurez, o paso de novos a adultos. Se ben hai que dicir que esa proba é algo máis tarde que o que se facía nesas sociedades que se consideran atrasadas, o fin dos estudios de medias e paso á universidade, formación profesional ou o que se chama eufemísticamente 'mercado de traballo' representa hoxe ese paso para rapazas e rapaces. Aínda que eles non se decaten (no momento costa ter a perspectiva necesaria), xa están nunha fase na que o tempo móvese baixo os seus pés de xeito diferente.