20161209

Novas de Ribadeo

Ribadeo está en festas. Festa contínua, parece. Onte inaugurouse o mercado de Nadal, e xa temos nota de prensa da visita do alcalde, xunto co aviso dun sorprendente (din) sistema de iluminación no Nadal. O título da nota está en consoancia coa 'festa contínua': a 8 de decembro, chega o Nadal a Ribadeo.
E, no mercado, tampouco este ano haberá carpa, senón casetas: 25. O éxito de visitantes, dende o primeiro día
Encadre do mercado

Aínda que non resalte, o luminoso está anunciando o mercado de Nadal...



O mercado como éxito.


O alcalde visitando o mercado, a foto da nota de prensa do concello.

A máis, hoxe, ata podemos aprender a aforrar no gasto da luz (non na parte fixa, a que se leva as ganancias tamén fixas para as elećtricas) hoxe ás 12 do mediodía (para quen non teña que traballar, claro).
O cartel do merdado de Nadal en Ribadeo en 2009, recollido con algunha foto en 'en perspectiva'

O mercado, no ano 2006 (collido de 'A identidade de Ribadeo')
O mercado, no ano 2008 (collido de 'cinco imaxes, un só Ribadeo')

20161208

NOTA DE PRENSA DO COLECTIVO POR NUESTRO FARO enviada sobre o risco de perder a calificación de Zona ZEPA da Ría de Ribadeo e petición de información sobre subvencións oficiais ó proxecto de hotel

© Jose Mario Pires / , mediante a Wikimedia Commons (CC BY-SA 4.0)
Nota de prensa enviada sobre o risco de perder a calificación de Zona ZEPA da Ría de Ribadeo e petición de información sobre subvencións oficiais ó proxecto de hotel.
    Na asamblea celebrada o día sete de decembro tomouse o acordó de exercer o dereito á información ambiental dacordo co artigo 2.3 da Lei 27/2006 de 18 de xullo pola que se regulan os dereitos de acceso á información, participación pública e acceso á xustiza en materia de medio ambiente e as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE, seguindo o asesoramentos dos técnicos da SEO-BIRD LIFE.
   Concretamente o dereito á información ambental que acolle tanto a colectivos como a particulares de todo o ámeto da UE exercerase nos dous puntos seguintes:
   1.Diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia solícitase se manifeste por escrito se existe ou non informe técnico de non afección á Rede Natura 2000 do conxunto do proxecto, incluindo os impactos engadidos dos diferentes compoñentes do mesmo e das actividades derivadas da sua posta en funcionamento. Sulíñase o impacto sobre as aves migratorias, para as cais algúns elementos orográficos, como é a Illa Pancha, son puntos de referencia para a chegada á ría como zona de paso ou destino definitivo, debendo suliñarse que nos censos de aves realizados por diversas entidades nos últimos 15 anos apreciase unha disminución progresiva dalgunhas das especies mais significativas o que podería significar a perda da cualificación de Zona de Especial protección de Aves para a Ría de Ribadeo en caso de manterse esta tendencia, dándose o caso de que proxectos como o da Illa Pancha poden contribuir a este efecto migratorio negativo. Sulíñase tamén que no informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza recoñecese expresamente que non recibiu o expediente completo e so se informa sobre a obra interior do faro que obviamente no é unha custión da sua competencia.
   2.Diante da administración de Puertos del Estado solicítase información oficial sobre a posible existencia de algunha subvención para o proxecto devandito tanta do seu departamento como de outros da administración española ou europea, suliñandose que este tipo de información tamén é un dereito recoñecido expresamente na normativa citada e que tanto veciños, particulares, entidades ou colectivos poden acollerse a dito dereito se o desexan.
   Finalmente desde o noso colectivo entendemos que o propio Concello de Ribadeo debera ser o promotor destas solicitudes formais de información motivada para xestionar os expedientes dacordo cos intereses da colectividade e non dun empresa particular que propende á privatización da Illa Pancha.
   Ribadeo, 8 Decembro 2016

20161207

Contrastes: luces e sombras nos faros

Hai xa máis dun ano o concello de Felanitx mobilizábase para defender o seu faro de Porto Colom, como aparece no Diario de Mallorca o 20150624, 'La defensa del faro público toma impulso'. Pouco despois sabíase que o faro de Sant Antoni, en Xàbia, despois de ter o concello encabezado a protesta social, seguiría a ter funcións comunitarias. Dous faros luminosos, como se pode ver nas fotos, salvados (ou en vías de selo) para a comunidade.
Faro de Porto Colom, en Felanitx. De Kai Alpers(KaiHB), CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=2092819
Por aquelas datas xa tiña comezado en Ribadeo a plataforma 'Por Nuestro faro' a súa marcha. Sen que as institucións se unan ó movemento, vai sacando información, datos, e cousas mal feitas, contra a xente... o faro non quedará sen luz, non (ao menos, iso esperamos), mais o pago da luz será mediante un contrato dunha entidade privada que lle pasará cada seis meses, unha factura a Puertos. Hai uns días, unha entrada no facebook cunha foto da illa Pancha cos dous faros, e unha lenda: 'que sempre nos guíe a luz' (en castelán)  fíxome lembrar ese dato: o pago da luz do faro, por contrato, será feito por unha entidade privada. En realidade, o que imaxinei foi un comentario, que non cheguei a facer porque sen unha explicación, poidera ser mal entendido: 'mentras pague a luz'. E é que, entre as contradicións do que se está a facer no faro coas normas e lexislacións, a máis das cuestións medioambientais e o salto por riba das mesmas do que hai testemuña gráfica, o faro sempre foi concibido como algo de todos, común, servido por e para a comunidade. Un principio que se perde na actual situación propicidada polo sr. Llorca, Presidente de Puertos del estado, que convirte a iniciativa 'Faros de España' nunha especie de aposta persoal, marca do seu paso pola institución, e que 'debe ser un éxito si ou si caia quen caia'. E como non está a ter éxito nin polo número nin polos resultados, que se vexa un emblema... e tocoulle á Pancha.
E, para lembrar como era hai anos, abondos, cando aínda tiña o caseto á entrada da illa, a finais de maio foi publicada unha entrada en Faros de Galicia que rescata unha foto tomada dende o comezo da ponte vella á illa xunto con varias máis de Ribadeo, como di, mercadas en Foto Sáez (Foto Miguel) e na librería Cervantes (que eu xa non lembro)
--
Mentres, hai xa dous anos que en Inmodiario (.com) unha nova titulaba 'Los hoteles con encanto en los faros no avanzan'. Alí aparecía que os concellos deberían dar o visto bó para a concesión. Ou que a taxa fixa sería do 8% do valor do terreo (no caso da illa Pancha, 15000 € + ive, saen 190 000 €, redondeando, os 500 m2 de concesión). E fala dos usos daquelas dos faros: 28, museos ou semellantes; 12, emprego cultural; 5, investigación e asimilados; 7 cafeterías e 1, acuario.

20161206

Un paseo lembrando o ferrocarril mineiro

Mentras se van desenvolvendo outros actos de #AChocolateira, o domingo foi a andanza pola vía verde do ferrocarril mineiro, o tramo recuperado para o desfrute entre Santiso de Abres e A Pontenova.
É unha ruta que teño feito moitas veces, a pé e en bicicleta, mais esta vez tivo aspectos diferenciais.

Comezando a ruta, por A World to Travel
Chega o autobús á saída había máis xente que chegou por outros medios que a que ía no autobús. De feito, o espazo esgotouse varios días antes, aínda que non abondos como para calcular que se enchería relativamente outro autobús. Alí estaba a alcaldesa de Santiso, Goretti Quintana (PP) repartindo ela soa, folletos turísticos da ruta e do concello. Durante perto dunha hora, co seu chaleco reflectante... non é a imaxe típica dun alcalde do PP, ao menos para algunha xente. No autobús, varias concelleiras do equipo de goberno de Ribadeo (BNG), e ó chegar, Darío Campos (alcalde de A Pontenova) e Mayra García (Trabada), ambos do PSOE.
Houbo quen chegou tarde á saída, mais ninguén se quedou rezagado, mesmo familias con nenos en carriño. quizais algo de influenza tívoa o chocolate de Moreno á chegada, cociñado por voluntarios, igual que o resto da organización, sumándose á xente de A Chocolateira familiares e amigos, xente do club Albións ou protección civil de A Pontenova para que todo funcionase. E funcionou. A foto de A World to Travel que trataba de aglutinar a tódolos participantes, pero que non chegou a facelo porque unha carpa ocupaba a meirande parte da praza dos fornos a máis da xente que xa marchara amosa preto de 100 participantes duns 130-140 estimados (a que se amosa está alixeirada de peso para a súa carga máis rápida).
No medio, a charla podía descobrir ós viandantes que Santiso estivo a piques de ter unha fábrica de óptica e por que non a tivo, ou abandoar uns metros o camiño para observar unha escala de salmóns, a mais, por suposto, de observar a variedade de vexetación, descobrer os nichos dos túneles e o seu uso, distinguir entre as centrais do río, as diferenzas entre os tramos afectados por unha presa e os que non... ou moitas outras cousas, do ferrocarril e da súa proximidade.

20161204

Comezou o chu-chu da chocolateira

Nun acto de asistencia multitudinaria para o local onde se atopa a exposición da chocolateira, a antiga oficina de turismo do parque, comezou a apertura dunha mostra que a bo seguro levará a moitos visitantes á mesma. Deixo algunhas imaxes de aspectos da exposición e as verbas de Ángel Prieto Souto, que acompañaron a inauguración aportándolle un plus de coñecemento e reflexión. Non pretendo con estas imaxes máis que facer un resume, do que escapan moitos puntos de cartelería, arte (pintura e escultura), textos, gráficas, fotos, ganchillo (hai abondo máis de medio quilómetro de cadros de 25x25 cm2 feitos en lá, simbolizando unha vía e que serán unidos para confeccionar mantas que agasallar a organizacións solidarias), actividades externas como o completar entradas sobre o tema na galipedia, outras actividades realizadas polo grupo (a ruta do ferrocarril, realizada o domingo por abondo máis de cen participantes e que foi todo un éxito de organización, rematando mesmo cun chocolate na praza dos fornos de A Pontenova e un agasallo para os máis pequenos) e sobre todo, a ilusión e traballo palpables no momento da exposición polo equipo e colaboradores.
Momento da actuación

Momento da presentación

Cadro representando o cargadoiro

Cadro alegórico á liña de ferrocarril

Cadros representando infrastruturas da liña.

Material gráfico e textos son incluídos na exposición
Recorrido por puntos da exposición:






 




 Algunhas imaxes danidea dos debuxos feitos polos pequenos de primaria, de diversos cursos, no que s epode chamar 'A Chocolateira dos pequenos':













 As membros de A Chocolateira:

--
Nota posterior: a máis da inauguración do sábado, entre domingo e luns tiñan pasado pola exposición máis de seiscentas persoas.
Actualización: o xoves pola tarde pasaron máis de 350 persoas pola exposición, co que nese momento ían unhas 2000 persoas visitantes.


20161203

Ribadeo activo: Comeza a maratón da semana ponte Inmaculada Constitución

Comeza a maratón da semana ponte Inmaculada Constitución. Festival de Jazz/Blues en marcha. Como tódolos primeiros sábados de mes, marcha da A.C. Paco Lanza, esta vez pola outra beira da ría. Comezo onte do mercadillo contra o cancro, un ano máis. Xa en posición de saída o totalmente consolidado mercado de Nadal no parque para a segunda parte da semana, hoxe estréase a exposición e primeira actividade de A Chocolateira:
Sábado 3/12 19:00, Inauguración da exposición na antiga oficina de Turismo do Parque. Estará aberta toda a semana.
Domingo 4/12 10:00, saída de Santiso de Abres da marcha para descobrir o camiño recuperado, vía verde do ferrocarril entre Santiso e A Pontenova, e logo, chocolatada.
Martes 6/12 ás 19:00, película sobre o tren mineiro (na 'Casa do Mar')
Sábado 10/12 ás 12:00, no quiosco da música, tecendo vías solidarias: decoración do templete e máis.
Domingo 11/12 ás 20:00, acto de clausura

20161202

A excepción do Nadal

O Nadal é excepción?
De novo chega o Nadal. Xa comezan a aparecer as voces que din algo así como que quererían durmirse o 23 de decembro e despertar o 7 de xaneiro, xunto coas novas que indican cousas como unha semana especial no Nadal (referíndose á da ponte da Inmaculada Constitución) Ou a ampliación de horarios da hostalería nocturna 15 días dende agora a fin de ano (máis -avisan- os correspondentes ós días do novo ano, máis a petición de non restricción da noite de fin de ano.
Posturas encontradas e que case se alimentan unha á outra, mais cunha diferencia fundamental nesa retroalimentación. Nun caso, prodúcese por fastío de estímulos e sentementos da xente, mentras no outro é debido ós estímulos e hipersensibilidade inducida por intereses principalmente económicos.
Aínda hai poucos días que con motivo do black friday os xornais facíanse eco de que nun quinquenio, de ser descoñecido pasou a estar totalmente instalado en España, mentras a súa contrapartida conceptual, o giving tuesday, segue a ser descoñecido. A diferencia está entre o impulso (e intereses e cartos invertidos) na promoción do primeiro e como moito a indeferencia en relación ó segundo. Influencia norteamericana que se deixa sentir noutras celebracións, como a crecente importancia de Santa Claus ou Papá Noel en contra da importancia dos Reis Magos, a pesar de ser unha e outra xa festas comerciais por riba do sentido relixioso que poideran ter noutras épocas, e que representa unha tentativa de duplicación de gastos a máis de presentación de posibilidade de desfrute extra. Ía contrapoñelos asemade ó Apalpador, mais polo momento, o apalpador representa só algo de segunda orde fronte ós mitos maiores.
Seguindo coas comparacións, Halloween (ou menos. a súa versión para equilibrar en Galicia, Samaín) foise instalando paseniñamente, menos comercial e tamén festeira, impoñéndose a unha celebración calmada e meditativa do culto ós mortos que representa Santos e defuntos. E poderiamos seguir.
Mentras, ó abeiro de celebración tras celebración, hai normas que se convirten case en excepcións, levadas en boa parte por intereses económicos. Aí está a consideración da ampliación de horario de apertura nocturna con todo o que leva consigo. E permítese o pedido sen medidas paliativas dos efectos negativos, pasando así a ser o 'anormal' o desenvolver diario, forzado de discurrir do tempo coa cenoria da diversión -mesmo nun intento de forzar dito sentemento- e o atributo do gasto como compañeiro inseparable. Porque ó fin, o que se potencia é o gasto, non a diversión ou o benestar, que pasan, no mellor dos casos, a ser subprodutos de propaganda enganosa metidos a presión nunhas cabezas como as fartas de cantos de Nadal.

20161201

Galicia destingue

Isa foi a idea que se me viu á cabeza onte, a eso das dúas e media do mediodía, escoitando Onda Cero, cun anuncio con subvención institucional promovendo Galicia como 'destiño' para visitar, comer... supoño que en castelán, unha vez acadados os últimos obxectivos de conquista lingüística e destinguida galicia de vez.
Lamento non poder dar moita máis información. O ir conducindo non é un bo momento para tomar notas...
A imaxe, Galicia non sei moi ben se destinguindo ou tinguíndose de negro, a modo de efecto do Prestige.