20151109
Eleccións finalistas?
E, como as anteriores, as anteriores, as anteriores... parece que o mundo acabara con elas (antes de votar, que despois de recontados os votos rematou o conto). Son as finais antes do cataclismo que sucederá se ganan os outros!
O importante é o voto: que sexa para nós! Logo, non hai que preocuparse, xa o administramos (nós). Descansa, que xa fixeches o teu traballo: darnos o voto. Agora tócanos a nós, o noso traballo é quedarnos con el e sacarlle zume (nós). Ou non coñeces a teoría dos restos? En sinxelo, di que hai que facilitar que quen ten teña máis, que algunha miguiña caerá da mesa e chegará ós máis. Logo, sempre ganas votándonos: asegurámoscho. Sabes que hai cousas que non te podemos dicir, pero que o facemos por ben (noso). Mesmo deixamos que te enfades, non importa. Pero vótanos, que os teus enfados sabes que son pouca cousa fronte ó que podemos prometer. E non, non fai falla que sigas a ler, non queremos cansarte nin aburrirte, vota e volva á casiña descansar, que nos ocupamos nós. Descansa, que nos ocupamos nós, descansa, que nos ocupamos nós, descansa... Podes estar satisfeito se votaches como te dixemos. Se non, ten en conta dúas cousas: votaches mal, e todos os males virán de aí, e nós gobernamos igual para todos (nós).
O mantra electoral segue, e a alienación é do voto porque o é das persoas. Votar día a día está demodé, ser social (farras excluídas) tamén.
Si?
20151106
Documentando (tentando) a Illa Pancha
Queda agora volver a esperar (non moito, que non se vai agardar perto de medio ano como a vez pasada), mentres se fan outras actividades.
Texto do documento:
"Expón
Que en contestación do escrito enviado o 13 de xullo ó sr. Alcalde (entrada 2015-E-RC-8223) recibiu a pasada semana un escrito (saída 2015-S-RC-4256) no que non se respondía á petición da “copia do informe presentado polo concello á petición de Costas para a concesión do faro e illa Pancha como hotel'
Que sabemos que outros escritos semellantes doutras entidades e persoas quedaron ben sen resposta, ben con resposta incompleta como foi sinalado na parágrafo anterior,
Que en xuntanza (da que tomou nota de xeito informal, reflectida en http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/11/cronica-informal-sobre-umha-xuntanza.html e posteriormente reflectida pola prensa) o pasado domingo entre diversas persoas integradas no grupo de defensa da illa Pancha, acordouse solicitarlle de novo o dito informe, así como unha copia ou acceso ó expediente no concello, e / ou (de xeito complementario, non suplementario) unha entrevista previa,
Que entendemos que a situación da percepción social en torno ó tema non está a mellorar,
Que entendemos igualmente que tanto unha reforma de fachada (punto 2 do seu escrito citado) como instalacións en edificación independente (mesmo punto), ou o necesario sistema de evacuación de fecais, ou a necesidade de gardar unha distancia de 20 m coa ribeira, entre outros puntos, atentan contra a preservación debida da illa debido á súa pertenza á zona LIC e ZEPA, a máis da que consideramos indesexable cesión de lugar público e de referencia no concello para actividades privadas, mesmo despois de ter cerrado o acceso á xente do pobo á illa durante longos anos.
Que mesmo atenta e contradí á propia natureza da resolución do Consello de Ministros, detallada e delimitada en nota de prensa emitida polo Ministerio de Fomento (http://www.puertos.es/es-es/Documents/Faro_Isla_Pancha_1.pdf) onde textualmente se di "El proyecto sometido a tramitación por la Autoridad Portuaria de Ferrol San Cibrao para el uso como alojamiento en el antiguo edificio del faro de Isla Pancha (2 estancias adaptadas a la edificación existente) (...)” Que necesitamos información para dirixir e avaliar de xeito conveniente a nosa propia actuación,
Polo que solicitamos - o informe enviado polo concello a petición de Costas - copia ou acceso ó expediente que poda manter o concello sobre a concesión do faro - entrevistarnos con vde á maior brevidade posible para tratar sobre o tema.
En Ribadeo, a 3 de novembro de 2015."
20151105
A relatividade do tempo en Ribadeo
As fotos fóronme subministradas por unha persoa que se queixou á autoridade competente máis dunha semana antes, sen resultado. Unha semana despois do artigo, o concello xeraba unha nota de prensa sobre un sofá abandoado preto da rota da costa, chamando á lóxica colaboración colaboración ós veciños. Naquel momento, os dous puntos das imaxes enriba estaban peor, con lámpadas polo chan á beira do depósito (lámpadas non de filamento, máis contaminantes, escachadas no chan).
O da última foto foi retirado do chan ó varrer.
Onte tiña pensado publicar este artigo; non o fixen e non sei se hoxe o lixo segue dando guerra nos mesmos lugares, separados case no punto medio por un mural en marcha, tres semanas despois do artigo no blog e máis de catro de ser avisada a autoriade, e dúas despois do chamamento á colaboración veciñal do alcalde. Seguirá? Hai 100 anos que Einstein xeralizou a teoría da Relatividade. O efecto debeu chegar a Ribadeo. Haberá que comprobalo.
20151104
Preparándonos para as eleccións. Algo de historia electoral
O primeiro que aparece embaixo é unha táboa, e baixo dela, o gráfico correspondente, co resume de deputados galegos dende a democracia, xuntando por familias a correspondente ó actual PP e a UCD co posterior CDS. Poden observarse varias cousas, como a baixada paulatina de deputados de Galicia, pasando de 27 no primeiro mandato a 23 no último ata agora, ou os altibaixos de representación en clave dereita/esquerda, destacando entre as posibles observacións con ese patrón a continuada maioría da dereita (só no 2008 PSOE+BNG sumaron máis que os partidos de dereitas).
Nas seguintes ilustracións, presento o mesmo, pero referido só á provincia. A situación é semellante, pero máis acusada (só en 2004 e 2008 o PSOE logrou igualar, que non superar, o número de representantes dereitistas)
A táboa seguinte é un resume a nivel galego.
Só números e gráficas, do mesmo xeito que os votos ó final só son números que esgrimen os partidos para dicir que ganaron e que teñen (ou deberan ter) o poder.
20151103
Por que será? Artigo de José Mª Rodríguez sobre a residencia de Ribadeo
"
Pero esta comedia, chea de mentiras, xa se prolonga demasiado. E o tempo non é pra perder en bobadas, cando hai tanto en que ocuparse. Soamente algunhas precisións co único obxeto de aclarar algunhas cousas coas que o PP trata de enganar ós veciños de Ribadeo.
Presume o PP, e faio sen desfalecer no intento, de que está a favor e na defensa da residencia. Os feitos non o demostran, máis ben ó contrario. Desde que os veciños empezaron a súa loita por conseguila, o PP sempre estivo, non só ausente senón empeñado en obstaculizar este obxectivo dos veciños. Ata tal punto que remataron defenestrando ó anterior portavoz do PP por estar a favor dos veciños.
Polo que toca á actitude da Xunta, dicir que sempre foi negativa, negándose primeiro, a ignorar os escritos reclamatorios da Comisión de Veciños, e a recibir ás delegacións municipais de Ribadeo. Únicamente a presión exercida pola vontade insistente dos responsables políticos e veciñais logrou dobregar a súa permanente actitude negativa a escoitalos. As súas escasas e exiguas promesas de colaboración, aínda non satisfeitas, foron o resultado de tan insistente reclamación a quen tiña a obriga e as competencias para solucionar os problemas de Ribadeo. E o cumplimento desa lei que tanto invoca agora o PP local, tanto obriga á Xunta na distribución equilibrada e xusta dos recursos entre todos os galegos, como ó Concello de Ribadeo.
Faltos de imaxinación, insiste o PP unha vez máis na absurda idea do interese que ten o alcalde de privatizar a xestión da residencia, como única saída a este problema. Está privatizada, acaso, a xestión do Hospital-Asilo? Son esaxerados os emolumentos que se cobran ós usuarios desa residencia? Pensa o PP convencer con estas acusacións ós veciños deste concello das súas rectas intencións ó facer estas afirmacións?
Critican o rexeitamento do alcalde ás prazas concertadas que ofrecía a anterior Conselleira. Queren dicirlle ao pobo de Ribadeo pra quen serían esas prazas? Prós veciños deste concello ou para todo Galicia? Porqué non lle fixo o PP a mesma oferta ó alcalde Foz?
Por que dirixen todas as súas falaces acusacións contra persoa do alcalde de Ribadeo, cando a realidade é que as decisións son acordadas e asinadas por toda a Comisión pro Residencia? Por que será?"
O PORTO DE RIBADEO E ALEDAÑOS, artigo de Pancho Campos Dorado
![]() |
| Peirao de Mirasol sobrepasado pola auga en marea alta, o mes pasado. Foto de Suso Fernández. |
Catro gráficas e unha comparación: a demografía china e a galega
Para iso, collín datos demográficos de China e Galicia en diversas páxinas da wikipedia, baseados en estatísticas oficiais, e fixen catro representacións gráficas. As dúas primeiras, referidas respectivamente á evolución demográfica china e galega, teñen unha escala temporal semellante, aínda que, debido á evidente diferenza de poboación a escala de cantidades de poboación está en relación case 500:1.
O interesante é que na China, en menos de 40 anos a partir de 1953 no que comezan os datos que recompilei, a poboación duplicouse, e iso que foi xa en 1979 cando se implantou a lei do fillo único. Ademais, nótase que a implantación da lei necesitou dun tempo, pois foi só a mediados da década de 1990 cando o medrar se ralentizou a 'só' uns 30 millóns ó ano, a pesares do aumento da poboación en idade fértil. E aínda segue a medrar a ese ritmo, aínda que estivera previsto, antes do anuncio desta semana, que a poboación podería comezar a diminuír a partires de 2030.
A gráfica semellante para Galicia arroxa outra realidade ben diferente: a poboación mantense ou cae lixeiramente, mesmo co retorno da emigración da última parte do século pasado e a inmigración da primeira década dos 2000. Aquí non temos unha política de un só fillo de xeito oficial, pero practicámola de xeito individual e severo dende hai tempo. De novo, non entro nos condicionantes socioeconómicos ou de mentalidade que poderían sustentar esa decisión, pero é de recalcar que a poboación galega era xa, de antes, abondo máis envellecida que a china.
Máis aló da visión dunha poboación para manter o nivel de poder relativo respecto a outras poboacións en número, ou para manter un desenvolvemento imposible por causas de recursos naturais, ou para asegurar un 'servizo económico' interxeracional, coido que deberamos prestar atención ás medidas de conciliación socio-laboral quitándolle a primacía decisoria a unha economía entendida en función do medre de ganancias, e no tecido dunha rede social comunitaria, que non asistencial, como un aparte.
De calquera xeito, deixo os comentarios anteriores sen continuidade nin precisión posterior: o que pretendía era amosar os números para resaltar que na China, con razón ou sen ela nas decisións, tómanse estas cousas concedéndolles unha importancia que aquí non se lles da.
*Dicía hai algún tempo:"Moita taxa de repoboación non é boa para o planeta, aínda que poda selo para unha comunidade concreta considerada illada. Demasiado pouca, tampouco, como pode verse de xeito doado. No medio estaría a virtude, pero polo momento, non é o caso de Galicia."
Bonus: quizáis a alguén lle oriente esta ligazón do blog guerra eterna sobre o cambio normativo chino, ou esta gráfica de hai xa un par de anos sobre a pirámide poboacional en España, ou poda usala como comparación das que presento enriba (ver que parécese, que é ben diferente da galega e a previsión do que representaría o paso de 10 anos)
Máis sobre demografía en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/poboación
20151102
Crónica informal sobre unha xuntanza, coa illa Pancha ó fondo
Pouco a pouco vai cristalizando, medrando e poñéndose en marcha un grupo de persoas que recollen ideas do grupo de internet, no que tamén participan, e as levan á práctica, como diriamos, á rúa, máis aló do dixital, máis acó coa xente.
Coido que quedaron establecidas tres ideas básicas na xuntanza de onte:
1.Fai falta máis información, para facer un seguemento, ver o que estiman ou desestiman os técnicos, pero sobre todo para ter unha base máis sólida de razoamento e actuación.
2.Evidentemente, ten que haber criterios técnicos que guíen a resposta do concello, pero tamén políticos. A nota do alcalde, a pesar de aludir á trasparencia e ser forzada despois de ata cinco meses sen resposta ás peticións, non dixo moito novo, e non respondeu a cousas que se lle pedían, quedando cunha versión restrinxida da petición máis reducida das varias que se fixeron. Por exemplo, non comprendemos por que o concello non publicou xa o informe preceptivo sobre o faro, que foi emitido hai xa tempo, e pedido tamén xa dende antes do verán.
3.Aínda coas fallas anteriores, entendemos que se pretende unha actuación na illa que vai en contra da protección establecida. E mesmo a retórica na nota da alcaldía non evita o poñer en claro algunha contradición, como ocorre no punto 2 da nota, a pouco que nos fixemos no título, que debera corresponder co convenio sobre a illa, e o que se pretende no proxecto presentado: "instalacións complementarias do mesmo en edificación independente (cafetería e aseos), polo que se deberá informar sobre o proxecto presentado, baixo o titulo de “Proxecto Básico e de Execución de Reforma interior e de fachada do faro antigo para uso hoteleiro e de bar cafetería”".
Naturalmente, a xuntanza non quedou aí, senón que continuou con liñas de actuación. Básicamente:
-O concello recibirá esta mesma semana unha renovación de peticións xa feitas, concretándose no acceso ó expediente (onde ten que estar incluído o informe do concello), xa sexa mediante a submionistración dunha copia, ben a partires dunha entrevista co alcalde e acceso ós documentos ou doutro xeito.
-Complementariamente, o grupo recabará máis información sobre a convocatoria que deu pé á cesión da illa e tentará entrar en contacto con organizacións ecoloxistas, recabando información das mesmas ó tempo que informándoas dos efectos que pode ter unha instalación deste tipo sobre a natureza no entorno da illa.
-Como o grupo ve probable no futuro o ter que facer un chamamento á acción cidadá, comezar a desenvolver accións sinxelas que poideran apoiar e facer máis rendible ese chamamento.
Para rematar, deixo algunha foto collida da rede:
![]() |
| Posteada por Covadonga Suárez en Facebook |
![]() |
| Noite na illa, por Suso Fernández |
![]() |
| O faro no lusco fusco, por Suso Fernández |
![]() |
| Obra de José Manuel Yáñez Rodríguez (xa a puxera e retirara noutro post, ó non chegar a tempo a autorización) |


















