20220506

Un bo sábado máis

    Día con Sol. E vento. Praia? Pode. Pero tamén pode ser asistir á concentración pensionista en Ribadeo, ás 12 diante do concello, como di o cartel de Suso. Avogando por unha causa de todos.


 

20220505

Un inmoble para o concello

    O concello, seguindo a liña desta última tempada, ten comezado as actuacións para facerse co outro inmoble, un dos puntos grises da xeografía urbana, sito en r/Deputación 3. O día 29 de abril saía no BOP o aviso que deixo abaixo. A imaxe (tomada de Google maps) da fronte do inmoble coido que é ilustrativa.



20220504

Preparando a 8ª Media maratón Ribadeo-As catedrais

    Onte foi a presentación da nova edición (8ª, 2022) da media maratón. Reproduzo a nota de prensa do concello.

Foto Media Maraton

ORGANIZACIÓN E COLABORADORES DESTACAN A SÚA IMPORTANCIA

VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais

03/05/2022

A VIII Media Maratón Ribadeo-As Catedrais celebrarase o 17 de setembro. No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá, participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, o delegado do Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e o técnico municipal de Deportes, Iván Rodríguez.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que "aquilo que hai oito anos iniciamos como un experimento foise consolidando ata ser hoxe en día unha cita ineludible das medias maratóns, que discorre por un lugar do máis fermoso tanto de Galicia como de todo o Cantábrico e de todo o Estado. Centos de persoas son os que cada ano se anotan nesta media maratón entre Ribadeo e As Catedrais. Confiamos que centos de persoas o volvan facer para esta nova edición, na que contamos con moitos colaboradores que co seu apoio fan que sexa unha das carreiras con máis boas críticas, en canto a organización, a intendencia e a que os obstáculos difíciles destes 22 quilómetros se fan moito máis levadíos co apoio de toda esta xente, entre eles o xornal El Progreso, a asociación de comerciantes e o resto de xente que nos bota unha man".

O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: "agradecer a Acisa, ao Progreso e a todos os colaboradores, pero sobre todo ao voluntariado porque é importante no percorrido e sen os voluntarios non poderíamos facer este evento, para a que necesitamos moita xente e moito apoio. As inscricións vanse abrir a partir deste mércores, día 4, desde as cinco da tarde. Para os 100 primeiros serán 5 euros, despois dos cen primeiros a partir do 17 de maio serán 6 euros, do 18 de maio ao 25 de xullo serán 7 euros, a partir do 26 de xullo ata o 15 de agosto serán 8 euros, e do 16 de agosto ao 13 de setembro, 9 euros. Cremos que son prezos módicos, atractivos para todo o mundo que queira participar e competir dentro do que poidan. Esperemos que a máscara se quite, que non teñamos que volver a ela e que todo o mundo poida disfrutar desta proba única".

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: "desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos de poder colaborar un ano máis con esta edición da media maratón. Para nós é moi importante este evento, que atrae a centos de persoas, entre participantes e acompañantes, e que axuda a levar o nome de Ribadeo a moitos lugares de Galicia e de España. Polo tanto poder colaborar con este evento e outros similares para nós é importante, como o é dar a coñecer Ribadeo e que a xente que participe disfrute da hostalería e do comercio. Polo tanto dámoslle as grazas ao Concello de Ribadeo por contar con nós".

O delegado do xornal El Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, dixo que "As Catedrais vai a máis. Es una de esas pruebas que cuando hablas de ella o preguntas por cualquier sitio dicen que es muy bonita; la gente se acuerda de ella por el recorrido y por el ambiente y en El Progreso estamos encantados de estar siempre ahí. Es una estupenda bandera para A Mariña".

20220503

Pola paz, en maio en Ribadeo

Cita xenérica para o mes de maio. Os xoves, ás oito da tarde, diante do concello, xuntanza pola paz.
 

Voz e voto


Voz e voto

    Na procura do significado da palabra latina vox atópome voz, pero tamén voto. Cádrame. En tempos, unha palabra dada era máis firme que algúns dos escritos de agora, moitas veces considerados como papel mollado. Polo tanto, a voz dada tería un carácter inequívoco de voto, de preferencia ante unha opción que sería certificada pola mera expresión dada, pola palabra.

    Hoxe por hoxe, parece que para ter voz -xa digo, algo que vai antes do voto, como expresión e certificación del- hai que apuntarse a determinadas políticas e/ou formacións políticas. Entón, podes ter difusión mediática, aireada pola prensa ou polos contrincantes, que te dan cancha e propaganda, mesmo sobreactuando. Unha postura que me resulta inconcebible non tanto por ridícula como por incoherente e prexuízo.

    Téñense dado -estanse a dar- moitos casos do que digo no parágrafo anterior, pero sempre chama máis a atención o que toca máis preto, e este artigo ten a súa orixe precisamente nun deses casos próximos. Cando hai uns días a prensa deu saída a unha nota do concello de Ribadeo reafirmando a súa actividade en prol da igualdade, o que se veu non foi a propia actividade do concello en materia de igualdade e o seu rendemento, (actividade que non estimo errada e da que en xeral é pronto para estimar a súa efectividade), senón a causa que deu orixe á nota do concello: segundo parece, as críticas vertidas dende un partido de extrema dereita. E digo segundo parece, porque alguén houbo mergullarse no torrente das redes sociais para chegar a unha nota dese partido, a nivel provincial, da que en Ribadeo nada ou pouco se sabía e na que Ribadeo aparece nada máis que como unha cita entre outras, sen argumentación particular algunha.

    Pero si, o caso é que agora ese partido de extrema dereita xa ten presenza nas novas do concello. Que polo momento os votos que tivera caiban con folganza nunha carteira non impide que o papel adicado neste caso xa non caiba. Algo ben diferente do que ocorre con outros feitos con movemento orixinado no propio termo municipal. Por poñer algúns exemplos, a baixada á praia do cargadoiro, a de orixe natural máis próxima á vila, leva un ano impracticable, foi un feito notificado polos veciños urxindo a súa reparación e enfróntase á campaña de verán sen amaño e sen novas explicativas ou xustificativas do concello. O acceso á illa Pancha, que entre outras reclamacións presentadas ten recibido dúas sentenzas xudiciais, segue restrinxido sen actuación do concello máis aló de dicir que a sentenza é positiva, non dando importancia a que o concello foi levado a xuízo (e non ó revés) e que hai un movemento veciñal ben anterior ó que ben pouco caso se lle fixo. Ou a nova residencia de maiores, levantada a partir da insistencia dos veciños, fonte de múltiples notas de prensa no seu momento e agora relegada á falta de información e seguimento social, a pesar da importancia de ambas para o desenvolvemento a longo prazo dun servizo deste tipo.

    A voz vai antes que o voto. Para emitir o voto, fai falta voz; en caso contrario, non se ten confianza de que valla para algo. De aí a que a participación se encauce cara a extremismos antidemocráticos vai un paso.

20220501

Refraneiro galego sobre maio

    Deixo en baixo algúns refráns galegos sobre o mes de maio que está a comezar. Un mes que, neste ano, xunta o seu comezo ó xa tradicional día do traballo (ou era dos traballadores?), que pouca festa parece ser, co día da nai, festa hoxe encumiada polo comercio pero cunha orixe nada comercial.

    Celebremos maio, mes das flores, no sentido que queiramos. Cos refráns, collidos entre os da Galipedia, (hai abondos máis) temos motivos de celebración:

  • A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano.
  • A auga de maio inda carga o carro.
  • A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón.
  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • A langosta e o cazón, en maio están en sazón.
  • A ovella do probe no maio morre.
  • A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.
  • A porca de maio vale máis no principio que no cabo.
  • A sardiña no maio que a parta un raio.
  • A sardiña polo abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio ásaa no borrallo, e por San Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • A vella dos anos mil gardaba pan para maio e leña para abril.
  • Abril a lan carda, e maio leva a fama.
  • Abril chove pras xentes, e maio prás bestas.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
  • Abril, déixame dormir, que en maio de meu me caio.
  • Abril e maio son a chave de todo o ano.
  • Abril e maio son as chaves do ano.
  • Abril esfola, pero maio amola.
  • Abril mata o porco no cobil e maio mátao dun ano.
  • Abril pare os froitos e maio lévaos ó lombo.
  • Abril, pendoril; maio, engraio; e San Xoan, segaio.
  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
  • ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
  • Are quen arou, que maio xa pasou.
  • Are quen arou, que maio xa pasou.
  • Are quen arou que xa maio entrou.
  • As avenidas da Ascensión, sonadas son.
  • As sandías nin semeadas en maio nin nadas en abril.
  • Ata o corenta de maio a vella non quita o saio.
  • Ata o corenta de maio non quíte-lo saio.
  • Ata o corenta de maio non te quíte-lo saio; e se volve a chover, vólveo a poñer.
  • Auga de abril e xiada de maio, aseguran o ano.
  • Auga de abril e xiada de maio, herba pra todo o ano.
  • Auga de maio, crece o pelo un palmo.
  • Auga de maio, mata o porco dun ano.

  • Auga de maio, pan pra todo o ano.
  • Auga de maio, quítame a sarna que traio.
  • Auga de maio, trai bo ano.
  • Auga de maio, trai mal ano.
  • Auga en maio detrás do arado.
  • Auga en maio mata a porca dun ano.
  • Auga en maio, pan para o ano.
  • Auga en maio mata o porco dun ano.
  • Auga en maio quita a sarna de todo o ano.
  • Auga entre maio e xuño vale máis cós bois e o xugo.
  • Ben veñas maio, o millor mes de todo o ano.
  • Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio non me ve-lo pelo.
  • Busca pan pra maio e leña pra abril, e bótate a dormir.
  • Caia auga e veña maio, que xa temos pan pro ano.
  • Cando en maio hai lama, inda algo se gana.
  • Cando en marzo chove i en abril xía, quédase maio feito unha criba.
  • Cando marzo maiea, maio marcea.
  • Cava, labor e barbeito, en maio han de estar feitos.
  • Cebada, pra marzo; leña pra abril e trigo, pra maio.
  • Centeo alto ou baixo en marzo espigado, que tarde ou temprán ha de quedar en maio o gran.
  • Centeo alto ou baixo, en maio espigado, que tardeiro ou temperau, en maio ha telo grau.
  • Chova por abril e maio e non chova en todo o ano.
  • Chova por abril e por maio e non chova en todo o ano.
  • Chova por abril e por maio e non chova na volta do ano.
  • Chova pra min abril e maio, e pra ti todo ano.
  • Chova pra vós na roda do ano, e pra min en abril e maio.
  • Chuvia, de abril; recío, de maio.

Algunha nova curiosidade do mercado

    O pasado mércores realizouse unha enquisa sobre a situación futura do mercado: volta á praza do mercado ou continuación no actual emprazamento, no aparcamento municipal.

    En baixo deixo a copia da comunicación oficial de resultados que se pode ver na sede electrónica do concello. Houbo 25 votos e queda onde está na actualidade con máis do 60 % dos votos. 25 votos? Si, pois a poboación votante eran os ambulantes que ese día estaban vendendo.

    No 2009 había 80 postos, aínda que algúns estaban adosados, o que dá unha idea da evolución nestes anos. Deixo ó final unha folla usada daquela que dá idea do que estou a dicir.

    O mercado, a máis dos ambulantes, ten tamén a xente que vai mercar. É comprensible a maior dificultade de consulta neste caso, pero non se realizou, como tampouco (máis difícil consulta, se cabe) a enquisa a establecementos da zona do mercado para ver o seu parecer. Gobernar non é doado, nunca se vai quedar todo o mundo a gusto, e hai que poñer un límite nos esforzos de goberno para poder ser gobernable. Onde?






Dúas actas de plenos de abril de 2022

    Foron colgadas dúas novas actas de plenos (comentados xa no blog) na sede electrónica do concello:

ACTA DO PLENO 2022-0002 [ACTA PLENO EXTRAORDINARIO URXENTE 07 ABRIL 2022] PLN/2022/3

ACTA DO PLENO 2022-0003 [ACTA PLENO ORDINARIO 5 ABRIL 2022] PLN/2022/2

Que se veñen sumar ás publicadas de xeito máis recente e xa reseñadas no blog:

ACTA DO PLENO 2022-0001 [Acta Pleno Ordinario 28.01.2022]

ACTA DO PLENO 2021-0013 [ACTA PLENO EXTRAORDINARIO. 16 DE DECEMBRO DE 2021]

ACTA DO PLENO 2021-0012 [ACTA PLENO ORDINARIO 30.11.2021]

ACTA DO PLENO 2021-0010 [ACTA SESION PLENO ORDINARIA DE 5 DE OUTUBRO DE 2021]

ACTA DO PLENO 2021-0011 [ACTA PLENO EXTRAORDINARIO A INSTANCIA PARTIDO POPULAR 05.10.2021] 

E máis a outras actas e comentarios contemplados no blog dende hai decenio e medio coa etiqueta plenos