20150407

Tras a Semana Santa e antes de maio, unha experiencia

Despois da Semana Santa, as apreciacións esperadas: Ribadeo é a leche, milleiros de visitantes e exhibición de cooperación concello-hostalería. Mentres, de cara a maio, os partidos van completando, e dise que os dous partidos que faltan por anunciar candidatura, PSOE e Cidadáns, xa a teñen completa, co que tamén cidadáns se presentaría.
O 'non partido', a Agrupación de Electores, Ribadeo en Común, paseniñamente, ás caladas, vai poñendo traballo e completando fitos. A día 6 pola noite, é dicir, tras cinco días de ter indicacións de como recoller as sinaturas de apoio, os avais, e a falta de dez para que quede tempo para as tarefas administrativas de presentación de avais, van recollidos 2/3 dos 500 avais necesarios, ó tempo que a formación está en proceso de primarias. O domingo cerrouse o prazo de presentación a candidaturas, e mañá comezarán as votacións abertas, con listas de votantes xa estáticas. Vese o final do proceso que levará ás votacións municipais á formación, nun camiño que supón traballo duro, pero tamén difusión do que se pretende, recollida de xente para o traballo, e ir descubrindo o futuro pouco a pouco.
É unha experiencia, está a selo, formar parte dun movemento así. Non só por cousas como facer parte dunha mesa de recollida de avais e ver o medo dalgunha xente expresado na cara ó pasar por diante (medo a ser identificado con Ribadeo en Común, que non medo ó que faga Ribadeo en Común), ou por recoñecer sentimentos de xente que se achega a avalar, ou que avala pero na intimidade, sen achegarse a unha mesa. Non, non só por iso, senón pola experiencia do traballo de organización política compartido entre xente moi diversa, que chegou á agrupación dende ideas diferentes, con xeitos diversos, con expectativas de futuro que se foron confrontando... ata chegar ó conxunto que é hoxe, heteroxéneo pero coordinado, en cooperación, facendo participación. Por iso, pase o que pase, estas eleccións municipais serán diferentes.
Collido de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/gl/b/ba/Ribadeo.png

20150406

Achéganse as medias verdades. Algunha mostra

Medias verdades, como moito.
A pasada semana, apareceron enchendo os buzóns os primeiros panfletos dirixidos específicamente ás eleccións municipais. Entre verdades de pleno, aparecían as medias verdades, por non dicir sinxelamente tamén as mentiras. Case coincidían ademais no tempo coa nova nos xornais de que este ano as subvencións directas a partidos por resultados electorais van baixar un pouco respecto á vez pasada en Galicia, pero, mira ti, aumenta a cantidade de cartos que os partidos pode empregar nas eleccións.
Coido que é sabido que á propaganda de promesas electorais por istos lares non se lle fai moito caso (ou si), fartos xa de incumprimentos ou máis aínda, de anuncios de decisións contrarias a partires do día seguinte das eleccións. Pero non se trata aínda diso, senón de alardear do bo que é o equipo antesaínda de que comece a liga, polos resultados de ligas anteriores, aínda que calquera que revise as novas poda ver o contrario.
Como para mostra chega un botón, algunha cousa que pon o folleto do PP. Comeza dicindo que Ribadeo recibiu un investimento de 65,8 M€ da Xunta de Galicia nos últimos seis anos, e remata dicindo que Ribadeo recibe máis inversión directa da Xunta que do propio concello: 65,8 fronte a 54 millóns de euros. Primeiro, os últimos seis anos dedúcese do folleto que son 2009-2015, co que de últimos seis anos, nada: son 7: 09, 10, 11, 12, 13, 14, 15... pero iso é só un detalle de suma. A elección de seis e non de 4 ou ouito anos, períodos máis axustados ós mandatos municipais, é un misterio para min.
Continuando, as cifras totais que ofrece poderían poñerse como
Agora ben, no mesmo texto confunde e tenta aclarar ó tempo que se trata de gasto, non de inversións... obviando polo demais cousas como o financiamento ou misión dunha e outra entidade  no ordenamento actual, por non dicir que, se 'a Xunta gastase moito en Ribadeo' sería en detrimento doutros lugares nos que gastaría menos, establecendo unha diferenza da que o criterio sería... quizais o clientelismo?
Por casualidade, teño gardados os audios da inauguración da estación depuradora de augas residuais de Ribadeo (EDAR) nos que aparece (como destaco na entrada que resino) que o custe total de instalacións e mantemento nos primeiros 20-25 anos está en 18,5 millóns de euros, sendo esta unha cifra non fixa, pois falouse de cifras diferentes para cousas parellas. No panfleto 'informativo'  podemos que a principal 'actuación' (tanto que aparece como case 1/3 do total da inversión xunteira) é precisamente a Estación Depuradora, con... 19 402 377 €. Repito, é do 2011, e as cifras corresponderían ós primeiros 25 anos, é dicir, ata o 2036, e non ós 6 anos pasados.
Ben, por casualidade estiven días pasados lendo un libro, Educación democrática ou barbarie, que non me gusta demasiado, pero que ten táboas e datos moi aproveitables. Por exemplo, aporta o dato referido a 2013 de que a capacidade de gasto de comunidades autónomas españolas en relación a corporacións locais era de 35 a 13. É dicir, case o triplo. Pero resulta que no referido a Ribadeo, o panfleto do PP destaca que a xunta investiu un 22% máis que o concello... é dicir, estaría nun  nivel de gasto en Ribadeo abondo inferior ó que lle correspondería nesta entidade local. Non me vou estender en que o libro fai un estudo da inversión relativa da Xunta nos concellos segundo a 'cor política' que ostenta o mando neles e a 'cor política' que ostenta o mando na Xunta...

20150405

Unha mini enquisa ós visitantes: resultados

Hai poucos días daba carpetazo ó seguemento do lema da última campaña publicitaria de Ribadeo en internet, coa conclusión clara de que, a pesar do triunfalismo, foi equivalente a tirar os cartos. Xusto ó día seguinte, a resultas de que Ribadeo está cheo polos turistas en Semana Santa (cousa que se nota dende o 100% de ocupación hostaleira a sinxelamente andar pola rúa con pleno), atopo que o alcalde relaciona nas redes sociais a masiva visita coa campaña.
Así pois, onte pola mañá, de paso polas ateigadas catedrais (como amosan as fotos), ocorréuseme facer unha pequena pesquisa: preguntar ós grupos de visitantes que se achegaban ás escaleiras unha pregunta sinxela: teñen escoitado falar da campaña 'ribadeoporquesi'?
De certo, a 'minienquisa' non foi moi representativa por varias circunstancias, pero deixo aí que as enquisas electorais en Ribadeo en xeral fanse participando menos cantidade de xente local... A cousa non foi moi longa (só uns minutos), nin extensa (unha pregunta con contestación sinxela, aínda que moitos engadían cousas como 'que é iso' ou 'que campaña?' na súa resposta), nin como xa dixen representativa: corenta grupos de xente, o que supón un total de algo máis de 100 persoas, cousa do 1% dos visitantes previstos para o día, despois de pasar de 14 000 en datas semellantes o pasado ano. Pero o resultado foi contundente: ninguén escoitara falar da campaña.
Polo tanto, desfrutemos coa bonanza de visitantes se o vemos oportuno, pero haberá que aprender algo a deseñar campañas de promoción de Ribadeo, se se estiman convintes (en troques de tirar os cartos), e tamén a medir os resultados para seguir mellorando. Porque a cousa ten máis liñas a seguir. Por exemplo, a pequenez da rotonda na estrada nacional. A ninguén se lle ocorreu que é máis doado, en caso de dúbida de para onde continuar, tomar a primeira saída da rotonda (neste caso, cara Foz) con preferencia á última (neste caso, cara Ribadeo)? Ben, a cousa quizais non está clara, pero se se para un a observar cara onde toman os coches que saen do acceso ás catedrais ó enfocar a rotonda da estrada nacional...



20150404

Fomento: herbicidas e mal mantemento das estradas. Artigo de J.A. Salvatierra Rico

O Ministerio de fomento ten unha oficina de demarcación de estradas do Estado para Galicia na cidade de A Coruña , e unha unidade de estradas en cada unha das capitais de provincia , que funcionan como Xefaturas Provinciais. Parecería que con esta organización territorial, debería existir unha coordinación entre as catro provincias a hora de afrontar os traballos de conservación ou inversión. Na realidade non é asi. Cada Xefatura Provincial organiza os traballos a súa maneira, polo que se ve o percorrer as estradas de cada provincia.
Dicir que o Ministerio de Fomento non executa obras cos seus medios. Contrata todo con empresas. Teoricamente fai a supervisión das obras. Logo demostrarei, que nin esa vixilancia se realiza correctamente.
Voume referir en especial , o que Fomento fai na provincia de Lugo, tanto nas estradas nacionais, coma nas autoestradas, da súa competencia. Porque hai unha diferencia enorme, respecto o que fan as provincias limítrofes, como son Asturias, A Coruña e León, por onde limita por exemplo cas Autoestradas.
Cando un viaxa pola autoestrada ou por a N-VI dende A Coruña cara a Lugo , atopase que o chegar o limite de provincias , no concello de Guitiriz, ocorre o seguinte : na zona de A Coruña está feita a limpeza con desbroce mecánico (con desbrozadora), e na de Lugo con herbicida total. Facendo dúas aplicacións por ano , pulverizando cunetas, beirarúas e as partes baixas dos taludes. Este mesmo procedemento se repite nas estradas nacionais, por toda a provincia de Lugo. Asi o podemos ver na N-VI, na N- 634, N-642, N- 640, etc, etc, por toda a provincia, nas estradas da súa competencia. Seguindo cara a Asturias, o chegar o limite de provincia isto volve a cambiar, e aquí se desbroza. O mesmo ocorre en dirección a León. En Fomento declaran a Lugo provincia independente. ¡¡Por algo se comeza…!!
Pero para mal, nisto en concreto.
Mapa recollido da gl.wikipedia.org
Que consecuencias acarrexa aplicar herbicida, no lugar do desbroce?. Primeiro, e o máis visible, un gran impacto ambiental. Segundo, o aplicar herbicida de traslocación, as raíces das plantas inchan, aumentan de volume, levantando o terreo, sécanse as distintas plantas, producíndose erosión no chan cando veñen as choivas. Terceiro, ditas choivas por arrastre, levan todo ese veleno para os rios, regatos, fontes e mananciais. Cuarto, destrución de taludes e máis contaminación difusa, que é a que se produce por percolación da auga, misturada co herbicida, chegando logo as capas freáticas do solo. Quinto, no momento da aplicación de dito herbicida, por pulverización, chega a afectar a cultivos , setos, xardíns próximos os limites de ditas estradas, levado o liquido polo vento. Dispoño de fotos que asi o testemuñan. Pensemos que son centos de km con esta mala práctica.
Inversións contraditorias
Fomento realiza inversións contradictorias. Vexamos: Cando executan as Autoestradas, para fixar os taludes novos , gástanse miles de euros sementando herba, con maquinaria especial de proxección e sementeira, misturada con un pegante especial, para que se quede alí retida, ata que enraíce, xa que non se pode facer manualmente. Logo cando esa herba nace e medra, xunto con outras espontáneas, para suxeitar os taludes, vai e aplícalle herbicida pola base para que se veña abaixo cando chova. Vostedes entenden ós técnicos de Fomento?. Pois aínda o entenderán menos se lles digo, que na Administración central, hai outro ministerio que ten competencias en medio ambiente. Este debería apoiar o que leva o seu nome e a sostibilidade do mesmo, e o outro “fomenta” a destrución do anterior e sobre todo fomenta o mal exemplo do que non se debería facer. Neste apartado Lugo destaca polo negativo.
As Deputacións de Lugo e a de A Coruña desbrozan as súas estradas, e non aplican herbicidas. Estradas de competencia da Xunta de Galicia tamén comezaron con herbicidas fai dous ou tres anos. Os concellos de momento tamén desbrozan. Volvendo a Fomento, non queda aquí a cousa, hai máis en negativo. Na parte alta que fan desbroce nos taludes, seguimos na provincia de Lugo, como non os realizan ca frecuencia adecuada, as distintas plantas e árbores que medran aí, son tan grandes e as ramas tan gordas, que cando as cortan as deixan tiradas nas cunetas, e nas taxeas, obstruíndo estas e impedindo que circule a auga. Ou sexa todo o contrario do fin que se debería perseguir. Gástanse millóns de euros para facer este mal traballo. Contratan empresas e lles pagan para destruír , contaminar e atrancar as cunetas e taxeas. Traio aquí o que dicía o principio, onde está o control por parte de fomento dos traballos realizados polas empresas. Miren como están as cunetas no tramo, por exemplo no tramo de a Veiga a Ribadeo. Ou na saída de Meira a Lugo a esquerda despois da gasolineira. Eso non é cuneta, é un almacén de leña.
Rotondas, taludes e áreas verdes
Outro exemplo, na rotonda da Vilavella, a cuneta onde desemboca o rio que ven de Ove, está chea de maleza dende hai anos, así como o entorno desta rotonda ca circunvalación. Podería seguir así varias páxinas máis, que material hai, pero sería de nunca rematar e cansaría ós leedores. Por non falar das árbores que deixan medrar nos taludes, como pinos, eucaliptos, e outros. As rotondas en xeral están mal coidadas. Se limita Fomento a facer 2-3 cortes o ano, sen ningún tipo de planta ornamental, de distintas especies e cores como teñen algunhas cidades ou algúns concellos. En algún caso deixan medrar tanto a maleza nas súas rotondas que impiden a visibilidade os condutores. Os responsables de fomento non teñen a máis mínima sensibilidade ó “verde”, á limpeza e ó medio ambiente. Feitos falan. Circulen e vexan o que fan por exemplo no Pais Vasco. O mal e pouco traballo que realiza Fomento no mantemento das estradas da súa competencia e lamentable. Taxeas atascadas de terra e pedras. Lixo de todo tipo nas cunetas, sinais rotas ou arrincadas. Vexan senón o tramo de Ribadeo á Veiga. Esos chantos brancos de 1 m de alto, situados a distancia de entre 10-12 m a ámbolos lados da beirarúa, cantos están rachados, tirados ou que faltan. Se xa sabían que non os ían repoñer, para que os colocan?. Ademais estorban para o desbroce. É lamentable.
Cando pasen polo tramo de autoestrada, o último que se abriu en Galicia, entre Lourenzá e Abadín, fíxense no entorno da saída de Pastoriza – Riotorto, onde fixeron unha superficie verde, plantaron abondas árbores con alturas de máis de 3-4 m, pero colocándolles titores de madeira de pino demasiado delgados e tan só de 1-1,5 m de alto. Consecuencia, que esas árbores están arqueados, por ser o titor baixo e débil para ese porte, e varias están secas. Iso que a plantación debería saír adiante, pois foron plantados a finais do inverno.
Pero os traballos foron mal feitos. Falta de terra vexetal, malos titores e mala inmobilización do titor ca árbore. Vai facer un ano que se abriu este tramo, pero non se fixo mantemento ningún nesta zona verde.
Falta de mantemento das estradas e das autoestradas
Fixémonos de novo nos tramos galegos. O pouco mantemento que se fai, tan só está restrinxido a aplicar herbicida nas beirarúas, cunetas e base de taludes, e moi pouco desbroce mecánico nesta franxa. Pero se nos fixamos un pouco, dende aquí para fora, poderemos ver como a malla de peche está cuberta de maleza de todo tipo, como toxos, xestas, silvas, codesos, salgueiros en zonas molladas, pinos, eucaliptos, etc, etc, de tal maneira, que o peche na maioría do percorrido está cuberto por dita maleza. Esto que supón? Que tanto a malla como os chantos que a soportan, o estar nun ambiente “húmido”de forma case permanente, co que chove en Galicia, isto da lugar a unha oxidación rápida do material, ó non secar por falta de ventilación e de luz. O mesmo tempo non se pode facer unha revisión do estado de conservación do peche, e isto traerá consecuencias para a seguridade da estrada, ó ser cada vez máis vulnerable a entrada de animais na vía. Ó non limpar o peche no seu debido tempo, agora non se pode facer con maquinaria, pois non se ve por onde vai, e se rompería tanto a malla como as máquinas. Non atoparían empresa que quixera facer este traballo. Poderíase facer manualmente, pero saería moi caro. E iso sabemos que non se vai facer. Isto traerá roturas nas zonas de vaguadas e pasos de regatos, as máis vulnerables, por onde entrarán animais salvaxes de todo tipo, e mesmo domésticos, que aumentarán os accidentes. Ata que volvan os accidentes con mortos non se fará nada. Como pasou o ano pasado na data de 26 de xullo no alto do Fiouco, cun morto e varios feridos. Despois empezaron as melloras de seguridade, despois da morte da rapaza de Foz.
Aínda quero anticiparme a resaltar outra cousa máis, que traerá consecuencias para o futuro. Non se están a cortar ou arrincar as árbores que nacen nos taludes, como eucaliptos e pinos principalmente, que medran a unha velocidade, no caso do eucalipto, de máis de 1,5-2 m por ano, pero que enraízan mal por falta de solo, e que cando teñen por enriba de 10-12 anos quedan expostos a ser derribados por ventos fortes na estrada, con risco de accidente grave, tendo en conta a velocidade que se circula.
Podemos concluír, que o mantemento que fai Fomento das estradas é malo ou moi malo, tanto para a seguridade das persoas como para o medio ambiente. Non vou entrar do mal gusto que teñen no coidado das zonas verdes das rotondas. Mal segadas e sen plantas ornamentais. Que se fixen nas estradas do Pais Vasco, das Francesas, Inglesas, etc. Somos os da cola de Europa. Os Portugueses as teñen mellor coidadas ca nos, e son máis pobres en renda.
Para rematar, voulles a contar unha anécdota que me sucedeu ca Garda Civil de Tráfico. Estaban parados ó lado dunha rotonda. Achégome para dicirlles que había cerca de alí onde estaban eles un indicador de Stop derribado, desde facía algúns días, e que iso podía ser perigoso. Gracias, me responderon, pero no nos fale vostede de Fomento, non hai organismo que peor traballe. Non fan mantemento ningún. Se o saberemos nós que andamos tódolos días polas estradas. Saquen as súas conclusións, e que non lles pase nada cando volvan a saír ás estradas.

20150403

Un pouco de nostalxia nas eleccións municipais de Ribadeo

Baixo de casa está a mesa recollendo avais para que a agrupación de electores Ribadeo en Común se poda presentar ás eleccións municipais en Ribadeo o próximo mes. Isto fixo que tirara de hemeroteca particular e recolgara na rede (neste caso, en ribadeando) unhas cantas entradas de programas dos partidos políticos que se presentaron ás municipais, recollidas de Ribadeo historia.
Polo momento, quedan as das eleccións municipais de 2003 e 2007. As entradas correspondentes ás eleccións municipais de 2011 xa as puxen directamente en Ribadeando. Co cumprimento de programas neste país, o sistema de confección que prima recollida de ideas sinxela e non potenciación de ideas das persoas, etc, pode resultar dende un exercicio nostálxico a unha lembranza de que estamos faltos da formulación do Ribadeo que queremos, pasando por outras posibilidades, como o pensamento de que programa tería resultado en cada caso se se implicara á cidadanía, se se lle animara a participar e non só a falar unha vez cada catro anos.
Escudo de Ribadeo, collido da gl.wikipedia.org

Programa electoral do PP. Eleccións Municipais 2007 Ribadeo (IV de 4)




-- Primeiro publicado en: http://ribadeo-historia.blogspot.com.es/2007/05/programa-electoral-do-pp-eleccins_554.html

Programa electoral do PP. Eleccións Municipais 2007 Ribadeo (III de 4)




-- Primeiro publicado en: http://ribadeo-historia.blogspot.com.es/2007/05/programa-electoral-do-pp-eleccins_4601.html

Programa electoral do PP. Eleccións Municipais 2007 Ribadeo (II de 4)




-- Primeiro publicado en: http://ribadeo-historia.blogspot.com.es/2007/05/programa-electoral-do-pp-eleccins_19.html