20150420

Cousas de Ribadeo

As caras de Ribadeo son múltiples. Todos o sabemos. Iso non quita para que vaian aparecendo e desaparecendo curiosidades máis ou menos chamativas, cousas a mellorar ou cousas melloradas. Ribadeo non se pode resumir en cinco fotos, pero algún contraste solto, si:
1.Espantallos caseiros na r/Ramón González, antipombas. Debidos a?
2. ... posiblemente, ás pombas que aniñan neste edificio case fronte ó anterior, que non é a primeira volta que sae no blog (aquí, por exemplo) pola mesma razón: o estado de ruína, perigosidade de caída de vidros, e ocupación dunha importante poboación de pombas, facendo de pombal sen a beleza dos pombais. No balcón do segundo piso, pombas ó Sol:
3.Selva? Non, horto! Ben, horto disposto coa mellor das vontades para o seu cultivo comunitario (coido que no seu momento quedara xente querendo horto e sen praza) e en estado de abandono onte mesmo. Certo que hai parcelas que seguen a ser cultivadas como corresponde (como era a idea), pero son minoría, e nótase.
4.Algo da natureza: unha marea curiosa por abondosa, onte, como se pode ver no espolón da entrada ó porto deportivo. A liña do lateral do rompeolas contrasta coas tres grandes grúas que xa ten Gondán agora.
5.E algo de humanidade. A vella torre si se 'humanizou' co repaso que se obrigou a dar ós seus donos. O seu aspecto pola parte traseira sobre todo, pero tamén pola dianteira ou polo lateral, cambiou abondo en relación ás anteriores veces que se tratou no blog (foto da torre aquí, ou aquí). Ó seu pé, as vellas columnas vense por riba do valado que separa os terreos da r/ da Muralla.

Nota de prensa de O Tesón, ciclo o Medio Ambiente dende Ribadeo



AVV O Tesón
Nota de prensa
Ciclo visións do medio ambiente


Onte sábado tivo lugar a segunda actividade do ciclo da AVV O Tesón "Visións do medio ambiente dende Ribadeo", a conferencia de Óscar Chao Penabad “Máis aló das Catedrais: biodiversidade en Ribadeo e arredores”.
Comezou facendo unha descrición xeral en torno ós piares conservacionistas, para pasar rápido ó enfoque de Ribadeo. Rápido porque facía falta o tempo: salientou que era unha selección, pero aínda así deu un repaso por máis de duascentas especies de plantas, animais mariños, terrestres e aves que se poden ver na nosa contorna, distinguindo algunha característica ou curiosidade delas, as especies invasoras, especies protexidas, a súa relación co hábitat... Das anduriñas e a súa baixada en número ó uso pola natureza na nova lagoa en zona protexidam deixada pola tentativa dunha piscifactoría en Meirengos, a visión do medio ambiente de Ribadeo, o seu estado de conservación, as posibilidades de coidado e mesmo o seu aproveitamento como recurso económico, foron tratados ben co fondo das diapositivas expostas, ben na charla posterior.
Como resultado, e dada a súa relación con Ribadeo, é posible unha futura colaboración entre Óscar e O Tesón para sacar adiante algunha obra sobre o tema.
A próxima semana, o venres 24, terá lugar a terceira e última actividade deste ciclo, a conferencia de Mark Adkinson sobre “A pesca recreativa como fonte de ingresos sostibles”.

Achégase un estracto do currículum de Mark Adkinson:
Nado en 1952 na Gran Bretaña, estudou manexo porcino en centros universitarios de Nottingham e Norfolk. No 1972 chega a España para traballar en Huesca, e tres anos máis tarde, a Galicia, agora levando as granxas de selección do Grupo Conagra (Saprogal). Pasa despois á delegación en Galicia da británica PIC. Nesta época traballa tamén como consultor internacional.
No 1996 monta en Francia o centro mundial de selección xenética da empresa PIC. Dous anos despois volve a Galicia para traballar na empresa familiar. Cinco anos máis tarde, problemas de saúde lévano dar un xiro na súa actividade, montando unha páxina web coa venda de casas rústicas.
Ten un longo historial relacionado co medio ambiente: comezou hai 35 anos, presentando as dúas primeiras denuncias por delito ecolóxico en Galicia, o que fixo en solitario.
Ó ver a impotencia da loita legal en solitario, agrupouse na Asociación Galega de Pesca Fluvial, na que foi Vicepresidente, colaborando cona Xunta de Galicia na escritura da actual lei de pesca fluvial, aprobada no Parlamento Galego o 27/7/1992.
Desde hai 34 años tamén milita en AEMS Ríos con Vida (premio Nacional de Medioambiente 1998), sendo presidente da sección galega. Neste posto, realizou a Denuncia Penal polo cierre da Fervenza de Ézaro en Dumbría, que, sen aínda ter chegado a xuízo, fixo que en tres semanas estivera abierta ó público a maior atracción turística da Costa da Morte. A Endesa, Fenosa y Iberdrola por incumprimento da lei de pesca fluvial de 1992, con resultas dun prazo de 6 meses para acatar os caudales ecolóxicos (con caso omiso polo momento). Á empresa Tres Mares, por ter cortado totalmente o río Castro usando todo o caudal para a piscifactoría, entubando dous regatos máis directamente á piscifactoría, durante 30 anos. Ó Concello de A Coruña e a Aguas de La Coruña pola construcción da Presa de Cecebre sen escala de salmónidos, etc.
As accións, razoadas, están logrando novas zonas de pesca sen morte, mellorando os ríos nos tramos próximos.
Ademais, Ríos con Vida está colaborando no plan Life de recuperación do mexilón de río Margeritifus e a recuperación do topillo de rio na cunca do Ulla.

20150418

Candidatura completa de Ribadeo en Común (ReC), ordeada e con algún comentario

Adxúntase a nota de prensa que remata de liberar Ribadeo en Común:
A plataforma veciñal "Ribadeo en Común" quere facer público o resultado das eleccións primarias  que ven de celebrar na última semana e, polo tanto, a lista de candidatas e candidatos aprobados pola asemblea e ordenados seguindo un criterio de paridade  con lista cremalleira.

Así mesmo, aproveitamos para agradecer unha vez mais á veciñanza a súa participación nas primeiras eleccións primarias que se levan adiante en Ribadeo.

Un total de 182 persoas tiveron dereito a voto. O criterio para a elaboración do censo de electores  era ter asinado o manifesto da plataforma  ou entregado o tríptico pre-aval antes do 1 de abril (data da apertura do prazo para presentarse como candidata), e os niveis de participación e representatividade obtidos foron valorados pola asemblea positivamente, tendo en conta as dificultades que levou consigo compartir as tarefas deste proceso coa recollida de sinaturas para avalar a agrupación.

Unha comisión electoral e unha comisión de garantías, alleos á candidatura, velaron polo cumprimento do regulamento e o desenvolvemento do proceso.
Candidatura veciñal de ReC ás Municipais 2015:
1. María Victoria López Louro.
2. Mario Penelo Riva.
3. María Novo Fernández.
4. Iván Rodríguez Lombardero.
5. Lidia Ares Taboada.
6. Evaristo Lombardero Rico.
7. María del Rocío Botana García.
8. Julio César González García.
9. Eva Paula Roca Posada.
10. Carlos Daniel Scavuzzo Mejías.
11. MªaríaJosé García Burgo.
12. Víctor Villar Caamaño.
13. María José López Martínez.
14. David Regueiro Rama.
15.María Ángeles Domínguez Barroso.
16. Héctor Peña Díaz
17. María Mar Orosa Pérez.
Suplentes.
1.Emilio García García
2.Elvira Rosa Posada García
3.María del Carmen Manzanal Gómez

Pronto recibiredes novas informacións da nosa alternativa. moitas gracias pola difusión.
Maví Louro, no centro, con Mario Penelo. Na outra beira do Marqués, Julio César González
Lista cremalleira con maioría de mulleres, conta co aval do pobo para a presentación ás municipais, dando indicación da súa representatividade. A lembrar que, con que Ribadeo tivera só 17 habitantes menos, o número de avais a presentar tería sido máis de 100, non máis de 500.
Máis de ReC.
Outras candidaturas:
PP
BNG
PSOE
... e máis:
Sobre as eleccións municipais 2015
Sobre as pasadas eleccións municipais de Ribadeo 2011
Vídeo da toma de posesión en 2011 
E máis sobre eleccións

20150417

Historia dunha tarde

Dende un punto de vista estritamente persoal coido que debe ser contado.
1.Historia lonxana
Polo que me teñen dito (sen corroborar pola miña conta), no pasado téñense presentado  dúas veces agrupacións de electores nas municipais ribadenses. A primeria sería no ano 1979, encabezada por Antonio Martínez, que obtivo catro concellais. A segunda, no ano 1991, encabezada por Ramón Acuña, actual presidente do Club Náutico e daquela expulsado do PSOE, obtendo 345 votos sen acadar representación. En ningunha das dúas tería habido primarias. Ademais, as condicións do concello de aquela non esixirían 500 avais.
2.Historia próxima
O artellamento de ReC, en calquera caso, sería moi diferente das anteriores ocasións nas que se presentaron agrupacións de electores, tendo unha orixe asemblearia, tendo escollido nesa asemblea o formato de agrupación e recibindo en febreiro a nova de que Ribadeo pasou de 10 000 habitantes e polo tanto necesitaríase de 500 avais (e non 100 para os concellos de menos de 10 000 habitantes), a recoller entre 1 e 20 de abril, incluídas nese tempo as tarefas administrativas da propia presentación, a máis da verificación e por suposto, a montaxe de follas previa á verificación (adxuntar copia de DNI a datos persoais e sinatura).
Este proceso, debido ás necesidades organizativas da plataforma, sobremontouse ás primarias para elección de candidatos.
3.Onte pola tarde
Cheguei tarde a enterarme, pero a primeira hora da tarde, saltaba a nova de sms en sms, whatsapp en whatsapp, correo en correo, redes sociais...O secretario vido de Lugo estaba botando embaixo unha grande cantidade de avais e a posibilidade de presentarse ás eleccións estaba no aleiro. Os fitos da historia pode seguirse, por exemplo, no Facebook. É máis difícil de seguir a realidade do movemento.
Ribadeo en Común ampliou o prazo de votación en primarias. Corto e pego de Fb: "Superada a recollida de avais, onte centramos a vista da Asemblea nas nosas primarias. O informe da comisión de garantías sobre o proceso estimou que ReC, centrada na recollida de avais, adicou un esforzo insuficiente á promoción da participación do censo na selección das persoas candidatas.
En consecuencia a Asemblea estimou conveniente abrir de novo o proceso desde hoxe até o venres á mañá, e garantir a través das redes sociais e vía e-mail e mesmo teléfono, que todo o censo ten acceso a esta información.
Polo tanto, se ata o momento non tes votado, ou coñeces a alguén que aínda o poda facer, informámoste que a urna estará aberta en Clip Graf (fronte á igrexa de Sta. María do Campo) mércores 15 de 19:00 a 21:00, xoves 16 de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 e venres 17 de 12:00 a 14:00."
Nótese que comeza con 'Superada a recollida de avais', pois as primeiras novas, de mércores, así o indicaban, o que motivou a nova de prensa que se reproduciu no blog. Ben, polo que parece non estaba superada, pero ReC tentou ampliar a democracia que practica.
O caso é que á primeira hora da tarde de onte, xoves, no mesmo lugar, aparecía outra nota: "AVISO URXENTE: Contradicindo as novas recibidas oralmente onte mércores, hoxe desde o Concello estanse a rexeitar un enorme número de avais coa xustificación dun defecto de forma, consistente -ao parecer- en que "algunhas firmas non se parecen". Esta explicación está a servir para rexeitar case dous de cada cinco avais. 
Precisamos apoio urxente dos ribadenses para emendar o que sexa emendable no prazo máis curto posible, ou no seu defecto para recoller novos avais hoxe mesmo. Os que poidades, achegarvos a Clip Graf a botar unha man. Algúns de nós estamos no Concello para vixiar a limpeza do proceso e un trato xusto a esta iniciativa democrática."
E a cidadanía púxose en marcha. Cando me enterei, no concello había varias persoas, pero tamén en Clip Graf, a máis doutras pola rúa estaban activadas. E notouse, vaia que si.
Non era para menos, pois resulta que o secretario mañá estaría en Lugo, non en Ribadeo, co seu traballo alí, e cotexar as sinaturas é un proceso lento se se trata de tal número. É dicir, había que solucionalo pola tarde.
Ó final, como aparece noutra mensaxe de Facebook, superouse a proba. Quizais non só polo aporte de novos avais, senón sinxelamente pola comprobación de que detrás da iniciativa está a xente, moita xente. 563 avais en 134 follas (cada folla ten 5 avais, o que daría un total de 670, pero unhas poucas non estaban cheas), o que representa entre 80 e 100 rexeitamentos, algúns deles subsanables. É dicir, case un 13% máis de avais dos esixidos, despois os rexeitamentos: sinaturas que corresponden a xente que cada vez asina de xeito diferente, dni borrosos na copia, etc.
A nota final no Fb corrobora os feitos: "Amig@s!
Finalmente todo quedou nun -grande- susto. Aos 110 pliegos entregados no seu momento, conseguimos engadir outros 25 en menos de dúas horas, para ir substituíndo os erros de forma, ao tempo que se corrixían os erros subsanables. Finalmente temos 563 avais autenticados e "RIBADEO EN COMÚN" segue rumbo.
Non queremos entrar en valoracións precipitadas do sucedido hoxe. ReC está aquí para propoñer, e non para crear polémicas estériles baseadas en xuízos de intencións. Pregámosvos que apoiedes esta liña de actuación tamén vosoutr@s: precisaremos en adiante a enerxía, traballo e compromiso de tod@s para comezar a construción do futuro do noso concello.
Saímos fortalecid@s! Moitas gracias a tod@s pola vosa mobilización."
Un susto que se traduciu nunha aprendizaxe múltiple, dende xeito de facer as cousas ata a forma de mobilización, ó tempo que nunha mostra de apoio á iniciativa que vale máis que moita propaganda.
4.De cara ó futuro
É evidente que nunha iniciativa así, día a día hai que superar retos. Tamén é evidente que agora mesmo, ReC non ten só ante si o desafío de presentar unha candidatura ás eleccións, senón tamén de levar á xente ó concello. á xente que apoia, a toda a xente. Nesas está a cousa.

20150416

Máis aló das Catedrais: biodiversidade en Ribadeo e arredores

AVV O Tesón
Nota de prensa
Ciclo visións do medio ambiente


A AVV O Tesón, dentro do ciclo "Visións do medio ambiente dende Ribadeo", ten programado para o sábado 18 de abril a conferencia de Óscar Chao Penabad “Máis aló das Catedrais: biodiversidade en Ribadeo e arredores”. Será ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo.
Óscar Chao é biólogo, cun profundo coñecemento da natureza no entorno de Ribadeo, así como nos aspectos de divulgación das características do noso entorno. As súas fotografías e comentarios a traverso da súas páxinas nas redes sociais (https://www.facebook.com/avesenaturezaenribadeo) son amplamente seguidas por xente afeizoada ou sinxelamente curiosa dos seres vivos que nos rodean, que aprezan tanto a calidade fotográfica como o minucioso apunte de características, descrición e conxunto de datos sobre a natureza no entorno ribadense.
Adxúntase cartel da conferencia.

Nota de prensa: MAIS DE 500 RIBADENSES AVALAN A "RIBADEO EN COMÚN"

MAIS DE 500 RIBADENSES AVALAN A "RIBADEO EN COMÚN"

Hoxe mércores 15 de abril, cinco días antes de esgotar o prazo para a presentación de avais ante a xunta electoral de zona, a plataforma veciñal Ribadeo en Común recibiu notificación, por parte da secretaría municipal, que o requisito de verificación das 500 sinaturas estaba cuberto.
Queremos agradecer a toda a veciñanza que independentemente das súas opcións políticas amosou o seu talante democrático avalando a nosa alternativa, a oportunidade que nos está a ofrecer para presentar nas eleccións municipais deste ano unha candidatura formada por veciñas e veciños do común, lonxe das tutelas de partidos políticos.

A iniciativa impulsada desde a plataforma "ReC" está inmersa nun proceso de ruptura democratica que xa está a coller forza tamén no resto do estado, e que ten como obxetivo primeiro recuperar as institucións públicas para á propia veciñanza mediante un modelo participativo e unha xestión transparente.

Así mesmo, gustaríanos recordar que ainda temos aberto o proceso de eleccións primarias onde, todas aquelas persoas que estando empadroadas en Ribadeo , teñan asinado o manifesto da plataforma ou cuberto o tríptico pre-aval antes do 1 de abril (data de apertura do prazo para inscribirse como candidata), poden exercer o seu dereito a escoller entre as veciñas e veciños que irán na lista de Rec.

As mesas electorais estarán abertas en Clip Graf (rúa San Francisco nº 8) de 12:00 a 14:00 e de 19:00a 21:00 mañá xoves, e de 12:00 a 14:00 o venres.

20150415

A unión fai a forza, e a forza...

Non fai falla acudir a cousas como a presentación dos avais de Ribadeo en Común para manifestar o xa sabido: a unión fai a forza. Aínda así, os temas sociais son especialmente proclives á necesidade de unión para lograr esa forza que se quere. O xornal trae hoxe que un convenio das acia da Mariña vai facer que o combustible lles baixe ós empresarios. Os que non temos empresa, podemos preguntarnos: e por que a nós non?. A resposta está na unión. Hoxe por hoxe, as unións de consumidores son abondo menos potentes que as de empresarios. Non só porque manexen menos cartos, senón porque o conxunto de socios é menor, a pesares de ser moito maior a poboación de referencia á que van dirixidas. Por exemplo, estás en algunha organización de consumidores? E, nas asociacións de calquera tipo, en cantas participas activamente, te implicas, sen deixar que os demais fagan as cousas por ti?
Pois, sen traballo en común, non hai beneficios comúns...
O título quedou incompleto. E a forza? A forza fai que o movemento comece, e ás veces, non se sabe onde irá a parar. Por exemplo, este caso citado da rebaixa Repsol a empresarios mariñáns. Desencadeará unha serie de rebaixas doutras subministradoras ós empresarios? Tentarán equilibrala as outras subministradoras con rebaixas ou ofertas doutro tipo que inclúan á xente que non somos empresarios? Tentará algunha asociación con moitos membros (cultural, deportiva, de veciños) seguir o camiño das acia e facer algún convenio semellante? Non sei ata onde chegará o proceso, pero no mundo en que vivimos, pode desenvolverse de moitas maneiras.
E, unha cousa que non puxen no título, pero tamén nos afecta a todos:
Aínda que sexa algo sabido, non está mal lembrar que se Repsol fai unha rebaixa é porque pode facela, é dicir, porque aínda así segue a ganar. Ou, o que é o mesmo, estamos pagando un sobreprezo, coido que inxusto.
A lembrar: a unión fai a forza... hai que traballar a unión.
Recollido de http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d8/Tanke.JPG/1024px-Tanke.JPG

20150414

Testemuña ReC

Copio do facebook:
Hoxe Ribadeo en Común deu un grande paso cara ao obxectivo de presentarse como Agrupación de Electores nas eleccións municipais de maio, ao entregar no rexistro até 580 avais de persoas empadroadas en Ribadeo.
Este logro reflicte o interese de boa parte da veciñanza en que apareza unha nova forza -aberta e horizontal- na política local, pero tamén a calidade democrática doutras persoas que, sendo favorables a outras opcións, apoiaron o dereito a existir e participar no xogo democrático de Ribadeo en Común. Moitas grazas a todas elas.
Na foto, Maví Lopez Louro e Manolo Teijeira fan entrega dos avais de ReC a Raimundo Ibáñez, á entrada do Concello.

Será unha casualidade que hoxe sexa 14 de abril?