20150524

Transcurso electoral

Nubes, algo de Sol, vento, moita xente na rúa, xente de fóra, actividade nos colexios electorais da vila, marcan o día.  Non parece haber incidentes graves.
http://locales2015.mir.es/web/locales2015

Non comprendo algunhas normas sobre propaganda nos colexios electorais, pero non é momento de facer unha análise. Si me chama a atención a cantidade de xente que ven con sobre da casa, unha porcentaxe que diría está entre 1/3 e a metade. Iso indica algo sobre o nivel de decisión na democracia en España. Diría asemade polo movemento que en Ribadeo haberá abonda participación, máis que as pasadas eleccións.
Número de electores: 8 198. A maioría absoluta está en 4 100, aínda que sabemos que chegarán abondos menos para lograr a maioría absoluta de votos (sobre os 3 000 votos), e menos aínda para lograr a maioría de postos no consistorio (depende da correlación de forzas; hai catro anos o BNG logrouna con 2 696).
Outro número a considerar: superar o 5% de 8 198, 410 votos, que será o prezo máximo dun posto no consistorio, ó que ó mellor se ten que enfrontar algunha forza política. A partir de aí, rebaixas de custe. É seguro que a algún partido cada cadeira lle costará menos de 300 votos.
Segue o vento. Agora non hai Sol. Nunhas horas, veremos.

20150523

Chegou o día da reflexión. Dous modelos de desenvolvemento, dous modelos de actuación

Coas diversas actividades desenvoltas onte por Ribadeo en Común no Cine Teatro de Ribadeo, onte deu fin a campaña electoral na nosa vila. Hoxe tocaría reflectir por mandato, como se os demais 1460 días do período cuatrienal tiveramos que deixar a reflexión para outros. Coido que é un modelo, este de 15 días de propaganda-1 día de reflexión-1 día de actuación-moitos, moitos días de anulación que a máis de non ser nin lóxico nin xusto, anula á persoa, a nós, na nosa dimensión social. Formar sociedade é participar na sociedade.
Ben, despois das xornadas de propaganda (intensa a nivel estatal, máis diluída a nivel local), asumamos o rol de reflexión na práctica (o que se nos pide é algo máis de reflexión teórica, pois a expresión sería tan só a deposición dun voto nunha urna). E, para reflectir na práctica, podemos tomar dous casos de desenvolvemento local que se superpuxeron ás propagandas electorais, sinxelamente para comparar, avaliar e mirar cara ó futuro.
Países destino dos barcos dos asteleiros Gondán
Cada caso ten as súas luces e sombras, e non me vou estender sobre eles máis aló dunha presentación inicial. Tanto por que xa teño unha idea formada e con seguridade non sería imparcial, como porque na rede hai abonda información.
Os dous casos son a cesión da casa do faro da Illa Pancha para hotel e a entrega dun novo barco de Gondán, un veleiro de instrución para a Real Mariña Británica, o TS Royalist, de 6,75 millóns de euros de custe.
No primeiro caso, a primeira nova que puxen no blog sobre o hotel na illa Pancha data de agosto do ano pasado. O faro e o edificio estivo en uso entre 1860 e 1983. Na última tempada saiu algunha cousa máis nos medios e nas redes, en particular cando se fixo patente que a concesión estaba vista para sentencia. Trátase dun hotel aproveitando o edificio do antigo faro, con dúas habitacións e unha cafetería. Apunto que na actualidade a illa segue sen poder visitarse por estar cerrada (teño estado no alto do faro en grupo, en visita escolar), e isto faría posible que quen poidera pagalo (a noite falouse de 150 € por cámara) aproveitara unha illa bonita. O proxecto ten suscitado unha campaña de sinaturas en contra en internet, que comezou coa meta de 200 e xa hai tempo que as sobrepasou (hai outro máis en marcha, pero menos seguido). Mentres, sendo algo público, debera ter sido presentado no concello para alegacións, mesmo polo propio concello. 'Non se sabía' se fora así, e/ou se o concello alegara, pero parece que onte mesmo foi concedido o permiso no Consello de Ministros, e a nota d eprensa incluía "perteneciente al dominio público portuario afecto al servicio de señalización marítima y adscrito a la Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, cuenta con un informe previo de Puertos del Estado, así como de la Xunta de Galicia, el Ayuntamiento de Ribadeo y la Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar." Adiante pois. Desenvolvemento para a zona? A que custe?
Un apunte para lembranza: edificio de planta cadrada (128 m2) cunha torre no seu centro. O novo faro ten unha torre illada con lanterna de alcance de 21 millas náuticas (39 km).
O outro caso, a empresa xa leva longo tempo funcionando, e os asteleiros Gondán (aquí, un resume sobre Gondán en ribadeando) son xa dende hai tempo internacionais e expandíronse mercando instalacións fora da ría. A súa liña de barcos é impresionante. Industria manufactureira, as grúas impactan dende lonxe, ó tempo que a recollida dos barcos trae a Ribadeo a xente de todo o mundo, e fai a Ribadeo máis internacional durante todo o ano, ó tempo que o leva a aproximarse a tecnoloxía punta. Outro modelo, unha empresa exitosa. A pregunta é a mesma: Desenvolvemento para a zona? A que custe?

20150522

E fin. Si? E por que non en comezando?

Hoxe, venres, á noite, rematan 15 días de campaña electoral, que comezaron a noite do xoves 7 de maio.
Aínda seguen a traer os xornais os rifirrafes dos políticos en diversos lugares, ó tempo que seguen achegando ideas e programas que parecen moitas veces máis sacados da chistera dun mago que de observar as necesidade da xente, e a maioría delas, provocadoras dun sorriso posterior a un pensamento que pode ir dende o 'de que van?' ata o 'outra mentira preelectoral'.
O único antídoto coñecido contra tal estupidez non se vende en farmacias, e parece escaso por estas terras despois dunha ditadura e un cada vez máis férreo control da vontade polo mercado, controlado á súa vez por intereses financieiros.
Collendo unha cita dunha revista sobre municipalismo editada por El Diario, "Quenes son os idiotas? Segundo Pericles, os que non participan no goberno da súa vila e permiten que lles rouben."
Anaco de portada da revista citada. Nela, os grupos de xente van cada un para o seu lado, dun xeito ordenado, pero non dirixido.

E participar non significa votar, ao menos, non só votar... E non fai falta revisar moito a historia para saber que Pericles sabía de que falaba.
Por certo que o título principal da revista é 'que cidade queremos', que me lembra aquel 'o Ribadeo que queremos', do que se poden producir versións sucesivas, como xa ten saído no blog e seguirán a saír. Lembro neste senso que se presenta ás municipais en Ribadeo unha agrupación que fai bandeira dun programa aberto no tempo, en contacto coa cidadanía, algo diametralmente oposto á falta de programa que significa un folleto inchado con todo tipo de promesas propostas.
Despois do cuarto quilo de propaganda electoral que recibimos na casa, collo ó azar algún apartado dalgún dos partidos:
"Construiremos un campo de fútbol de herba artificial (...)
Actividades de lecer para mozos
Crearemos pistas de atletismo e campo a través
Potenciaremos e apoiaremos a:
-Escolas deportivas
-Equipos deportivos de Ribadeo
Crearemos foros deportivos."
Si? alqueń pode traducir en 'realidades o que di ese anaco de programa? Que promete, en concreto, este partido neste apartado?
Podería seguir con outros apartados do mesmo programa, ou dos outros. Uns explican con máis acerto, outros teñen medidas máis concretas, outros, máis factibles... pero, o desenvolvemento electoral actual fai que como moito, a cousa remate coa célebre sentencia do rei Sol: 'todo para o pobo, pero sen o o pobo'.

Para cambiar, participar. Por certo, o mesmo partido do apartado comentado non ten nada sobre impulsar a participación cidadá. E o único partido dos que teño propaganda do programa electoral que menciona a participación cidadá, adícalle o título dun apartado, que non o contido e afirma de xeito implícito que xa a hai (cando leva negando a súa estrutura xa moitos anos).
Xa vai abondo escrito, non me vou meter por hoxe no 'actúa localmente, pensa globalmente', que aínda hai pouco teño escrito sobre o absurdo do lixo electoral.
--
Anteriores sobre as eleccións do 24 de maio.

20150521

Difundindo (en) galego. Cousas que quedan de Ribadeo

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, no entorno do días das letras galegas 2015, ten feito varias cousas sobre o pasado que compre difundir para o futuro...

Revista con L de Local: Libros de autores da zona que están dispoñibles na nosa biblioteca (a do IES):
Descargable aquí ou lexible e descargable aquí.
Exposición (parte). Cartas entre Filgueira Valverde e Dionisio Gamallo:
19371210
19430331
19460410_1_
19460410_2_
19500622_1
19500622_2
19581125
19890325_1
19890325_2
Publicado na morte de Suárez Couto con autoría de Filgueira:
19811025
Que vos praza!

20150520

O que pesa a campaña electoral

Pretender pesar unha campaña electoral parece algo estraño. Se consideramos o medio ambiente, non o é.
O que é, é difícil que calquera veciño se aproxime ás cifras reais. Parecería, pero de calquera xeito, poden facerse algunhas aproximacións. Non pretendo pesar os grandes carteis plásticos que penden das farolas, ou os pendóns da rotonda do instituto, nin tampouco os múltiples carteis murais pegados cada un coa súa cola. Non, só chamar a atención sobre todo iso a partires dunha soa parte: a propaganda que nos chega ás casas, polo correo ou a traverso de persoas que a reparten. Aínda así, abonda para facerse unha idea, polo baixo, do que estamos a falar.
Sei que aínda non rematou a campaña, co que pode haber aumentos nas cifras que dou (de feito xa vin propaganda que aínda non me chegou; procurarei manter as cifras ó día se vai chegando), ou variacións de propaganda dunha casa a outra por diversos temas. Así, ós sobres que veñen individualizados, con nome e apelidos, sobrepóñense os buzoneos indiscriminados de folletos ou 'impresos postais sen enderezo', co que as contas xerais, aínda cinguíndose á propaganda que chega ás casas, só son aproximadas.

Por partes, tomemos primeiro a masa en gramos de cada partida de propaganda electoral:
Sobre con voto (de calquera partido):
5,2
Sobre grande BNG:
10,0
Programa BNG:
23,1
Parladoiro BNG (foi botado antes de comezo da campaña, pero é claramente con intención de campaña):
29,7
Programa Ciudadanos:
12,3
Folleto sinxelo Ciudadanos:
4,8
Sobre propaganda individualizado PP:
14,8
Boletín formativo PP:
16,7
Folleto propaganda PP:
18,5
Sobre propaganda individualizado PSOE:
15,0
Co que temos os totais, por orden alfabético de siglas:
BNG:
29,7 + 23,1 + 3*5,2 =                  68,4 g
C's:
4*5,2 + 2*12,3 + 4,8 =                45,0 g
PP:
3*14,8 + 16,7 + 2·5,2 + 18,5 =   90,0 g  
PSOE:
3*15,0 =                                       45,0 g
ReC:
                                              0,0 g
Total: 248,4 g

Botando contas a nivel Ribadeo, a razón de preto de 250 g por casa ou 80 g por persoa, segundo como se fagan as contas, saen en calquera caso máis de 3 000 kg de material distribuído polas vivendas de Ribadeo.
Repito que habería que sumarlle a cartelería exterior pegada ou colgada, abondo menor en cantidades, pero abondo maior en peso individual, e sobre a que se me ocorre que podería tamén mirar se o fin de semana seguinte ás eleccións está retirada ou non, como primeiro índice da actuación posterior ás eleccións de cada grupo, mantendo Ribadeo máis limpo. Lembro aínda un cartel electoral que se mantivo longo tempo á entrada de Ribadeo, xa descolorido e que tivo que causar roxez de cara no candidato correspondente que non fora retirado polo seu grupo. Espero polo menos que, despois dese cartel que cito e avisos coma este, a propaganda se retirará de xeito conveniente, sen ter que intervir o servizo de limpeza do concello.

20150519

Se queren algo, que se presenten ás eleccións, por José Mª Rodríguez Díaz

Algo semellante, a conto doutro tema, escoitei eu hai poucos días, por parte de alguén do outro extremo do espectro político...

“SI QUIEREN ALGO, QUE SE PRESENTEN A LAS ELECCIONES”

Memorable e de triste recordo o desta frase, dirixida por un sobresaínte membro da nosa clase política, neste caso do PP, a un numeroso colectivo de veciños co gallo dunha manifestación en demanda dunha residencia de anciáns para a súa vila, Ribadeo. Unha expresión que nos da a xusta medida do que entenden por democracia os políticos do noso país. O seu autor, un alto cargo político do PP, naquel intre Xefe Territorial da Xunta de Galicia, e de cuxo nome non quero acordarme. Traducida á nosa lingua galega, a lectura desta frase ven a ser esta: Pedímosvos o voto, e en canto nos elixides mendámosvos a tomar polo cu. Esta é a burbulla na que os así chamados representantes do pobo viven pechados cunha ideoloxía na que só existe o partido.
E nós, ¡inxenuos!, que críamos que cando iamos a votar ás urnas estabamos elixindo ós nosos representantes, a aqueles que nos tiñan que escoltar e atender cando lles presentáramos as nosas carencias para darnos as solucións axeitadas. Eso era o que  eles nos pregoaban. E saen agora dicindo que “se queremos algo que nos presentemos ás eleccións”. ¿Pra que fomos, entón, a votalos, nos preguntamos?
A ideología que se agacha detrás desta frase encarna unha actitude que subverte un dos principais piares nos que se debe  basear a democracia. Unha expresión que manifesta e resume a ideoloxía antidemocrática que subxace no subconsciente dos nosos políticos: que eles non se senten representantes nosos, senón do seu partido. Eso é o que con esta frase dixo o citado político.
E foi a través desta frase que os veciños desta pequena vila decatáronse de que para este e outros moitos políticos a chamada representatividade política dos cidadáns non existe. O triste é que o autor desta frase, e moitos outros coma el, foron os que nos tiveron gobernando ó longo de anos, e aínda nos seguen a gobernar moitos deles, non como representantes nosos, senón suplantando a nosa persoa e tomando, din que no noso nome, acordos e decisións que só interesan ó seu partido. So miran pros cidadáns cando se achegan as eleccións.
E este é, de feito, o comportamento do PP de Ribadeo. Sae agora coa nova nos seus mitins de que eles sempre estiveron a favor da residencia de Ribadeo, e dicir, a favor do pobo de Ribadeo. Unha vez mais están a enganar a xente desta vila. Pois, apoiando a postura do seu partido no goberno, sempre se situaron en contra desta demanda dos veciños, agás algúns concelleiros do PP, encabezados por Manuel Valín, que sempre apoiaron as xustas demandas do pobo fronte a postura negativa do seu partido. Postura que a este concelleiro lle trouxo moitos problemas co seu partido. Mais agora, chegadas de novo as eleccións, o PP local cambia de pel, como o camaleón, dicíndolles ós cidadáns que sempre estiveron o seu lado en demanda da residencia. O fin, París ben vale unha misa. ¡Vaia cara!
Pode que este breve comentario deixe en nós unha sensación negativa de impotencia fronte ó exercicio da política. Porque, fronte ó poder trasladado pola Constitución desde os cidadáns ós partidos, os cidadáns atopámonos sen esperanza, illados, marxinados, desarmados e sen posibilidade de poder recuperar o poder para exercelo e tomar decisións a través da nosa presencia directa nos órganos de decisión. Mais ou menos, como estaba no século XVIII o pobo francés. Pro, “tantas veces vai o cántaro a fonte que ó final rompe”, como di o refrán. Rompeuse na revolución francesa tomando o pobo o poder, e parece que pode romper, tamén, en España tres séculos despois. Aínda que en España non hai revolución sanguenta, hai movementos esperanzadores que invitan ó pobo a espertar do seu sono e a loitar pola recuperación do poder que lle foi roubado por unha mala Constitución, feita para a protección dos partidos fronte ós indefensos cidadáns e ideada para saquear España e desvalixar sistematicamente ós seus cidadáns, mediante o control do Poder Xudicial e aforamentos e amnistías. Estamos nun ano de eleccións. ¡Hai esperanza!

(primeiro publicado en http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/05/00423-si-quieren-algo-que-se-presenten-a-las-elecciones.html)


 Obras de José Mª Rodríguez

Xardíns colgantes, edición 2015 (I)

No día das letras galegas, natureza viva, rebosante sobre as nosas cabezas, como tódolos anos, lembrando que estamos na primavera. Só unha mostra:
No aparcadoiro:
nunha 'maceta' sobre columna do valado, co pé dos carteis electorais
no muro derribadeo da antiga casa indiana
ó pé dunha casa indiana en S. Roque
nas Catro Rúas
Nas fincas de S. Roque
Na r/Deputación pode verse o conxunto máis nutrido na actualidade
E quedan máis para outra ocasión...(e quedará sen mediar aínda, da cantidade que hai!)

20150518

A auga que bebe Ribadeo é branca ou tinta e ten sabor

Collo a referencia do estribillo do 'viño que bebe Asunción' para chamar a atención sobre a auga de Ribadeo. Non é a primeira vez que me refiro a ela. Hoxe, a conta de varias referencias á auga, parolando con outra xente sobre como saía da billa onte, lembreime dun folleto que editou hai pouco a Casa das Ciencias, 'Auga e cidade' (en castelán ou inglés).
O certo é que non estou moi de acordo con el. Está patrocinado por emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña, propiedade do concello, pero que non deixa de ser unha empresa con criterios non exactamente sociais, o que leva a que, por exemplo, haxa no folleto un apartado que explica por que a auga é tan cara. Hai máis exemplos que levan a inducir que non é o beneficio social ou a información pública o punto de mira da entidade, pero aínda así, presenta algunhas cousas abondo claras, para ir aproximándonos á realidade da auga da billa. E, en particular, á auga da billa en Ribadeo, coa súa turbidez, o seu sabor ou a súa química alisadora da pel.
Porque, visto o sucedido na última entrevista na que se tratou o tema entre alcaldía e representantes da mesa de Asociacións de veciños, seguiremos a falar da auga da billa en Ribadeo.
--
No blog:
Auga, bando e bando 2
Que a auga sabe a raios? A culpa é dos raios por saber así!
Auga
E máis auga
Auga, aceite...
Auga (2006)
Auga (2007)
A auga...
De aquí bebemos/bebíamos