20140810

Día do socio na Banda Municipal de Ribadeo

Por terceiro ano se celebra o día do socio na Sociedade de Amadores da Música. de novo a antiga enseada de Cabanela, hoxe auditorio ó aire libre, voltou ser o esceario dunha actuación da banda (e churrascada para socios).
A cousa comezou ás nove da noite, con luz, e o concerto rematou entre lusco e fusco, coas farolas encendidas nunha noitiña agradable entre unha maioría de vellos coñecidos. Un concerto de campo, no que a máis do can que por alí andaba (con donos incluídos) e de pequenas intervencións orais, os coches e os ensaios da orquestra da festa das Figueiras contribuíron a amenizar a noite xunto cos sons da banda. Aínda así, os sons lixeiros do concerto foron aprezados, facéndose dous bis.
Embaixo queda un audio do concerto e do primeiro bis, sen tratar, 'en vivo', cunha ausencia de cousa dun par de minutos de música da segunda obra tocada, que desapareceron...

 

20140809

Ribadeo, vila activa

Ben, non sei se servirá como lema ou non, pero sei que cada certo tempo, en particular no verán, vánseme quedando adiadas novas sobre actividades diversas en Ribadeo. Máis ou menos, a cousa é que as vexo interesantes, cando podo, vou (hai veces que é imposible, e xa non por causas persoais, pois hai varias a un tempo) e tomo nota por escrito, gravación ou sinxelamente nota mental para facer unha entrada no blog. Como teño dende hai tempo a adicación ó blog limitada por imposición persoal, non dan saído, e remato descartando a grande maioría ó cabo dun tempo.
Vexamos. Por exemplo, esta fin de semana remata a exposición Captus (segundo o cartel, e quizáis por ser captura de imaxe)/Cactus (por ser fotos de cactus... e non explico máis, que o tema vai doutra cousa) no forte de San Damián, e onte houbo actuación percusionista no cine, pero antes foi a presentación das próximas xornadas de Automoción e exposición de coches antigos, o que terá lugar nos ultimos días do mes. Hoxe, de novo Amadores propón un concerto de banda+churrascada, pero antes no parque terá lugar o mercado das Perseidas (a próxima noite do domingo será o punto álxido da choiva de estrelas Perseidas, como tódolos anos) e logo actuación de Remakers. Esta fin de semana tamén é a malla das Anzas, e remata a Semana Náutica... e poderiamos seguir. De aí, Ribadeo, vila activa. Ou non?
Aínda onte, nunha actividade, comentábao cun 'cargo' de fóra de Ribadeo, e estaba de acordo, outorgándolle a maior densidade de actividades culturais da provincia (densidade, que en número total debe ir algo por diante Lugo city)
... por certo, que gusten ou non as actividades, iso depende, sempre hai gustos.

20140808

Un mapa libre para Ribadeo

Hoxe OpenStreetMap fai 10 anos. Trátase dunha aplicación aberta, que ti podes editar e configurar, e axudar a facer, e usar... Podes ver a súa evolución aquí, ou ter unha visión xeral aquí.
Si, xa sei, posiblemente non escoitaches falar dela, e uses Google Maps, obviando outros posibles como o http://sigpac.mapa.es/fega/visor/. Eu mesmo teño que dicir que aínda que coñezo dende hai tempo OpenStreetMap usóo aínda menos que a versión non libre que é Google Maps ou que o oficial sigpac.
Mais, hoxe mesmo, para celebrar os dez anos, engadín algún cambio nos datos de Ribadeo, o que fago de tempo en tempo, aínda que non controlo moito nin como editar nin como usalo. E vexo que vai medrando e sendo cada vez máis usable. Nalgúns casos, moito mellor que Google Maps. Noutros, moito peor. En calquera caso, medrando e mellorando.
E, lembras cando non se sabía nin o que era a wikipedia e se usaba a enciclopedia Microsoft Encarta, que era a que se coñecía? Onde vai hoxe a Encarta?
Anímase a participar, editando e usando esta ferramenta libre e colaborativa?
... por certo, a residencia de anciáns nova aínda non aparece.
Ribadeo en OSM: http://www.openstreetmap.org/map=15/43.5378/-7.0435

A nova residencia de anciáns de Ribadeo, hoxe

Esta mañá a residencia (as obras da nova residencia de Ribadeo) amenceu así:
Vista dende o sur. Ao fondo, a r/Paco Lanza

Vista dende o oeste. Ao fondo, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Detalle do extremo suroeste
Anteriores:
20140714 Para unha historia da residencia de Ribadeo
20140702 Preparándose os terreos para a residencia de Ribadeo
20140628 As obras continúan
20140626 Deixando constancia
20140624 Acto de comezo de obras (e enterramento de caixa de lembranzas)
E o conxunto da historia da nova residencia de Ribadeo (neste blog)

20140807

Centro para mulleres maltratadas

Hai dez días, na xuntanza da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo xurdiu unha idea que despois -mea culpa- vexo que non foi recollida no resume de traballo para a xuntanza co alcalde. Coméntoa aquí, comezando dicindo que todo  o mundo sabe que o edificio máis ó sur oeste queda en pé.
Pois ben,a proposta que xurdiu na Mesa de asociacións foi que ese edificio, que polo momento non ten unha finalidade que se saiba, sexa destinado a un centro para mulleres maltratadas. Coido que antes de levar a cabo a proposta sería necesario un estudo. Pero o mesmo que non me parece nada mal que unha residencia de anciáns estea á beira mesmo do barullo que ten en certos momentos un centro educativo de ensino medio, podendo xerarse unha comunicación e colaboración entre ambos que beneficie non só ós seus ocupantes, senón a todo o pobo (outra cousa é que dita colaboración xurda ou se aproveite, iso está aínda por ver), o mesmo, digo, me parece que un centro de acollida para mulleres maltratadas pode ser bo compañeiro dunha residencia de anciáns, xerando beneficios para ambos.
Será ou non? Quen o sabe? Sinxelamente, espallo unha idea que non me parece mala.

20140805

Límites

Hai pouco tempo atopei unha pequena comitiva de xente do concello que estaba a discutir sobre unha extensión na rúa dun local. Ó día seguinte atopábanse as terrazas da zona centro limitadas por esquinas pintadas no chan.
Dende que veu algo de bo tempo lévanse escoitando queixas sobre o espazo libre para circular polas rúas. Estas pintadas acotan o terreo e axudan á delimitación, ó tempo que facilitan ver se se transgrede o límite ou non. Non me lembro de telas visto antes en Ribadeo aplicadas á hostalería (si no mercado limitando os postos), aínda que auguro que terán longa vida e mesmo que poidan no futuro non só ter un límite en ángulo senón tamén toda a liña do cadro alugado a cada establecemento.
Hai anos (5!), O Tesón xa tiña feito algunha pregunta ó pleno sobre o tema, e dende aquela non mellorou moito o tema:
2011
2009

20140804

Imaxes do verquido no CAVI

Hai varios anos que foi denunciado por verquidos. Este ano, hai pouco, saltou de novo ás novas: no Centro de Alimentación de Gando Vacuno Irmandiños hai efluvios que van parar ó río grande (aínda Rego de Porto Bragán ó seu pé), antes do embalse de Lexoso que subministra a Ribadeo. O movemento implicou a diversas institucións, e polo silencio posterior, diríase que a cousa amañouse. Non é así. Onte mesmo, domingo, pola mañá verquía a una taxa maior que polo atardecer, cando están tomados o vídeo e as fotos, e cando o caudal era reducido. Pero parar, non parou, e é máis, non parece lóxico que vaia verquer precisamente na fin de semana. Sinxelamente, a cousa continúa. Perigosidade? Descoñezo o resultado das análises; máis aló de dicir que é malo, non podo ir.


As fotos: a primeira, na taxea antes de atravesar a estrada
 A segunda, despois de atravesar a estrada
 E na terdecira, o que se ría a 'fonte' actual. A dicir que no vídeo vese por onde manaba antes, que quedou limpo, sen maleza que poda medrar; agora mana un pouco máis embaixo, por entre a maleza
O mapa, centrado no lugar do verquido:
Anteriores sobre o tema:
Na mesa de asociacións
Nunha nota de prensa de O Tesón
Foto de peixes mortos no embalse de Cedofeita (non conectado coa nova, si coa contaminación xenérica)
Recapitulación anterior

20140802

Resume da xuntanza alcalde-representantes da mesa de asociacións 20140801


Nota de prensa
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións coa alcaldía
Ribadeo, 20140801

A última hora do venres 1º de agosto tivo lugar no despacho da alcaldía de Ribadeo a xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións co alcalde, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
A xuntanza, que durou preto de dúas horas, fora preparada por seis das asociacións participantes o pasado sábado, acordando presentar a serie de temas que foron tratados.
O ambiente foi tranquilo, de confianza e colaboración, sempre tendo en conta que é no día a día no que se poden amañar as cousas, sendo o intercambio de ideas e pareceres o xerme para ese traballo diario, para o que non soe haber solucións milagreiras.
O primeiro tema tratado foi o regulamento de participación cidadá, posto enriba da mesa polas asociacións hai máis de media década e do que houbo un proxecto que tivo aprobación inicial do pleno, pero non chegou á aprobación definitiva polas alegacións presentadas. De novo brindouse o apoio asociativo para facer un documento que se considera moi importante para a calidade democrática dun concello, pasando dunha relación fluída que depende das circunstancias a algo cunha base normativa. Nese sentido, o alcalde apuntou que o tema podería tratarse de novo no próximo pleno ordinario, se ben sen ser un compromiso. Si apuntou que daríase difusión ás convocatorias dos plenos na procura de que os veciños teñan un mínimo de información sobre a xestión dos asuntos do concello que neles se trata. Asemade, e mentres non hai novidades no regulamento, ó final da xuntanza quedouse en que o primeiro fin de semana de setembro teríase outra para tratar os temas que daquela se estimen.
Pasouse logo a outro conxunto de temas relacionado coa construción, dende a terraza con baseamento de formigón no xardín ata o tratamento das licenzas de obra, pasando pola construción da residencia, cos problemas cos acuíferos e depósito de materiais en Sta. Cruz. Sendo temas ben diferentes, e polo tanto, con solucións diferentes, pediuse en conxunto unha maior atención, e dalgún xeito, coordinación entre alcaldía, gabinete técnico e policía local. O conxunto foi rematado lembrando que varios colectivos teñen presentado alegacións contra o PEPRICH. Respecto a este último, o alcalde indicou que ó rematar o prazo de alegacións particulares pasarían a un estudo das mesmas, indicando os representantes societarios que quizais fora boa idea comezar de novo e facer as cousas ben dende o inicio, dado os múltiples erros que se estiman.
O verquido producido no CAVI e as súas consecuencias foi tratado, tendo en conta que o centro de alimentación de vacuno irmandiños (CAVI) está en Barreiros, non en Ribadeo, pero as augas verquen cara ó encoro de Lexoso, que contribúe á rede pública ribadense. Apúntase que xa hai varios anos que foron denunciados verquidos, e que en datas parellas ás últimas denuncias, apareceron peixes mortos no pequeno encoro que hai no río grande en Cedofeita, o que se ben non parece ter relación con dito verquido, tampouco é a primeira vez que ocorre. Tamén foi tratado un problema menor de medio ambiente, o cheiro dos contedores en particular nalgúns lugares das parroquias.
Denunciouse que a estrada da Deputación á entrada de Ribadeo necesita un bo repaso, xunto coa nivelación de arquetas na mesma á beira do Colexio Público.
Sendo os anteriores os temas tratados na xuntanza previa da Mesa de Asociacións, abordáronse outros, como o estado do tema dos xulgados, tanto de Mondoñedo como da hipotética volta a Ribadeo, en relación coa aparición do alcalde na prensa hai non moito tempo, o estado da rede de abastecemento de auga, necesitada dunha renovación integral, ou da relación entre Ribadeo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.