20140509

Unha terraza do pobo de Ribadeo? (II)

Onte publiquei a primeira parte, con foto. Hoxe é a segunda parte: o foxo que estaba tan ben dispostiño onte xa foi enchido primeiro cunhas vigas metálicas, e logo, recheo de formigón. Xa non poño foto: está a nivel coa herba e é de supoñer que non pase outra semana sen que esteña rematado.
E pregúntome sobre a normativa, o control, ... mesmo sobre a igualdade, e sobre a conservación do público, claro. Quedan durante un tempo a imaxe do Google Street View ou as cenitais do Sigpac ou do Google Maps para comparar coa terraza que había antes, e lembrareime sempre que pase por alí: algo menos de xardín, algo menos do público.
-
Actualización: unha foto de hoxe mesmo (publicada despois do anterior)
 

20140508

Unha terraza do pobo de Ribadeo?

Paseando do centro de Ribadeo cara ó oeste, deixamos atrás San Roque, e, na Virxe do Camiño, o verde comeza a expandirse no Xardín. O Xardín de Sela, teño escoitado dicir, en referenza á casona que alí hai. Nunca o entendín no sentido de propiedade do terreo na actualidade: ó fin, aí se fixo o 'Parque de indianos', coa súa fonte das rás e o resto de cuasimatorral abandoado ocupando o terreo ó sur da antiga estrada, hoxe rúa municipal, e compartindo lugar con algún que outro defecadoiro de cans ó que xa me teño referido e amosado fotos.
Ó norte da estrada, o xardín ábrese moito máis lentamente, pero tamén chega a unha extensión de herba. Bo, case mellor, chegaba: hai xa tempo que unha terraza ocupou boa parte do terreo. Abandoouse, e agora estase a repoñer. Pero parece que cambiaron as condicións: de chan de madeira sobre o terreo estase a pasara a unha construción asentada, entendo que en terreo municipal. E, se non é en terreo municipal, coido que hai normas que impiden facelo. Pero...
Quizáis esteña esquivocado, a obra chegue a bo fin, e tome algún día algo sobre esa terraza tan atraínte, rodeada de verde. Mentras, non me viría mal que alguén mo explicara.

Unha vista da zona no google maps:

20140507

As mamografías, tema de exemplo

Dende hai tempo en Ribadeo hai unha oferta cultural ampla, con diversas tendencias. Ven a conto de que diversas asociacións e grupos súmanse á tamén ampla oferta do concello para tentar dinamizar a participación, formación e discusión de temas, de candentes a interesantes. A última, unha charla sobre mamografías para este venres. Deixo a nota de prensa e o cartaz:
En Galiza participan unhas 150.000 mulleres cada ano nos programas de mamografías periódicas, pero non existe unha avaliación actualizada dos seus beneficios e desvantaxes.
Porén, o debate sobre os pros e contras da mamografía está de plena actualidade. Algunhas citas autorizadas son as seguintes: O informe Cochrane de 2013 (www.cochrane.dk), a recomendación de suprimir o cribado periódico do Consello Médico Suizo (www.medical-board.ch) de 2-2-14 e o blog Non Gracias no estado español. A Sociedade Española de Epidemioloxia dedicará unha ponencia ao estado actual da custión na XXXII Xuntanza que se celebrará en Alicante os días 3-5 de setembro de 2014. Sin embargo as dúbidas sobre a mamografia sistemática veñen de lonxe. Xa no 1.996 un informe do Observatorio de Programas do Ministerio de Sanidade español advertía de que non estaba demostrada a eficacia global dos programas.
O grupo de apoio a AGE de Ribadeo convoca unha charla-coloquio o próximo venres, 9 de Maio, ás 20.00 h na Casa do Mar co tiduo "PROS E CONTRAS DAS INTERVENCIONS SANITARIAS, O CASO DA MAMOGRAFIA PERIODICA E OS TRATAMENTOS HORMONAIS SUSTITUTIVOS".
A charla será impartida pola Dra. Carmen Mosquera Tenreiro, epidemióloga da Consellería de Sanidade de Asturias, unha muller comprometida no movemento feminista e outros colectivos sociais e con ampla experiencia en promoción da saude. Carmen Mosquera ten publicado un traballo sobre estes temas no ano 2005 tras unha conferencia celebrada en Barcelona.

20140506

Xestión silvestre

Arándanos e outros froitos silvestres era o que se esperaba que produxeran dúas fincas (unha en Castropol-Arnao e outra en Ribadeo-A Devesa) regadas con cartos europeos a traverso da Asoc. Puente de los Santos. Coido que xa dixen abondo noutros lugares, reconstruíndo unha pequena historia da que deixo ligazóns embaixo. Agora sae na prensa, que non nas novas do concello en internet, que se arrendan as fincas para non perder 900 000 €. A lembrar que a finca de Ribadeo está arrendada ós irmandiños, pagando o arrendo sen ter plantado dende hai xa tempo.
A historia en resume no blog, por orde de datas:
Asamblea 2009 Puente de los Santos como antecedente.
A situación en xaneiro 2012, arándanos e moras.
Paralización en Arnao.
Asamblea 2012 Puente de los Santos.
Asamblea 2013 Puente de los Santos.
A situación en decembro 2013.
Post-asociación: cara a un furado.
Unha pequena reportaxe fotográfica.
Queda fóra dese resume os inicios da Asociación con presidencia para o alcalde de Castropol e secretaría para o de Ribadeo, cada un co 25% dos votos da asociación, ou a xestión pola asociación do taller de emprego que botou embaixo as vidrieiras do cemiterio.


20140505

Europa

Luns despois do 1º de maio, á vista das europeas, co comezo de campaña, fútbol! O tratado transatlántico sobre libre comercio que pode afogar ás empresas europeas, que bota a soga ó pescozo dos estados e que ningunea á poboación, iso non debe ser Europa, nin ter que ver cos traballadores, nin por suposto, ter ningunha relación co fútbol; de feito, nin se fala del. Outras cousas menores, como que Urdangarín facture á Generalitat polo coidado dos seus propios fillos, que becarios se queden sen residencia nunha perda de becas encoberta, que se axudara a crear un monstro en Ucraína e agora non se saiba como paralo, que a atención de facenda teña orde de abreviar, etc, iso xa non paga a pena nin mentalo, por moito que podan saír nalgún titular...
O Lugo e o Deportivo empataron! Andá, se xogaban na mesma división!
Por certo, din por aí que as europeas non van rematar co bipartidismo. Coido que, de xeito independente ós resultados o día 25, a) os dous partidos maiores seguirán a beneficiarse dunha posición ventaxosa que teñen lexislado, e b) seguirán afondando na desconfianza que xeran non acadando entre ambos nin de lonxe a metade dos votos posibles, aínda despois da engranaxe electoral con todo tipo de ingredientes, de prensa a axudas interesadas. Apostamos?
Unha cousa máis. O Mércores, no debate sobre a idea de Europa na casa das Letras organizada pola Paco Lanza, con case trinta persoas presentes (teño entendido que coincidía con algo de fútbol), os representantes dos partidos grandes andaban ó seu, sendo os dos pequenos os que destilaban algo máis a idea que tiñan sobre Europa. Os outros parece que se quedaran no 'rapto de Europa' (literalmente) para os seus intereses.
Está a saír o Sol nun día que ameaza con ser espléndido climatolóxicamente... e ó final non falei do 1º de maio. Alguén falou?

20140502

Asinada por tódolos grupos políticos do concello e o portavoz das asociacións veciñais: Ribadeo segue unido para conseguir a residencia

Corto e pego a nota de prensa do concello:


ESTÁ ASINADA POR TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS NO CONCELLO

Nova carta a Beatriz Mato

02/05/2014
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo acaba de enviarlle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar na que lle lembra que o Concello agarda desde decembro para formalizar a partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta para esa importante e necesaria infraestrutura. E pídelle que decida dunha vez por todas, "se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden". A comisión considera que hai unha clara falla de vontade política en apoiar un proxecto ao que a Deputación de Lugo destinou 1.823.000 euros.
Na carta enviada a Beatriz Mato a comisión lémbralle que "levamos desde o 20 de decembro, data en que presentamos a última documentación, á espera de que nos comunicaran o procedemento a seguir para garantir ou formalizar o finanzamento comprometido por parte da Xunta. Vímonos en consecuencia na obriga de prever nos orzamentos do Concello a achega que vostede nos prometeu con cargo a fondos propios, debido a que tiñamos que licitar a obra para poder investir, e non perder as partidas anuais consignadas pola Deputación e que, necesariamente, xa temos que empezar a xustificar nesta anualidade 2014".
Sobre o informe que hai uns días chegaba ao Concello de Ribadeo desde dúas Subdireccións Xerais da Consellería de Traballo e Benestar na carta sinalan que se trata "dun contra informe con argumentacións vagas e con pouco coñecemento do proxecto de Ribadeo; e a maior abondamento, un contra informe que ademais fai outra cousa, señora Conselleira, que non podemos permitir: atrévese a poñer en dúbida a legalidade dos procesos de contratación que o Concello de Ribadeo poida facer coa residencia unha vez construída. Procesos que, como é lóxico, nin sequera comezaron. Poucas veces se puido ver tal grao de desconfianza e falla de respecto institucional entre Administracións".
Na carta asinada polo alcalde, a concelleira de Servizos Sociais, os portavoces municipais do PP, do PSOE e de UPRI e o portavoz das asociacións veciñais din ser coñecedores de que "a outros Concellos desde a Consellería se lles finanzan na súa totalidade ou se lles cofinanzan proxectos similares, sen que exista nin a colaboración, nin a unanimidade do acordo, nin o impulso e mesmo a grave necesidade que ten o de Ribadeo. Non lle estamos a solicitar nada extraordinario. Só que colabore connosco, e que cumpra coa súa promesa".
E subliñan que "de non facelo así, poderán vostedes intentar esconder a súa falta de vontade política para apoiar este proxecto con todos os informes técnicos que consideren, que iso non nos vai facer minguar a nosa responsabilidade de executar en Ribadeo o que lle prometemos a todos os veciños e veciñas. Isto non consiste en abrir unha dialéctica técnica na que non imos entrar. O Concello de Ribadeo ten que cumprir coas súas obrigas e responsabilidades acordes á lei e así o fará, como sempre, e incluso neste caso dará resposta, unha por unha, desde ese punto de vista técnico, a todas as dúbidas que manifestan sobre a viabilidade do proxecto… E vostede, á vista do anterior, deberá decidir dunha vez por todas, se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden".
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo prégalle a Beatriz Mato que "se contamos coa súa vontade política, e esperamos e desexamos que siga sendo así, nos indique o procedemento a seguir para a sinatura do convenio ou a fórmula que decidan para formalizar a achega prometida dos 500.000 euros anteditos, co obxectivo da construción da residencia de maiores o antes posible, e poña data e hora para dita formalización".

De leste a oeste. Xardíns colgantes en Ribadeo

Levo xa varios anos ofrecendo fotos dos xardíns colgantes de Ribadeo, máis ou menos en primavera. Desta volta, elixín un eixo leste-oeste, dende a Rodriguez Murias ata o xardín. Hai fotos que non se ven ben (todas tomadas co móbil), pero se neste eixo, a 'gran Vía' ribadense, os tellados están así (e só mirando da rúa cara ó sur!), coido que Ribadeo ten un potencial grande de xardíns coltantes (e non tan colgantes, como os dous 'a pé de rúa' que van no medio)
A decoración dos tellados comeza a confundir ben achegados o centro
Este é exuberante
De todas formas, cores, tamaños...
Deixei fóra os dos balcóns, de macetas ben coidadas, pero non os do chan, algúns máis diminuídos...
aínda que non todos.
O xardín pódese ver dende as ventás
E nas casas abandoadas exténdense non só polas beiras
Hai algúns menos produtivos
... case invisibles
... e outros que non teñen discontinuidade co fondo
Aquí remata desta volta a viaxe, con plantas ben desenvoltas e con auga abondante.